O Evanxeo de cada día con ollos de aldea

 

28  de decembro: Domingo 1 despois de Nadal: A Sagrada Familia

1ª lectura: Eclo, 3,3-7. 14-17a.

Sal 127, 1-2. 3. 4-5

2ª lectura: Col 3, 12-21.

Evanxeo: Mt  2, 13-15

En canto se foron os magos, un anxo do Señor apareceulle a Xosé en soños e díxolle:

–“Érguete, colle o neno e mais a nai e fuxe para Exipto. Non te movas de alí ata que eu te avise, porque Herodes vai buscar o neno para acabar con el.”

Xosé ergueuse, colleu o neno e mais a nai, pola noite, e alá se foi para Exipto. Alí permaneceu ata a morte de Herodes, cumpríndose así o que dixera o Señor por medio do profeta: “Chamei o meu fillo para que saíse de Exipto.”

En morrendo Herodes, o anxo do Señor aparecéuselle en soños a Xosé en Exipto e díxolle:

–“Érguete, colle o neno e mais a nai e volve para a terra de Israel, que xa morreron os que querían acabar co neno.”

Ergueuse Xosé, e collendo o neno e mais a nai, foise para a terra de Israel. Pero, ao saber que Arquelao reinaba na Xudea, en lugar de seu pai, sentiu medo e non se atreveu a ir alá. Avisado en soños, marchou para a banda de Galilea, indo vivir a unha vida chamada Nazaret.

Cumpriuse así o que dixeran os profetas: que se chamaría nazareno.

———————————————————

Meditación

Igual non debera ser así, pero o tema da familia é un tema que está moito en discusión nos tempos de hoxe. A realidade social indícanos que os modelos de familia que se foron dando dun tempo a esta parte son moi diversos, e algúns mesmo rechamantes: a familia digamos de sempre con pai, nai e algúns fillos ou fillas (poucos en todo caso), familias monoparentais (é dicir, dun só proxenitor ou proxenitora), familias que optan por non teren fillos ou fillas, familias homosexuais, nais que optan por criar algún fillo ou filla sen concurso de varón, familias que adoptan fillos/as, familias nas que, por divorcio ou separación, hai cambio entre as parellas, e os fillos ou fillas teñen que aprender a convivir con pais/nais biolóxicos ou de circunstancias,…

A Igrexa entende que o seu modelo de familia: pai e nai unidos ata a morte, abertos á procreación de máis ou menos fillos e fillas, é o modelo natural, ideal. E ese é o modelo que coida, defende e promove. Ás veces facémolo na Igrexa sen consideración nin respecto cara á sensibilidade e prácticas doutras persoas; ás veces si que temos consideración e contribuímos co noso modelo humildemente a esa tarefa nada doada de ir configurando un modelo familiar que dea asento e felicidade ás persoas, e que se converta nun punto forte de apoio para unha socialización dos seus individuos e para a construción da armazón social. Tamén aquí estaría ben que as comunidades cristiás fosen lugares onde todos, todas, aprendésemos a non excluír a ninguén, a respectar a todo o mundo, iso si, apostando son seriedade e humildade por aquelas formas que a nós nos poidan parecer máis axeitadas, sabendo que as cousas dos afectos, dos amores, da sexualidade, da convivencia, son moi complexas, e que non se pode andar pola vida de prepotentes. Propoñendo e compartindo as nosas satisfaccións ao respecto, e nunca impoñendo nunca nada a ninguén.

O evanxeo de hoxe fálanos dunha familia envolta en tensións, en conflitos, en problemas. Tensións, conflitos, problemas que tamén abundan en moitas familias das nosas parroquias, vilas e cidades. Igual máis ca debater enrabechadamente sobre se este modelo de familia é mellor e este peor, se este é o natural e estoutro non, se a isto hai que lle chamar matrimonio ou non, o que estaría ben que fixésemos, como persoas e comunidades cristiás, sería pararnos a ver por que o están, ou estamos, pasando mal moitas familias, que é o que nos está facendo a vida costa arriba, coñecer situacións, achegarnos para entender e axudar, arrimar o lombo canto máis desde dentro mellor, respectar moito, amar moito, servir moito, … Que precioso sería vernos os miles e miles, millóns, de cristiáns/ás que hoxe celebramos a festa da Sagrada Familia, entregados a esta tarefa de levar comprensión e alento, apoio de palabra e de feitos, a aquelas familias ás que lles está custando chegar a fin de mes, atopar un lugar digno onde vivir, aprender unha convivencia cariñosa, criar os fillos e fillas con pan e con paz e con criterios pedagóxicos bos, tirar para adiante con persoas enfermas ou conflitivas no seu seo, etc. E a iso nos invita a festa de hoxe.

