O Evanxeo de cada día con ollos de aldea
Manuel Regal Ledo
Desde as orixes do cristianismo os seguidores e seguidoras de Xesús percibiron que a morte de Xesús e todo o que a rodeara tiña un especial interese e significado. Por iso desde os primeiros momentos lle prestaron especial atención aos relatos da Paixón que circulaban de comunidade en comunidade.
Desde o comezo do cristianismo tamén se celebraron con especial devoción os acontecementos que Xesús viviu nos derradeiros días da súa vida ata a súa morte, e con eles o misterio da súa resurrección.
Non é que a morte e a resurrección de Xesús teñan un sentido máxico. A morte e a resurrección de Xesús hai que velas intimamente unidas a toda a súa vida, ao seu estilo de vida e ás consecuencias que ese estilo de vida lle trouxeron a Xesús. Así a súa vida, a forza de tanto amar, de tanto servir ás persoas máis débiles, marxinais e pecadoras, acabou sendo unha vida aborrecida por xentes ligadas ao poder, que o levaron á morte. Pero, por iso mesmo, a súa morte acabou sendo unha morte gloriosa para o mesmo Xesús, e unha fonte de luz, de vida e de esperanza para todos os homes e mulleres que se queiran achegar con confianza a esta fervenza de amor e de solidariedade.
A vida de Xesús orienta as vidas das persoas que o queremos seguir. A morte de Xesús fortalece a quen coma el se enfronta, servindo, cos poderes do mal. A resurrección de Xesús encabeza e esclarece a nosa propia resurrección, cando a nosa vida é unha vida que se desenvolve na busca sincera do querer de Deus no respecto e servizo á xente.
Quizais estamos afeit@s a vivir a Semana Santa con certa rutina. Unha mágoa! ¿E se intentásemos vivila a fondo, ao pé de Cristo, en comunidade, andando con el os camiños todos que o levaron do domingo de Ramos á Pascua de Resurrección? Seguro que nos había facer moito ben como persoas, como cristiás, como cidadáns.
24 de marzo: Domingo de Ramos
Procesión dos ramos: Evanxeo: Mc 11,1-10
Cando se achegaban a Xerusalén, cerca de Betfagué e de Betania, ao pé do montes das Oliveiras, mandou Xesús a dous discípulos dicíndolles:
—Ide á aldea que tendes aí por fronte e, ao que entredes, ides atopar atado un burro que ninguén montou aínda; soltádeo e traédeo. Se alguén vos pregunta por que o facedes, dicídelle: Precísao o Señor, pero de seguida o mandará de volta.
Foron alá, atoparon o burro atado a un portal e desatárono. Algúns dos que andaban por alí, preguntáronlles:
—¿Qué facedes aí desatando o burriño?
Eles contestáronlle tal como Xesús lles mandara. E leváronlle o burro a Xesús, que montou nel así que o cubriron cos seus mantos. Moitos estendían tamén os seus mantos no camiño, para que lle servisen de alfombras; e outros, ramallos cortados nas chousas. E tanto os que ían diante coma os de detrás exclamaban:
—Hosanna! Bendito o que vén no nome do Señor! Bendito o reino do noso pai David que chega! Hosanna no ceo!
Misa: 1ª lectura:Is 50, 4-7. Salmo: 21, 8-9. 17-18a. 19-20. 23-24
2ª lectura: Flp 2, 6-11.
Paixón segundo San Marcos: Mc 14,1—15,47.
Meditación
Dous momentos distintos da vida de Xesús: a entrada daquela maneira triunfal na cidade de Xerusalén e a xornada posterior na que o collen preso, o xulgan cun xuízo rápido e trampulleiro e a posterior execución coma un bandido, revolucionario, herexe ou algo similar. Dous momentos moi vinculados entre si. Xesús, seguindo nisto, coma noutras cousas, a tradición dos profetas do seu pobo, era dado a facer sinais proféticos, que eran xestos, accións que descolocaban as persoas que estaban con el; xestos e accións cargados dun fondo significado, e que poñían en cuestión formas normalizadas de entender a vida, a vida relixiosa, a vida social. O xesto da Eucaristía quizabes fose o xesto profético máis significativo de Xesús, o que máis quedou na memoria e na práctica das comunidades cristiás. Pero houbo moitos máis. Este da entrada “triunfal” en Xerusalén, montado nun burro, entre os berros e ramos dos seus admiradores, foi un deles.
A acción profética da entrada de Xesús en Xerusalén en burro máis que acentuar a súa pretensión mesiánica, coloca unha nota non disimulada de burla e de comedia contra os xerais e emperadores que si facían entradas triunfais nas súas cidades, coma expresión manifesta da súa vontade de dominio e de poder. Xesús, coma xa fixera noutras ocasións, móstrase contrario a todo iso. Non é algo sen importancia a escolla do burro para entrar na cidade nunha procesión que, adrede, debeu suscitar o riso, pero tamén a preocupación sobre todo entre os xefes relixiosos e políticos que o puideron contemplar. Era unha aposta pública polo non poder, pola non violencia, por unha sociedade ou Reino de Deus construído sobre bases de circularidade fraterna. E para este modelo de vida e de convivencia, urxido por Deus e pola realidade da vida, Xesús sentíase chamado, enviado, comprometido. E como tal se ofrecía a quen o contemplaba.
Resulta evidente que na Igrexa practicamente todos temos desvirtuado a forza profética desta acción de Xesús. A ningún poder lle molestan hoxe as nosas procesións de ramos. En poucas ocasións a procesión de ramos é entendida coma unha protesta e aposta relixiosa e social por un modelo de sociedade e de Igrexa revulsiva, que poña as formas humildes, as estruturas fraternas, o pacifismo activo coma unha maneira de vivir e de convivir, de facer Igrexa e sociedade. É posible recuperar algo polo menos a fondura e o significado da acción profética de Xesús?
E logo o relato da paixón. Pode ser un relato que nos acompañe toda a Semana Santa. É unha práctica encomiable ir lendo aos poucos toda a Paixón de Xesús; léndoa, meditándoa, reparando na figura mesma de Xesús e na súa maneira de ir vivindo e afrontando aquelas horas extremas, de máximo vituperio, de máximo amor, de máxima solidariedade, de máximo desacougo, de máxima confianza. Reparando tamén nas figuras, nas palabras, nas actitudes das diferentes persoas que van aparecendo en escena, desde o frío Pilato ata o pobre Simón de Cirene, que, sen querelo nin buscalo, houbo de cargar en parte coa cruz de Xesús; desde o traizoeiro Xudas, ata o voluntarioso Pedro. E pensar que a paixón de Xesús realízase hoxe, coma tamén daquela, no corpo e no ánimo inocente de moitas persoas que, no nome do poder político, económico ou relixioso, sofren abuso, persecución, burla e morte.Que papel estamos xogando nós en todo esa dramatización real que a vida de cada día nos ofrece?
Preces
BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR!
Bendito sexas, Xesús, pola forza que tiñas para criticar o poder desde a mansedume e desde a non violencia. Que saibamos imitarte. Oremos.
Bendito sexas, Xesús, polo grande amor co que nos amaches e co que te puxeches sempre ao servizo da xente pequena, débil e pecadora. Oremos.
Bendito sexas, Xesús, en todas as persoas que loitan para que o pan, o traballo, o respecto, a dignidade chegue por igual a todas as casas do mundo. Oremos.
Bendito sexas, Xesús, nas persoas que coidan os enfermos, que atenden os velliños, que axudan os emigrantes, que comparten diñeiro e amizade con quen non ten. Oremos.
Bendito sexas, Xesús, con todos os homes e mulleres cristiás que nesta Semana Santa queremos aprender de ti a mellor maneira de servir a Deus e a mellor maneira de servir tamén a sociedade na que vivimos. Oremos.
Oración
Estando ti en Betania, Xesús,na casa de Simón o Gafo,recostado na mesa, comendo,chegou unha muller cun frasco de alabastrocheo de perfume de nardo puro, moi caro,rompeu o frasco e unxiuche a cabeza.(Mc 14, 3 e seguintes)Asegúrovos —dixeches ao final—asegúrovos que onde queira que se anuncie a Boa Nova,polo mundo enteiro,falarase, para honra dela,do que acaba de facer esta muller.Unxido no silencio,venerado no silencio,admirado no silencio,tocado agarimosamente no silencio,amado no silencio,desmesuradamente amado no silencio…Non te fixas en ti, Xesús,obxecto de tanto amor,senón no corazón abundante daquela estraña muller,quizabes descoñecida de ti,a quen quizabes nunca volviches ver,que fora capaz de entrar na fervenza de amor solidarioque movía cada día o teu paso, as túas entrañas.De corazón a corazón,de amor a amor,no xesto sentido e silencioso daquela mullerrompíanse as tebras,descubríanse os afectos,abríase o mundo,e unha vaga de paixón espallábase polo arredorcoa promesa de algo fondamente novo e mellor.E a xente pobre seguía aí,non deixada de lado senón á esperade que tanto amor se converterana firme, ampla e complexa maquinariade paz, de pan e de dereitosque cómpre terpara que Deus sexa Deus en nóse o mundo ande.Asegúrovos –repetiches—,falarase do que acaba de facer esta muller,para honra dela.
