Memoria agradecida polos 30 anos da Asociacion Mulleres Cristiás Galegas Exeria
Lugar
Sábado 9 de maio no CSC Agustín Bueno de O Castiñeiriño, en Santiago de Compostela.
Programa
10,30 Acollida
10,45 Benvida de Goretti Sanmartin Rei, Alcaldesa de Santiago de Compsotela
11,00 Mesa Redonda MCG Exeria na Igrexa e no feminismo
Interveñen: Pilar Wirtz Molezún, Marisa Rodríguez Pereiro, Mabel Ruiz Ruiz e Ana Torrón Díaz
Modera: Elvira Santos Pena
13,00 Celebración
14,00 Xantar
Así foi...
Acollida
Cadeiras en círculo. Unha imaxe de Exeria nun cabalete. Tamén están as imaxes do Encontro de Mulleres e Teoloxía celebrado no Monte do Gozo en 2001 e a do Foro Espiritualidade e Resistencia, celebrado en Vigo no Encontro Europeo da Marcha Mundial das Mulleres, en 2004. Na mesa preside o día Rosalía, Premio Mulleres de Compostela 2023.
Din que non falan as plantas, nin as fontes, nin os paxaros,
nin a onda cos seus rumores, nin co seu brillo os astros,
dino, pero non é certo, pois sempre cando eu paso,
de min murmuran e exclaman:
-Aí vai a tola soñando
coa eterna primavera da vida e dos campos,
e xa ben pronto, ben pronto, terá os cabelos canos,
e ven tremendo, atericida, que cobre a xeada o prado.
-Hai canas na miña cabeza, hai nos prados xeada,
mais eu prosigo soñando, pobre, incurable somnámbula,
coa eterna primavera da vida que se apaga
e a perenne frescura dos campos e as almas,
aínda que os uns esgótanse e aínda que as outras se abrasan.
Astros e fontes e flores, non murmuredes dos meus soños,
sen eles, como admirarvos nin como vivir sen eles?
As mulleres que hoxe forman a coordenadora da asociación (Eva, Bea, Conchi, Marisa, MariCarme Gallego e Lucía) poñen flores sobre a mesa, arredor de Rosalía. Rosa e Goretti sentan no centro.
Bo día, compañeiras, amigas!! Bo día Goretti, alcaldesa de Santiago de Compostela. Bo día as amigas e amigos, quen nos acompañades hoxe e quen vos fixeches presentes a través de mensaxes e felicitacións. Aquí están representadas Encrucillada, Irimia, Red Miriam, Asociación de Teólogas Españolas, Mujeres y Teología e de Alcem la Veu-Revuelta de Mujeres en la Iglesia, as mulleres da IOAC,… Tamén nos felicitan por todos estes anos de profetismo, creatividade e traballo en sororidade, as teólogas Pilar Yuste e Pepa Torres.
É un día grande, esta é unha festa grande. Sinxela, pero grande.
Un leif motiv que nos vai guiar ao longo do día, e son as flores nas que nos vemos representadas. As Mulleres Cristiás Galegas non somos flores impoñentes, que se cultivan en invernadoiros, froito acaso do traballo explotado, e se colocan en ramos, embalsamadas, para duraren moito tempo… Nós somos as flores ventureiras que medran nas beiras dos camiños, somos as fillas bravas da Igrexa e do feminismo.
Nós somos as sementes que nacen e loitan polas súas raíces habitando en terra de ninguén. Sen patrias, sen amos, fóra de coutos, invernadoiros ou xardíns botánicos,… nacemos nas beiras, entre o sagrado e o profano, entre o laico e o confesional, entre a institución e a marxinalidade… O noso pequeno e sinxelo perfume nótase no ar, sen saber ben de onde vén. Recollemos cheiros de matrias distintas. Hai en nós tamén un pouco daquel perfume co que, unha vez, unha muller unxiu a cabeza do profeta, e tamén o cheiro bravo das xestas.
