O Evanxeo de cada día con ollos de aldea

Manuel Regal Ledo

 

Domingo 29 de decembro:  Festa da Sagrada Familia

1ª lectura:Eclo 3, 2-6. 12-14.

Salmo: 127, 1-2. 3. 4-5

2ª lectura: Col 3, 12-21.

Evanxeo:  Lc 2, 41-52

Polas festas da Pascua os pais de Xesús ían todos os anos a Xerusalén. E así, cando el tivo doce anos, subiron á festa conforme a tradición. Pasados aqueles días, cando eles volvían, o neno Xesús quedou en Xerusalén, sen que os seus pais se decatasen.

Coidando que iría na comitiva, fixeron unha xornada de camiño; entón buscárono entre os parentes e coñecidos; pero como non deron con el, volveron buscándoo a Xerusalén.

Ao cabo de tres días atopárono no templo, sentado no medio dos doutores, escoitándoos e facéndolles preguntas. A súa intelixencia e as súas contestacións deixaban asombrados a cantos o escoitaban. Cando o viron seus pais, ficaron moi impresionados, e a súa nai díxolle:

–“Fillo, ¿Por qué te portaches así connosco? Mira que teu pai e máis eu andabamos cheos de angustia en busca túa”.

E dilles el:

–“¿Por qué me buscabades? ¿Non sabiades que eu teño que estar na casa de meu Pai?”

Pero eles non entenderon o que lles dicía. Baixou con eles a Nazaret e estáballes sometido. A súa nai conservaba todas estas cousas no seu corazón. Xesús medraba en sabedoría, e idade e en graza diante de Deus e máis da xente.

Meditación

Esta pasaxe segue formando parte dos relatos da infancia de Xesús que Lucas nos ofrece non tanto para detallar aspectos históricos, como para responder á pregunta que os primeiros cristiáns/ás se facían sobre a orixe de fondo da personalidade, da forza, do solidariedade, do Espírito que percibían en Xesús; da súa vinculación fondísima con Deus e da súa entrega incondicional, libre, arriscada, en favor de toda a xente, maiormente en favor da máis desfavorecida.

Se noutros relatos das festas do Nadal se nos fala do Xesús bebé, hoxe dínsenos cousas do Xesús adolescente e mozo, e da familia da que formaba parte, os seus pais María e Xosé.

Xesús baixa a Xerusalén coa súa familia, cos seus veciños, a celebrar a festa da Pascua. E faino nun ambiente popular, festivo. De volta, os pais marchan e el queda; atópano no templo, debatendo cos doutores da lei, con moita intelixencia. Ante a rifa dos pais, a contesta reveladora de Xesús: “Non sabiades que eu teño que estar na casa de meu pai?”. Detrás, no fondo, da identidade normal de Xesús, o fillo de María e de Xosé, o evanxelista coméntanos outro tipo de identidade, máis fonda, máis substancial, que non anula a primeira, senón que lle descobre as súas raíces e fundamentos últimos. Tamén nós, no fondo do noso ser fillos/as de tal ou cal pai, de tal ou cal nai, temos un fondo enraizamento en Deus, ata nos poder chamar con toda a razón, con Xesús, fillos/fillas de Deus. É algo que nos axuda a entendernos a nós mesmos/as, e a entender tamén a calquera veciño/ña, a calquera persoa.

Os pais, María e Xosé, quedan moi impresionados polo que viran, e non entendían a contestación de Xesús. E a mamá María dáballe voltas no seu corazón a todas estas cousas, invitándonos tamén a nós a outro tanto. Quen somos nós? Cal é a raíz última do noso ser, da nosa solidariedade, dos nosos berros de xustiza, da nosa alegría, da nosa esperanza? Por que tal ou cal persoa, que coñecemos de sobra coma fillo ou filla de tal e cal, ten esa bondade, acolle tan ben á xente, se implica tanto nas cousas da comunidade, participa na política con paixón e honradez? Por que hai tanta xente que se entrega sen agardar nada a cambio? A que fonte temos que acudir, cando nos sintamos esgotados e sedentos e nos canse a loita e esteamos tentados de abandonar?

