O Evanxeo de cada día con ollos de aldea
Manuel Regal Ledo
7 de xullo: Domingo 14º do Tempo Ordinario.
1ª lectura: Ez 2, 2-5. Salmo: 122, 1-2a. 2bcd. 3-4
2ª lectura: 2 Cor 12, 7-10
Evanxeo: Mc 6, 1-6
Nunha ocasión saíu Xesús de onde estaba e foi para a súa vila acompañado polos seus discípulos. Cando chegou o sábado, empezou e ensinalos na sinagoga. E moita da xente que o escoitaba dicía abraiada:
—¿De onde lle veñen a este todas esas cousas? ¿Qué sabedoría é esa que lle ensinaron, e como pode facer tantos milagres pola súa man? ¿Non é este o carpinteiro, fillo de María e irmán de Santiago, Xosé, Xudas e máis Simón, e as súas irmáns non viven aquí connosco?
Estaba realmente escandalizados. Pero Xesús díxolles:
—Non hai profeta máis desprezado en ningún lugar que na súa terra, na súa casa, ou entre os seus parentes.
E non puido realizar alí ningún milagre, fóra dalgunhas curacións que fixo impoñendo as mans. estaba sorprendido por aquela incredulidade.
Meditación
Este evanxeo sitúanos ante unha tarefa frecuente en Xesús, que era a de andar as aldeas de Galilea, contactando coa xente, acompañándoa nos encontros das sinagogas, aproveitando momentos e circunstancias para falar da novidade da aposta de Deus por renovar as persoas e a sociedade, e para curar a xente mediante a súa capacidade de conectar coa súa fe, é dicir, conectar con esa zona limpa, aberta da persoa que a capacita para o novo, para a esperanza, para o cambio, para a melloría corporal e espiritual, para a dignidade, para a vida.
O evanxeo de hoxe tamén nos mostra que, aínda así, as cousas non foron fáciles para Xesús. Entre a mesma xente do pobo houbo xente que o aceptou entusiasmada, polo menos nun primeiro momento, e houbo xente receosa, que desconfiaba da súa palabra, aínda que a vía chea de sabedoría, e que desconfiaba dos seus feitos de curación, aínda que comprobaba que moito ben lle traían ás persoas que os recibían. A falta de aceptación neste caso debíase ao feito de que Xesús era un deles, coñecido coma un veciño, membro dunha familia normal coa que eles alternaban día a día. Ante a postura desta xente Xesús non foi eficaz nin coa súa palabra sabia nin coa súa acción curadora.
A partir deste relato, como persoas e como comunidade cristiá, podémonos preguntar que acollida lle estamos dando nas nosas vidas a Xesús, ao novo de Xesús. Xesús era portador dunha sabedoría de vida, que non eran doutrinas, senón unha forma sabia de se situar coma persoa ante a vida, unha forma sabia de recompoñer as relacións comunitarias, as relacións sociais; o de Xesús non era doutrinas, nin sequera sobre Deus, pero si unha maneira sabia de colocar a Deus no centro das nosas vidas, e de facer que as nosas vidas se sentisen tocadas, alumeadas, vigorizadas por esta presenza nova de Deus. Poñémonos diariamente á escoita desta sabedoría de vida de Xesús? Como o facemos? A maneira que
temos de o facer estanos valendo ou non? Deberiamos cambiar os métodos, as maneiras, para que o bo de Xesús non nos pase pola porta sen resultado ningún, como lle pasou aos veciños de Nazaré?
E o mesmo podiamos dicir da capacidade de curación de Xesús. Sentímonos fortes, sans, vigorosas, plenas de saúde no corpo e no espírito? Admitimos e recoñecemos as nosas carencias, ollámolas de fronte sen vergonza, sen medos, recorremos a Xesús con fe, con esperanza, abrimos os niveis máis fondos das nosas penas, das nosas alegrías, das nosas desilusións, das nosas esperanzas, para que a forza de Xesús poida contaxiarnos, revolvernos, curarnos, consolidarnos? Que papel xoga Xesús nas nosas vidas? Que papel lle concedemos xogar? O dunha referencia máis ou menos teórica, estética, e pouco máis? Ou o dunha referencia vital, con influencia viva no día a día da miña existencia?
