O Evanxeo de cada día con ollos de aldea
Manuel Regal Ledo
29 de xuño: Solemnidade dos santos Pedro e Paulo
1ª lectura: Heb 12, 1-11.
Salmo: 32, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9
2ª lectura: 2 Tim 4, 6-8. 17-18
Evanxeo: Mt 16 , 13-19
Naquel tempo, cando Xesús chegou á comarca de Cesarea de Filipo, preguntoulles aos seus discípulos:
–¿Quen di a xente que é o Fillo do Home?
Eles responderon:
–Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; outros, que Xeremías ou algún dos profetas.
Insistiu Xesús:
–E vós, ¿quén dicides que son?
Respondeu Simón Pedro:
–Ti es o Mesías, o Fillo do Deus vivo.
E Xesús contestoulle:
–Ditoso ti, Simón, fillo de Xonás; porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue, senón meu Pai que está no ceo. E eu asegúroche que ti es Pedro, e sobre esta pedra vou edificar a miña Igrexa; e o poder do inferno non a vencerá. Dareiche as chaves do reino dos ceos; todo o que ates na terra ficará atado nos ceos, e todo o que desates na terra ficará desatado nos ceos.
Meditación
Celebramos a festa dos santos Pedro e Paulo. Ambos foron persoas ben significativas dos comezos do cristianismo, do comezo, logo, na nosa mesma historia relixiosa. Os seus perfís foron moi distintos. Pedro, un pescador, un home do mar, simple, impetuoso, apaixonado, duro de cabeza ás veces, forte e fráxil a un tempo; coñeceu a Xesús, encantoulle Xesús, seguiuno de corazón, pero practicamente non deu entendido a Xesús durante todo o tempo que viviu con el; despois foi caendo na conta da extraordinaria existencia daquel aldeán de Nazaré, que un día aparecera polas praias de Cafarnaum. De maneira sorprendente sobre esta persoa apaixonada e fráxil, moi querido por Xesús, caeu a responsabilidade de alentar o grupo de xente que se foi decidindo por Xesús. Todo un sinal. Non é unha Igrexa forte e perfecta, cauta e medrosa, a que lle interesa a Xesús; senón unha igrexa apaixonada, arriscada, fráxil, pecadora, que necesita e demanda perdóns. Así, só así, manexaremos chaves dedicadas maiormente para abrir, pois qué van pechar aqueles, aquelas, ás que tantas veces inmerecidamente se lles abriron tantas portas!
Paulo foi ben distinto de Pedro. Home urbano, estudado, coñecedor dos detalles da lei xudía, contrario acérrimo do grupo de Xesús, pero, ao que se ve, buscador honesto da verdade; un día decatouse de que en Xesús, a quen non coñeceu en vida, había un ofrecemento gratuíto de Deus para toda a humanidade. Namorouse do de Xesús, fíxoo a vida da súa vida. Entrou nos grupos de Xesús, animou comunidades, escribiu moito sobre a novidade de Xesús, sobre como se habían desenvolver as comunidades cristiás no mundo do imperio romano. Como a Pedro, matárono por defender o que defendía.
Nós somos persoas ben diferentes entre nós. Cada un, cada unha é como é, ten a procedencia que ten, a formación que ten, a dedicación que ten. Para todos e todas nós Xesús é, pode ser, unha persoa significativa. O seu ofrecemento pode satisfacer moitas buscas persoais que están petando á porta do noso corazón.
Plegaria
Grazas, meu Deus, por Pedro e Paulo,
cada un á súa maneira animadores do camiño cristián.
Grazas polo don, polo mérito, polo regalo de cada un deles.
Grazas pola comunidade cristiá
que a partir deles se foi estendendo polo mundo enteiro,
ata os nosos días.
Grazas polos homes e mulleres
que a foron enchendo de vida e de servizos.
Grazas polas súas fortalezas e debilidades,
que son as nosas fortalezas e debilidades tamén,
que nos quitan chulerías e prepotencias.
Grazas pola xente que segue atraída por Xesús,
e nos acompaña e arrastra no seu seguimento.
Grazas pola xente audaz que na Igrexa abre camiños
de maior fidelidade, de maior liberdade.
Grazas polas mulleres que fan Igrexa,
e a queren pobre, respectuosa, libre, igualitaria,
como sempre soñaba Xesús.
