O Evanxeo de cada día con ollos de aldea
Manolo Regal ledo
22. de marzo: Domingo 5º de Coresma
1ª lectura: Ez 37 , 12-14
Sal 129, 1-2. 3-4ab. 4c-6. 7-8.
2ª lectura: Rom 8, 8-11
Evanxeo: Xn 11, 1-45
(Breve: Xo 11, 3-7. 17. 20-27. 33b-45.)
Pasou unha vez que as irmás de Lázaro mandaron a dicirlle a Xesús:
–“Señor, mira, o que amas está enfermo.”
Ao oílo, dixo Xesús:
–“Esta enfermidade non é para a morte, senón para a gloria de Deus, a fin de que por ela se glorifique o Fillo de Deus.”
Xesús queríalles moito a Marta, á irmá dela, e mais a Lázaro. Aínda que oíu que este estaba enfermo, deixouse estar aínda por dous días no sitio onde se atopaba. Despois disto, díxolles aos discípulos:
–“Vaiamos outra vez a Xudea!”
Cando chegou Xesús, atopouse con que Lázaro xa levaba catro días no sepulcro. Cando oíu Marta que Xesús estaba chegando, saíulle ao encontro. María, en cambio, quedou na casa. Díxolle entón Marta a Xesús:
–“Señor, se ti estiveses aquí non morrería meu irmán; pero eu sei que, aínda agora, Deus che concederá calquera cousa que lle pidas.”
Xesús díxolle:
–“Teu irmán resucitará.”
Marta respondeulle:
–“Ben sei que resucitará na resurrección, no día derradeiro.”
Díxolle Xesús:
“Eu son a resurrección e a vida. Quen cre en min, aínda que morra, vivirá; e todo o que vive e cre en min non morrerá endexamais. Cres ti isto?”
Ela respondeu:
–“Si, Señor: eu creo quer ti es o Cristo, o Fillo de Deus, que había de vir ao mundo.”
A Xesús, véndoos chorar, apretóuselle o corazón e, profundamente conmovido, preguntou:
–“Onde o puxestes?
Contestáronlle:
–“Señor, ven ver.”
E Xesús botouse a chorar.
Entón comentaban os xudeus:
–“Ai que ver como o quería!”
Pero algúns deles dixeron:
–“E logo este, que deu vista aos ollos dun cego, non podía facer que non morrese?”
Xesús estremecéndose de novo, chegou á sepultura. Era unha cova, e tiña unha pedra por riba.
Xesús ordenou:
–“Arredade a pedra.”
Marta, a irmá do finado, díxolle:
–“Señor, xa cheira, que leva catro días.”
Xesús contestoulle:
–“Non che dixen que se cres verás a gloria de Deus?”
Arredaron entón a pedra. Xesús ergueu os ollos e dixo:
–“Meu Pai, douche grazas porque me escoitaches. Eu ben sabía que ti sempre me escoitas, pero díxeno pola xente que está aquí, para que crean que ti me mandaches.”
E dito isto, gritou con voz forte:
–“Lázaro, ven para fóra!”
Saíu o morto; tiña os pés e as mans atados con vendas e a cara envolta nun sudario. Xesús ordenoulles:
–“Desenleádeo e deixádeo ir.”
Entón moitos dos xudeus que viñeran onda María, vendo o que fixo, creron nel.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Meditación
Antes de nada, empecemos reparando na humanidade de Xesús que se deixa ver neste relato evanxélico: había un home, Lázaro, a quen Xesús quería moito; tamén lles quería moito ás súas irmás, Marta e María; ía visitalos, comía con eles tres, conversaba con elas; cando soubo da morte de Lázaro sentiuno moito, saloucaba, chorou por el, … Un Xesús normalmente humano, que vivía e sentía as cousas da vida como nós as podemos sentir, e seguro que con moita máis fondura. Este é Xesús, o noso Xesús, o teu Xesús, o meu Xesús, que, na fe, quere establecer con todos e cada un, cada unha, de nós unha relación íntima, unha relación de amigo, para desde aí abrirnos o seu corazón e compartir connosco toda a vida que levaba dentro de si, que era moita. Nunca valoraremos abondo os feitos de trato e consideración coa xente, de convivencia cálida cos veciños e veciñas, con amigos e amigas. Neses intercambios normais da vida de cada día está fluíndo entre nós a graza e a bendición de Deus.