A sabedoría de Xesús e a súa capacidade curadora pódennos vir directamente del, pois con el podemos tratar, intimar, na fe, no Espírito. Os momentos de lectura, de reflexión, de oración, de estancia e diálogo vivo con Xesús pódennos achegar a súa palabra sabia e a súa forza de vida. Pero sen esquecer que será moi normal que Deus, Xesús, o Espírito, empregue mediacións normais da vida para poñernos en contacto coa súa sabedoría de vida, coa súa forza de curación. E as mediacións son normalmente outras persoas, frecuentemente pobres, sen moitas aparencia, que coa súa palabra e o seu estilo de vida actualizan a orixinalidade de Xesús. Ollo!, coa idea posta en Xesús e nunha imaxe idealizada del, podemos ignorar, coma os de Nazaré, estas presenzas humildes del no medio de nós. Por iso o evanxeo de hoxe tamén nos invita a deixar de lado falsas seguridades, falsas ideas feitas sobre Xesús e o de Xesús, e a andar co corazón na man, alerta, en vilo, non sexa que Xesús, con toda a súa capacidade de vida e de renovación,
nos pase pola porta e non nos decatemos, ou incluso lle pechemos aborrecidos as portas da nosa vida. Que todo pode pasar.
Preces
QUE SAIBAMOS ACOLLERTE, XESÚS
Nestes momentos de crise, cando se cuestionan tanto modelos de vida que tiñamos, que poidamos descubrir e seguir a túa sabedoría de vida, para acertar coas fontes do bo progreso, da paz e da alegría. Oremos.
Que descubramos contigo, Xesús, o don da solidariedade; que pensemos na demais xente, que nos preguntemos honestamente como mellor servila e acompañala. Oremos.
Que che saibamos abrir a nosa vida toda, para que poidas poñer nela toda a túa forza de curación e de renovación. Oremos.
Que contigo, con moita humildade, saibamos cooperar en levar palabras sabias para a vida e en facer cousas de ánimo e curación para as persoas máis débiles da sociedade. Oremos.
Para que descubramos o valor do pequeno, do humilde, do insignificante, sabendo que é aí, Xesús, onde nos queres amosar especialmente a túa presenza salvadora.
Oración
Saberei abrirche a porta, Xesús?A ti que a diario me visitas,que a diario me acompañas,que a diario te preocupas por mine por todo o que me funde e me levanta.Saberei abrirche a porta?Saberei abrirche a porta, Xesús?Cando ves envolto en roupas de pobreza,enchendo o corpo débil da xente tamén débil,nas palabras fráxiles de quen case non fala,na ollada murcha de quen pena e desespera.Saberei abrirche a porta?Saberei abrirche a porta, Xesús?Cando vés ledo e xubiloso,contarme as fazañas miúdasde quen te ama e te serve,de quen te coida con mimosna xente que de mimos anda escasa e precisada.Saberei abrirche a porta?Saberei abrirche a porta, Xesús?Cada mañá, cada tarde, cada noite,a porta da casa, do corazón, da vida,a porta do meu mal, do meu pecado,a porta dos meus soños e esperanzas.Saberei abrirche a porta?Saberei abrirche a porta, Xesús?Sen medos, sen condicións,sen ideas preconcibidas,sen dar por feito o que es e o que me ofreces,deixándote entrar e remexer a casa toda,fiado en ti.Saberei abrirche a porta?
Acción
Podo repasar o vivido a semana pasada, por exemplo. Que cousas vin ou oín, en ámbitos relixiosos ou non, que foron para min coma unha voz de Deus, unha chamada del, unha oferta del para a miña vida? Fíxenlle caso a a iso que vin ou oín? Deixeime conmocionar por iso?
8 de xullo: Luns da 14ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xén 28, 10-22a. Salmo: 90, 1-2. 3-4. 14-15ab
Ano 2: 1ª lectura: Os 2, 16. 17b-18. 21-22. Salmo: 144, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9
Evanxeo: Mt 9, 18-26
Nunha ocasión, mentres Xesús lle falaba á xente, apareceu unha persoa importante que se prostrou diante del e lle dixo:
—A miña filla acaba de morrer. Ven, impón a túa man sobre ela e vivirá.
