O Evanxeo de cada día con ollos de aldea
4 de xaneiro: Domingo 2 despois de Nadal
1ª lectura: Eclo 24, 1-4. 12-16
Sal 147, 12-13. 14-15. 19-20
2ª lectura: Ef 1, 3-6. 15-18.
Evanxeo: Xn 1, 1-18
No principio existía a Palabra, e a Palabra estaba onda Deus, e a Palabra era Deus. Ela estaba no principio onda Deus.
Todo foi feito por ela, e sen ela non se fixo nada do que foi feito.
Nela estaba a vida e a vida era a luz dos seres humanos: a luz aluma na tebra e a tebra non a deu apagado.
Houbo un home mandado por Deus 😮 seu nome era Xoán. Este veu de testemuña para dar testemuño da luz, para que todos cresen por el. Non era el a luz, senón que veu para dar testemuño da luz.
A Palabra era a verdadeira luz que aluma a todo ser humano que vén a este mundo. Ela estaba no mundo e o mundo foi feito por ela, pero o mundo non a recoñeceu. Veu á súa propiedade, e os seus non a acolleron,
Pero a cantos a recibiron –aos que cren no seu nome— deulles o poder de seren fillos de Deus. Estes non naceron do sangue, nin da vontade da carne, nin da vontade do ser humano, senón de Deus.
E a Palabra fíxose carne e plantou entre nós a súa tenda, e nós vimos a súa gloria, gloria coma de Unixénito que vén do Pai, cheo de graza e de verdade.
Xoán dá testemuño del, exclamando: “Este évos de quen eu dixen: “O que vén detrás miña, pasa diante miña, pois existía primeiro ca min.”
E da súa abundancia recibimos todos nós graza e máís graza. Pois a Lei deuse por medio de Moisés; a graza e a verdade realizáronse por Xesús Cristo. A Deus ninguén o viu; o Unixénito, que está no seo do Pai, foi quen nolo revelou.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Meditación
O evanxelista Xoán non conta nada sobre as orixes e nacemento de Xesús. Sen embargo, con este himno que abre o evanxeo responde ás mesmas preguntas e inquedanzas de fondo ás que tamén queren responder os evanxeos que contan o nacemento e infancia de Xesús (Mt e Lc): Quen é, quen foi Xesús? Que o iguala e que o distingue de cada un, cada unha de nós? Onde están as fontes do seu ser, da súa liberdade, da súa rebeldía, do seu servizo, da súa tenrura? Non é unha curiosidade inútil intentar responder a estas preguntas, porque, no fondo, o que pasou en Xesús dunha maneira plena, redonda, pasa tamén en cada un, cada unha, de nós, dunha maneira, iso si, parcial, incompleta. Pero o misterio de Deus presente en Xesús é o mesmo que nos envolve e dá identidade a todos, todas nós.
Podemos estar vivindo o Nadal superficialmente, sen decatarnos de que no Nadal debúxanse as marcas fundamentais de todos os homes e mulleres do mundo, polo tanto as nosas tamén. O himno antigo co que se abre o evanxeo de Xoán empeza dicindo como entende el a Deus: Deus é Palabra, é comunicación, é un ser aberto, que bota para fóra todo o ben e bondade, toda a vida que leva dentro. Deus é vida, Deus é luz, Deus é calor, para encher de vida, de luz, de calor este mundo, a todas as persoas que xeración tras xeración o imos habitando, esteamos na parte do mundo onde esteamos, sexamos da raza ou da relixión que sexamos. Todo o que somos, todo o que vemos e tocamos, todo o grande, todo o diminuto, todo o vivido, todo o soñado, todo sen excepción ten a súa fonte neste Deus que o enche todo de vida. Como non vivir no agradecemento! Como non vivir querendo imitar a Deus, sendo nós tamén xente de palabra, de apertura, de comunicación, de vida, de compartir, renunciando a acaparar e engordar a costa da penuria doutra xente; renunciando a sermos nós mesmos centros de nada e vivindo con paz e humildade a nosa existencia fraterna asentada neste Deus de vida!
