Manifesto a prol do galego

No día de hoxe, Festa de San Martiño de Tours, a Asociación Encrucillada fai pública a súa reflexión O pobo fai a fala, a fala fai o pobo, nacida a partir dos datos publicados hai hoxe un mes polo Instituto Galego de Estatística sobre o uso do galego. Coma Asociación preocupada pola situación da nosa lingua, queremos facer chegar a toda a sociedade e a Igrexa galega a nosa reflexión, coa esperanza de espertar e poñer en valor ao tódolos galegos e galegas que levamos a lingua galega no corpo e na alma coa vontade de convertela en algo gozoso, diario e normal, así coma o pan de cada día. O galego é a nosa fala propia e nela queremos seguir nacendo, vivindo e morrendo.

Achegamos este documento co convencemento de que vai ser lido, considerado, espallado na Igrexa e na sociedade galegas. É o noso grao de area ao lado doutras moitas iniciativas que a prol da lingua se dan e se teñen que seguir dando. Grazas polo apoio e difusión”

Conversa na paia. Lois Soane. 1976

O pobo fai a fala, a fala fai o pobo

Manifesto a prol do galego en horas de esperanza debilitada

O día 11 do pasado mes de outubro o Instituto Galego de Estatística facía públicos os resultados  da enquisa estrutural a fogares, levada a cabo durante o ano 2023, sobre o coñecemento e uso do galego por parte da cidadanía de Galicia. Esta enquisa lévase a cabo cada cinco anos;  a presente responde aos anos 2018-2023.

Os resultados foron absolutamente negativos.  Non se lle pode quitar ferro aos datos agarrándose ao suposto de que sete de cada dez galegos  se manifestasen capaces de comunicarse na nosa lingua (outra cousa é que o fagan ou non, claro), e relativizando os resultados por aquilo de que entre os anos 2018-2023 se asentasen en Galicia 115.000 inmigrantes. E tampouco resolve nada afirmar que en Galicia non hai problemas coa lingua, pois temos consolidado un modelo harmónico entre o galego e o castelán, como repetidamente se afirma desde medios oficiais.        

Calquera que sexa o indicador escollido, os resultados sempre se volven en contra do coñecemento e uso do galego en Galicia. Se for preciso subliñar algúns importantes, destacariamos os seguintes:

As persoas que saben pouco ou nada de galego, van a máis en todas as idades; en 5 anos as menores de 15 anos pasan do 23,90% ao 32,44%.

Se sumamos quen fala sempre galego (24%) con quen fala galego máis que castelán (21,5%), teriamos un 45,5%, co que por primeira vez este grupo de galegofalantes queda por debaixo de quen fai o contrario.

É moi importante na enquisa o tema das idades. No 2018 as persoas de 5 a 14 anos que falaban galego eran un 26,12%; no 2023 son un 16,10%; pero hai 20 anos eran o 40%. E neses 20 anos os monolingües en castelán pasan do 34,17% ao 53,67%. E así temos falando galego o 46,31% da xente maior de 65 anos, pero soamente o 6,68% de quen anda entre os 5 e os 14 anos.

Na familia, se no 2018 os pais que lles falaban sempre en galego aos seus fillos de 5 a 14 anos era o 27,88%, no 2023 só o fan o 16, 06%. E nese mesmo tempo os que lles falan sempre en castelán pasan de 36,98% a 47%.

No ensino obrigatorio, en 20 anos a conversa só en castelán pasa do 61,52% ao 85,20%; e a conversa só en galego baixa  do 24,22% ao 4,65%. As clases danse maiormente en castelán nun 29,49%, e maiormente en galego nun 13,89%.

E aínda é maior a diferenza no consumo de información, na lectura de libros, no manexo de audiovisuais…

A realidade, polo tanto, indícanos que as cousas non van ben, que as políticas lingüísticas adoptadas para a conservación e promoción do uso do galego entre nós non están sendo eficaces; ao revés, lévannos de cabeza cara a unha diminución progresiva do uso da nosa fala, que corre o serio risco de se converter nunha lingua maioritariamente algo coñecida, pero case nada falada e case nada escrita.

A cuestión básica é decidir que é para nós a nosa fala. Non é un apéndice máis da nosa realidade, do que poidamos prescindir sen que nada serio aconteza –tal parece ser a idea de quen hoxe nos rexe–, senón un ben cultural de primeirísima orde, froito do pobo en interacción secular con todo o seu contexto vital, e que á súa vez nos constitúe como pobo. Non é, non debería ser, algo que entre no debate clasista ou de partido, senón un ben común que nos une e singulariza, que todos debemos defender usándoo con absoluto coñecemento e normalidade, sen excluír para nada, ao revés, o manexo conveniente do castelán e doutras linguas.

