O Evanxeo de cada día con ollos de aldea

Manuel Regal Ledo

20 de xullo: Domingo 16º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Xén 18, 1-10a. Salmo: 14, 2-3ab. 3cd-4ab. 5

2ª lecrura: Col 1, 24-28

Evanxeo: Lc  19 , 38 – 42

Unha vez, indo de camiño, entrou Xesús en certa aldea e unha muller chamada Marta acolleuno na súa casa. Esta tiña unha irmá chamada María que, sentada aos pés do Señor, escoitaba as súas palabras. Marta, en troques, estaba moi apurada co labor da casa, e, achegándose a el, díxolle:

–Señor, ¿non che importa que a miña irmá me deixe a min o traballo? Dille que me bote unha man.Pero o Señor respondeulle:

            –Marta, Marta, preocúpaste e desacóugaste con tantas cousas, pero soamente unha é a necesaria. María escolleu a mellor parte e esa nunca se lle vai quitar.

Meditación

Chama unha vez máis a atención o lugar, o momento concreto no que suceden as

cousas, nas que Xesús intervén. Xesús non era un sacerdote da súa relixión, era un

laico, e, coma bo laico, os espazos tidos por sagrados non eran para el os máis apropiados para desenvolver a súa actividade de anunciador dunha Boa Nova por parte de Deus. Os espazos para el máis idóneos eran os da vida normal, profana, o mundo, as aldeas, o pobo, a xente, os camiños, os encontros, os comedores, as cociñas…; todo lle valía, todo lle daba pé para ir espallando, popularizando a novidade de Deus; todo se ía facendo para el espazo sagrado. Parémonos agora a ver cal é en concreto a proposta nova de Xesús neste encontro ocasional con dúas mulleres, Marta e María, na casa destas.

A primeira lección é a da acollida. Para a sensibilidade xudía, acoller era moi importante. Abrir a tenda, a casa, poñer enriba da mesa algo que alivie a quen chega, conversar, compartir, escoitar…, costume que vén de vello, tal como queda recollido na primeira lectura da liturxia de hoxe. As sociedades rurais son as que mellor manteñen este costume; nas aldeas de Galicia practícase isto con frecuencia e con emoción. No fondo está a importancia da acollida, da apertura a quen vén, do compartir, do gratificar e deixarse gratificar pola persoa que se achega á nosa casa, á nosa vida. E agradecer esas novas presenzas.

Acoller ten, pode ter, hoxe dimensións ben importantes: acoller a quen vén de fóra, e se distingue de nós na cor da pel, nas ideas, na relixión, nos costumes; acoller a quen ten ideas políticas diferentes das nosas, a quen na mesma Igrexa entende as cousas de modo moi diferente, ata o punto de case escandalizarnos; acoller a quen non cre, a quen entende a vida, a moral, o uso do tempo ou do diñeiro de maneira distinta de nós. Acoller, respectar, dialogar, transmitir vivamente tamén o que nós pensamos, sentimos e vivimos; escoitar con escoita vulnerable, é dicir, expoñendo a nosa forma de vida ao que de novo nos pode vir da persoa que temos diante. Canto necesitamos no momento presente da acollida! Canto nos perdemos pechando as portas, o corazón, as ideas, os sentimentos, ao distinto do noso! Como vivimos isto nas nosas comunidades cristiás?

O texto céntrase bastante en comentar dúas maneiras distintas de acoller a quen chega. Hai unha acollida máis activa, de preparar e dispoñer cousas, alimentos, bebidas, que seguramente son moi necesarias. E canto agradecemos eses detalles que nos ofrecen as persoas que nos acollen! Marta era unha muller moi disposta para iso, como tantas das nosas mulleres, que teñen unhas mans benditas para agasallarnos co mellor da casa. Pero Marta non acougaba, andaba nerviosa, axitada, non tiña tempo nin para falar, nin para escoitar. María, en cambio, “sentada aos pés do Señor, escoitaba as súas palabras”, como tantas tamén das nosas mulleres, que, ás veces mesmo desde a submisión indebida, aprenderon a calar á forza, a escoitar, a madurar dentro, a medrar en conciencia, en expectativas, en soños.

