O Evanxeo de cada día con ollos de aldea
Manuel Regal Ledo
24 de decembro: Domingo 4 de Advento
1ª lectura: 2 Sam 7, 1-5. 8b-12. 14a. 16. Salmo: 88, 2-3. 4-5. 27 e 29
2ª lectura: Rom 16, 25-27
Evanxeo: Lc 1, 26-38
Aos seis meses ( do anuncio do nacemento de Xoán Bautista) Deus mandou o anxo Gabriel a unha vila chamada Nazaré, onda unha mociña prometida a un home da casa de David que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María. Entrando onde estaba ela, díxolle:
—Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo.
Ela turbouse con estas palabras e cavilaba no que podería significar o saúdo aquel. O anxo continuou:
—Non teñas medo, María, porque ti atopaches graza ante Deus; e fíxate, vas concibir no teu ventre e darás a luz un fillo, ao que lle poñerás de nome Xesús. Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacobe e o seu reinado non terá fin.
María respondeulle ao anxo:
—¿E como pode ser isto, pois non teño relación con home ningún?
O anxo respondeulle:
—O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do Altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez e xa está de seis meses a que chamaban estéril, que para Deus non hai imposibles.
María contestou:
—Velaquí a escrava do Señor, cúmprase en min o que dixeches.
Meditación
Estamos ante un relato directamente cristolóxico, que nos quere dicir cousas de Xesús Cristo, por moito que a primeira vista pareza estar centrado na figura da súa nai, Santa María de Nazaré.
Os relatos da infancia foron do último que se incorporou aos relatos evanxélicos; o evanxeo de Marcos, o máis antigo, non ten relatos da infancia, e o evanxeo de Xoán substitúeo por un prólogo especial, co que tamén se quere responder á orixe divina de Xesús.
Porque esta é a cuestión: Xesús chamou tanto a atención pola súa vida totalmente entregada á causa de Deus e á causa da humanización a fondo da xente (o que é o mesmo do que a súa divinización), que todo o mundo se preguntou pero de onde vén este; pregunta que por aquí e por alá anda polo texto dos catro evanxeos.
Lucas, para dar resposta a isto, para afirmar con rotundidade que o de Xesús é cousa totalmente de Deus, constrúe un relato que xa tiña antecedentes bíblicos no relato do nacemento de Samuel (1Sam 1,1-2,11), e que Lucas retomará tamén para a narración do nacemento de Xoán Bautista (Lc 1,5-25).
De todas formas, non é inútil a figura de María. Non importa a intimidade biolóxica de María, o texto non nos invita a furgar nela; pero si que nos importa, e moito, o paradigma de aceptación da proposta de Deus, que María encarna. Deus ofrécese máis alá de todo límite, de toda incapacidade, e María entrégase de forma absoluta máis alá de toda inseguridade, de toda incerteza. O resultado é Deus feito carne da nosa carne, vida da nosa vida, historia da nosa historia.
O Nadal invítanos a admirar e agradecer esta figura paradigmática de María, e, desde logo, o que foi froito dela: Xesús de Nazaré, Deus misteriosamente envolto nas feituras humanas, cunha preferencia especial polo mundo do pobre: as persoas, os ambientes, as aspiracións, etc.
Pero o Nadal invítanos tamén a reactivar en cada un, en cada unha de nós a figura e o papel de María. Estamos chamados a realizar a encarnación de Deus no noso tempo. Por Deus non queda. María sinálanos os tempos e as maneiras: estar vinculado á vida, aos intereses dun pobo pobre; vivir a experiencia de sentirse totalmente amada por Deus; tomar conciencia da propia pequenez, ata o punto de sentirse asustada e medrosa; acoller confiadamente a proposta de Deus, fiarse da forza creadora do Espírito, e dicir un si sinxelo e fondo, ante o que nada quede á intemperie, aínda que todo quede no aire. Seremos capaces de tanta acollida, de tanta entrega, de tanta fe, de tanto amor, como para amosar un anaquiño de Deus no tecido humilde das nosas vidas?
Preces
VELAQUÍ A ESCRAVA DO SEÑOR,
CÚMPRASE EN MIN O QUE DIXECHES
Que saibamos admirar a Xesús e a María, e a todas as persoas que con confianza en Deus se entregan á tarefa de facelo humildemente visible nas nosas vidas. Oremos.
Que ante cousas concretas de cada día que demandan o noso compromiso activo non botemos para atrás, e sexamos persoas sempre dispostas e colaboradoras. Oremos.
Sumándonos ás persoas que se atopan en situacións cegas, desesperadas, desbordadas, e que precisan o alento de Deus e o noso apoio real. Oremos.
Ante as persoas e países que máis están afectados pola crise que vivimos, e que demandan de nós oídos para escoitar as súas situacións e mans para sumar ás súas loitas e reivindicacións. Oremos.
Para que poidamos ter neste Nadal unha experiencia limpa e fonda do amor de Deus, e que o poidamos realizar no trato coa xente máis débil e marxinal que atopemos na vida. Oremos.
Oración
ANUNCIADA
—E como diría euo que un anxo desbarata?Foi como ter ben segurasas paredes da túa casae nun vendaval sen ruídover que o teito se levantae entra Deus ata a alcobadicindo:—Chea de graza,non me levantes paredesnin lle poñas muro á casa,que por entrar na túa historiaeu ben salto estas murallas.Se virxe, ti has de ser nai,se esposa, a miña amada,se libre, por libre queroque digas: “velaquí a escrava”.—Velaquí a escrava, lle dixen.E quedóuseme a palabrasinxela, sinxelamenteno aire axeonllada.
(Versión ao galego do poema de José Luis Blanco Vega, collido do libro “…y tengo amor a lo visible”, Sal Terrae, Santander, p. 55).
Acción
Boa noite para pasala xuntos en familia, facendo mención expresa ao nacemento de Xesús, que é a razón última da nosa festa. Para iso pode ser bo rezar un pouquiño antes da cea, ler o evanxeo da Misa do Galo, sobre todo se non se pode ou non se quere ir á Misa da noite, cantar algunha panxoliña despois da cea. É boa noite tamén para invitar a cear connosco a algunha(s) persoa(s) veciña(s) ou amiga(s) que se atope soa.