O Evanxeo de cada día con ollos de aldea

O Evanxeo de cada día con ollos de aldea |Tempo de Pascua 3ª Semana

Manolo Regal ledo

 

19  de abril: Domingo 3º de Pascua

1ª lectura: Feit 2, 14. 22-33

Sal 15, 1-2a e 5. 7-8. 9-10

2ª lectura: 1Pe 1, 17-21

Evanxeo: Lc 24 , 13-35

Naquel día, o primeiro da semana, dous dos discípulos ían camiño de Emaús, unha aldea que está a uns dez quilómetros de Xerusalén. Ían falando de canto pasara. E resulta que mentres parolaban e discutían, Xesús en persoa achegouse e camiñaba canda eles. Pero os seus ollos estaban incapacitados para o recoñeceren. Entón preguntoulles:

–“De que ides falando polo camiño?”

Eles pararon cunha cara moi tristeira, e Cleofás, un deles, respondeulle:

–“Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén que non sabe nada do que pasou alí durante estes días?”

El preguntou:

–“E que pasou, logo?”

Eles contestaron:

–“Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi un profeta poderoso en obras e palabras, antes Deus e ante o pobo todo; de como os nosos sumos sacerdotes e demais xefes o condenaron á morte e o crucificaron.

Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel; pero xa van alá tres días desde que pasaron estas cousas. Claro que algunhas mulleres das nosas déronnos un susto, porque foron ao riscar o día ao sepulcro, e, ao non atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron que el vive. E algúns dos nosos alá foron ao sepulcro e atopárono todo como as mulleres dixeran; pero a el non o viron.”

Entón díxolles:

–“Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas! E logo non cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na súa gloria?”

E comezando por Moisés e todos os profetas, foilles interpretando o que as Escrituras falaban del.

Ao entraren na aldea a onde ían, fixo coma quen quería seguir para adiante. Pero eles porfiáronlle, dicindo:

–Queda connosco, porque se fai tarde e a noite bótase enriba.”

Quedou con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendiciuno e partiuno e déullelo. Entón abríronselles os ollos e recoñecérono; pero el desapareceu. E dixeron:

–Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándonos as Escrituras?”

E levantándose axiña, volveron a Xerusalén. Alí atoparon os Once reunidos cos seus acompañantes, que dicían:

–“É certo, o Señor resucitou e aparecéuselle a Simón.”

Eles tamén contaron o que lles pasara polo camiño e como o recoñeceran no partir o pan.

——————————————————————————————————————————————————————————————

Meditación

O relato do evanxeo de hoxe é especialmente fermoso no seu desenvolvemento, e especialmente suxestivo no que nos propón para o crecemento da nosa fe. Debuxa graficamente o recorrido cara á fe en Xesús resucitado das primeiras persoas e comunidades cristiás, e debuxa tamén o recorrido cara á fe das persoas que hoxe queremos seguilo en comunidade. Todo o relato ten un aire de celebración eucarística, como se fose o modelo de referencia a partir do cal se fose elaborando máis tarde, pouco a pouco, o contido das nosas celebracións eucarísticas. Cantas veces falamos, e mesmo discutimos, do que han ser ou non han ser as nosas celebracións da Misa! Cantas veces se queixan os nenos/as e adolescentes, nos queixamos case todos do aburridas que son as nosas Eucaristías! Ollemos con calma para este relato-celebración; seguro que aprenderemos moitas cousas.

Primeiro aparecen dous homes, dous discípulos que falaban e discutían, tristes, desalentados, cun leve aceno de esperanza nada máis, baseado nas palabras “dalgunhas mulleres das nosas”. Xesús achégase e escóitaos. Sería bo que nas nosas celebracións e que na vida das nosas comunidades houbese sempre un espazo onde a xente puidese contar as súas penas e alegrías, as súas esperanzas, ou no que alguén, despois de estar ben atento a estas penas, alegrías e esperanzas, as puidese facer presente na celebración, como punto de partida da mesma. Este contacto coa vida daríalles frescura e emoción vital. Dunha forma ou doutra as nosas vidas teñen espazo e presenza nas nosas celebracións, no desenvolvemento dos nosos grupos ou comunidades? Como o poderiamos facer?

