O Evanxeo de cada día con ollos de aldea
Manuel Regal Ledo
31 de decembro: Domingo dentro da Oitava do Nadal. Sagrada Familia
1ª lectura: Eclo 3, 3-7. 14-17a. Salmo: 127, 1-2. 3. 4-5
2ª lectura: Col 3, 12-21
Evanxeo: Lc 2, 22-40
Cando chegou o tempo de se purificaren conforme a Lei de Moisés, os pais de Xesús levárono a Xerusalén, para llo presentaren ao Señor –pois así está escrito na Lei do Señor: “Todo varón primoxénito ha ser consagrado ao Señor”—, e tamén para ofreceren o sacrificio, conforme se di na Lei do Señor: “Un par de rulas ou dous pombiños.”
Vivía entón en Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a consolación de Israel, e o Espírito Santo estaba con el. E recibira do Espírito Santo unha revelación de que el non había morrer sen antes ver o Unxido do Señor. Movido polo Espírito foi ao templo e, cando entraban os pais co neno Xesús para cumpriren con el o mandado pola Lei, Simeón colleuno nos brazos e loou a Deus, dicindo:
—Agora, Señor, segundo a túa promesa, podes despedir en paz o teu servo, porque xa os meus ollos viron a túa salvación, a que ti preparaches á vista de todos os pobos, luz de revelación para os xentís e gloria do teu pobo Israel.
O pai e máis a nai do nenos quedaron pasmados polo que del oían dicir. Simeón bendiciunos e díxolle a María, a nai do neno:
—Mira, este neno está aquí para caída e rehabilitación de moitos en Israel e para ser un sinal discutido – a ti mesma unha espada hache atravesar a alma—; así ficarán descubertas as cavilacións de moitos corazóns.
Había tamén unha profetisa chamada Ana, filla de Penuel, da tribo de Axer. Era unha muller moi vella, que vivira, desde que casara, sete anos co seu marido, e logo, como viúva, ata os oitenta e catro. Non se apartaba do templo, servindo a Deus noite e día con xaxún e oracións. Ela compareceu naquel intre e glorificaba a Deus e falaba do neno a todos os que esperaban a redención de Xerusalén.
Cando cumpriron todo conforme a Lei do Señor, volveron para Galilea, para a súa cidade de Nazaret. O neno, rebordando sabedoría, medraba e facíase forte, e a graza de Deus estaba con el.
Meditación
A familia, a familia de Xesús de Nazaret, a nosa familia, as nosas familias, as familias todas do mundo. Son consecuencias ben sinxelas e ben preciosas do feito de que Deus se fixese ser humano entre nós. As miudezas das nosas casas, da nosa convivencia adquiren categoría divina, son espazos nos que podemos atopar a Deus entre nós; e iso tanto cando as cousas na familia van moi ben, coma cando poidan ir só regular, ou incluso mal, moi mal. Deus está aí, disposto sempre a acompañarnos, a botar unha man, a envolvernos en alentos e esperanzas.
Oímos por todas partes que a familia anda mal, aínda que nestes tempos de crise as familias foron, están sendo o gran soporte, a gran defensa de moitas vidas en cousas tan elementais coma o pan de cada día, a cobertura necesaria, a roupa, a compaña, os alentos para non desesperar. Será que a familia non anda tan, tan mal.
Desde logo non son as familias dos nosos avós e avoas; na casa había avós, pais, nais, nenos e nenas en abundancia. Coidábase dos nenos/as canto se podía, que ás veces non era moito; coidábase dos maiores, que non precisaban ir a unha residencia ou asilo, porque a familia se ocupaba deles. Educábase os fillos na rectitude, na honradez, no respecto. Moitas veces transmitíase tamén a fe con claridade. Cousas moi fermosas, pero non todo era gloria. Había tensións, amarguras, desunións, abusos, desprezos, e ás veces mesmo malos tratos e golpes.
Temos hoxe familias moi diferentes: menos xente, poucos fillos, avós sos ou que acaban na residencia, pais sen fillos, fillos/as cos pais separados, mozos que se xuntan sen casaren, parellas divorciadas, xente divorciada que volve casar, parellas homosexuais, … A educación é como é; a fe cristiá transmítese pouco. Para moita xente isto é unha desfeita. Pero é a nosa realidade, con moitas carencias, con moitos baleiros, seguro, pero tamén cos seus méritos, coas súas oportunidades, cos seus grandes respiros para moita xente. E desde logo Deus está aí, Deus non se arreda das nosas familias por complexas que estean sendo, ao contrario. Nunha etapa de busca, de readaptación familiar, Deus quere acompañarnos. As comunidades cristiás non podemos estar ausentes desta busca, non o estamos. Sen chulerías, podemos achegar o noso gran de area nesta construción común.