Este Deus estivo sempre en relación co ser humano; estao tamén con todos e cada un, cada unha, de nós. Ofrécesenos. Hai quen o recibe, quen lle abre as portas, o corazón, a vida; hai quen non o recibe, quen lle pecha as portas. Por que esta diferenza? Entre quen nos situamos nós? Como se lle pechan as portas a Deus? Péchanselle as portas a Deus, se se lle pechan as portas ao amor, á solidariedade, á xente, ás persoas débiles, …As persoas que o reciben, que lle abren as portas da vida, que deixan que a súa forza de amor e de xustiza marque todos os seus movementos e accións, esas persoas así, simplemente, fanse fillos, fillas de Deus; un nacemento que, coma o de Xesús, tampouco se fai ao xeito humano, mediante a unión de sexos, senón ao xeito de Deus, pola forza do Espírito. Que bo sería que nas comunidades cristiás se nos impulsase para vivir a fondo esta aventura humana: chegar a ser no Espírito, no amor, no servizo, fillas e fillos de Deus!
E a Palabra de vida de Deus fíxose carne, ser humano, fíxose historia, limpamente, rotundamente, na persoa de Xesús de Nazaré: nel resplandeceu todo o que de Deus nos parece o mellorciño: a súa tenrura, a súa liberdade, a súa forza de protesta, a súa mansedume, a súa total humanidade, a súa alegría, a súa paz, a súa rebeldía, o seu perdón… Foi coma unha fervenza de graza, de verdade, de vigor, de alegría, de festa, de esperanza, de futuro, de abundancia da que nós podemos ir bebendo, manténdonos, sosténdonos. E Deus quérese facer carne, ser humano, historia, en cada un, en cada unha de nós, para que a súa vida trunfe nas nosas vidas, nas nosas relacións, nos nosos pobos e parroquias. Como conseguilo? Ollando para Xesús. Seguindo a Xesús. Vivindo as nosas vidas, os nosos traballos, as nosas tensións humanas, a nosa participación social, ao estilo de Xesús. Porque “a Deus ninguén o viu”, pero Xesús, “o Unixénito que está no seo do Pai”, que naceu e viviu entre nós, “foi quen nolo revelou”.
Cada celebración eucarística permítenos entrar en contacto co estilo de vida, coa morte de Xesús, coa súa resurrección. Permítenos compartir entre nós e con Xesús as maneiras cristiás de sentir e de vivir a Deus nas nosas vidas; permítenos caer na conta de que é o amor, o servizo á xente máis débil e marxinal, o que nos permite abrirlle as portas a Deus na nosa vida, e facernos así de verdade fillos, fillas del.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Preces
DA ABUNDANCIA DE XESÚS, IRMÁNS, IRMÁS, RECIBIMOS TODAS NÓS
- Que da túa misericordia, Xesús, recibamos misericordia, para recrearnos nela e doernos de verdade de quen padece miserias e aflicións. Oremos.
- Que dos teus coidados amantes e respectuosos, Xesús, recibamos abundancia de solicitude para irmos madurando como persoas, e para saber educar os nosos nenos/as e adolescentes con liberdade, respecto e rectitude. Oremos.
- Que da forza de ben que hai en ti, Xesús, recibamos abundancia de fortaleza, para darlle cara aos problemas familiares, económicos, sociais, de convivencia que a vida cada día nos presenta. Oremos.
- Que da total dispoñibilidade para o servizo que hai en ti, Xesús, recibamos abundancia de dispoñibilidade, para servir na familia, na comunidade cristiá, no pobo. Oremos.
- Que do amor e do respecto absoluto que hai en ti, Xesús, por todas as criaturas, recibamos abundancia de amor e de respecto, para saber valorar as persoas que non teñen os nosos costumes, as nosas ideas, a nosa moral. Oremos
Pregaria
Agora que empeza o ano, meu Deus,
que nos saibamos sempre acompañados por ti,
pola túa presenza, pola túa palabra,
pola túa forza de vida, pola túa luz.
Que nos descubramos a nós mesmos/as vivindo en ti
e a ti vivindo en nós,
felices de pertencerche a ti
e de terte a ti coma herdanza nosa.
Que a túa Palabra, a túa luz, ti mesmo
ilumines hora a hora os nosos pasos,
nestes tempos confusos, de crise,
que tanto nos poden levar á desesperación
e a pensar en como solucionar unicamente o noso.