Xesús foi moi, moi especial. E a xente preguntábase qué pasaba con el. Polo demais, Lucas recórdanos que Xesús viviu obediente aos seus pais, medrando no corpo, medrando en idade, medrando no manexo da vida con sabedoría, sendo cada día persoa máis grata a Deus e máis grata tamén aos seus veciños e veciñas. Posiblemente Lucas estea idealizando a mocidade de Xesús. Pero tamén nos apunta algo moi normal, como é o crecemento en Xesús da forza do Espírito bo de Deus, que chegará a collelo totalmente e a enchelo de paz e de enerxía. Crecemento que non se faría sen traballos, sen empeño pola súa parte, sen retrocesos. Podémonos situar vitalmente ao lado deste Xesús que busca medrar en fidelidade ao Espírito.

A Igrexa fixo desta xornada, vinculada ao que se vivía na casa familiar de Nazaré, a festa da Sagrada Familia. Invítanos a experimentar nas nosas familias algo semellante ao supostamente vivido na familia de Nazaré: forte vinculación con Deus de todos os membros da familia; forte vinculación afectiva entre as diversas persoas que compoñen a unidade familiar; orixinalidade de cada persoa; respecto por esa orixinalidade; aprendizaxe no calar, sopesar, meditar sobre do que o Espírito vai obrando nos outros/as; implicación e esforzo común para o crecemento; aprendizaxe para a vida, para a solidariedade, para o imprescindible labor comunitario. Sería ben que nas nosas comunidades revisásemos se estamos apostando por unhas familias deste tipo.

Vivir isto e vivilo a fondo será a nosa mellor achega ao conxunto da sociedade.  Máis ca entrar en polémicas sobre si o modelo da familiar que defendemos é o máis auténtico ante outros que están optando por composicións diferentes das tradicionais: monoparentais, homosexuais, etc. No formato tradicional, sabémolo ben, pode haber un gran baleiro de consistencia familiar; e, ao revés, noutros formatos que a alguén lle poidan parecer máis “orixinais” ou incluso “pecaminosos” pode haber moita calidade de relacións e de servizos, moita calidade de aprendizaxe para unha boa socialización. Tamén nós, coma María, á luz da paixón amorosa de Deus que nos configura radicalmente, igual deberiamos darlle voltas no corazón a moitas cousas que nos estrañan e que, de entrada, non entendemos moito.

Preces

PARA MEDRAR EN GRACIA DIANTE DE DEUS E DA XENTE.

  • Xesús, que nos deixemos levar polo Espírito en todo momento, como ti desde novo sempre fixeches. Oremos.
  • Xesús, que as nosas familias sexan lugares de encontro e de respecto, de amor e de servizo, de perdón e de crecemento en todos os aspectos. Oremos.
  • Xesús, que as nais e pais de familia teñan a forza do Espírito para coidar e animar as súas familias, para encontrar nelas felicidade e alento. Oremos.
  • Xesús, hai familias divididas, divorciadas, separadas, con moito sufrimento polo medio; que atopen en nós apoio, alento, unha man amiga. Oremos.
  • Xesús, os máis novos ás veces andan perdidos; moitos refúxianse no alcohol, nas drogas, no sexo; que todos, na familia e na sociedade, nos preocupemos a tope pola boa educación dos nosos fillos e fillas. Oremos.

 

Oración

Benditas as persoas coma a Carme,

que, despois de ter sufrido e loitado moito

para sacar ao seu fillo da droga,

está apoiando a outros fillos sen familia

na súa dor, na súa loita, na súa angustia,

nos seus últimos días en coidados paliativos!

Benditas!

 

Malditas as drogas

e os intereses de quen trafica con elas

e causan tantas rupturas familiares:

matan soños e esperanzas,

e mesmo acaban facendo odiosos

os rostros e as vidas das persoas máis amadas!

