
León XIV: Unha paz desarmada e desarmante
O discurso completo de León XIV fronte á praza de San Pedro
A paz sexa con todos vós.
Queridos irmáns e irmás, este é o primeiro saúdo de Cristo resucitado, o Bo Pastor que deu a vida polo rabaño de Deus.
Tamén eu quixese que este saúdo de paz chegue ata os vosos corazóns, que alcance as vosas familias, todas as persoas, onde sexa que se atopen, todos os pobos, toda a terra.
A paz estea convosco.
Esta é a paz de Cristo resucitado, unha paz desarmada, desarmante e tamén perseverante, que provén de Deus, que nos ama a todos incondicionalmente. Aínda conservamos nos nosos oídos esa voz débil, pero sempre valente, do Papa Francisco que bendicía a Roma.
O Papa que bendicía a Roma daba a súa bendición ao mundo, ao mundo enteiro, aquela mañá do día de Pascua! Permitídeme dar continuidade a esa mesma bendición: Deus quérenos, Deus ámavos a todos, e o mal non prevalecerá! Estamos todos nas mans de Deus!
Por tanto, sen medo, unidos da man con Deus e entre nós, sigamos adiante. Somos discípulos de Cristo. Cristo vai diante de nós. O mundo necesita da súa luz; a humanidade necesita del como a ponte para ser alcanzada polo amor de Deus. Axudádenos tamén vós, daquela os uns aos outros, a construír pontes, co diálogo, co encontro, uníndonos todos para ser un só pobo sempre en paz.
Grazas ao Papa Francisco!
Quixese dar as grazas a todos os irmáns cardeais que me elixiron para ser o sucesor de Pedro e camiñar xunto a vós como Igrexa unida, buscando sempre a paz, a xustiza, traballando como homes e mulleres fieis a Xesús Cristo, sen medo, para proclamar o Evanxeo e ser misioneiros. Son un fillo de Santo Agostiño, augustiño, que dixo: “Convosco son cristián e para vós, bispo”. Neste sentido, podemos todos camiñar xuntos para esa patria que Deus nos preparou.
Á Igrexa de Roma, un saúdo especial.
Temos que buscar xuntos como ser unha Igrexa misioneira, unha Igrexa que constrúe pontes de diálogo, sempre disposta e aberta a recibir, coma esta praza, cos brazos abertos a todos. A todos os que teñen necesidade da nosa caridade, da nosa presenza, de diálogo e amor. E se mo permitides, tamén unha palabra, un saúdo, de modo particular para todos aqueles da miña querida diocese de Chiclayo, no Perú, onde un pobo fiel acompañou o seu bispo, compartiu a súa fe e deu tanto, tanto, para seguir sendo Igrexa fiel de Xesús Cristo.
A todos vós, irmáns e irmás, de Roma, de Italia e de todo o mundo. Queremos unha Igrexa sinodal, que camiñe, que busque sempre a paz, que busque sempre a caridade, estar preto de quen sofre.
Hoxe, no día da Virxe de Pompeia, a nosa Nai María quere camiñar sempre connosco, estar preto de nós, axudarnos coa súa intercesión e o seu amor. Agora quixese rezar xunto a vós por esta nova misión, por toda a Igrexa, pola paz do mundo. Pidamos esta graza especial de María, a nosa Nai.