Ergueuse Xesús e seguiuno cos seus discípulos. Nisto, unha muller que padecía hemorraxias dende había doce anos, achegándose por detrás, tocoulle a orla do seu manto, dicindo para si:
—Se lle dou tocado a roupa, xa curo.
Xesús virouse e ao vela díxolle:
—¡Ánimo, filla, a túa fe sandoute!
E dende aquel instante a muller quedou curada.
Ao chegar Xesús á casa do home aquel importante, viu os frautistas e máis o barullo da xente e dixo:
—Apartade, que a rapaciña non está morta; a rapaza dorme.
A xente ríase del. Pero el botou para fóra a xente toda, entrou e colleu a rapaza pola man. E ela ergueuse. A noticia espallouse por toda a redonda.
Meditación
O día 1 de xullo, domingo 13 do Tempo Ordinario xa lemos estes mesmos feitos, aínda que contados polo evanxelista Marcos con máis detalle. A brevidade de hoxe axúdanos a ver o fundamental do relato: Xesús enredado sempre en cousas de solidariedade, mediando en situacións duras para a xente, disposto sempre a intervir. Xesús que sempre se quita importancia, e sinala como algo fundamental a fe de quen con el se trata: o mérito está nas persoas que lle abren o corazón, a vida, coas súas penas e alegrías. Xesús transmitindo ánimos, convertendo en vida o que tiña todas as aparencias de morte. Como tal era recoñecido e admirado Xesús. Milagres si, milagres non? Con milagres ou sen milagres Xesús era o que era e transmitía o que transmitía: compaña, alentos, recuperacións, vida. Xesús realmente daba gusto.
Oración
Impós a túa man sobre nós, Xesús,porque iso é sempre o teu.Mans cheas de bendicións,porque ti eras e es todo bendición.Mans cheas de perdón,porque ti mesmo eras e es o perdón de Deus.Mans cheas de alentos,porque o Espírito de Deus corría polas túas veas.Mans cheas de curación,porque curador da humanidade aceptaches ser.Mans cheas de vida,porque en ti ata a mesma morte se fixo vida.Impón a túa man sobre nós, Xesús.
Acción
Podemos mirar se nós, como persoas e como comunidade cristiá ou parroquia, sabemos estar próximos ás persoas que o estean pasando mal por calquera razón. Seguro que poderemos mellorar nisto, para facer a nosa presenza máis ao estilo de Xesús.
9 de xullo: Martes da 14ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xén 32, 22-32. Salmo: 16, 1. 2-3. 6-7. 8b e 15
Ano 2: 1ª lectura: os 8, 4-7. 11-13. Salmo: 113 B, 3-4. 5-6. 7ab-8. 9-10
Evanxeo: Mt 9, 32-38
Nunha ocasión presentáronlle a Xesús un mudo endemoñado. E así que lle botou o demo fóra, o mudo falou. A xente quedou coa boca aberta e dicía:
—Nunca tal cousa se viu en Israel.
Pero os fariseos dicían:
—Bota os demoños co poder do xefe dos demoños.
Xesús percorría todas as vilas e aldeas ensinando nas sinagogas, anunciando a Boa Nova do Reino e curando toda enfermidade e doenza. Pero, vendo a multitude, sentiu unha fonda compaixón por ela, porque estaban todos derreados e esmorecidos coma ovellas sen pastor. Entón díxolle aos discípulos:
—A anada é ben boa, pero os xornaleiros son poucos; así que rogádelle ao dono da colleita que mande xornaleiros á súa ceifa.