As familias cristiás podemos vivir todo isto desde o estilo de Xesús, iso é o que se espera de nós. O estilo de Xesús sabe moito de acompañamento, de entrar no mundo da outra persoa, da outra familia, para entendelo e amalo; sabe moito de acollida, de respecto profundo; sabe moito de erros e de perdóns, de restauracións; sabe moito tamén de solucións abertas, audaces, non raquíticas; o estilo de Xesús sabe moito de desenvolver posibilidades, de non contentarse con solucións curtas, de soñar, de lanzar as persoas cara a metas amplas, xenerosas, auténticas, ricas en amor e en servizo. E nisto os exemplos de vida valen máis ca mil palabras, e infinitamente máis que un millón de críticas e murmuracións.
O estilo de Xesús sabe moito de respecto pola xente máis débil, polas situacións de maior fraxilidade. Por iso estamos invitados/as a ollar para os cativos/as e polos maiores das nosas casas. O Papa Francisco invítanos con frecuencia a que teñamos moi en conta os nenos/as e os anciáns/ás. O evanxeo de hoxe preséntanos a Xesús de neno, participando na vida e na fe do seu pobo, coidado con agarimo, medrando no corpo e no espírito, sabéndose amado por Deus. Quen nos dese que así pasase con todos os nosos nenos e nenas! Pois é tarefa nosa, para a que Deus nos convoca neste día. O evanxeo preséntanos tamén os velliños Simeón e Ana, persoas xustas, piadosas, amigas do espírito co que tiñan tratos e promesas, soñando coa liberación do pobo, descubrindo e celebrando nas sombras os pasos miúdos desta liberación popular, aventurando os traballos e cruces imprescindibles para que as cousas de Deus e as da xente vaian arriba en común; xentiña maior que fala do vivido, do soñado, do descuberto, do paso de Deus pola súa vida; xentiña maior que segue sementando e celebrando esperanzas. Quen nos dese poder envellecer así nas nosas familias, nas nosas comunidades cristiás!
A celebración eucarística é unha celebración da familia cristiá, na que Xesús quere ser mantenza e compaña diaria, forza para vivir cada día ao seu estilo en todo, tamén por suposto na familia.
Preces
GRACIAS, DEUS, POLA TÚA COMPAÑA FIEL
Que nos sintamos acompañados sempre por ti, sabéndote coma o Pai ou a Nai da casa, da familia, da comunidade, e gozando coa túa presenza alentadora. Oremos.
Que coma ti saibamos acoller e acompañar as diferentes formas de familia que se están dando na nosa sociedade, dando o noso apoio a todo o que sexa auténtico, sincero, amoroso. Oremos.
Que saibamos aceptar a presenza de parellas homosexuais e integralas coa súa realidade concreta dentro das nosas relacións, das nosas comunidades, da nosa sociedade. Oremos.
Que loitemos coma ti por facer de cada aldea, pobo e cidade unha gran familia, onde todo o mundo teña teito, pan, traballo, acollida, atención en todo. Oremos.
Que saibamos mirar pola familia concreta de cada un, de cada unha de nós coma un espazo no que Deus se nos fai presente e nos incita cada día ao amor, ao servizo e ao agradecemento. Oremos.
Oración
Oio no meu corazón, Deus,a túa voz de Nai solícitaque me encomenda:mira polos meus fillos e fillas,os Santos Inocentes de onte e de hoxe,non pases de largo ao seu lado,detente, escóitaos, míraos, aténdeos, sírveos.Os nenos e nenas da guerra,que aprenden a matar coma un xogodesfacéndose nas mans de quen busca o poder con toda violencia.As nenas e nenos do sexo infantil,corpos e almas abertas á frescura da vida,saboreadas indecentemente por adultos pervertidos.As nenas e nenos que escasamente comenen fogares escasamente asistidospor pais e nais que escasamente teñen teito, traballo e pan.Os velliños e velliñas que, nun exceso de amor e de confianza,expuxeron o seu para atender o de outrose se ven forzadas a abandonar o seu fogar entre choros e rabias.A xente traballadora normal,enganada, esquilmada, roubada pola banca,ante a ollada compracente de quen, podendo, non fai nada por evitalo.Os traballadores e traballadoras despedidasou rebaixadas nos seus dereitos e salariospara manter a competencia e os beneficios dos máis poderosos.Os mártires anónimos, homes e mulleres, de todas as guerras,que se están multiplicando polo mundo adiante,coma consecuencia do xogo de poderes e rendibilidadesentre os que manexan ou queren manexar o mundo.Os mártires de calquera credo ou relixión,homes e mulleres, vítimas de intolerancias e resentimentos,vítimas dun deus vivido coma cacique terreo.En fin,os Santos Inocentes da túa aldea, vila ou cidade,esas persoas menores aos vosos ollos,que por pobrezas, miserias e abandonos de todo tipoocupan os últimos postos sempree viven resignadas ou amargadas ou felices, se cadra,a súa condición de últimas.Mira, mira, polos meus fillos e fillas,os Santos Inocentes de onte e de hoxe.
