O Evanxeo de cada día con ollos de aldea
Manuel Regal Ledo
Advento, o tempo da chegada, das chegadas de Deus. Chegadas do pasado, que rememoramos e celebramos, porque sosteñen a nosa esperanza; chegadas do presente, ás que se nos pide estar moi atentas, para non desaproveitar a súa forza de vida, a súa oferta; chegadas do futuro, máis o menos preto, coas que Deus mesmo está comprometido, e para as que a nós se nos pide fe e tamén compromiso.
Deus vén. O seu é vir sempre. Non fai falla que llo pidamos. O seu é vir sempre co pan debaixo do brazo, coa vida debaixo do brazo, coa boa ventura debaixo do brazo. De nós depende pechar ou abrir portas, pechar ou abrir soños, pechar ou abrir cambios, pechar ou abrir vida. Certo que á xente de aldea sempre nos gustou abrirlle a quen peta a nosa porta, facelo pasar, invitalo a algo ao quente da cociña. E así pode ser con Deus.
Vivir o Advento cos pés e co corazón na terra; todo o que fagamos ou deixemos de facer estará asentado nas vidas de cada día, coa xente coa que formamos familia, comunidade, pobo; vidas de cada día repletas de fraxilidades. Vivilo tamén cos pés e co corazón no medio da xente máis desposuída, pois ese é o espazo especialmente escollido por Deus para os encontros con el.
O Evanxeo de cada día vai debullando para nós a riqueza que Deus nos ofrece na palabra e nos feitos de Xesús. Cousas moi simples e moi fondas, que chegan aos nosos corazóns, ás nosas vidas dando paz, alento, esperanza.
3 de decembro: Domingo 1º de Advento.
1ª lectura: Is 63, 16-17. 19b; 64, 2b-7. Salmo: 79, 2ac e 3b. 15-16. 18-19
2ª lectura: 1 Cor 1, 3-9.
Evanxeo. Mc 13, 33-37.
Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Estade, logo, á espreita e con atención, que non sabedes cando será o momento. É coma unha persoa que foi ao estranxeiro e deixou a casa e máis a facenda nas mans dos seus criados e criadas, encargándolles a cada quen o que tiña que facer; e ao porteiro ordenoulle que velase.
Vixiade vós, polo tanto, pois non sabedes cando chegará o amo da casa: se á tardiña ou con noite pecha, se cando o galo canta ou no amencer. Non vaia ser que chegue de repente e vos atope durmindo. E o que vos digo a vós tamén llelo digo a todo o mundo: estade en vela!
Meditación
Tempo de Advento, tempo do baleiro e parcialidade do ser humano, da historia, abertos á totalidade e plenitude de Deus. Tempo da verdade radical do ser humano, en camiño, en busca. Outra persoa, outra historia concreta, diaria, é posible no nome de Deus.
Aínda que a liturxia é abundante pedindo que Deus veña, o Evanxeo asegúranos esa chegada e pon o seu acento na urxencia de sermos xente esperta, xente atenta ao Deus que chega. Onde, cando, como menos se espera, chega.
Estar en vela, espertos/as, estar alerta, non estar durmidas, son verbos repetidos neste Evanxeo, que inciden todos na mesma actitude: disposición a atender á primeira o paso de Deus pola nosa vida.
Estar en vela, activos/os, xestionando convenientemente a responsabilidade daquela parte da casa que o Señor nos puxo nas mans. A casa é a comunidade cristiá, a Igrexa. A casa é o pobo, o país onde vivimos. A casa é o mundo.
Estar en vela ante o que está acontecendo en Galicia, en España, no mundo, nestes tempos convulsos, sobre todo no que lle afecta ás persoas máis débiles e marxinais.
Non unha chamada á espera de quen teme que lle sobreveña algo malo. Si unha chamada á espera de quen ama, á espera do amado que chega coas súas gratificacións.
Cristián, cristiá: a persoa que está en vela descubrindo, gozando, anunciando a chegada e presenza de Deus no medio de nós.
Preces
QUE A NOSA VIDA, DEUS
SE ENCHA DA TÚA PRESENZA.
Que saibamos descubrirte presente e acollerte na nosa vida diaria, familiar, veciñal. Oremos.
Que che abramos as portas cando petas vestido de inmigrante ou de xente que está no paro e clama por unha sociedade xusta, democrática, fraterna de verdade. Oremos.