Meditación
Este pedaciño de Evanxeo permítenos achegarnos a ese centro sobre o que xiraba a vida toda de Xesús: un sentimento fondo de compaixón cara a aquela xente, veciña súa, que andaba machucada pola vida, que andaba perdida, sen norte, sen referencias que lles valesen para darlle cara á súa situación de deterioro extremo. E a compaixón convertíase en Xesús nunha actitude solidaria viva: facía sempre todo o que podía para mellorar a súa vida. E a súa compaixón converteuse tamén nel nunha crítica firme a unha institución relixiosa que vía e vivía todo iso con indiferenza, como se Deus vise con bos ollos que as cousas seguisen sendo así; incluso para xustificar a súa pasividade dicían que Xesús tiña o demo no corpo; en tempos modernos, cando alguén andaba en solidariedades reais e intelixentes como as de Xesús, dicían que era comunista. A Xesús urxíalle a situación calamitosa da xente, e por iso a súa ansia era que se multiplicasen as persoas que a tomasen moi en serio.
O cadro seguen tendo actualidade. Preto ou lonxe de nós segue a haber millóns de persoas de vida arrastrada, demandando solidariedade no nome da humanidade, no nome de Deus. ¿Qué facemos como cidadáns, como seguidoras, seguidores de Xesús que nos dicimos?
Oración
Unha cousa me pides, meu Deus,unha cousa soamente:que a vida non me sexa indiferente.Que o corazón non se me encolla,que os ollos non se pechenante a miseria evidente.Que non vexa como normalo que é absurdo, repelente.Que sinta, ame e me unaa quen soña diferente.No teu nome, meu Deus,ou no nome do que queira ou de quen queira,pero nunca, nunca, indiferente.
Acción
As persoas e países europeos estamos sendo retados pola realidade dos refuxiados. ¿Qué resposta lle dámos a isto no noso corazón, na nosa comunidade cristiá? ¿De que forma concreta estamos colaborando? ¿Somos sensibles coma Xesús a outras miserias humanas?
10 de xullo: Mércores da 14ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xén 41, 55-57; 42, 5-7a. 17-24a. Salmo: 32, 2-3. 10-11. 18-19
Ano 2: 1ª lectura: Os 10, 1-3. 7-8. 12. Salmo: 104, 2-3. 4-5. 6-7
Evanxeo: Mt 10, 1-7
Unha vez Xesús chamou os doce discípulos e deulles poder para que botar os espírito malos e para curar toda enfermidade e doenza. Estes son os nomes dos doce apóstolos: o primeiro Simón, chamado Pedro, e máis André, seu irmán, Santiago o do Zebedeo e máis Xoán, seu irmán; Felipe e Bartolomeu, Tomé e Mateu, o recadador de impostos, Santiago o de Alfeo e máis Tadeo, Simón o Zelota e Xudas Iscariote, o mesmo que o entregou.
A estes doce mandounos Xesús con estas instrucións:
—Non vaiades a terra de pagáns nin entredes en vilas de samaritanos; ide mais ben ás ovellas perdidas da casa de Israel. E mentres camiñades, proclamade que xa chega o reino dos Ceos.
Meditación
Cada un, cada unha no noso grupo, comunidade ou parroquia temos un nome particular, unha historia propia, un xeito de ser, unhas calidades especiais, nunha variedade que nos singulariza e enriquece a todo o conxunto. Iso é ser comunidade. E a esta comunidade que hoxe nós somos tamén Xesús nos envía a proclamar que o de Deus xa está aquí, no medio de nós, que o podemos percibir na vida e nos feitos doutras persoas, e que o podemos poñer en evidencia co noso estilo de vida, cos nosos feitos. Onde hai melloría para os seres humanos no corpo e no espírito hai reino de Deus. Non se entende anunciar e traballar polo reino de Deus sen esa implicación en todo o que leve conforto e alento á xente, sobre todo á máis vulnerable.
Oración
Conto contigo, Xesús,sen ti, sen o teu Espíritoson incapaz de levar adiante a tarefaque me propós,a min e á comunidade da que formo parte.Que unha cousa son as ideas,e outra a disposición firme para darlles vida.Oio no me interior que me dis:a miña forza tela asegurada;eu tamén conto contigo.
Acción
Podemos pensar en que cousas concretas de conforto e alento da xente estamos nós anunciando o mundo novo de Deus polo que Xesús loitou ata a morte. ¿Podería eu facer algo máis, dadas as miñas particulares calidades e habilidades?
