NON AO XENOCIDIO EN PALESTINA!

Paz, froito da xustiza!

As-os abaixo asinantes, pertencentes a diversas tradicións relixiosas e conviccións culturais, recoñecemos que as relixións teñen funcionado historicamente como factores de cohesión nacional e mobilización contra outros pobos en defensa dos seus propios intereses.

Tamén na tradición bíblica atopamos textos que proclaman un mesianismo nacionalista. Recentemente, o primeiro ministro israelí Netanyahu declaraba, para xustificar as decisións do seu goberno: “Debedes lembrar o que vos fixo Amalek. Borrarás a memoria de Amalek de debaixo do ceo. Non esquecerás, di a nosa Santa Biblia.” (Dt 25,19).

Porén, tamén produciron movementos profético-universalistas coma o de Isaías, príncipe dos profetas bíblicos: “O froito da xustiza será a paz, a función da xustiza, tranquilidade e confianza para sempre” (Is 32,17). E, na súa mensaxe, a acción de Deus vai dirixida a todos os pobos, pois, antes que a Israel, creou a humanidade. Todos os pobos están baixo o coidado de Deus, todos son destinatarios do seu chamamento á alegría da salvación (Is 45).

Estas palabras convídannos a analizar cal foi a práctica da xustiza nas relacións entre Israel e Palestina nas últimas décadas. E, neste sentido, coincidimos con Guterres, Secretario Xeral da ONU: “Os ataques de Hamás non se producen no baleiro. O pobo palestino leva 56 anos de ocupación asfixiante”. O que non significa xustificar o terrorismo de Hamás. O terrorismo é sempre condenable e o cometido por Hamás contra civís o pasado outubro enturbou a xusta defensa da causa palestina. Porén, o conflito non foi creado por Hamás, foi o conflito o que creou a Hamás.

O conflito xerouno hai décadas o proxecto sionista de Israel que inclúe Cisxordania e Gaza, acelerando a expulsión do pobo palestino, ampliando o seu “Nakba”, a súa “Catástrofe”. Posiblemente os Acordos de Oslo en 1993 supuxeron unha oportunidade de acordo entre os dous pobos; mais Isaac Rabin, primeiro ministro de Israel, foi asasinado pouco despois de os asinar. Desde entón, o poder dos sectores máis nacionalistas e de extrema dereita foi crecendo na sociedade e nos gobernos israelís.

Europa e EEUU están implicados e aliñados plenamente con Israel, como o seu socio e base no Medio Oriente, unha zona de suma importancia nos intercambios comerciais globais. Só pola Canal de Suez pasa o 12% do comercio mundial. Esta rota naval une as fábricas de Asia cos mercados de consumo europeos. Todo indica que estamos ante unha fase máis da loita pola hexemonía planetaria no século XXI.

Por iso Israel, na defensa dos seus intereses na zona, non ten ningún límite imposto polos gobernos occidentais. Estes outórganlle un cheque en branco para calquera acción que queira levar a cabo contra o pobo palestino, tanto en termos de control sociomilitar, como na apropiación do seu gas, auga, pesca ou de calquera outro recurso.

A expulsión total dos palestinos estaría ao servizo destes intereses sionistas de Israel e dos países occidentais que o apoian. O Ministerio de Intelixencia israelí, a finais de outubro, elaborou o plan Opcións para unha política sobre a poboación civil de Gaza. Nel defende que “os palestinos sexan evacuados de Gaza para ao deserto exipcio do Sinaí. Isto terá resultados estratéxicos positivos para Israel e xúlgase “factible” a condición de que “a xerarquía política” dea mostras de determinación fronte á presión internacional e logre asegurar o apoio de Estados Unidos e outros gobernos proisraelís.” (Le Monde Diplomatique, decembro -2023).

“Ordenei un asedio completo á Franxa de Gaza. Non haberá electricidade, nin alimentos, nin combustible; todo está pechado”, dixo o ministro de defensa israelí Yoav Gallant. “Ningún lugar é seguro, nin sequera os hospitais ou as escolas”, escribiu o 11 de novembro a Oficina de Nacións Unidas para a Coordinación de Asuntos Humanitarios. Israel non terá nada que temer. É unha das maiores potencias militares do mundo coa axuda de EEUU e a UE, e está a actuar con total impunidade.