Que a túa luz ilumine as nosas vidas,
para abrilas máis ca nunca
ao pensamento e á práctica comunitaria,
descubríndonos en ti irmáns, irmás,
membros dunha mesma familia humana,
tan ampla como amplo é o mundo enteiro.
Que día a día teñamos a audacia de realizar
iso que de verdade xa somos:
fillos, fillas túas,
nacidas polo Espírito a unha nova fraternidade.
Que nos namoremos cada día máis de Xesús de Nazaré
e das súas prácticas solidarias;
pois el veu plantar entre nós a súa tenda,
para acoller nela primeiramente a xente máis débil e marxinada.
Que nos saibamos abrir á abundancia do seu don,
da súa verdade,
para construírnos como homes e mulleres de ben,
para facer un pobo, un país, un mundo máis humano,
para así ir vendo e coñecendo ao Pai/Nai,
vivindo con Xesús a dita sinxela, cotiá,
de ser simplemente irmás, irmáns.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Acción
Tamén nós estamos chamados a ser testemuñas da graza e da verdade da Palabra. Nun mundo no que, por malicia, existen tantas mentiras interesadas (bulos lle din), no que a IA pode ser empregada tamén como forma de simulación e engano, é ben importante facer unha opción pola verdade, dicindo verdade coa palabra e coa vida, e estando alerta para detectar e rexeitar mentiras.
6 de xaneiro
1ª lectura: 1 Xn 3, 11-21
Salmo: 99, 2. 3. 4. 5
Evanxeo: Xn 1, 43-51
Ao outro día decidiu Xesús saír para a Galilea; atopou a Filipe e díxolle:
–Sígueme.
Filipe era de Betsaida, da vila de André e mais de Pedro. Atopou Filipe a Natanael e díxolle:
–Atopamos a aquel de quen escribiu Moisés na Lei e máis os Profetas: a Xesús, o fillo de Xosé, o de Nazaré.
Contestou Natanael:
–E de Nazaré pode saír algo bo?
Filipe díxolle:
–Ven e verás.
Viu Xesús a Natanael que viña cara a el e dixo de el:
–Aí tedes un verdadeiro israelita, en quen non hai dobrez.
Preguntoulle Natanael:
–E de que me coñeces?
Contestoulle Xesús:
–Antes de que Filipe chamase por ti, xa eu te vira, cando estabas debaixo da figueira.
Respondeulle Natanael:
–Rabbí, ti es o fillo de Deus, ti es o rei de Israel.
Díxolle entón Xesús:
–Porque che dixen que te vin debaixo da figueira xa cres? Pois cousas máis grandes has ver.
E concluíu:
–Con toda verdade volo aseguro: habedes ver o ceo aberto e os anxos de Deus subindo e baixando onda o Fillo do Home.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Meditación
Chama a atención neste relato de hoxe iso de “atopar”. Xesús atopa a Filipe, Filipe atopa a Natanael. Parecen casualidades da vida, pero convértense en encontros, en relacións que modifican as vidas das persoas, a de Filipe, a de Natanael. Así tamén nos pode pasar a nós na normalidade da vida, se andamos cos ollos abertos, co corazón esperto; vivimos encontros que se poden converter en aperturas de novos camiños. Coñecer, ser coñecido, estimar, ser estimado; parecen cousas moi simples, pero que importantes son. Queda tamén moi de manifesto o importante que é contar, compartir aquilo que vimos e experimentamos; cando o facemos, somos persoas que nos podemos iluminar, consolar, fortalecer, ilusionar na vida. Coñecer a Xesús, intimar con Xesús, falar de Xesús, contar a Xesús coa palabra e coa vida isto é algo ben importante para calquera persoa cristiá.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Oración
Sígueme,
sígueme, disme ti, Xesús.
E aínda me prometes:
do teu corazón tan pobriño
da túa casa tan sinxela,
da túa parroquia tan pequena
pode saír algo moi bo,
que te alentará a ti
e alentará tamén as persoas e cousas
coas que te movas na vida.
E eu calo ante ti, Xesús.
Aínda que me pesa a miña vida,
fíome de ti
e dispóñome a seguirte.
sabendo que ti sosterás o meu camiñar.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Acción
Fai por atopar o xeito de contarlle a alguén algo do que a ti che ten aportado iso de crer en Xesús, de seguir a Xesús na vida.
