Asociación Encrucillada
A Asociación Encrucillada nace en Pontevedra o 1 de maio de 1994 como asociación cultural sen ánimo de lucro, e coa finalidade de darlle cobertura á revista que co mesmo nome se viña publicando desde 1977. Dáse, logo, a circunstancia, de que a revista Encrucillada é anterior á asociación. Isto explícase porque nun principio, cando se creou a revista, saíu coa patente da editorial Sept que lle deu respaldo até que a publicación foi tomando unhas dimensións que superaron as posibilidades da editorial. A asociación conta cuns trinta socios/as.
Fins
Os fins da asociación son
- Fomentar a fe e a espiritualidade cristiás nun senso crítico e humanizador.
- Promover a lingua e a cultura galegas nunha perspectiva humanista.
- Impulsar o diálogo entre a fe e a cultura.
- Colaborar, cos seus propios medios, coas persoas que estean a desenvolver estas tarefas en países do terceiro mundo (Estatutos I,3).
Actividades
A asociación Encrucillada leva a cabo na actualidade as seguintes actividades
- Publicación da revista Encrucillada: cinco números no ano, cunha tiraxe de 1.400 exemplares. Distribúese, ademais de en Galicia, en diversos puntos da Península e nuns doce países máis.
- Un centro de Espiritualidade que organiza cursos anuais, cunha asistencia na actualidade dunhas 200 persoas.
- Publicacións de libros na colección Monografías. Actualmente estase a preparar a número sete.
- Organización anual do Foro Fe e Cultura en Galicia, do cal se levan celebrado vinte e tres edicións.
- Organización de conferencias ou presentación de libros en calquera lugar de Galicia.
No ano 2008 a asociación foi declarada de utilidade pública polos Ministerios de Cultura e Economía.