Ao non ser así vista, a fala galega está en debilidade, en grande debilidade. E, se está en debilidade, non vale aplicar medidas que poderían valer para un corpo cultural en forma. Non vale a equidistancia entre galego e castelán en Galicia, porque en Galicia durante séculos se estivo violentando o galego no máis íntimo do pobo, inoculando nel o sentimento absurdo de que a nosa fala, sabio elemento cultural identificador do pobo, era cousa de pobres paifocos.  Que o galego perda presenza entre nós débese en boa medida a ese teimudo envelenamento da conciencia popular, ao que se lle suman seguramente razóns de tipo político.

Cómpre tomar medidas eficaces para subverter este deterioro; medidas que están en boa parte nas mans do goberno galego, se tiver conciencia de que a lingua é o que dicimos que é. Vemos urxente a elaboración dun novo Plan Xeral de Normalización Lingüística, consensuado polos partidos políticos e polas plataformas cidadás interesadas pola nosa fala.  Plan que deberá tomar medidas que teñan que ver primeiramente co ensino e coa oferta televisiva sobre todo para a crianza; medidas tamén para promover o san orgullo, razoado, de ter unha lingua propia, con incentivos que empuxen cara ao uso da nosa lingua en calquera ámbito que sexa. E, a máis desas medidas e outras, o convencemento idiomático de quen nos goberna. Ante o tema da lingua nunca transmiten paixón en ningún ámbito social. Poderiamos sospeitar que no seu diario vivir o galego non existe. E quen non ama, non pode transmitir paixón.

Con todo e iso, non é só problema do goberno galego. Canté que así fose! Moitísima xente de Galicia ten moi relativizada a importancia do galego. Herdando o autoodio lingüístico, non recibindo unha sa formación e información sobre o significado da lingua propia, facendo do uso do galego un problema de política partidista, é moi difícil que unha persoa se sinta orgullosa falando galego. Se todos nos entendemos en castelán! Así, canto máis avance o empoderamento do castelán, máis peado será resolver o problema.

E non deixa de ser significativo o feito de que tamén en Galicia é importante a presenza de xente inmigrante latinoamericana, que non deixa de se incomodar ante a proposta da necesaria aprendizaxe do galego. Cousa que cómpre potenciar con tino, con apoios, para favorecer a súa inclusión real.

Como quen escribe e ofrece este manifesto é a Asociación Encrucillada, que publica a revista Encrucillada, como “revista galega de pensamento cristián”, consideramos oportuno dar unha chamada de atención ao conxunto da Igrexa galega no referente ao  uso da nosa lingua. A Igrexa en xeral sempre se mantivo á beira da cuestión…, por máis que persoas e grupos concretos de curas, monxas e segrares, con algúns bispos polo medio, fixesen da normalización do galego un criterio de fidelidade ao pobo e un servizo tamén evanxélico.

No Concilio Pastoral de Galicia, no ano 1976, aprobáronse importantes pautas para a normalización xeral da lingua galega na práctica eclesial. Un ano antes o bispo de Mondoñedo-Ferrol, Miguel Anxo Araújo Iglesias, escribira a senlleira carta “A fe cristiá ante a cuestión da lingua galega”, razoando o sentido do uso do galego na práctica eclesial e urxindo á súa normalización. Déronse algúns pasos, publicouse a Biblia en galego, e os Leccionarios e os diversos Rituais dos Sacramentos, pero, quitado nas Delegacións de Catequese, non se elaborou ningún proxecto de normalización co que se puidesen comprometer as cinco dioceses galegas. Todo quedou na man de cada quen. A liña conservadora que se foi impoñendo nos seminarios galegos fixo que esta cuestión carecese de significado. Sería ben importante a elaboración dunha enquisa seria que nos permitise ver ata onde o galego está excluído da Igrexa.

A maiores, no momento actual, coa escaseza de clero estase favorecendo a presenza de curas sudamericanos, que son incorporados á práctica pastoral sen  a máis mínima urxencia de coñecer e respectar, para ben integrarse, a realidade  social, cultural, lingüística da nosa Terra. Quédanos a esperanza de que isto si se tome en serio no Seminario Interdiocesano, formado polas dioceses de Mondoñedo-Ferrol, Santiago e Tui-Vigo. Para poder facelo existe abondo e valioso material. E a figura dos novos bispos galegos é motivo de esperanza.

Non queremos pechar este Manifesto remexéndonos na desesperanza. A normalización do galego atópase con serias dificultades entre a poboación galega. Pero tamén é certo que existe un moi importante número de galegos e galegas que levamos no corpo e na alma o simple agarimo polo noso e a vontade firme de o converter en algo gozoso, diario e normal, así coma o pan de cada día. Somos persoas galegas, o galego é a nosa fala propia e nela queremos seguir nacendo, vivindo e morrendo. E para que iso poida ser posible publicamos este manifesto, invitándote a que, como individuo ou como colectividade, te sumes a el e a que o espalles ata onde ben poidas.

Santiago de Compostela, a  11 de novembro de 2024

na festa de San Martiño de Tours

Asociación Encrucillada

Encrucillada sempre a prol do galego

Mudemos o rumbo. O galego ten futuro

Manifesto