Malditas!

 

Benditos os avós e as avoas

coma o Lucia, a Esther ou a Elvira,

que, a máis dos seus cariños e coidados,

están poñendo tamén as súas pagas,

para que a crise non destrúa

o corpo e a alma,

a vida e a paz da súa xente!

Benditos eles!

Benditas elas!

 

Malditas as porcas intencións dos cartos

organizados en bancos e finanzas

–póñalle o nome que vostede queira–,

que, sen alma, sen amor e sen xustiza,

son quen de poñer na rúa e na miseria

a familias enteiras, desafiuzalas

marxinalas, quitarlles a dignidade,

entregalas á dor e ao desespero!

Malditas!

 

Malditas as entrañas dos políticos

–coñecémolos ben seguramente–,

que vendo tales cousas

non se conmoven nin se moven

para varrer dunha varrida tanto abuso

e poñer a xustiza no seu sitio

en defensa das familias asoballadas!

Malditas!

 

Benditas as persoas,

todas as persoas

–o Enrique, o Anuncio, o Xosé Carlos, …–

que se doen e non recean

en poñer do seu gratuitamente

en campañas solidarias de mil cores

para que a dor non sexa tanta

e se salve o pan e a dignidade dos máis débiles!

 

Benditas as persoas

que dan do seu e que se indignan

e soñan con políticas novas, con democracias novas,

onde a xente e as familias sexan o primeiro,

e non os turbios negocios dos máis grandes!

Benditas,

si, unha e mil veces benditas, meu Deus!

Acción
Un bo día para celebrar a realidade familiar de cada unha das nosas casas. Un bo día para pensar en como estamos vivindo a nosa condición de familia. Un bo día para afianzarnos na nosa maneira cristiá de vivir en familia.

 

Luns 30 de decembro: día 6º dentro da oitava de Nadal

1ª lectura: 1Xn 2, 12-17

Salmo: 95, 7-8a. 8b-9. 10

Evanxeo: Lc 2, 36-40

Naquel tempo (cando Xesús foi presentado no templo) había tamén alí unha profetisa moi vella chamada Ana, filla de Penuel, da tribo de Axer; casara e vivira sete anos co seu marido, e logo seguiu viúva ata os oitenta  e catro. Non se apartaba do templo, senón que de noite e de día servía a Deus con xaxúns e oracións. Presentouse naquel intre no templo e empezou a loar a Deus e a falar do neno Xesús a todos os que esperaban a redención de Israel.

Cando remataron todo o ordenado pola Lei do Señor, volveron para a aldea de Nazaré en Galilea. O neno ía medrando ben criado, forte e intelixente e o favor de Deus estaba con el.

Meditación

A figura de Ana faise entrañable. Muller que casa e enviúva –cousa moi dura naqueles tempos e lugares– e que se refuxia en Deus, co que se encariña e a quen serve botando man do que ela coñecía: andar polo templo, rezar, xaxuar… Unha muller de limpa relixiosidade popular, que a habilita para entender que alí algo moi grande estaba pasando; e logo iso de falar do neno Xesús a quen tivese ansias de que as cousas cambiasen para que o pobo levantase a cabeza. Unha muller misioneira, que comparte o misterio que a súa fe traballada lle permite ver e vivir.

Mentres o neno, coma un neno calquera, vai medrando ben criado no corpo e no espírito, empezando a gustar o favor que Deus lle ofrecía gratuitamente. Cómo un neno, un adolescente, un mocete iría construíndo fidelidades e apegos fondos? Cousas de Deus, cousas do Espírito, cousas dos seres humanos todos, que en tales  enredos de graza andamos tan envoltos.

Oración

Grazas, meu Deus, por Ana

e por todos os homes e mulleres

que na relixiosidade popular

van construíndo a súa fidlidade a ti,

e te aman e serven e anuncian

como mellor saben e entenden.