O relato narra o encontro de Xesús cos discípulos camiñantes. Non o recoñecen. Coméntalles as Escrituras, a Palabra de Deus, que non acaban de entender. É unha palabra de Deus que vai respondendo ás súas dúbidas, ás súas tristuras, ás súas esperanzas. É unha Palabra de Deus comentada con viveza, con paixón. Non é unha palabra de Deus dita no aire, ao tun-tun, desconectada da vida das persoas que a escoitan. Por iso lles chega a alma, aínda que de momento non o noten. Como acollemos, comentamos, achegamos a Palabra de Deus ás nosas vidas? Como nola achegan as persoas que presiden as nosas celebracións ou a nosa formación?

Segue o encontro; faise noite, Xesús parece querer separarse e seguir; ofrécenlle quedar e cear. Xesús queda, parte o pan, ábrenselles os ollos e caen na conta da súa presenza, e da quentura que lles metera no corazón. Ofrécennos as nosas Eucaristías, os nosos grupos, espazos de encontro con Xesús? Sentimos nelas que se nos abren os ollos, que nos arde o corazón? Todo se aclara, cando aparece o xesto supremo de partir o pan, de compartir o pan, a vida, o que un é, o que un ten. Compartir abre os ollos da fe, tanto na celebración como nos demais tempos da vida. Compartir: facer nosa a vida das demais persoas; facer delas a miña vida, a miña existencia, canto máis esplendidamente mellor. Que experiencias temas de todo isto?

Nada máis comer, nada máis experimentar a presenza viva de Xesús, axiña, volven onda os seus compañeiros e compañeiras a compartir o vivido. Xesús desapareceu da súa vista, pero deixoulles o convencemento de que hai que volver onda os compañeiros/as para facer medrar as esperanzas, para alentar, para recuperar o gusto pola vida, polas cousas da vida, para continuar con ánimo o camiño que lle viran facer ao mesmo Xesús. Desaparecera, pero levábano dentro, moi dentro, coma un motor que os empuxaba cara aos lugares onde a xente sofre e espera acompañamentos de calidade. Estaba sendo así a Pascua de Xesús. Temos nós esta experiencia? Saímos das nosas Eucaristías co corazón quente, cos ánimos espelidos para a loita e o gozo da vida? Por que non, se é que non?

Ser acompañadas/os e acompañar. O evanxeo tamén nos empuxa a esta dobre tarefa. Querer e deixarse querer. Acompañar e deixarse acompañar. Se hai algo precioso na vida, se hai algo que lle gustase a Xesús, era isto de acompañar e quererse acompañado. Todos os días vemos persoas, homes e mulleres, veciños e veciñas nosas, necesitadas de compaña. Nós mesmas/os tamén o estamos, ou non? Claro que sempre hai alguén que vai pola vida de valente e pretende facer o camiño só, soa, prescindindo da compaña da demais xente. Pobre desa persoa! Non chegará moi lonxe. Déixome querer e acompañar? Comparto con outras persoas as miñas penas e alegrías, as miñas esperanzas e desesperos? Acollo e agradezo ese servizo que outras persoas me poden prestar? Préstome á tarefa do acompañamento? Na comunidade cristiá da que formo parte cultivamos isto de acompañar e de deixarse acompañar, coma irmáns e irmás, como Xesús o facía?

Na celebración de hoxe podemos vivir algo de todo isto. Oxalá o fagamos! Oxalá así se nos quente o corazón coma a aqueles dous discípulos de Emaús, nos que todos e todas nós estamos retratadas.

——————————————————————————————————————————————————————————————

Preces

QUÉDATE CONNOSCO, QUE SE ESTÁ FACENDO NOITE!

  • Que gocemos do teu alento, Xesús, cando nos sentimos angustiadas polos fracasos da vida, e todo se fai noite ao noso arredor. Oremos.

 

  • Que gocemos da túa palabra quente e viva, cando cansamos de estudar, de opositar, de buscar traballo, ou mesmo de traballar, e todo se desvanece nas nosas mans. Oremos.

 

  • Que gocemos da túa esperanza, Xesús, cando sufrimos enfermidades duras, que nos fan case desesperar e nos meten nun mar de dúbidas, bágoas e desalentos. Oremos.