Acción
Que fermoso sería que neste día nos xuntásemos en familia, a parte de para celebrar a cea de Noite Vella, para conversar un pouco sobre a realidade da nosa familia: as cousas e persoas que queremos agradecer, as dificultades que temos para sermos familia, os pasos que queremos dar… E que os contactos habituais que nestes días temos cos familiares ausentes vaian cargados dunha comunicación sinxela e auténtica.
1 de xaneiro: Oitava do Nadal, Solemnidade de Santa María
1ª lectura: Núm 6, 22-27. Salmo: 66, 2-3. 5. 6 e 8
Evanxeo: Lc 2,16-21
Naquel tempo, os pastores foron correndo e atoparon a María e máis a Xosé e o neno deitado na manxadoira. Ao que o viron, contaron todo o que lles dixeran do meniño aquel. E cantos o oíron, quedaron pasmados do que os pastores lle dixeron.
María, que trataba de comprender, conservaba todas estas cousas no seu corazón. E os pastores volveron, glorificando e loando a Deus por canto oíran e viran, todo como lles fora anunciado.
Aos oito días tocaba circuncidar o neno e puxéronlle de nome Xesús, tal como o chama ro o anxo antes da súa concepción.
Meditación
Lucas ofrécenos un relato sobre o nacemento de Xesús cheo dunha fantasía preciosa e suxestiva, a través da cal nos transmite vivencias básicas, actitudes fundamentais para entender a presenza total de Deus en Xesús, naquel neno fráxil que se amosa en Belén.
Para entrar na alma deste relato é importante irse fixando nos verbos que emprega o autor para narrar o que as diferentes persoas facían ou deixaban de facer: correr, atopar, contar, quedar pasmados, tratar de comprender, conservar as cousas no corazón, volver, glorificar, oír, ver, anunciar. Detrás de cada un deses verbos, de cada unha desas accións agáchase unha actitude vital básica para entender a presenza de Deus en Xesús e noutras circunstancias da nosa vida de cada día.
O centro de todo está ocupado polo cadro sinxelo, desconcertante, dun neno nacido de pouco, deitado nunha manxadoira, ao que lle dan compaña, calor e mimos os seus pais María e Xosé. E anúnciase por todo o alto que aí está a presenza, o poder, a salvación de Deus!
Uns con outros, unhas con outras, quen participa na escena comparten narracións, ditos, admiración, esforzos de comprensión, empeño por gardar todo aquilo no corazón, loanzas a Deus. Unha verdadeira celebración vivente do impacto da presenza de Deus na fraxilidade daquel neno.
A narración do nacemento de Xesús fálanos por adiantado do estilo de Xesús, do estilo de Deus reflectido en Xesús: nada de poder, nada de prepotencia, nada de imposicións, nada de violencias, nada de tristuras, nada de encollementos; abundancia de fraxilidade, abundancia de coidados, abundancia de solidariedade, abundancia de admiración, abundancia de silencio, abundancia de alegría, abundancia de compartir o vivido, abundancia de glorificación do pequeno, do débil, do marxinal.
Cando falamos tanto de nova evanxelización, porque é tan necesaria, estaría ben non esquecer o estilo que Deus se marca en Xesús desde o primeiro momento do seu nacemento, estaría ben non empezar por deixarnos evanxelizar as persoas que pretendemos ser axentes de evanxelización. Vivir entre nós a cultura do asombro agradecido, compartido, ante o Deus do pequeno.