6 de xaneiro: Epifanía do Señor (Día de Reis)
1ª lectura: Is 60, 1-6
Sal 71, 1-2. 7-8. 10-11. 12-13
2ª lectura: Ef 3, 2-3a. 5-6.
Evanxeo: Mt 2, 1-12
Xesús naceu en Belén de Xudea, en tempos do rei Herodes. E nisto uns magos de Oriente chegaron a Xerusalén preguntando:
–“Onde está o Rei dos xudeus que acaba de nacer? Porque vimos saír a súa estrela alá no Oriente e vimos para lle render homenaxe.”
Oíndo isto, o rei Herodes alporizouse e con el toda Xerusalén. Convocou a todos os sacerdotes e letrados do pobo, para lles preguntar onde tiña que nacer o Mesías. Eles responderon:
–“En Belén de Xudea, que así o deixou escrito o profeta:
E ti, Belén, terra de Xudea, de ningún xeito es a máis pequena entre as vilas de Xudea, que de ti ha saír o guía que será o pastor do meu pobo Israel.´”
Entón Herodes, ás agachadas, chamou polos magos, para se informar ben de cando lles aparecera a estrela. Logo mandounos a Belén, dicíndolles:
–“Ide e informádevos ben do que hai dese neno; e unha vez que o atopedes, avisádeme, para ir eu tamén a lle render homenaxe.”
Eles, despois de oíren o rei, puxéronse en camiño. E, velaí, a estrela que viran saír no Oriente foinos guiando ata se deter enriba de onde estaba o neno. Grande alegría sentiron ao veren saír de novo a estrela.
E cando entraron na casa atoparon o neno con María, súa nai. Prostráronse e rendéronlle homenaxe; logo, abrindo os seus tesouros, ofrecéronlle como regalo ouro, incenso e mirra. Logo, avisados en soños de que non volvesen por onda Herodes, saíron para súa terra por outro camiño.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Meditación
Igual algúns lectores ou lectoras estarán dubidando: pero, será certa esta historia dos Magos, da estrela, de Herodes? Non soa un pouco a fantasía, a lenda, a conto piadoso? E igual haxa tamén alguén que se alporice vendo que outros/as dubidan, e pensará que, se non cremos que esta historia sexa certa, xa non cremos na Biblia, en Xesús, en nada. Calma, calma! Estamos lendo un pedaciño do relato da infancia do evanxelista Mateu. E xa dixemos outro día que os relatos da infancia de Lucas e Mateu máis ca relatos históricos, son coma unha proxección cara atrás, cara á infancia de Xesús, do que as primeiras comunidades cristiás crían acerca de Xesús, acerca dos conflitos que suscitaba o seu estilo de vida, e acerca das maneiras máis apropiadas de ser un bo seguidor, unha boa seguidora del. Isto é o importante destes relatos, isto é o que os evanxelistas nos quixeron transmitir, e isto, e non outra cousa, é o que se nos ofrece para crer e vivir.
O evanxelista Mateu nun relato precioso dramatiza, logo, a acollida ou o rexeite que as diferentes persoas lle podemos ofrecer a Xesús e ao que el nos propón. Cóntanos cousas do pasado, de máis ou menos lenda, pero para que no presente nós nos preguntemos sobre a acollida que lle estamos dando. Isto é o que nos debe preocupar ás persoas crentes, á comunidade cristiá da que participamos. Vexamos, logo, algo máis ao detalle que se nos ofrece para a nosa consideración.
Os Magos (que segundo o evanxeo non son reis, nin son tres), os Magos son xente amiga do saber, do coñecemento, da cultura da vida; neles o que máis chamaba a atención era o seu desexo por aprender a vivir a vida, a ser persoa, a situarse ben ante os acontecementos sociais, políticos que acontecían; por iso saen do seu país, bótanse aos camiños na procura de quen os poida orientar, axudar na súa busca, van a Xerusalén, preguntan, infórmanse, e, cando reciben información, deseguida se poñen en camiño para achegarse á verdade das cousas, para abrirlle o corazón, para adorar esa verdade, para obsequiala co mellor que eles levaban consigo, a súa condición de buscadores. O resultado é un grande gozo, unha grande alegría, e a satisfacción de poder volver para a súa terra, para a súa vida, enriquecidos polo coñecemento de Xesús, fortalecidos polo recordo da súa presenza salvadora. Parece un conto, pero canta sabedoría encerra esta historia! E a canto nos provoca: somos nós así, xente con desexo de coñecemento, de acertar na vida; xente amiga de xuntarnos, de preguntarnos, de aprender, de compartir sabedoría, experiencias, camiños? Non deberían ser as nosas comunidades cristiás lugares especialmente ricos neste tipo de cousas? Estao sendo a nosa comunidade? Por que si? Por que non?