Acción
Un bo día para participar con sinxeleza e intensidade na celebración relixiosa do Domingo de Ramos. E tamén para empezar unha lectura persoal da Paixón de Xesús que podería durar toda a semana santa. E lela co corazón na man, e levando no corazón, xuntamente con Xesús, a persoas que a día de hoxe estean sufrindo tamén paixón inxusta.
25 de marzo: Luns da Semana Santa
1ª lectura: Is 42, 1-7
Salmo: 26, 1. 2. 3. 13-14
Evanxeo: Xn 12, 1-11
Seis días antes da Pascua foi Xesús a Betania, onde estaba Lázaro, a quen resucitara de entre os mortos. Fixéronlle alí unha cea. Marta servía, mentres que Lázaro era un dos comensais.
Daquela María, collendo unha libra de perfume de nardo puro, de moito prezo, unxiu os pés de Xesús e enxugoullos cos seus cabelos. A casa quedou chea do recendo do perfume. Pero Xudas, o Iscariote, un dos seus discípulos, o que o había entregar, dixo:
—Por que non se vendeu ese perfume por trescentos denarios, e non se lles deron aos pobres?
Dixo isto non porque tivese interese polos pobres, senón porque era ladrón e, tendo el a bolsa, botaba man do que se metía nela.
Pero Xesús replicou:
—Déixaa estar, que o tiña gardado para o día do meu enterro; pois os pobres sempre os tedes entre vós, mentres que a min non sempre me ides ter.
Moitísimos xudeus souberon entón que el estaba alí e viñeron non só por Xesús, senón tamén para veren a Lázaro, a quen resucitara de entre os mortos. Pero os sumos sacerdotes decidiron matar tamén a Lázaro, pois moitos, por causa del, fuxían dos xudeus e crían en Xesús.
Meditación
Seguimos camiñando pola Semana Santa. Un encontro de amizade. Un xantar de festa e de agradecemento, como tanto lle gustaba a Xesús. Un xesto excepcional dunha muller, María, que non sabe como lle mostrar a Xesús o seu agarimo, o seu agradecemento, botando a casa pola ventá. A protesta interesada de Xudas. O presentimento dunha morte próxima, que había que acompañar.
Estas poden ser tamén as claves destes días que nos levarán á morte e a resurrección de Xesús: Estar con Xesús, acompañalo, envolvelo no recendo dun amor sincero, agradecido, coherente. Coa diferenza importante de que agora podemos xuntar os intereses de Xudas e máis os de María: non temos a Xesús fisicamente no medio de nós, pero temos a xente pobre, débil, con calquera clase de debilidade, á que podemos visitar, obsequiar, coidar, por si mesmas, por seren imaxe viva do noso Señor.
Oración
Grazas, meu Deus, por Marta,a servidora, a que atendía a mesa,a que satisfacía as necesidades da xente.Grazas, meu Deus, por María,a amante agarimosa,que adiviñaba penas e glorias,e se poñía en todo ao servizo do amado.Grazas, meu Deus, tamén por Xudas,que, sen decatarse da densidade daquela hora,nos recorda o lugar centralque os pobres deben ter na vida cristiá.Grazas polas Martas, Marías e Xudas do presente.
Acción
Pensando en Xesús, neste día ben podiamos visitar a algunha persoa pobre, enferma, abandonada, e obsequiala con algo, sen escatimar medidas. Por aquilo de meternos nese mundo do gratuíto que tanto ía con Xesús.
26 de marzo: Martes da Semana Santa
1ª lectura: Is 49, 1-6
Salmo: 70, 1-2. 3-4a. 5-6ab. 15 e 17
Evanxeo: Xn 13, 21-33. 36-38
Naquel tempo, estando Xesús na cea cos seus discípulos, turbouse no seu interior e declarou abertamente:
—Con toda verdade volo digo, un de vós hame de entregar.
Os discípulos miraban uns para outros, sen saberen de quen falaba. Estaba recostado no peito de Xesús un dos seus discípulos, aquel a quen Xesús amaba. Entón Simón Pedro fíxolle un aceno, para que lle preguntase a quen aludía. Daquela el, así apoiado no peito de Xesús, preguntoulle:
—Señor, quen é?
Xesús respondeulle:
—É aquel a quen eu lle vou dar o pan mollado.
E, mollando o pan, deullo a Xudas, o de Simón Iscariote. E naquel instante, xunto co pan entrou nel Satanás. Entón díxolle Xesús:
—O que vas facer, faino axiña.
Ningún dos que estaban sentados á mesa comprendeu por que lle dixera isto. Algúns coidaban que, ao ter Xudas a bolsa do diñeiro, dicíalle Xesús: merca o que precisamos para a festa, ou que lles dese algo aos pobres. El, collendo o pan, saíu axiña. Era de noite.
Cando saíu, dixo Xesús:
—Agora queda glorificado o fillo do Home e Deus queda glorificado nel. Se Deus queda glorificado nel, tamén Deus o glorificará a el e hao glorificar axiña. Meus fillos, só un pouquiño estarei convosco. Habédesme buscar, pero, como lles dixen aos xudeus, dígovolo a vós agora: onde vou eu vós non podedes vir.
Simón Pedro preguntoulle:
—Señor, onde vas?
Xesús respondeulle:
—Onde eu vou non podes ti seguirme agora, seguirasme despois.
Pedro replicoulle:
—Por que non podo seguirte agora? Estou disposto a dar a miña vida por ti.
Xesús respondeulle:
—Que ti darás a túa vida por min? Con toda verdade cho aseguro: non cantará o galo, antes de que me negues tres veces.
Meditación
O evanxeo de hoxe vai de traizóns e abandonos. Aproxímase a cruz e con ela a morte, e con ela a hora da glorificación de Deus, da glorificación do seu fillo, porque era o momento do máximo amor, do máximo servizo, da máxima entrega. E xustamente aí, no momento crucial, anúncianse traizóns e abandonos: Xudas desde o seu particular mundo interior, que nunca coñeceremos ben, e Pedro desde unha suposta valentía aínda non confrontada cos momentos de aperto. O resto dos discípulos, incluído o amado, seguirían os mesmos pasos.
E nós que? Cales son as nosas covardías, os nosos abandonos? A cantos momentos de intimidade con Xesús lle teñen seguido pola nosa parte momentos, decisións, formas de vida que manifestan un distanciamento claro con Xesús! Canto, seguro, nos temos arredado del, do seu camiño de servizo, da súa confianza absoluta en Deus, do seu apego á xente máis débil, na que a diario se nos ofrece!
Oración
Que non me chufe, Xesús,cando non debo.Que aprenda a andar con paso humilde,como ben me corresponde.Que polo menos saiba recoñeceros meus erros e pecados,as miñas covardías,as miñas traizóns,contigo, coa xente.Que saiba poñelasá calor da túa comprensión,do teu perdón,da túa forza,da túa capacidade de abrir camiños novos.
Acción
Podemos mirar se nalgunha cousa concreta, nalgunha promesa, nalgún compromiso lle estamos fallando á xente, á comunidade, á sociedade. Se restituímos coa xente, restituiremos con Deus.
27 de marzo: Mércores da Semana Santa
1ª lectura: Is 50, 4-9a
Salmo: 68, 8-10. 21bcd-22. 31 e 33-34
Evanxeo: Mt 26, 14-25
Entón un dos doce, chamado Xudas Iscariote, foi onda os sumos sacerdotes e díxolles:
—Canto me dades se volo entrego?
Eles acordaron darlle trinta moedas de prata. E dende aquela andaba buscando o momento axeitado para llelo entregar.
No primeiro día dos Ázimos os discípulos fóronlle preguntar a Xesús:
—Onde queres que che preparemos a cea pascual?
El respondeu:
—Ide á cidade, á casa de fulano e dicídelle: “O Mestre di: o meu tempo está preto, vou celebrar a Pascua cos meus discípulos na túa casa”.