Xesús, que gustaba de comer e beber, valoraba sen dúbida os agasallos de Marta, pero, ao tempo, proponlle a escoita de María; así, entre doces e silencios, constrúese o espazo onde se realiza de verdade o encontro entre as persoas. Entre bocado e bocado, pódese falar, pódese escoitar, pódese meter no fondo da persoa o alimento do corpo e o alimento da alma, que nos permita vivir, renovarnos, pacificarnos, alentarnos, medrar coma persoas, soñar…

O Evanxeo, sen dúbida, sitúanos ante a urxencia de escoitar a Xesús, no que foi a súa vida e a súa ensinanza, no que domingo a domingo imos lendo del nos evanxeos. Escoitar a Xesús é o remedio da Igrexa, das comunidades cristiás, de todos e cada un dos seus seguidores e seguidoras. Escoitalo a fondo, coma María, que “sentada aos pés do Señor, escoitaba as súas palabras”. Escoitar sen prexuízos, sen fundamentalismos, sen ideoloxías por diante, cunha escoita vulnerable, sabendo que moitos dos nosos modos de ser, de pensar e de actuar serán seguramente sacudidos para a vida pola palabra viva de Xesús.

Estamos en tempos de vacacións. Viaxemos pouco ou moito, seguro que son tempos de encontros, de visitas, de conversas, de diálogos. Poderemos poñer moi en práctica esta ensinanza de Xesús, que responde a algo fondamente humano. Poderemos tamén poñernos á escoita de Xesús, de forma tranquila, aberta, dispoñible. Non fan falla cartos para facelo, nin viaxes, nin grandes medios. Simplemente a vontade de querer e deixar que a vida sexa alentada por alguén que, se en algo se caracterizou, foi en acoller as persoas, escoitalas a fondo, e transmitirlles unha enerxía nova, capaz de abrir as súas vidas a algo nunca antes pensado. Pero, iso si, se non acollemos, escoitamos, á xente, non estaremos capacitados/as para acoller e escoitar a Xesús, a Deus.

Preces

UNHA MULLER CHAMADA MARTA ACOLLEUNO NA SÚA CASA

  • Para que teñamos un corpo e un espírito acolledor con todas as persoas que se crucen na nosa vida, especialmente coas máis precisadas de acollida. Fagamos oración.
  • Para que nos esforcemos por compartir a fondo, falando e escoitando, abrindo o noso corazón, as nosas vidas, e aceptando a quen se confía con nosoutros/as. Fagamos oración.
  • Para que as comunidades cristiás, as parroquias todas, nos fagamos casas de acollida, fogares de vida e de convivencia para quen o precise. Fagamos oración.
  • Para que as nosas casas se abran a quen ande canso/a e necesitado/a nos camiños da vida, e gocemos compartindo con quen non ten. Fagamos oración.
  • Para que acollamos a voz de quen non ten voz, o clamor das persoas e familias que nestes tempos, en Galicia e fóra de Galicia, en calquera parte do mundo, máis sofren a avaricia dos mercados, dos poderosos. Fagamos oración.
  • Para que a acollida, o silencio, sexa en nós o espazo necesario para dispoñernos a actuar, a unirnos a outros/as na defensa de quen padece. Fagamos oración.

 

Plegaria

Escoller a mellor parte,

que é, Xesús, escoller a mellor parte,

esa que nunca nos será quitada?

 

Vale máis xantar pobre en harmonía

ca mesa fina en desconfianzas.

 

Vale máis achegarse ao corazón da xente

que asombrarse das lindezas dos seus bens.

 

Vale máis abrir con poucas palabras a propia vida

que esbardallar e esbardallar sen xeito nin medida.

 

Vale máis o silencio humilde e acolledor

ca todos os agasallos do mundo.

 

Vale máis unha aperta solidaria

ca centos de proclamas sobre a solidariedade.