O evanxeo de hoxe forma parte dos relatos da infancia do evanxelista Mateu. Os relatos da infancia máis ca dar información precisa sobre a vida de Xesús, ofrécennos marcos de comprensión da figura de Xesús e formas de entrar no seu mundo e de facernos de verdade seguidores del. Resulta ben interesante ir observando as actitudes dos diferentes personaxes que van aparecendo nestes relatos: uns déixanse tocar, asombrar, levar, polo de Xesús: María, Xosé, os pastores, a parente de María, Sabela, os Magos, …; outros, en cambio, non: Herodes, os sumos sacerdotes e letrados do pobo… A xente de mando e poder tivo moitas máis dificultades para entender e seguir a Xesús, que nacía e se desenvolvía en formas de humildade e de pobreza, de servizo, con xenio e valentía. As persoas que descobren en Xesús o rostro e a presenza de Deus son as que se deixan levar polo Espírito, que sopra onde quere e cando quere e como quere. María e Xosé foron mestres en escoitar e seguir a voz do Espírito. O anxo do Señor do que fala o evanxeo, que tiña tanto trato con Xosé, e a quen Xosé era sempre fiel, non é senón este Espírito de Deus que o acompañaba e que o guiaba. Ese mesmo Espírito de Deus tamén nos acompaña a nós para que atinemos nas mellores maneiras de conducir as nosas vidas e as vidas das nosas familias, sobre todo en horas e tempos de crise. 

Unha das características máis típicas dunha familia cristiá  sería, logo, esta disposición a escoitar a voz do Espírito, que nos pode falar de mil maneiras, a aprender, a informarnos, a poñernos en disposición de botar a andar, a saír de nós e do noso, a abrir camiños con humildade, a compartir. E a Eucaristía de cada domingo é un lugar onde podemos celebrar a nosa dita de ter o Espírito por compañeiro/a fiel e onde podemos motivarnos vivamente para o seu seguimento.

———————————————————

Preces

AQUÍ ESTOU, SEÑOR, CONTA COMIGO

  • Para coidar a miña familia aprendendo da preocupación e coidados que ti tes con todos e todas nos. Oremos.
  • Para tolerar, respectar e atender as persoas maiores que viven connosco, e para aprender e agradecer delas tantas cousas boas que nos poden ensinar. Oremos.
  • Para coidar con esmero e tenrura os nosos nenos e nenas, implicándonos na súa formación humana e cristiá, informándonos, falando, compartindo, actuando. Oremos.
  • Para saber acompañar os nosos fillos e fillas adolescentes e mozas, dándolles compaña, apoio, forza e liberdade para que acerten co seu camiño na vida. Oremos.
  • Para facer de cada unha das nosas familias un espazo de convivencia agradable e para abrilas sen reparo a compartir e á preocupación polo que pasa ao redor noso. Oremos.

 

Pregaria

Señor,

desde o seo da miña familia

agradecida, coidada, perdoada,

quero asomarme hoxe

ás familias veciñas,

para agradecelas tamén,

para integrarme nos seus desvelos,

para sentilas coma miñas e apoialas en todo

coa palabra, cos sentimentos, cos feitos.

 

Señor,

desde o teu corazón grande, desmedido,

de Pai e Nai de todas e de todos,

quero lembrarme hoxe

das familias máis feridas pola crise,

as máis rotas por desavinzas,

as máis criticadas polas súas formas que rompen moldes,

para amar, comprender e respectar coma ti,

para termar e alentar coma ti,

para perdoar, se é o caso, e sandar algo coma ti.