Que acollamos a túa presenza leda cando o encontro, a festa, a ilusión, a risa conmove as nosas vidas. Oremos.
Que non te evitemos cando te achegas a nós con críticas nas mans, advertíndonos da nosa pereza e falta de implicación na construción xusta da nosa sociedade. Oremos.
Que te busquemos con sinxeleza e honestidade, ata atopar en ti a razón fonda da nosa paz, da nosa vida, da nosa morte. Oremos.
Oración
Canto nos fas falla, Señor,para encher de soños as nosas vidas chatas!Canto nos fas falla para espertarmos,para abrir os ollos e o corazón!Canto nos fas falla, Señor!Canto nos fas falla, Señor,para ensinarnos a amar o mundoe a construílo ao teu xeito e semellanza:amplo e cordial,xusto para todos e todas,privilexiado para as persoas débiles!Canto nos fai falla, Señor,o teu sol, a túa luz, a túa ledicia,alumeando tebras e tristuras,espertando ánimos, abrindo liberdades,dando lucidez na hora densa dos compromisos!Canto nos fai falla, Señor,o teu alento para a tarefa de cada día,e atopar nel un oco para o noso cansazo!Canto nos fai falla, Señor,a túa calor neste inverno,a túa aperta de nai,o teu fogar, a túa mesa, o teu pan.Canto nos fas falta ti, Señor,e contigo os irmáns,todos os irmáns,todas as irmás!
Acción
Igual é un bo momento para pararse un pouquiño, mirar para a propia vida, e ver en que aspectos da vida persoal, familiar, social, estamos como persoas durmidas, necesitadas de alertas e espabilacións. Tomar nota, e, se me quero de verdade, ver de que podo botar man para avivecerme. Podemos contar con Deus.
4 de decembro: Luns da 1ª semana de Advento
1ª lectura: Is 2, 1-5
Salmo 121, 1-2. 3-4a. 4b-5. 6-7. 8-9
Evanxeo: Mt 8, 5-11
Ao entrar Xesús en Cafarnaúm achegóuselle un oficial do exército romano que lle suplicou dicindo:
—Señor, o meu criado está tolleito na cama e padece moito.
Díxolle Xesús:
—Eu irei e curareino.
O oficial contestoulle:
—Señor, non son merecente de que entres na miña casa; con que digas unha palabra o meu criado curará. Porque eu, aínda que son un subordinado, tamén teño homes baixo ao meu mando; e dígolle a este: vai, e vai; a aquel: ven, e vén; e ao meu criado: fai sito, e faino.
A Xesús chamoulle moito a atención oír aquilo e díxolles á xente que o seguía:
—Asegúrovos que non atopei a ninguén cunha fe tan grande en todo Israel. E dígovos que moita xente virá de oriente e de occidente para sentar na mesa de Abraham, Isaac e Xacob no Reino dos Ceos.
Meditación
Todo empeza cando o oficial romano se achega a Xesús. Moitas cousas boas nos poden suceder a nós se nos achegamos a Xesús fiándonos del. A Xesús chamoulle a atención a grande fe daquel oficial. Realmente era de admirar. Quen nos dera ter unha fe así de sinxela, así de forte! A fe do oficial romano parécese moito á fe de moita xente do campo que vai a un santuario, por exemplo, levando nas mans e no corazón a carga dunha enfermidade, dunha desgraza. Xesús non critica esa fe. Admíraa, acóllea, responde solidarizándose co oficial aquel e cos seus problemas, como fai con toda a xente que se achegue a el no medio dos traballos da vida. Gústalle acompañarnos e transmitirnos a súa enerxía.
O oficial romano non era xudeu, pero é igual. A mesa de Xesús, a mesa de Deus, a mesa da vida está sempre preparada para quen teña fame, pete e queira entrar. Deus non anda con requisitos.
Oración
Quen me dese, Xesús, crer en ti a fondo, cunha fe sinxela, forte, limpa, para gozarme, fortalecerme e curarme diariamente coa túa compaña! Creo en ti, Xesús. Con toda a xente humilde da Igrexa ou doutras relixións creo en ti.
Acción
Se podes, establece algún contacto con algunha persoa estranxeira, inmigrante, que viva entre nós, aínda que soamente sexa cun saúdo. Lembra a Xesús co oficial romano. Acóllea, como Deus tamén a acolle.
