O Evanxeo de cada día con ollos de aldea

Manuel Regal Ledo

 
18 de febreiro: Domingo 1º de Coresma
 
1ª lectura: Xén 9, 8-15. Salmo: 24, 4bc-5ab. 6-7bc. 8-9
2ª lectura: 1 Pe 3, 18-22
 
Evanxeo: Mc 1,12-13
 
Nunha ocasión o Espírito encamiñou a Xesús ao deserto. Alí permaneceu corenta días, alí o tentou Satanás; vivía entre as feras e servíano os anxos.
 
Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anunciar a Boa Nova de Deus, dicindo:
—O tempo está cumprido e chega o reino de Deus; convertédevos e crede na Boa Nova.
 
Meditación
 
Válenos de algo andar ás voltas outra vez coa Coresma? Tal como andan as cousas, coa chea de problemas que envolven a toda a xente, sobre todo á xente máis débil, ten sentido dedicarlle algún tempo a isto da Coresma? A fe, a relixión, Deus, Xesús, o Evanxeo pode significar algo para o home ou a muller que están no paro, ou que están collidos polo medo a que mañá poden perder o traballo, ou que ven como día a día as posibilidades de vivir con dignidade, aínda que sexa na pobreza, son menores? Non podemos desvencellar a Coresma de todo isto que a día de hoxe estamos vivindo. Deus, Xesús, non quere tampouco desvencellar a súa presenza de todo isto que a diario nos preocupa. Ao contrario, nisto que é a nosa vida quere acompañarnos solidariamente.
 
Os tempos que lle tocou a Xesús non eran máis doados do que os nosos; a xente máis débil non estaba menos desamparada do que o está hoxe entre nós; as crenzas relixiosas, aínda que as había e moi grandes, non eran menos baleiras do que poden ser hoxe as nosas. O panorama non era mellor. O futuro estaba ben pechado para a gran maioría da poboación, o sometemento era grande; os abusos, moitos. E Deus parecía que tamén calaba e consentía. Pero Xesús deulle cara ao que pasaba no seu pobo. Do que fixo e do que viviu, de como o fixo e de como o viviu, podemos aprender nós moito. Na Coresma poñémonos especialmente á espreita de Xesús e dos seus pasos. Queremos aprender del a maneira de se encarar coas dificultades da vida. Cambiando o que necesariamente debamos cambiar, Xesús pódenos valer moito, moitísimo. Diso alomenos estamos convencidos as persoas que o seguimos.
 
E o primeiro que nos di o Evanxeo de Marcos é que hai un Espírito, unha forza de ben que quere estar ao noso lado, como guía, como sustento, como fortalecemento. Un Espírito máis poderoso co poder dos máis poderosos deste mundo. Xesús deixouse levar sempre por ese Espírito. Fiouse del. Entregouse a El. Posiblemente non nos resulte doado deixarnos levar nós tamén por ese mesmo Espírito, pero ese podería ser o gran reto dunha boa Coresma: non lle poñer traba ningunha ao Espírito de Deus.
 
O Espírito daquela levou a Xesús ao deserto. A onde nos quererá levar a nós? Non o sabemos. Será cuestión de que lle deixemos a iniciativa. Quizabes ao deserto? Quizabes. Deserto quere dicir soidade, tentación, tempo de pensar, para que outros non nos pechen os ollos e nos fagan ver branco o que é mouro, e nos queiran colar por progreso e garantía o que non é máis ca esquilmo e volta aos tempos vellos; quere dicir ocasión para romper coa instalación nas cousas materiais, no pensamento, nos ánimos, nos proxectos; deserto quere dicir tamén, por iso mesmo, pobreza e liberdade a un tempo. O Espírito que leva ao deserto e que nace do deserto é un Espírito moi fecundo.
 
Pero, a máis diso, o Espírito pódenos levar tamén ao encontro coa xente, a saír das nosas casas, das nosas propias vidas, a falar coa xente, a escoitala, a comprendela nos seus problemas pequenos ou grandes, a coñecer o que outra xente crente ou non crente está facendo para defender a dignidade humana na enxurrada de recortes á que nos están sometendo; o Espírito pódenos levar a abrir os ollos cara a outros pobos que sempre andaron en crise e nós pouco por eles miramos; a animarse mutuamente, a fortalecerse mutuamente, a enrabiarse mutuamente, a consolarse mutuamente, a celebrar mutuamente as parcelas de vida e de dignidade que aínda posuímos ou que pouco a pouco imos conquistando.
 
