O Evanxeo de cada día con ollos de aldea

Manuel Regal Ledo

 

Domingo 22 de decembro

1ª lectura: Miq 5, 1-4a. Salmo: 79

2ª lectura: Heb 10, 5-10.

Evanxeo:  Lc 1, 39-45

Naqueles mesmos días saíu María con moita présa camiño da montaña a unha vila de Xudea. Entrou na casa de Zacarías e saudou a Isabel. E en oíndo Isabel o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón chea do Espírito Santo, exclamou Isabel a grandes voces:

–Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre. ¿Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? Pois ao que chegou o teu saúdo aos meus oídos, brincou de alegría a criatura no meu ventre. ¡Ditosa ti, que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!

Meditación

Os relatos da infancia de Xesús escritos por Lucas, máis que datos históricos, pretenden ofrecernos  cadros simbólicos, cos que describir as formas da presenza de Deus no medio de nós –presenza sinxela e misteriosa a un tempo–, e as mellores maneiras de captar esa presenza e de gozar con ela, pois trátase dunha presenza de vida e de liberdade para todos nós, para o conxunto da nosa sociedade. Son relatos sinxelos, moi vivos, construídos ao redor de figuras crentes moi expresivas, que se desenvolven con maneiras das que moito podemos aprender. Neste contexto, a figura de María colle importancia nas celebracións cristiás do Advento na medida en que se van achegando os días do Nadal.

María visita á súa prima Sabela. Podemos reparar na importancia do vivido nesa acción relativamente simple, que todos tantas veces facemos, ou podemos facer. Cousas sinxelas, pero que posibilitan que o misterio de Deus, a bondade de Deus sexa coñecida e gozada.

Visitar: saír da casa, do propio, ir á casa allea, ao mundo alleo; andar camiños, asumir dificultades, superar comodidades; visitar a calquera, a aqueles/as de quen sabemos que son portadores/as de moitas bondades, ou a aqueles/as que nestes tempos de crise están envoltas en aflición, esperando apoios e alentos. Quizabes especialmente a estes.

Encontrarse: situarse corporalmente, espiritualmente diante do outro/a; os encontros sempre teñen algo de reto, de incomodidade segundo os casos. Porque, se visitamos, o encontro leva consigo compartir: falar das cousas fondas, gratas ou non gratas que cada un leva na súa mente, no seu corazón. Falar de ideas, de feitos, de sentimentos. Falar do que un soña, e mesmo dos soños que Deus vai depositando, como semente de vida, nas nosas entrañas, no noso corazón. Os encontros resultan imprescindibles para o noso benestar, para o noso crecemento, para a nosa liberación.

Visitar, encontrarse, compartir, facéndoo con humildade, co desexo de descubrir o don de Deus encerrado no ventre, na vida da outra persoa; a presenza de Deus que nela se me ofrece, se me regala. Cantas veces se nos escapan verdadeiras marabillas de Deus agachadas nas vidas humildes de persoas humildes! É unha bendición, que un pode desexar, buscar con todo o corazón, iso de saber descubrir as sementes de Deus nas mil pequenas cousas que compoñen o noso día a día. Sen dúbida as persoas que están sufrindo as consecuencias moitas veces dramáticas da crise pódennos abrir os ollos para comprender moitas cousas sobre a vida, sobre as relacións sociais, sobre a nosa maneira de vincularnos aos bens materiais, sobre a nosa liberdade ante eles, sobre ata que punto o amor, a solidariedade ten peso e consistencia nas nosas vidas, sobre as nosas opcións políticas.

Visitar, encontrarse, compartir, descubrir, aprender, darlle nome ás cousas, dicilas, publicalas, para que o que é don de Deus saia e colla a canta máis xente mellor. E que a forza de salvación vivida nos seos humildes das persoas humildes se espalle alentando soños, axudando a superar perezas, creando redes de afecto, de agradecemento, de animación, de esperanza, agora que as esperanzas tanto fraquean e todos estamos tentados de cruzarnos de brazos e abandonar, ou refuxiarnos quizabes no feito de que, polo que sexa, eu podo estar librando da crise coas súas inxustas perturbacións.

E bendicir a Deus con alegría pola súa presenza viva entre nós, desenvolvendo unha espiritualidade sinxela na vida, desde a vida, que nos vigorice no noso estar presente na vida das persoas, na sociedade, e no de aceptar as demais persoas como presenza de Deus na nosa vida.