 

Señor,

desde a túa experiencia de familia emigrante e perseguida,

quero achegarme hoxe

ás familias inmigrantes negras, sudamericanas, rumanas,

tantas veces fendidas no corpo e na alma,

nos sentimentos máis elementais,

nas aspiracións máis nobres,

para defender a súa causa,

que é a túa,

para compartir con elas

casa e pan e corazón,

que é coma compartilo contigo.

 

Señor,

desde a túa especial preferencia polas familias máis débiles,

quero sumarme hoxe

ao clamor de quen pide pan, casa, traballo, menciñas, ensino…;

que non se me casque a voz,

que non se me nubre a ollada,

que non se me achique o corazón.

 

Señor,

polo teu amor.

———————————————————

Acción

Loxicamente un bo día para vivir a realidade familiar con especial intensidade: visitas, conversas, agradecementos, fidelidades, coidados, oración, perdóns, reconciliacións…, todo para poder aproveitar o gran regalo que é vivir en familia, en familia cristiá tamén, se ese é o noso caso.

29 de decembro: día 5º dentro da oitava de Nadal

1ª lectura: 1 Xn 2, 3-11

Salmo: 95, 1-2a. 2b-3. 5b-6

Evanxeo: Lc  2, 22-35

Cando chegou o tempo da purificación, conforme a Lei de Moisés, levaron o neno a Xerusalén, para llo presentaren ao Señor; pois así está escrito na Lei do Señor: “Consagraredes ao Señor a todo varón primoxénito”; e tamén para faceren unha ofrenda, conforme se di na Lei do Señor: “Un par de rulas ou dous pombiños”.

Vivía daquela en Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a restauración de Israel. O Espírito Santo estaba con el e prometéralle que non había morrer sen ver o Unxido do Señor. Movido polo Espírito foi ao templo e, cando entraban os pais do neno Xesús para cumpriren o mandado pola Lei do Señor, el colleuno nos brazos e loou a Deus dicindo: 

–Agora, Señor, segundo a túa promesa,

podes deixar que o teu servo morra en paz,

porque xa os meus ollos viron o teu salvador,

o que ti preparaches para todos os pobos:

luz de revelación para todas as xentes

e gloria do teu pobo Israel.

O pai e máis a nai do neno ficaron abraiados polo que tal dicía do neno. Bendiciunos Simeón e díxolle a María, a nai:

–Mira, este está disposto para caída ou levantamento de moita xente en Israel, para ser signo de contradición, e a ti mesma unha espada hache atravesar a alma; así quedarán ao descuberto as intencións de moitos corazóns.

——————————————————-

Meditación

Xosé e María aparecen facendo o que por lei e costume todos facían cando tiñan un picariño. Algo ordinario que os responsables do templo vían unha e mil veces ao ano. Pero o vello Simeón, home xusto e bo, familiarizado co Espírito, co que tiña intimidades fondas, intúe, ve, anuncia o que os outros asistentes non podían nin ver nin proclamar. As cousas de Deus son así, onte e hoxe: están aí, envoltas nas miudezas e normalidades da vida, á espera de que alguén, familiarizado co Espírito, as descubra, goce con elas e as comparta para bendición da demais xente. As cousas de Deus sempre son cousas de liberación, aínda que o camiño sexa complexo e arrastre sufrimentos.

——————————————————-

Oración

Quero ser coma o vello Simeón.

Quero saber agardar coma o vello Simeón.

Quero ter complicidades co Espírito, coma o vello Simeón.

Quero ollar a vida miúda cos ollos fondos do vello Simeón.

Quero albiscar o paso de Deus polos sucesos coma o vello Simeón.

Quero loar o Deus solícito coma o vello Simeón.

Quero bendicir a xente toda coma o vello Simeón.

Quero aceptar as penalidades coma o vello Simeón.

Quero…, meu Deus, …. quero …

Só o teu Espírito é quen de cumprir os meus quereres.

Señor, polo teu amor…

——————————————————-

Acción

Seguro que coñeces algún velliño ou velliña sabia nas cousas da vida, nas cousas do Espírito. Visítaa. Escóitaa. Móstralle o teu agradecemento e admiración.

