Rexístrese

Se vostede quere ser informado das actualizacións da páxina web de Encrucillada así como das actividades da Asociación Encrucillada envíenos os seus datos.

Política de privacidade

COMPONENT_MONOGRAPHS_IMAGES_IMAGE_ALT

OS SALMOS HOXE Versión oracional á luz do Evanxeo

Manuel Regal Ledo

OS SALMOS HOXE

Versión oracional á luz do Evanxeo

 

 

            Para ninguén é unha novidade a inmensa riqueza oracional que se nos ofrece no libro dos Salmos. Pero, ao mesmo tempo, ninguén ignora a dificultade enorme que moitos deles, na súa totalidade ou en parte, presentan para poder ser orados con relativa normalidade por un cristián/cristiá dos nosos tempos. Algúns salmos xa non se nos ofrecían nunca como pezas de oración, a outros recortábanselles aquelas partes que os facían distantes a nós, e mesmo nos que diariamente podemos atopar na nosa oración comunitaria ou individual encontrabamos pasaxes, versiños ou palabras soltas que, a moitas persoas polo menos, nos resultaban moi difíciles desde a sensibilidade cristiá que o Espírito foi inserindo nos nosos corazóns.

            Por iso nos puxemos á tarefa de ofrecer unha versión oracional dos salmos á luz do Evanxeo. En principio non se trata de recreacións dos salmos, como algunhas xa existentes, posto que a nosa versión ofrece o listado completo dos salmos tal como aparecen no Salterio da Biblia, co mesmo número de salmos, coa mesma orde, co mesmo número de versiños casa salmo, ... Pero, alí onde nos parecía que había algún elemento expresivo, oracional, que nos parecía que non cadraba cunha maneira de orar iluminada pola luz do Evanxeo, permitímonos facer adaptacións libres, aínda que no fondo, e mesmo dalgunha maneira no matiz verbal ou imaxinativo, cremos manter unha fidelidade substancial ao mesmo espírito do Salmo en cuestión.

            Os criterios xerais cos que nos movemos á hora de facer esta versión oracional á luz do Evanxeo foron os seguintes:

1.- Eliminar a idea de que Deus favorece e premia a xente boa, xusta, e, en cambio, se desentende da xente ruín, malvada, inxusta.

2.- Substituír a linguaxe que fale de Deus con maneira antropomórficas violentas.

3.- Eliminar da persoa orante todo tipo de expresión que se mova en formas de violencia.

4.- Intentar superar a mentalidade mítica que sitúa a Deus aló arriba, nos ceos, e a xente aquí abaixo na terra.

5.- Ser moi cautos coa teoloxía da elección de Israel como único espazo seguro da revelación e da presenza de Deus.

6.- Revisar a teoloxía da historia, segunda a cal os acontecementos desastrosos para o pobo son a consecuencia do seu propio pecado, co que se descarga en Deus e no propio pobo pecador a responsabilidade de moitos abusos históricos.

7.- Revisar tamén a oración de petición, propoñendo fórmulas de oración que poidan situarnos como criaturas carentes e necesitadas a fondo de Deus, sen incorrer en oracións que poidan perturbas datos básicos da nosa fe cristiá.

8.- Introducir unha linguaxe inclusiva, onde a muller, o feminino estea en pé de igualdade co masculino en todo.

            Non nos atrevemos a dicir que teñamos chegado ao fin en calquera destas propostas; máis ben cremos que abrimos camiños que se deben continuar con humildade e constancia.

            Consideramos que non xogamos para nada coa Palabra de Deus atrevéndonos a esta versión; ao contrario, pensamos que é a fidelidade ao nervio fondo da Palabra de Deus a que nos impulsou a esta adaptación, que, polo demais, cada un á súa maneira, todos temos feito, desde sempre que na tradición eclesial se rezaron os salmos. Simplemente o que todos, todas, dunha forma ou doutra iamos facendo, con noso criterio particular e comunitario de interpretación, aquí ofrécese en público, iso si, respondendo ao que o autor e os seus colaboradores consideraron que era bo e proveitoso facer para os tempos de hoxe.

            Porque a obra, aínda que figura firmada por Manuel Regal Ledo, en boa medida responde a un traballo colectivo. Partindo dunha primeira versión feita polo autor,  cinco persoas (Xoán Carlos Rodríguez Herranz, André García Vilariño, André Torres Queiruga, Rubén Aramburu Molet e o propio autor) en repetidos e sosegados encontros que duraron un ano revisamos con calma o traballo feito, achegando cadaquén, segundo a súa especialización, sabedoría bíblica e teolóxica, sentido pastoral, coñecemento lingüístico, sentido e dicción poética; así ata chegar a ese resultado final que o lector ou lectora ten nas mans.

            O libro vai acompañado dun prólogo de Andrés Torres Queiruga titulado “Sentido e necesidade dunha tradución cristiá dos salmos”; tamén dunha longa presentación de Manuel Regal Ledo na que se fala dos “Fitos fundamentais da espiritualidade dos Salmos”, de “O porqué dunha versión adaptada” --onde se comentan os criterios máis arriba apuntados--, dunhas reflexións sobre como “Rezar cos salmos hoxe”, e por último “Algunhas indicacións prácticas”.

            O libro non ten notas críticas, pero cada salmo vai acompañado dunha presentación suficientemente ampla na que se facilita a súa comprensión e a súa actualización. A introducción de cada salmo vai acompañada tamén dunha cita dunha pasaxe evanxélica coa que afondar, á luz da experiencia de Xesús, algún aspecto importante do salmo en cuestión.

            O libro vai acompañado dun “Ïndice temático”, para facilitar a utilización de salmos concretos para situacións vitais concretas, e dun “Ïndice de pasaxes evanxélicas citadas”, para poder acceder a cada salmo concreto desde unha pasaxe bíblica que dalgunha maneira estea vinculada co salmo.

            Estase preparando para moi pronto a edición en castelán por parte da editorial Desclée de Brouwer, de Bilbao.

 

Manuel Regal Ledo.

           

 

            Aínda que figura Manuel Regal Ledo como autor, a obra, en boa medida, responde a un traballo colectivo.

Solicitar monografía

Campos Obrigatorios:*

NOTA: Os datos recollidos nos nosos ficheiros informatizados, a partires dos facilitados por vostede, son confidenciais e só poderan ser utilizados para a tramitación da súa petición e para o envío de información en relación coa mesma. Conforme ao previsto na Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de Protección de datos de caráter persoal, vostede ten dereito a solicitar que lle sexan consultados, actualizados ou cancelados todos os datos facilitados.
Acepto as condicións da LOPD

REDACCIÓN E ADMINISTRACIÓN

R/ Angel Rodriguez Gonzalez Nº 20-0 Bj

15702 Santiago de Compostela

Teléfono 981 813 608

encrucillada@encrucillada.gal