A vida é o máis fermoso que temos a xente, é o que máis apreciamos todos/as, agás algunhas persoas moi rotas que chegan a desexarse a morte e ás veces a buscala pola propia man. Todos, todas, desexamos vivir e vivir ben, e este desexo fondo que hai en nós responde a esa sede de vida que Deus colocou nas nosas raíces. Agora ben, hai vidas e vidas. “Iso si que é vida”, dicimos ás veces; pero tamén dicimos: “vaia vida máis pobre”. Porque é certo, pode haber vidas desgraciadas, vidas baleiras, vidas amargas, vidas tristes, vidas que non son vida, vidas mortas, vidas estragadas polo mal e pola maldade. Seguro que non nos custa atopar arredor noso persoas nestas circunstancias. Igual algún, algunha de nós mesmas pode estar nesta circunstancia. E esas vidas ás veces son así polo abandono das propias persoas, pero moitas veces sono tamén e principalmente porque esas persoas sen vida son maltratadas pola xente que as rodeamos ou incluso polos poderes públicos que deberían estar ao servizo delas. Non está pasando moito diso nos tempos que vivimos? Xesús está a favor da vida, con ganas sempre de poñer vida naquelas vidas, naquelas persoas e casas onde a vida escasea. Somos algo coma Xesús na comunidade cristiá da que formamos parte?
Pero tamén hai vidas dignas, vidas abundantes, vidas felices, vidas auténticas, vidas redondas, vidas cheas de ben e de bondade, vidas con semente manifesta de eternidade, vidas que paga a pena vivilas. Igual a nosa entra neste grupo de vidas. Oxalá! É posible que coñezamos persoas que levan unha vida así, e felicitámolas por iso e sentímonos empuxados por elas a poder conseguir outro tanto: poder vivir unha vida sa, no corpo e no espírito, unha vida recoñecida, digna, ben integrada socialmente, alegre. Canto lle gusta isto a Deus, que é a fonte de toda vida! Canto lle gusta a Xesús, que veu para que teñamos vida abundante! Canto lle gusta ao Espírito, que permanentemente está alentando camiños de vida! Quen se achega a unha comunidade cristiá, quen forma parte dela, sería normal que se sentise sempre axudado/a a ter esa vida abundante que Xesús soñaba para a xente que o rodeaba. O espazo cristián sería ben que foxe un espazo de moita vida.
E que é o que fai que unha vida sexa auténtica, abundante, feliz ou non? Os cartos poden axudar a algunhas cousas imprescindibles para unha vida digna, e está ben que os busquemos para esa finalidade; pero a vida auténtica non a producen os cartos, e ben nos cadra tamén, senón soamente as persoas ricas poderían aspirar a iso. O Evanxeo de hoxe anúncianos que Xesús é a fonte dunha vida auténtica, forte, máis forte do que a mesma morte. E a vida Xesús viviuna rodeada de humildade, de valentía, de apoio á xente marxinal, de servizo, de alegría, de resistencia, de honradez total, de fidelidade total a Deus Pai, de empeño total tamén pola xente, pola comunidade, polo pobo; e así tivo vida, ten vida e faise para nós vida e resurrección. Quen cre neste Xesús, quen lle abre as portas, terá vida a proba de bomba, a proba de morte. Nesta vida primeiro, vida eterna cando chegue a hora.
No encontro da Eucaristía podemos gozar, compartir, con Lázaro, Marta e María, a compaña de Xesús, a súa palabra viva, os camiños para ter vida e a esperanza de tela e tela en abundancia, agora e eternamente.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Preces
EU SON A RESURRECCIÓN E A VIDA
- Señor Xesús, que, algo coma ti, saibamos alternar e solidarizarnos coa xente que sofre ao noso carón, e acompañala no seu sufrimento e esperanzas cando poidamos. Oremos.
- Señor Xesús, que nos deixemos acompañar por ti, coma un amigo íntimo, nas horas de angustia e sufrimento, para poder gozar do teu consolo e alento de vida. Oremos.
- Señor Xesús, que, algo coma ti, colaboremos con todo o que leve valoración, esperanza, alegría, dignidade, vida á xente do noso barrio, pobo e parroquia. Oremos.
- Señor Xesús, que nos saibamos abrir aos gozos e problemas do mundo, que teñamos, algo coma ti, unha olla da aberta e un corazón sen medida. Oremos.