30 de decembro: día 6º dentro da oitava de Nadal

1ª lectura: 1Xn 2, 12-17

Salmo: 95, 7-8a. 8b-9. 10

Evanxeo: Lc.  2, 36-40

Naquel tempo (cando Xesús foi presentado no templo) había tamén alí unha profetisa moi vella chamada Ana, filla de Penuel, da tribo de Axer; casara e vivira sete anos co seu marido, e logo seguiu viúva ata os oitenta  e catro. Non se apartaba do templo, senón que de noite e de día servía a Deus con xaxúns e oracións. Presentouse naquel intre no templo e empezou a loar a Deus e a falar do neno Xesús a todos os que esperaban a redención de Israel.

Cando remataron todo o ordenado pola Lei do Señor, volveron para a aldea de Nazaré en Galilea. O neno ía medrando ben criado, forte e intelixente e o favor de Deus estaba con el.

——————————————————-

Meditación

A figura de Ana faise entrañable. Muller que casa e enviúva –cousa moi dura naqueles tempos e lugares– e que se refuxia en Deus, co que se encariña e a quen serve botando man do que ela coñecía: andar polo templo, rezar, xaxuar… Unha muller de limpa relixiosidade popular, que a habilita para entender que alí algo moi grande estaba pasando; e logo iso de falar do neno Xesús a quen tivese ansias de que as cousas cambiasen para que o pobo levantase a cabeza. Unha muller misioneira, que comparte o misterio que a súa fe traballada lle permite ver e vivir.

Mentres o neno, coma un neno calquera, vai medrando ben criado no corpo e no espírito, empezando a gustar o favor que Deus lle ofrecía gratuitamente. Cómo un neno, un adolescente, un mocete iría construíndo fidelidades e apegos fondos? Cousas de Deus, cousas do Espírito, cousas dos seres humanos todos, que en tales  enredos de graza andamos tan envoltos.

——————————————————-

Oración

Grazas, meu Deus, por Ana

e por todos os homes e mulleres

que na relixiosidade popular

van construíndo a súa fidelidade a ti,

e te aman e serven e anuncian

como mellor saben e entenden.

Grazas, meu Deus, polo neno

que medra grazas aos mil coidados

que a familia e a xente lle foi dando,

ata chegar a ser aquel home cabal,

ben curtido no corpo e no espírito

no que descansa tanta luz, tanta esperanza

para todo o pobo.

Grazas por todos os nosos nenos e nenas.

Cando se acaba o ano, meu Deus,

qué ben pechalo con estas figuras entrañables,

e contigo vivo dentro delas!

Grazas!

——————————————————-

Acción

Se tes maneira de visitar algunha muller velliña crente para escoitar dela a fe que a anima, faino. Se podes participar en algo que anime a formación, o divertimento, a ledicia dos nenos e nenas, faino tamén. E saúda o ano novo coa túa esperanza cristiá.

31 de decembro: día 7º dentro da oitava de Nadal

1ª lectura: 1 Xn 2, 18-21

Salmo: 95, 1-2. 11-12. 13

Evanxeo: Xn 1,  1-18

No principio existía a Palabra, e a Palabra estaba onda Deus e a Palabra era Deus. Ela estaba no principio onda Deus.

Todo foi feito por ela, e sen ela non se fixo nada do que foi feito. Nela estaba a vida, e a vida era a luz da xente toda; a luz alumea na tebra e a tebra non a deu apagado.

Houbo un home mandado por Deus, o seu nome era Xoán. Este veu de testemuña para dar testemuño da luz, para que todas as persoas cresen por el. Non era el a luz, senón que veu para dar testemuño da luz.

A Palabra era a verdadeira luz que alumea a todo ser humano que vén a este mundo. Ela estaba no mundo, e o mundo foi feito por ela, pero o mundo non a recoñeceu. Veu á súa propiedade e os seus non a acolleron. Pero a cantos a recibiron –aqueles homes e mulleres que cren no seu nome– deulles o poder de seren fillos e fillas de Deus. Estes non naceron do sangue, nin da vontade da carne, nin da vontade do ser humano, senón de Deus.

E a Palabra fíxose carne e plantou entre nós a súa tenda, e nós vimos a súa gloria, gloria coma de Unixénito que vén do Pai, cheo de graza e de verdade.

Xoán deu testemuño del exclamando: “Este é aquel de quen eu vos dixen: O que vén detrás miña pasa diante miña, pois existía primeiro ca min”.