De pouco nos vale admirarnos agradecidos ante o nacemento de Xesús en Belén, se non o facemos tamén ante os mil cadros que a vida de cada día nos ofrece, onde Deus tamén se nos presenta hoxe humanizado en pobreza. As actitudes vitais que Lucas ofrece e demanda para entender o estilo pobre de Deus serannos moi útiles para achegarnos ás pobrezas de cada día, onde Deus nos pide ser descuberto, venerado, agradecido, correspondido: ver esas pobrezas, contalas, descubrir a presenza de Deus nelas, asombrarse, conservalas no corazón, alegrarse, loar a Deus que tanto gusta de andar na sinxeleza do cotián. Daquela o Nadal será Nadal e non fantasía inútil.
Preces
SANTA MARÍA, NAI DE XESUS CRISTO,
CAMIÑA CONNOSCO
Para que saibamos admirarnos ante o misterio de Deus presente nas nosas vidas, gozar con el, e corresponderlle en todo. Oremos.
Para que cultivemos nas nosas vidas a cultura da pobreza digna, do agradecemento e da solidariedade. Oremos.
Para que nunca utilicemos a Deus nin nada do relixioso como factor de violencia, senón coma o máximo instrumento para a paz. Oremos.
Para que fagamos a paz cada día na nosa convivencia doméstica, nas nosas relacións sociais e laborais. Oremos.
Para que, en tempos de crise e de reestruturación social, saibamos defender o pan e os dereitos da xente máis pequena e marxinal por riba de todo. Oremos.
Oración
Ano novo, vida nova.Contigo, Deus, a carón,contigo, Emmanuel, Deus connosco.Que gozada!Iluminados pola presenza marabillosa de Xesús,que desde o portal da pobreza rompe rutinas, abre camiños.Arrastrados polo Espírito,levados da man por esa forza contra toda forza,que resplandece na debilidade .Da man dos irmáns e irmás,da man da comunidade,que suple carencias e achanza os camiños.En familia, en pobo,en fartura comedida ao redor da mesa,en alegría e en festas populares,en traballo diario, esixente, persistente.Nesta preciosa terra galega,cunha fala tamén preciosa,que nos legaron coma don de Deus os nosos maiores.Abertos/as en irmandade mundiala todos os pobos que suspiran polos dereitos, pola paz,pola soberanía alimentaria,polo humanización plena da súa existencia.Coidadores/as, coma servidores, non coma amos,da terra, do aire, da auga,dos animais todos, das plantas,das enerxías que fan andar e progresar,para que nada nin ninguén se perda,para que todos/as sexamos un, unha,na fermosura insondable da unidade total,no corazón amante do Deus un.Ano nova, vida nova,Emmanuel.
Acción
Xornada hoxe de festa e felicitacións. É bo abundar e compartir ánimos, speranzas. Pero de corazón e con disposición de implicarse en cousas que realmente fomenten a realización deses bos desexos. E sempre coa xente máis fráxil en primeira liña.
Día 2 de xaneiro
1ª lectura: 1Xn 2, 22-28
Salmo: 97, 1. 2-3ab. 3cd-4
Evanxeo: Xn 1,19-28
E este é o testemuño de Xoán cando os xudeus lle mandaron de Xerusalén sacerdotes e levitas onda el para lle preguntar:
—Ti quen es?
El declarou claramente:
—Eu non son o Cristo.
Preguntáronlle:
—Entón, quen es ti? Es Elías?
Contestou:
—Non son.
—Es o profeta?
Respondeu:
—Non.
Daquela dixéronlle:
—E, logo, quen es, para que lles poidamos dar unha resposta aos que nos mandaron? Que dis de ti mesmo?
El díxolles:
—Como escribiu o profeta Isaías, eu son a voz do que clama no deserto: endereitade o camiño do Señor.
Algúns dos mandados eran fariseos e preguntáronlle:
—Entón por que bautizas, se non es ti o Cristo nin Elías nin o profeta?
Xoán respondeulles:
—Eu bautizo con auga, mais entre vós está quen vós non coñecedes, o que ven detrás miña, e eu non son merecente de lle desatar o amalló das súas sandalias.
Todo isto pasou en Betania, ao oriente do Xordán, onde estaba Xoán bautizando.
Meditación
Volvémonos ver con Xoán Bautista, ese personaxe tan especial e entrañable que nos acompañou nos días previos á celebración do Nadal. Hoxe está aquí para dicirnos que o anunciado xa chegou, está por aí entre nós, e igual nin o coñecemos, porque anda con maneiras tan humildes, marxinais, que pouca xente repara nel. Pero está. Xa chegou. Xoán invítanos a andar cos ollos ben abertos, co corazón ben aberto, para podermos bater co el e recrearnos na súa humilde grandeza servidora.
