O Evanxeo de cada día con ollos de aldea

Xa o 24 de decembro empeza o tempo do Nadal, que durará ata o domingo do Bautismo do Señor.

 O Nadal é un tempo frío e chuvioso normalmente nas nosas latitudes, pero ao mesmo tempo cálido, que envolvemos en sinais de tenrura, de ledicia e de festa: luces, ceas e xantares, compras, regalos, relacións coa familia e con xente amiga. Un tempo no que, no medio de todo isto, hai bastante superficialidade, bastante insatisfacción, bastante baleiro, porque frecuentemente nos quedamos a medio camiño, non imos ao fondo das cousas, das vidas.

O cristianismo achegouse á festa pagá do Sol –que está na base da nosa festa do Nadal– ofrecendo unha fe, un convencemento fondo: os homes e mulleres que imos poboando o mundo non estamos sos, non estamos tampouco ao libre dispor dunhas forzas escuras, nin dun fatídico destino. Todos, todas nós somos persoas acompañadas. Somos persoas habitadas por un misterio de luz e de amor, que nos dá orixe e que camiña ao noso lado, dentro de cada un, de cada unha de nós, invitándonos a entrar nunha dinámica de unidade solidaria, onde todos, todas, atoparemos a nosa máis limpa identidade, a nosa paz. Un misterio de luz e de amor que podemos percibir, nomear coa palabra que máis nos praza, e que sempre se nos ofrece para unha relación misteriosa e fecunda. Todo isto, iso si, vivido nas ás da inseguridade, da fe, desde o respecto máis profundo polo que somos os seres humanos, sen xogar para nada coas nosas nudeces, cos nosos medos, coas nosas aspiracións.

Deus é amor. Deus é presenza. Deus éncheo todo. Deus é carne, é materia, é historia.  Deus é ser humano e natureza. Deus ofrécesenos en todo. Deus é amigo. Deus anuncia solidariedades fondas. En Deus vivimos e existimos.

O Nadal vainos permitir entrar neste mundo. Faino con relatos, con escenas moi sinxelas, moi familiares, recubertas, se cadra, por unha nube de fantasía que non intenta sobar o misterio, senón poñernos humildemente ás súas portas, para que o percibamos con inocencia. Algo delicado, que podemos estragar co noso afán de querer razoar e dominar todos os bordes dese misterio de Deus, que, ao tempo, é o misterio dos seres humanos.

25  de decembro: O Nadal, o nacemento do Señor, ciclo A.

Misa da noite:  

1ª lectura: Is 9,1-6

Sal 95, 1-2a. 2b-3. 11-12. 13

2ª lectura: Tit 2, 11-14

Evanxeo: Lc 2, 1-14

Misa do amencer:

1ª lectura: 62, 11-12

Sal 96, 1 e 6. 11-12

2ª lectura: Tit 3, 4-7

Evanxeo: Lc 2, 15-20

Misa do día:

1ª lectura: Is 52, 7-10

Sal 97, 1. 2-3ab. 3cd-4. 5-6.

2ª lectura Heb 1, 1-6

Evanxeo: Xn 1, 1-18.

Evanxeo: Lc  2, 1 -14

Naqueles días saíu un decreto do emperador Augusto, ordenando facer un censo do mundo enteiro. Este primeiro censo físoxe no tempo en que Quirino era gobernador de Siria. E todos íanse empadroar, cadaquén á súa cidade. Tamén subiu Xosé desde Galilea da cidade de Nazaret ata Xudea, á cidade de David chamada Belén, por ser el da casa e da familia de David, para se empadroar con María, a súa prometida, que estaba embarazada.

Estando alí, chegoulle a María o tempo do parto, e deu a luz o seu fillo primoxénito, envolveuno nuns capizos e deitouno nunha manxadoira, porque dentro da pousada non había lugar para eles.

Había naquela comarca uns pastores que pasaban a noite ao descuberto vixiando o seu rabaño. Presentóuselles un anxo do Señor, e a gloria do Señor rodeounos co seu resplandor, e colleunos un gran temor. Pero o anxo díxolles:

–“Non teñades medo, que vos veño traer a boa nova dunha grande alegría para todo o pobo: hoxe, na cidade de David, naceuvos un Salvador, o Mesías, o Señor. E este será o sinal para vós: Atoparedes un nenos envolto en capizos e deitado nunha manxadoira.”

