
O Evanxeo de cada día con ollos de aldea

Manuel Regal Ledo
23 de marzo: Domingo | 3ª Semana de Coresma
1ª lectura: Ex 3, 1-8a. 13-15.
Salmo: 102, 1-2. 3-4. 6-7. 8 e 11.
2ª lectura: 1Cor 10, 1-6. 10-12.
Evanxeo: Lc 13, 1-9
Unha vez presentáronse onda Xesús algunhas persoas para contarlle o caso aquel cando Pilato mesturara o sangue duns galileos co dos sacrificios que ofrecían. E Xesús respondeulles:
–¿Coidades que eses galileos eran máis pecadores ca os demais, porque acabaron así? Non tal, e asegúrovos que, como non vos arrepintades, acabaredes todos igual. ¿Seica pensades que aqueles dezaoito que morreron esmagados pola torre de Siloé eran máis culpables ca os outros habitantes de Xerusalén? Non tal, e asegúrovos que, se non vos arrepentides, todos acabaredes igual.
E púxolles esta parábola:
–Un home tiña unha figueira plantada na súa viña; foi ver se tiña froitos e non llos atopou. Díxolle ao que coidaba a viña: “Xa hai tres anos que veño buscar froito nesta figueira e non llo atopo. Córtaa, ¿para que vai cansar máis a terra?” El respondeulles: “Señor, déixaa aínda un ano máis; vou ver se eu lle cavo un pouco ao redor e lle boto esterco; a ser se así dá froito; e, se non, poderala cortar.”
Meditación
Os comentarios que Xesús fai aos acontecementos desastrosos dos que se fala colléronse tradicionalmente nun sentido que non consideramos nada positivo: se non te fas boa persoa, conta co castigo de Deus, dunha forma ou doutra. Na mentalidade de moitos, de moitas de nós metéusenos esta idea dun Deus castigador, e así interpretamos moitos dos acontecementos que nos poden pasar na vida: enfermidade, accidentes, perda dun traballo, morte, etc.
Outra cousa é que, se facemos o mal, estragamos a nosa vida, iso si; e máis moitas veces contribuímos a estragar tamén a vida doutras persoas. Sabémolo ben, a pouco que nos paremos a pensar. Se non coidamos as nosas relacións de parella, podemos chegar a momentos de tensión e de ruptura familiar; se non nos preocupamos suficientemente da boa educación dos nosos fillos/as, podemos ver como despois andan desnortados na vida; se non traballamos pola unidade e entendemento da parroquia, chegará o día en que a convivencia veciñal deixará de ser esa forza de paz e de alento que tanto necesitamos; se nos relacionamos coa persoas que teñen poder coma quen anda pedindo favores e non esixindo dereitos, pode pasar que chegue un día no que os que teñen o poder se afagan a enchufes e comenencias; se as persoas e as institucións políticas e económicas se deixan levar polo afán de enriquecemento rápido, sen ter en conta o ben e os dereitos da xente do pobo, despois podemos chegar a situacións de crise social, económica, moral, como as que estamos vivindo Pero isto é cousa nosa, non cousa de Deus.
A parábola da figueira é preciosa. ¿Que facer co mal, que facer coas persoas malas, coas comunidades cristiás deterioradas, coas situacións sociais pecaminosas, inxustas, como as que estamos vivindo nos nosos tempos, con tanta corrupción por todos os lados? ¿Que facer con nós mesmos, que tampouco seremos o máis limpo e santo do mundo? ¿Despreocuparnos, pasar de largo, falar, barullar, criticar, e que as cousas sigan así un ano tras doutro? Non, certamente, non é ese o estilo de Xesús, e non debera ser o das persoas que o seguimos. ¿Arrasar con todo, linchando persoas, institucións, cortando a árbore polo pé, porque non dá bos froitos? Tampouco parece ese o estilo de Xesús, a non ser que destruíndo unhas cousas, nos comprometamos firmemente noutras mellores; a non ser que cortando unha figueira vella e deteriorada, nos dispoñamos a plantar outra no seu canto. Xesús, coma Deus, gusta de ser paciente, pero paciente activo, comprometido, disposto a facer todo o que haxa que facer, para que as cousas cambien, para que a figueira dea froitos, para que a vida de cada persoa, de cada comunidade estea chea de bos froitos de honradez e de xustiza. E invítanos a que nos situemos ante a nosa propia persoa e vida, ante as demais persoas, ante a sociedade dunha maneira implicada: sermos o bo labrego ou labrega que cava ao redor, que bota esterco, soñando co día no que os froitos penduren fermosos das árbores da vida.
