Comunidades relixiosas no mundo rural galego
Encrucillada 149 (2006)
O aggiornamento promovido polo Concilio Vaticano II tivo unha forte incidencia na vida relixiosa. Moitas congregacións, sobre todo femininas, seguindo este impulso, iniciaron cambios importantes no seu modo de vivir e de estar no mundo, facéndose especialmente sensibles aos sectores marxinados da nosa sociedade. Isto supuxo, en moitos casos, un cambio de lugar social e un novo estilo de vida comunitaria: grupos pequenos, insertos na realidade, vivindo en proximidade coa xente sinxela, na reciprocidade do dar e recibir.
Aquí en Galicia, no principio dos anos setenta, seguindo este impulso conciliar e, en menor medida a influencia do noso Concilio Pastoral, por camiños diferentes, algunhas comunidades deixamos a “casa grande” para vivirmos en pequenos grupos nos barrios periféricos das cidades. Máis tarde, fomos descubrindo a realidade rural: a chamada dun mundo empobrecido, esquecido polos distintos estamentos da sociedade, con carencias educativas sen cubrir e necesitado dunha nova presenza de igrexa e de vida relixiosa.