E, se súpeto, arredor do anxo apareceu unha multitude do exército celestial, que loaba a Deus dicindo:

–“Gloria a Deus no ceo, e na terra paz aos homes e mulleres que gozan do seu amor.”

———————————————————

Meditación

Celebramos o día do Nadal con tres celebracións específicas: unha á media noite, o que se chama vulgarmente “Misa do galo”; outra ao amencer e outra xa polo día, a unha hora máis ou menos avanzada. Este feito estanos indicando a grandeza do acontecemento que celebramos (Deus metido, revolto, introducido dentro do ser humano, do mundo, do cosmos, en Xesús de Nazaré, e en todos e todas nós, facendo unha unidade total, que nos recrea), e, en consecuencia, estanos indicando tamén como debemos darnos tempo para acoller, sopesar, valorar, agradecer, compartir, celebrar ese acontecemento. Comentamos os dous textos do evanxeo de Lucas, e deixamos o comentario ao evanxeo de Xoán para o domingo 2º despois de Nadal, día no que tamén se le ese evanxeo.

Á hora de construír os seus relatos sobre a infancia de Xesús, o evanxelista Lucas traslada á nenez de Xesús características que as primeiras comunidades cristiás descubriran como fundamentais no que fora a experiencia espiritual e no estilo de vida de Xesús. Faranos ben que nos acheguemos a este relato cunha actitude de aprendiz, con disposición cara ao asombro, con espírito de agradecemento e con ánimo de seguimento. Houbo moitas persoas crentes que así o fixeron, e a meditación e vivencia deste relato conmocionoulles a vida toda, para ben. Unha desas persoas foi San Francisco, que, casualmente, a través da figura e do traballo pastoral do Papa Francisco, se está facendo de novo presente entre nós, coa frescura, a inocencia e o vigor do seu seguimento de Xesús.

Xesús naceu “coma un de tantos” e tantas, segundo di San Paulo. Naceu como nacía calquera neno pobre daqueles tempos, normalmente en medio de pobreza. E non porque o escollese así, senón porque así era a realidade da súa vida. Naceu en pobreza, criouse en pobreza, fíxose persoa adulto sendo un máis no medio dun pobo rural pobre, participou de todos os traballos, soños, expectativas da xente pobre, e descubriu na mesma pobreza un espazo privilexiado para atoparse con Deus e para falar de Deus, para narrar vitalmente a Deus. Con todas as persoas pobres coas que convivía, xente normalmente tida en menos por quen gobernaba e rexía, aspirou a unha vida digna, valorada, integrada socialmente, integrada na súa fe; traballou por iso con todas as forzas, con convencemento propio, no nome de Deus. Nese amor solidario a fondo, foise sentindo fillo de Deus en todo, e como tal o viron as persoas que tiveron a sorte de velo, seguilo, acompañalo.

Xesús nace en pobreza, visítano uns pastores, xente que, ademais de pobres, tiñan un oficio daquela nada recomendable e tido moito en menos; eran xente da que cumpría desconfiar. Xente das marxes da sociedade, xente da periferia, como nos di o Papa Francisco. Entre esa xente empeza a moverse Xesús. Sabemos que despois, ao longo da súa vida toda, estivo con frecuencia rodeado desa xente da periferia, xente marxinal. Se o Papa Francisco nos insiste en que nos poñamos en contacto con esa xente, que nos metamos no seu mundo coma amigos/as, coma irmás/irmáns, é porque Xesús mesmo foi o primeiro que fixo iso. Son as nosas comunidades cristiás lugares de aprendizaxe para introducirnos cordialmente, como amigas e irmás, entre a xente máis pequena, pecadora, diminuída e marxinal?

Os pastores son as persoas ás que se lles abren os ollos para que descubran a presenza do Deus vivo no medio de tanta normalidade e pobreza. Os sinais de Deus son ben simples: un pai, unha nai, un neno, un presebe no que está deitado. É un cadro simple, de pobreza, como o que moitas veces podemos contemplar nas nosas vidas. E alí ven a Deus! E alí está Deus, ofrecendo e reclamando amor, tenrura, apaixonamento! E alí descobren a luz, a paz, a alegría de Deus para a xente toda, para o mundo todo. Algo desconcertante para quen esperaba que Deus se había facer ver a través de manifestacións cheas de riqueza e moito aparato.

