O Evanxeo de cada día con ollos de aldea

 

14  de decembro: Domingo 3 de Advento

1ª lectura: Is 35, 1-6a. 10.

Sal 145, 7. 8-9a. 9bc-10

2ª lectura: Sant 5, 7-10

Evanxeo: Mt  11, 2 -11

Nunha ocasión, Xoán, oíndo falar na cadea das obras de Cristo, mandou os seus discípulos a lle preguntgar:

–“Es ti o que ten que vir ou esperamos a outro?”

Respondeulles Xesús:

–“Ide e contádelle a Xoán o que estades oíndo e vendo: os cegos ven e os coxos andan; os leprosos fican limpos e os xordos oen; os mortos resucitan e aos pobres estáselles anunciando a Boa Nova. E ditosa a persoa que non se escandalice de min!.”

Non ben se foron eles, comezou Xesús a falar de Xoán á xente:

–“Que fostes ver ao deserto? Unha cana abaneada polo vento? Pois logo, que fostes ver? Un home vestido con roupas finas? Pero os que visten roupas finas están nos pazos dos reis. Pois logo, a que saístes? A ver un profeta? Si, e abofé que moito máis ca un profeta. Este é de quen está escrito:

”Olla, mando o meu mensaxeiro diante de ti, para que prepare o teu camiño.”

Tede por seguro que non naceu de muller  ninguén meirande ca Xoán Batista, aínda que o máis pequeno no Reino dos Ceos é meirande ca el.

———————————————————

Meditación

O Advento leva consigo unha ollada estendida cara a un futuro mellor, da man de Deus, da man de cantas persoas queiran colaborar con el na construción das persoas, das familias, dos pobos, das comunidades cristiás, do mundo. Non é posible vivir ben este tempo do Advento, se non é desde unha actitude de busca, de pregunta, de implicación, de meterse no allo das cousas, da vida. Non é posible vivir ben o Advento, se non é desde unha postura viva, inqueda. Por iso mesmo, é ben importante o que nos transmite Xoán Bautista, ese gran referente do Advento: estando na cadea, non se sente encadeado no seu vivir, segue estando inquedo, séguese facendo preguntas, segue soñando na “hora de Deus” (que é tamén a hora da xente, a hora do pobo), segue dándolle voltas a qué haberá que facer, a quén haberá que adherirse, con quén haberá que facer grupo, para que a bendición de Deus chegue ao pobo. Non estaría nada mal que nas nosas comunidades cristiás recuperásemos esta actitude do mestre Xoán. Estar vivos, vivas, para realizar a hora de Deus sobre nós, sobre o noso momento histórico.

Á pregunta de Xoán responde Xesús dunha maneira ben sinxela e clara, facendo ver a qué cousas se está el dedicando: atender a uns enfermos/as, que, por seren tales, eran marxinadas sociais naqueles tempos, e anunciarlle á xente pobre a boa nova de Deus: que a súa hora estaba próxima, xa estaba aí. Xesús non facía máis ca cumprir aquilo que de si mesmo anunciara na sinagoga de Nazaré, cando afirmaba: “O Espírito do Señor está sobre min, porque el foi quen me unxiu para proclamarlles a Boa Nova á xente pobre. Mandoume para lles anunciar a liberación aos presos e a vista á xente cega, para lles dar liberdade ás persoas asoballadas e proclamar o ano de graza do Señor” (Lc 4,18-19). Xesús explícase a si mesmo e a súa tarefa. Xesús respóndelle a Xoán e a todas as persoas que con Xoán nos queiramos preguntar: quen, que xente, que comportamentos, que prácticas nos levan cara á hora de Deus, cara aos tempos de esperanza? As persoas, os grupos, as prácticas que nos leven dunha maneira cha cara ao amor solidario. Non fai falla darlle moitas voltas á cabeza para saber se andamos ou non nas cousas de Deus, nas cousas de Xesús. Neste tempo noso, no que a crise aparece por todas as partes coas súas tristes consecuencias, a linguaxe sinxela de Xesús indícanos camiños serios de futuro. Cómo, desde cada un, cada unha de nós, cómo desde as nosas comunidades cristiás poderemos axudar a que a xente pobre, marxinal, se sinta recuperada, integrada, e non só con formas de caridade, senón tamén coa seriedade de funcionamentos sociais xustos?