5 de decembro: Martes da 1ª semana de Advento
1ª lectura: Is 11, 1-10
Salmo: 71, 2. 7-8. 12-13. 17
Evanxeo: Lc 10, 21-24
Naquel momento Xesús, cheo do gozo do Espírito Santo exclamou:
—Bendito sexas, Pai, Señor do ceo e máis da terra, porque lles ocultaches estas cousas á xente sabia e entendida e llas mostraches á xente humilde. Si, bendito, meu Pai, porque así o quixeches.
Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece o Fillo a non ser o Pai, e ninguén coñece o Pai a non ser o Fillo e aquel a quen o Fillo llo queira revelarllo.
E volvéndose á parte aos discípulos, díxolles:
—Benia os ollos que ven o que vós vedes! Porque é ben certo que moitos profetas e reis quixeron ver o que vós vedes e non o viron, e oír o que vós oídes e non o oíron.
Meditación
Que son esas cousas que Deus amosa á xente humilde e llelas oculta á xente entendida? Pois cousas como o gozo de vivir, o asombro pola graza que hai na natureza, nos animais, na xente; o gusto pola inocencia, a satisfacción que dá falar con verdade e sen malicia; a alegría da boa convivencia veciñal, vivindo coma irmáns ou irmás; a paz fonda que nos dá saber que Deus sempre nos quere, e vivir momento a momento baixo o empuxe dese convencemento; ter ánimos para axudar e servir a quen nos rodea; gozar xuntándonos para as penas e as alegrías, tamén para a defensa do noso; saber ser moi humildes e moi valentes a un tempo.
Quen é a xente humilde que goza con todo isto? Podémolo ser todos, todas nós, se non deixamos que o galo se nos suba ao poxigo, se reparamos na nosa fraxilidade e lle abrimos as portas ao Espírito bo de Deus. Deus tolea por meternos no seu mundo de ben e de felicidade.
Oración
Grazas, Pai, che dicimos con Xesús, por seres tan espléndido, por non preferires o poder e as aparencias, como tantas veces nos pasa a nós. Grazas, Pai, porque che vai o humilde, porque as portas da túa casa están sempre abertas para nós, porque nos ofreces a túa compaña e os teus regalos.
Acción
Ao longo do día de hoxe vai vendo en que circunstancias Deus foi compartindo contigo algunha desas cousas que a el tanto lle gustan. Agradécello. Comparte con algunha persoa amiga ese teu agradecemento.
6 de decembro: Mércores 1ª semana de Advento
1ª lectura: Is 25, 6-10
Salmo: 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6.
Evanxeo: Mt 15, 29-37
Marchou Xesús daquela terra e chegou onda o mar de Galilea. Subiu a un monte e sentou alí. E veu cabo del un mundo de xente, traendo consigo persoas coxas, eivadas, xordas e afectadas por outros males. Púñanas aos pés de Xesús e el curábaas a todas. De xeito que a xente ficaba pasmada vendo como as persoas mudas falaban, as eivadas quedaban curadas, as coxas andaban e as cegas vían. E glorificaban o Deus de Israel.
Chamou Xesús polos seus discípulos e díxolles:
—Dáme mágoa esta xente, pois hai tres días que veñen tras miña e non teñen que levar á boca. Non a quero despedir sen tomaren nada, porque poderían esmorecer polo camiño.
Dixéronlle os discípulos:
—E de onde imos sacar, nun lugar deserto, pan abondo para fartar a tanta xente?
Pero el preguntoulles:
—E logo, cantos pans tedes?
Eles responderon:
—Sete e máis algúns peixes.
Mandou Xesús que a xente sentase no chan; despois colleu os sete bolos e mais os peixes, deu grazas, partiunos e déullelos aos seus discípulos, e os discípulos dábanllos á xente. Comeu a xente a se fartar e cos anacos que sobraron encheron sete cestas.
Meditación
O querer de Deus é que a xente vivamos sen males, sen males físicos, sen males mentais. Que teñamos o necesario e suficiente para poder vivir con tranquilidade, satisfacendo as necesidades normais da vida. Iso non se consegue se hai xente que se fai con todo e, en consecuencia, outra xente queda sen nada, cousa que pasa moito no noso mundo, amargando a vida de moita xente. A felicidade humana non se acada amoreando sen pensar en que todo o mundo estea suficientemente atendido. A felicidade humana conséguese unindo mans, corazón e vidas.
