O Evanxeo de cada día con ollos de aldea

O Evanxeo de cada día con ollos de aldea |Tempo Coresma 4ª Semana

Manolo Regal ledo

 

15 de marzo: Domingo 4º de Coresma

1 lectura: 1Sam 16, 1b. 6-7. 10-13a

Sal 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6

2ª lectura Ef 5, 8-14

Evanxeo: Xn  9, 1-41

(Breve: Xo 9, 1. 6-9. 13-17. 34-38)

Nunha ocasión, ao pasar Xesús viu a un cego de nacemento. Cuspiu na terra e fixo lama co cuspe e untouna polos ollos do cego, dicíndolle:

–“Vaite lavar na piscina de Siloé (que quere dicir “enviado”).!

El foi, lavouse e volveu con vista. Entón os veciños e os que antes o viran andar a pedir preguntaban:

–“Non é este o que estaba sentado a pedir?”

Uns dicían:

–“Éche o mesmo.”

Outros:

–“Non, é un que se lle asemella.”

E el dicía:

–“Son eu.”

Levaron onda os fariseos o que fora cego. (Era sábado o día que Xesús fixera lama e lle abrira os ollos). E outra vez lle preguntaban tamén os fariseos como chegara a ver. El respondeulles:

–“Untoume lama polos ollos, laveime e vexo.”

Algúns dos fariseos dicían:

–“Este home non vén de Deus, que non garda o sábado.”

Outros, en cambio, dicían:

–“Como ía poder un home pecador facer estes sinais?”

E había división entre eles.

Entón preguntáronlle outra vez ao cego:

–“A ti que che parece ese home que lles deu a vista aos teus ollos?”

El contestou:

–“Que é un profeta.”

Respondéronlle eles:

–Ti naciches todo metido en pecados e vasnos ensinar a nós?”

E botárono fóra.

Oíu Xesús que o botaran fóra, buscouno e preguntoulle:

–“Cres ti no Fillo do Home?”

El respondeulle:

–“E quen é, Señor, para que crea nel?”

Díxolle Xesús:

“Éche o mesmo que estás vendo e que está a falar contigo.”

El dixo:

–“Creo, Señor.”

E prostrouse diante del.

——————————————————————————————————————————————————————————————

Meditación

Estamos ante un texto no que o evanxelista Xoán presenta unha catequese sobre Xesús coma luz das nosas vidas. É un evanxeo longo, pero precioso; paga a pena que busquemos tempo para lelo con calma, deixándonos enchoupar pola forza, pola vida que del deita. Incluso, podendo, estaría moi ben facer unha lectura dialogada, mesmo dramatizada, do mesmo; gañaría aínda máis en viveza e expresividade.

O importante, en todo caso, é que a frescura deste texto nos valese para realizar un encontro persoal e comunitario con Xesús na verdade fonda das nosas persoas, na fe. Se nos fixamos ben, no texto sucédense seis escenas, moi ben concatenadas unhas cousas outras e cunha unidade interna moi traballada e, polo tanto, moi útil para axudarnos neste encontro que desexamos: 1) Xesús co cego; 2) os veciños/as comentando o caso; 3) os fariseos e o cego; 4) os fariseos e a familia do cego; 5) os fariseos e o cego de novo; e 6) Xesús e o cego.

O cego foi facendo un camiño: de non ver, pasa a ver; de descoñecer a Xesús, de falar del coma de “o home que se chama Xesús”, ata chegar a recoñecelo coma señor, é dicir, como a persoa que co seu poder, coa súa atración era capaz de pacificar, alentar, orientar, aledar a súa vida. E isto é o máis importante deste evanxeo. A aquel cego de nacemento pasoulle isto, viviu isto con Xesús. Ao evanxelista Xoán e a moitos dos seus compañeiros e compañeiras pasáralles o mesmo. E nós que? E as nosas comunidades cristiás que?  Temos e facilitamos esta experiencia de encontro con Xesús? Como nos afecta, en que se teñen aberto os nosos ollos? Compartimos con outras persoas iso que Xesús foi facendo, está facendo nas nosas vidas?

