Asociación Encrucillada

A Asociación Encrucillada nace en Pontevedra o 1 de maio de 1994 como asociación cultural sen ánimo de lucro, e coa finalidade de darlle cobertura á revista que co mesmo nome se viña publicando desde 1977. Dáse, logo, a circunstancia, de que a revista Encrucillada é anterior á asociación. Isto explícase porque nun principio, cando se creou a revista, saíu coa patente da editorial Sept que lle deu respaldo até que a publicación foi tomando unhas dimensións que superaron as posibilidades da editorial. A asociación conta cuns trinta socios/as.

Fins

Os fins da asociación son:

Fomentar a fe e a espiritualidade cristiás nun senso crítico e humanizador.

Promover a lingua e a cultura galegas nunha perspectiva humanista.

Impulsar o diálogo entre a fe e a cultura.

Colaborar, cos seus propios medios, coas persoas que estean a desenvolver estas tarefas en países do terceiro mundo (Estatutos I,3).

Actividades

A asociación Encrucillada leva a cabo na actualidade as seguintes actividades:

Publicación da revista Encrucillada: catro números no ano, cunha tiraxe de 650 exemplares. Distribúese, ademais de en Galicia, en diversos puntos da Península e nuns doce países máis.

Un centro de Espiritualidade que organiza cursos anuais, cunha asistencia na actualidade dunhas 200 persoas.

Publicacións de libros na colección Monografías. Actualmente publicáronse 11 monografías

Organización anual do Foro Fe e Cultura en Galicia. Estes Foros lévanse celebrando desde o ano 1987.

Organización de conferencias ou presentación de libros en calquera lugar de Galicia.

No ano 2008 a asociación foi declarada de utilidade pública polos Ministerios de Cultura e Economía.