 

Vale máis o bico dun neno, dunha nena,

ca todas as pomposas cerimonias sobre alfombra vermella.

 

Vale máis motivarse mutuamente polo que leva a humanizarse

que as discusións acaloradas sobre quen é xa máis humano/a.

 

Vale máis o silencio calmo dunha mañá labrega

ca todos os barullos nocturnos entre sexo, droga e borracheira.

 

Vale máis o perdón dado e recibido

que a incriminación e a violencia.

 

Vale máis a vida calada dunha velliña de aldea

que as biografías sonoras de tanto xerifalte.

 

Vale máis o corazón cálido, os sentimentos,

que a cabeza fría e calculadora.

 

Valen máis as bágoas dun orfo/a

ca todas as urxencias da xente acomodada.

 

Vale máis unha mazá traballada con mans respectuosas coa terra

que camións delas producidas con técnicas agresivas.

 

Vale máis o recendo natural dun atardecer labrego

ca todos os perfumes da Francia.

 

Vale máis un pouquiño de sexo entre coidados e afectos

que as máis grandes orxías a corazón  baleiro.

 

Vale máis a pobreza digna

que a riqueza insolidaria.

 

Vale máis andar á túa sombra, Xesús,

que camiñar ao abeiro de ricos e potentados.

 

Xesús,

que ao teu lado, pouco a pouco,

vaiamos aprendendo

a discernir e valorar,

a decidirnos e escoller

sempre o mellor,

o que máis nos fai homes e mulleres de moito ben,

o que máis nos fai seguidores e seguidoras túas.

Acción

Podemos reparar nos nosos encontros de hoxe, a ver se os realizamos ao estilo de Xesús, dando paso a escoitar e compartir cousas algo fondas da nosa vida. Aproveitaranos.

 

21 de xullo: Luns da 16ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Ex 14, 5-18. Salmo: Ex 15, 1-2. 3-4. 5-6

Ano 2: 1ª lectura: Miq 6, 1-4-6-8. Salmo: 49, 5-6. 8-9. 16bc-17. 21 e 23

Evanxeo: Mt  12, 38-42

Nunha ocasión algúns letrados e fariseos dixéronlle a Xesús:

–Mestre, queremos ver un sinal teu.

Respondeulles el:

–Unha xeración perversa e adúltera reclama un sinal! Pois non se lle dará máis sinal ca o de Xonás o profeta. Que así como estivo Xonás tres días e tres noites no ventre do peixe, así estará o Fillo do Home no seo da terra tres días e tres noites. Os habitantes de Nínive enfrontaranse no xuízo con esta xeración para condenala, porque se converteron cando escoitaron a predicación de Xonás; pero aquí está quen é máis ca Xonás. A raíña do Sur enfrontarase no xuízo con esta xeración e fará que a condenen; porque ela veu dende o cabo do mundo para escoitar a sabedoría de Salomón e aquí está quen é máis ca Salomón.

Meditación

Este anaquiño de Evanxeo remítenos á suposta historia, ou mellor parábola, do libro do profeta Xonás: mandado por Deus a predicar á cidade de Nínive para que se arrepentise das súas maldades, Xonás fai canto pode por non ir, porque consideraba que esa cidade, ao non pertencer ao pobo de Deus, non debía ser tratada con misericordia. Vai á forza, predica, Nínive convértese, e el enfurrúñase contra Deus, pola amplitude da súa misericordia.

A este relato fai referencia a contestación de Xesús, cando letrados e fariseos lle piden un sinal. O sinal que Xesús ofrece a todo o mundo sen distinción é o ofrecemento dun Deus achegado á xente, doído da fraxilidade humana, colaborador a tope para dignificar a vida de toda persoa. E este era o sinal que Xesús anunciou e defendeu coa súa vida, coa súa morte, coa súa resurrección. Nese ámbito estamos metidos todas e todos nós, sexa boa ou mala a disposición que teñamos para o ben na vida. Deus non renega de nós. Nunca. Non vaia ser que nós, por nos crer xente xusta e perfecta, reneguemos de entrar na onda misericordiosa e curadora de Deus!