E da súa abundancia recibimos todos nós, graza e máis graza. Pois a Lei deuse por medio de Moisés; a graza e a verdade realizáronse por Xesús Cristo. A Deus ninguén o viu; o Unixénito, que está no seo do Pai, foi quen nolo revelou.

——————————————————-

Meditación

A Palabra é a luz, é a vida. Estas primeiras palabras do evanxeo de Xoán anúnciannos o que logo vai explicar con detalle ao longo de todo o evanxeo: que Xesús é luz, que Xesús é vida, que ten capacidade de nos dar unha e outra, para sermos nel persoas fondamente humanas ao estilo de Deus. Xesús, o mellor rostro humano de Deus, fálanos dun Deus que está entre nós, que dialoga connosco, que lle interesa a nosa vida, que se pon ao noso dispor para nos axudar a facela completa, feliz. Deus non é agarrado; espalla a súa abundancia de mil maneiras, para que ninguén quede envolto na escuridade, na tristura, no illamento. Deus quere ser para nós compaña certa, amigable; quere camiñar ao noso lado, comprendéndonos, alentándonos, tirando de nós para adiante na vida. Sería normal que as persoas crentes, ao tempo que gozamos deste Deus, nos fixémonos exemplo vivo deste Deus solícito, que o pasa ben envolvéndose coa xente e facendo corpo e causa con ela.

——————————————————-
Oración

 

(Na Noite Vella familiar: antes ou despois ou no canto das doce uvas das horas do ano que acaba, podemos coller 12 uvas cada un dos membros da familia; cada persoa vai lendo a primeira parte de cada un dos doce versos seguintes, por orde; todos contestamos coa segunda parte do verso, e comemos a uva correspondente. Ao final dámonos chuchos e apertas de felicitación).

A uva da alegría, ai que graciosa!

A uva da unión, moi rica cousa!

A uva do respecto, ben candorosa!    A uva do perdón, marabillosa!

 

A uva do agradecemento, que saborosa!

A uva da comunicación, cousa fermosa!

A uva da paciencia, humilde rosa!

A uva da corrección, dura e gustosa!

 

A uva da escoita, que ceos amosa!

A uva dos alentos, tan xenerosa!

A uva das apertas, sempre famosa!              

A uva da oración, doce, preciosa!

 

——————————————————-

Acción

Igual podiamos facer un pequeno balance da nosa vida durante este ano. ¿Cómo nos foi? ¿En que medramos? ¿En que non? ¿En que fallamos? ¿Por que medramos e por que fallamos? ¿Qué papel lle damos a Deus na nosa vida?

1 de xaneiro: Solemnidade de Santa María

1ª lectura: Num 6, 22-27

Sal 66, 2-3. 5. 6 e 8

2ª lectura: Gal 4, 4-7.

Evanxeo: Lc 2,  16-21

Naquel tempo os pastores foron correndo e atoparon a María e mais a Xosé, e o neno deitado na manxadoira. Ao que o viron, contaron todo o que lles dixeran do meniño aquel.

E cantos o oíron quedaron pasmados do que os pastores lles dixeron.

María, que trataba de comprender, conservaba todas estas cousas no seu corazón.

E os pastores volveron glorificando e loando a Deus por canto oíran e virán, todo como lles fora anunciado.

Aos oito días tocaba circuncidar o neno e puxéronlle de nome Xesús, tal como o chamara o anxo antes da súa concepción.

——————————————————-

Meditación

Na celebración de hoxe, 1 de xaneiro, xúntanse varias cousas moi importantes: hoxe empeza un ano novo, o 2026, cousa que sempre nos conmove dunha maneira algo especial; hoxe é a Xornada Mundial da Paz, entendida non só coma vivencia persoal sinxela e fonda, senón tamén como ausencia de conflitos armados, nos que con tanta frecuencia morre moita xente e da máis débil e inocente da sociedade. E, a maiores, a liturxia segue axudándonos a entrar na fondura do misterio de vida que celebramos no Nadal, e para iso proponnos que reparemos especialmente en María de Nazaré, mamá de Xesús, da que tantas cousas sinxelas e auténticas podemos agradecer, celebrar e aprender.