Acción
Podemos pensar que papel estamos desempeñando na Igrexa, na comunidade cristiá, na parroquia da que formo parte. ¿De que maneira somos homes e mulleres de comunidade, de Igrexa? ¿Poderiamos avanzar neste camiño?
30 de xuño: Luns da 13ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xén 18, 16-33. Salmo: 102, 1-2. 3-4. 8-9. 10-11
Ano 2: 1ª lectura: Am 2, 6-10. 13-16. Salmo: 49, 16bc-17. 18-19. 20-21. 22-23
Evanxeo: Mt 8, 18-22
Unha vez, vendo Xesús que o rodeaba un mundo de xente, ordenou pasar para a outra banda do lago. E achegouse a el un letrado que lle dixo:
–Mestre, seguireite vaias a onde vaias.
Respondeulle Xesús:
–As raposas teñen tobeiras e os paxaros niños, pero o fillo do Home non ten onde pousar a cabeza.
Outro dos seus discípulos díxolle:
–Señor, deixa que vaia primeiro enterrar a meu pai.
Xesús respondeulle:
–Ti sígueme e deixa que os mortos enterren os mortos.
Meditación
As respostas de Xesús ás persoas que lle solicitaban podelo acompañar é radical, como o era toda a súa vida; dille ao letrado que para seguilo cómpre entrar nunha liña de pobreza, de baleiro, de despoxo en todos os niveis da persoa: baleiro económico, baleiro afectivo, baleiro de posición social, etc. A proposta era contraria ás aspiracións dun bo letrado: fartura económica, afectiva, recoñecemento social… A proposta é tamén contraria ás aspiracións da maioría de nós.
Cando outro discípulo lle manifesta o desexo de ir enterrar o pai, para despois seguilo, Xesús amósase de novo radical: para poder seguilo, non vale darlle prioridade aos costumes sociais, por moi lóxicos e sagrados que parezan. O que urxe é secundar a chamada de Deus a crear no seu nome e coa súa forza unha nova rede de solidariedade, na que todo, tamén os respectos familiares poidan estar incluídos.
Seguro que quedamos moi cuestionados por estas palabras de Xesús. El viviu a tope conforme ao que dicía. Nós poderemos dar algúns pasos polo menos; e, se son na dirección do indicado por Xesús, posiblemente lle vaiamos collendo sentido e gusto á proposta de Xesús.
Oración
Non quero que me asusten as túas palabras, Xesús:
debaixo delas hai unha proposta de vida completa, feliz.
Pero lévame da man,
para aprender contigo a gustar
o gozo raro de facerme persoa baleirándome,
dándome á xente sen tempos nin medidas.
Lévame da man
para aprender contigo
que o máis importante de todo,
para min, para a miña familia, para o meu pobo,
é o respecto, o coidado, o amor, a xustiza,
por riba de calquera requisito relixioso ou social.
Xesús, quero seguirte,
como aprendiz quero seguirte.
Acción
¿Vivimos dándolle moita importancia e mesmo prioridade a algúns costumes sociais, que en verdade pouco nos fan medrar como persoas cristiás? ¿Podemos despegarnos en algo deses costumes sociais que non levan a nada?
1 de xullo: Martes da 13ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xén 19, 15-29. Salmo: 25, 2-3. 9-10. 11-12
Ano 2: 1º Lectura: Am 3, 1-8; 4, 11-12. Salmo: 5, 5-6. 7. 8
Evanxeo:Mt 8, 23-27
Unha vez subiu Xesús a unha barca e os seus discípulos seguírono. De súpeto levantouse tan grande temporal no mar que as ondas tapaban a barca; pero el durmía. Os discípulos fórono espertar, exclamando:
–Señor, sálvanos que afogamos!
El díxolles:
¿Por qué vos acovardades, homes de pouca fe?
E, poñéndose de pé, increpou os ventos e máis o mar e veu unha grande calma. Os homes, abraiados, dicían:
–¿Quen será este que mesmo os ventos e máis o mar lle fan caso?