Herodes, en cambio, representa o imperio romano, o poder, o poder en calquera das súas formas, o poder político, económico, o poder social, cultural,… O poder sempre estivo en conflito con Xesús; non cadraban, porque Xesús entendía a vida coma exercicio do servizo, non como exercicio do poder, que case sempre acaba en corrupción, en abuso. O poder que non se preocupa da información, ao revés, preocúpase de ocultala, de apagala, de matala. O poder, onte coma hoxe, tapa a boca de quen se revela contra as súas inxustizas, contra os seus abusos. Non é algo así, por exemplo, a nova lei de orde público que sacaron os nosos políticos?
O poder ten recursos para ter información, e infórmase preguntando ao poder relixioso (os sacerdotes e entendidos), pero nin a uns nin a outros lles interesa nada a verdade. Uns (sacerdotes e entendidos) teñen información, pero non se moven, quédanse no seo da manta, como tantas veces fan, facemos, aínda hoxe os que falamos e falamos manifestando saber o demo de cousas sobre todo. Outros, Herodes, teñen información, móvense, pero fano con malicia, non para aprender a verdade para a vida, senón para matar a verdade para a vida. O poder teme, engana, minte, simula, pero no fondo o que quere é acabar de todas as maneiras con quen se revolva contra os seus abusos. O seu final é a rabia, o odio, a destrución das súas propias persoas e a destrución da xente que ten a desgraza de caer nas súas mans.
O evanxeo de Mateu lánzanos unha mensaxe positiva: o poder acaba derrotado. Cústanos crer nesa mensaxe, cando vemos como o poder, onte coma hoxe, parece que o goberna todo, que o controla toda, que xoga coas persoas, cos nosos postos de traballo, cos nosos soldos, coa nosa saúde, coas nosas pensións, co noso presente, co noso futuro. Aquí está a aposta cristiá: naquel neno pequeno, rodeado da súa nai, do seu pai, está o contrapoder, está a alternativa, está o futuro. Nel, e no seu estilo de vida. Cremos isto? Apegámonos a isto? Empeñámonos nisto?
Cada Eucaristía é coma o momento de adoración dos Magos: lembramos o nacemento, a vida, a morte, a resurrección de Xesús, facémolo con grande agradecemento, e motivámonos para vincular as nosas vidas polos camiños do servizo, arredándonos do poder.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Preces
COS MAGOS PROSTRÉMONOS DIANTE DO NOSO SEÑOR
- Para lle ofrecer o noso agradecemento por ter nacido entre nós e por acompañarnos na vida. Oremos.
- Para lle ofrecer a nosa disposición a atender a xente débil, empezando polos nenos e nenas ignoradas ou que sofren abuso entre nós e no mundo enteiro. Oremos.
- Para lle confiar a nosa desconfianza ante a xente de poder e de cartos, á hora de traballar por unha Galicia, por un mundo mellor. Oremos.
- Para lle entregar a nosa humilde vontade de colaborar para facer da nosa parroquia unha comunidade cristiá viva e ben animada polo Espírito do Neno de Belén. Oremos.
- Para obsequialo coa nosa alegría, para lle confiar as nosas penas, para nos deixar coller pola súa humildade e pola súa fortaleza. Oremos.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Plegaria
Todo é cuestión, Señor, dunha estrela
que unha mañá calquera alumea o noso corazón,
espertando dúbidas e preguntas,
botándonos a andar polos camiños da vida
para buscar a sabedoría simple
que nos leve a saber vivir con alegría.
Todo é cuestión de ser fiel a esa estrela,
de seguir a súa luz débil ou potente,
arriscándonos, sen medo, confiados,
sabéndonos impulsadas por unha forza maior
que nos chama á verdade, á paz, á vida.