Xesús fixo canto ben puido. Con milagres ou sen eles. De nós ninguén espera milagres. Ou si. Porque é un milagre limpar o corazón de avaricias, e abrilo ao ben da comunidade. É un milagre participar na vida comunitaria, social, política, para que as parroquias, os Concellos, os Países, o mundo se goberne tendo en conta que a ningunha persoa pobre lle falte pan, escola, menciñas, traballo, un teito, a alegría de vivir.
Oración
Noso Pai que estás no ceo, fágase a túa vontade. Xesús Cristo, noso Señor, que nos doia a xente, como che doía a ti, que agradezamos os teus cidados, que colaboremos contigo para que a ninguén lle falte nada do esencial para vivir con humor e esperanza.
Acción
Hai moitas maneiras de traballar polo común, polo pan e a felicidade doutra xente. Podes visitar hoxe a unha persoa enferma. Se non o estás facendo xa, pensa na posibilidade de integrarte nalgún grupo, ONG, asociación, Cáritas, Sindicato, Partido Político, desde o que che parece que se traballa ben polo pan de todo o mundo.
7 de decembro: Xoves 1ª semana de Advento
1ª lectura: 26, 1-6
Salmo: 117, 1 e 8-9. 19-21. 25-27a
Evanxeo: Mt 7, 21.24-27
Dixo Xesús:
—Non entrará no reino dos Ceos quen me diga “Señor, Señor!” , senón quen faga a vontade do meu Pai celestial.
Así pois, quen escoita as miñas palabras e as pon en práctica será coma a persoa asisada que edificou a súa casa sobre rocha. Caeu a chuvia, veu a riada, bruou o vendaval batendo na casa, pero non se derrubou, porque estaba asentada na rocha.
Mais quen escoita as miñas palabras e non as leva á práctica pórtase coma un toleirán que edificou a súa casa sobre area. Caeu a chuvia, veu a riada, bruou o vendaval batendo na casa e derrubouna, e a desfeita foi terrible.
Meditación
As vidas, as persoas, as comunidades son coma unha casa. Non tería xeito construír unha casa sobre area ou nun sitio veiguento. Unha casa necesita ante todo uns bos cimentos. E as persoas tamén, e as comunidades cristiás da parroquia tamén. Non vale, non chega con moito dicir “Señor, Señor”, se non botamos man de todo aquilo que nos permite ser persoas formadas, sólidas, humildes, animadoras, comunitarias, loitadoras, alegres. O trato con Deus deberíanos levar a aproveitarnos de todo canto Deus puxo ao noso alcance para consolidarnos como persoas e como comunidade.
Tanto as persoas como as comunidades sufrimos moitos envites na vida. Estar ben cimentado fainos capaces de resistir, de non perder a serenidade, a esperanza a pesar de todo. Deus ofrécese sempre a poñernos cimentos sólidos na nosa vida. O Espírito bo de Deus é o mellor sostén da nosa vida.
Oración
Son persoa fráxil, Señor, ben o sabes. Cústame afrontar con serenidade as dificultades da vida. Póñome na túas mans fortes e agarimosas. Confío en ti, meu Deus, confío en ti.
Acción
En que me vexo unha persoa fráxil? En que vexo que a miña comunidade é unha comunidade tamén fráxil? Segundo cal sexa esa fraxilidade, penso nalgunha tarefa que a poida curar. Por exemplo, se non comparto as miñas penas con ninguén, empezo a facelo. Ou se critico a xente da comunidade por tras, dispóñome a dicir as cousas á cara con respecto e agarimo.
8 de decembro: Solemnidade da Inmaculada Concepción
1ª lectura: Xén 3, 9-15. 20. Salmo: 97, 1. 2-3ab. 3c-4. 2ª lectura: Ef 1, 3-6. 11-12
Evanxeo: Lc 1, 26-38
Naquel tempo mandou Deus o anxo Gabriel a unha aldea chamada Nazaré, onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María.
O anxo entrou onde estaba ela e díxolle:
—Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo.
Ela turbouse con estas palabras, cavilando no que podería significar o saúdo aquel.
O anxo continuou:
—Non teñas medo, María, porque ti gozas do favor de Deus; e, fíxate, vas concibir no teu ventre e darás á luz un fillo ao que lle poñerás o nome de Xesús. Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono do seu antepasado David; reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin.
María respondeulle ao anxo:
—E como pode ser isto, pois eu son virxe?
O anxo replicoulle:
—O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do Altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, pois para Deus non hai imposibles.
María contestou:
—Velaquí a escrava do señor; que Deus faga comigo segundo me dixeches.