Xoán tamén nos invita a que nos preguntemos: e quen son eu? Que levo no fondo de min mesma? Que luces e sombras andan canda min? Que misión desempeño dentro da comunidade da que formo parte? Que anuncio coa miña palabra, coa miña vida sobre todo? En que son algo profeta? Cal é a tarefa que me propoño levar a cabo neste ano que entra, estando ao lado deste Deus metido no mundo, que chamamos Xesús?
Oración
Xesús,tampouco eu non son merecentenin de che desatar o amalló das túas sandalias,pero aquí estou,desexando acompañarte neste ano que entra.No que poida, valla e saiba, conta comigo.
Acción
Párate a pensar no que che gustaría facer neste ano que empeza, no que che gustaría colaborar, ou medrar, ou a quen che gustaría acompañar especialmente, ou que pobrezas che gustaría remediar. Poderás facelo só ou será ben que te unas a outras persoas para o que queres conseguir?
3 de xaneiro
1ª lectura: 1 Xn 2, 29—3, 6
Salmo: 97, 1. 3cd-4. 5-6
Evanxeo: Xn 1, 29-34
Ao outro día, Xoán Bautista viu a Xesús que viña cara a el e dixo:
—Velaí o Año de Deus, o que arrinca o pecado do mundo! Este é de quen eu dixen: “Despois de min vén un home máis importante ca min, pois existía primeiro ca min”. Eu non o coñecía, mais para iso vin eu bautizar con auga: para mostralo a Israel.
E Xoán seguiu testemuñando:
—Eu vin o Espírito baixar do ceo como unha pomba e pousar enriba del. Eu non o coñecía, pero o que me mandou bautizar con auga, díxome: “Cando vexas o Espírito baixar e pousar sobre un, ese é o que bautiza co Espírito Santo”. E eu vino e dou testemuño de que este é o Fillo de Deus.
Meditación
Con estas palabras o evanxelista Xoán fálanos do impacto profundo que Xesús causou na xente que o coñeceu e tratou; vírono coma un home totalmente cheo do Espírito de Deus, con capacidade para introducirnos a fondo no mundo do Espírito, cun poder enorme para arrincar as raíces do mal asentadas no corazón da xente e da sociedade, e ao tempo cunha mansedume impresionante, ata o punto de que lle deron en chamar o “Año de Deus”.
Para coñecer a Xesús e a súa forza de renovación é necesario tratalo, intimar con el orar con el e co seu Espírito. E cando intimamos con el e palpamos o marabilloso que é, o normal será que, como a Xoán, nos saia da alma falar del, compartilo coma o gran regalo que Deus nos fixo na nosa existencia. Oxalá todo isto se cumpra en nós!
Oración
Grazas a ti, Xoán Bautista,por ter compartido connoscoas excelencias de Xesús.Grazas a todos os homes e mulleresa través das cales nos chegou o coñecemento de Xesús.Que saibamos entrar no mundo marabilloso de Xesús,e o saibamos compartir coa xente nova da nosa xeración.
Acción
Polos días do Nadal sempre nos vemos algo máis coa familia, cos amigos. Nas conversas que se dan, non deixes de compartir nalgún momento a túa admiración por Xesús, e o ben que che fai crer nel e seguir a súa maneira de pensar e de actuar.
4 de xaneiro
1ª lectura: 1 Xn 3, 7-10
Salmo: 97, 1. 7-8. 9
Evanxeo: Xn 1, 35-42
Ao outro día estaba outra vez Xoán Bautista con dous dos seus discípulos e, vendo pasar a Xesús, dixo:
—Velaquí o Año de Deus.
Cando os dous discípulos oíron o que Xoán dixera, foron detrás de Xesús. Volveuse Xesús e, vendo que o seguían, preguntoulles:
—Que buscades?
Eles respondéronlle:
—Rabbí (que quere dicir “mestre”), onde paras?
El díxolles:
—Vinde e veredes.
E eles foron e viron onde paraba e quedaron con el aquel día. Era contra as catro da tarde. Un dos dous que escoitaron a Xoán e seguiron a Xesús era André, o irmán de Pedro. Vai e ao primeiro que atopa é a Simón, o seu propio irmán, e dille:
—Encontramos o Mesías (que significa Cristo).
E levouno onda Xesús. Ao velo, díxolle Xesús:
—Ti es Simón, i fillo de Xoán, Ti haste chamar Kefas (que quere dicir Pedro).