Oración

Ti sempre coa man tendida,

meu Deus.

Ti sempre co corazón disposto,

coa ilusión a flor de pel,

para que nada se perda,

para que ninguén,

sexa quen sexa,

sexa como sexa,

estrague a súa vida,

deixe de ser a muller ou o home feliz

que ti soñaches.

Grazas.

Que saibamos vivirte así con sumo agradecemento

recoñecéndote capaz de acelerar en nós os cambios necesarios.

Que saibamos transmitirte tamén así

cun corazón espléndido coma o teu.

Acción

¿Dalgunha maneira somos persoas que excluímos a outras persoas dos bens da vida, do ben de Deus? ¿Dalgunha maneira sinalamos a algunha persoa, porque a consideramos mala, ruín, malvada, e arredámola da nosa vida, da nosa palabra, do noso afecto curador, como se nós fosemos xente perfecta? Pensémolo á luz da palabra de Xesús.

22 de xullo: Festa de Santa María Magdalena, apóstola dos apóstolos.

1ª lectura: Cant 3, 1-4b.

Salmo: 62, 2. 3-4. 5-6. 8-9.

Evanxeo: Xn  20, 1.11-18

O primeiro día da semana María a Magdalena foi ao sepulcro moi cedo, cando aínda era escuro, e viu que a pedra do sepulcro estaba quitada e quedou ao pé do sepulcro, fóra, chorando. Sen deixar de chorar, abaixouse a ollar no sepulcro. Viu dous anxos vestidos de branco, sentados, un á cabeceira e outro aos pés do sitio onde xacera o corpo de Xesús. Eles preguntáronlle:

–Muller, por que choras?

Ela respondeulles:

–Porque colleron o meu Señor e non sei onde o puxeron.

Dito isto, virouse cara atrás e viu a Xesús alí de pé, pero sen se decatar de que era Xesús. Xesús preguntoulle:

–Muller, por que choras? A quen buscas?

Ela, coidando que era o xardineiro, díxolle:

–Señor, se o levaches ti, dime onde o puxeches, que eu o collerei.

Xesús díxolle:

–María!

Ela, virándose, exclamou en hebreo:

–Rabbuni! (que quere dicir “Mestre”)

Xesús díxolle:

–Sóltame, que aínda non subín onda o Pai; máis ben, vai onda os meus irmáns e dilles: subo onda meu Pai e voso Pai, o meu Deus e o voso Deus.

María Magdalena foilles contar aos discípulos que vira o Señor e que lle dixera estas cousas.

Meditación

Se dicimos que María Magdalena é apóstola dos apóstolos non o dicimos porque si. Foi apóstola, anunciadora, mensaxeira, si, porque lles foi aos apóstolos derrotados coa narración dunha experiencia de encontro con Xesús resucitado. Pero, a máis diso, María Magdalena foi apóstola, anunciadora, mestra, polo mesmo proceso de vida que viviu en contacto con Xesús: unha vida rota de mil maneiras, polo que parece, que se engancha con Xesús, que o segue polos camiños de Galilea e cara a Xerusalén, que o acompaña na hora da paixón, que o chora morto e ausente, que o busca coa forza dun amor sen medida, que se reencontra con el nunha dimensión nova con evocacións vivas, que acepta a tarefa de contar a súa experiencia e de axudar a que outros, polo mesmo camiño, poidan experimentar a forza renovadora de Xesús, agora cunha vida nova en Deus.

E todo isto unha muller, que parte dunha vida desfeita e que, en Xesús, se reencontra a si mesma, para si, para a comunidade, para a Igrexa. Cantas mulleres houbo e hai así na Igrexa! Merecen o noso recoñecemento, que aínda non teñen como é debido, nin moito menos.

Oración

María, Magdalena,

irmá maior e mestra,

apréndeme os camiños do encontro vivo con Xesús.