Os discípulos fixeron tal como Xesús lles mandara e prepararon a Pascua.
Chegado o solpor, púxose á mesa cos doce. E mentres ceaban díxolles:
—Asegúrovos que un de vós me vai entregar.
Moi tristes empezaron a preguntarlle un por un:
—Non serei eu, Señor?
El respondeu:
—Un que meteu comigo a man no prato, ese entregarame. O Fillo do Home vaise, como está escrito del; pero ai daquel que entrega o Fillo do Home! Máis lle valía non ter nacido.
Entón Xudas, o que o ía entregar, preguntoulle:
—Non serei eu, Mestre?
Respondeulle:
—Ti o dixeches.
Meditación
“Un que meteu comigo a man no prato”, é dicir, un dos nosos, un dos íntimos, un co que tiña compartido todo, un que puido coñecer e ter experimentado de que ía todo isto, que ía de ser gratuítos, de ser solidarios, de iniciar e respectar procesos de cambio nas persoas e na sociedade, … Pero que, polo que fose, non se namorou a fondo das propostas de Xesús, ou lle asustaron, ou as acabou vendo unha parvada que non levaban a nada.
En Xudas acabou mandando o seu interese, económico ou non económico, a súa particular visión das cousas, e a distancia con Xesús e todo o de Xesús fíxose infinita. O evanxeo propónsenos, neste caso, para que nós nos vexamos no espello de Xudas. ¿Canto hai en nós de pasar polas propostas de Xesús sen entrar a fondo nelas? ¿Canto hai en nós de darlle prioridade na nosa vida aos nosos intereses económicos, de poder, de imaxe, do que sexa? ¿Con cantas persoas, en cantas ocasións podemos actuar así, esquecendo fidelidades e deixándonos levar por intereses?
Pero tamén nos podemos mirar no espello de Xesús, que afrontou infidelidades e perseverou ata a fin.
Oración
Cantas veces, Xesús,me obsequiaches coa túa amizade,coa túa palabra, co teu espírito!Cantas veces me invitachespara comer no teu mesmo prato,intimando contigo,intimando cos teus íntimosno mundo da debilidade!Cantas veces me tes propostovivir como persoa cristiá,a fondo,e ser testemuña túano medio desta sociedadepotente e empobrecida a un tempo!Cantas veces!E cantas veces eu, coma Xudas,che dei as costase busquei as miñas comenencias!
Acción
As imaxes de Xesús que paseamos polas nosas rúas nestes días de Semana Santa non son a súa mellor imaxe. E mellor imaxe de Xesús no medio de nós sono as persoas máis empobrecidas e marxinadas. ¿A algunha delas lle dei as costas? ¿Podo reparar eses meus abandonos?
28 de marzo: Xoves Santo na Cea do Señor
1ª lectura: Ex 12, 1-8. 11-14. Salmo: 115, 12-13. 15-16bc. 17-18
2ª lectura: 1 Cor 11, 23-26.
Evanxeo: Xn 13, 1-15
Antes da festa da Pascua, sabía Xesús que lle chegara a hora de pasar deste mundo para onda o Pai, e, xa que amara os seus que estaban no mundo, amounos ata a fin.
E, mentres ceaban –xa o Satán lle movera o corazón a Xudas, o de Simón Iscariote, para que o entregase—, sabendo que o Pai lle puxera todo nas mans e que saíra de Deus e ía onda Deus, ergueuse da mesa e deixou a túnica; e collendo unha toalla, cinguiuse con ela. Despois botou auga nunha almofía (palangana) e comezou a lavarlles os pés aos discípulos e a secárllelos coa toalla que levaba cinguida. Pero, cando chegou onda Simón Pedro, este díxolle:
—Señor, ¿vasme ti lavar os pés a min?
Xesús respondeulle:
—O que eu fago ti non o entendes agora; halo comprender despois.
Pedro replicoulle:
—Ti non me lavaras os pés a min endexamais.
Xesús respondeulle:
—Se non te lavo, non terás parte comigo.
Exclamou Simón Pedro:
—Señor, daquela os pés, as mans e máis a cabeza.
Dille Xesús:
—Quen se bañou non precisa máis que lavar os pés, pois está todo limpo; e vós estades limpos, aínda que non todos.
Sabía quen o había de entregar, por iso dixo: Non todos estades limpos.
Despois de que Xesús lles lavou os pés e vestiu a súa túnica, sentou outra vez e preguntoulles:
—¿Comprendedes o que fixen convosco? Vós chamádesme “Mestre” e “Señor”, e dicides ben, porque o son. Logo, se eu, o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavarvos os pés uns a outros. Deivos así un exemplo, para que, como eu fixen convosco, así fagades tamén vós.
Meditación
Todas, todos gozamos moito cando vemos unha persoa que se distingue pola súa capacidade de servizo á xente, sen buscar as súas comenencias. Recentemente puidemos ver a película de Vicente Ferrer, o xesuíta, logo casado, que na India levou a cabo unha inxente labor de promoción humana desde unha actitude de servizo, e a todos nos gustou moito a traxectoria desa persoa. Hai pouco case España enteira se enchía de agradecementos por Adolfo Suárez, pola súa capacidade para poñer harmonía, entendemento entre os políticos e porque non buscou o enriquecemento aproveitándose do seu cargo, como si fixeron antes e despois del moitos outros. E, sen pensar xa en xente tan destacada, canto nos sorprende e nos alegra tamén ver que na nosa parroquia, na nosa comunidade cristiá, na nosa vila, tal ou cal persoa se significa pola súa disposición a colaborar, a servir, a gastar tempo, preocupación, cartos, en ben de algo comunitario. Seguro que todos, todas, saberiamos dicir o nome dalgunhas destas persoas que tanto nos compracen e animan. Con eles, con elas ao noso lado, parece que a vida se nos fai máis doce, as dificultades achícanse e o futuro colle outra cor.
De Xesús de Nazaré sabemos que desenvolveu a súa vida pensando na demais xente e pola demais xente entregando a súa vida toda; non foi el o que botou a andar esta estupenda roda do amor convertido en servizo ás demais persoas, pero podemos dicir con toda a seguridade do mundo que a partir de Xesús, alentados/as por el, moitas persoas ao longo dos séculos entenderon e viviron felizmente a vida pensando nas demais persoas e servíndoas o mellor que souberon e puideron. Fixéronlle caso a Xesús niso que Xesús dixera: “Vós chamádesme Mestre e Señor e dicides ben, porque o son. Logo, se eu, o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavarvos os pés uns a outros/as.” Fixéronlle caso e, polo que se ve e se sabe, foron moi felices facéndoo así. Como andamos nós con isto do amor feito servizo a quen nos rodea? Como anda a nosa comunidade cristiá? Por isto podemos medir a calidade, a quentura da nosa vida cristiá. Unha persoa está unida, fai corpo con Xesús, e a través de Xesús con Deus, na medida en que descobre e práctica iso tan sinxelo e tan fermoso de amar servindo. Felices nós se así o descubrimos e así o vivimos. Teremos unha vida nova! Seguro!
Pero, aínda que é tan fermoso e tan atraínte, tamén é certo que non sempre é doado vivir así. O mesmo evanxeo de hoxe, ao lado de Xesús, ponnos outros dous personaxes aos que tamén lles debemos prestar atención para abrir os ollos e aprender. Son Xudas e Pedro. De Xudas sabemos pouco. Era discípulo de Xesús, e, non se sabe por que entendeuse coas autoridades relixiosas xudías para poder prender e logo matar a Xesús. Despois colgouse. Un traidor desesperado. Pero por que? Os evanxeos non son claros ao respecto e enténdese que Xudas, que era un xudeu apaixonado contra os dominadores romanos, viuse decepcionado por Xesús, pola súa maneira de querer resolver as cousas a base de amar a xente débil, de servila, de querer gañar así os corazón das persoas, e facer un cambio fondo na sociedade. Xudas quería guerra, armas, solucionar as cousas pola violencia. Xesús pensaba noutra violencia: a do amor servidor a fondo. Dous modelos de vida. Dúas formas de estar na sociedade e de cambiala. Onde nos situamos nós? Como intentamos resolver os moitos problemas que, por exemplo, estamos vivindo nestes tempos de crise? Como resolvemos as dificultades de convivencia que cada día podemos ter coa xente da casa, coa xente veciña, ou na mesma comunidade cristiá?