“Calcúlase que 1,9 millóns de persoas, o 85% da poboación de Gaza, foron desprazados, mentres que o 50% das vivendas quedaron destruídas ou danadas”, informa a BBC. A ONU, organizacións e activistas sinalan un Israel impune tras dous meses de exterminio. Os palestinos asasinados xa superan os 20.000, mentres as Nacións Unidas denuncian as dificultades para socorrer os máis de 46.000 feridos. Guterres urxe o Consello de Seguridade a esixir un cesar do fogo. Entre as vítimas, uns 300 profesionais sanitarios e máis de 70 xornalistas. Quen sacará á luz as atrocidades cometidas en Gaza se todos os xornalistas son asasinados? Entrementres, os pobos maniféstanse, e porén a ONU non fai máis que transmitir a súa impotencia.

Que propostas podemos facer desde Europa persoas de distintas conviccións culturais? A estas alturas da historia da humanidade negámonos a que se utilicen as tradicións relixiosas para enfrontar e eliminar o competidor en calquera plano, incluído o económico e/ou o adversario político.

Lembremos a Carta fundacional da ONU, tras a II Guerra Mundial: “Nós, os pobos das Nacións Unidas, resoltos a preservar as xeracións vindeiras do flaxelo da guerra, renovamos a fe nos dereitos fundamentais do home, na dignidade da persoa humana, na igualdade de dereitos de homes e mulleres e das nacións grandes e pequenas”.

En consecuencia, consideramos que debe cesar a violación sistemática dos dereitos do pobo palestino en todos os territorios ocupados por Israel: Xerusalén Este, Franxa de Gaza e Cisxordania. Deben cesar tamén, segundo os acordos asinados, os asentamentos ilegais que Israel segue construíndo. Débese volver ao territorio palestino anterior á guerra dos Seis Días en 1967 e derrubar o muro do apartheid.

Denunciamos a violencia terrorista de Hamás. E denunciamos que as operacións das últimas semanas por parte de Israel constitúen un verdadeiro xenocidio. A Fiscalía da Corte Penal Internacional debe investigar os crimes de guerra cometidos e facer que os seus responsables rendan contas.

Avogamos por un cesamento do fogo permanente, como 153 países aprobaron na Asemblea Xeral da ONU, cunha solución xusta ao conflito. O que supón o recoñecemento do Estado de Palestina. Para iso habería que deter calquera operación de compravenda de armas, servizos e recursos que manteñan a guerra e a ocupación ilegal.

A máis longo prazo: necesitamos organizacións mundiais eficaces, dotadas de autoridade para asegurar o ben común mundial e a defensa certa dos dereitos humanos elementais.

Necesitamos un multilateralismo que non dependa dos intereses duns poucos e que teña unha eficacia estable; multilateralismo “desde abaixo” e non simplemente decidido polas elites mundiais do poder; un multilateralismo que tenda a resolver os problemas reais de toda a humanidade.

Pode parecer unha utopía. Porén, cando as grandes potencias fan inoperante a ONU, só nos queda apelar á conciencia dos cidadáns do mundo, a opinión pública como “cuarto poder”. Non haberá solución a este conflito mentres non haxa esperanza para o pobo palestino. “Non hai camiños para a paz, a paz é o camiño”, sinalou Mahatma Gandhi.

Unha paz que non é a paz dos cemiterios, conseguida co exterminio do adversario. O Deus das “relixións do libro”, Xudaísmo, Islam e Cristianismo, interpélanos sobre as decisións que tomamos para defender os nosos intereses: “Que fixeches de teu irmán?” (Xén 4, 9) e lémbranos: “O froito da xustiza será a paz” (Is 32,17). Tamén o fan as nosas diversas conviccións culturais universalistas.

Este escrito esta promovido por Redes Cristiás (plataforma estatal formada por máis de 160 colectivos), Igrexa Evanxélica Española, Cristiás e Cristiáns de Base de Madrid, Comunidade Santo Tomás de Aquino, Carta Contra a Fame e a Revolta das Mulleres na Igrexa

En Galicia asinaron este manifesto as asociacións Encrucillada, Mulleres Cristiás Galegas Exeria, Irimia,  e outras moitas que se van unindo.

Esta lista segue aberta a novas incorporacións na seguinte conta de correo: espacioeirenepax@gmail.com.

O manifesto coas adhesións recibidas e actualizadas reside en

¡¡¡No al Genocidio en Palestina!!!

 

 

Accede á revista

Encrucilla 233

Xa es subscritor/a?