Máis alá de teorías e doutrinas,

ensíname a agarrarme a el

amorosamente,

vitalmente.

Apréndeme a vincularme con el,

co seu estilo de vida,

cos seus fondísimos convencementos,

coa súa maneira de sentir e vivir a Deus,

coa súa maneira de sentir a vivir as persoas,

que, envoltas en fraxilidade,

se ían cruzando con el.

Ensíname a poñer as miñas nudeces,

coma ti, sen escusas,

á auga, á luz, ao clareo de Xesús.

Acción

Podemos reparar nas mulleres que nos acompañan na familia, na comunidade cristiá. Seguro que atopamos nelas motivos para o agradecemento. Dalgunha maneira podémoslles expresar o noso agradecemento.

23 de xullo: Festa de Santa Bríxida,  patroa de Europa.

1ª lectura: Gal 2, 19-20. Salmo: 33, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9. 10-11

Evanxeo: Xn 15,  1-8

Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:

–Eu son a verdadeira vide e meu Pai é o labrador. A rama de vide que en min non leva froito arríncaa, e a que leva froito límpaa, para que leve máis froito aínda. Vós xa estades limpos pola palabra que vos teño falado. Permanecede en min e eu en vós.

Así como a rama da vide non pode levar froito pola súa conta, se non permanece na cepa, así tampouco vós, se non permanecedes en min. Eu son a vide, vós as ramas. Quen permanece en min e eu nel, ese leva froito abondoso, pois fóra de min non podedes facer nada. A quen non permanece en min, tírano fóra, coma as varas da vide, e secan; apáñanas, bótanas no lume e arden. Se permanecedes en min e as miñas palabras permanecen en vós, pedide o que queirades e hásevos facer. Nisto é glorificado meu Pai, en que levedes froito abondoso e vos mostredes como discípulos meus.

Meditación

Santa Bríxida (1303-1373) naceu en Suecia, foi muller casada e tivo oito fillos. Quedou viúva e optou por dedicarse á oración, ao servizo á xente, a vivir intensamente a súa paixón por Xesús que tanto padecera por nós. Foi unha muller que tivo grandes revelacións espirituais, recollidas en libros; foi, polo tanto, unha muller mística, teóloga, escritora. Viviu isto nun constante peregrinar (Santiago de Compostela dúas veces, Roma, Xerusalén, entre outros sitios), e nunha constante  relación cos poderosos daqueles tempos, incluído o mesmo Papa, mediando sempre para conseguir paz e entendemento entre os pobos de Europa. Por todo isto no ano 1999 o Papa Xoán Paulo II nomeouna patroa de Europa xuntamente con Santa Catarina de Siena e Santa Tareixa Benedicta da Cruz.

Canto necesitamos persoas así nos nosos tempos, cando tantos parecen gozar encirrando persoas, comunidades e países! Xentes de paz, de sólida espiritualidade, que tezan respectos, vínculos, solidariedades no nome dun Deus apaixonado e dun Cristo sufrinte pola humanidade, como Bríxida, ou no nome do que cada quen sinta e queira!

Oración

Grazas por Bríxida, Deus noso;

Grazas pola súa condición de muller,

pola súa condición de esposa e nai.

Grazas pola súa vontade firme

de permanecer fondamente unida ao Cristo sufrinte,

para facerse así sensible ás dores do seu tempo.

Grazas polas súas mediacións, polas súas revelacións,

pola súa vontade firme de restaurar e pacificar,

respectando sempre a xente máis fráxil.

Grazas nela por todas as persoas

que queren facer de Europa e do mundo

un espazo fraterno,

a base de privilexiar as necesidades e dereitos da xente máis empobrecida.

Grazas por Bríxida, Deus noso,

que o se exemplo nos conforte e nos arrastre.

Acción

En Galicia, en España, tamén andamos enredados en conflitos, aínda que sexan conflitos menores. Por razóns relixiosas, por razóns políticas sobre todo (Cataluña, xente refuxiada, diferentes partidos políticos…). ¿Qué papel xogamos nós neses casos? ¿Mediamos para poñer cordura e respecto, ou encirramos buscando confrontacións estériles?

