
Francisco: reformador eclesial e faro internacional
Por Pedro Castelao

O 19 de agosto de 2013, poucos meses despois do inicio do seu pontificado, Francisco deu unha entrevista ao xesuíta Antonio Spadaro.
Cando o xornalista lle preguntou sobre a súa experiencia anterior de goberno, tendo sido superior provincial da Compañía de Xesús aos seus 36 anos, o Papa díxolle que non o fixera ben, que fora autoritario.
Cantos gobernantes coñecemos que comecen por recoñecer os erros que cometeron no pasado e o malos que foron nas tarefas de goberno que desempeñaron?
Francisco aprendeu a lección e o seu modo xeral de gobernar a Igrexa tense caracterizado máis pola abertura de procesos lentos de reforma ca pola imposición de mudanzas súbitas. É o que Xoán XXIII fixo cando convocou o Concilio Vaticano II (1963-1965), o mesmo que Paulo VI, que asumiu o leme da Igrexa nunha altura en que a onda conciliar estaba no seu auxe. Os pontificados de Xoán Paulo II e de Bieito XVI ocupáronse de cabalgar coidadosamente o seu descenso, tentando mesmo refreala, coma se fose un carro con cavalos desgobernados.
Francisco optou por nadar novamente para o mar, dicíndonos que a Igrexa non é un barco que debe buscar a tranquilidade da costa ou a seguranza do porto, senón os perigos e incomodidades do alto mar.
Porén, antes de embarcar nunha longa viaxe, é preciso prepararse. E nisto consistiu o pontificado de Francisco.
A Igrexa ten de se liberar do seu lastro, deixar de parecer unha grande dama e vestir roupas de traballo. Ten de saír do centro da cidade e ir para as periferias, para os barrios marxinais, para o encontro cos pobres. A curia romana debe axudar o Papa nas tarefas de goberno e non tentar substituílo. Por iso Francisco comezou a reformala, a facela áxil, a reducila. E por iso loita contra o clericalismo.
O clericalismo é esa doenza da Igrexa que colorea todo con sotanas e colariños. O bautismo non é nada. O pedigree é concedido pola ordenación. E esta é concibida como a escala de comando dun exército adornada con certas honras corteses. Un diácono é pouco. Ser presbítero é algo máis. Alcanzar un bispado é moi meritorio, mais o que realmente importaría sería chegar, se non a papa, sequera a cardeal. Francisco denunciou, con forza profética, esta adulteración carreirista do servizo eclesial. É un escándalo. É unha verdadeira “mundanidade” espiritual do mandato evanxélico que exixe un corazón limpo e unha verdadeira humildade.
Francisco é un home de Deus e, coma a Deus, prácelle o imposíbel. Por iso quere que o poder na Igrexa sexa exercido co difícil equilibrio dunha pirámide invertida. É o pobo de Deus o que debe estar no cumio e a xerarquía a que debe estar na base. Porque a Igrexa ten de traballar coma nun hospital de campaña: sen portas, sen burocracia, sen horarios, atendendo emerxencias, curando feridas, salvando vidas. No seu centro está a persoa do curandeiro de Nazaré e a súa vida de entrega na predicación dun mundo novo rexido polo amor e polo perdón de Deus.
Francisco, coma o fillo de María, preocúpase dos inmigrantes, dos que atravesan os desertos e afogan no mar, das mulleres vendidas polas mafias da prostitución, dos meniños orfos deixados por todas as guerras, dos prisioneiros esquecidos nas cadeas. Non recea de confrontar os políticos que constrúen muros, expulsan os pobres, invisten en armas e rinse dos océanos contaminados, do quecemento global e da degradación do aire. Francisco argumenta que a humanidade non está a camiñar na boa dirección se o noso benestar actual for feito á custa do futuro das próximas xeracións.
E cre tamén que non está ben que os homosexuais, os mozos e as mulleres non perciban a Igrexa como un espazo particularmente aberto e permeábel aos seus problemas, ás súas preocupacións e aos seus propios problemas. A Igrexa non está para xulgar ninguén, senón para acoller toda a xente e mostrar abertamente o amor e a misericordia de Deus. Nisto estivo Francisco e por isto ten sido criticado coma ningún outro papa na historia da Igrexa. Porén, que sería do concerto das nacións sen a súa voz valente, clara e serena, denunciando as inxustizas sociais e laborais, apelando á paz e ao desarmamento, ao coidado do planeta e á fraternidade entre culturas, países e relixións?
Por todo isto, Francisco debe ser visto como un reformador eclesial e un faro internacional. Nun mundo cada vez mais polarizado e miope, precisamos de luces longas que nos recorden as cousas esenciais da vida. Da vida temporal e da vida eterna. O norte que nunca debemos perder. Francisco fixo todo o que puido. Nas mans do seu sucesor está o futuro da Igrexa.
Pedro Castelao
castelao@comillas.edu
X: @PedroCastelao3
Facultade de Teoloxía
Universidade Pontificia Comillas