- Señor Xesús, que todas as comunidades cristiás, toda a Igrexa, sexamos canles fieis polos que a túa vida chegue á xente, sen trampas nin atrancos. Oremos.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Pregaria
Que gozo verte, Xesús,
unido en amizade con veciñas e veciños,
indo ás casas,
comendo, falando,
compartindo ledicias e pesares!
Que podo facer eu?
Que consolo dá verte chorar,
porque che doe o sufrimento alleo,
e amas a amigas e amigos,
e buscas o mellor para as súas vidas.
Que podo facer eu?
Amabas a vida, Xesús,
amábala e servíala,
poñéndote sempre do lado da xente que máis sufría,
que máis esperaba cambios e melloras,
e comprometías con ela a túa existencia.
Que podo facer eu?
Soñabas con persoas novas,
soñabas cun pobo novo,
soñabas cunhas relacións novas entre a xente,
marcadas polo respecto e a comprensión,
pola tenrura e a misericordia,
polo alento mutuo para o cambio e a mellora.
Que podo facer eu?
Tiñas unha paixón entrañable pola xente,
por toda a xente,
a todas e todos lles sabias abrir novos camiños
de máis e mellor fidelidade a Deus,
de máis e mellor humanidade.
Que podo facer eu?
Eras un pozo de vida,
aberto a quen a ti se quixese achegar,
ríos inmensos de vida saían cada día das túas mans,
da túa palabra, do teu corazón,
das túas propostas, dos teus soños.
Que podo facer eu?
Eras vida e resurrección
ante as situacións máis cegas,
ante vidas máis rotas,
ante as esperanzas máis fracasadas,
ante os corpos máis maltratados,
ante as persoas máis abusadas.
Que podo facer eu?
——————————————————————————————————————————————————————————————
Acción
Xesús viñera para que tivésemos vida e a tivésemos en abundancia. O relato de Lázaro é unha afirmación disto mesmo. Vida e vida digna. E vida para todo o mundo. Mentres e non, a tarefa de Xesús está aberta e somos nós quen colaboramos con el nesa tarefa. Temos esa conciencia de que tamén nós viñemos para termos vida a fondo, para axudar a que outras persoas teñan vida? Podemos propoñernos facer algo nesta semana que leve vida a alguén. Podemos tamén facer algo para mellorar a propia vida, tendo como referencia o estilo de vida de Xesús.
23 de marzo: Luns da 5ª semana de Coresma
1ª lectura: Dn 13, 41c-62 (breve)
Salmo: 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6
Evanxeo: Xn 8 ,12-20
Nunha ocasión Xesús faloulles aos fariseos dicindo:
–Eu son a luz do mundo: quen me segue non andará ás escuras, senón que terá a luz da vida.
Dixéronlle entón os fariseos:
–Ti fas de testemuña en causa propia: o teu testemuño non vale.
Xesús replicoulles:
–Aínda que eu faga de testemuña en causa propia, o meu testemuño é válido, porque eu ben sei de onde vin e onde vou; mentres que vós non sabedes de onde veño nin onde vou. Os vosos xuízos seguen normas humanas, mentres que eu non xulgo a ninguén. E aínda que eu xulgase, o meu xuízo sería válido, porque non sería eu só o xulgar, senón eu e máis quen me mandou. E na vosa Lei está escrito que o testemuño de dúas testemuñas é válido. Eu dou testemuño de min mesmo, pero tamén o dá o Pai que me mandou.
Entón eles preguntáronlle:
–Onde está teu Pai?
Xesús respondeulles:
–Nin me coñecedes a min, nin a meu Pai; se me coñecésedes a min, coñeceriades tamén a meu Pai.
Estas cousas díxoas el cando ensinaba no templo, no adro do tesouro; e ninguén o prendeu, porque aínda non chegara a súa hora.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Meditación
Nas nosas vidas, na vida de toda persoa sempre hai algo íntimo, fondo, dalgunha maneira inexplicable, que ás veces nin nós mesmos coñecemos de todo. Para as persoas crentes ese algo fondo tan de cada persoa conecta coa presenza de Deus en nós, ou mellor aínda, conecta coa nosa presenza en Deus. Somos, estamos, vivimos en Deus, soportadas por el, acompañadas por el. Xesús tamén vivía isto, el, si, dun xeito moi vivo e total, ata o punto de se sentir fillo íntimo de Deus.