Hoxe non estamos nun amplo salón de veludo, nunha Academia ou nun pazo… Estamos nun Centro Sociocultural de barrio. Un dos barrios nos que prendeu a revolta do 68 compostelá, a loita antifranquista e no que a Igrexa galega de base deu firmes pasos. A parroquia do Castiñeiriño sabe de represións, de agochar xentes, de xuntanzas na casa dos veciños coas portas pechadas. Aquí están as nosas irmás, a asoc. de Mulleres do Castiñeiriño, Recandea.
No feminismo hai un berro recurrente: somos as fillas das que non puidéchedes queimar! Pois ben. Nós somos as fillas das que arderon na fogueira, das mortas na guillotina, de todas as que sabían que a súa morte era semente. Somos as fillas das resucitadas. Somos as fillas de Inés de Roma, de Perpetua e Felicidade, de Xoana de Arco, de Margarita Porete, de Olympe de Gouges,… As nosas nais foron mártires, asasinadas por mor da súa independencia e liberdade… Nós, as Mulleres Cristiás Galegas Exeria, estamos aquí para resucitalas, porque a súa Pascua é a nosa Pascua.
Temos a honra de ter na nosa mesa a Goretti Sanmartín Rei, alcaldesa de Santiago de Compostela. Preséntaa a nosa compañeira Rosa Andión Otero.
Mesa redonda
Despois das palabras de Goretti, sentan na nosa mesa catro mulleres que van falar do camiño percorrido nestes 30 anos, Con nós están Pilar Wirtz Molezún, que inspira a nosa andaina desde o minuto cero, que estaba en Armenteira naquela primeira xuntanza en 1996, e coa que celebramos a Sororidade en 2024. Está Marisa Rodríguez Pereiro, que nos vai contar a súa experiencia de nacer ao feminismo desde Mulleres Cristiás Galegas Exeria, está tamén Mabel Ruiz Ruiz, compañeira de Mujeres y Teología Zaragoza, asociación que leva máis de 30 anos facendo feminismo cristiá. E por último Ana Torrón Díaz, xornalista e feminista, que nos dará reflexo do avance do feminismo na nosa terra nos últimos 30 anos.
Coordina a mesa a nosa compañeira Elvira Santos Pena.
Celebración
No centro do círculo de cadeiras hai unha mesa baixa. Sobre ela está o premio Mulleres de Compostela. Arredor as flores de tea e patelas, alfinetes de cores, unha candea central e 10 candeas máis.
Acollida.
Imos poñer o ramo á mañá coa celebración. Para empezar, preparamos o noso corpo (soa Será por flores) Poñémonos en pé e paramos a escoitármonos. Pechamos os ollos. Respiramos a música, inspirando e retendo un pouco o ar antes de casa exhalación. Poñemos a man no peito e sentimos como sube e baixa acompasado polo ar, acompasado pola música.
Abrimos os ollos e miramos á nosa compañeira, o compañeiro, que temos ao lado. Saudámonos sen palabras, colléndonos as mans, mirándonos aos ollos, e notamos que todo está ben… que estamos ben.
Temos o corpo preparado para a festa!!
Para empezar esta celebración imos remedar o camiñar de Exeria, e ímola traer ao círculo. Exeria é o noso referente na historia da igrexa galega, a primeira muller que peregrinou a Terra Santa, viaxe que proxectou coas compañeiras e recolleu por escrito, para levarlles ás súas irmás da alma todo o que recolle e interioriza das súas experiencias. Ímola traer ao centro, en procesión. Ao lugar destacado nesta nosa festa, para presidila.
Grazas pola Vida. Grazas, Deus, por Exeria.
Galicia é un pobo de procesións, que saca as santas ás rúas, que as pasea polo entorno, nun xesto simbólico na que a santa se fai algo nosa, recoñece o noso territorio, e nós facémonos algo da santa, compartindo con ela os nosos espazos. As procesións son un corte entre o sagrado e o profano. Nas procesións, a sacralidade dos templos sae á rúa, reafirmando a santidade da terra toda. Así pois, imos procesionar a Exeria.