O outro personaxe é Pedro. Pedro estaba totalmente collido por Xesús. Desde aquela mañá en que Xesús o chamara estando el na pesca co seu irmán Andrés, enganchárase a Xesús dunha forma apaixonada. Pero custáballe entender moitas cousas de Xesús. E en especial algo que para Xesús era case o máis importante: que o poder máis grande é o do servizo, e que, por iso mesmo, quen ten autoridade debe sobresaír pola súa capacidade de servir. Pero Pedro pensaba, como a maioría de nós, no señorío: quen manda debe non servir, senón ser servido coma un señor. E por iso non quería por nada do mundo que Xesús lle lavase os pés, que era cousa de criados e criadas. Xesús púxoo entre a espada e a parede: pois ou deixas que che lave os pés ou ti e máis eu non temos nada que ver un co outro. Pedro cedeu. Nós somos bastante coma Pedro. Iso de que quen manda teña que servir máis parécennos unhas palabras bonitas que ninguén cumpre, porque quen manda, manda, e acabouse. E así nos vai. Empézase por servilos, logo por ofrecerlle regalos, logo por querer sacar algún proveito deses regalos, e acabamos no que todos e todas ben sabemos. Nunca coma nos tempos de hoxe nos fai tanta falla deixarnos coller pola proposta de Xesús: o amor convertido en servizo, a autoridade convertida en servizo é o único que pode abrir camiños novos na escuridade que poida enredar as nosas vidas. Só o servizo á xente máis débil salva, libera.
Nunca como na celebración de hoxe poderemos chegar tanto ás fontes do amor e do servizo, con Xesús, en comunidade como ten que ser.
Preces
LAVÉMONOS OS PÉS UNS AOS OUTROS
Xesús, grazas por nos amares ata o extremo. Que saibamos corresponderche como mereces co noso amor e paixón por ti e polo teu estilo de vida. Oremos.
Xesús, grazas por te faceres criado e servidor noso. Que saibamos aprender de ti e facernos servidores uns dos outros/as, e nunca persoas de abuso e chulería. Oremos.
Xesús, grazas por nos teres ensinado co exemplo como se serve e axuda. Que saibamos ser persoas de axuda e colaboración en todo, con todos e todas. Oremos.
Xesús, grazas por ternos ensinado que a relixión verdadeira se realiza no coidado coa xente máis débil. Que saibamos compartir o noso tempo, os nosos coidados, os nosos cartos con quen o preciso para vivir. Oremos.
Oración
O Xoves Santonaquela cea cos teus discípulos e discípulasabríchesnos as fontes do amor.Grazas, Xesús.Viñeras amando e servindo,porque así o aprenderas de Deus, a quen tanto querías,e o teu amor daquela chegou ata o extremo.Grazas, Xesús.Durante a cea,que con tanta intensidade celebrabas coa túa xente,quitas o manto, colles a toalla,e poste a lavarlles os pés aos teus amigos e amigas.Grazas, Xesús.Laváchesllos a Xoán, o discípulo amado,pero tamén a Pedro, o de cabeza dura,e a Xudas, o traidor,a todas e a todos.Nós estabamos tamén alí dalgunha maneira.Tamén a todas, a todos nós nos lavaches os pés.Grazas, Xesús.Non excluíches a ninguén,que ti non sabes de exclusións:nin o/a divorciada volta a casar,nin o/a alcohólica de quen todo o mundo se sente ou burla,nin o/a gay que se avergonzaba de selo,nin o rico financeiro insolidario,nin a musulmá medio agachada nos seus habitelos,nin o violador do ensanche,nin a min.Grazas, Xesús.Inauguraches uns tempos novos.Abríronse as fontes do amorpara que nelas bebese quen ben quixer,gratuitamente.O servizo sen fronteiras empezou a ser o sinal de identidadede quen quixese andar os teus camiños.Grazas, Xesús.Déchelo todo,décheste todo, sen reservas,exemplo de servizo e de coidadospara o día do amor revolucionario que quedaba para sempre inaugurado.Grazas, Xesús.
HORA SANTA
Oración da noite, acompañando a Xesús
Ofrecemos esta posible maneira de levar a cabo ese tempo de oración que, persoalmente ou en grupo, moitas persoas crentes gustan de realizar, para acompañar a Xesús nesta hora do seu completo ofrecementos por todos e todas nós, para enchouparnos desa fondura de amor co que nos amou ata o extremos. Agradecemento e dispoñibilidade serán as dúas actitudes básicas coas que achegarnos a este momento.
Signos: Os da Última Cea: un mantel, un pan, unha xerra das de viño, unha toalla, unha almofía (palangana), un mandil.
Breve explicación do que imos facer:
Coméntanse os signos, que nos recordan a Última Cea e os signos que Xesús fixo nela. Queremos acompañar a Xesús, como un amigo/a acompaña a un amigo/a cando o ve pasando por unha situación tensa. Acompañar, para deixarnos arrastrar por el nas súas opcións de vida, no seu estilo de vida, na súa decisión firme de chegar ata a morte, se fixese falla, antes de renunciar a ser persoa de amor e de servizo. Entrar no mundo de sentimentos de Xesús, asociarnos a el, deixarlle a el que conmova a nosa existencia toda. Imos facer iso parándonos en cinco momentos especiais que Xesús viviu con especial intensidade, antes, durante e despois da Última Cea.
Actualizar este momento. Xesús está vivo no rostro da persoa pobre, marxinal, débil… Escollemos cada un unha persoa destas, ou un grupo de persoas, un grupo social, para identificala con Xesús e introducila tamén; oramos con ela, con ese grupo, escoitámola tamén a ela, adoramos nela a presenza de Xesús, dispoñémonos a servila…
Canto:
Nesta tarde de gloria e de festarecordamos o amigo Xesús,na súa cea cos seus compañeiros,pouco antes de morrer por nós.Cos seus feitos, coas súas palabras,ensinounos a todas Xesúsque servindo e amando os veciñosfaise aquí a vontade de Deus.
1. “Moito levo desexado comer esta Pascua convosco antes de eu padecer” (Lc 22,15).
Dínolo tamén hoxe a cada un de nós. Dínolo Xesús e dínolo esa persoa débil, oculta, que temos no corazón con Xesús. Acollemos a fondo este sentimento de Xesús. Coñéceme ben, e por iso mo di. É unha proposta de amor, de amizade; é unha busca de afecto, de apoio, de axuda. É a súa ansia por estar na comunidade nova, de irmáns e irmás, ao redor da mesa do pan compartido, dos dereitos compartidos tamén. Xesús necesitado de min, de nós, da comunidade. O amigo/a oculta necesitada de min, da comunidade.
Acollo e oro. Contesto en privado ou en público o que lle queira contestar a Xesús que me di iso.
Canto: Déixate querer, déixate querer, déixate querer por Deus. (por Xesús, pola persoa oculta)
2. “Este é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en memoria de min.(…) Esta copa é a Nova Alianza, selada co meu sangue, que se verte por vós” (Lc 22,19b.20b).
Comer xuntos/as como sinal de fonda intimidade, compenetración, comuñón de sentimentos e de vida: entregarse, pensar nos demais, desfacerse para que outros/as tivesen vida, medrasen, recuperasen dignidade, ganas de vivir, alento, paz, alegría. Que forte ser comensal con Xesús e co amigo/a oculta que o acompaña. Que lle tes que dicir a Xesús por iso? Estás disposto a acoller tanto don? Asústate iso? Dillo a Xesús, dillo ao amigo/a invisible que o representa.
Ora. Se queres, comparte algo do que ores. Podes erguerte e bicar o cáliz, o copón.
Canto: Xuntiños o pan dos amigos hemos comer. Xuntiños o viño do encontro hemos beber.
3. “Pois, quen é máis importante, quen está sentado á mesa ou quen o serve? Acaso non é quen está sentado á mesa? Pero eu ando entre vós coma quen serve.” (Lc 22,27). E por iso, durante a cea, “botou auga nunha palangana e comezou a lavarlles os pés aos discípulos/as e a secarllelos coa toalla que levaba cinguida” (Xn 13,5).
Imaxínome a Xesús diante de min, lavándome os pés. Así era Xesús, así é Xesús, así é Deus. Deus ao meu servizo. “Tamén vós debedes larvarbos os pés uns a outros/as.”(Xn 13,14b). Ser servido, servida por Xesús, por Deus, de tantas maneiras. Asústame servir? No servizo está a túa liberación. No servizo está a liberación da sociedade, do mundo; non no poder, no mando. Cres isto? Pregúntacho tamén o amigo/a oculta que acompaña a Xesús, en representación dos centos de persoas que esperan algo de ti.
Ora. Comparte. Podes erguerte e bicar o mandil, a toalla, os pés dun compañeiro/as…
Canto: Douvos un novo mandato(2), que vos amedes (2), como eu vos teño amado.