É importante reparar nas pegas, nas dificultades que os diferentes personaxes do relato van atopando para ese encontro con Xesús, porque igual nos poden axudar a entender as nosas mesmas dificultades e a buscarlles remedio. O cego foi o máis sinxelo; ía contando o que ía vendo sinxelamente, e onde non entendía, preguntaba; non deixa de ser un bo método. Despois van aparecendo os veciños e veciñas, que se lean con que se aquel home era ou non era o cego de nacemento: moitas veces tamén nós nos enredamos en disquisicións que nos impiden ir ao  gran e chegar a atoparnos con Xesús: que se a Igrexa tal ou cal, que se os curas fan isto ou aquilo, que se hai inferno ou non hai inferno, que de alá non volveu ninguén, que se habería que facer así e así na Igrexa, etc. E quedamos aí, sen deixarnos encontrar por Xesús.

Os fariseos atoparon a maior dificultade na mesma vida relixiosa que vivían: eran tan esixentes, tan cumpridores, tan amigos das leis e tradicións relixiosas, que se cegaban con iso e se facían incapaces de ver en Xesús o rostro de Deus que lles estaba ofrecendo algo novo con máis vida e liberdade da boa. É ben curioso que fose certa xente moi relixiosa a que máis dificultades tivo para aceptar a Xesús. Nós hoxe somos pouco relixiosos en xeral, e quizabes non temos esta dificultade. Pero non está de máis que reparemos nisto:  unha práctica relixiosa mal entendida, moi apegada ao cumprimento e ás leis eclesiásticas, pode arredarnos de Xesús e converterse nun atranco para o encontro vivo con el.

E, por último, estaban tamén os pais do cego; neles a dificultade estaba no medo; medo á marxinación que podían sufrir se recoñecían a sorprendente novidade de Xesús; medo a enfrontarse co poder relixioso ou con calquera outro poder, se entraban en seguimento de Xesús. Isto é moi importante. Hoxe hai moitos poderes económicos, culturais, de maneiras de entender a vida e de comunicala, que fan moitas inxustizas, que protexen sobre todo os intereses da xente grande; estes poderes lévannos a encollernos, a escondernos de ser crentes, por medo a parecer raros/as, a non estar dentro do sistema de vida normal, a romper coas súas trampas: consumismos, futbolismos, imaxe corporal, marcas, etc.; quizabes teñamos medo a enfrontarnos con todo iso con humildade e valentía, e por iso escapamos dun encontro vivo con Xesús. Sería ben que cada un, cada unha de nós pensase algo nas dificultades que está tendo para este encontro con Xesús.

Todos dicimos moitas veces que os grandes queren pecharnos os ollos. Se non vemos as súas falcatruadas, poderannos manexar mellor. Xesús vén para abrirnos os ollos, para que sexamos máis sans, máis libres, máis xustas, máis fraternas. Pero en que nos pode abrir os ollos Xesús? Pode abrirnos os ollos primeiramente para velo a el ben, para coñecelo a el e a súa forza de vida; para ollar a xente con ollos novos, con ollos de irmán e/ou irmá, con ollos de solidariedade, e, ante os abusos, con ollos de indignación e de compromiso. Xesús hanos de ensinar a ollarnos a nós mesmas con ollos de afecto, de regalo e de empuxe; hanos de ensinar a ollar as cousas, o mundo, os problemas da sociedade, con ollos de esperanza e de loita, de paz e de esixencia, sen resignación, sen apoucamento; hanos de ensinar a ollar a Deus con ollos de confianza e de seguimento fiel. E moito máis que nin somos capaces de imaxinar sequera. Cremos nisto? Dispoñémonos a todo isto no noso trato con Xesús?

Na Eucaristía Xesús ábrenos a mirada, para que o descubramos a fondo como amigo e servidor entregado, como revulsivo para a comunidade cristiá e para a sociedade, como fillo de Deus.

——————————————————————————————————————————————————————————————

Preces

SEÑOR XESÚS, CREMOS EN TI

  • Que a túa ollada, Xesús, limpe a nosa ollada, para ollalo todo e a todos/as con ollos de compaixón solidaria, de compromiso, de esperanza. Oremos.

 

  • Que a túa ollada, Xesús, nos faga andar espertos/as, para non nos deixar enganar polas voces do arredor que nos empuxen ao derrotismo e ao abandono das causas xustas. Oremos.

 

  • Que todas as persoas cristiás, que todas as comunidades cristiás, sexamos ben humildes e ben valentes como para deixarnos atopar, acompañar, ensinar e cambiar por ti sempre. Oremos.

 

  • Que, alentados/as por ti, nunca lle torzamos a cara a ningunha persoa, e menos se se trata de xente humilde, pobre, pecadora; que saibamos acoller como ti acollías, Xesús. Oremos.