Exeria avanza. Para ao chegar á beira do círculo. Lese un anaco do seu Itinerario.
Dende este lugar, señoras, luz da miña vida, mentres escribía isto á Vosa Caridade, xa tiña intención de ir, no nome de Cristo, Noso Deus, a Asia, é dicir, a Éfeso, para rezar diante do sepulcro do santo e beato apóstolo Xoán. Se despois disto aínda estou viva, e podo coñecer algúns lugares máis, contareillos en persoa á Vosa Caridade, se Deus se digna concedermo. E se outra cousa se me ven á mente, comunicaréivolo por escrito. Entre tanto señoras, luz da miña vida, dignádevos acordarvos de min, estea eu viva ou sexa xa fóra do meu corpo. (Xuño do ano 384)
Exeria segue avanzando ata colocala no cabalete.
A memoria. Luz e música.
30 anos dan para moitos momentos nos que vivimos a sororidade encarnada nas amigas. Esa sororidade é o motor que nos fai insistir no cambio que queremos ver en nós, na Igrexa, no feminismo, en Galicia.
Desde aquela xuntanza en Armenteira, en marzo de 1996, fomos camiñando para facer medrar a nosa consciencia como mulleres, como cristiás e como galegas. Axudounos moito o diálogo co feminismo, tamén o diálogo con outros grupos que, coma Mulleres e Teoloxía, Dones Creients, Arnasatu e Dones en l’Esglesia per la paritat, querían o mesmo que nós no estado español.
Temos nesta celebración dous potentes símbolos que nos recordan este camiño. O primeiro é a ilustración de Exeria que Sole Pite fixo para acompañar un artigo sobre a peregrina escrito pola nosa compañeira Marisa Vidal Collazo e publicado na revista Encrucillada no ano 2002. Esta ilustración rexurde no ano 2022 cando a nosa asociación solicita ao concello de Santiago un espazo da cidade que leve o nome de Exeria. Dúas mulleres nos acompañaron na demanda: a agora alcaldesa, Goretti Sanmartín, daquela concelleira, que apoiou e deseñou a estratexia da solicitude, e Mercedes Rosón, que formaba parte do equipo de goberno municipal, e mediou e facilitou coa alcaldía todo o proceso. Coa praza fixemos un libro e Exeria tamén tivo forma de escultura, coa arte de Sole Pite e o bo facer de Cuqui Piñeiro que a pasou a bronce. Así hoxe Exeria é tamén unha porta que acolle a quen chega a Santiago polo camiño francés. Nesa porta remataremos o día de hoxe.
O outro símbolo é Rosalía de Castro, colocada no centro, na mesa-altar desta celebración. Os seus versos nos recibiron a primeira hora. Esta figura de Rosalía é o premio Mulleres de Compostela, que o concello concedeu á nosa asociación no ano 2023 e que recollemos nun día de festa inesquecible.
A andaina de Exeria está chea de luces… de momentos luceiro, e de mulleres que foron coma faros acesos para todas. Elas iluminan agora as nosas vidas, son a nosa Santa Compaña de inmorrentes. Nesta celebración queremos facer memoria. Queremos lembrar eses momentos luz, e tamén a esas mulleres luz, que xa non están con nós, ou que están, pero doutro xeito….
Acendemos este cirio pascual porque este é o momento de lembrar a Pascua, elas son a nosa Pascua, a luz das nosas vidas en palabras de Exeria.
Dos Evanxeos de Lucas e Mateo
Ninguén acende un candil para cubrilo cunha ola ou para metelo debaixo da cama, senón para poñelo nun candeeiro e alumar así a cantos entren. Vós sodes a luz do mundo. Non se pode acochar unha cidade afincada na cima dun monte. Tampouco se acende unha lámpada para poñela debaixo do modio, senón sobre o candeeiro, para que alume a todos os da casa. Alume así a vosa luz a mulleres e homes, para que, vendo as vosas boas obras, glorifiquen á vosa Nai que está nos Ceos.