Xesús, di Marcos moi secamente, vivía entre as feras, pero era servido polos anxos. É unha maneira de falar por comparanzas. Certamente Xesús estivo, como estamos nós, en tempos de loita, de dificultades, de tentación; as feras representan esas dificultades e tentacións. O Satanás tamén. Non nos enganemos, Xesús non nos priva de dificultades e malas tentacións. Pero garántenos que quen se deixe levar polo Espírito verá como o consolo de Deus o acompaña cada día. Falar de anxos é falar desa compaña certa dun Deus que nunca nos deixa da man. Por iso a loita da Coresma apunta con seguridade cara ao triunfo da Pascua.
 
Preces
 
QUE O ESPÍRITO SANTO ILUMINE OS NOSOS PASOS
 
Para abrir os ollos e non deixarnos embobar por quen nos quere enganar con promesas fofas. Oremos.
 
Para fiarnos de Deus, de Xesús, e comprometernos no seu seguimento. Oremos.
 
Para escoitar o clamor das persoas e dos pobos que máis sofren os abusos dos poderosos e dispoñernos a axudar. Oremos.
 
Para ollar a fondo o noso corazón, a nosa vida, e limpala ben de calquera escravitude do mal. Oremos.
 
Para establecer lazos de unión e de solidariedade e facernos así fortes ante os problemas. Oremos.
 
Para amar e defender a natureza, o rural, a soberanía alimentaria de todos os pobos. Oremos.
 
Oración
 
Que o Espírito, Señor,
que o teu mesmo Espírito,
me traia e me leve para onde ben queira,
e que eu non lle poña traba ningunha.
 
Se deserto e sequidade,
pois deserto e sequidade, Señor.
Se loita e desamparo,
pois loita e desamparo tamén.
 
Se é hora de romper cadeas
para unha maior liberdade,
que eu as vexa, Señor,
e fóra cadeas no teu nome,
e viva a liberdade que ti prometes!
 
Se son tempos de espera e resistencia,
de confusión e aínda de negrura,
que non me falte a túa luz na noite,
o teu abeiro, o teu amparo, a túa aperta.
 
Se son tempos de vivir con feras,
de andar coma años entre lobos,
que non nos falte no teu nome
nin a sinxeleza das pombas,
nin a astucia das serpes.
 
Que os teus anxos me sirvan, Señor,
que me ofrezan o teu consolo,
o consolo de irmáns e irmás,
e así me curta para a tarefa
de ser servidor/a de boas novas
ao teu lado a cada hora.
 
Que o deserto, Señor, me faga irmán, irmá,
que o deserto, Señor, me faga persoa de comuñón,
que o Espírito que a ti che ensinou os camiños da vida,
da loita e da festa,
me ensine a recrear hoxe os teus camiños
con alegría e firmeza,
con humildade e intelixencia.
No teu nome, Señor,
no nome dos teus fillos máis desherdados,
das túas fillas máis desherdadas que tanto queres.
 
Acción
Ir ao deserto. Arredarnos algo da dependencia da TV, do móbil. Aprender a estar algo sos, en silencio. Escoitarnos por dentro. Oír as voces que resoan no corazón. Por aí tamén anda Deus facendo das súas.
 
 
19 de febreiro: Luns da 1ª semana de Coresma
 
1ª lectura: Lev 19, 1-2. 11-18
Salmo: 18, 8. 9. 10. 15
 
Evanxeo: Mt 25, 31-46
 
Unha vez díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban de cerca:
—Cando veña o Fillo do home na súa gloria e todos os anxos con el, sentará no seu trono glorioso. Diante del xuntaranse todas as nacións, e separará a unhas persoas doutras, como separa o pastor as ovellas das cabras. E poñerá as ovellas á súa dereita e as cabras á súa esquerda. 
 
Entón dirá o Rei ás persoas que están á súa dereita:
—Vinde, benditas do meu Pai; recibide a herdanza do Reino preparado para vós dende a creación do mundo. Porque tiven fame e déstesme de comer, tiven sede e déstesme de beber, fun forasteiro e acolléstesme, estiven espido e vestístesme, enfermo e visitástesme, estiven na cadea e viñéstesme ver.
 