 

  • Que gocemos das túas forzas, Xesús, cando nos propoñemos seguirte, imitarte, e pretendemos poñer ilusión e dar acompañamento a quen anda triste e apagado como ti facías. Oremos.

 

  • Que gocemos da túa valentía, Xesús, cando chega a hora de arrimar o lombo e facer que medren as unións, para defender mellor o pan e o futuro da xente máis débil. Oremos.

——————————————————————————————————————————————————————————————

Pregaria

Xesús,

compañeiro de camiño,

ás veces ben visible,

ás veces invisible, pero igualmente a carón,

preséntome diante túa

traendo nas mans tristezas propias e alleas,

nome ao pé do meu nome (pódense pensar e mesmo citar)

falando amarguras e desalentos.

 

Éche o que hai

nestes tempos tristes de paro e fractura de soños,

nestas horas acedas de soidades e decepcións.

Éche o que hai

nas vidas, aínda nas máis abundantes,

que non saben entrar no corro gozoso da comunidade,

do compartir: palabra, sentimentos, cartos, vida.

 

Que a túa palabra nos atraia,

nos abra os ollos e o corazón.

Que a túa presenza, evidente ou non,

nos quente o corazón,

nos espila os soños,

nos devolva a esperanza

e as ganas de vivir, de convivir, de loitar, de festexar.

 

Quédate,

queremos que te quedes,

que partas connosco o teu pan,

nas tardiñas da vida,

cando xa case é noite…

 

Compartes connosco o teu pan,

a túa presenza de resucitado,

o teu alento, a túa esperanza,

as túas formas de vivir con xeitos novos, solidarios, fraternos.

 

No campo, nas vilas, nas cidades

saberemos acoller o teu pan e a túa palabra?

Saberemos facernos en ti, contigo,

de novo, creadores de ilusións?

 

——————————————————————————————————————————————————————————————

Acción

Bo día para compartir tristuras e ledicias, amarguras e esperanzas. Se andamos en horas baixas, podes buscar a alguén con quen compartir. Se andamos en horas altas, podemos achegarnos a alguén a quen vexamos amortuxado/a. En calquera dos casos, que nos quede sempre un tempiño para pensar en Xesús, para sentilo vivo no medio de nós.

20 de abril: Luns da 3ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 6, 8-16

Salmo: 118, 23-24. 26-27. 29-30

Evanxeo: Xn  6 ,8-16

Ao día seguinte de que Xesús multiplicara o pan, a xente que quedara na outra banda do mar decatouse de que alí non había máis ca un bote e que Xesús non montara nel cos seus discípulos, senón que estes marcharan sos. Nisto chegaron algúns botes de Tiberíades, de cerca do sitio onde comeran o pan despois de o Señor dar grazas a Deus. Así que, en vendo a xente que Xesús non estaba alí, nin tampouco os seus discípulos, montaron nos botes e chegaron a Cafarnaúm buscando a Xesús. Atopárono na outra banda do mar e dixéronlle:

–Rabí, cando chegaches aquí?

Xesús contestoulles:

–Con toda verdade volo aseguro: buscádesme non porque vistes sinais, senón porque comestes pan ata vos fartar. Traballade non polo pan que se acaba, senón polo que dura deica á vida eterna, o que vos dará o fillo do Home, pois el é a quen o Pai Deus marcou co seu selo.

Eles preguntáronlle:

–Que temos que facer para realizar as obras de Deus?

Respondeulle Xesús:

–Esta é a obra de Deus: que creades naquel que El mandou.