4. “Xudas, cun bico entregas o Fillo do home?”
Todos/as levamos dentro de nós un Xudas, un covarde, un violento que non cre na forza do servizo, un desilusionado que abandona o camiño, a tarefa común. Un inconsecuente, que semella andar en amizade, pero que non se deixa conmocionar pola túa vida, pola vida da túa xente máis querida: a xente que por calquera razón non conta. Igual queres bicar a Xesús, pero sen bicar ao amigo/a invisible que o acompaña. Que fácil é ás veces bicar a Deus, cando nos desentendemos da xente débil. Eses son bicos de traizón. “Ten por seguro –dicíalle tamén Xesús a Pedro—que hoxe, antes de que o galo cante, negarás tres veces que me coñeces”. Que pena, cando os máis amigos, as máis amigas, dan as costas!
Ora. Comparte.
Canto: Levanto os meus ollos cara os montes / na procura da túa axuda, meu Deus, pois de ti vaime vir a miña axuda ( de ti que fixeches o ceo e máis a terra.
5. “Meu Pai, se queres, arreda de min este cáliz. Pero que non se faga a miña vontade, senón a túa. E, cheo de angustia, pregaba con máis intensidade aínda, mentres suaba coma pingas de sangue que esvaraban ata o chan” (Lc 22,42.44)
O camiño de Xesús non foi un camiño de rosas. Angustiado, abandonado, cheo de pavor, buscou axuda nos máis amigos, buscouna tamén en Deus. Xesús na hora do aperto busca axuda en ti, na comunidade. O amigo invisible busca axuda en ti. Os apóstolos quedaron durmidos. Non caeron na conta do drama que alguén vivía ao seu redor. Estás viva, esperta, para acompañar a Xesús e á xente máis débil nas súas angustias?
Xesús totalmente disposto a cumprir a vontade do Pai, que coincidía co seu empeño por estar cheo de valentía e de tenrura do lado de quen tiña a vida máis hipotecada. Deus non lle fallou, deulle conforto. Deus tamén che ofrece a ti todo o conforto do mundo. Fíaste del algo polo menos coma Xesús?
Ora, comparte.
Canto: Aquí estou, Señor, pra facer a túa vontade,
veño renovar diante de ti a fidelidade.
Final
Coas mans unidas, rezamos o Noso Pai con Xesús, que nolo ensinou, e con esas persoas débiles que levamos escondidas no corazón, con todas as persoas máis débiles do mundo, que hoxe prolongan na historia a Paixón de Cristo e tamén son obxecto da súa solicitude extrema.
Despedímonos de Xesús. En silencio ou mediante unha palabra agarimosa, como cando nos despedimos dun amigo, dunha amiga.
29 de marzo: Venres Santo na Paixón do Señor.
1ª lectura: Is 52, 13—53, 12. Salmo: 30, 2 e 6. 12-13. 15-16. 17 e 25
2ª lectura Heb 4, 14-16; 5, 7-9
Paixón segundo Xoán: 18, 1—19, 42
Por se a algún grupo ou comunidade lle pode servir, ofrecemos esta forma de celebración, partindo da oficial, pero adaptada ás condicións sobre todo dunha celebración onde o sacerdote non poida estar presente.
Empezamos presentando as catro partes das que se compón a celebración de hoxe, despois da introdución: Liturxia da Palabra, Pregaria universal, Adoración da Santa Cruz e Comuñón.
0.-Introdución
Recollémonos en comunidade, diante de Deus, diante de Xesús morto na cruz. A morte sempre é algo digno de moito respecto, de agarimo, de agradecemento; a morte de Xesús tamén o é, e dunha maneira moi excepcional: Xesús, o fillo de Deus, sempre buscando servir e agradar a Deus, sempre buscando servir e agradar á xente máis débil, máis marxinada, máis pecadora…, Houbo xente que quixo acabar con el e coas súas ideas, e co seu estilo de vida tan de irmán. Matárono, e hai nisto un misterio grande de maldade que nos envolve a todos e todas, pero sabemos que Deus recolleuno na súa vida para sempre, e hai aquí tamén un misterio grande de vida e de salvación que a todos e todas nos alcanza..
Poñémonos diante da cruz, diante do Cristo crucificado, que hoxe ademais tamén representa a toda a xente inocente do mundo que sofre abusos e morte por parte dos poderosos. Oramos en silencio.
Pregaria para rezar xunt@s
Pai noso do ceo,grazas por pensares en nós.Grazas por achegarte a nóspara nos dar vida e alento.Grazas por Xesús,tan bo, tan humilde, tan valente,tan arrimado sempreá xente débil e pecadora,entre a que estamos tamén nós.Imos recordar a súa morte:amounos ata a morte,e morte de cruz.Recordámola con admiración e agradecemento,Recordámola taménquerendo aprendero camiño de vida que Xesús nos ensinou,feito de amor e de servizo.Que o teu Espírito bonos abra os ollos,nos abrande o corazónpara comprender be e amarcanto fas por nós.Por Xesús Cristo o noso Señor. Amén.
1.- Liturxia da Palabra
Lemos un anaco da paixón segundo san Xoán. Antes ou despois da mesma podemos rezar o salmo 30, da liturxia de hoxe, sempre e cando non se lea algunha das primeiras lecturas. Lese a paixón e comentámola un pouco, repasando algúns momentos da mesma, fixándonos no comportamento de acollida ou de rexeite das diferentes persoas que aparecen no relato.
2.- Pregaria universal
Hoxe, cando recordamos a morte de Xesús na cruz polo ben de toda a xente do mundo, presentámoslle a Deus as nosas oracións, para que o ben, a irmandade que Xesús veu espallar entre nós, nos colla a todos, e vaiamos acabando co que fai sufrir a xente. Contestamos a cada oración dicindo xuntos:
NA TÚA CRUZ, XESÚS, ESTÁ A NOSA SALVACIÓN
Pedimos pola xente enferma, soa, desamparada, que hai entre nós e polo mundo adiante.
—Señor, ben ves que hai moita xente que sofre por estar enferma, moita con enfermidades moi graves; hai xente que padece por sentirse soa, moi soa, e desamparada, sen ninguén que mire por ela. Que, alentados por ti, teñamos moi presente a esa xente na nosa vida, que saibamos acompañala e apoiala no que poidamos. Recemos xuntos.
Pedimos agora pola xente que está sen traballo ou que non gaña o necesario para vivir con dignidade.
—Poñemos nas túas mans, Deus noso, a toda a xente que non ten medios de vida, que carece de pan, de menciñas, de casa; xente que foi botada das súas casas e dos seus traballos. Que contigo saibamos comprender e defender os seus dereitos e loitar por unha sociedade máis xusta. Recemos xuntos.
Pedimos tamén pola xente de fóra que vén traballar e vivir entre nós.
—Lembrámonos diante de ti, Pai noso, a xente estranxeira, que veu a Galicia, a España, buscando medios de vida para si e os seus. Que saibamos comprendelos e apoialos, que saibamos integralos dándolles e pedíndolles o que é de xustiza e de amor. Recemos xuntos.
Pedimos polos centos e centos de persoas que polo mundo adiante están sendo asasinadas por seren cristiás. Que, seguíndote a ti, todos aprendamos a respectar as ideas, a relixión, a cultura dos demais, e sobre todo a súa vida. Recemos xuntos.
Pola xente musulmá e cristiá que é violenta, que pensa que matando e arrasando se solucionan os problemas dos países e do mundo. Para que creamos firmemente na paz, a vivamos, a coidemos día a día en todas as nosas actuacións. Recemos xuntos.
E, por último, pidamos pola nosa parroquia, por todas as parroquias do mundo, por toda a Igrexa, para que aprendamos a sentir e a vivir como Cristo o fixo, para poñer no mundo unha boa semente de paz, de xustiza e de felicidade. Recemos xuntos.
3.- Adoración da cruz
(Pódese facer con procesión ou sen ela. Sería mellor con procesión, crear un pouquiño de movemento convértese nun rito proveitoso, que rompe coa monotonía. Tres pequenas paradas, tres exclamacións e cantos de adoración, e logo o bico de todos, todas, á cruz. Para empezar este rito pódese dicir:
Agora imos adorar a cruz, que nos recorda a cruz na que morreu por nós o noso Señor Xesús Cristo. Esta cruz recórdanos a cruz de todos os que sufriron e aínda sofren por defender a irmandade entre a xente. Esta cruz tamén os recorda a cruz de moitísima xente e pobos inocentes que aínda hoxe sofren sen razón por causa da maldade nosa e doutras persoas ou pobos. Facémolo con sinxeleza e devoción, agradecendo todo o amor que Xesús nos ten, e recoñecendo o mal que facemos, polo que ás veces facemos que outros padezan por culpa nosa. Adoramos, logo, a cruz con amor, con pena, e con ganas de deixarnos coller pola forza de amor e de ben que brota da cruz de Xesús.