Meditación
Chama a atención o encanto que tiña Xesús; chamaba a atención desde o primeiro momento, suponse que polo seu xeito de ser, de mirar, de falar, de vivir, de atraer, de alentar á xente. Seguro que todas, todos, temos experiencia de algo similar na vida, alguén que nos cativou e que se fixo moi significativo para nós, alguén con quen nos compracía e comprace estar. Quen o viu e tratou, quen se fixo compañeiro e amigo del así nolo pinta. Ímolo coñecendo algo polo menos, como para poder dicir que si, que é así, que a súa compaña pacifica e alenta, pecha feridas e abre camiños, disipa escuridades e devolve alegrías.
Se Xoán, André, Pedro e moitos máis naqueles tempos puideron gozar con esta compaña de Xesús en carne viva, nós tamén o podemos facer no espírito, na fe. Xesús está aquí disposto a acollernos, a integrarnos no grupo, a compartir connosco os seus soños e esperanzas, e as forzas para podelas acadar.
Oración
Vinde e veredes,pasade e entrade,sentade e acougade,falemos como amigas e amigos,como irmás e irmáns, se queredes,compartamos as nosas sombras e as nosas luces,levantemos a olladacara ao mundo da xente máis fráxil,falémonos,escoitémonos,calemos despoisdeixando que o Espírito unatanta dor e tanto gozo,tanta desilusión e tanta esperanza.No teu nome, Xesús.
Acción
Sería estupendo que hoxe puideses invitar a alguén á túa casa, ou ir de invitada a algunha outra casa, para tomar ou comer algo, para falar, para compartir algo a fondo, para animarse e rir e suscitar esperanzas. E así vivir algo ao estilo de Xesús.
5 de xaneiro
1ª lectura: 1 Xn 3, 11-21
Salmo: 99, 2. 3. 4. 5
Evanxeo: Xn 1, 43-51
Ao outro día decidiu Xesús saír para a Galilea; atopou a Filipe e díxolle:
—Sígueme.
Filipe era de Betsaida, da vila de André e mais de Pedro. Atopou Filipe a Natanael e díxolle:
—Atopamos a aquel de quen escribiu Moisés na Lei e máis os Profetas: a Xesús, o fillo de Xosé, o de Nazaré.
Contestou Natanael:
—E de Nazaré pode saír algo bo?
Filipe díxolle:
—Ven e verás.
Viu Xesús a Natanael que viña cara a el e dixo de el:
—Aí tedes un verdadeiro israelita, en quen non hai dobrez.
Preguntoulle Natanael:
—E de que me coñeces?
Contestoulle Xesús:
—Antes de que Filipe chamase por ti, xa eu te vira, cando estabas debaixo da figueira.
Respondeulle Natanael:
—Rabbí, ti es o fillo de Deus, ti es o rei de Israel.
Díxolle entón Xesús:
—Porque che dixen que te vin debaixo da figueira xa cres? Pois cousas máis grandes has ver.
E concluíu:
—Con toda verdade volo aseguro: habedes ver o ceo aberto e os anxos de Deus subindo e baixando onda o Fillo do Home.
Meditación
Chama a atención neste relato de hoxe iso de “atopar”. Xesús atopa a Filipe, Filipe atopa a Natanael. Parecen casualidades da vida, pero convértense en encontros, en relacións que modifican as vidas das persoas, a de Filipe, a de Natanael. Así tamén nos pode pasar a nós na normalidade da vida, se andamos cos ollos abertos, co corazón esperto; vivimos encontros que se poden converter en aperturas de novos camiños. Coñecer, ser coñecido, estimar, ser estimado; parecen cousas moi simples, pero que importantes son. Queda tamén moi de manifesto o importante que é contar, compartir aquilo que vimos e experimentamos; cando o facemos, somos persoas que nos podemos iluminar, consolar, fortalecer, ilusionar na vida. Coñecer a Xesús, intimar con Xesús, falar de Xesús, contar a Xesús coa palabra e coa vida isto é algo ben importante para calquera persoa cristiá.
Oración
Sígueme,sígueme, disme ti, Xesús.E aínda me prometes:do teu corazón tan pobriñoda túa casa tan sinxela,da túa parroquia tan pequenapode saír algo moi bo,que te alentará a tie alentará tamén as persoas e cousascoas que te movas na vida.E eu calo ante ti, Xesús.Aínda que me pesa a miña vida,fíome de tie dispóñome a seguirte.sabendo que ti sosterás o meu camiñar.