Esta condición nosa, ben vivida e coidada, ben traballada, capacítanos para nos ir sentindo coa forza, coa luz de Deus iluminando a nosa existencia. Capacítanos tamén para sermos algo de luz para quen nos rodea. Nós que estamos sendo iluminadas e fortalecidas por Deus, debémonos a quen nos acompaña na vida para transmitir algo de luz e fortaleza. Debémonos maiormente para a xente máis empobrecida. E iso sen ningunha pretensión de arrogancia, só faltaría, senón obedecendo a ese humilde convencemento interior de que o que nos é dado énos dado para que o compartamos. Sabendo, iso si, que aquí, nisto, canto máis se comparte máis se aumenta na nosa propia existencia.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Oración
Grazas, Deus, Pai, Nai nosa,
porque todo o enches e ennobreces;
porque nos permites asentar no teu corazón,
para enchernos de luz e de esperanza.
Grazas pola presenza de Xesús en ti,
pola vosa inexplicable intimidade.
Grazas porque non estades en ningún ceo estraño,
porque fixestes entre nós, en nós, a vosa tenda.
Grazas porque escolledes a xente máis fráxil
para convocarnos desde esa xente á dita de compartir
e atopar así o sentido e verdade das nosas vidas.
Grazas.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Acción
facemos? Sentímonos atraídos por Deus, por Xesús, pola xente empobrecida? Chámanos o servizo ou algunha forma de poder? Ás portas case da Semana Santa podemos dedicar un tempo e matinar algo nas nosas vidas.
24 de marzo: Martes da 5ª semana de Coresma
1ª lectura: Núm 21, 4-9
Salmo: 101, 2-3. 16-18. 19-21
Evanxeo: Xn 8, 21-30
Nunha ocasión díxolles Xesús aos fariseos:
–Eu voume e habédesme buscar e morreredes no voso pecado: onde eu vou, vosoutros non podedes vir.
Dicían entón os xudeus:
–E irase matar, porque di “onde vou eu, vosoutros non podedes vir?
E seguiulles dicindo Xesús:
–Vós sodes de aquí abaixo, eu son de alá arriba; vós sodes deste mundo, eu non son deste mundo. Díxenvos que habedes morrer nos vosos pecados; como non creades que “Eu son”, morreredes nos vosos pecados.
Preguntáronlle entón:
–Pero, logo, ti quen es?
Xesús contestoulles:
–O que vos veño dicindo desde o comezo. Moito podería falar e condenar de vós; mais quen me mandou é veraz e eu só lle falo ao mundo do que lle oín a el.
Pero eles non coñeceron que lles falaba do Pai. Entón Xesús continuou:
–Cando ergades o Fillo do Home, entón comprenderedes que “Eu son”, e que non fago nada pola miña conta, senón que falo do que o Pai me ensinou. E quen me mandou está comigo; non me deixou só, pois eu fago sempre o que a El lle agrada.
Ao dicir estas cousas, moitos creron nel.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Meditación
Non nos interesa debater teoricamente quen foi ou non foi Xesús, de onde veu ou de onde deixou de vir. O que nos fai ben é achegarnos á súa persoa, á súa vida, entrar nela dentro do posible, deixarnos tocar por ela, e experimentar o que Xesús é capaz de facer en nós cando nos achegamos a el co corazón aberto, coa vida nas mans.
Se o facemos así, caeremos na conta de que Xesús non é un bicho raro caído do ceo, senón unha persoa humana coma nós, pero chea a tope do Espírito de Deus; sempre obediente á voz de Deus que escoitaba de mil maneiras na vida, sobre todo andando enredado coa xente máis débil; un home que falaba e facía sempre conforme o Pai lle ensinaba na escola da vida; un home que sempre se sentiu acompañado por Deus. Por iso a cruz non foi o lugar da súa derrota, senón o lugar onde triunfou nel o ser de Deus que levaba no seu seo.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Oración
Veño á túa escola, Xesús,
como sendo neno/a ía á escola da miña mestra.
Veño á túa escola,
para que me aprendas
a facer non o que a min me pete,
senón o que o Pai do ceo nos ensina
a partir da vida e da xente que nela nos acompaña.
Veño onda ti para que me aprendas
a ser feliz coma ti
pensando no ben dos demais,
e traballando polo ben común.
Veño onda ti, Xesús,
para aprender contigo
iso de sentirse sempre ben acompañado por Deus,
aínda nas horas de dor e escuridade.