O cadro que nos ofrece o evanxeo de hoxe é ben sinxelo: uns pastores que baten nunha casopa cuns pais que acaban de ter un neno, ao que ven deitado no presebe, como era costume facer entre familias pobres. O nacemento dun neno ou nena sempre é un acontecemento fermoso; se ademais está rodeado de espírito, de humildade, de alegría, de soños de pan e de paz, de compartir…; se ademais o pai é un home xusto e santo, e a nai é unha bendita, qué máis queremos. Aquilo ulía a corte, a vaca e burro, a bosta, a suores: aquilo ulía a Deus. Cantas cousas semellantes a esta vivimos nós ou vemos vivir a outra xente cada día! O Nadal invítanos a reparar que Deus nace sempre en formato humilde, e por iso avísanos tamén para que andemos pola vida cos ollos abertos, co corazón asentado no amor, co espírito en alerta, espelido, para que descubramos a Deus nacendo entre nós, en nós mesmos, en moitas circunstancias humildes da nosa vida, sobre todo cando as sabemos encher deses detalles que percibimos no nacemento de Xesús, o fillo de María e de Xosé.

Pode resultar ben proveitoso que reparemos nas accións que realizan as persoas que participan na escena do nacemento que hoxe nos relata o evanxelista Lucas. Os pastores van correndo: oíron, sospeitaron que algo denso, de vida, de liberdade, estaba acontecendo e aló foron todo decididos. Andamos así nós, dispostos a coñecer e a integrarnos naquelas cousas que levan o sinal da humanidade, o sinal de Deus, na familia, no barrio, na parroquia, nos movementos sociais? (Sinalar algún destes feitos que en cada comunidade estean acontecendo.) Estaría ben que os que queremos ser bos cristiáns/ás coidáramos moito esta disposición.

Chegan, ven, contan, escoitan outros/as o que uns/unhas contan, falan do feito, valórano, admíranse da fondura que vai agochada naqueles sucesos humildes, saen loando a Deus, que así se lles mostrara. Que sinxelo todo, e que precioso todo! Non é isto algo no que debiamos ser expertas as persoas que formamos a nosa comunidade cristiá parroquial? No canto de transmitirnos murmuracións de tal ou cal persoa ou feito negativo (cousas nas que deseguida entramos), sería mellor andar con ollada limpa, inocente, pola vida, e contarnos uns a outras o que imos vendo de ilusionante, e gozar co que outros contan, e quentar os ánimos, e enchernos de agradecementos, e vir ás celebracións traendo todo iso no corazón e facéndoo motivo das nosas loanzas a Deus! (Nomear tamén algunha cousa positiva que se estea dando na comunidade, a modo de exemplo.)

En todo isto María xoga un papel excepcional. María é a nai, a primeira que advirte que en todo o que estaba pasando na súa vida andaba metido a tope o Espírito de Deus. Pero Deus desbórdaa, ata o punto de que non dá entendido ben. Oe o que uns e outras din. Intenta descubrir o paso de Deus pola súa vida, pola vida do seu propio fillo, pola vida da xente, pola vida do mundo. Trata de comprender, e para iso vai gardando no seu corazón todo o que acontece, cheo de detalles simples e significativos, para ilo remoendo con calma, para sacarlle todo o proveito posible, para deixar a Deus ser Deus a tope na súa historia miúda e na historia do pobo do que forma parte. María é nai da escoita, do silencio, da dispoñibilidade, da obediencia libre, do compromiso, da descuberta dos pasos firmes de Deus polos rostros do pobo, polos acontecementos da historia. Unha calidade espiritual coa que foi agrazada por Deus sen dúbida; unha calidade espiritual que foi acadando a base de esforzo, de unha e mil veces calar, sosegarse, escoitar, valorar, decidir, optar polo que humaniza, por Deus.

A Eucaristía, como dixemos, é un lugar especialmente destinado para contarnos as bendicións de Deus que vemos na xente, en nós, no mundo, para alegrarnos por elas, agradecelas diante de Deus, e animarnos á súa defensa e promoción no medio das nosas familias, pobos e comunidades.