María é un modelo de toda esta labor humana, espiritual. María, a crente, a que se fia de Deus, a que cre que Deus é capaz de encher de vida os ventres humildes, mesmo os ventres estériles; a que nos invita a encher do necesario as casas que o precisan; María, a entregada , a disposta a esperar contra toda esperanza, a soñar, porque aprendeu a pousar a súa esperanza nas mans sólidas de Deus, das promesas de Deus. María, a alentadora de soños, soños persoais e soños sociais. María, a mestra, a que nos leva da man nun recorrido humano e espiritual desde a esterilidade á plenitude, desde a tristeza á ledicia, desde o uso exclusivista e competitivo dos bens materiais ao seu uso compartido, fraterno,  desde a escravitude á liberdade. María, a revolucionaria. María, a toda de Deus. María, a toda do pobo, a toda nosa.

Oración
 
¡BENDITA TI ENTRE AS MULLERES, MARÍA,

E BENDITO O FROITO DO TEU VENTE!

  • Que saibamos pensar nos demais, preocuparnos por eles/elas, visitalos/as, con disposición de compartir, de dar e recibir, para que a vida medre en todos. Oremos.
  • Que aprendamos de ti, María, a fiarnos de Deus sempre, dunha forma total, cando nos invite a participar con el nos seus soños de máis liberdade e fraternidade entre todos as persoas. Oremos.
  • Que saiamos das nosas casas cara ás casas e barrios das persoas que peor o están pasando nestes momentos, para que poidamos oír ben a palabra forte de Deus que nos chama á solidariedade. Oremos.
  • Para que saibamos celebrar con María a preferencia de Deus pola xente máis humilde, e, hoxe que é día de eleccións, convertamos esas preferencias nun voto que mellore a condición de vida da xente máis necesitada. Oremos.
  • Que en María honremos a todas as mulleres, que militemos contra calquera tipo de violencia contra as mulleres, sempre. Oremos.

Pregaria

LADAÍÑAS A MARÍA

María nazarena…MARÍA NOSA

María muller   MARÍA NOSA

María aldeá

María labrega

María do pobo

María traballadora

María nena e moza

María casadeira

María amante e amada

María festeira

María casada

María embarazada

María calada

María escoitadora

María aberta

María meditadora

María bendicida

María crente

María entregada

María esperanzada

María libre

María pobre

María humilde

María visitadora

María camiñante 

María faladora 

María compartidora

María cantora

María soñadora

María subversiva

María solidaria

María parturiente

María mai

María aleitadora

María educadora

María coidadora

María transmisora da fe

María mestra

María dubitativa

María desbordada

María discípula

María compañeira

María asemblearia

María colaboradora

María oculta

María cativadora

María silenciosa

María velliña

María santa

María morta

María resucitada

María da comunidade

María da xente pobre

María do Terceiro Mundo

María de Deus

María de Xesús

María do Espírito

María do Nadal

MARÍA NOSA

Acción
 
Para ir entrando no onda do Nada, podiamos hoxe ir visitar tamén a algunha persoa, coa que poder falar, compartir dalgunha maneira a nosa ilusión cara ao Nadal, cara ao Xesús do Nadal, que está ás portas.

Luns 23 de decembro

Mal 3, 1-4. 23-24

Salmo: 24, 4bc-5ab. 8-9. 10 e 14

Evanxeo: Lc 1, 57-66

Cando se lle cumpriron os meses a Sabela, deu a luz un fillo. E oíron dicir os seus veciños e parentes con canta misericordia o Señor a favorecera, e compartían a súa alegría.

Aos oito días, foron circuncidar o meniño e queríanlle poñer de nome Zacarías, coma seu pai. Pero interveu a nai, dicindo:

–Non, chamarase Xoán!

Eles replicáronlle:

–Pero se non hai ninguén na túa parentela que se chame así!

Entón con acenos preguntáronlle ao pai do meniño como quería que se chamase. El pediu unha taboíña na que escribir e puxo:

Xoán é o seu nome.

Todos ficaron sorprendidos. E no intre a el ceibáronselle os labios e a lingua, e empezou a falar bendicindo a Deus. Os veciños quedaron todos abraiados e por toda a montaña de Xudea difundiuse a noticia destes feitos. E cantos oíron gardábanos no corazón e dicían:

–¿Qué virá a ser este neno?

Porque a man de Deus estaba con el.

O meniño medraba e facíase forte de espírito; e viviu no deserto ata o día no que se manifestou a Israel.

Meditación

Os nomes tiñan un significado especial na vida das persoas e familias xudías. Con eles sempre se quería dicir algo, revelar algo do xa sucedido, do pasado que se quería manter vivo, ou expresar algún desexo, algunha ilusión, algunha esperanza cara ao futuro. Case sempre en clave relixiosa. Zacarías é un nome composto de dúas raíces: lembranza e Deus, Deus lémbrase, un nome moi acaído para a criatura nacida, porque Deus lembrárase da esterilidade de Sabela para remediala. Pero a nai preferiu o nome de Xoán, tamén de dúas raíces: Deus e misericordia. Todo o acontecido quedaba envolto na presenza misericordiosa de Deus, que en Xoán, o precursor de Xesús, iniciaba unha etapa nova, final, na que a misericordia de Deus había ser o feito máis sorprendente.