Meditación
Na vida persoal pasamos ás veces por situacións extremas, que nos desbordan, que nos fan dubidar de nós mesmas, da nosa capacidade de saír adiante; invádenos o medo, que nunca é bo conselleiro. E na vida familiar, ou na vida da comunidade da parroquia, ou na vida social, política, tamén pasan cousas así. É doado poñerlle nomes ás grandes ondas que ameazan a barca e a quen nela estamos. Os sentimentos, as palabras saen de nós solicitando axuda da xente ou do mesmo Deus. E está ben facelo. Na xente e en Deus podemos atopar apoios, tranquilidade, acougo para discernir ben a situación, para ver o que cómpre facer, para nunca nos sentir sos ante o perigo, para adiviñar presenzas fondas que nos pacifican e alentan a fondo, que nos garanten que nunca a vida está abocada ao fracaso, nin sequera coa mesma morte polo medio. Sen milagres raros, podemos vivir asentadas nesta fe, nesta calma, nesta esperanza.
Oración
Señor, Señor,
que afogamos!
Que non temos respiro na vida:
o paro, a crianza, o fracaso amoroso,
a miña adición,
o avó e avoa que non dámos atendido!
A parroquia que non vai,
a sociedade escindida,
unha parte grande do mundo afogada
por culpa de políticas deshumanizadas!
O corazón, o máis íntimo de nós
que anda á intemperie,
sen saber onde apoiarse
para poder vivir
en paz, en liberdade!
Señor, Señor,
que afogamos!
Acción
Podemos identificar algún dos medos que nos están afogando a vida. Podemos compartilo con outras persoas, con Deus mesmo tamén na oración. Seguro que colleremos forzas para manexar mellor eses medos.
2 de xullo: Mércores da 13ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xén 21, 5. 8-20. Salmo: 33, 7-8. 10-11. 12-13
Ano 2: 1ª lectura: Am 5, 14-15. 21-24. Salmo: 49, 7. 8-9. 10-11. 12-13. 16bc-17
Evanxeo: Mt 8, 28-34
Naquel tempo, en chegando Xesús á outra bando do lago, ao país de Gadara, saíronlle ao camiño dende uns sepulcros dous endemoñados, tan asañados que ninguén se atrevía a pasar por alí. E berrando dicían:
–¿Qué temos que ver contigo, Fillo de Deus? ¿Seica vés para atormentáresnos antes de tempo?
Había lonxe de alí unha boa camada de porcos fozando e os demos rogáronlle:
–Se nos botas, mándanos para o rabaño de porcos.
El díxolles:
–Ide.
Saíron e fóronse para os porcos que, guindándose polo barranco abaixo, foron dar ao lago, onde morreron afogados. Os porqueiros fuxiron, chegaron á vila e contaron todo, incluso o dos endemoñados. E toda a vila saíu ao encontro de Xesús. E, cando o atoparon, pedíronlle que abandonase aquela terra.
Meditación
Posiblemente esteamos ante un relato fantasioso, digno de formar parte dalgún evanxeo apócrifo. Pero está aquí. E, dentro da súa fantasía, transmítenos algúns convencementos sobre Xesús e sobre a súa maneira de estar coa xente que o rodeaba. Xesús andaba os camiños, andaba polas periferias, como dicimos agora, e por iso frecuentemente batía coa xente que nas periferias había, xente desfeita pola vida. Atribuíase aos “demoños” calquera cousa que alterase a estabilidade psíquica dunha persoa. Xesús plantáballe cara a eses “demoños”, é dicir, a todo o que facía que a xente non puidese vivir con humanidade, con dignidade. Era forte para iso. E moitas veces a xente que batía con el quedaba recuperada para a vida dunha forma definitiva. O mal quedaba completamente superado, afogado, como afogados quedaban nesta historia fantasiosa os porcos que foran caer ao lago.
Xesús, veño onda ti,
para que me aprendas o teu estilo de vida.
Non eras home de libros e ordenadores,
eras home de prazas e camiños,
para bater coa xente,
para que a xente batese contigo.
Con tempos de moito silencio,
con horas de moita palabra.
E non pasabas nunca de largo,
implicábaste en cada caso,
poñendo a túa forza de vida
ao servizo de quen dela precisaba.
Iso era o cerne da túa relixión, do teu credo,
iso era o que mamabas cada día do Deus a quen tanto querías.
Así de simple.
Apréndeme, Xesús, a ser coma ti, algo polo menos.
En case todos os pobos e aldeas hai algunhas persoas desestabilizadas, desintegradas da convivencia veciñal. ¿Cal é a nosa relación con esas persoas? ¿Qué lle aportamos?