Grazas, meu Deus, polo neno

que medra grazas aos mil coidados

que a familia e a xente lle foi dando,

ata chegar a ser aquel home cabal,

ben curtido no corpo e no espírito

no que descansa tanta luz, tanta esperanza

para todo o pobo.

Grazas por todos os nosos nenos e nenas.

Cando se acaba o ano, meu Deus,

qué ben pechalo con estas figuras entrañables,

e contigo vivo dentro delas!

            Grazas!

Acción

Se tes maneira de visitar algunha muller velliña crente para escoitar dela a fe que a anima, faino. Se podes participar en algo que anime a formación, o divertimento, a ledicia dos nenos e nenas, faino tamén. E saúda o ano novo coa túa esperanza cristiá.

 

Martes 31 de decembro: día 7º dentro da oitava de Nadal

1ª lectura: 1 Xn 2, 18-21

Salmo: 95, 1-2. 11-12. 13

Evanxeo: Xn 1, 1-18

No principio existía a Palabra, e a Palabra estaba onda Deus e a Palabra era Deus. Ela estaba no principio onda Deus.

Todo foi feito por ela, e sen ela non se fixo nada do que foi feito. Nela estaba a vida, e a vida era a luz da xente toda; a luz alumea na tebra e a tebra non a deu apagado.

Houbo un home mandado por Deus, o seu nome era Xoán. Este veu de testemuña para dar testemuño da luz, para que todas as persoas cresen por el. Non era el a luz, senón que veu para dar testemuño da luz.

A Palabra era a verdadeira luz que alumea a todo ser humano que vén a este mundo. Ela estaba no mundo, e o mundo foi feito por ela, pero o mundo non a recoñeceu. Veu á súa propiedade e os seus non a acolleron. Pero a cantos a recibiron –aqueles homes e mulleres que cren no seu nome– deulles o poder de seren fillos e fillas de Deus. Estes non naceron do sangue, nin da vontade da carne, nin da vontade do ser humano, senón de Deus.

E a Palabra fíxose carne e plantou entre nós a súa tenda, e nós vimos a súa gloria, gloria coma de Unixénito que vén do Pai, cheo de graza e de verdade.

Xoán deu testemuño del exclamando: “Este é aquel de quen eu vos dixen: O que vén detrás miña pasa diante miña, pois existía primeiro ca min”.

E da súa abundancia recibimos todos nós, graza e máis graza. Pois a Lei deuse por medio de Moisés; a graza e a verdade realizáronse por Xesús Cristo. A Deus ninguén o viu; o Unixénito, que está no seo do Pai, foi quen nolo revelou.

Meditación

A Palabra é a luz, é a vida. Estas primeiras palabras do evanxeo de Xoán anúnciannos o que logo vai explicar con detalle ao longo de todo o evanxeo: que Xesús é luz, que Xesús é vida, que ten capacidade de nos dar unha e outra, para sermos nel persoas fondamente humanas ao estilo de Deus. Xesús, o mellor rostro humano de Deus, fálanos dun Deus que está entre nós, que dialoga connosco, que lle interesa a nosa vida, que se pon ao noso dispor para nos axudar a facela completa, feliz. Deus non é agarrado; espalla a súa abundancia de mil maneiras, para que ninguén quede envolto na escuridade, na tristura, no illamento. Deus quere ser para nós compaña certa, amigable; quere camiñar ao noso lado, comprendéndonos, alentándonos, tirando de nós para adiante na vida. Sería normal que as persoas crentes, ao tempo que gozamos deste Deus, nos fixémonos exemplo vivo deste Deus solícito, que o pasa ben envolvéndose coa xente e facendo corpo e causa con ela.

Oración

(Na Noite Vella familiar: antes ou despois ou no canto das doce uvas das horas do ano que acaba, podemos coller 12 uvas cada un dos membros da familia; cada persoa vai lendo a primeira parte de cada un dos doce versos seguintes, por orde; todos contestamos coa segunda parte do verso, e comemos a uva correspondente. Ao final dámonos chuchos e apertas de felicitación).