——————————————————————————————————————————————————————————————

Meditación

Durante esta semana leremos o capítulo 6 do evanxeo de Xoán, no que o evanxelista nos ofrece o chamado “discurso do pan de vida”. O pedaciño de hoxe vainos dando as claves para poder entendelo e levalo á vida. Preséntanos a un grupo que busca a Xesús con ansia, e non está nada mal iso. Quedaran asombrados polo da multiplicación do pan e dos peixes, e querían beneficiarse dunha presenza tan xenerosa. Xesús axúdalles a que miren para o porqué da súa busca: queren un beneficio material inmediato, non pensan en máis nada. E a cousa non vai por aí. Xesús claro que se esforzou por devolver a dignidade á xente, e iso implicaba cousas tan elementais como garantir o pan de cada día para cada quen, para todo o mundo; pero para Xesús a dignidade dunha persoa non se limitaba a iso; tiña moito que ver con fartar esa fame fonda que todas, todos levamos connosco: fame de paz, fame de recoñecementos, de afectos, fame de solidariedades, de compartir, fame de familia, de comunidade, fame de perdóns, de reconciliacións cun mesmo, coa demais xente, fame … de Deus. E para calmar esa fame Xesús é un bo pan. A pan multiplicado que había pouco calmara a súa fame era un sinal, un símbolo desoutro pan de Xesús, máis substancial, capaz de calmar as fames fondas do ser humano. Se ambas as fames camiñan xuntas nas nosas vidas, é ben que ambos os pans nolas calmen.

——————————————————————————————————————————————————————————————

Oración

Que bo é ter fames, Xesús,

para buscar calmalas!

Que bo é ter pan, bo pan,

para poder matalas!

Que bo é sentir as fames alleas,

para poder remedialas!

Que bo é sentir as fames do mundo,

para poder alivialas!

Que bo é sentar xuntas á mesa,

para compartir fartadas!

Que bo é terte a ti, Xesús,

espertando desexos do todo e da nada,

ofertando farturas

a prezo de amor, de soños en alza,

a prezo de esperanza,

a prezo sen prezo,

que o pan é de graza!

——————————————————————————————————————————————————————————————

Acción

Cales son as nosas fames? Que estamos comendo para fartalas? Que fames vemos ao noso redor? Que facemos para alivialas?

21 de abril: Martes da 3ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 7, 51—8,1a

Salmo: 30, 3cd-4. 6ab e 7b e 8a. 17 e 21ab

Evanxeo: Xn 6, 30-135

Nunha ocasión a xente dicíalle a Xesús:

–E que sinal fas, para que, véndoo, creamos en ti? Que podes facer? Os nosos pais comeron o maná no deserto, conforme está escrito: “deulles a comer pan do ceo”.

Entón díxolles Xesús:

–Con toda verdade volo aseguro: non foi Moisés quen vos deu o pan de ceo; meu Pai é quen vos dá o verdadeiro pan do ceo; pois o pan de Deus é o que baixa do ceo e lle dá vida ao mundo.

Dixéronlle entón:

–Señor, dános sempre dese pan.

Xesús replicoulles:

–Eu son o pan da vida; quen vén onda min non pasará fame e quen cre en min endexamais non terá sede.

——————————————————————————————————————————————————————————————

Meditación

Sabemos moito de pan. Distinguimos un pan bo dun pan ruinceiro. Gústanos máis o de tal panadería ca non o de tal outra. O evanxeo de hoxe vai de pans e de panadeiros ou panadeiras.

Onte falabamos de fames, que as temos de moitos tipos: de comida, de acollida, de consideración, de afectos, de familia, de paz fonda, de sentido da vida, de alegría verdadeira, …  Na sociedade hai diferentes panadeiros ofertando pans para satisfacer esas fames. Pans mellores ou peores. Xesús ofrécesenos como un pan bo, excelente, para matar esas fames, sen lle quitar méritos a outros pans posibles. O pan de Xesús é un clamor dentro de nós mesmos para que empecemos buscando a mantenza elemental, necesaria para todo ser humano. Ademais o pan de Xesús garántenos atender esoutras fames fondas que acompañan o ser humano, e que incluso se manifestan con moita claridade cando estamos coa barriga ben chea.

Xesús é un pan bo para a fame do mundo. Deus é o panadeiro que fixo ese pan e que nolo ofrece gratuitamente.

 

——————————————————————————————————————————————————————————————

Oración

Grazas, meu Deus, polo teu pan.

Pan bo,

pan saboroso, esponxoso

pan farturento, 

pan sobranceiro.

Pan de boa fariña,

de bo gran

dese que morre para dar froito.

Pan ben cocido,

ben pasado polas lapas quentes do servizo.

Pan gratuíto

en todas as mesas pobres.