24 de xullo Xoves da 16ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Ex 19, 1-2. 9-11. 16-20b. Salmo: Dn 3, 52. 53. 54. 55. 56

Ano 2: 1ª lectura: Xer 2, 1-3. 7-8. 12-13. Salmo: 35, 6-7ab. 8-9. 10-11

Evanxeo: Mt 13,  10-17

Nunha ocasión achegáronse a Xesús os seus discípulos e dixéronlle:

–¿Por qué lles falas en parábolas?

El respondeulles:

–Porque a vós concedéusevos coñecer os misterios do reino dos Ceos, pero a eles non. Pois a quen ten daráselle ata sobrarlle, pero a quen non ten, aínda o que ten se lle quitará. Por iso fálolles eu en parábolas, porque mirando non ven e escoitando non oen nin entenden. Cúmprese así neles o que profetizara Isaías, cando dicía:

“Oír oiredes, per non entenderedes; ollar ollaredes, pero non veredes.

Porque o corazón deste pobo está insensibilizado; endureceron os seus oídos e pecharon os seus ollos, para non veren cos ollos nin oíren cos oídos, nin entenderen co seu corazón nin se converteren para que eu os cure.”

Ditosos, en troques, os vosos ollos, porque ven, e máis os vosos oídos, porque oen! Pois asegúrovos que moitos profetas e xustos desexaron ver o que vós vedes e non o viron, e oír o que vós oídes e non o oíron.

Meditación

No fondo deste relato está o intento de explicar por que había moita xente que lle daba as costas ao que Xesús lles propoñía. Aínda que o poida parecer, non se afirma aquí que Xesús fale coas fermosas imaxes das súas parábolas para conseguir adrede que a xente non capte o que di. Ao revés, fala coas imaxes sinxelas, cotiás, das parábolas para que á xente lle sexa máis doado albiscar por onde vai o proxecto de Deus, que Xesús comparte e vive. “A quen ten daráselle ata sobrarlle”, non se refire a ter e dar cartos ou bens materiais; ese ter ou non ter refírese á actitude positiva, aberta que as persoas podemos adoptar ante algo que se nos propón; quen abra as portas do corazón e da vida, poderá verse colmada co que a vida, a xente, Deus mesmo nos ofrece.       

O problema non está en que Xesús xogue coa xente, xogue connosco, senón en que a xente podemos xogar co que Xesús quere compartir. Podemos ver, oír, sen que o que vemos e oímos nos chegue ao corazón, nos mova, nos cambie, porque estamos como bloqueados; hai outras cousas, ansias, preocupacións que nos enchen a cabeza e o corazón, ofrecéndonos éxito e felicidade, e preferimos isto. Como persoa, como comunidade cristiá, ¿cales son as razóns polas que as palabras de Xesús esvaran pola nosa vida, sen entraren en nós, sen mobilizarnos?

Oración

Que poida oír e entender, Xesús,

que poida ollar e ver realmente,

cando ti me falas,

cando ti te me amosas

de calquera maneira na vida,

a través de calquera persoa ou situación.

Que sexa persoa de corazón sensible, libre,

de oído fino, de ollos abertos,

para poder ver, oír, entender, sentir,

para cambiar a gusto a miña vida,

para curala de toda indiferenza

e abrirme así contigo

a unha convivencia nova,

chea da dor e das ledicias da xente,

chea de Deus.

Eu só non podo;

éncheme co teu Espírito,

que ti nunca nos negas.

Grazas.

Acción

¿Podemos sinalar algún momento no que a través dalgunha persoa, dalgún suceso, dalgún momento de silencio e oración sentimos dentro de nós como unha voz maior chamándonos a algo, pero logo nos desentendemos diso? Podémolo retomar oír de verdade esa voz e deixarnos levar por ela.

25 de xullo: solemnidade do apóstolo Santiago, patrón de Galicia e de España. Día de Galicia.