Veño á túa escola, Xesús,
sento no banco cos meus compañeiros/as
e estou atenta, en silencio, para aprender ben.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Acción
Seguro que no día de hoxe nos pasaron cousas e vimos persoas que algo nos dixeron no nome de Deus. Podiamos recapacitar nesas voces de Deus que así nos chegaron, e aprender e medrar como persoas cristiás.
25 de marzo: Solemnidade da Anunciación do Señor
1ª lectura: Is 7, 10-14; 8, 10b
Salmo: 39, 7-8a. 8b-9. 10. 11
2ª lectura: Heb 10, 4-10
Evanxeo: Lc 1, 26-38
Sucedeu que aos seis meses (do anuncio do nacemento de Xoán Bautista) Deus mandou o anxo Gabriel a unha aldea chamada Nazaré, onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María.
O anxo entrou onde estaba ela e díxolle:
–Alégrate, chea de graza, o señor está contigo.
Ela turbouse con estas palabras, cavilando que podería significar aquel saúdo. O anxo continuou:
–Non teñas medo, María, porque ti gozas do favor de Deus. Mira, vas concibir no teu ventre e darás á luz un fillo, a quen chamarás Xesús. Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacob e o seu reinado non terá fin.
María respondeulle ao anxo:
–E como pode ser isto, si non convivo con ningún home?
O anxo contestoulle:
–O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que consideraban estéril, pois para Deus non hai imposibles.
María contestou:
–Pois aquí está a escrava do Señor: que se cumpra en min canto dixeches.
E o anxo marchou de onda ela.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Meditación
O que pasou en Xesús, con Xesús, axúdanos a entender o que pasa con todos os homes e mulleres que vimos a este mundo. Calquera home ou muller temos partes de nós que máis ou menos podemos coñecer ben; temos un corpo, temos un xeito de ser, temos unha maneira de pensar, temos unha mente, unha maneira de nos situar ante nós mesm@s, ante os demais, antes Deus; temos tamén un mundo de sentimentos… Todo isto permite coñecernos, identificarnos e diferenciarnos.
Pero, aínda así, hai un algo de nós, fondo, misterioso, que se nos escapa a nós mesm@s e, por suposto, tamén a quen nos rodea. Para as persoas que temos fe relixiosa, esa zona inabarcable de misterio que nos envolve conéctanos co misterio mesmo de Deus. Somos persoas así de fondas, de ricas, de insondables porque as nosas raíces están en Deus e en Deus nos movemos e existimos diariamente. Somos persoas así de ricas porque, a semellanza de Xesús, tamén nós somos dalgunha maneira persoas feitas tales polo Espírito mesmo de Deus. O que en Xesús foi plenitude e redondez en nós é intento e aproximación. E todo isto podémolo ir vivindo e realizando nas mil circunstancias miúdas do día a día. Somos queridas e agraciadas por Deus, somos invitad@s á alegría e á confianza, Podemos deixar que o Espírito nos fecunde, si ou non. María é un referente. Algo marabillosamente humano, marabillosamente divino. Así somos nós.
Velaquí a escrava,
o escravo do Señor.
Disposta/o a dicir un si
que me rompa e me libere.
Disposto/a a deixar que o Espírito
faga de min,
algo polo menos,
un reflexo do mesmísimo Xesús.
Deixando que se constrúa en min
o rostro humano de Deus
que levo nas miñas entrañas agochado.
Velaquí a pobre criatura do Señor!
——————————————————————————————————————————————————————————————
Podemos mirar para nós mesm@s e ver en que cousas nos vemos algo semellantes a Xesús e en que cousas non. Agradecemos o primeiro e temos en conta o segundo para aprender a non poñer freo ao Espírito que nos quere transformar.
26 de marzo: Xoves da 5ª semana de Coresma
1ª lectura: Xén 17, 3-9
Salmo: 104, 4-5. 6-7. 8-9
Evanxeo: Xn 8, 51-59
Nunha ocasión díxolles Xesús aos xudeus:
–Con toda verdade volo aseguro: quen fai caso da miña palabra non morrerá endexamais.
Entón dixéronlle os xudeus:
–Agora si que vemos que tes o demo: Abraham morreu e os profetas tamén, e ti dis: quen fai caso da miña palabra non morrerá endexamais. Seica es ti máis ca o noso pai Abraham que morreu? E os profetas tamén morreron. Por quen te queres facer pasar?