Pan de familia,

de comunidade,

de irmandade.

Pan de Xesús,

pan de Deus,

pan noso.

Grazas, meu Deus polo pan.

——————————————————————————————————————————————————————————————

Acción

Ao longo deste día podemos reparar nos distintos pans que desde diferentes lugares da nosa sociedade se nos ofrecen para calmar as nosas fames. Podémolos valorar e ver que teñen e que lles falta do pan de Xesús.

22 de abril: Miércoles da 3ª semana de Pascua 

1ª lectura:  Feit 8, 1b-8

Salmo: 65, 1-2a. 4-5. 6-7a

Evanxeo: Xn 6,  35-40

Naquel tempo díxolle Xesús á xente:

–Eu son o pan da vida; quen vén onda min non pasará fame e quen cre en min endexamais non terá sede. Pero xa vos dixen que, aínda que vistes, non credes. Todos os que o Pai me entregou virán onda min; e a quen vén onda min non o botarei fóra. Pois eu baixei do ceo non para facer a miña vontade, senón a vontade daquel que me mandou. Esta é a vontade daquel que me mandou, que non perda a ningún dos que me entregou, senón que os resucite no derradeiro día. Esta é, polo tanto, a vontade do meu Pai: que todo aquel que ve o Fillo e cre nel teña vida eterna, e eu resucitareino no derradeiro día.

——————————————————————————————————————————————————————————————

Meditación

Igual que o pan e os demais alimentos manteñen o corpo e o capacitan para unha chea de funcións e actividades, así tamén o pan de Xesús –Xesús como pan— sostén o noso espírito, o noso ser enteiro, para poder desenvolver unha vida digna, honrada, xusta, fraterna, solidaria. Xesús como pan fortalécenos para que poidamos coidar a nosa vida en todos os seus campos, para o presente e para a eternidade, e tamén para que nos impliquemos no coidado das persoas que nos rodean, para que todo o mundo teña vida, porque ese é o único e fundamental querer de Deus.

Cantas vidas hai desfeitas, maltratadas, ao noso redor, por abandono propio, por abusos alleos! Cantas vidas hai desamparadas polo mundo adiante. As fotos que nos chegan das xentes refuxiadas, retidas en campamentos desamparados nos fríos da invernía, sen ver cubertas as necesidades físicas básicas, sen ver un porvir por ningún lado! E iso es países de matriz cristiá, celebrando con moito bombo a Semana Santa! As escenas de tropas xudías maltratando e matando a multitude palestina que se manifesta protestando pola vida miserable que lles obrigan a vivir! E todo o mundo calamos!

——————————————————————————————————————————————————————————————
Oración
 

Ti, Pai, non queres que ninguén se perda.

Ti, Fillo, non queres que ninguén se perda.

Ti, Pai, queres vida,

vida para todo o mundo, sen distincións.

Ti, Fillo, queres vida,

e non calquera vida: vida plena, redonda,

vida por fóra e por dentro,

vida ao fondo e ao alto,

vida no presente e no futuro,

vida para todas e todos,

vida por igual, vida comunal.

Iso é o que nos ofrecedes.

A iso nos invitades.

Para iso nos pedides colaboración.

Grazas. Aquí estou.

No que saiba e poida conta comigo.

——————————————————————————————————————————————————————————————

Acción

Igual hoxe, da maneira máis apropiada que vexamos, podemos levar algo de vida a algunha persoa ou grupo. Igual podemos facer algo bo pola nosa propia vida, no corpo, no espírito. Iso é o que lle dá gloria a Deus.

23 de abril: Xoves da 3ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 8, 26-40

Salmo: 65, 8-9. 16-17. 20

Evanxeo: Xn  6,  44-51

Nunha ocasión díxolle Xesús á xente:

–Ninguén pode vir onda min se non o trae o Pai que me mandou, e eu resucitareino no derradeiro día. Está escrito nos Profetas: “todos serán ensinados por Deus”. Todo aquel que escoita o Pai e aprende, vén onda min. Non porque alguén vise o Pai; o único que viu o Pai é o que estaba onda Deus. Con toda verdade volo aseguro: quen cre ten vida eterna.