Acción
Fai por atopar o xeito de contarlle a alguén algo do que a ti che ten aportado iso de crer en Xesús, de seguir a Xesús na vida.
6 de xaneiro: Epifanía do Señor
1ª lectura: Is 60, 1-6. Salmo:71, 1-2. 7-8. 10-11. 12-13
2ª lectura: Ef 3, 2-3a. 5-6
Evanxeo: Mt 2, 1-12
Xesús naceu en Belén de Xudea en tempos do rei Herodes. E nisto uns magos de Oriente chegaron a Xerusalén preguntando:
—¿Onde está o Rei dos xudeus que acaba de nacer? Porque vimos saír a súa estrela alá no Oriente e vimos para lle render homenaxe.
Oíndo isto, o rei Herodes alporizouse e con el toda Xerusalén. Convocou a todos os sacerdotes e letrados do pobo, para lles preguntar onde tiña que nacer o Mesías. Eles responderon:
—En Belén de Xudea, que así o deixou escrito o profeta:
“E ti, Belén, terra de Xudea, de ningún xeito es a máis pequena entre as vilas de Xudea, que de ti ha saír o guía que será o pastor do meu pobo Israel.
Entón Herodes, ás agachadas, chamou polos magos para se informar ben de cando lles aparecera a estrela. Logo mandounos a Belén dicíndolles:
—Ide e informádevos ben do que hai dese neno; e unha vez que o atopedes, avisádeme para ir eu tamén a lle render homenaxe.
Eles, despois de oíren o rei, puxéronse en camiño. E, velaí, a estrela que viran saír no Oriente foinos guiando ata se deter enriba de onde estaba o neno. Grande alegría sentiron ao veren saír de novo a estrela.
E, cando entraron na casa, atoparon o neno con María, súa nai. Prostráronse e rendéronlle homenaxe; logo, abrindo os seus tesouros, ofrecéronlle como regalo ouro, incenso e mirra. Logo, avisados en soños de que non volvesen por onda Herodes, saíron para a súas terra por outro camiño.
Meditación
O relato da visita e adoración dos Magos é exclusivo do evanxelista Mateu. Coma outros relatos dos evanxeos da infancia en Mateu e Lucas, non debe ser lido cunha mentalidade historicista, senón teolóxica e espiritual.
Dos Magos non se di que fosen reis, xente de poder, senón Magos, xente do saber, xente da ciencia, xente da sabedoría, xente da sabedoría da vida, para a vida. O primeiro que chama a atención é a disposición dos tales Magos a se poñer en camiño. Son sabios con sabedoría de vida, pero buscan, saen da súa terra, póñense en camiño, seguen os reclamos dunha estrela, é dicir, buscan non empuxados por ningunha seguridade, senón atraídos por indicios incertos, inseguros, misteriosos, que os levan a camiñar. Saen, camiñan, preguntan… Que actitude vital máis preciosa, sobre todo para os que, con máis ou menos satisfacción ou mesmo arrogancia, nos podemos sentir tentados de vernos xa na posesión da verdade por iso de que temos oído falar de Xesús, somos cristiáns, estamos dentro da Igrexa! Buscar, petar, pedir, que dirá o mesmo Xesús en momentos adultos da súa vida. Uns crentes que buscan, que son constantes, solícitos, fieis e honrados na busca. Unhas comunidades que buscan tamén dese xeito. E que dirixen os seus pasos buscadores cara á vida, cara ás situacións que se dan na vida, cara ás complexidades que no momento presente azoutan as nosas vidas, a vida da xente máis débil socialmente. Preguntando, preguntándose, comprometendo a palabra, a vida. Non estaría aquí unha das claves dunha presenza cristiá viva, dunha nova evanxelización? Unha das claves da esperanza, mesmo da alegría vital?
Fronte aos Magos, a actitude nada buscadora, ao revés soberbia, dominadora do rei Herodes, que nin busca a verdade, aínda que dela recibe referencias importantes, nin gusta de que outros a busquen, a atopen, a gocen. El, co seu poder, era a verdade suficiente para el e para o pobo. O rei Herodes poderíase chamar hoxe o rei Mercado, o rei Finanzas, o rei Política submisa; pero, ollo!, tamén podería levar o nome de cada un de nós e das nosas comunidades, temerosos todos da pequena presenza da sabedoría da dignidade.