Se primeiro Xoán pregunta por Xesús, despois é Xesús o que afirma de Xoán algunhas cousas importantes, que definen o seu carácter profético, e que nos poden axudar a entender, para logo tamén practicar, qué é iso de levar no corazón a paixón por Deus e pola xente, qué é iso de ser profeta. Xoán non é unha cana abaneada polo vento, é dicir, non é alguén superficial, sen criterio, sen fundamento, abaneado polos ventos das comenencias propias, dos falares da xente, levado para aquí e para acolá polo medo, pola aprobación ou non da xente poderosa. Esta maneira de ser de Xoán parécese moito á do mesmo Xesús, segundo o describían nunha ocasión algúns fariseos e partidarios de Herodes: “sabemos que es sincero, que ensinas o verdadeiro camiño de Deus e que non andas con miramentos, porque non te deixas levar polos respectos humanos” (Mt 22,16). Nestes tempos de tanta corrupción non estamos suspirando por termos persoas, dirixente desta calidade ética? As nosas comunidades cristiás son escolas onde se aprende a vivir desta maneira?

Xoán non é tampouco unha persoa vestida con roupas finas, que ande mesturado cos grandes e poderosos. Xoán é austero, non consumista, vive contento co necesario, co pouco. O seu corazón non está posto en ter, en enriquecerse, en figurar; o seu corazón está posto no futuro da comunidade, do pobo; soña con persoas sinxelamente rectas, capaces de construír un pobo feliz, fiel a Deus, cun funcionamento xusto. Xoán ole a ovella (sempre está representado na compaña dun año, en memoria de Xesús), ole a pobo, a xente, ole a humildade. Aprendemos nas nosas comunidades cristiás a ser así?

Xoán é un profeta, máis aínda ca un profeta, porque tivo corpo e alma de profeta e porque tivo a sorte de poderse tratar co mesmo Xesús e descubrir e anunciar a súa fondura, o seu misterio, a súa entrañable dedicación á xente máis débil. Seguro que nalgún recanto do noso ser todos, todas, temos algo de corpo e algo de alma de profetas ou profetisas, aínda que ao mellor o temos tan tapado, que ninguén nolo pode notar. O Advento, tempo de deixarnos entusiasmar por profecías e profetas, tamén é tempo para que saquemos de nós ese profeta ou profetisa que levamos dentro, e sen o cal a nosa comunidade é menos comunidade de Xesús, a nosa sociedade parécese menos á sociedade que Deus quere. En que poderiamos exercer de profetas, como persoas, como comunidade cristiá?

A celebración eucarística de hoxe permítenos comungar con Xoán, con Xesús, e con moita xente, coma por exemplo Nelson Mandela, que exerceron de profeta ou profetisa no seu tempo. Algo diso seguro que se nos pegará. Oxalá!

———————————————————

Preces

DITOSOS/AS DE NÓS, XESÚS,

SE NON NOS ESCANDALIZAMOS DE TI!

  • Xesús, que, coma Xoán Bautista, saibamos preguntar por ti, buscarte, descubrir a túa paixón por Deus e pola xente humilde sen escandalizarnos. Oremos.

 

  • Xesús, que, levados/as pola túa man, nos atrevamos a baixar ao mundo da pobreza, da marxinación, para descubrirte, adorarte e escoitarte alí, sen nos escandalizar por ti. Oremos.

 

  • Xesús, que, guiados/as polo teu Espírito, saibamos facer comunidade cristiá, sen escandalizarnos pola xente máis débil e pecadora que haxa entre nós, sen escandalizarnos nin  virnos abaixo polos nosos mesmos pecados e inconsecuencias. Oremos.

 

  • Xesús, que, amparados/as en ti, nos atrevamos a cuestionar e a deixarnos cuestionar por moitas maneiras de vivir o cristianismo tan cheas de simple aparencia, sen escandalizarnos. Oremos.

 

  • Xesús, que, iluminados/as por ti, descubramos con gozo as profetisas e profetas relixiosos ou seculares que sen dúbida tamén hai no noso mundo, e as saibamos agradecer e seguir sen escandalizarnos. Oremos.

 

Pregaria

Grazas, Deus noso, por Xoán Bautista,

coa súa fe fonda e radical,

coa súa esperanza acendida,

co seu apego firme pola xustiza,

coa súa crítica a cantos usaban o poder

para abusar da xente pobre,

para satisfacer as súas comenencias.