MIRADE A ÁRBORE DA CRUZ,ONDE ESTIVO CRAVADO O SALVADOR DO MUNDO.VIDE, ADORÉMOLA.
—VITORIA, TI REINARÁS.OUH CRUZ, TI NOS SALVARÁS.
4.- Comuñón no corpo de Xesús
Agora imos recibir a Santa Comuñón. O Pan de Xesús é o sacramento polo que hoxe Xesús se quere unir intimamente con cada un de nós, e con cada unha das persoas que sofren no mundo .Tamén é a maneira que nós temos de nos unir intimamente con el e con todos os que levan cruz entre nosoutros e no mundo enteiro.
Rezamos primeiro o Noso Pai, dándonos as mans.
Despois da Comuñón,
ACCIÓN DE GRAZAS
Estamos un pouquiño en silencio recollendo con agradecemento algo do que vivimos nesta celebración.
Agora dámos grazas xuntos. (Pódense ler todos ou algúns destes agradecementos; pódese tamén dar paso a que a xente presente os seus propios agradecementos). Contestades a cada agradecemento dicindo:
GRAZAS, XESÚSPolas palabras de ánimo coas que lle devolviches a esperanza a tanta xente.Pola fe e a confianza firme en Deus Pai que sempre viviches.Por te arrimares con tanta paixón e tanto amor á xente máis débil e marxinada.Polo amigo que sempre fuches de amigar coa xente pecadora para axudalos sen esprezos.Polo considerado que fuches sempre coas mulleres nunha sociedade tan machista como a que che tocou vivir.Porque sempre te dedicaches a servir a xente, e nunca a señorear e a aproveitarte dos demais.Polo aguante que tiveches nas horas de sufrimento e de abandono.Porque nunca contestaches con mal e con violencia ao mal e á violencia que che facían.Porque amaches ata a morte, con moito humildade e valentía.Pola forza que tiñas para te encarar coas persoas que esmagaban os débiles.Polo teu corpo entregado polo ben e a paz de todos.Polo teu sangue vertido coma semente de irmandade.Polo teu espírito, que é potente para cambiarnos a nós e ao mundo.Por todos os homes e mulleres que seguiron o teu camiño e nos achegan a ti.Por toda a xente que hoxe loita coma ti, para que o mundo sexa máis xusto e feliz.Polo Deus que nos ensinaches, doído, misericordioso e loitador pola dignidade de toda a xente do mundo.Por seguires vivo entre nós, alentándonos cara á liberdade e á felicidade fonda e verdadeira.
VIA CRUCIS POPULAR
Tamén ofrecemos este Via Crucis, por se a algunha persoa ou grupo lle pode interesar. Se parece conveniente, pódese reducir suprimindo algúns elementos.
O porqué deste Via Crucis
Desde o primeiro momento as persoas e comunidades cristiás decatáronse da carga especial que tiña para elas aquel recorrido doloroso que levara a Xesús de Nazaré desde o pazo de Pilatos, que o acababa de condenar a morte, ata o calvario, onde morrería inxustamente axustizado nunha cruz.
Deseguida se construíron relatos que narraban o acontecido, e deseguida tamén estes relatos correron de man en man, de comunidade en comunidade, incluso antes do que os mesmos evanxeos, alimentando a dor, a admiración, o agradecemento por aquel Xesús disposto a morrer, se tal fixese falla, antes de deixar de ser fiel a Deus e ao que Deus lle empuxaba a facer e defender.
Todo isto callou desde hai moitos anos na devoción do “Via Crucis” (Camiño da Cruz), que, sobre todo no tempo da Coresma, foi andado individual ou comunitariamente; para facilitar iso, en todas as igrexas –ás veces tamén fóra das igrexas— estaban gravadas pequenas taboíñas, cadros ou pinturas, que reproducían cada unha das catorce estacións nas que se dividía o recorrido do pazo de Pilatos ata o Calvario. A xente simbolizaba o recorrido de Xesús desprazándose ela tamén ao longo da Igrexa. E o seu corazón, doído e agradecido, facíase un con Xesús naquelas horas para el tan tremendas.
Desde sempre tamén as persoas e comunidades cristiás entenderon que a dor e morte de Xesús, o seu “Vía Crucis” particular, tiña continuidade na dor, na angustia, na morte de tantísimos homes e mulleres, que, coma el, sufrían na inocencia os golpes inxustos que alguén indebidamente descargaba sobre eles.
O “Vía Crucis” de Xesús resoa no mundo da aldea dun modo moi especial. Pensamos que o mundo da aldea en Galicia ten tamén o seu particular “Vía Crucis”, vinculado ao de Xesús. Por todo isto queremos manter a antiquísima devoción do “Vía Crucis”, unindo entrañablemente esas dúas persoas: a de Xesús e a do home ou muller de aldea, pensando que desa unión lle virá a Xesús un rostro histórico que o identifique entre nós, e ao home ou muller de aldea, alguén con quen identificarse, alguén a quen agarrarse, alguén do que recibir forza, na busca dunha pacificación, dunha liberación da que tanto precisa.
Introdución
Imos facer o Via Crucis, o camiño da cruz. Imos acompañar a Xesús naqueles últimos e dolorosos momentos da súa vida, desde a súa condenación a morte ata a súa sepultura. Con el imos acompañar tamén a moitos homes e mulleres inocentes que hoxe son entre nós unha representación viva do Xesús condenado inxustamente. Fagámolo deixándonos coller, deixándonos afectar por todo o que vaiamos lembrando.
No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo.
1ª estación: Xesús é condenado a morte.
Todos:
Adorámoste, Cristo, e bendicímoste,pola túa santa cruz redimiches o mundo.ouBendito sexas, Xesús,que nos salvaches na cruz.
Lectura: Mc 15, 12-15
Pílato díxolle á multitude:
—E que fago eu con ese ao que chamades rei dos xudeus?
A xente volveu berrar:
—Crucifícao!
Pilato replicou:
—Pero, que mal fixo?
Mais a xente berraba máis forte:
—Crucifícao!
E Pilato, para compracer o pobo, soltou a Barrabás; e a Xesús, despois de o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen.
Meditación
As autoridades relixiosas e políticas condenaron a Xesús a unha morte inxusta, contra a vontade de Deus, por defender o amor preferente de Deus pola xente empobrecida, fráxil, pecadora,
Nós ás veces tamén machucamos o inocente. E polo mundo adiante, polas guerras, a fame, por ter que andar pedindo refuxio e asilo, hai moita xente inocente que padece como Xesús padeceu. Témola presente neste Via Crucis
Silencio.
Todos:
Ti es, Señor, a miña defensa e o meu triunfo.(Sl 3, 4)
Noso Pai.
Canto: Déixate querer, déixate querer, déixate quere por Deus (2)
2ª estación: Xesús carga coa cruz
Todos:
Adorámoste, Cristo, e bendicímoste,pola túa santa cruz redimiches o mundo.ouBendito sexas, Xesús,que nos salvaches na cruz.
Lectura: Xn 19, 16b-17
Entón colleron a Xesús. E, cargando el mesmo coa cruz, saíu para o lugar chamado da Caveira, que se di Gólgota en hebreo.
Meditación
Xesús, o santo de Deus, coa cruz ás costas polas rúas adiante cara ao Gólgota. Soportaba moito sufrimento por ser fiel ao seu compromiso con Deus e coa xente.
O camiñar doloroso de Xesús pode estar representado hoxe no camiñar doloroso de tantos refuxiados que buscan vida. E tamén no esforzo da xente do campo por buscar saídas a tanto decaemento que se está dando nas aldeas.
Silencio
Todos:
Con Señor ao meu lado nunca caerei. (Sl l6, 8)
Noso Pai
Canto: Camiñarei na presenza do Señor (2)
3ª estación: Xesús cae por primeira vez
Todos:
Adorámoste, Cristo, e bendicímoste,pola túa santa cruz redimiches o mundo.ouBendito sexas, Xesús,que nos salvaches na cruz.
Lectura: Is 50, 5-7
O Señor Deus abriu o meu oído
e eu non me rebelei, non me botei para atrás.
Ofrecín o lombo aos que me azoutaban,
e a miña cara aos que me arrincaban a barba.