Entón preguntaranlle aquelas persoas xustas:
—Señor, ¿cando te vimos famento e che demos de comer; ou sedento e che demos de beber? ¿Cando te vimos forasteiro e te acollemos, ou espido e te vestimos? ¿Cando te vimos enfermo ou na cadea e te visitamos?
 
O rei contestaralles:
—Asegúrovos que canto fixestes cun destes irmáns ou irmás miñas máis pequenas, fixéstelo comigo.
 
E diralles logo ás persoas da súa esquerda:
—Arredade de min, malditas; ide para o lume eterno preparado para o Satán e os seus anxos. Porque tiven fame e non me destes de comer, tiven sede e non me destes de beber, fun forasteiro e non me acollestes, estiven espido e non me vestistes, enfermo e na cadea e no me visitastes.
 
Eles replicaranlle:
—Señor, ¿cando te vimos famento ou sedento, forasteiro ou espido, enfermo ou na cadea e non che acudimos?
 
El responderalles:
—Asegúrovos que canto deixastes de facerlle a un destes máis pequenos, deixastes de mo facer a min.
 
Daquela estas persoas irán ao castigo eterno, e as xustas para a vida eterna.
 
Meditación
 
Ata os tempos de Xesús, na tradición relixiosa da Biblia a xente empobrecida era xa un importante reto ético, moral: non se podía servir ben a Deus sen tela ben en conta, porque xa Deus amosaba un fondo interese polas súas vidas fráxiles. Xesús dá un paso máis; a xente empobrecida convértese nunha representación viva do mesmo Xesús, do mesmo Deus. De maneira que recoñecer a xente empobrecida, servila, venerala, poñela no centro do propio corazón e da propia vida era tanto coma poñer ao mesmo Xesús, ao mesmo Deus. Atender a xente empobrecida non é unha obriga moral, á que haxa que responder mellor ou peor; é unha condición imprescindible da nosa profesión de fe cristiá, que podía dicir así: Creo en Deus, Pai/Nai creador de vida, xerador de fraternidade, que nos amosou o seu rostro humano máis logrado na persoa de Xesús de Nazaré, e que na xente empobrecida nos ofreceu un sacramento ou imaxe de si mesmo, ao que lle debemos devoción, adoración e entrega servidora; o Espírito de Xesús capacítanos para así o facer.
 
Oración
 
Xesús, sinto que me preguntas:
“¿Cantas persoas pobres hai na túa axenda?
¿Cantas horas do día pasas con algunha delas?
¿Cantas delas che rouban o sono?
¿Con cantas delas tes lazos de fonda amizade,
e compartes o teu pan, a túa palabra, o teu diñeiro, a túa casa?
¿A cantas delas inclúes na túa pregaria diaria
como imaxe viva do Deus que veneramos?
Pensa e saca conclusións.
Pensa e dime se realmente me queres,
se realmente cres en min.
Falamos.”
 
Acción
 
Estamos na Coresma. Como práctica coresmal podiamos marcarnos a tarefa de achegarnos a algunhas persoas empobrecidas, e deixarnos conmover por elas.
 
 
20 de febreiro: Martes da 1ª semana de Coresma
 
1ª lectura: Is 55, 10-11
Salmo: 33, 4-5. 6-7. 16-17. 18-19
 
Evanxeo: Mt 6, 7-15
 
Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
—Cando vos poñades a rezar, non sexades lareteiros coma os xentís, que pensan que Deus os vai escoitar polo moito falar. Non sexades coma esa xente, porque o voso Pai ben sabe o que precisades xa antes de que llo pidades. Vós rezade así:
Noso Pai que estás no ceo, santificado sexa o teu nome, veña o teu reino, fágase a túa vontade aquí na terra coma no ceo. Dános hoxe o noso pan de cada día, perdoa as nosas ofensas, como nós perdoamos a quen nos ofende; non nos deixes caer na tentación, mais líbramos do Malo.
 
Porque se lle perdoamos ás demais persoas as súas ofensas, tamén o voso Pai do ceo vos perdoará a vós; pero, se non perdoades a demais xente, tampouco o voso Pai do ceo vos perdoará a vós.
 