Grazas, Deus noso, por Xoán Bautista,

coa súa vida austera e vigorosa,

co seu distanciamento dos ricos e da riqueza,

coa súa vinculación entrañable coa causa de Deus,

coa causa do Mesías Xesús,

e coa causa do pobo que este viña a defender.

Grazas, Deus noso, por Xoán Bautista,

coa orixinalidade da súa vida e da súa misión,

coa contundencia da súa palabra sen miramentos,

que facía estremecer e recuar os poderosos do pobo,

co atractivo da súa coherencia exquisita,

coa entrega da súa vida,

ata o extremo,

ata o final,

ata a morte,

coma Xesús.

Grazas por todos os profetas e profetisas de onte e de hoxe,

nacidas, nacidos da semente de Xesús

ou de calquera outra semente humanitaria.

Grazas por….

(podemos ir dicindo nomes de homes e mulleres

que diariamente nos van alumando a vida coa sinxeleza ou excelencia das súas vidas)

Grazas por Nelson Mandela,

resistente loitador

contra quen establecía divisións e categorías entre os seres humanos;

encadeado coma Xoán Bautista,

e, coma Xoán Bautista tamén, desde a cadea

profeta da loita e da paz desde a cadea,

profeta do servizo e da honradez,

do encontro, do perdón e da reconciliación.

Grazas por todos os profetas e profetisas

que nos abren os ollos e o corazón,

que fan reverdecer as esperanzas,

que nos permiten crer e amar

coa humilde seguridade

de que nas nosas vidas pode haber festa,

de que o noso mundo pode ser por fin doutra maneira.

———————————————————

Acción

Como persoas, como comunidade cristiá que mostras podemos dar cara á cidadanía de que andamos á espera de Xesús? Temos unha implicación social, para contribuír á mellor vida de todos, especialmente da xente máis marxinada? Que podiamos facer neste tipo de cousas?

15 de decembro: Luns 3ª semana de Advento

1ª lectura: Núm 24, 2-7. 15-17a

Salmo: 24, 4bc-5ab. 6-7bc. 8-9

Evanxeo: Mt  21, 23-27

Nunha ocasión entrou Xesús no templo e, mentres ensinaba, acercáronselle os sumos sacerdotes e máis os senadores do pobo, para lle preguntar:

–¿Con que autoridade fas esas cousas? ¿Quen che deu tal autoridade?

Xesús respondeulles:

–Vouvos facer tamén eu a vós unha pregunta; e, se respondedes, dígovos eu tamén con que autoridade fago estas cousas: o bautismo de Xoán ¿de onde era? ¿Era cousa de Deus ou dos homes?

Eles razoaban entre si dicindo:

–Se respondemos de Deus, preguntaranos: ¿entón por que non crestes nel? Pero se respondemos dos homes, temémoslle ao pobo, porque todos teñen a Xoán por profeta.

E contestáronlle a Xesús:

–Non sabemos.

Xesús replicou:

–Pois tampouco non vos vou dicir con que autoridade fago estas cousas.

——————————————————-

Meditación

No Advento cobizamos, lembramos, preparamos, a chegada de Xesús, o seu nacemento, a súa presenza viva entre nós. Coñecemos datos, cousas, efectos da súa chegada histórica hai máis de dous mil anos. Pero temos tamén a conciencia de que o Xesús total, o seu espírito, a súa fondura humana e espiritual, divina, está sempre por chegar ás nosas vidas dunha maneira completa. Somos crentes, ou non crentes, en espera, en busca, en preparación, en disposición cara a iso. Nesa busca o talante dos sumos sacerdotes e máis dos senadores do pobo non nos pode valer. Estaban moi montados no seu, e ante a pregunta de Xesús, que os podía iluminar, calan escóndense, por medo a ter que recoñecer errores e trampas propias. Así non hai quen descubra a transcendencia de Xesús para as nosas vidas. ¿Canto diso podemos ter tamén nós? ¿Cantas veces evitamos escoitar voces alleas ou a mesma voz do noso interior, porque esas voces nos invitarían a facer cambios nas nosas vidas?

——————————————————-

Oración

Quero ser honesto contigo, Xesús.