A escena de Belén invítanos a todos e todas nós a ir a Belén, a viaxar cara aos Belén vivos; non eses que se fan con monecos, nin sequera esoutros que se fan con persoas humanas, pero artificialmente; senón os Beléns reais, eses que están formados por familias pobres, con recursos escasos, con débedas, desafiuzadas quizabes; ou os Beléns formados por familias normais, sinxelas, nas que hai traballo, boa convivencia, solidariedade, acollida; ou os Beléns formados por familias desgarradas, ou por xente sen familia, ou por emigrantes desasistidos de todo, que andan fuxindo da Policía para non seren repatriados/as. Realidades da periferia, que seguen sendo os lugares onde Deus, misteriosamente, segue nacendo dun xeito especial e onde se nos ofrece a posibilidade, como lles pasou aos pastores, de velo con alegría, de contemplalo asombrados, de compartilo con outras persoas, de conservalo no corazón coma María, e de loar a Deus por todo iso. Así nace Deus no mundo, así nace Deus en cada un, en cada unha de nós.

A Misa deste día pode ser un momento ben apropiado para agradecer que, por iniciativa e bondade de Deus, todos, todas esteamos enredadas nestas cousas de Deus tan simples e tan fondas.

———————————————————

Preces

GLORIA A DEUS NO CEO

E NA TERRA PAZ Á XENTE QUE GOZA CO SEU AMOR!

  • Bendicímoste, Deus noso, con María e con Xosé, pais de Xesús, que puxeron o corazón e a vida toda ao servizo dos teus proxectos. Oremos.
  • Glorificámoste con pastores, e con todos os homes e mulleres pobres, humildes, que te saben acoller con alegría e dispoñibilidade. Oremos.
  • Loámoste con todas as persoas que te buscan e encontran entre as periferias da nosa sociedade, entre a xente máis débil e marxinal. Oremos.
  • Cantámosche, Deus noso, con Xesús no presebe, con todos os nenos e nenas, con toda a xente inocente que vive e se relaciona sen malicia, sen trampas, sen corrupcións. Oremos.
  • Proclamamos a túa gloria coas persoas que traballan pola paz e pola xustiza, coas persoas que buscan cambiar este mundo para facelo máis favorable a quen peor o está pasando. Oremos.

 

Pregaria

Eu non sei que lle hei levar

a quen naceu en Belén,

a Xesús, fillo de Deus,

de María e de Xosé.

 

Nin riquezas, nin poderes,

nin as pompas van con el:

que agasallo lle hei levar

a quen naceu en Belén?

 

Un corazón solidario

se cadra lle pega ben,

pois por solidariedade

un coma nós quixo ser.

 

Bicos das nenas forzadas

a sexo cos grandes ter;

e deses nenos da guerra,

que disparan e non len.

 

Unhas pinguiñas de sangue

da xente negra do alén,

ferida nas concertinas,

bebendo do noso fel.

 

Os aloumiños máis limpos

de tanta xente de ben

que soña co pan, coa paz

co traballo, co querer.

 

Un ramalliño de acivro

ou de toxo lle hei traer,

chorimas de graza e festa,

espiñas de amor ben fiel.

 

Os suspiros dun velliño

sen familia, que non ten

netas nin netos no colo

con bicos que lle ofrecer.

 

Risas de nenas e nenos,

xoguetes de leite e mel,

cos que el poida estar ben ledo,

gozar moito por nacer.

 

O meu corazón ferido,

as miñas mans, os meus pés,

a miña entrega ardorosa:

meu Xesús, aquí me tés!

———————————————————

Acción

Visitar algún “Belén” pode ser algo bonito neste día. Pero tamén o é achegarse como mellor un poida e saiba ao mundo da infancias empobrecida, abandonada, maltratada, orfa… E adorar e servir nesa infancia ao neno Xesús.

26 de decembro: festa de santo Estevo o primeiro mártir

1ª lectura: Heb 6, 8-10
Salmo: 30, 3cd-4. 6 e 8ab. 16bc-17

Evanxeo: Mt  10, 17-22

Naquela hora díxolles Xesús aos seus discípulos:

–Tende coidado coa xente, porque vos han entregar aos tribunais e golpearanvos nas sinagogas, e pola miña causa hanvos levar ante gobernadores e reis; así daredes testemuño de min diante deles e dos pagás.

