A Rosalía de Castro no seu 189 aniversario | por Xesús Portas Ferro

Rosalía de Castro no seu 189 aniversario

Por Xesús Portas Ferro

Volvamos, pois logo, a Rosalía. Individual e colectivamente. Para nos entendermos como persoas galegas.

Nacía o 23 de febreiro de 1837 a poeta que mellor expresou o ser e sentir do pobo galego. É un aserto amplamente compartido. Por desgraza, non tanto na masa xeral da poboación. Hai, porén, unha boa disposición a, tamén nesta, ser admitido. Sirva este aniversario para axudar a promovelo.

Rosalía foi moi consciente de na súa poesía estar a representar, máis ca a súa situación persoal, a do seu pobo. No prólogo a Follas Novas escribe:

 “Galicia era nos Cantares o obxeto, a alma enteira,  mentres  que no meu libro de hoxe, tan soio a ocasión,  anque sempre  o fondo do cuadro”.

E prosegue:

“Por eso iñoro o que haxa no meu libro dos propios pesares, ou dos alleos, anque ben podo telos todos por meus (…). Tanto é así, que neste meu libro preferín, ás composicións que puderan decirse personales, aquelas outras que, con máis ou menos acertos, espresan as tribulacións dos que (…) vin durante largo tempo sofrir ó meu arredore. E ¡sófrese tanto nesta querida terra gallega!” 

E un pouco máis embaixo:

“Vin e sentín as súas penas como si fosen miñas; mais o que me conmoveu sempre, e polo tanto non podía deixar de ter un eco na miña poesía, foron as innumerables coitas das nosas mulleres”.

E fai entón un resume da situación destas, remarcando sobre todo a súa soidade.

Nun vello poema de Arcadio López Casanova, “Palabras na tarde pra Rosalía” (1963), contémplase a escena de que, con Rosalía, chéganos

“a voz antiga / dos xograres”, soa despois “a voz do pobo / con forza” e asistimos ao milagre “impronunciable” de “escoitar / as radices vivas / da terra, a voz / da nosa Galicia.”

Sendo isto así, cómpre que nos acheguemos a Rosalía, léndomos principalmente a súa poesía. Vainos niso a posibilidade de nos entendermos como comunidade.

Cabe obxectar que ela escribiu no século XIX e poida que a Galicia reflectida nos seus poemas sexa moi diferente da do XXI. Concedamos que poden acharse diferenzas accidentais. Afirmemos, porén, con toda seguridade que a gran poesía permanece viva e veraz todo o tempo. Se non, por que seguirmos lendo os Homero, Platón, Virxilio, Shakespeare, Cervantes, Teresa de Jesús, Lorca, Cunqueiro etc.? Verbo da boa poesía e da gran literatura, a bondade e grandeza residen na súa virtude de enxergar fondamente dimensións universais da existencia humana.

Volvamos, pois logo, a Rosalía. Individual e colectivamente. Para nos entendermos como persoas galegas.

Accede á revista

Encrucilla 233

Xa es subscritor/a?