Todo é cuestión, Señor, dunha estrela
que nos ensine a esquivar as trampas e tentacións do poder,
a descubrir a inmensa alegría da fraternidade,
ata prostrarnos ante un neno nacido de pouco,
bicando e adorando a Deus en toda debilidade.
Todo é cuestión de deixarnos levar pola estrela,
para comprender a verdade da vida,
o misterio sinxelo e fondo das cousas miúdas que a compoñen,
e saír fortalecidos/as para un maior servizo
coa forte calor da debilidade enchéndonos o corpo.
Todo é cuestión, Señor, dunha estrela,
do teu querer de acendela
da grande alegría que hai nela,
e de deixarnos guiar nós por ela.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Acción
Día de Reis. Día de dar e recibir regalos. Día de compartir. Día de dar un paso máis no moito que neste campo podemos facer. Procurando tamén saber dar a quen sabemos que non nos poden contestar obsequiándonos, pola escaseza da súas posibilidades.
7 de xaneiro
1ª lectura: 1 Xn 3, 22—4,6
Salmo: 2, 7-8. 10-11
Evanxeo: Mt 4, 12-17. 23-25
Cando soubo Xesús que encadearan a Xoán, retirouse a Galilea. Deixando Nazaré, foise establecer en Cafarnaúm, na beira do lago, en terras de Zebulón e Naftalí, para que se cumprise o dito polo profeta Isaías:
“Terra de Zebulón, terra de Naftalí, camiño do mar na outra ribeira do Xordán. Galilea dos pagáns. O pobo que xacía na escuridade viu unha gran luz. Para a xente que habitaba no escuro país da morte brillou unha alborada.”
Xesús percorría a Galilea enteira ensinando nas sinagogas e anunciando a Boa Nova do Reino, curando canta doenza padecía o pobo. Falábase del en toda Siria e traíanlle persoas enfermas con toda clase de doenzas e padecementos, xente endemoñada, epiléptica, tolleita, e a toda ese xente curaba. Eran moias as persoas que o seguían, un mundo de xente chegada de Galilea, Decápolis, Xurusalén, Xudea e da outra banda do Xordán.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Meditación
Durante esta semana que segue á festa de Reis ou Epifanía, os catro evanxelistas irannos presentando os primeiros movementos de Xesús, cando decide darlle un aire novo á súa vida, desvinculándose do grupo de Xoán Bautista, a quen Herodes encadeara, e iniciando unha aventura evanxelizadora polos pobos de Galilea, a súa terra. É un Xesús en saída, itinerante. Leva no corazón moi fresco o soño de Deus: o benestar a fondo da xente, no corpo e no espírito; e a anunciar, promover e realizar ese soño se empeza a dedicar; faino coa palabra e cos feitos. Nós somos receptores dese soño de Xesús: tamén para nós hai por parte de Deus un desexo manifesto de que esteamos ben no corpo e no espírito. Nós somos tamén desa xente arrastrada por Xesús, que con el quere compartir esa marabillosa aventura. Xesús sinálanos o camiño, as formas, os contidos dese traballo. Felices nós invitadas por el a realizalo con el nos nosos tempos, na nosa Terra.
Conta comigo, Xesús.
No que saiba, valla e poida, conta comigo.
Conta comigo na rengue da xente que precisa de ti,
para ser curada e alentada.
Conta comigo na rengue de xente que ti precisas,
para que o teu soño se alongue no tempo e no espazo,
e todo o mundo poida coñecerte
e, se así o quere, abrirse á túa proposta.
Conta comigo, Xesús.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Estamos empezando o ano. Igual podiamos renovar, reforzar ou limpar a nosa maneira de seguir a Xesús, de acompañalo na súa tarefa de servizo á xente. ¿En que poderiamos mellorar o noso acompañamento de Xesús?
8 de xaneiro
1ª lectura: 1 Xn 4, 7-10
Salmo: 71, 2. 3-4ab. 7-8
Evanxeo: Mc 6, 34-44
Unha vez atopouse Xesús cunha grande multitude e conmoveuse, porque eran como ovellas en pastor, e púxose a ensinarlles moitas cousas. Cando se fixo tarde, achegáronselle as persoas que o acompañaban de cerca e dixéronlle:
–Isto está despoboado e xa é ben tarde; vai ser mellor que despidas esta xente, para que vaian aos lugares e aldeas veciñas, para que merquen algo de comer. Pero el respondeulles:
–Dádelles vós de comer.