 

  • Que, ben ensinados/as por ti, nos dispoñamos a implicarnos nas loitas sociais, das que depende o pan, o traballo, a casa, a dignidade da xente. Oremos.

——————————————————————————————————————————————————————————————

Pregaria

Coma o cego de nacemento,

necesito tamén, Xesús, a túa luz.

para levar ben a miña vida

en paz e verdade, sen trampas,

da mañá á noite,

da noite á mañá.

 

Coma o cego de nacemento,

canto me fai falla a túa luz

para acertar na hora difícil

de acompañar un fillo ou filla

que vexo triste e desnortada,

ou a persoa alcohólica, familiar ou veciña,

que anda a tombos co corpo, coa vida.

 

Coma o cego de nacemento,

a luz, a túa luz, Xesús, canto a desexo!,

para orientarme no uso correcto dos cartos, cando os hai,

con tino e solidariedade,

ou na maneira de buscalos honradamente, cando carezo deles.

 

Coma o cego de nacemento,

canto agradezo a túa luz, Xesús,

que me oriente para ponderar ben,

para ver as luces e as sombras do que me pasa,

do que vai acontecendo cada día,

e así orientar ben a miña participación social, política, sindical.

 

Coma o cego de nacemento,

canto confío na túa luz, Xesús,

para orientar a miña vida de fe,

para soportar o meu propio pecado,

para saír adiante en horas de amargura,

para erguer a vista, o corazón,

e encetar cada día con ollos de esperanza.

——————————————————————————————————————————————————————————————

Acción

Outro símbolo ou metáfora humana: os ollos e o ver, a cegueira e a vista. Para ver o exterior e o interior. Para vernos as persoas, para ver o ser e a marcha da sociedade, do mundo, da creación. Todos os seres humanos chamados a ver e necesitados de múltiples axudas para facelo. Quen nos ten axudado a nós a ver, ao estilo e coa fondura de Xesús? A quen estamos axudando nesta tarefa humana tan necesaria? Poderiamos facer algo máis?

16 de marzo: Luns da 4ª semana de Coresma

1ª lectura: Is 65, 17-21

Salmo: 29, 2 e 4. 5-6. 11-12a e 13b

Evanxeo: Xn  4 ,43-54

Saíu Xesús de Samaría para Galilea; Xesús mesmo tiña dito que ningún profeta era honrado na súa patria. Cando chegou a Galilea, os galileos acollérono ben, pois viran todo o que Xesús fixera en Xerusalén durante a festa, xa que tamén eles foran á festa. E Xesús volveu de novo a Caná de Galilea, onde cambiara a auga en viño.

Había en Cafarnaúm un funcionario que tiña o fillo enfermo. Oíu que Xesús viña de Xudea cara a Galilea, foino esperar e rogáballe que baixase a curar o seu fillo, que estaba á morte. 

Díxolle entón Xesús:

–Se non vedes sinais e prodixios, non credes.

O funcionario insistiu:

–Señor, baixa antes de que morra o meu meniño.

Xesús contestoulle:

–Vaite, o teu fillo vive!

O home creu na palabra que lle dixera Xesús e foise. E, cando xa el baixaba, saíronlle ao encontro os seus servos, para lle dicir que o neno xa se puxera ben. Entón preguntoulles a que hora empezara a notar a melloría.

Eles respondéronlle:

–Onte, a iso da unha baixoulle a febre.

Decatouse entón o pai de que aquela fora a hora na que lle dixera Xesús “o teu fillo vive”, e creu el e máis toda a súa familia.

Este segundo signo fíxoo Xesús cando volvía de Xudea para Galilea.

——————————————————————————————————————————————————————————————

Meditación

Xesús ofrécenos a seguridade de sermos persoas fondamente queridas. Xesús axúdanos a ver que as persoas, cada persoa, temos un valor único, que ninguén pode atropelar. Xesús axúdanos a descubrir as enormes posibilidades que cada persoa levamos no noso interior, posibilidades que nos fan moi fortes ante calquera atranco na vida. Xesús axúdanos a descubrir que estamos chamados á unión, á comunidade, e que a comunidade nos aporta grande felicidade. Xesús ofrécenos un estilo de vida libre, solidario, agradecido, irmandado, humilde, valente, alegre, resistente, confiado. Xesús axúdanos a afrontar os límites, calquera límite, que ten a vida e a encararnos con eses límites con esperanza, sen angustias, porque a pesar de todo seguimos sendo persoas queridas, ás que sempre nos agarda un espazo de luz, un corazón amante, un porvir pacificado. Pareceranos todo isto pouco milagre?