Honesto contigo,

honesto con toda a xente que me rodee,

honesto comigo mesmo.

Quero escoitar limpamente a túa voz,

que resoa, pode resoar,

en múltiples voces do meu entorno,

que resoa no meu propio corazón.

Quero buscarte con verdade,

sen me facer trampas a min mesmo.

Disposto a todo.

Que a túa luz inunde de luz a miña vida.

——————————————————-

Acción

¿Moi posiblemente máis dunha vez nos temos visto envoltos/as en situacións algo similares ás que conta o evanxeo de hoxe. Algunha persoa ou circunstancia que nos ilumina, e nós que tapamos os ollos para non ver, polo que nos supón. Retomamos algunha situación desas e sacamos conclusións.

16 de decembro: Martes 3ª semana de Advento

1ª lectura: Sof 3, 1-2. 9-13

Salmo: 33, 2-3. 6-7. 17-18. 19 e 23

Evanxeo: Mt 21, 28-32

Nunha ocasión díxolles Xesús aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo:

–¿Qué vos  parece? Un home tiña dous fillos. Foi onda o primeiro e díxolle: “Meu fillo, vai traballar hoxe na viña”. El respondeu. “Non quero”; pero despois, arrepentido, foi. Foise onda o outro e díxolle o mesmo. El respondeu: “Vou, señor; pero non foi. ¿Quen dos dous fixo a vontade do pai?

Respondéronlle:

–O primeiro.

Entón díxolles Xesús:

–Asegúrovos que os recadadores e máis as prostitutas entrarán no reino de Deus antes ca vós. Porque veu Xoán para vos ensinar o camiño da xustiza e non lle fixestes caso; en cambio os recadadores e máis as prostitutas si que llo fixeron. Pero vós, aínda despois de ver aquilo, nin vos arrepentistes nin crestes.

——————————————————-

Meditación

Esta pequeniña parábola contada por Xesús vai hoxe dirixida a nós, que estamos preparándonos para rememorar o nacemento de Xesús e dalgunha maneira actualizar a súa presenza entre nós, e así deixarnos coller polo espírito novo que el nos veu ofrecer. Tamén hoxe, coma onte, podemos facer trampa na nosa espera. Dicimos estar dispoñibles, pero logo desentendémonos.

Seguen sendo un reto, tamén para nós, as palabras de Xesús: os recadadores (funcionarios de facenda daquela corruptos) e as prostitutas entrarán no reino de Deus, no meu mundo, na miña amizade, antes ca vós, por moito que figuredes como xente moi de Igrexa, incluso con cargos de responsabilidade nela. Podedes caer en autosuficiencia, en falsas seguridades, que vos pechen o acceso ao recoñecemento da vosa fraxilidade, e que vos leven a considerar innecesaria a presenza, a compaña de Deus, de Xesús. E iso por moito que digades, recedes, cantedes como que desexades a súa chegada.

——————————————————-

Oración

Canta incoherencia nas nosas vidas, Xesús!

Canto moito dicir: si, si, vou, vou,

nas horas plácidas da pregaria,

pero logo, na hora da vida,

dámosche as costas

para dicir cos feitos que non!

E non imos,

e non movemos un dedo o propio corazón,

e non deixamos de mirar o irmán fráxil

cos mesmos ollos indiferentes,

e non suamos nada a camiseta

na tarefa da vida, na tarefa de Deus.

E así non hai Nadal posible.

Que mágoa, verdade?

Que acollamos hoxe a túa palabra de corrección!

——————————————————-

Acción

Seguro que hai algunha cousa moi concreta, que ten que ver coa nosa  maduración cristiá, persoal ou social, que estamos deixando de encarar. Deamos un paso adiante, para que o Nadal poida ser Nadal para nós.

17 de decembro: Mércores 3ª semana de Advento

1ª lectura: Xén 49, 2. 8-10

Salmo: 71, 2. 3-4ab. 7-8. 17

Evanxeo: Mt  1,  1-17

Libro da xenealoxía de Xesús Cristo, fillo de David, fillo de Abraham. Abraham xerou a Isaac. Isaac xerou a Xacobe. Xacobe serou a Xudá e máis os seus irmáns. Xudá, de Tamar, xerou a Peres e máis a Zarán. Peres xerou a Esrón. Esrón xerou a Arán. Arán xerou a Aminadab. Aminadab xerou a Naasón. Naasón xerou a Salmón. Salmón, de Rahab, xerou a Booz. Booz, de Rut, xerou a Obed. Obed xerou a Iexé. Iexé xerou o rei David.