Pregaria
A ver se así dá froito…
Esa é a túa ansia e o teu empeño maior, meu Deus,
polo que pos en xogo canto es e podes,
o mellor do que ti tes,
o teu Fillo ben amado, o voso Espírito vigoroso,
a ringleira interminable de testemuñas
que dentro e fóra da Igrexa cultivan a figueira humana.
A ver se así dá froito…
Con paciencia infinita,
con apaixonamento desmedido,
coa esperanza a proba de ingratitudes,
coa tenrura envolvendo todas as túas presenzas,
disposto a dalo todo,
a xogalo todo,
a entregalo todo,
porque ti es Deus e non ser humano,
porque es luz e plenitude
e non baleiro e sombra,
porque es amor en prato desbordante
e non celo egoísta en cunca pechada.
Acción
Podemos pensar nalgunha situación persoal, familiar ou comunitaria e social na que pensemos que a cousa está pedindo que cavemos ao redor, que lle botemos o bo esterco necesario, a ver se cambian esa situación e as persoas que a compoñemos, e da árbore resecada empezan a saír froitos saborosos.
24 de marzo: Luns | 3ª Semana de Coresma
1ª lectura: 2 Re 5, 1-15a
Salmo: 41, 2. 3; Salmo 42, 3. 4
Evanxeo: Lc 4, 24-30
Unha vez foi Xesús a Nazaré e díxolle á xente na sinagoga:
–Asegúrovos que ningún profeta é ben recibido na súa terra. Tede por seguro que no tempo de elías había moitas viúvas en Israel, cando o ceo estivo pechado durante tres anos e seis meses e unha grande fame anegou todo o país; e a ningunha delas foi enviado Elías, senón a unha muller viúva de Sarepta, en Sidón. E moitos leprosos había en Israel no tempo do profeta Eliseo, e a ningún deles curou, fóra de Naamán, o Sirio.
Oíndo estas cousas, todos os que estaban na sinagoga puxéronse feitos unhas feras; así que erguéronse, botaron a Xesús fóra da vila e levárono ata o alto do monte no que está edificada, coa intención de o precipitaren embaixo. Pero el botou a andar polo medio deles e marchou.
Meditación
Cando oímos falar de profetas, case sempre pensamos en persoas máis ou menos extraordinarias que con voz enérxica e dura nos poñen a caldo pola falsidade na que vivimos. Pode ser que teñamos batido con algunha persoa así. Pero o máis frecuente é que os profetas peten á nosa porta na persoa dun veciño ou veciña, un familiar calquera, un amigo ou amiga, unha compañeira de traballo, de comunidade ou de sindicato ou partido político, que nos falan con convencemento de cousas da vida, e deixan en evidencia a frouxidade dos nosos comportamentos. Persoas así hainas dentro e fóra da comunidade cristiá da que formamos parte.
E neses casos, que facemos? Agradecemos as súas palabras e vidas, como se Deus nos estivese falando a través delas, recapacitamos, cambiamos algo, ou revirámonos contra esas persoas porque tocan onde nos doe? Así fixeron con Xesús. Así podemos facer tamén nós hoxe. Que sexamos persoas cristiás non garante que teñamos o corazón ben disposto para escoitar o que Deus suxire.
Oración
Se aguzase, meu Deus, o oído do corazón,
para escoitar con agrado a túa voz!
Se estivese libre e dispoñible, meu Deus,
para actuar seguindo os mensaxeiros teus!
Se toda eu fose ben esperta, ben humilde,
para atoparte, meu Deus, nas falas que corrixen!
Se andase, meu Deus, os camiños todos da vida,
en silencio obediente ao que en min mesmo suscitas!
Se aguzase, meu Deus, o oído do corazón…
Acción
É posible que haxa persoas, dentro ou fóra dos ámbitos relixiosos, que, dunha forma ou doutra, están iluminando algo o camiño da nosa vida. Como reaccionamos ante elas?
25 de marzo: Martes | Solemnidade da Anunciación do Señor
1ª lectura: Is 7, 10-14; 8, 10b.
Salmo: 39, 7-8a. 8b-9. 10. 11
2ª lectura: Heb 10, 4-10
Evanxeo: Lc 1,26-38
Sucedeu que aos seis meses (do anuncio do nacemento de Xoán Bautista) Deus mandou o anxo Gabriel a unha aldea chamada Nazaré, onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María.
O anxo entrou onde estaba ela e díxolle:
–Alégrate, chea de graza, o señor está contigo.
