A irmá que clama polo dano provocado

A irmá que clama polo dano provocado

A irmá que clama polo dano provocado

Clodomiro Ogando

Artigo publicado no Faro de Vigo 19 AGO 2025

No ano 2015 o papa Francisco publicaba a súa encíclica Laudato si, na que incorporaba á reflexión teolóxica a cuestión do coidado do medio ambiente. Comezaba o texto coa lembranza do cántico das criaturas de Francisco de Asise, “Loado sexas meu Señor”, que lle deu título ao documento pontificio.

 

Ao longo de todo o texto unha idea de fondo vaise manifestando como liña de forza a incorporar, e nunca esquecer, na reflexión teolóxica: compartimos unha Casa Común, legado do Deus Pai/Nai creador. E esta casa común déusenos, por unha banda, para que a conservemos, de xeito que serva para desenvolver a nosa vida e a dos demais seres vivos; e por outra banda, para que a vaimos facendo crecer e desenvolver, que non destruír, de xeito que este fermoso agasallo que Deus puxo nas nosas mans sirva para que a vida poida vivirse en plenitude.

 

Nestes días nos que a nosa Galicia arde sen xeito, consumindo miles de hectáreas, rememoro o texto de Francisco e sinto dor e tristura por non ter sabido cumprir ningunha das dúas condicións que o Deus creador nos impuxo como misión. Neste mundo no que nos cremos donos e señores, o poshumanismo tecnoantropolóxico, que enxalza a máquina e ignora á persoa, parece querer dicirnos que non nos queda outra que esquecernos do noso ser imaxe e semellanza de Deus, que tanto ten servido ao longo de miles de anos para respectar ás persoas e a todos os demais seres vivos que conformamos a terra. Agora, parece que xa non está nas nosas mans desenvolver, termar, gardar, acrecentar, respectar e contemplar ese fermoso legado de Deus que chamamos mundo.

 

Esquecer este gratificante e alentador mandato de Deus de sermos persoas coidadoras da casa común leva a que vaian caendo todas as esixencias morais en relación coa necesidade —non só coa importancia— de tomar en serio o proxecto de facer berces aloumiñadores da casa compartida. Un proxecto que, desde a invitación do libro da «Xénese», acolle Francisco de Asise para convertelo en rede de fraternidade onde a irmá auga colabora co irmán sol e a irmá neve para que todas e todos poidamos crecer e compartir o compromiso non de deconstruír, senón de amar e alimentarnos de xeito que esa fraternidade sexa real e ninguén quede excluído dela.
 

Cando as novas de cada día nos van informando de que vidas, fogares, animais, árbores… van sendo destruídos polo lume imposible de parar, non podemos nin poñernos de canto nin facer como se iso non fose con nós porque non está ás portas das nosas casas. E máis alá do “hoxe foron eles e mañá podemos ser nós”, temos que tomar en serio que o cambio climático é real, e insistir en querer negalo sitúanos en contra non só do proxecto de Deus, senón á marxe de toda evidencia científica que, un día si e outro tamén, nos insiste en que o noso xeito de vivir estanos levando á autodestrucción. Xa non nos vale o retrouso de que isto sempre foi así e que non temos memoria. Porque non sempre foi así e si temos memoria, denunciamos que a acción humana está a levar a cabo o seu propio suicidio, levando á morte todo canto se lle vai poñendo por diante.

 

As bágoas que nestes días asoman nos nosos ollos ao ver o País queimado teñen que movernos a non quedar en silencio e a erguer a voz para clamar ás institucións —a todas elas e sen distinción de cores político ideolóxicas nin arribismos partidistas— para que se impliquen e tomen en serio de verdade que a Casa común é de todas e todos, e nela temos dereito a vivir tamén todos e todas.

 

Pero non ha bastar con esixir ás institucións. Tamén nós temos a responsabilidade e o deber moral de previr, limpando e preparando terreos e montes, para que se o lume volve, poidamos paralo.

 

Por último: xa non podemos calar ante a acción irresponsables daquelas persoas que, ben por interese material e económico ou ben por sentirse atraídos pola imaxe das lapas, plantan o lume que acaba destruíndo vidas, proxectos, ilusión e historias de persoas e comunidades.

 

Para que das nosas bágoas xurdan esperanzas de que outro xeito de abordar esta cuestión é posible, remato coas palabras de Francisco no documento arriba citado: “O desafío urxente de protexer a casa común inclúe a preocupación de unir a toda a familia humana na busca dun desenvolvemento sostible e integral”. (LS 13)

LAUDATO SI´: ORACIÓNS FINAIS
Encíclica Laudato Si'

Accede á revista

Encrucilla 233

Xa es subscritor/a?