David, da que foi muller de Urías, xerou a Salomón. Salomón xerou a Roboam. Roboam xerou a Abías. Abías xerou a Asá. Asá xerou a Ioxafat. Ioxafat xerou a Ioram. Ioram xerou a Ozías. Ozías xerou a Iotán. Iotán xerou a Acaz. Acaz xerou a Ezequías. Ezequías xerou a Menaxés. Menaxés xerou a Amón. Amón xerou a Ioxías. Ioxías xerou a Ieconías e máis os seus irmáns, en tempos da deportación a Babilonia.

Despois da deportación a Babilonia, Ieconías, xerou a Xealtiel. Xealtiel xerou a Zerubabel. Zerubabel xerou a Abiud. Abiud xerou a Eliaquim. Eliaquim xerou a Eliud. Eliud xerou a Elazar. Elazas xerou a Matán. Matán xerou a Xacobe. Xacobe xerou a Xosé, esposo de María, da que naceu Xesús, chamado Cristo.

Foron, logo, catorce as xeracións dende Abraham ata David, catorce tamén dende David ata a deportación de Babilonia, e catorce dende a deportación de Babilonia ata Cristo.

——————————————————-

Meditación

Con esta cadea humana, certamente artificial, o evanxelista Mateo fálanos de Xesús como formando parte de dúas realidades: é humano, totalmente humano, tras del hai toda unha cadea ascendente que se remonta ao principio dos tempos; tal como nos pasa a calquera de nós. E ademais forma parte dunha longa tradición relixiosa, que paso a paso, con moitas fidelidades e infidelidades polo medio, foi avanzando e se fixo manifesta e lúcida no mesmo Xesús; tal como nos pasa tamén a calquera de nós, aínda que en nós, a lucidez non sexa tanta, e deixemos en escuridade o que para Xesús foi luz e transparencia plena. No material e no espiritual, na totalidade do noso ser, somos o froito de moita busca, de moito sacrificio, de moito gozo, de moito amor, que tanta xente, empezando polos nosos pais, nais, avós, avoas, foron poñendo ao noso servizo. No principio e no final deste recorrido histórico está Deus. Por iso o normal é que sexamos persoas moi, moi humildes, e moi, moi agradecidas.

——————————————————-
Oración

Grazas, meu Deus,

por seres a fonte disto marabilloso

que somos;

por ser a forza que nos lanza

e o colo que nos acolle.

Grazas por todos os homes e mulleres,

que deron sangue e vida por nós.

Grazas por Xesús,

o máis humilde, o máis excelente.

Sempre así, meu Deus,

absolutamente humilde,

absolutamente agradecida.

——————————————————-

Acción

Podemos repasar no que poidamos a lista dos nosos ascendentes, homes e mulleres que nos permitiron ser o que somos. Ver as súas fotos, recordar os seus feitos, adiviñar os seus soños e amores, dos que nós somos herdeiros/as. Agradecer as súas vidas.

18 de decembro: Xoves 3ª semana de Advento

1ª lectura: Xer 23, 5-8

Salmo: 71, 1-2. 12-13. 18-19

Evanxeo: Mt  1, 18-24

O nacemento de Xesús Cristo foi así: María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; pero antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo. Xosé, o seu prometido, home xusto, como non a quería aldraxar, decidiu repudiala secretamente. Xa tiña pensado facelo así, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños dicíndolle:

–Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida, que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. María dará a luz un fillo e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os seus pecados.

Todos isto aconteceu para que se cumprise o que dixera o Señor por boca do profeta:

            Mirade, a virxe concibirá e dará a luz un fillo,

            e poñeranlle de nome Emmanuel

            (que quere dicir “Deus connosco”).

Acordou Xosé do seu soño, fixo tal como lle mandara o anxo do Señor e levou consigo a súa prometida.