Ela turbouse con estas palabras, cavilando que podería significar aquel saúdo. O anxo continuou:
–Non teñas medo, María, porque ti gozas do favor de Deus. Mira, vas concibir no teu ventre e darás á luz un fillo, a quen chamarás Xesús. Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacob e o seu reinado non terá fin.
María respondeulle ao anxo:
–E como pode ser isto, si non convivo con ningún home?
O anxo contestoulle:
–O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que consideraban estéril, pois para Deus non hai imposibles.
María contestou:
–Pois aquí está a escrava do Señor: que se cumpra en min canto dixeches.
E o anxo marchou de onda ela.
Meditación
O que pasou en Xesús, con Xesús, axúdanos a entender o que pasa con todos os homes e mulleres que vimos a este mundo. Calquera home ou muller temos partes de nós que máis ou menos podemos coñecer ben; temos un corpo, temos un xeito de ser, temos unha maneira de pensar, temos unha mente, unha maneira de nos situar ante nós mesm@s, ante os demais, antes Deus; temos tamén un mundo de sentimentos… Todo isto permite coñecernos, identificarnos e diferenciarnos.
Pero, aínda así, hai un algo de nós, fondo, misterioso, que se nos escapa a nós mesm@s e, por suposto, tamén a quen nos rodea. Para as persoas que temos fe relixiosa, esa zona inabarcable de misterio que nos envolve conéctanos co misterio mesmo de Deus. Somos persoas así de fondas, de ricas, de insondables porque as nosas raíces están en Deus e en Deus nos movemos e existimos diariamente. Somos persoas así de ricas porque, a semellanza de Xesús, tamén nós somos dalgunha maneira persoas feitas tales polo Espírito mesmo de Deus. O que en Xesús foi plenitude e redondez en nós é intento e aproximación. E todo isto podémolo ir vivindo e realizando nas mil circunstancias miúdas do día a día. Somos queridas e agraciadas por Deus, somos invitad@s á alegría e á confianza, Podemos deixar que o Espírito nos fecunde, si ou non. María é un referente. Algo marabillosamente humano, marabillosamente divino. Así somos nós.
Oración
Velaquí a escrava,
o escravo do Señor.
Disposta/o a dicir un si
que me rompa e me libere.
Disposto/a a deixar que o Espírito
faga de min,
algo polo menos,
un reflexo do mesmísimo Xesús.
Deixando que se constrúa en min
o rostro humano de Deus
que levo nas miñas entrañas agochado.
Velaquí a pobre criatura do Señor!
Acción
Podemos mirar para nós mesm@s e ver en que cousas nos vemos algo semellantes a Xesús e en que cousas non. Agradecemos o primeiro e temos en conta o segundo para aprender a non poñer freo ao Espírito que nos quere transformar.
26 de marzo: Mércores | 3ª Semana de Coresma
1ª lectura: Dt 4, 1. 5-9
Salmo: 147, 12-13. 15-16. 19-20
Evanxeo: Mt 5, 17-19
Unha vez dixo Xesús:
–Non pensedes que vin derrogar a Lei e os Profetas; non vin para derrogar, senón para dar cumprimento. Porque vos aseguro que antes pasarán o ceo e máis a terra que deixe de se cumprir a última letra ou til da Lei. E quen falte a un destes mandamentos máis pequeniños e así llelo ensine a facer a outras persoas, será declarado o máis pequeno no Reino do Ceo. Pero quen os cumpra e ensine será declarado grande no Reino dos Ceo.
Meditación
Nestes nosos tempos non somos xente moi amiga de leis, de que nos obriguen a cumprir isto ou aquilo. Na vida civil cumprímolas moitas veces porque senón chega a multa. Na vida da Igrexa, como non hai multas, pasamos bastante de todo. Pero sen leis, sen normas, pensadas para reforzar as debilidades que todos temos, para facilitar o crecemento das persoas, para fomentar unha convivencia harmoniosa e xusta, sen leis sería un desastre; no canto de máis libres fariámonos moito máis dependentes, porque os fortes acabarían sometendo os débiles, e a nosa debilidade faríase dona de toda a nosa persoa.
Pero a lei necesita calor; as normas necesitan corazón, as esixencias necesitan amor, as obrigas necesitan razóns e convencemento, para non nos ver afogados polo que facemos. Iso podería ser o cumprimento ao que se refería Xesús, home por outra banda que non tiña reparo ningún en saltarse a práctica da lei cando vía que pechaba portas no canto de abrilas, que oprimía as persoas e a convivencia.