Xesús respondeu:
–Se eu me dou gloria a min mesmo, a miña gloria nada vale; pero quen me dá gloria é meu Pai, de quen vós dicides que é o voso Deus. Pero non o coñecedes, mentres que eu si o coñezo. Se dixese que non o coñezo, sería un mentireiro, coma vós; pero eu coñézoo e axústome á súa palabra. Voso pai Abraham encheuse de ledicia na esperanza de ver o meu día; viuno e alegrouse.
Dixéronlle entón os xudeus:
–Aínda non tes cincuenta anos e xa viches a Abraham?
Xesús contestoulles:
–Con toda verdade volo aseguro: antes que Abaham chegase a existir, “Eu son”.
Entón colleron p0edras para llas tiraren, pero Xesús agachouse e saíu do templo.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Meditación
O evanxeo de hoxe alértanos do difícil que ás veces resulta dialogar. Cada un está no seu mundo, nas súas ideas, nas súas aspiracións, nas súas valoracións; non escoitamos en verdadeiro silencio interior procurando entender que é o que me di esa persoa que teño diante, cal é o seu mundo, cales son os seus valores, as súas emocións; non nos escoitamos en verdadeiro silencio a nós mesmas, procurando entender que son unha persoa quizais dominada por prexuízos, por ideas, por sentimentos, por intereses que me bloquean e me impiden abrirme á riqueza e variedade da vida, e desa maneira abrirme tamén ao cambio, ao crecemento persoal.
O facemos coa xente é normal que o fagamos tamén con Deus. Con san Xoán podemos dicir: se non escoito e acollo a xente, a quen vexo, non vou acoller o Deus que non vexo.
Meu Deus,
ao teu lado quero aprender
a calar,
a escoitar,
a acoller,
a valorar,
a agradecer,
a amar,
a comprometerme
ante todo o que a vida me ofrece
na natureza, nos animais, nas persoas,
no que pasa fóra e dentro de min,
en todo,
en ti.
Grazas.
Se repasamos algúns dos nosos encontros coa xente, igual vemos situacións algo semellantes á que se conta no evanxeo. Por que nos resulta difícil entendernos? Que hai en min que o impide?
27 de marzo: Venres da 5ª semana de Coresma
1ª lectura: Xer 20, 10-13
Salmo: 17, 2-3a. 3bc-4. 5-6. 7
Evanxeo: Xn 10, 31-42
Nunha ocasión os xudeus volveron coller pedras para acantazar a Xesús. Xesús replicoulles:
–Moitas obras boas fixen diante de vós de parte do meu Pai. Por cal delas me acantazades?
Respondéronlle os xudeus:
–Non te apedramos por ningunha obra boa, senón por blasfemia, pois ti, sendo home, faste Deus.
Xesús replicoulles:
–Non está escrito na vosa Lei “Eu dixen: sodes deuses?” Se lles chamou deuses a aqueles sobre os que veu a palabra de Deus –e non pode fallar a Escritura–, por que me acusades de blasfemia a min, a quen o Pai santificou e mandou ao mundo, por dicir que son Fillo de Deus? Se non fago as obras do meu Pai, seguide sen crerme. Pero se as fago, aínda que non creades en min, crede nas obras, para que comprendades e recoñezades que o Pai está en min e eu estou no Pai.
Unha vez máis trataban entón de o prender, pero Xesús liscóuselles das mans. E foi de novo á outra banda do Xordán, ao sitio onde estivera Xoán bautizando ao comezo e permaneceu alí. E acudiron moitos onda el e dicían: “Xoán non fixo ningún sinal, mais todo canto Xoán dixo acerca deste, era verdade.” E moitos comezaron a crer nel alí.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Meditación
Xesús crea conflito. Hai xente que ve as súas obras e cre nel, e hai xente que nin vendo as súas obras lle dá fe. Tamén hoxe, entre nós mesmos, existe esta división. Hai xente, entre a que nos contamos, que cre en Xesús, como unha manifestación, unha revelación de Deus neste mundo polas súas obras. Pero hai tamén moita xente, moita, que non cre en Xesús; igual mesmo admiran os seus feitos, a súa chamada fonda á irmandade, á dignidade de todos, especialmente da xente máis maltratada, pero non cren en Xesús como Fillo de Deus, e menos na Igrexa.