——————————————————————————————————————————————————————————————

Oración

Xesús,

o meu fillo morre,

a miña comunidade cristiá esmorece,

a miña parroquia achícase,

o mundo rural vai a menos,   

os pobos desángranse polas feridas das guerras,

as pobrezas aumentan e aséntanse entre nós,

a conciencia social debilítase,

os políticos ceden ante o capital, …

Xesús,

que podes facer ti?

Que podo facer eu?

Que podemos facer nós,

todas e todos nós?

——————————————————————————————————————————————————————————————

Acción

Se nos atopamos ante un problema calquera, persoal ou comunitario, podémonos preguntar que podo, que podemos facer para abordalo e axudar a resolvelo ou, cando menos, alivialo algo.

17 de marzo: Martes da 4ª semana de Coresma

1ª lectura: Ez 47, 1-9. 12

Salmo: 45, 2-3. 5-6. 8-9

Evanxeo: Xn 5, 1-3.5-16

Celebrábase unha festa dos xudeus. E Xesús subiu a Xerusalén. Hai en Xerusalén, onda a Porta das Ovellas, unha piscina chamada en hebreo Bezsazá, que ten cinco pórticos. Neles había unha chea de enfermos, cegos, coxos, tolleitos Estaba tamén alí un home que levaba trinta e oito anos enfermo. Xesús, ao velo deitado e sabendo que levaba xa moitos tempo, preguntoulle:

–Ti queres quedar san?

Respondeulle o enfermo:

–Señor eu non teño a ninguén que me bote na piscina cando se remexe a auga; e, para cando eu veño, sempre baixa outro máis axiña ca min.

Xesús díxolle:

–Érguete, colle a túa padiola e anda.

No intre púxose bo aquel home, colleu a súa padiola e botou a andar. Pero aquel día era sábado. Entón dicíanlle os xudeus ao que quedara curado:

–É sábado, non tes dereito a levar o leito.

Mais el respondeulles:

–O que me curou díxome el mesmo: “Colle a túa padiola e anda.”

Eles preguntáronlle:

–Quen é o home que che dixo “colle e anda”?

Pero o curado non o sabía, pois Xesús escapara do xentío que había naquel sitio. Máis tarde atopouno Xesús no templo e díxolle:

–Mira que estás san; non volvas pecar, para que non che veña algo peor.

Foise o home e contoulles aos xudeus que fora Xesús quen o curara. Por este motivo os xudeus perseguían a Xesús, por facer estas cousas en sábado.

——————————————————————————————————————————————————————————————

Meditación

É ben exemplar este relato. Primeiro porque sitúa a Xesús enredado coa xente que ten problemas na vida, neste caso uns problemas de saúde que facían especialmente débil e marxinal a aquel enfermo. Xesús era moi amigo de andar os camiños, de atoparse con xente envolta en toda clase de debilidades, e a esa xente dáballe o que el sabía e podía dar: proximidade, confianza, alentos, sanidade; nunca buscando a súa gloria, senón o benestar da xente, a súa incorporación digna á vida social.

É exemplar tamén este relato, porque pon de manifesto o enfrontamento entre a relixión oficial e o talante de Xesús. A relixión oficial tende a poñer por diante as súas normas, as súas doutrinas, caia quen caia. Xesús pon por diante o ser humano necesitado, cousa que molesta á relixión oficial, por raro que pareza. Por iso a relixión oficial foi a por Xesús. Por iso o matou. Pero, por iso mesmo, a súa morte foi e segue a ser fonte de vida.

——————————————————————————————————————————————————————————————

Oración

Grazas, Xesús,

porque iluminas ben o camiño da nosa fe.

Grazas,

porque nos dis con claridade onde está o importante.

Grazas, Xesús,

porque os teus ditos e feitos nos chaman ao cambio.

Grazas,

porque nos axudas a poñer o débil no centro da nosa experiencia relixiosa,

para aí atoparnos contigo,

para aí atoparnos con Deus.

Grazas.

——————————————————————————————————————————————————————————————

Acción

Podemos revisar onde poñemos os acentos da nosa vida crente. Podemos mirar que lugar ocupa a xente necesitada, pobre, marxinal nas nosas ansias e horarios de cada día.