Eu son o pan da vida. Os vosos pais comeron o maná no deserto, pero morreron. Este é o pan que baixa do ceo, para que quen coma del non morra. Eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén como deste pan vivirá para sempre; e o pan que eu darei é a miña carne, para a vida do mundo.

——————————————————————————————————————————————————————————————

Meditación

Que preciosa e fonda é esta frase: “todos, todas serán ensinadas por Deus”. E cando di todos ou todas, di todos ou todas. Se tod@s somos ensinad@s por Deus, iso quere dicir que no fondo de min mesma, e de todo ser humano existe algo limpo, sinxelo e grande que me conecta con Xesús, que é o gran ensinado por Deus. Quere dicir que en min, en todo ser humano hai, pode haber, unha atracción cara a Xesús, unha empatía co que el dixo, co que viviu, co que el nos transmitiu. De feito cantas veces non temos escoitado iso de “eu en Xesús si que creo; en quen non creo é nos curas, ou na Igrexa”. E de feito tamén cantas veces non vemos xente que igual non é crente, ou é crente doutras relixións, pero no fondo conecta co mundo de amores, de inocencias, de transparencias, de solidariedades e servizos, polo que Xesús entregou a súa vida!

Por iso Xesús é pan de vida para todo home ou muller. Por iso nel todos, todas atopamos vida. As nosas raíces están intimamente conectadas. O zume, a “savia”de Deus, do que Xesús está cheo, corre abundante polas nosas veas.

——————————————————————————————————————————————————————————————
 
Oración

Veño, Xesús, onda ti

para aprender cousas do noso Deus.

Veño onda ti,

para vivir iso de telo como Pai ou Nai

que todo o sustenta,

que todo o ama,

que todo o coida.

Veño, Xesús, onda ti,

para escoitar e aprender,

para crer

ao xeito de Xesús.

Para fartarme do seu pan

e deixar que a vida me invada

e que reborde de min sen parar

cara ás persoas que me rodean.

Aprender, Xesús,

ir aprendendo,

pouco á pouco,

á medida da miña debilidade,

á medida da túa esplendidez.

——————————————————————————————————————————————————————————————
 
Acción

Se todas as persoas son ensinadas por Deus, todas as persoas nos poden pasar algo de Deus. Como vivimos isto cada día no noso trato coa xente que nos rodea?

24 de abril: Venres da 3ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 9, 1-20

Salmo: 116, 1. 2

Evanxeo: Xn 6,  52-59

Unha vez discutían entre si os xudeus:

–Como pode este darnos a comer a súa carne?

Díxolles entón Xesús:

–Con toda verdade volo aseguro: se non comedes a carne do Fillo do Home e non bebedes o seu sangue, non teredes vida en vós. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue ten vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día. Pois a miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue permanece en min e eu nel. Así como o Pai, que me mandou, vive e eu vivo polo Pai, así tamén quen me coma vivirá por min. Este é o pan que baixou do ceo; non como o que comeron os pais que mesmo así morreron; quen come este pan vivirá para sempre.

Dixo estas cousas ensinando na sinagoga, en Cafarnaúm.

——————————————————————————————————————————————————————————————

Meditación

Todos entendemos ben que quere dicir Xesús con iso de comer a súa carne e de beber o seu sangue. Non se trata de nos facer caníbales. A carne, o corpo, é a vida de Xesús, o seus falar, o seu actuar, as súas maneiras de estar coa xente, de tratar con Deus, o seu poñerse con decisión do lado de quen sofre e peca, de quen é marxinado por calquera razón. Comer a súa carne é compartir o seu estilo de vida. E beber o seu sangue é participar co alento, do nervio, da forza que movía todos os seus andares. Beber o seu sangue é participar do seu mesmo Espírito, para poder facer como el facía.

Cada punto do texto anterior préstase a que o leamos, o releamos con calma, e deixemos que vaia penetrando no noso interior, para que envolva todo o noso corpo, toda a nosa mente, todas as nosas emocións, todo o noso ser de pés a cabeza. Así o que lemos e meditamos pódese ir facendo vida nas nosas vidas.