Meditación
 
Rezar en si mesmo é algo doado. Cómpre ter presente algunhas cousas, como, por exemplo, que non vale de nada o moito barullarlle a Deus. A confianza en Deus é máis importante que as moitas palabras, porque el coñécenos a fondo coas nosas carencias e necesidades. Así, estou ante el simplemente, e máis que dicirlle a el o que ten ou non ten que facer comigo, fíome del e déixolle as mans libres, para que o seu Espírito me vaia levando por onde el e máis eu vaiamos vendo que é bo camiñar. Non importa a miña gloria, senón a de Deus. Non importa a miña vontade, senón a de Deus na miña. Si que importa o pan de cada día para todo ser humano; e importa moito tamén a nosa disposición ao perdón da demais xente, porque sen perdóns, dados e recibidos, este mundo é un inferno. E non somos nós os que medimos o perdón de Deus, como puidera parecer que afirma o evanxeo; ao revés, é o perdón de Deus o que mide e urxe o noso perdón. Para que o mal non nos acabe aburando e desfacendo.
 
Oración
 
Meu Deus,
a miña vida nas túas mans.
A vida da miña familia nas túas mans.
A miña saúde ou enfermidade nas túas mans.
A miña participación cidadá nas túas mans.
O meu presente e o meu futuro nas túas mans.
A miña terra e o meu ceo nas túas mans.
Sabendo tamén
que as túas mans son as nosas mans,
que ti precisas de min
para todo o que en min queiras facer.
Xuntas, logo, intimamente unidas.
Grazas.
 
Acción
 
Igual algunha persoa nos faltou e gardamos rancor contra ela e estamos lonxe de a perdoar. Igual lle temos feito algún mal a algunha persoa, coa palabra ou cos feitos, e non somos valentes para lle ir pedir perdón. En calquera caso, sería ben que désemos un paso adiante na práctica do perdón dado e recibido.
 
 
21 de febreiro: Mércores da 1ª semana de Coresma
 
1ª lectura: Xon 3, 1-10
Salmo: 50, 3-4. 12-13. 18-19
 
Evanxeo: Lc 11, 29-32
 
Unha vez a xente xuntouse ao redor de Xesús e el púxose a dicirlle:
—Esta é unha xeración perversa; reclama un sinal, pero non se lle vai dar máis sinal ca o de Xonás. Pois como Xonás foi sinal para os habitantes de Nínive, así o será tamén o Fillo do Home para esta xeración. A raíña do Sur enfrontarase no xuízo con esa xente e fará que a condenen, porque ela veu desde o cabo do mundo para escoitar a sabedoría de Salomón; e aquí está quen é máis ca Salomón. Os habitantes de Nínive enfrontaranse no Xuízo con esta xeración e farán que a condenen, porque eles convertéronse ao escoitaren a predicación de Xonás, e aquí está quen é máis ca Xonás.
 
Meditación
 
Quéixase Xesús de que moita da xente que o escoita non lle fai caso. Estáselles ofrecendo a oportunidade dun coñecemento de Deus limpo e dunha práctica relixiosa fondamente ao servizo do benestar persoal e social da xente, e non queren saber nada de Xesús. O falar e o actuar de Xesús non lles vale; desexan ver grandes cousas, grandes sinais, grandes probas; non lles chega a proba dunha palabra cálida, dunha solicitude exquisita pola xente máis fráxil, dun Deus achegado, forte e humilde, que se pon ao noso alcance, para establecer connosco unha relación intensa e transformadora.
 
¿Facémoslle nós hoxe caso a Xesús, ás cousas que Xesús comparte connosco? ¿Facémoslle caso ás palabras de renovación, que desde persoas crentes ou non crentes chegan aos nosos oídos, para mellorar a nosa vida cristiá, a nosa vida social, a nosa maneira de estar neste mundo?
 
Oración
 
Xesús,
sabio para a vida
moito máis ca Salomón;
apaixonado de Deus e da xente
moito máis ca Xonás;
solidario coa nosa fraxilidade
moito máis do que podemos imaxinar;
forte, tenro, humilde, persistente, valente, crítico
moito máis do que lle gusta ás veces aos nosos soños relixiosos
….
Xesús,
apúntome á túa escola,
para que me aprendas a vivir ben.
 