E iso é o que Lucas nos quere transmitir con este relato todo el orientado a nos ir preparando para o encontro coa presenza de Deus entre nós. Preparádevos para entrar en clave de misericordia. Preparádevos para lle abrir as portas a un Deus a quen lle doedes vós, a quen lle doen as persoas, a historia, os acontecementos, sobre todo cando polo medio hai pobrezas de todo tipo e marxinación. Preparádevos para acoller e practicar a misericordia, a solidariedade máis ampla e máis fonda, con vos mesmos, coa demais xente.

Oración

Grazas, Deus noso queridiño,

por te lembrares de nós.

Se un pai ou unha nai

son incapaces de esquecer a súa crianza,

como te ías esquecer ti de nós,

de cada un, de cada unha de nós,

coa nosa particular graza e desgraza,

co noso particular mérito e demérito!

Grazas, Deus noso queridiño,

por ser un Deus doído da túa creación toda,

sempre disposto a acompañarnos con solicitude extrema

para que nada da nosa rica humanidade se perda,

para que a semente de divindade que inseriches en nós

frutifique nunha vida inocente, xusta, colmada, feliz.

Deus da lembranza,

Deus da misericordia,

si, pon entre nós a túa tenda!

Acción

A parte de preparar as cousas materiais para o encontro e a celebración do Nadal, podemos dispoñernos tamén a esta celebración facendo memoria de persoas e grupos sociais  significativos para nós, por proximidade, por fraxilidade, e dispoñernos tamén a entrar en feitos de solidariedade, recibida e dada.

Martes 24 de decembro-Misa da mañá

1ª lectura: 2 Sam 7, 1-5. 8b-12. 14a. 16

Salmo: 88, 2-3. 4-5. 27 e 29

Evanxeo: Lc 1, 67-79

Zacarías, o pai de Xoán Bautista, cheo do Espírito Santo, profetizou dicindo:

–Bendito sexa o Señor, Deus de Israel, porque veu visitar e redimir o seu pobo, suscitando para nós unha forza de salvación na casa de David, o seu servo, conforme prometera dende antigo por boca dos seus santos profetas: que nos salvaría dos nosos inimigos e das mans dos que nos teñen odio; que tería misericordia dos nosos pais, tendo presente a súa Santa Alianza e a promesa que lle fixera a Abraham, noso pai, para concedernos que, libres das mans dos inimigos, o sirvamos con santidade e xustiza, na súa presenza, todos os días da nosa vida.

E a ti, meu meniño, hante chamar profeta do Altísimo, porque irás por diante do Señor, preparando os seus camiños, anunciándolle a salvación ao seu pobo mediante o perdón dos pecados E así, pola misericordia entrañable do noso Deus amencerá dende o ceo un sol para nós: luz para os que viven nas tebras e xacen entre as sombras da morte, para guiar os nosos pasos polos camiños da paz.

Meditación

O que Zacarías, movido polo Espírito Santo, anuncia como inmediato para o pobo de Israel, ofrécesenos tamén a todos nós, a todos os pobos do mundo, na persoa de Xesús. O mundo todo, os pobos todos, as persoas todas, ti e máis eu entre elas, estamos metidos nesa rede amorosa, solidaria de Deus; un Deus que se preocupa pola súa creación, que xera dinamismos de coidados, de solidariedade, de xustiza, de santidade, para que con eses dinamismos vivamos e construamos día a día a nosa existencia, ante el, na luz, na paz. Deus xa está aquí, á porta, disposto a nacer para as nosas vidas, coma o sol que cada día, sen fallar, se ergue ante nós coa súa luz, coa súa calor. É o Nadal xa.

Oración

Bendito sexas, Deus noso,

porque nos queres e nos visitas,

porque non te esqueces de nós,

porque es sempre pura misericordia.

Bendito sexas, Deus noso,

porque na persoa humildísima de Xesús

nos regalas unha potente forza de salvación:

unha luz que mata as nosas escuridades,

unha xustiza que afoga os nosos abusos,

unha paz que anula as nosas violencias.

Bendito sexas, Deus noso,

porque ti nunca fallas ás palabras dadas,

porque sempre estás aí,

cando de ti precisamos.

Que con Xoán Bautista

saibamos ir preparando os teus camiños.

Acción

No Nadal con frecuencia vemos propostas solidarias, cara á xustiza, cara á paz. Podemos participar nalgunha delas, que vexamos

 

Accede á revista

Encrucilla 233

Xa es subscritor/a?