1ª lectura: Feit 4, 33; 5, 12. 27-33; 12, 2. Salmo: 66, 2-3. 5. 7-8.

2ª lectura: 2 Cor 4, 7-15

Evanxeo: Mt  20, 20-28

Nunha ocasión achegouse a Xesús a nai dos fillos do Zebedeo cos seus fillos e prostrouse para lle pedir algo. El preguntoulle:

–Que queres?

Respondeulle:

–Manda que estes dous fillos meus senten un á túa dereita e outro á túa esquerda no teu Reino.

Respondeulle Xesús:

–Non sabedes o que pedides. ¿Podedes beber o cáliz que eu teño que beber?

Respondéronlle:

–Podemos.

Xesús replicou:

–O meu cáliz beberédelo, pero o sentar á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min concedelo, é para quen o meu Pai o teña reservado.

Ao escoitaren isto os outros dez, anoxáronse cos dous irmáns. Entón Xesús chamounos e díxolles:

–Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así: quen queira ser importante, que sexa o voso servidor, e quen queira ser o primeiro que sexa o voso escravo; porque o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entregar a súa vida en rescate por todos.

Meditación

Dúas maneiras de entender a vida, dentro e fóra da comunidade cristiá. Dúas maneiras de construír a propia persoa, a comunidade cristiá e tamén as relacións sociais, o tecido social, unha familia, un país, unha patria, o mundo enteiro. A aspiración dos fillos de Zebedeo, Santiago e Xoán, compartida ao que se ve polos demais discípulos, era ser mandando. Esa aspiración é compartida tamén por moitísima xente dos nosos tempos, entre a que posiblemente nos vexamos incluídos. É ben difícil superar esa tentación. Cólasenos no corpo e no espírito de mil maneiras.

Xesús, nesta ocasión coma en tantas outras, é alternativo. Soña, vive, comparte outra maneira de sermos, de realizármonos, de acadar satisfaccións e felicidades: no canto de mandar, servir; no canto de soñar con acadar os primeiros postos, soñar con estar na cola, oficiando de servidores/as, mesmo de escravos/as. É algo que bota para atrás de primeiras. O soño de Xesús é unha comunidade de xente afanada en servir, unha comunidade de servidores e servidoras, todos, todas, homes e mulleres por igual. O mundo non funciona así, e por iso vai como vai, por iso abunda en abusos e atropelos de todo tipo.

A Santiago, o noso patrón, custoulle, pero acabou aprendendo o oficio de servidor, ata a morte. Non vale telo por patrón no escaparate, sen deixar que o espírito do servizo ata as últimas nos colla a vida e nos empuxe a facer comunidade relixiosa e civil desde o servizo e non desde o poder. O soño de Xesús para Galicia: unha terra limpa de xente aproveitada, unha patria de xente servidora, na que medramos todos, cando todo o mundo se fai servidor, e cando todo o mundo se sente servido e atendido.

Oración

Óllote, Galicia,

cun corazón agradecido.

           

Gózote na túa xeografía marabillosa,

na túa rica e variada cultura,

na túa harmoniosa fala tan pouco valorada,

nos homes e mulleres

que te senten, te queren, falan de ti con orgullo,

e te constrúen cada día con esforzo.

           

Ámote, Galicia,

como unha matria nutriz,

capaz de darnos pan e sentimentos,

xeradora de enerxías e de acougos.

           

Sóñote, Galicia,

anaquiño de terra e de ceo,

aberta a todos os pobos,

a todas as razas e culturas,

xenerosa en darse e derramarse,

sen perderse no camiño,

sen desaparecer entre sombras e vaidades.

           

Penso e implícome no teu porvir

no nome do Deus da vida que te creou,

no nome do Xesús que se fixo servidor teu,

no nome do Espírito que te alenta,

no nome de todos os nosos devanceiros,

home e mulleres,

que amaron, gozaron, sufriron e construíron a nosa Terra

cara á xustiza, cara á paz,

cara ao encontro, cara á unión;

coa xente de fe relixiosa ou atea,

que queira tamén ollarte, gozarte, amarte, soñarte e servirte.

en cada persoa, aldea, vila e cidade

que che dan rostro e calor.