18 de marzo: Mércores da 4ª semana de Coresma

1ª lectura: Is 49, 8-15

Salmo: 144, 8-9. 13cd-14. 17-18

Evanxeo: Xn 5,  17-30

Nunha ocasión díxolles Xesús aos xudeus:

–O meu Pai segue a traballar e eu tamén traballo.

Por iso os xudeus tiñan máis interese en matalo, porque non só violaba o sábado, senón que dicía que Deus era seu Pai, facéndose a si mesmo igual a Deus.

Xesús dirixiuse a eles e díxolles:

–Con toda verdade volo aseguro: o Fillo non pode facer en por si nada, só o que lle ve facer a seu Pai. O que este fai, faino tamén o Fillo; pois o Pai ama o Fillo e amósalle todas as cousas que el fai, e amosaralle obras meirandes ca estas, para que vos pasmedes. Pois, así como o Pai resucita os mortos e lles dá vida, así tamén o Fillo dá vida aos que el quere. Pois nin sequera o Pai xulga a ninguén, senón que delegou no Fillo todo o poder de xulgar, para que todos honren o Fillo como honran o Pai. O que non honra o Fillo non honra o Pai, que o mandou. Dígovos a verdade, quen escoita a miña palabra e cre no que me mandou,  ten vida eterna e non comparecerá a xuízo, senón que pasará da morte á vida.

Con toda verdade volo aseguro: chega a hora ou, mellor dito, xa é esta a hora na que os mortos escoitarán a voz do Fillo de Deus e os que a escoiten vivirán. Pois, así como o Pai ten vida en si mesmo, así tamén lle deu ao Fillo ter vida en si mesmo; e deulle tamén poder para xulgar, pois é o Fillo do Home. Non vos pasme isto, porque chega o momento en que todos os que están nos sepulcros escoitarán a súa voz; e os que fixeron o ben sairán a unha resurrección de vida; os que obraron o mal a unha resurrección de xuízo. Eu nada podo facer pola miña conta; conforme oio, xulgo; e o meu xuízo é xusto, porque non procuro a miña vontade, senón a vontade de quen me mandou.

——————————————————————————————————————————————————————————————

Meditación

As primeiras comunidades cristiás fóronse decatando, case desde o primeiro momento, da vinculación profunda que existía entre Xesús e Deus; para describila dalgunha maneira, gustoulles a asociación íntima entre un pai e un fillo. Todo o que Xesús foi capaz de dicir, de falar, toda a súa enorme rebeldía, toda a súa humildísima forma de servir, toda a súa tenrura coa xente máis deteriorada na vida, toda a súa protesta contra os poderes que privan a xente de dignidade, todo o seu enfrontamento contra a maldade, contra o pecado, todo, todo, era o que el aprendeu do Pai, nos seus tempos e días de silencio, de escoita, de intimidade, de convivencia.

Quen coma Xesús! Si, pero esa intimidade co Pai é agora un camiño aberto, polo que podemos avanzar. Temos camiño e temos guieiro. Temos ruta e temos forza para andala, o Espírito que Xesús mesmo nos ofrece gratis.

——————————————————————————————————————————————————————————————
Oración
 

Quen coma ti, Xesús,

quen coma ti!

Dócil aprendiz do Pai,

ousado seguidor das súas suxestións,

bravo na defensa dos últimos,

humilde para todo servizo,

esquecido sempre de ti mesmo,

con tal que a vida medre

nas mans da xente que carece dela.

Así onte e hoxe, Xesús,

porque segues traballando

e invítasnos ao mesmo.

Quen coma ti, Xesús,

quen coma ti!

——————————————————————————————————————————————————————————————

Acción

Estando ao lado de Xesús, grande traballador, podémonos preguntar cal está sendo a nosa implicación na vida da comunidade cristiá, na marcha do pobo, do Concello, da sociedade da que formamos parte? Somos xente traballadora, ou xente preguiceira? Deberiamos implicarnos algo máis? En que?

19 de marzo: Solemnidade de San Xosé

1ª lectura: 2 Samo 7, 4-5a. 12-14a. 16

Salmo: 88, 2-3. 4-5. 27 e 29

2ª lectura: Rom 4, 13. 16-18. 22

Evanxeo: Mt  1,  16. 18-21.24a

Xacobe xerou a Xosé, esposo de María, da que naceu Xesús, chamado Cristo.

