Comunicado público da IOAC_HOAC de Galicia ante o ataque en Monforte
IOAC_HOAC de Galicia
Na madrugada do sábado 20 de setembro, o edificio residencial Francisco Suárez en Monforte de Lemos, Lugo, foi obxecto dun ataque incendiario cun artefacto de fabricación caseira que provocou danos materiais graves.
Este edificio, propiedade da entidade social Prodeme, foi sinalado pola Xunta de Galicia o pasado 13 de setembro como o primeiro centro específico para menores estranxeiros da nosa comunidade autónoma con 80 prazas.
A mecha do racismo prende con facilidade cando se normalizan mensaxes que deshumanizan e estigmatizan. Este ataque prodúcese nun contexto de crecente discurso de odio contra persoas migrantes, especialmente menores, alimentado por sectores políticos e mediáticos que criminalizan á infancia estranxeira e sementan medo entre a veciñanza.
Desde a Irmandade Obreira de Acción Católica de Galicia (IOAC) queremos manifestar que:
-Condenamos rotundamente e sen matices este acto violento e racista, que pon en risco a convivencia e a seguridade de menores xa de por si vulnerables.
-Mostramos a nosa solidariedade coa entidade Prodeme, coas persoas traballadoras e coas crianzas que previsiblemente ían ser acollidas neste espazo.
-Pedimos que ás administracións públicas actúen con firmeza, garantan a protección real e efectiva dos menores e eviten crear guetos que, lonxe de integrar, illan e estigmatizan.
Defendemos un sistema de protección público que estableza modelos de acollida diferentes que promovan a inclusión e a dignidade de todas as persoas.
-Chamamos á responsabilidade dos medios de comunicación, da veciñanza e das persoas representantes políticas no tratamento deste tema porque non todo vale. As loitas partidistas libradas a costa da infancia migrante só xeran máis indefensión e inxustiza. A infancia merece respecto, protección e oportunidades.
-Queremos lembrar que Galicia é terra de acollida. Somos un pobo emigrante, con memoria e dignidade, e non podemos permitir que o racismo se instale nin nos nosos barrios nin nas nosas institucións.
A Convención sobre os Dereitos do Neno (1989), ratificada polo Estado español, recoñece que todas as crianzas teñen dereito á protección especial, ao benestar e ao desenvolvemento integral, independentemente da súa orixe ou situación administrativa. O ataque en Monforte vulnera directamente estes principios fundamentais.
A Doutrina Social da Igrexa recórdanos que: O desenvolvemento non se reduce a un simple crecemento económico. Para ser auténtico, debe ser integral, é dicir, promover a todos os seres humanos e a todo o ser humano» (Populorum Progressio, 14). Por iso, reafirmamos que cada persoa é imaxe de Deus e posúe unha dignidade inviolable que merece respecto e protección. Desexamos unha convivencia baseada no respecto, na solidariedade e na xustiza social!
22 de Setembro de 2025
IOAC Galicia,