——————————————————-
Preces

 

QUE O SEÑOR NOS BENDIGA E NOS GARDE

  • Que no ano novo vivamos coa confianza firme de que Deus –como di o nome Enmanuel— está sempre ao noso lado, acompañándonos, alentándonos, porque nos quere. Oremos.
  • Que no ano novo esteamos moi atentos/as ás vidas da xente máis pobre, humilde, marxinal, para escoitar nesas vidas a voz de Deus que nos chama á solidariedade, ao compromiso, á loanza.
  • Que durante todo o ano novo, en todo momento, apostemos pola paz, polo diálogo, polo entendemento, polo respecto, para acadar unha convivencia solidaria e feliz nas nosas familias, nos nosos barrios e parroquias. Oremos.
  • Que no ano novo vivamos con agradecemento e satisfacción a nosa saúde, se a temos; e, se temos enfermidade, que non nos falle a paciencia e unha boa sanidade pública e o servizo coidadoso de quen nos rodea. Oremos.
  • Que no ano novo nos comprometamos coa mellora da nosa comunidade cristiá, para facela máis apegada ao estilo de vida de Xesús, o noso mestre e irmán maior. Oremos.

——————————————————-

Plegaria

Ditosa a xente non violenta, pacífica,

porque o futuro da terra está nas súas mans.

 

Ditosas as persoas que buscan a paz seguindo as prácticas de Xesús,

porque abrirán camiños de vida ao seu redor.

 

Ditosos os homes e mulleres que renuncian ao poder,

porque o poder non os enredará na súa corrupción.

 

Ditosa a xente que non aspira a ser rica,

porque atopará nos demais irmáns e irmás e non competidoras.

 

Ditosas as persoas que non contestan ao mal con mal,

porque axudarán a baleirar as nefastas arcas da maldade.

 

Ditosa a xente que sabe bicar e dar apertas,

porque fará que medre a preciosa árbore da tenrura.

 

Ditosos os homes e mulleres que buscan a paz a través da xustiza,

porque non manipularán as esperanzas das máis pobres.

 

Ditosos os gobernos que reducen os gastos de armamento,

porque terán máis cartos para a saúde e a cultura.

 

Ditosas as persoas que se ollan a si mesmas con audacia e tenrura,

porque atoparán os camiños da paz interior.

 

Ditosa a xente que descobre e espanta medos,

porque matará a raíz de toda violencia.

 

Ditosos os gobernos que lle chaman paz ao pan, ao traballo, aos dereitos,

porque así acadarán a dignidade de todas as persoas.

 

Ditosas as persoas que desenmascaran o negocio e o tráfico de armas,

porque lle abrirán á paz as portas da esperanza.

 

Ditosos os homes e mulleres que en toda hora din e fan a paz,

porque nos axudarán e crer que por fin a paz será posible.

——————————————————-
 
Acción

Ano novo, vida nova, dicimos. En que podemos facer algo nova a nosa realidade persoal, familiar, comunitaria, parroquial? Pode parecer algo rutineiro e inútil iso de se marcar algún obxectivo, pero igual non está de máis. Algo sinxelo, realizable, que supoña unha melloría de calidade para a nosa fe, para a nosa vida e convivencia.

2 de xaneiro

1ª lectura: 1Xn 2, 22-28

Salmo: 97, 1. 2-3ab. 3cd-4

Evanxeo: Xn 1,  19-28

E este é o testemuño de Xoán cando os xudeus lle mandaron de Xerusalén sacerdotes e levitas onda el para lle preguntar:

–Ti quen es?

El declarou claramente:

–Eu non son o Cristo.

Preguntáronlle:

–Entón, quen es ti? Es Elías?

Contestou:

–Non son.

–Es o profeta?

Respondeu:

–Non.

Daquela dixéronlle:

–E, logo, quen es, para que lles poidamos dar unha resposta aos que nos mandaron? Que dis de ti mesmo?

El díxolles:

–Como escribiu o profeta Isaías, eu son a voz do que clama no deserto: endereitade o camiño do Señor.

Algúns dos mandados eran fariseos e preguntáronlle:

–Entón por que bautizas, se non es ti o Cristo nin Elías nin o profeta?

Xoán respondeulles:

–Eu bautizo con auga, mais entre vós está quen vós non coñecedes, o que ven detrás miña, e eu non son merecente de lle desatar o amalló das súas sandalias.