Imos acender estas 10 candeas, de memoria e agradecemento, unha por cada unha das nosas compañeiras, mentres vemos unha montaxe que nos recorda que somos luz para as outras, que seguimos a sementar estrelas no feminismo e na igrexa.
30 anos de Exeria
Cando o ano pasado celebramos a Madalena empezamos a facer recordo agradecido destes anos, e como somos festeiras creamos unha cantiga coa idea de estreala hoxe. Ben, pois chegou ese momento. Na letra lembramos os inicios, os fitos que nos marcaron coma mulleres, como cristiás e como galegas
Un grupiño de mulleres
no ano noventa e seis
xuntaronse en Armenteira
para a igrexa revolver.
Ai a la, la la la…
En Vigo a marcha mundial
onde estivemos presentes
por poñer alí o esprito
no medio de tanta xente.
Ai a la, la la la…
Rachamos, rachamos as fronteiras.
A Marcha Mundial veu aquí
Xuntas reivindicamos dereitos,
Desexos e loitas, o noso vivir.
As mordazas na Almudena
Xubileo de mulleres
os vinte anos, a Revolta
e segue medrando a rede.
Ai a la, la la la…
Pensamos, pensamos en común.
As nosas, as nosas reflexións.
Fa-acemos memoria e publicacións,
Compartimos a nosa opinión.
Preguntámonos no Gozo
Quen dicides que son eu-e.
Axuntámonos trescentas
Moito traballo nos deu-e.
Ai a la, la la la…
As mulleres colocamos
A Exeria en Compostela
Con un premio e moita festa
cantamos todas con ela.
Ai a la, la la la…
Temos este espazo cheo de flores e cestas. Flores feitas coas nosas mans, coa habilidade para a costura que nos aprenderon as nosas nais. Todas son diferentes, flores ventureiras… Somos nós, as flores diversas que nacen nas beiras dos camiños. Estas flores representan tamén o que as Mulleres Cristiás Galegas Exeria aportamos ao mundo…
As cestas, feitas con vimbias trenzadas, son o símbolo da sororidade, que nos une unhas ás outras, que nos enlaza para soster e para conter. Con cestas á cabeza corrían as mulleres camiño das feiras, camiño do río, camiño da casa…
Con cestas e flores imos dar cor entre todas ao camiño polo que avanza Exeria.
Con este xesto queremos lembrar ás mulleres que, na Rusia zarista, empezaron as reivindicacións e celebracións do mes de marzo. Tamén á sufraxista Helen Todd, que no 2011 reivindicou “pan para todas, e rosas tamén”. Esa frase foi o lema que mobilizou en Massachusetts, no ano 1912, a “folga do Pan e as Rosas”. Con este lema, “queremos o pan e as rosas” iniciou a súa andaina case 100 anos despois, no ano 2000, a Marcha Mundial das Mulleres, estendendo a súa reivindicación de xustiza, paz e pan para as mulleres por todo o mundo.
Cada unha, cada un, collerá unha cesta, nesa cesta poñerá unha flor e levaralla a Exeria. Aos seus pés, con alfinetes, iremos poñendo as flores. O camiño de Exeria vai virar en xardín no que as flores somos nós. Cando poñemos a flor, pensamos ou expresamos brevemente que atopamos/que queremos poñer nese roteiro.
Despois de cada intervención todas repetimos:
pan para todas, e rosas tamén!
Remata a nosa celebración cunha danza. Poñémonos en pé, no círculo no que estamos, e apartamos as cadeiras. Soa Tourne of peace, e nós imos facer un xesto moi similar ao botar sementes na terra. No círculo de confianza que nos envolve, en sororidade, o nosos corpos se fan semente nas beiras dos camiños.