Contestaron:
–¿Imos, logo, mercar douscentos denarios de pan para lles darmos de comer?
El preguntoulles:
–¿E logo, canto pan tedes?
Fixeron o reconto e dixeron:
–En total temos cinco bolos e máis dous peixes.
El mandounos sentar en grupos na herba. E foron sentando en grupos de cen ou cincuenta. E colleu os cinco bolos e máis os dous peixes, ergueu a vista ao ceo, bendiciunos, partiu os pans e déullelos ás persoas que o acompañaban de cerca, para que os servisen; e repartiu tamén os dous peixes entre toda a xente. Comeu todo o mundo ata se fartaren, e recolleron doce cestos de sobras de pan e dos peixes. Entre os que comeran os pans había cinco mil homes.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Meditación
Este é o Xesús que se nos ofrece. O que anda entre a xente. O que se conmove cando ve as dificultades de todo tipo nas que a xente pode estar envolta. Entre esa xente estou eu, estamos nós. O que conversa de corazón a corazón, de vida a vida, compartindo as cousas fondas que el leva no corazón como sostén da súa existencia. Así é tamén para nós. O que se embarca e nos embarca na busca de solucións para as necesidades vitais que poidamos ter. O que invita á xenerosidade, á participación, a poñer enriba da mesa común aquilo que a cada quen lle foi dado ou cada quen foi acadando co seu esforzo. O que nos incita a pensar en común, a solucionar en común, a compracernos en común, a festexar en común. O que nos asegura que é así como o pouco se fai moito e aínda sobra, porque hai multiplicacións profundas que van moito máis aló do cálculo matemático. Así é Xesús e así é o seu Deus. Así se nos ofrece. E así, con detalle, o poderemos ir descubrindo no recorrido deste ano que empeza.
Que nos aproveite o teu pan, Xesús.
Que nos aproveite a túa palabra.
Que nos aproveite a túa compaña.
Que nos aproveite a túa conmoción.
Que nos aproveite a xenerosidade feita vida.
Que nos aproveite a mesa común.
Que nos aproveite a vida toda en común.
Que nos aproveite a graza particular de cada persoa.
Que nos aproveite a túa proposta.
Que nos aproveite o teu espírito.
Que nos aproveites ti, Xesús!
No mundo hai moitas necesidades, moitas fames. ¿Qué estamos facendo ante iso? ¿Qué poderiamos facer como aprendices do de Xesús? Seguro que podemos dar un paso máis seguindo o seu espírito.
9 de xaneiro
1ª lectura: 1 Xn 4, 11-18
Salmo: 71, 2. 10-11. 12-13
Evanxeo: Mc 6, 45-52
Despois de calmar a fame de moitísima xente coa multiplicacións dos pans, mandoulles ás persoas que andaban canda el que embarcasen e fosen indo diante para Betsaida, mentres el despedía a xente. E, cando rematou de se despedir, foi orar ao monte.
Fíxose noite e a barca estaba no medio do mar, mentres el quedaba só en terra. Vendo o fatigados que estaban de tanto vogar co vento en contra, ao raiar o día foi cara a eles, andando polo mar e fixo como que pasaba de largo. Eles, ao velo andar polo mar, coidaron que era unha pantasma e empezaron a berrar. Mais el de contado faloulles:
–Tranquilos, que son eu, non teñades medo!
E subiu ao bote onda eles. Amainou o vento e todos quedaron completamente abraiados, porque non comprenderan o milagre do pan, polo cerrados que eran para entender.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Meditación
Este segue sendo o Xesús que se nos manifesta, o que andará canda nós os camiños da vida, como fillo de Deus que é, como grande e humildísimo servidor que é. Ten forza porque saca forzas dunha pregaria intensa, dun intenso achegarse ao corazón de Deus. A oración empuxábao á acción solidaria, e a acción solidaria remataba sempre en oración. Este é Xesús, o que se para coa xente. Que precioso sería ver aquel despedirse de Xesús coa xente! Imaxinámolo preguntándolles o nome, de onde eran, como era a súa familia, cales eran as súas penalidades, ofrecéndose, ofrecéndolles o agarimo de Deus, suscitando esperanzas. A aquela xente, a nós tamén. Así é Xesús. Enrédase coa xente, pero non esquece os que reman na barca con medo e angustia. Alí está de novo. Tranquilos, tranquilas, que son eu. Non quita os problemas, pero fortalece para afrontalos. Así con aquela xente. Así con todos nós, homes e mulleres de hoxe, coas nosas particulares angustias e desesperanzas, cos nosos particulares medos.