Todo isto pasou en Betania, ao oriente do Xordán, onde estaba Xoán bautizando.

——————————————————-

Meditación

Volvémonos ver con Xoán Bautista, ese personaxe tan especial e entrañable que nos acompañou nos días previos á celebración do Nadal. Hoxe está aquí para dicirnos que o anunciado xa chegou, está por aí entre nós, e igual nin o coñecemos, porque anda con maneiras tan humildes, marxinais, que pouca xente repara nel. Pero está. Xa chegou. Xoán invítanos a andar cos ollos ben abertos, co corazón ben aberto, para podermos bater co el e recrearnos na súa humilde grandeza servidora.

Xoán tamén nos invita a que nos preguntemos: e quen son eu? Que levo no fondo de min mesma? Que luces e sombras andan canda min? Que misión desempeño dentro da comunidade da que formo parte? Que anuncio coa miña palabra, coa miña vida sobre todo? En que son algo profeta? Cal é a tarefa que me propoño levar a cabo neste ano que entra, estando ao lado deste Deus metido no mundo, que chamamos Xesús?

——————————————————-
 
Oración

Xesús,

tampouco eu non son merecente

nin de che desatar o amalló das túas sandalias,

pero aquí estou,

desexando acompañarte neste ano que entra.

No que poida, valla e saiba, conta comigo.

——————————————————-
 
Acción

Párate a pensar no que che gustaría facer neste ano que empeza, no que che gustaría colaborar, ou medrar, ou a quen che gustaría acompañar especialmente, ou que pobrezas che gustaría remediar. Poderás facelo só ou será ben que te unas a outras persoas para o que queres conseguir?

3 de xaneiro

1ª lectura: 1 Xn 2, 29—3, 6

Salmo: 97, 1. 3cd-4. 5-6

Evanxeo: Xn 1,  29-34

Ao outro día, Xoán Bautista viu a Xesús que viña cara a el e dixo:

–Velaí o Año de Deus, o que arrinca o pecado do mundo! Este é de quen eu dixen: “Despois de min vén un home máis importante ca min, pois existía primeiro ca min”. Eu non o coñecía, mais para iso vin eu bautizar con auga: para mostralo a Israel.

E Xoán seguiu testemuñando:

–Eu vin o Espírito baixar do ceo como unha pomba e pousar enriba del. Eu non o coñecía, pero o que me mandou bautizar con auga, díxome: “Cando vexas o Espírito baixar e pousar sobre un, ese é o que bautiza co Espírito Santo”. E eu vino e dou testemuño de que este é o Fillo de Deus.

——————————————————-

Meditación

Con estas palabras o evanxelista Xoán fálanos do impacto profundo que Xesús causou na xente que o coñeceu e tratou; vírono coma un home totalmente cheo do Espírito de Deus, con capacidade para introducirnos a fondo no mundo do Espírito, cun poder enorme para arrincar as raíces do mal asentadas no corazón da xente e da sociedade, e ao tempo cunha mansedume impresionante, ata o punto de que lle deron en chamar o “Año de Deus”.

Para coñecer a Xesús e a súa forza de renovación é necesario tratalo, intimar con el orar con el e co seu Espírito. E cando intimamos con el e palpamos o marabilloso que é, o normal será que, como a Xoán, nos saia da alma falar del, compartilo coma o gran regalo que Deus nos fixo na nosa existencia. Oxalá todo isto se cumpra en nós!

——————————————————-
 
Oración

Grazas a ti, Xoán Bautista,

por ter compartido connosco

as excelencias de Xesús.

Grazas a todos os homes e mulleres

a través das cales nos chegou o coñecemento de Xesús.

Que saibamos entrar no mundo marabilloso de Xesús,

e o saibamos compartir coa xente nova da nosa xeración.

——————————————————-
 
Acción

Polos días do Nadal sempre nos vemos algo máis coa familia, cos amigos. Nas conversas que se dan, non deixes de compartir nalgún momento a túa admiración por Xesús, e o ben que che fai crer nel e seguir a súa maneira de pensar e de actuar.

Accede á revista

Encrucilla 233

Xa es subscritor/a?