O nacemento de Xesús Cristo foi así: María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; pero antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo. Xosé, o seu prometido, home xusto, como non a quería aldraxar, decidiu repudiala secretamente. Xa tiña pensado facelo así, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños dicíndolle:

–Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida, que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. María dará a luz un fillo e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os seus pecados.

Acordou Xosé do seu soño, fixo tal como lle mandara o anxo do Señor.

——————————————————————————————————————————————————————————————

Meditación

A figura de Xosé é unha figura entrañable. Home silencioso e silenciado. Compartiu con María a paternidade/maternidade de Xesús; colaborou na educación de Xesús coma cidadán e coma persoa crente; transmitiulle ao seu fillo as habilidades na carpintería e traballos similares; horas e horas de acompañamento, de conversas sobre do divino e do humano, acollendo seguramente expectativas e ilusións do seu Fillo e ofrecéndolle as súas. Quen puidese traer ao presente o mundo marabilloso e/ou complexo que puido existir entre ambos. Pero todo quedou no silencio. Home, ao que parece, dado a calar e remoer as cousas; home dado a pensalas e repensalas ao abrigo de Deus; as citas co anxo non deixan de ser unha evocación literaria das súas citas co mesmo Deus en tempos de pregaria silenciosa, confiada –parece–, pero tamén ás veces cun aquel de amargura, que a fe máis fonda non era quen de varrer da propia experiencia. E, envolvéndoo todo, como principio e fin das vacilacións, dos silencios, das ansiedade, envolvéndoo todo a decisión firme de facer sempre o que lle mandara o anxo do Señor, é dicir, o mesmo Deus.

——————————————————————————————————————————————————————————————
 
Pregaria

Espléndido Xosé

na túa condición de home de aldea

buscando vida con María

ao amparo de Deus,

intentando adiviñar a súa vontade

a través das circunstancias da vida,

que ás veces parecían revirarse!

Espléndido Xosé

na túa busca do querer de Deus,

na túa obediencia silenciosa e fecunda,

na túa disposición absoluta

a facer o que o Espírito che indicaba facer!

Lévanos da man

ao encontro da vontade Deus,

coa humilde disposición

de quen cre e colabora

silenciosamente.

——————————————————————————————————————————————————————————————
 
Acción

Que facemos cando na vida familiar ou comunitaria xorden dificultades, ou cando non sabemos ben que é o que Deus quere de nós ante algunha circunstancia concreta? ¿Dámoslle tempo ao silencio, a pensar, a dispoñernos a seguir o que é bo?

20 de marzo: Venres da 4ª semana de Coresma

1ª lectura: Sab 2m 1a, 12.22

Salmo: 33, 17-18. 19-20. 21 e 23

Evanxeo: Xn 7,  1-2.10.25-30

Nunha ocasión recorría Xesús a Galilea, pois non quería andar pola Xudea, porque os xudeus queríano matar. Estaba a chegar a festa dos xudeus chamada das Tendas. Cando os seus irmáns xa subiran á festa, entón tamén el subiu, non manifestamente, senón en secreto. Algúns dos habitantes de Xerusalén comentaban:

–Non é a este a quen intentaban matar? Pois mira como fala á vista de todo o mundo e máis non lle din nada. Será que de verdade as autoridades chegaron a recoñecer que el é o Mesías? O caso é que este sabemos de onde é, mentres que o Mesías, cando veña, ninguén saberá de onde é.

Entón Xesús berrou, mentres ensinaba no templo:

–A min coñecédesme e sabedes de onde son. Pero eu non vos vin pola miña conta; a min mandoume o Verdadeiro, a quen vós non coñecedes. Eu coñézoo, que de onda el son e foi El quen me mandou.

Daquela trataban de prendelo, pero ninguén lle botou man; aínda non chegara a súa hora.

——————————————————————————————————————————————————————————————

Meditación

Nas nosas vidas hai moitas cousas que non damos comprendido, misteriosas. Nacemos da nosa nai, do noso pai, pero cal é a fonte do noso ser? Cal é o fondo que nos sostén e anima día a día durante a nosa vida? A onde imos parar cando o noso corpo se esgota e a morte pon o punto final á nosa existencia terrea? Que vai ser deste noso ser tan particular, pois non houbo nin haberá no mundo outro ser coma min?