——————————————————-

Meditación

 Os primeiros homes e mulleres cristiás quedaron moi impresionadas  pola figura de Xesús, pola súa palabra, pola súa vida totalmente fiel a Deus, totalmente entregada en servizo á xente, e preguntáronse como sería posible que un home así dese aparecido entre nós, que normalmente somos tan fráxiles, tan inconsistentes, tan atentos ao noso e punto. E chegaron á acertada conclusión de que Xesús non podía ser froito máis ca do Espírito Santo de Deus, que obra a través da normalidade humilde da vida: María, Xosé, os soños…

Este evanxeo ademais pode animarnos a non desesperar ante situacións complicadas que poidamos ter na vida. Invítanos a non acelerarnos, a escoitar o noso corazón, a acoller a palabra doutras persoas amigas que poden facer para nós como de anxos de Deus, a confiar en Deus, e por onde menos se espera xurdirá a luz. Porque é certo que Deus é sempre un Deus con nosoutros.

——————————————————-
Oración

Grazas, meu Deus,

por teres acompañado a Xosé, a María,

e a tantos homes e mulleres ao longo da historia.

Grazas por seres un “Deus connosco”,

alguén sempre achegado a nós,

sempre preocupado por nós,

sempre disposto a acompañarnos,

a abrir camiños,

a anunciar auroras,

a abrir esperanzas.

Grazas, meu Deus, grazas.

——————————————————-
Acción

Se tes algunha dúbida sobre que facer ou non facer acerca de algo de certa importancia, non deixes de compartilo con alguén que che ofreza confianza. A luz de Deus chéganos con frecuencia a través de persoas que nos acompañan na vida.

19 de decembro: Venres 3ª semana de Advento

1ª lectura: Xuí 13, 2-7. 24-25a

Salmo: 70, 3-4a. 5-6ab. 16-17

Evanxeo: Lc  1, 5-25

Houbo no tempo de Herodes, rei de Xudea, un sacerdote chamado Zacarías, do grupo de Abías, casado cunha muller descendente de Aharón, chamada Sabela. Ambos eran xustos ante Deus, pois gardaban sen fallas os seus mandamentos e preceptos. Non tiñan fillos, por ser Sabela estéril e estaren os dous moi entrados en anos.

E resulta que, estando el exercendo o sacerdocio cos da súa quenda diante de Deus, tocoulle entrar no Santuario do Señor para ofrecer o incenso de acordo co ritual, mentres a xente do pobo facía oración fóra. Nisto, aparecéuselle de pé un anxo ado Señor á dereita do altar do incenso. Ao velo, Zacarías turbouse todo e encheuse de temor. Mais o anxo díxolle:

–Non teñas medo, Zacarías, que foi escoitada a túa petición, e Sabela, a túa muller, vaiche dar un fillo e vaslle chamar Xoán. Será para ti gozo e alegría e moita xente se alegrará polo seu nacemento. Será grande ante o Señor e non beberá nin viño nin licor. Desde o mesmo ventre da súa nai estará cheo do Espírito Santo. Converterá a moitos fillos e fillas de Israel ao Señor, o seu Deus. Camiñará diante del co espírito e poder de Elías, para reconciliar pais e fillos, para ensinarlles aos rebeldes o proceder dos xustos e preparar así un pobo ben disposto para o Señor.

Preguntoulle Zacarías ao anxo:

–E que probas diso me dás a min, que xa vou vello e a miña muller tamén xa pasa dos anos?

O anxo respondeu:

–Eu son Gabriel, o que estou preto de Deus; el envioume para falar contigo e darche esta boa nova. E fíxate ben, vas quedar mudo e non poderás falar ata o día no que aconteza todo isto, xa que non criches nas miñas palabras que se han cumprir no seu tempo.

E, mentres, o pobo agardaba por Zacarías e estaba sorprendido de que se demorase tanto dentro do Santuario. Cando por fin saíu, non podía falar, e a xente comprendeu que tivera algunha visión no Santuario. El facíalles señas, pero non falaba.

Cando rematou o tempo do seu servizo, foi para a súa casa. Días despois concibiu a súa muller Sabela, que durante cinco meses estivo escondida, dicindo para si:

–Isto é obra do Señor, que se dignou librarme desta miña vergonza pública.

——————————————————-

Meditación

Se Xesús non podía senón ser cousa do Espírito, algo semellante pasou con Xoán o Bautista; tampouco aquel home xusto, que tanto tivo que ver na madureza humana e espiritual de Xesús, podía ser tal sen que a forza do Espírito andase polo medio. E o evanxeo cóntanolo así, con tanta graza, imaxinación e fondura a un tempo.