 

A uva da alegría, ai que graciosa!

A uva da unión, moi rica cousa!

A uva do respecto, ben candorosa!

A uva do perdón, marabillosa!

A uva do agradecemento, que saborosa!

A uva da comunicación, cousa fermosa!

A uva da paciencia, humilde rosa!

A uva da corrección, dura e gustosa!

A uva da escoita, que ceos amosa!

A uva dos alentos, tan xenerosa!

A uva das apertas, sempre famosa!

A uva da oración, doce, preciosa!

Acción

Igual podiamos facer un pequeno balance da nosa vida durante este ano. ¿Cómo nos foi? ¿En que medramos? ¿En que non? ¿En que fallamos? ¿Por que medramos e por que fallamos? ¿Qué papel lle damos a Deus na nosa vida?

Mércores 1 de xaneiro: Solemnidade de Santa María nai de Deus

1ª lectura: Núm 6, 22-27.

Salmo: 66, 2-3. 5. 6 e 8

2ª lectura: Gál 4, 4-7.

Evanxeo: Lc 2, 16-21

Uns pastores foron ás carreiras e atoparon a María e máis a Xosé e a criatura deitada na manxadoira. Cando o viron, contaron todo o que lles dixeran do meniño, e a xente que os escoitaba quedaba pasmada do que os pastores dicían. María, pola súa parte, conservaba todas estas cousas no seu corazón. Os pastores volveron glorificando e loando a Deus por canto viran e oíran, tal como lles fora anunciado.

Aos oito días tocaba circuncidar o neno e puxéronlle de nome Xesús, tal como o chamara o anxo antes da súa concepción.

Comentario

Podemos empezar contemplando pausadamente a escena que o evanxeo nos ofrece. Imaxinamos un cortello, un cabano calquera, un presebe, o neno deitado. Ao seu carón Xosé e María, os pais do pequeno vivindo a fondo aquel momento excepcional: Deus presente naquela criatura. Pastores que chegan: xente de mala fama, os pobres, por mor do seu traballo considerado algo indecente. Xa temos a Xesús rodeado dos seus! María asume o papel de mestra, ensinándonos a gardar todo aquilo non na cabeza, senón no corazón, que é onde mellor asentan as cousas, onde fan máis efecto. As cousas eran fermosas, alegres, invitaban ao canto e ao baile: Deus metido a tope no medio da xente coa vontade de sempre: facerse para todos e todas un humilde e valente servidor de vida.

Cando cumpren co neno o rito da circuncisión, póñenlle o nome de Xesús, que quere dicir “o que salva”, o salvador. A salvación de Xesús non foi unha cousa máxica. Foi unha salvación traballada, sufrida, entrando nos problemas da xente, nos problemas do pobo, facéndoos seus, alumeándoos coa súa fonda solidariedade, radicada en Deus. Xesús farase así o gran servidor da paz no nome do Deus da paz. E así nos quere a nós, os seus seguidores, homes e mulleres de paz nun mundo sempre amigo de estar enredados en liortas e guerras.

Plegaria

Para empezar o ano

que nos non falte a fe

na túa presenza sólida ao noso lado, Señor,

que por algo es o Enmanuel,

o Deus connosco en todo momento.

Para empezar o ano

que non nos falte a esperanza

de que as cousas poden cambiar,

podémolas cambiar,

porque nos fixeches vigorosos/as

e a forza do teu Espírito vai sempre connosco.

Para empezar o ano

que non nos falte o amor,

lúcido, intelixente,

humilde, servidor,

para rodear con amor responsable

a quen de amor e servizos ande necesitado.

Acción

Entre nós felicitámonos e desexámonos un ano bo. Igual é bo día o primeiro do ano para marcarnos algún obxectivo de ben moi concreto, para o ano que empeza sexa realmente bo para nós e para quen nos rodea.

