Festival Atlántica
Como dicía Castelao
75 VOCES PARA 75 TEXTOS
Na XIII edición do Festival Atlántica, temos nunha homenaxe moi especial: dar voz á obra de Castelao durante unha maratón de lectura o día 1 de xullo, no Panteón de Galegos Ilustres.
Durante oito horas (cunha pequena pausa técnica), 75 voces leron ou narraron 75 textos da obra de Castelao. A súa palabra, sempre lúcida, combativa e fondamente humana, seguirá viva nas túas mans e na túa voz.
Nesta edicion contamos coa participación da nosa conselleira e secretaria Marisa Vidal que leu un fragmento da novela de Castelao “Os dos Dous de siempre”
13. Rañolas e máis o afiador ourensán cólanse polos Pirineus
Mañán de vento nos arredores dunha vila navarra.
O trasno infla cirolas e camisas penduradas nun aramio; soergue a chaqueta dun home, para husmarlle a cueira do pantalón; follea as faldras dunha vella, coa malicia de descobrirlle o segredo pudoroso das pernas; guíndalle co sombreiro de palla a un señor e bótallo a rolos pola carreteira. Todo para que Rañolas se divirta.—¿De qué te rís, paisaniño? —dixo unha voz coñecida.
Era o afiador ourensán que camiñaba de par do burro de Rañolas, empurrando a roda de amolar.
—Ríome do vento.
—E logo, ¿seique estás ledo, eh?Os dous paisáns, a baduar, foron camiñando xuntos, e de alí a pouco xa ficaban trabados pola amistade. O afiador levaba idea de colarse na Francia e Rañolas sintéu cobiza de seguilo.
—Estóuche farto de afiar navallas e compoñer barreñóns.
—Pois eu teño fame de mundo.
Catro días andiveron a rondar a fronteira, atuada de carabineiros que non deixan pasar a ninguén sen documentos… O afiador tiña máis anos que Rañolas e inda era máis agudo; pero non había calote posíbel para os vixiáns da fronteira. E os dous amigos, ao cabo de moito matinar, decidiron seguir camiño en espera de mellor paso e ocasión.
Chegaron ao porto de Canfranc, e por alí atoparon unha boa rendixa para colarse. O afiador guindóu coa roda monte abaixo.
—¡Anda, condanada, que te leven os demos!Rañolas baixóuse do burro, doulle un bico de despedida no fociño, e díxolle:
—Agarda que eu pase, e dispóis pasas tí, si podes.Deseguida os dous rapaces, aproveitando a noite, fóronse metendo, metendo, e aínda despóis de pasar a fronteira non daban creto á ventura, nin alento aos seus folgos. Darrastro, coma dúas cobras, seguiron un bó treito de terra francesa, e cando se sintiron a salvo choutaron coma dous cabirtos, espanciron o peito, e diante do porvir que agardaba por eles detrás dos Pirineus ceibaron tal gargallada que enzoufóu a negrume infinida do ceo.
Xa estaban no estranxeiro. Agora somentes compría agardar polo burro, afeito a ventar o amo e a seguilo como un can. Antramentres, deitaron a sorte de cada ún: o afiador arelaba probar fertuna en París; Rañolas, eivado das pernas, acordóu mendicar en Lourdes, agardando tempos mellores.
Xurdéu o día coberto de néboa, e de súpeto velahí aparece o burro, canso, mollado e coxo. ¿Cómo pasaría aqueles cotos? Non se sabe, porque os burros non falan; pero debeunas pasar apuradiñas o probe animal. Rañolas, cheo de ternura, dáballe bicos aeito, e o afiador, ollando aqueles agarimos, sintéu saudades da roda de amolar.
Estes dous catadores de ilusións emprenderon camiño adiante e nunha axeitada encrucillada arredáronse sen door.
—¡Que a Virxe de Lourdes te sande!…
—¡Que o demo do inferno te faga millonario!…O burro de Rañolas, mancado e tristeiro, aínda siguéu co eivado ao lombo máis de catro légoas; pero no cumio dunha costa paróuse, a tremer, e deseguida caíu redondo, para non erguerse máis.
O compañeiro de Rañolas morréu cos ollos abertos i embazados.