Acción
 
¿Estamos pelexándonos contra algunha necesidade de cambio en nós, na nosa vida, que de calquera maneira estamos sentindo dentro de nós? ¿E se recoñecemos sen medos a necesidade dese cambio e nos dispoñemos a realizalo? Posiblemente nos irá mellor.
 
 
22 de febreiro: Festa da Cátedra de San Pedro
 
1ª lectura: 1 Pe 5, 1-4. Salmo: 22, 1b-3a. 4. 5. 6
 
Evanxeo: Mt 16, 13-19
 
Nunha ocasión, cando Xesús chegou á comarca de Cesarea de Filipo, preguntoulles aos seus discípulos:
—¿Quen di a xente que é o Fillo do home?
 
Eles responderon:
—Unhas persoas din que é Xoán Bautista; outras, que Elías; outras, que Xeremías ou algún dos profetas.
 
Insistiu Xesús:
—E vós ¿quen dicides que son eu?
 
Respondeulle Simón Pedro:
—Ti es o Mesías, o Fillo do Deus vivo.
 
E Xesús contestoulle:
—Ditoso ti, Simón fillo de Xonás, porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue, senón meu Pai que está no ceo. E eu asegúroche que ti es Pedro, e sobre esta pedra vou edificar a miña Igrexa; e o poder do inferno non a derrotará. Dareiche as chaves do reino dos ceos; todo o que ates na terra ficará atado nos ceos, e todo o que desates na terra, ficará desatado nos ceos.
 
Meditación
 
Lemos o mesmo evanxeo de onte, só que neste caso segundo conta a escena o evanxelista Mateu, que subliña o papel de Pedro na Igrexa, cousa que nin Marcos nin Lucas comentan. A versión de Mateu cadra ben coa festa de hoxe titulada “Cátedra de san Pedro”; é dicir, que celebramos o servizo de orientación, de alento e de unidade co que cumpre o Papa de Roma para ben de toda a Igrexa. Segundo comentamos onte, tamén aquí temos o perigo de entender as cousas con criterios humanos e non segundo o pensar e querer de Deus; moitas veces o Papa exerceu como un soberano, créndose o dono do mundo, o que o sabía todo, o que podía falar do divino e do humano sen ningún risco de equivocación. Grazas a Deus, actualmente temos un Papa que, seguindo tamén pasos doutros Papas, intenta facer do seu cargo un verdadeiro servizo á Igrexa e ao mundo. Ben é que o escoitemos con corazón de discípulos/as, que lle agradezamos o seu traballo e que o sosteñamos co noso afecto e coa nosa pregaria; e, se algunha vez o consideramos necesario, tamén coa nosa contribución crítica, humilde e respectuosa.
 
Oración
 
Dámosche grazas, Deus noso,
por todo o teu pobo santo,
no que prendeu a semente do Evanxeo de Xesús.
Dámosche grazas
polos homes e mulleres que ao longo dos séculos
exerceron diferentes liderados na Igrexa,
e, como bos camareiros e camareiras túas,
nos foron servindo as túas viandas,
para sermos fortes na fe, na esperanza, no amor.
Dámosche grazas polo Papa de Roma,
que quere ser servidor dos teus servidores e servidoras.
Que o poder nunca nos corrompa, Deus noso,
que o poder nunca corrompa a túa Igrexa!
 
Acción
 
A Igrexa grande, a comunidade cristiá da que formas parte é cousa de todas e todos. ¿Participamos nela, asumimos tarefas nela? ¿Non nos deixan facelo? ¿Reivindicamos ese dereito e ese deber?
 
 
23 de febreiro: Venres da 1ª semana de Coresma
 
1ª lectura: Ez 18, 21-28
Salmo: 129, 1-2. 3-4ab. 4e-6. 7-8
 
Evanxeo: Mt 5, 20-26
 
Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban de cerca:
—Asegúrovos que se non sodes mellores ca os letrados e fariseos, non entraredes no reino dos ceos. Tedes oído que se lles dixo aos vosos devanceiros: “Non matarás, e quen mate será procesado.” Pero eu dígovos: Todo o que se enrabeche co seu irmán ou irmá será procesado; quen o insulte será reo ante o Sanedrín, e quen o aldraxe será reo do lume do inferno.
 
Así que, se ao presentares a túa ofrenda no altar, te acordas daquela de que o teu irmán ten queixas contra ti, pousa a ofrenda alí mesmo diante do altar e vaite reconciliar primeiro co teu irmán; e logo volve a presentar a túa ofrenda.
 