E o anxo marchou de onda ela.
Meditación
O evanxeo fala de concepción de Xesús no ventre de María, e a festa que hoxe celebramos é a da concepción da mesma María no ventre da súa nai, que se chamaba Ana. Igual nos encerellamos un pouco con estas historias.
Non é algo casual que a nai de Xesús fose unha muller de aldea. Na Biblia aparece moitas veces que a xente máis débil, pequena, sen poder social, acaba levando adiante as cousas grandes e fermosas de Deus.
O relato non é para que nos enredemos en cousas de sexualidade. Non vai por aí o que o evanxeo nos quere dicir.
O de María, o de Deus en María, o de Deus en calquera persoa que lle faga caso, vai sempre de humildes e grandes propostas acompañadas da forza do Espírito para poder realizalas. Se, como María, nos fiamos de Deus, calquera de nós podemos concibir e parir cousas entrañables, boas, que saben a Deus, que aledan, que cambian as parroquias, o mundo. María confiou, foi fiel. Nós tamén o podemos ser. Algo polo menos.
Oración
Que me saiba querid@ e saudad@ por ti, meu Deus.Que non me venzan os medos, os límites que teño.Que me saiba fiar de ti, do teu Espírito.Que me deixe levar por el ata onde el queira.Aquí estou, meu Deus, conta comigo.
Acción
É moi posible que haxa algo que che gustaría facer para mellorar as cousas da casa ou da comunidade ou da parroquia ou da sociedade en xeral. É posible que teñas medos e covardías que che estean impedindo levalo a cabo. Dá un paso adiante. Identifica ese medo, esa covardía, supéraa e bota a andar o que che gustaría facer. Poñeraste na onda de María, na onda do Espírito.
9 de decembro: Sábado 1ª semana de Advento
1ª lectura: Is 30, 19-21. 23-26
Salmo: 146 1-2. 3-4. 5-6
Evanxeo: Mt 9, 35—10, 1.6-8
Xesús percorría todas as vilas e aldeas ensinando nas sinagogas, anunciado a Boa Nova do Reino e curando toda enfermidade e doenza. Vendo a multitude, sentiu unha fonda compaixón por ela, porque a xente toda estaba derreada e esmorecida coma ovellas sen pastor. Entón díxolles:
—A anada é ben boa, pero os xornaleiros son poucos; así que rogádelle ao dono da colleita que mande xornaleiros para o traballo que cómpre facer.
E chamando os doce discípulos, deulles poder para botaren os espíritos malos e curaren toda enfermidade e doenza.
E díxolles:
—Dirixídevos máis ben ás ovellas perdidas da casa de Israel. E no voso camiño proclamade que o Reinado de Deus está preto. Curade enfermos, resucitade mortos, limpade leprosos, botade os demos fóra.
Meditación
Moita xente de aldea –seguro que tamén da que non é de aldea— neste momento sentirase ben retratada nesa frase do evanxeo: “xente toda derreada e esmorecida”. Así parecen ser as nosas parroquias rurais hoxe.
Tamén é certo que, vendo o campo, a súa riqueza, a súa fermosura, a súa capacidade produtiva; vendo o corazón de cada persoa, tamén podemos dicir co Evanxeo: “A anada é ben boa, pero os xornaleiros son poucos”.
Sería ben fermoso que a comunidade cristiá da parroquia, fose cal fose o seu número e o seu poder, se puxese con Xesús a botar espíritos malos e se sumase a todas aquelas persoas que desde calquera lugar e pensamento estea pola labor de poñer vida e esperanza entre nós.
Canto podemos nós aprender de Xesús, da súa ollada fondamente solidaria, do seu saber estar ao pé da xente con toda a forza do seu ser nas mans!
Oración
Igual somos chulos, Señor, demasiado chulos dentro da nosa pobreza, como para necesitar acompañantes para o noso camiño.Igual somos tamén demasiado ovellas, demasiado submisos, demasiado torpes.Para cando abrir os ollos, fiarnos de quen nolos axuda a abrir?Para cando fiarnos de ti, Xesús?Lévanos da túa man polos camiños da vida nos días de hoxe.
Acción
Se ves que hai algo na túa vida que te achica e entristece, dá o paso de compartilo con alguén do que esperas comprensión e axuda.
Se ves que hai algunha asociación, sindicato agrario, comunidade cristiá que traballa honradamente polo ben da aldea, apúntate, participa.