É posible remediar este conflito? Desde logo non a base de insultos, desprezos ou pedradas. Quen seguimos a Xesús temos a responsabilidade grande de non agravar ou deformar ese conflito con doutrinas torpes ou con prácticas relixiosas decadentes; se hai conflito, que sexa porque procuramos seguir o estilo de vida de Xesús, na súa maneira de sentir e vivir a Deus, na súa maneira de respectar e defender a dignidade radical de toda persoa.
Meu Deus,
sinto que o teu Espírito me alenta
a respectar a todas as persoas,
crean ou non crean en ti,
sigan ou non as pisadas de Xesús.
Meu Deus,
sinto que o teu Espírito me anima
a adherirme a Xesús,
en quen creo como un home
totalmente un contigo.
Que a miña fe non te traizoe,
meu Deus.
Que a miña maneira de vivir
axude a outras persoas a achegarse a ti.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Queixámonos de que a xente non cre, pero que facemos as persoas, as comunidades cristiás para facer crible a nosa vida, o noso testemuño cristián? Vemos que podiamos cambiar en algo?
28 de marzo: Sábado da 5ª semana de Coresma
1ª lectura: Ez 37, 21-28
Salmo: Xer 31, 10. 11-12ab. 13
Evanxeo: Xn 11, 45-57
Daquela, moitos dos xudeus que viñeran onda María, vendo o que fixera, creron nel. Pero algúns deles foron onda os fariseos e contáronlles o que fixera Xesús. Entón os sumos sacerdotes e os fariseos reuniron o Consello e dicían:
–Que imos facer? Porque este home fai moitos signos. Se o deixamos así, todos crerán nel e virán os romanos e quitarannos o noso lugar santo e máis a nosa nación.
Pero un deles, Caifás, que era o Sumo Sacerdote aquel ano,díxolles:
–Non entendedes nada. Non coidades que vos convén que morra un home polo pobo e non que pereza a nación enteira?
Iso non o dixo por súa conta, senón que, sendo Sumo Sacerdote aquel ano, profetizou que Xesús había morrer pola nación; e non só pola nación, senón tamén para reunir os fillos de Deus que estaban dispersos. Por iso aquel día decidiron matalo.
En consecuencia, Xesús xa non andaba á vista entre os xudeus. Marchou para a rexión próxima ao deserto, a unha vila chamada Efraím, e alí permanecía cos seus discípulos. Estaba próxima a Pascua dos xudeus e subiron moitos daquela rexión a Xerusalén antes da Pascua, para se purificaren. Andaban entón buscando a Xesús e, cando estaban no templo, preguntábanse entre eles: “Que vos parece? Non virá á festa?” Pero os sumos sacerdotes e os fariseos tiñan dada orde de que, se alguén sabía onde estaba, que o comunicase para lle botaren man.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Meditación
A morte de Xesús foi unha morte inxusta, e, como tal, nin foi querida por Deus nin polo mesmo Xesús. O plan de quitalo de en medio obedecía ao medo a que o pensamento e a práctica de Xesús collese corpo entre a xente, e iso cuestionase o funcionamento das autoridades relixiosas do seu tempo e das prácticas relixiosas que promovían. Ante Xesús podían recapacitar e cambiar, ou obcecarse e acabar con el. Preferiron isto último. Pero curiosamente a morte coa que pretendían anular a súa influencia converteuse nunha fonte de vida e de esperanza para cantas persoas quixesen ser seguidoras del, e aínda para o mundo enteiro.
Tamén nós podemos acoller a palabra e a vida de Xesús ou resistirnos a elas. Podemos acollelo de corazón, deixando que revolva e alente as nosas vidas, ou persistir na nosa cegueira, pechándolle as portas a quen vén para enriquecernos coa súa paz, coa súa forza.
En busca e captura, Xesús,
así estiveches ti,
como calquera malfeitor común,
sen ter feito máis ca ben.
En busca e captura
quen nos buscou apaixonadamente
para a maior liberdade.
En busca e captura
para lle dar morte
a quen era a fonte da vida.
En busca e captura, Xesús,
como tantos e tantas irmás túas
de sangue africana
que percorren os nosos pobos e cidades.
En busca e captura
agochándote
na máxima dor,
no máximo servizo.
Acompáñote, Xesús.
Igual nalgunha ocasión temos a oportunidade de poñernos do lado dalgún inocente fronte ao poder, fronte a quen abusa del. Podemos facelo por el, por Xesús quenel repite a súa historia.