Xoves 2 de xaneiro

1ª lectura: 1Xn 2, 22-28

Salmo: 97, 1. 2-3ab. 3cd-4

Evanxeo: Xn 1, 19-28

E este é o testemuño de Xoán cando os xudeus lle mandaron de Xerusalén sacerdotes e levitas onda el para lle preguntar:

–Ti quen es?

El declarou claramente:

–Eu non son o Cristo.

Preguntáronlle:

–Entón, quen es ti? Es Elías?

Contestou:

–Non son.

–Es o profeta?

Respondeu:

–Non.

Daquela dixéronlle:

–E, logo, quen es, para que lles poidamos dar unha resposta aos que nos mandaron? Que dis de ti mesmo?

El díxolles:

–Como escribiu o profeta Isaías, eu son a voz do que clama no deserto: endereitade o camiño do Señor.

Algúns dos mandados eran fariseos e preguntáronlle:

–Entón por que bautizas, se non es ti o Cristo nin Elías nin o profeta?

Xoán respondeulles:

–Eu bautizo con auga, mais entre vós está quen vós non coñecedes, o que ven detrás miña, e eu non son merecente de lle desatar o amalló das súas sandalias.

Todo isto pasou en Betania, ao oriente do Xordán, onde estaba Xoán bautizando.

Comentario

Volvémonos ver con Xoán Bautista, ese personaxe tan especial e entrañable que nos acompañou nos días previos á celebración do Nadal. Hoxe está aquí para dicirnos que o anunciado xa chegou, está por aí entre nós, e igual nin o coñecemos, porque anda con maneiras tan humildes, marxinais, que pouca xente repara nel. Pero está. Xa chegou. Xoán invítanos a andar cos ollos ben abertos, co corazón ben aberto, para podermos bater co el e recrearnos na súa humilde grandeza servidora.

Xoán tamén nos invita a que nos preguntemos: e quen son eu? Que levo no fondo de min mesma? Que luces e sombras andan canda min? Que misión desempeño dentro da comunidade da que formo parte? Que anuncio coa miña palabra, coa miña vida sobre todo? En que son algo profeta? Cal é a tarefa que me propoño levar a cabo neste ano que entra, estando ao lado deste Deus metido no mundo, que chamamos Xesús?

Oración

Xesús,

tampouco eu non son merecente

nin de che desatar o amalló das túas sandalias,

pero aquí estou,

desexando acompañarte neste ano que entra.

No que poida, valla e saiba, conta comigo.

Acción

Párate a pensar no que che gustaría facer neste ano que empeza, no que che gustaría colaborar, ou medrar, ou a quen che gustaría acompañar especialmente, ou que pobrezas che gustaría remediar. Poderás facelo só ou será ben que te unas a outras persoas para o que queres conseguir?

Venres 3 de xaneiro

1ª lectura: 1 Xn 2, 29—3, 6

Salmo: 97, 1. 3cd-4. 5-6

Evanxeo: Xn 1, 29-34

Ao outro día, Xoán Bautista viu a Xesús que viña cara a el e dixo:

–Velaí o Año de Deus, o que arrinca o pecado do mundo! Este é de quen eu dixen: “Despois de min vén un home máis importante ca min, pois existía primeiro ca min”. Eu non o coñecía, mais para iso vin eu bautizar con auga: para mostralo a Israel.

E Xoán seguiu testemuñando:

–Eu vin o Espírito baixar do ceo como unha pomba e pousar enriba del. Eu non o coñecía, pero o que me mandou bautizar con auga, díxome: “Cando vexas o Espírito baixar e pousar sobre un, ese é o que bautiza co Espírito Santo”. E eu vino e dou testemuño de que este é o Fillo de Deus.

Meditación

Con estas palabras o evanxelista Xoán fálanos do impacto profundo que Xesús causou na xente que o coñeceu e tratou; vírono coma un home totalmente cheo do Espírito de Deus, con capacidade para introducirnos a fondo no mundo do Espírito, cun poder enorme para arrincar as raíces do mal asentadas no corazón da xente e da sociedade, e ao tempo cunha mansedume impresionante, ata o punto de que lle deron en chamar o “Año de Deus”.