——————————————————————————————————————————————————————————————
 
Oración

Permanecer en ti, Xesús,

permanecer no Pai/Nai,

como no noso lugar habitual

no que estar, pensar e actuar.

           

Vivir por ti, Xesús,

vivir polo Pai/Nai,

desde os mesmos alentos,

cos mesmos desexos.

 

Facer da nosa fe

algo de verdadeira calidade,

que nos sosteña realmente a vida,

que ofreza algo convincente.

 

Andar sempre en humildade,

en pobreza, en seguimento,

non por apoucamento,

senón desde o impulso solidario.

——————————————————————————————————————————————————————————————

 
Acción

Podemos revisar como estamos vinculados con Xesús, que cordas nos unen a el. Significa realmente algo nas nosas vidas? Contamos con el á hora de dar pasos na vida, de abastecernos de forzas, de pensar no ben da xente que nos rodea?

25 de abril: Festa de San Marcos evanxelista

1ª lectura: 1 Pe 5, 5b-14

Salmo: 88, 2-3. 6-7. 16-17

Evanxeo: Mc  16,  15-20

Naquel tempo díxolles Xesús aos seus discípulos:

–Ide polo mundo enteiro, anunciando a Boa Nova a toda a creación. Quen crea e se bautice salvarase; quen non crea condenarase. Os que crean irán acompañados destes sinais: no meu nome botarán demos, falarán linguas novas, collerán serpes coas mans e, se chegan a beber algún veleno, non lles fará mal ningún; imporanlles as mans aos enfermos e estes curarán.

O Señor, despois de lles falar así, elevouse ao ceo e sentou á dereita de Deus. Eles saíron a predicar por todas partes, contando coa colaboración do Señor, que confirmaba a súa palabra cos sinais que os acompañaban.

——————————————————————————————————————————————————————————————

Meditación

É de moito agradecer que, xa desde o primeiro momento despois da morte gloriosa de Xesús, houbese homes e mulleres que se sentiron fondamente tocados polo que foi a vida do mestre; lembraban a Xesús con moito agarimo, admiración e agradecemento, compartían o que de Xesús viran ou oíran, e incluso algúns foron poñendo por escrito os seus ditos, os seus feitos e outras cousas que eles consideraban que eran unha aplicación correcta do espírito de Xesús ás novas situacións nas que tiñan que vivir. San Marcos foi unha destas persoas, que fixo do Evanxeo a súa vida.

O evanxeo de hoxe invítanos a todos e todas nós a facer outro tanto; en Xesús, en todo o de Xesús, hai cousas boas para todas as criaturas; invítasenos a ser testemuñas disto, coa nosa palabra e cos nosos feitos: sermos servidoras, servidores da vida, segundo cada etapa da historia nolo vaia pedindo. Paga a pena saber entender os sinais cos que Deus, Xesús, acompañará a nosa tarefa: seremos fortes contra calquera mal, por agudo que sexa; teremos palabras novas que saian das rutinas para expresar a novidade de Xesús en cada momento; seremos capaces de manexarnos positivamente con calquera dificultade, e non haberá cousa que nos impida levar vida e animación, se así o queremos; onde haxa apagamento, saberemos poñer ilusión, esperanza. E todo isto non por nós, senón pola forza do Espírito de Xesús que sempre nos acompaña.

——————————————————————————————————————————————————————————————
 
Oración

Facer da túa vida a miña vida, Xesús.

Sermos un, unha,

contigo,

con Deus,

coa xente toda,

coa creación toda.

Acoller, agradecer, gozar, defender, compartir a vida

de todas as criaturas,

especialmente das máis fráxiles,

que precisan dos meus coidados;

especialmente das máis próximas,

que as circunstancias foron poñendo ao meu carón.

Que ben que ti confirmes e acompañes a miña tarefa, Xesús!

——————————————————————————————————————————————————————————————
 
Acción

¿En que cousas concretas, con que persoas concretas nos sentimos chamados/as a levar palabra e vida ao xeito de Xesús, a levar a Boa Nova de Xesús, e non o estamos facendo, ou o estamos facendo frouxamente? Co recordo de San Marcos podémonos animar a mellorar a nosa tarefa.

Accede á revista

Encrucilla 233

Xa es subscritor/a?