Fronte aos Magos, os eruditos xudeus que saben, pero non van, non se moven. A súa ciencia non lles conmove os corazóns, non lles mobiliza os pés. Canto podemos ter da actitude pecha, belixerante de Herodes e da actitude fría dos teólogos oficiais, en cada un dos nosos corazóns, dentro das nosas comunidades cristiás. Podemos ser persoas que saibamos ou creamos saber de todo, do divino e do humano, pero cunha ciencia paralizada, paralizante. O relato invítanos a revisar e corrixir posturas, que non levarán a nada, máis que a perder a oportunidade de atoparnos cara a cara, corazón a corazón, vida a vida, con Xesús, con Deus, e coas súas oportunidades de potenciación para as nosas vidas.
Os Magos, os homes de ciencia, de sabedoría para a vida, atópanse cun neno no colo da súa nai. Atópanse coa normalidade da vida, coa fraxilidade, coa tenrura, coa muller e o seu don, co amor matrimonial e o seu don, e, cos ollos fondos e buscadores que Deus lles deu, descobren a sabedoría da pobreza, a sabedoría do pequeno, a sabedoría do débil, a sabedoría do servidor, a sabedoría do dado á comunidade, a sabedoría da gratuidade. Descobren esa sabedoría de vida e inclínanse ante ela; abren os seus tesouros, como símbolo do corazón que abriran antes. Entregan do que teñen, coma símbolo da entrega gozosa das súas vidas ás formas da sabedoría do pobre servidor que tiñan diante. Canto podemos hoxe, ante as pobrezas que xera a crise, desenvolver esa sabedoría da fraxilidade, da solidariedade, do cambio desde o débil!
E, como remate da súa peregrinación espiritual, vital, os Magos volven tomando distancias máis sólidas coa persoa e co talante de quen desde o poder pretende ensinar a ler e a construír a vida. A alegría cerra e enche esa experiencia vital. O neno débil, servidor, é o tesouro agachado que atoparon en Belén, e que encheu as súas vidas de alegría, de entusiasmo. E todo isto ofrécesenos para ser vivido e experimentado por nós non nos soliloquios do noso corazón, que tamén, senón fundamentalmente na crúa realidade da vida, da nosa e da dos concidadáns/ás que nos rodean, porque crúa era tamén a experiencia daquel neno e daquela familia desafiuzada, rexeitada polos servizos sociais do seu tempo, que non había, e que ollaba para o futuro coas inseguridades todas pousadas nas mans do Deus que todo os sostén.
Preces
OFRECÉMOSCHE, NENO, OS NOSOS REGALOS
Ofrecémosche o esforzo de buscarte son sinceridade, para bater contigo, para chegar a ter trato de amizade contigo no medio das persoas máis débiles. Oremos.
Ofrecémosche a nosa axuda, axudando as persoas e familias que o están pasando mal nesta hora. Oremos.
Ofrecémosche o noso agradecemento por ti, Xesús, e por toda a xente de ben que nos sostén na vida, na alegría, na loita. Oremos.
Ofrecémosche os soños e esperanzas de todos os nenos e nenas do mundo, especialmente os daqueles que dispoñen de poucos recursos para soñar a vida con dignidade. Oremos.
Ofrecémosche a nosa vontade de colaborar para que a comunidade cristiá, a parroquia, da que formamos parte se enganche máis a ti, e te anuncie con verdade mediante un estilo de vida semellante ao teu. Oremos.
Oración
Que aprenda de ti, meu Deus,a graza de regalar,a graza de ofrecer cousas,a graza de darme no dar.Que aprenda ti, meu Deus,a andar cos ollos abertospara ver a quen precisedalgún dos meus cumprimentos.Que aprenda de ti, meu Deus,a saber e a vivirque hai ledicia maioren dar ca en recibir.Que aprenda de ti, meu Deus,o malo que é amontoar,mentres haxa quen non teñapan para a boca levar.Que aprenda de ti, meu Deus,todo e desmedido amor,a facerme pouco a poucodo teu don fiel seguidor.Que aprenda de ti, meu Deus,a dar sen que iso comportequitarlle vigor ao débilpara que o seu soñe e loite.Que aprende de ti, meu Deus,a dar con limpeza plenae que a man esquerda ignoreo que regala a dereita.Que aprenda de ti, meu Deus,que a miña vida é un regalo,para acoller, compartir,agradecer e coidalo.
Acción
Día de regalos. De dálos e de recibilos tamén seguramente. Día de coidar o agradecemento. Día de coidar a xenerosidade, sobre todo cara a quen teña necesidade de estima e atencións. E todo sen entrar no parvo consumo.