3 de xullo Xoves da 13ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xén 22, 1-19. Salmo: 114, 1-2. 3-4. 5-6. 8-9
Ano 2: 1ª lectura: Am 7, 10-17. Salmo: 18, 8. 9. 10. 11
Evanxeo: Mt 9, 1-18
Naquel tempo subiu Xesús a unha barca, cruzou para a outra banda do lago e chegou á súa vila. Nisto trouxéronlle un tolleito nunha padiola. Vendo a fe que tiñan, díxolle ao tolleito:
–Ánimo, meu fillo! Quédanche perdoados os teus pecados.
Entón algúns letrados dixeron para si:
–Este home blasfema.
Coñecendo Xesús o que pensaban, díxolles:
–¿Qué cavilades nos vosos adentros? ¿Qué é máis fácil dicir: “perdoados quedan os teus pecados”, ou dicir: “érguete e anda?” Pois para que vexades que o Fillo do Home ten poder na terra para perdoar pecados –díxolle ao tolleito–: “érguete, colle a padiola e vai para a casa”.
E erguéndose foise para a súa casa. Vendo isto a xente, asombrouse e glorificaban a Deus por lles dar tal poder á xente.
Meditación
O corpo e o espírito. A sanidade física e a espiritual. O coidado dunha e o coidado da outra. Xesús, tan dado a curar todo canto vía e podía, resalta neste caso a importancia de que unha persoa estea a fondo reconciliada consigo mesma, coa xente veciña, con Deus, a través do perdón demandado e recibido. Por moito que pareza outra cousa, é máis doado ás veces acadar a saúde física ca non a espiritual. Entre nós –isto non pasa en moitas partes do mundo, por desgraza–, con bastante boa atención médica universal, podemos dicir que a saúde física está máis ou menos buscada e atendida. Non así a espiritual, no sentido tan amplo que esta palabra pode ter. ¿Non son os antidepresivos as menciñas máis consumidas entre nós? Unha boa experiencia relixiosa é sen dúbida un elemento importante de estabilización das persoas, porque accede a niveis fondos das persoas, onde con frecuencia se cocen moitos dos nosos benestares e frustracións. Accede ao noso ser máis verdadeiro. Pero, ¿vivimos e axudamos a vivir unha experiencia relixiosa sa, liberadora?
Que poder máis grande tiñas, Xesús!
Que poder máis grande recibías de Deus!
Sandar os corpos e máis os espíritos,
asentar corazóns,
recompoñer e vigorizar vidas,
enchéndoas coa seguridade do perdón,
das mans dun Deus que nos quere sen medida.
Grazas, Xesús,
porque dese ben teu recibimos todas, todos nós.
Grazas ademais, Xesús,
porque compartes connosco os teus poderes,
e nos fas capaces de dar alentos,
de estender perdóns,
de acompañar vidas,
de sementar esperanzas alá por onde imos.
Grazas, Xesús, grazas.
4 de xullo: Venres da 13ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xén 23, 1-4. 19; 24, 1-8. 62-67. Salmo: 105, 1-2. 3-4a. 4b-5
Ano 2: 1ª lectura: Am 8, 4-6. 9-12. Salmo: 118, 2. 10. 20. 30. 40. 131
Evanxeo: Mt 9, 9-13
Unha vez, ao pasar Xesús por un lugar, viu un home chamado Mateu, sentado ao mostrador da contribución, e díxolle:
–Sígueme.
El ergueuse e seguiuno.
E resulta que, estando á mesa na casa, viñeron moitos recadadores e pecadores, e puxéronse tamén á mesa con Xesús e máis os seus discípulos. Cando tal viron os fariseos, dixéronlle aos discípulos del:
–¿Cómo é que o voso Mestre está a comer con recadadores e pecadores?
Xesús oíuno e dixo:
–Non son os sans senón os enfermos os que precisan de médico. Ide, pois, aprender o que significa aquilo de “misericordia quero e non sacrificios”. Porque non vin chamar pola xente xusta, senón pola pecadora.