Douche grazas, meu Deus,
douche grazas, Xesús,
douche grazas, Espírito Santo,
porque non queres que sexa un cumpridor rutineiro,
porque me ensinas a entender o que fago
para darlle calor e vida.
Que saiba así vivir e valorar
calquera pequeno compromiso
que asuma na casa, na parroquia, na sociedade.
Home, muller con fondura,
para gozar con fondura
todo o que a vida me ofrece.
Podemos revisar, tamén como práctica coresmal, como andamos coas normas da comunidade cristiá, da Igrexa, por que as cumprimos, por que non as cumprimos. Igual debamos reforzar os nosos compromisos. Igual debamos protestar para que certas normas se cambien e así nos axuden mellor a medrar coma persoas crentes. E o mesmo podemos dicir de moitas leis que hai na vida civil.
27 de marzo: Xoves | 3ª Semana de Coresma
1ª lectura: Xer 7, 23-28
Salmo: 94, 1-2. 6-7. 8-9
Evanxeo: Lc 11, 14-23
Estaba Xesús botando un demo mudo, e, cando saíu o demo, falou o mudo. A xente quedou abraiada, pero algúns deles dixeron:
–Este bota fóra os demos co poder de Belcebul, xefe dos demos.
Outros, para probalo, reclamábanlle un sinal do ceo. Pero el, coñecendo o que pensaban, díxolles:
–Todo reino dividido entre si vai á ruína e cae casa sobre casa. Pois ben, se Satanás está dividido contra si mesmo, como se vai soster o seu reino? Vós dicides que boto os demos co poder de Belcebul; pero, se eu boto os demos co poder de Belcebul, co poder de quen o botan os vosos fillos? Por iso eles mesmos serán os vosos xuíces. Pero se boto os demos co poder de Deus, é que xa chegou a vós o Reino de Deus. Mentres un home forte e armado garda o seu pazo, os seus bens están seguros. Pero se chega un máis forte e o vence, quítalle as armas nas que confía e reparte o seu botín. Quen non está comigo está contra min, e quen non recolle comigo derrama.
Meditación
O que lles pasaba aos contemporáneos de Xesús pódenos pasar tamén a nós hoxe. Máis dunha vez sucede que temos clasificada á xente, porque non nos cae ben, porque non é do noso grupo, do noso credo relixioso, do noso partido político. Daquela todo o que vemos nela nos parece fatal; estamos especialmente cegos para ver as súas bondades, e non digamos se as súas palabras ou os seus feitos cuestionan a nosa maneira de proceder, daquela a nosa resposta pode ser tan tola coma a dos contemporáneos de Xesús con Xesús.
O Evanxeo invítanos a andar coa ollada e co corazón limpo pola vida, acollendo con alegría calquera mostra de bondade, de solidariedade, de forza ante o mal, veña de onde veña. O Evanxeo invítanos a descubrir a Xesús e alegrarnos con el por ser o Forte, con maiúscula, capaz de axudarnos a vencer todo espírito de mal que ameace as nosas vidas.
Ante ti, Xesús, o Forte de Deus,
poñemos a nosa enorme debilidade.
Ante ti, Xesús, o Santo de Deus,
poñemos todas as nosas olladas escuras.
Ante ti, Xesús, a Iluminación de Deus,
poñemos os nosos autoenganos e simulacións.
Ante ti, Xesús, o Humilde de Deus,
poñemos as nosas vanas arrogancias.
Temos clasificada a algunha persoa, de xeito que todo o que sae dela nos chega mal? Miremos como cambiar; nesa persoa estamos perdendo un don que Deus nos dá, estamos perdendo a Deus mesmo.
28 de marzo: Venres | 3ª Semana de Coresma
1ª lectura: Os 14, 2-10
Salmo: 80, 6c-8a. 8bc-9. 10-11ab. 14 e 17
Evanxeo: Mc 12, 28b-34
Unha vez un letrado preguntoulle a Xesús:
–Cal é o máis importante de todos os mandamentos?
Xesús respondeulle:
–O primeiro é: “Escoita, Israel, o Señor, o noso Deus, é o único Señor, e amarás o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con todo o teu entendemento e con todas as túas forzas.” O segundo é: “Amarás o teu próximo como a ti mesmo”. Non hai mandamentos máis importantes ca estes.
O letrado replicou:
–Moi ben, Mestre, estás no certo cando dis que o Señor é único e que non hai outro fóra del; e que amalo con todo o corazón, con todo o entendemento e con todas as forzas, e ao próximo como a un mesmo, é máis importante do que todos os sacrificios e holocaustos.
Xesús, vendo que respondera con moito tino, díxolle:
–Non estás lonxe do Reino de Deus.