Acción

Podemos visitar algunha zona de Galicia que non coñezamos. Podemos participar nalgunha festa do patrón Santiago, buscando facernos persoa servidora. Podemos participa en encontros e manifestacións políticas segundo a nosa maneira particular de entender Galicia. Desde o respecto, desde a vontade de servizo real.

26 de xullo: Sábado da 16ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Ex 24, 3-8. Salmo: 49, 1-2. 5-6. 14-15

Ano 2: 1º lectura: Xer 7, 1-11. Salmo: 83, 3. 4. 5-6a e 8a. 11

Evanxeo: Mt 13,  24-30

Nunha ocasión Xesús contoulles outra parábola:

–Parécese o reino dos ceos a unha persoa que sementou boa semente na súa leira. Pero, mentres toda a xente durmía, un inimigo veu sementar xoio polo medio do trigo e marchou. Cando a planta medrou e empezou a espigar, apareceu o xoio tamén. Os criados do dono fóronlle dicir: “Señor, ¿ti non sementaras boa semente na túa leira? ¿De onde lle vén, logo, o xoio?” El contestoulles: “Isto é obra dun inimigo”. Os criados preguntáronlle: “¿Queres que o vaiamos arrincar?” El respondeulles: “Non, non sexa que, ao collerdes o xoio, arrinquedes tamén o trigo. Deixádeos medrar xuntos deica a sega, que no tempo da sega heilles dicir aos segadores: “Apañade primeiro o xoio, e atádeo en mollos para queimalo; e o trigo recollédeo na miña hucha”.

Meditación

Calquera persoa o sabe de sobra. Hai mal e ben. Hai quen sementa o ben e hai quen sementa o mal. Hai quen goza co ben, hai quen parece gozar co mal. Persoas e grupos sociais, institucións públicas e privadas. Hai mal e ben polo mundo adiante e haino dentro de nós tamén. O mal anda moitas veces camuflado co ben, nas nosas mesmas intencións, nos nosos feitos. Cómpre ser humildes, cómpre estar alerta. Cómpre saber descubrir o mal que se agocha e se manifesta ao noso redor, pero tamén en nós mesmas. Sinalalo, non disimulalo. Entendelo como parte da nosa condición fráxil. Intentalo superar segundo os casos con paciencia, con resistencia, con intelixencia, con organización, con agarimo polas persoas que o producimos. E Deus dirá. A última palabra tena el, que aposta con forza pola bondade en todo, que coñece o íntimo das persoas, que garante un porvir novo, restituído, pleno de ben. Un soño no que nos invita participar. Con humildade, con ousadía. Ao estilo de Xesús.

Oración

Que non peche os ollos, meu Deus,

que non peche os ollos nin tampouco o corazón

ante o mal que medra en min

e que medra ao meu redor, no meu pobo.

Mal que sempre se converte

en vidas desnortadas, airadas,

en vidas abusadas, empobrecidas,

en vidas diminuídas, deshumanizadas.

Que non me envolva o qué máis dá, a indiferenza,

que non me queime a impaciencia,

que atine coa palabra axeitada,

coa colaboración precisa,

co tempero necesario,

para ser un bo instrumento teu

ao servizo do ben

na miña propia vida persoal e familiar,

en todo canto faga ou axude a facer.

Necesito de ti, meu Deus,

para ser un fiel colaborador de todo o teu ben.

Acción

Seguro que, abrindo os ollos, vemos o mal en nós, ao noso redor. Mal que pode ter diferentes autores, diferentes consecuencias. ¿Cal é a nosa reacción ante ese mal? ¿Murmurar, queixarnos, angustiarnos, desesperarnos? ¿Poderiamos facer algo distinto para acompañar a quen o sofre, e cambiar a quen o produce?

Accede á revista

Encrucilla 233

Xa es subscritor/a?