Meditación
Mala xente os recadadores de impostos naqueles tempos, porque eran os representantes do poder romano que espremían a xente máis necesitada sobre todo. Neles concentrábase moita rabia e moito odio por parte do pobo. E vas ti, Xesús, e escolles a un deles para o teu grupo, e déixaste invitar e fas xantar como de festa cun grupo deles ao que se ameceron outras persoas de semellante catadura. Que libre e orixinal eras, Xesús! Como sabías ollar e ler e entender o que podía pasar polo fondo das persoas! Como sabías romper con rutinas e cousas que parecían sagradas e abrir portas para que todo tipo de xente puidese entrar na sociedade nova que ti soñabas; entrar tamén na nova relación con Deus que ti ofrecías. Contra o que era hábito e doutrina no teu tempo, xusto a xente máis arredada de Deus foi a túa preferida. Dá case gusto ser persoa pecadora, para sentirte ao pé dun exercendo misericordia.
Misericordia quero e non sacrificios.
Achegamento á xente débil e non xuízos.
Comprensión cordial e non condenas.
Acompañamentos humildes e non críticas de lonxe.
Mestura coa xente pecadora e non grupiños selectos.
Crítica agarimosa e non burlas e desprezos.
Constancia na presenza e non abandonos á primeira.
Pregaria doída e non apelacións doutrinais.
Amor, amor, amor e non relixión baleira.
¿Hai entre nós algunha persoa máis ou menos perdida, coa que nos esteamos comportando desde a distancia, desde a crítica sen misericordia? ¿En que podiamos facer algo cristiá a nosa relación con esas persoas?
5 de xullo: Sábado da 13ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xén 27, 1-5. 15-29. Salmo: 134, 1-2. 3-4. 5-6
Ano 2: 1ª lectura: Am 9, 11-15. Salmo: 84, 9. 11-12. 13-14
Evanxeo: Mt 9, 14-17
Naquel tempo achegáronse a Xesús os discípulos de Xoán alegando:
–Nós e máis os fariseos gardamos moito o xaxún. ¿Por qué non o gardan os teus discípulos?
Respondeulles Xesús:
–¿Poden os compañeiros do esposo estar de loito mentres teñen con eles o esposo? Xa chegará o día no que lles leven o esposo; entón si que xaxuarán.
Ninguén lle bota un remendo de pano aínda sen remollar a un vestido vello, pois o novo tiraría polo vello e a rachadura faríase máis grande. Tampouco se lle ocorre a ninguén botar viño novo en pelellos vellos, porque rebentarían os pelellos, iríase o viño e estragaríanse os pelellos; pola contra bótase o viño novo en pelellos novos para que ambos os dous se conserven.
Meditación
Na cultura relixiosa dos tempos de Xesús dábanlle moita importancia ao tema do xaxún; cando se facía na verdade, expresaba arrepentimento por cousas mal feitas e desexos de andar en maior fidelidade con Deus e coa xente. Claro que moitas veces acababa sendo un rito baleiro, que non conmovía nada. Hoxe, en ambientes de abundancia, gústanos vivir o xaxún como unha maneira de adelgazar, de desapegarnos do material, de poder compartir con quen careza de bens para vivir.
Pero Xesús non entra no debate sobre o si ou o non do xaxún. Vai máis ao fondo. A súa proposta de vida crente, de relación con Deus e de relación entre a xente, é algo novo que non encaixaba na montaxe relixiosa dominante; era o pano novo que racharía máis o vestido vello, era o viño novo que estragaría o pelello vello. ¿Onde estaba a novidade de Xesús? Na fonda conciencia común de sermos fillos e fillas de Deus en verdade, con acceso directo ao corazón de Deus; e a conciencia de sermos familia por querenza de Deus, de sermos sociedade de iguais, na que a xente fráxil é a máis considerada. ¿Vivimos hoxe as persoas e comunidades cristiás nesta novidade de Xesús? ¿Ou somos tamén o vestido vello, o pelello vello, nos que non é posible acoller a novidade de Xesús?
Oración
Que nunca nos chufemos, Xesús,
de andar fielmente polos teus camiños.
Que nunca sinalemos aos demais
como os errados e arredados de ti.
Que sexamos suficientemente humildes
como para ver que todos temos as mans sucias
e o corazón encollido.
Que nos renovemos á luz da túa vida,
para que as nosas comunidades falen de ti con verdade
e sirvan o pobo como ti o servías.
Purifícanos o corazón e a vida, Xesús,
para que a túa fermosa novidade nos seduza,
e renove a fondo as nosas vidas.
Acción
Todos formamos parte dunha comunidade, dunha parroquia. ¿Somos comunidades e parroquias que vivimos e transmitimos a frescura de Xesús, si, non? ¿En que poderiamos mellorar?