Aí estás ti, Xesús.
Sempre.
Sempre.
No momento oportuno,
cando fan falla palabras de amigo,
cando necesitamos alentos e apertas.
Sempre.
Cando os medos nos envolven,
e pasamos por circunstancias dolorosas,
nas que a barca da vida se nos funde.
Aí estas ti, Xesús.
Non é un fantasma.
Sabereite descubrir?
Saberei axudar a que outra xente te descubra?
Seguro que poderemos buscar maneiras de intimar algo máis con Xesús, para sentilo cerca de nós nos momentos duros da vida. Lendo os evanxeos, oíndo falar del, contactando con persoas que o sigan de corazón, orando… Seguro tamén que poderemos buscar maneiras de estar algo máis preto da xente que estea pasando por horas escuras na vida. Igual é aí onde mellor podemos bater con Xesús, intimar con el.
10 de xaneiro
1ª lectura: 1Xn 4, 19—5,4
Salmo: 71, 2. 14 e 15bc. 17
Evanxeo: Lc 4, 14-22a
Pasou que Xesús volveu a Galilea coa forza do Espírito e a súa sona estendeuse por toda a redonda. Ensinaba nas sinagogas e todo o mundo o chufaba moito. Chegou a Nazaré, onde se criara e o sábado entrou na sinagoga conforme tiña por costume. Ergueuse para facer a lectura e déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía:
“O Espírito do Señor está sobre min, porque El foi quen me unxiu, para proclamarlle a boa nova á xente empobrecida, para lle anunciar a liberación á xente encarcerada, para lles dar a vista ás persoas cegas e liberdade ás asoballadas e proclamar o ano de graza do Señor.”
Pechou o libro, devolveullo ao encargado e sentou. Toda a xente da sinagoga quedou mirando fixamente para el. E empezou a lles dicir:
–Hoxe cúmprese diante de vós a Escritura que acabades de escoitar.
E toda a xente asentiu, admirada polas palabras de graza que saían da súa boca.
——————————————————-
Meditación
Hoxe é o evanxelista Lucas o que nos presente o seu Xesús co proxecto que ten para os homes e mulleres do seu tempo, para os homes e mulleres de hoxe, para nós. Este é o Xesús de quen hai poucos días celebramos con gozo o nacemento. E non era para menos. Anuncia un ano de graza de parte de Deus, e el mesmo está comprometido con ese ano de graza. Demostrarao realizando na súa vida o programa que o Espírito lle suxire: levar cambio e esperanza á xente empobrecida das mil maneiras das que unha persoa pode ser pobre. E aí estamos nós tamén. Estamos como persoas empobrecidas, por moi satisfeitas que andemos pola vida. Estamos como persoas invitadas por Xesús a sumarnos a ese seu proxecto de vida, de superación, de liberdade, de festa en Deus. ¿Quedamos tamén coa ollada, co corazón fixo en Xesús? ¿Agradecemos con admiración que as cousas sexan así, que o noso Deus sexa así connosco?
Grazas, Xesús
pola fonte de vida e de liberdade que hai en ti,
e que deita abundante para todas nós.
Grazas, Xesús,
por achegarte hoxe a min,
á miña comunidade, a todo o pobo
para ofrecernos o que es e o que tes.
Grazas pola ollada de xustiza liberadora
coa que es capaz de ollarnos.
Grazas porque todo isto, tan marabilloso,
tamén se cumpre en nós hoxe.
Grazas.
Podiamos ver en que cousas nos sentimos persoas pobres, encadeadas, cegas, asoballadas, e tratar con Xesús de cómo superar iso. Podiamos pensar en como nos podemos implicar con Xesús en procesos de mellora para persoas, grupos sociais e pobos que están empobrecidos. Para que así se cumpra en nós a Escritura de Xesús.