E ninguén se atreveu a facerlle máis preguntas.
Meditación
Igual que o letrado do Evanxeo, tamén todos nós sabemos que o máis importante para unha persoa cristiá é quererlle moito a Deus, estar apegado a el en todas as cousas e accións da vida, e, ao tempo, respectar, coidar, quererlle moito á xente, como a un mesmo. No fondo a vida dunha persoa crente cristiá é ben simple, ben clara. Pero posiblemente o saibamos de memoria, con moito rutina, sen poñer en práctica iso que dicimos.
Aínda que, se cadra, estamos nun momento, fóra e mesmo dentro da Igrexa, das comunidades cristiás, no que case nin nos preguntamos que é o importante para ser unha boa persoa cristiá. E isto si que sería moi serio, porque demostraría que no fondo realmente é un tema que non nos importa; significaría que Deus vai desaparecendo dos nosos proxectos de vida.
Ai, se estivese ben atento ao teu Espírito, meu Deus,
ese Espírito que esperta desexos,
que suscita preguntas,
que ansía camiños vivos,
que busca sen descanso maiores fidelidades!
Ai, se soubese ser minimamente coherente
coa máxima honestidade,
coa máxima humildade,
para querer e servir
simplemente, intelixentemente
a cada persoa, en cada momento,
e avanzar por vieiros solidarios
ata o teu propio corazón!
Para iso, meu Deus,
que o teu Espírito me colla ata o máis fondo!
Somos xente amiga de ler, de formarnos, de asistir a encontros, de dialogar coas persoas sobre cousas de fondo? Facemos isto con desexos de aclararnos de verdade, con ganas de ir mellorando a nosa resposta a Deus e á xente? Podémolo revisar e actuar en consecuencia.
29 de marzo: Sábado | 3ª Semana de Coresma
1ª lectura: Os 6, 1-6
Salmo: 50, 3-4. 18-19. 20-21ab
Evanxeo: Lc 18, 9-14
Propúxolles Xesús tamén esta parábola dirixíndose a uns que estaban moi seguros de si mesmos, créndose perfectos e desprezando os demais:
–Dous homes subiron ao templo a orar; un era fariseo; o outro, recadador de impostos. O fariseo, de pé, oraba para os seus adentros deste xeito: “Meu Deus, douche grazas porque non son como os demais: ladróns, inxustos e adúlteros; nin como ese recadador. Gardo o xaxún dúas veces por semana e pago o décimo de todo canto gaño.”
O recadador, en troques, quedouse atrás e non se atrevía nin a levantar os ollos ao ceo, senón que, petando no peito, dicía: “Meu Deus, ten compaixón de min, que son un pecador.”
Asegúrovos que este baixou reconciliado con Deus para a súa casa, en cambio o outro, non. Porque a todo o que se teña por moito rebaixarano e a todo o que se rebaixe enaltecerano.
Meditación
Visto así, parece que todos nos decatamos sen dificultade da maneira equivocada de rezar que tiña o fariseo: resúltanos repugnante o seu xeito de compararse co pecador que alí tamén rezaba, para poñerse por riba e chufarse ante o mesmo Deus. Tiña ollos para contemplar as miserias alleas, pero non os tiña, seguro, para mirar as súas, pois todo nel parecía perfecto.
Sen embargo, coidado, non é doado liberarse da tentación de crernos xustos e de poñernos por riba das demais persoas. Cando con sinceridade miramos para nós, para a nosa vida, para o moito que temos feito ao revés, para o moito que nos desentendemos das necesidades da demais xente, para o moito que puidemos ter avanzado como persoas, como crentes, e non o fixemos, o normal é que desexemos quedarnos ao fondo, agachar a cabeza, bater no peito e, con voz que sae do fondo do corazón, dicir: perdón, son tamén persoa pecadora. Entón é cando nos reconciliamos, cando poñemos verdade e gozo na nosa vida.
Perdón, Señor,
que son pecador/a.
Perdón, Señor,
que estou moi necesitado/a da túa misericordia.
Perdón, Señor,
que son un máis na rengue de pecadores/as
precisados/as da túa curación.
Perdón, Señor,
porque peco e volvo pecar,
xogando así co teu perdón,
estragando a miña vida
e a vida de persoas que me acompañan.
Perdón, Señor,
renóvame co teu perdón.
A mellor maneira de superar o vicio de rebaixar e desprezar os demais, é ollar con sinceridade para a propia vida. Podémolo empezar a facer, preparándonos xa para algunha celebración do perdón na que pense participar nesta Coresma.