E cando vos entreguen, non andedes angustiados polo que ides dicir e por como dicilo, porque naquela hora Deus vos suxerirá o que tedes que dicir. Non sodes vós os que falaredes, senón que será o Espírito de meu Pai quen falará por vós. Haberá irmáns que entreguen a seus irmáns á morte, pais a fillos, fillos que denuncien a seus pais ata facelos matar. Pola miña causa hanvos odiar, pero o que persevere ata o final, ese salvarase.

——————————————————-

Meditación

Chama ben a atención que, despois da paz, do gozo, da tenrura do Nadal, deseguida nos poñamos a celebrar a memoria de santo Estevo, considerado o primeiro mártir, a primeira persoa que foi matada por manterse fiel ao seu seguimento de Xesús, o neno aquel que nacera en Belén. A paz que se anunciara no seu nacemento non quita do medio as dificultades da vida, que nalgúns casos chegan á mesma morte. Non as quita do medio, pero a paz do Nadal dános sentido e forza para afrontalas dun xeito positivo, con serenidade. Sabernos en Deus e a Deus en nós –iso celebramos no Nadal– permítenos encaralo todo desde a humilde valentía que o mesmo Xesús tantas veces amosou.

——————————————————-

Oración

Nas horas de dor,

a túa paz, Señor.

Nas horas de conflito,

saberte ben ao meu ladiño.

Nas horas dos desprezos,

o teu maternal aprecio.

Nas horas de abatemento,

o gozo do teu seguimento.

——————————————————-

Acción

Evitas en ocasións dicirte persoa cristiá por medo a desprezos ou ridiculizacións? Fagamos a proposta de non calar os nosos convencementos cristiáns, con humildade, sen chulerías, cando sexa do caso.

27 de decembro: festa de san Xoán Apóstolo e Evanxelista

1ª lectura: 1 Xn 1, 1-4

Salmo: 96, 1-2. 5-6. 11-12

Evanxeo: Xn 20, 2-8

O primeiro día da semana María Magdalena botou a correr ata onde estaban Simón Pedro e o outro discípulo a quen Xesús amaba e díxolles:

–Colleron do sepulcro o Señor e non sabemos onde o puxeron.

Pedro e máis o outro discípulo saíron correndo cara ao sepulcro. Corrían os dous á par, pero o outro discípulo correu máis lixeiro ca Pedro e chegou primeiro ao sepulcro. Abaixándose, viu que estaban os lenzos, pero non entrou. Entón chegou tamén Simón Pedro, que o seguía, entrou no sepulcro e viu os lenzos pousados alí, pero o sudario que envolvera a súa cabeza non estaba cos panos, senón á parte, enrolado noutro lugar. Entón entrou tamén ao sepulcro o outro discípulo que chegara primeiro; viu e creu.

——————————————————-

Meditación

Co Nadal, que estamos celebrando estes días, abriuse a vida de Xesús, unha vida de busca, de apego fondo a Deus e ao pobo nun mesmo e firme amor solidario. Unha vida que, a forza de fidelidades, acabaría en cruz, en morte violenta por plantarlle cara, no nome de Deus, a tanta hipocrisía social e relixiosa. Pero a vida de Xesús cativou a moita xente no pasado e no presente. Entre eles Pedro e Xoán, o discípulo amado polo Señor, a quen hoxe recordamos.

Nós tamén nos sentimos atríd@s por esta corrente de vida e de ilusión que brotou do nacemento, da vida e da morte de Xesús, da súa paixón amante por nós, pola xente máis diminuída, por todo o mundo. E corremos coa Magdalena, Pedro e Xoán cara ao sepulcro, á espera de poder ver e percibir, á nosa maneira, os sinais desa presenza viva de Deus nas nosas vidas. Todo é cuestión de amores. E parece que o apóstolo Xoán era experto nisto. Disto viviu e disto falou no Evanxeo e cartas que levan o seu nome.

——————————————————-

Oración

Paixón para moverme, Xesús,

pernas para correr,

ollos para verte,

fe para crer,

corazón para amarte,

decisión para seguirte,

verbas para contarte,

comunidade para celebrarte,

gozo para acompañarte

e pobres cos que avalar tantos soños,

para que a miña vida non se perda en fantasías.

Que así sexa, Xesús.

——————————————————-

Acción

Fai hoxe unha ruta andando, e mesmo correndo, ata o lugar onde podas verte con algunha persoa empobrecida. Míraa, comparte con ela, agasállaa como queiras, e fai dese encontro o encontro con Cristo resucitado.

Accede á revista

Encrucilla 233

Xa es subscritor/a?