Non escondín a miña cara dos insultos e das cuspiñadas.
Pero o Señor axudarame,
por isto non me sinto avergonzado
poño a miña cara coma un diamante,
pois sei que non me avergonzarei.
Meditación
Xesús está só ante a dor e o abandono. Fállanlle as pernas e cae, pero non decae a súa confianza en Deus, nos fraquea a seguridade de que en Deus atopará un forte valedor.
A caída dolorosa de Xesús vai hoxe entrañablemente acompañada pola caída e recaída de moitos drogadictos e delincuentes que non dan saído do seu pozo e de calquera persoa humana que busca orientar, refacer a súa vida e non o dá conseguido. Tamén para esas persoas Deus quere ser un brazo que sostén e abraza, que dá forza e agarimo.
Silencio
Todos:
Polos xemidos da xente pobre,
agora mesmo me levanto –di o señor. (Sl 12, 6)
Noso Pai
Canto: Levanto os meus ollos cara aos montes,
na procura da túa axuda, meu Deus,
pois de ti vaime vir a túas axuda,
de ti que fixeches a terra e máis o ceo.
4ª estación: Xesús encóntrase coa súa nai María
Todos:
Adorámoste, Cristo, e bendicímoste,pola túa santa cruz redimiches o mundo.ouBendito sexas, Xesús,que nos salvaches na cruz.
Lectura: Lc 2, 33-35
No momento da presentación do neno Xesús no templo, o pai e máis a nai do neno ficaron abraiados polo que o vello Simeón dicía do neno. Bendiciunos Simeón e díxolle a María, a nai:
—Mira, este neno está disposto para que moita xente en Israel ou caia ou se levante; será unha bandeira ou sinal de contradición, para que fiquen ao descuberto os pensamentos de moitas persoas; e a ti mesma unha espada hache atravesar a alma.
Meditación
A dor de Xesús acentuaba a dor de María, a súa nai. A dor da nai María acentuaba a dor de Xesús. Ambos fundidos nunha misteriosa aposta de fe e de esperanza no Deus que os sostiña.
Canto sabe a aldea da resistencia de nais que choraban ausencias, que mantiñan as casas, que por riba sufrían tanta desconsideración! As dores pasadas das nosas mulleres ou nais continúan baixo tantos comportamentos machistas na aldea e na cidade. E Deus en Xesús facendo súas todas estas dores.
Todos:
Desde o ventre materno ti es o meu Deus. (Sl 22, 11)
Noso Pai
Canto
María, a nosa Terra quere unha nai,
pra erguerse dun asoballo de moitos anos;
María, se as pobres de hoxe nos liberamos,
María, que máis queremos que o teu cantar.
5ª estación: o Cireneo axúdalle a Xesús a levar a cruz
Todos:
Adorámoste, Cristo, e bendicímoste,pola túa santa cruz redimiches o mundo.ouBendito sexas, Xesús,que nos salvaches na cruz.
Lectura: Mc 15, 21
Pasaba por alí Simón de Cirene, o pai de Alexandro e de Rufo, que volvía da leira, e obrigárono a cargar coa cruz.
Meditación
Botan man do Cireneo que pasaba por alí. O tal Cireneo era un labrego, que sabía de esforzos e de resistencias; así, con gusto ou por forza arrimou o seu lombo, como tantas veces o tiña feito para aliviar a vida doutras persoas.
Benditas as persoas que se doen das cruces alleas! Benditos tantos Cirineos e Cirineas que temos coñecido e que mesmo nos teñen axudado a levar adiante a vida. Benditas nós, cando traballamos polo común para mellorar a vida da xente!
Silencio
Todos:
O teu bastón e o teu caxato son o meu sosego. (Sl 23, 4)
Noso Pai
Canto:
O Señor é o meu pastor, nada me falta,
o Señor é o meu pastor, sempre vai comigo.
6ª estación: a Verónica enxuga e limpa e rostro de Xesús
Todos:
Adorámoste, Cristo, e bendicímoste,pola túa santa cruz redimiches o mundo.ouBendito sexas, Xesús,que nos salvaches na cruz.
Lectura: Is 53, 2-4a
O Servo do Señor subiu como tenro gromo na súa presenza,
como raíz en terra reseca.
Non tiña beleza nin esplendor;
vímolo e o seu aspecto non era atraente.
Desprezado, o máis rexeitado dos seres humanos,
varón de sufrimentos, familiarizado coa dor.
Como algún de quen se esconde a cara,
desprezado, non lle tivemos aprecio.
El cargou coas nosas dores,
el soportou os nosos sufrimentos.
Meditación
Segundo a tradición, foi unha muller, a Verónica, quen se doeu de Xesús; ousou pasar por riba de todas as vixilancias para achegarse a el e aliviar un pouco o seu sufrimento.
Admiramos a aquela muller valente e doída. Admiramos a tantas mulleres que hoxe polas aldeas de Galicia andan facendo o meritorio oficio de coidar a xente maior en orfandade; mulleres de aquí ou mulleres estranxeiras.
Silencio
Todos
Ten corazón forte e valente,
espera no señor. (Sl 27, 10. 13-14)
Noso Pai
Canto:
Quero estar ao teu lado, Señor.
Quero estar ao teu lado, Señor.
Quero estar ao teu lado, Señor.
7ª estación: Xesús cae por segunda vez
Todos :
Adorámoste, Cristo, e bendicímoste,pola túa santa cruz redimiches o mundo.ouBendito sexas, Xesús,que nos salvaches na cruz.
Lectura: Is 53, 4b-5
Nós considerámolo ferido,
castigado por Deus e aflixido.
Pero foi ferido por causa das nosas rebeldías,
foi esmagado polas nosas iniquidades.
O castigo que nos trouxo a paz caeu sobre el,
a súa ferida foi a nosa curación.
Meditación
Xesús volve caer baixo o peso da cruz. Levaba no seu lombo inocente o peso enorme dei moita xente que malvive e morre como vítimas de gobernos corruptos, do roubo de nacións máis poderosas, de abusos de traficantes de seres humanos, da indiferenza de quen ollamos para outro lado. .
En que medida somos dos que ollamos para outro lado, dos que nada facemos para que a cousa cambie?
Silencio
Todos:
O Señor aluma as miñas tebras. (Sl 18, 29)
Noso Pai
Canto
Salvador do mundo, sálvanos,
Salvador do mundo, sálvanos,
Salvador do mundo, sálvasnos.
8ª estación: Xesús consola as mulleres de Xerusalén
Todos:
Adorámoste, Cristo, e bendicímoste,pola túa santa cruz redimiches o mundo.ouBendito sexas, Xesús,que nos salvaches na cruz.
Lectura: Lc 23, 27-31
Ía tras de eles unha chea de xente e mulleres chorando e laiándose por el. Xesús volveuse cara a elas e díxolles:
—Fillas de Xerusalén, non choredes por min; chorade máis ben por vós e polos vosos fillos. Porque, mirade, veñen días nos que se dirá: “Afortunadas as estériles, os ventres que non pariron e os peitos que non criaron”. E pediranlles aos montes: Caede enriba de nós!, e aos outeiros: tapádenos! Porque se isto fan coa árbore verde, que lle pasará á seca?
Meditación
Está ben que nos doia o sufrimento de Xesús, que nos sintamos pesarosos polo mal que ás veces facemos. Está ben que nos sintamos mal vendo que nos desentendemos de Deus e da súa ansia por toda a xente do mundo.
Xesús non se busca a si mesmo. Invítanos a coller con forza e rectitude as rendas da nosa vida, do noso pobo, da natureza, fuxindo de mirar soamente polas nosas comenencias e traballando xuntas pola dignidade de homes e mulleres do campo.
Silencio
Todos:
Eu teño confianza en ti, Señor,
ti es o meu Deus. (Sl 31, 15)
Noso Pai
Canto
Amósame, Señor, os camiños da vida,
amósame, Señor, os teus camiños.
9ª estación: Xesús cae por terceira vez
Todos:
Adorámoste, Cristo, e bendicímoste,pola túa santa cruz redimiches o mundo.ouBendito sexas, Xesús,que nos salvaches na cruz.
Lectura: Is 53, 7-8
Foi oprimido, foi aflixido, pero el non abriu a súa boca.
Foi levado coma unha res ao matadoiro,
e, como ovella muda ante o tosquiador, non abriu a súa boca.
Foi levado coma cun xuízo perverso,
ninguén se preocupou da súa vida.
El foi arrincado do mundo dos vivos,
Para o noso ben foi ferido pola rebeldía do seu pobo.