Para coñecer a Xesús e a súa forza de renovación é necesario tratalo, intimar con el orar con el e co seu Espírito. E cando intimamos con el e palpamos o marabilloso que é, o normal será que, como a Xoán, nos saia da alma falar del, compartilo coma o gran regalo que Deus nos fixo na nosa existencia. Oxalá todo isto se cumpra en nós!

Oración

Grazas a ti, Xoán Bautista,

por ter compartido connosco

as excelencias de Xesús.

Grazas a todos os homes e mulleres

a través das cales nos chegou o coñecemento de Xesús.

Que saibamos entrar no mundo marabilloso de Xesús,

e o saibamos compartir coa xente nova da nosa xeración.

Acción

Polos días do Nadal sempre nos vemos algo máis coa familia, cos amigos. Nas conversas que se dan, non deixes de compartir nalgún momento a túa admiración por Xesús, e o ben que che fai crer nel e seguir a súa maneira de pensar e de actuar.

Sábado 4 de xaneiro

1ª lectura: 1 Xn 3, 7-10

Salmo: 97, 1. 7-8. 9

Evanxeo: Xn 1, 35-42

Ao outro día estaba outra vez Xoán Bautista con dous dos seus discípulos e, vendo pasar a Xesús, dixo:

–Velaquí o Año de Deus.

Cando os dous discípulos oíron o que Xoán dixera, foron detrás de Xesús. Volveuse Xesús e, vendo que o seguían, preguntoulles:

–Que buscades?

Eles respondéronlle:

–Rabbí (que quere dicir “mestre”), onde paras?

El díxolles:

–Vinde e veredes.

E eles foron e viron onde paraba e quedaron con el aquel día. Era contra as catro da tarde. Un dos dous que escoitaron a Xoán e seguiron a Xesús era André, o irmán de Pedro. Vai e ao primeiro que atopa é a Simón, o seu propio irmán, e dille:

–Encontramos o Mesías (que significa Cristo).

E levouno onda Xesús. Ao velo, díxolle Xesús:

–Ti es Simón, i fillo de Xoán, Ti haste chamar Kefas (que quere dicir Pedro).

Meditación

Chama a atención o encanto que tiña Xesús; chamaba a atención desde o primeiro momento, suponse que polo seu xeito de ser, de mirar, de falar, de vivir, de atraer, de alentar á xente. Seguro que todas, todos, temos experiencia de algo similar na vida, alguén que nos cativou e que se fixo moi significativo para nós, alguén con quen nos compracía e comprace estar. Quen o viu e tratou, quen se fixo compañeiro e amigo del  así nolo pinta. Ímolo coñecendo algo polo menos, como para poder dicir que si, que é así, que a súa compaña pacifica e alenta, pecha feridas e abre camiños, disipa escuridades e devolve alegrías.

Se Xoán, André, Pedro e moitos máis naqueles tempos puideron gozar con esta compaña de Xesús en carne viva, nós tamén o podemos facer no espírito, na fe. Xesús está aquí disposto a acollernos, a integrarnos no grupo, a compartir connosco os seus soños e esperanzas, e as forzas para podelas acadar.

Oración

Vinde e veredes,

pasade e entrade,

sentade e acougade,

falemos como amigas e amigos,

como irmás e irmáns, se queredes,

compartamos as nosas sombras e as nosas luces,

levantemos a ollada

cara ao mundo da xente máis fráxil,

falémonos,

escoitémonos,

calemos despois

deixando que o Espírito una

tanta dor e tanto gozo,

tanta desilusión e tanta esperanza.

No teu nome, Xesús.

 

Acción

Sería estupendo que hoxe puideses invitar a alguén á túa casa, ou ir de invitada a algunha outra casa, para tomar ou comer algo, para falar, para compartir algo a fondo, para animarse e rir e suscitar esperanzas. E así vivir algo ao estilo de Xesús.

Accede á revista

Encrucilla 233

Xa es subscritor/a?