Ponte de acordo canto antes con que preitea contigo mentres ides de camiño, non sexa que te entregue ao xuíz, o xuíz ao garda e te metan na cadea. Ten por seguro que non sairás de alí ata que deas pegado o derradeiro céntimo.
 
Meditación
 
Que sinxelas, preciosas e claras, que fondas estas palabras de Xesús! O que mide a autenticidade da nosa fe, da nosa práctica relixiosa é a consideración que temos coa xente de cerca ou de lonxe que forma parte da nosa vida. E esa consideración co próximo pode tomar diferentes formas, pero unha delas, e moi importante, é a de facer as paces con esoutras persoas cando vemos que en algo lles temos faltado, coa palabra, cos feitos ou co esquecemento. Non vale con dicir: eu non mato. Cando lle negamos o saúdo a unha persoa, cando a excluímos de nós insultándoa, ríndonos das súas debilidades, cacarexando os seus defectos no medio de bromas sen xeito, ignorando en cambio os seus méritos e calidades, estámola matando, estámoslle roubando o pracer de vivir. E isto é máis importante ante Deus que calquera forma de relixión.
 
Oración
 
Respectar, coidar, mimar,
non insultar, non denigrar,
non murmurar, non humillar,
dar a man, acompañar.
Acoller, comprender,
adiviñar medos,
escoitar, calar,
axudar a falar.
Reverenciar.
Perdoar,
pedir perdóns,
darse apertas, chorar.
Irmandarse, gozar.
E logo rezar.
Ou, se cadra,
todo isto xa foi rezar.
 
Acción
 
Podemos revisar como tratamos a xente da casa, da parroquia, da comunidade, do pobo. Seguro que, á luz de Xesús poderemos mellorar en algo.
 
 
24 de febreiro: Sábado da 1ª semana de Coresma
 
1ª lectura: Dt 26, 16-19
Salmo: 118, 1-2. 4-5. 7-8
 
Evanxeo: Mt 5, 43-48
 
Díxolles Xesús á xente que o acompañaba:
—Tedes oído que se vos dixo: “Amarás o teu próximo” e aborrecerás o teu inimigo. Pero eu dígovos: amade os vosos inimigos e pregade polas persoas que vos perseguen. Así seredes fillos e fillas de voso Pai que está no ceo, que fai saír o seu sol sobre a xente mala e a boa, e chover sobre a xente xusta e a inxusta. Porque, se amades a xente que vos ama, ¿qué recompensa ides ter? ¿Non fan o mesmo os recadadores de impostos? E se saudades soamente a vosos irmáns ou irmás, ¿qué facedes de especial? ¿Non fan outro tanto as persoas que non teñen fe? Daquela amade dunha forma completa como dunha forma completa ama Deus.
 
Meditación
 
De novo estamos ante un pedaciño do Evanxeo que podiamos considerar o Evanxeo do Evanxeo, é dicir, o corazón mesmo do Evanxeo. Poñernos ante este texto permítenos comprobar se andamos metid@s realmente nas cousas de Xesús ou non. E isto a dous niveis. O primeiro e máis importante é ver se sentimos a Deus queréndonos sempre, correspondámoslle nós ou non; se o sentimos queréndolle á xente, correspóndalle a xente ou non. Soamente este convencemento na cabeza e no corazón vainos permitir quererlle á xente, pórtese como se porte connosco. E este é xa o segundo nivel: ¿quen somos nós para negarlle aprecio, atención, coidados, amor a unha persoa, cando temos experimentado que Deus nos quere a pesar de todas as nosas falcatruadas, que seguramente serán moitas?
 
Oración
 
Complet@s no amor,
coma ti, meu Deus,
da man de Xesús.
Superando
medidas e razóns humanas.
Deixándonos levar
cara á cerna do Evanxeo,
que é a cerna de Deus,
que é a nosa cerna máis auténtica,
libre e creadora
 
Acción
 
Seguro que non nos será difícil comprobar que en moitas circunstancias nos custa tratar a xente ao estilo de Xesús, de Deus. Esa mesma comprobación pode animarnos a dar pasos na liña que Xesús nos propón.
 

Accede á revista

Encrucilla 233

Xa es subscritor/a?