Meditación
De novo o peso insoportable e a caída. E de novo tamén a resistencia dun home cheo do espírito de Deus.
Con Xesús cae tamén a xente da aldea, vítima das grandes industrias da alimentación, de gobernos inconscientes, e vítimas tamén da propia resignación, dos propios abandonos. Xesús, home de aldea, acompaña os nosos sufrimentos e alerta as nosas covardías.
Silencio
Todos:
Nós agardamos o Señor,
El é o noso socorro, o noso escudo. (Sl 33, 20)
Noso Pai
Canto
Son pecador, quero arrepentirme,
son pecador, quero arrepentirme,
son pecador, quero arrepentirme,
espero en ti, Señor.
10 estación: os soldados ispen a Xesús para o crucificar e sortean as súas roupas
Todos:
Adorámoste, Cristo, e bendicímoste,pola túa santa cruz redimiches o mundo.ouBendito sexas, Xesús,que nos salvaches na cruz.
Lectura:
Entón os soldados, cando crucificaron a Xesús, colleron a roupa del e fixeron catro partes, unha pare para cada soldado; e a túnica á parte. A túnica non tiña costuras e estaba tecida dunha peza de arriba abaixo. E falaron os soldados entre eles: “Non a rachemos, sorteémola, a ver a quen lle toca”.
Así cumpriuse a Escritura, que di:
“Repartiron entre eles a miña roupa e sortearon a miña túnica.”
Meditación
Xesús espido, exposto como obxecto de risa e de escarmento polos poderes relixiosos e políticos do momento. Xesús empobrecido ao máximo para enriquecer a todo o mundo co seu Espírito.
E o mundo rural con Xesús. Cantas veces pretendemos abrirnos futuro coidando a nosa aparencia, a nosa ridícula prepotencia, as nosas comenencias, os nosos enchufes, aínda a costa do ben común entre veciños e veciñas.
Silencio
Todos:
Esquécense de min como dun morto;
eu son como un cacharro que non serve. (Sl 31, 13)
Noso Pai
Canto
Preto de ti vivir quero, Señor,
anque deba sufrir na cruz da dor.
Ledo no sufrimento hei de cantar así:
máis preto quero estar, meu Deus, de ti.
11ª estación: Xesús cravado na cruz
Todos
Adorámoste, Cristo, e bendicímoste,pola túa santa cruz redimiches o mundo.ouBendito sexas, Xesús,que nos salvaches na cruz.
Lectura: Mc 15, 24a. 25-32
E crucificaron a Xesús. Era a media mañá cando o crucificaron. Un letreiro anunciaba a causa da súa condena: “O rei dos xudeus”. Con el crucificaron tamén a dous bandidos, un á dereita e outra á esquerda.
Os que pasaban por alí burlábanse del, abaneando as cabezas e dicindo:
—Vaites, vaites, o que destrúe o Tempo e o reconstrúe en tres días! Anda, baixa agora da cruz e sálvate!
Do mesmo xeito, os sumos sacerdotes cos letrados dicían burlándose del:
—Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo! O Mesías, o rei de Israel! Que baixe da cruz agora, para que vexamos e creamos!
Tamén os que estaban crucificados con el o aldraxaban.
Meditación
Xesús envolto en dores físicas e burlas. O letreiro era unha burla. Eran unha burla os ataques á confianza absoluta que tiña en Deus. Deus parecía calar. Xesús agoniaba.
Hai millóns de Cristos inocentes crucificados no mundo de hoxe. Tamén entre os nosos veciños e veciñas. E cantas veces nós, no canto de acoller e acompañar con reverencia eses sufrimentos, os xulgamos como castigo ou como abandono de Deus!
Silencio
(todas)
Agardo quen me console e non o atopo. (Sl 69, 21)
Noso Pai
Canto
Perdón, Señor, perdón.
Perdón, Señor, perdón.
12ª estación: Xesús morre na cruz
Todos:
Adorámoste, Cristo, e bendicímoste,pola túa santa cruz redimiches o mundo.ouBendito sexas, Xesús,que nos salvaches na cruz.
Lecturas: Mc 15, 33-34. 37
Chegado o mediodía, a escuridade cubriu toda a terra ata pouco máis das dúas da tarde. E nesa hora Xesús berrou moi forte:
Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?
E dando un berro moi alto, expirou.
Lc 23, 44-39
Chegado o mediodía, a escuridade cubriu a terra ata a media tarde. Pois houbo un eclipse de sol. E o veo do santuario rachou polo medio. Entón Xesús pegou un berro moi alto e dixo:
—Meu Pai!, nas túas mans entrego o meu espírito.
E dicindo isto, morreu.
O centurión, vendo o que sucedera, glorificou a Deus, dicindo:
—Realmente este home era inocente.
Meditación
Xesús viviu a súa morte inxusta con todo o dramatismo humano, unha morte a fondo, dorida, amarga, pero confiada. Sabía ben en que mans estaba.
Que cando a vida se nos torza, cando a enfermidade nos rompa o corpo e o espírito, cando a morte pete á nosa porta por calquera camiño que sexa, manteñamos firme a nosa confianza en Deus.
Silencio
(todos)
Nas túas mans encomendo a miña vida. (Sl 31, 6)
Noso Pai
Canto
Vitoria, ti reinarás,
ouh cruz!, ti nos salvarás.
13ª estación: Xesús, baixado da cruz, descansa nos brazos da súa nai.
Todos:
Adorámoste, Cristo, e bendicímoste,pola túa santa cruz redimiches o mundo.ouBendito sexas, Xesús,que nos salvaches na cruz.
Lectura: Xn 19, 25. 38
Ao pé da cruz de Xesús estaban súa nai ea irmá de súa nai, María a de Cleofás, e máis María a Magdalena.
Xosé o de Arimatea, que era discípulo de Xesús, aínda que ás agachadas, por medo aos xudeus, rogoulle a Pilato que lle deixase retirar o corpo de Xesús. Pila accedeu.
Meditación
A cruz creou un espazo inmenso de dor que se concentrou no corazón da nai santa que recibía de novo no seu seo como morto a quen concibira como fonte de vida.
Pensemos en tantas nais que sofren pola morte dos seus fillos e fillas, por accidentes, por írense como refuxiados e afogar no Mediterráneo, por enfermidades prematuras, acabados pola droga, nas mans do pai machista que verte o seu resentimento matando os neniños.
Silencio
(todas)
Ti, Señor, socorres a persoas e animais.
Que precioso, Deus, é o teu amor! (Sl 36, 8)
Noso Pai
Canto
No colo da miña nai escoitei que morreras por min,
e aínda é hoxe o día que creo en ti.
14ª estación: Xesús é sepultado
Todos:
Adorámoste, Cristo, e bendicímoste,pola túa santa cruz redimiches o mundo.ouBendito sexas, Xesús,que nos salvaches na cruz.
Lectura: Mc 15, 46-47
Xosé de Arimatea mercou unha saba, baixou a Xesús da Cruz, envolveuno na saba e acomodouno nun sepulcro escavado na rocha; logo fixo rodar unha lousa sobre a entrada. María Magdalena e máis María de Xosé miraba a ver onde o poñía.
Meditación
Xesús mantivera a súa fidelidade a Deus traballando por un mundo animado por un fondo alento de irmandade en todo. Fiel a ese proxecto, morría inxustamente na cruz, radicalmente pacífico. Toca agardar en silencio, fiado de Deus, que nunca falla.
Todos, todas pasamos por épocas de acabamento, polas nosas propias limitacións ou pola agresión doutras persoas. Son horas duras do silencio e de espera. Horas de poñer a confianza en quen é merecente de todas as nosas confianzas. El saberá. El fará.
Silencio
(todos)
Ti podes trocar, Señor, o meu loito en danza. (Sl 30,12)
Noso Pai
Canto
Aos pastos verdecentes me leva a repousar,
me leva a refrescar nas augas tranquilas.
O Señor é o meu pastor, nada me falta,
o Señor é o meu pastor, sempre vai comigo.
Conclusión
Rematamos este Camiño da Cruz. Volvemos para as nosas casas e labores. Que non se nos esqueza canto aquí se nos foi facendo presente. Que saibamos vivir prestando atención aos sufrimentos da xente, aos nosos tamén. Que saibamos revolvernos contra eses sufrimentos cando sexan froito de abusos ou abandonos. Que saibamos encaixalos cando non queda máis remedio.Que en todo momento, coma Xesús, saibamos confiar en Deus que nos sostén nas horas de dor e nos abre sempre as portas da luz e da esperanza.
Vaiámonos, logo, levando sobre nós a bendición de Deus Pai, Fillo e Espírito Santo.