Gustavo Gutiérrez na memoria
Un discípulo senlleiro de Xesús de Nazaret
Hoxe, coa nova do seu pasamento, queremos lembrar na nosa web a Gustavo Gutiérrez. A súa persoa e o seu pensamento foron, e seguirán sendo, inspiración para quen soña con transformar o mundo á luz da Boa Nova de Xesús de Nazaret.
O seu libro “Teología de la Liberación. Perspectivas” publicado no ano 1971, marcou un antes e un despois no modo de reflexionar a fe nos novos camiños que inspiraba o Concilio Vaticano II. A vida dos e as máis empobrecidos, a súa dor, as inxustizas padecidas estiveron sempre no centro de toda a súa obra buscando soster a súa esperanza, as súas loitas e a súa fe.
Gustavo Gutiérrez ensinounos que “A teoloxía debe ser crítica e liberadora, situada no contexto histórico dos pobres e oprimidos. A súa función non é só interpretar o mundo, senón transformalo á luz do Evanxeo” (Teología de la Liberación. Perspectivas). Foi sacerdote e dominico, entendendo que “A espiritualidade é o seguimento de Xesús, non desde unha perspectiva teórica, senón práctica, desde a vivencia cotiá” (Beber en su propio pozo).
Soubo, desde a súa propia experiencia, que “falar de Deus no medio da dor non é unha tarefa fácil; é necesario facelo desde a solidariedade con quen sofre, recoñecendo que as súas preguntas son tamén as nosas preguntas” (Hablar de Dios desde el sufrimento del inocente).
Gustavo Gutiérrez foi un profeta que nos convidou a escoitar a Deus na vida, a sentilo apoiando os anhelos de liberación de quen son obrigados a habitar as marxes da historia, a ser portavoces do seu amor e bondade.
Hoxe queremos facer memoria agradecida da súa persoa, sen esquecer que segue nas nosas mans a tarefa da liberación. Un horizonte nado da fe e a esperanza como el ensinounos.
“Cando a escuridade é maior, un fósforo aceso, unha faísca, un vagalume ten un alcance inusitado e levanta a nosa esperanza. Por instantes permíte que nos vexamos as caras, saber que estamos aí, percibir rostros menos deprimidos e medorentos dos que as tebras nos podían facer penssar, sentir miradas que convidan ao dialogo e á colaboración. Iso anímanos a acender outras luces e crebar a incomunicación (…) Son pequenas pero contaxiosas luces que aluman coa súa entrega e xenerosidade unha espesa noite. A luz non esta ao final do túnel, áchase no mesmo túnel, nas persoas que transitan por el. A elas tócalles iluminalo; mais aínda, facer caer os seus muros e o seu teito, para que deixe de ser un entalado e obrigado camiño e se converta nunha ancha, franca e luminosa avenida que nos conduza a equidade e á xustica” (Gustavo Gutiérrez, La densidad del presente, Lima, 2003, 428-429).