Xesús percibiu con claridade que a súa fonte estaba en Deus. E que viña de Deus coa tarefa de que a xente toda descubrísemos e vivísemos esa vinculación fonda con Deus, que lle dá sentido, verdade e enteireza a toda a nosa vida. Irmáns e irmás todas nesta gran familia humana que se realiza en cada casa, en cada parroquia, en cada pobo. Iso era o máis importante, o único importante de toda relixión.

——————————————————————————————————————————————————————————————
 
Oración

Quero aprender de ti, Xesús,

a vivir ben asentad@ en Deus.

Quero aprender de ti,

a facer da fe unha escola de escoita,

de rebeldía e de obediencia.

Quero aprender de ti, Xesús,

a ser eu mesm@,

na miña particular grandeza

na miña singular indixencia,

sempre ao calor de tod@s,

sempre en débeda con tod@s.

Por iso aquí estou, Xesús, onda ti,

apréndeme.

——————————————————————————————————————————————————————————————

 
Acción

Pásanos ás veces que nos rebelamos contra quen nos di cousas que nos descolocan, tanto no campo da fe, coma noutros campos da vida. E tendemos a querer quitar do medio a esas persoas innovadoras. Sería ben que mirásemos se con algunha persoa nos está pasando iso. Podemos cambiar. Faranos ben.

21 de marzo: Sábado da 4ª semana de Coresma

1ª lectura: Xer 11, 18-20

Salmo: 7, 2-3. 9bc-10. 11-12

Evanxeo: Xn  7,  40-53

Nunha ocasión algúns de entre a xente que oíran as palabras de Xesús dicían: “Este é verdadeiramente o Profeta.” Outros dicían: “Este é o Cristo.” Outros, en cambio, dicían: “pero é que o Cristo vai vir de Galilea? Non di a Escritura que o Cristo ha vir da descendencia de David, e de Belén, a vila de onde era David?”

E houbo división no pobo por causa del. Algúns queríano prender, pero ninguén lle puxo enriba as mans. Foron entón os gardas onda os xefes dos sacerdotes e os fariseos. Eles preguntáronlles:

–Por que non o trouxestes?

Respondéronlle os gardas:

–Nunca ninguén falou así coma este home.

Respondéronlles os fariseos:

–Seica vos engaiolou tamén a vós? Vistes que algún dos maxistrados ou dos fariseos crese nel? Non. E a xente esa, que non coñece a Lei, son uns malditos.

Un deles, Nicodemo, o que fora primeiro onda el dixo:

–Desde cando a nosa Lei xulga un home sen antes escoitalo e investigar o que fixo?

Respondéronlle:

–Tamén ti es de Galilea? Pois estuda e verás como de Galilea non sae profeta ningún.

——————————————————————————————————————————————————————————————

Meditación

Pasa con frecuencia que queremos contentar a todo o mundo, e por iso non nos definimos, e por iso andamos con branduras e acomodacións. Pretendemos ser fieis ao estilo de vida de Xesús, pero ao mesmo tempo queremos funcionar cos criterios do mundo. Xesús non era así; falaba con firmeza, situábase con forza do lado da xente máis débil, amosaba claramente que iso era o que o mesmo Deus acendía no seu corazón. E facíao sen medo a crear conflito, como realmente o creaba. Pero iso era o que á posta quería: que a xente pensase e se fose definindo.

Que ben nos viría que, como persoas e como comunidades cristiás, seguísemos este talante de Xesús! Canto ben nos fariamos a nós mesmos e á demais xente se fósemos claros e contundentes nas nosas opcións, sen desprezar a ninguén, pero sen agochar para nada o don do Evanxeo que Deus nos puxo nas mans para facelo chegar aos nosos contemporáneos o máis limpo posible!

——————————————————————————————————————————————————————————————
 
Oración

 Nunca ninguén falou coma ti, Xesús!

Coa mesma paixón por Deus.

Coa mesma paixón por cada home ou muller

cos que te fuches cruzando pola vida.

Coa mesma paixón por min.

Nunca ninguén soubo xuntar coma ti

palabras e feitos

nunha idéntica fidelidade.

Grazas, Xesús,

á sombra do teu ser quero acollerme.

——————————————————————————————————————————————————————————————
 
Acción

Podemos mirar se nalgún aspecto da nosa vida relixiosa ou civil non somos claros, non falamos conforme ao que pensamos, simulamos para non significarnos, para non provocar rexeites. Tamén aquí seguro que poderemos poñer máis verdade na nosa vida.

Accede á revista

Encrucilla 233

Xa es subscritor/a?