Este evanxeo invítanos a implicar toda a nosa vida en todo o que sexa xusto. Invítanos tamén a fiarnos de Deus sen medida, poñendo nas súas mans todas as nosas aflicións e vergonzas. Invítanos a crer que por debaixo da normalidade e do peso diario da vida podemos palpar e vivir unha presenza do Espírito de Deus, dando paz, dando forza, abrindo camiños onde todo parecía estar completamente pecho. Ese Espírito con frecuencia ten nome de persoas moi concretas que nolo fan evidente. Isto é o que fai posible que o Nadal exista.

——————————————————-
Oración

Grazas, Pai noso, Nai nosa,

porque nos acompañas coa túa forza

nas horas de angustia e debilidade.

Grazas porque nunca nos deixas da túa man,

por moi mouras que se poñan as cousas.     

Nesta hora de incerteza

para a xente que queremos vivir e crer na aldea,

que saibamos acoller o teu Espírito

e colaborar con el.

——————————————————-
Acción

Se sabes dalgunha persoa que estea pasando por un mal momento, achégate a ela e, como mellor poidas, dálle o teu apoio e invítaa a confiar tamén no que Deus mesmo lle dá.

20  de decembro: Sábado 3ª semana de Advento

1ª lectura: Is 7, 10-14

Salmo: 23, 1-2. 3-4ab. 5-6

Evanxeo Lc 1,  26-138

Sucedeu que aos seis meses (do anuncio do nacemento de Xoán Bautista) Deus mandou o anxo Gabriel a unha aldea chamada Nazaré, onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María.

O anxo entrou onde estaba ela e díxolle:

–Alégrate, chea de graza, o señor está contigo.

Ela turbouse con estas palabras, cavilando que podería significar aquel saúdo. O anxo continuou:

–Non teñas medo, María, porque ti gozas do favor de Deus. Mira, vas concibir no teu ventre e darás á luz un fillo, a quen chamarás Xesús. Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacob e o seu reinado non terá fin.

María respondeulle ao anxo:

–E como pode ser isto, si non convivo con ningún home?

O anxo contestoulle:

–O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que consideraban estéril, pois para Deus non hai imposibles.

María contestou:

–Pois aquí está a escrava do Señor: que se cumpra en min canto dixeches.

E o anxo marchou de onda ela.

——————————————————-

Meditación

É algo moi fermoso ver que as grandes cousas de Deus se desenvolven moi especialmente en persoas humildes, en medios humildes. María era unha simple muller de aldea, ignorante en moitísimas cousas, pero sabia en levar a vida adiante, sabia en traballar, en amar o seu mozo Xosé, sabia en atender as fonduras do seu propio corazón e en telo aberto ás sorpresas de Deus.

O que María viviu é o que dalgunha maneira vivimos todos, todas nós. Coma ela somos persoas que gozamos do agarimo total de Deus, porque Deus non sabe querer soamente a anaquiños poucos. Coma ela somos persoas invitadas a deixar que Deus tome carne en nós, que as cousas de Deus enchan as nosas vidas, os nosos pensamentos, as nosas accións. Coma ela contamos coa garantía do Espírito de Deus. Coma ela podemos dicir si ou non á proposta de Deus. Oxalá a saibamos imitar e poidamos dicir desde o fondo da nosa vida: aquí está tamén unha persoa disposta a que estas cousas fondas de Deus tomen corpo na miña vida.

——————————————————-

Oración

Recoñezo que che teño algo de medo, meu Deus,

que a miña fe é cativa,

que dubido

á hora de darche entrada no meu corazón,

na miña vida toda.

Que o teu Espírito me aclare e me fortaleza,

para poderche dicir sempre “si”,

coa humilde convicción coa que cho dixo Santa María.

——————————————————-

Acción

Observa a túa vida. Deus preséntasenos moitas veces na voz, nas propostas de diferentes persoas ou realidades que nos falan de cousas que saben a Deus: acompañar a alguén, participar en algo comunitario, sumarse a algunha protesta digna, rexeitar unha chamada ao odio, á vinganza, etc.  Case sen nos decatar, a diario estamos practicando iso do “si” e do “non” a Deus. Repara en como vives isto no día de hoxe.

Accede á revista

Encrucilla 233

Xa es subscritor/a?