11 de xullo: Festa de San Bieito, patrón de Europa
1ª lectura: Prov 2, 1-9. Salmo 33, 2-3. 4 e 6. 9 e 12. 14-15
Evanxeo: Mt 19, 27-29
Unha vez díxolle Pedro a Xesús:
—Pois nós deixámolo todo e seguímoste. ¿Qué nos vai tocar?
Xesús respondeu:
—Asegúrovos que, cando cheguen os novos tempos e o fillo do Home sente no trono da súa gloria, vós, os que me seguistes, sentaredes en doce tronos para xulgardes as doce tribos de Israel. E todo aquel que deixou casas ou irmáns ou pai ou nai ou fillos ou leiras, por causa do meu nome, recibirá cen veces máis e herdará a vida eterna.
Meditación
A Bieito de Nursia (480-547) tocoulle vivir nun momento convulso: o imperio romano desfacíase baixo a presión dos pobos centroeuropeos, e a Igrexa, que fora unha Igrexa de mártires ata o s. IV, pasara a ser unha Igrexa vinculada ao poder, na que se entraba e se vivía sen demasiado convencemento, e moito por rutina. Bieito, un laico “universitario”, reaccionou contra esta forma apagada de ser cristián e lanzouse á aventura dunha vida enganchada verdadeiramente ao camiño de Xesús, primeiro como monxe solitario, e logo como fundador de comunidades monásticas. O seu monacato influíu moito en todo o occidente. Tivo unha grande influencia na construción de Galicia desde os séculos XI-XII. Fundáronse moitos mosteiros entre nós; fundar un mosteiro era promover a fe, pero tamén a cultura, a agricultura, a organización social. Fundar un mosteiro era daquela como fundar hoxe unha boa empresa.
O alento monástico ten como base fundamental a pobreza, o abaixamento, o desapego, o baleiro exterior e interior, para deixar que a presenza de Deus o encha todo e se converta na referencia diaria, que nutre todas as actividades da vida. O silencio, a humildade e a dispoñibilidade nutren esta vida. Podemos agradecer a vida dos monxes; podemos tamén aprender deles.
Oración
Seguirte, Xesús,saír da rutina e seguirte.Sen deixarse envolverpolo balbordo do mundo,polos seus cantos de serea,polas súas promesas fofas.Seguirte, Xesús,simplemente seguirte,nun claustro ou na casa,de monxa ou de labrega,no mar ou en terra,coa familia, na empresa,sa ou enferma.Seguirte, Xesús,co silencio necesario,coa palabra amigableco berro de protesta,sempre con humildade,sempre con dispoñibilidade.Seguirte, Xesús,seguirte de cerca.
Acción
Sería un bo día para poder visitar algún dos mosteiros existentes en Galicia, que se seguen rexendo pola régoa de s. Bieito: Monxas cistercienses en Ferreira de Pantón (Lugo) e en Armenteira (Pontevedra); monxas beneditinas en Santiago (A Coruña) e en Trasmañó (Pontevedra). Monxes beneditinos en Samos (Lugo); monxes trapenses en Sobrado (A Coruña) e cistercienses en Oseira (Ourense). Visitalos e ver que é o que nos ofrecen ás persoas e comunidades cristiás para podermos vivir en maior fidelidade cristiá.
12 de xullo: Venres da 14ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xén 46, 1-7. 28-30. Salmo: 36, 3-4. 18-19. 27-28. 39-40
Ano 2: 1ª lectura: Os 14, 2-10. Salmo: 50, 3-4. 8-9. 12-13. 14 e 17
Evanxeo: Mt 10, 16-23
Naquel tempo díxolles Xesús aos seus apóstolos:
—Vede que vos mando coma ovellas entre lobos! Así que sede prudentes coma as serpes e sinxelos coma as pombas. Tede coidado coa xente, porque entregaranvos aos tribunais e hanvos azoutar nas sinagogas. E pola miña causa hanvos levar ante gobernadores e reis; así daredes testemuño de min diante deles e dos pagáns.
E, cando vos entreguen, non andedes angustiados polo como ou polo que ides dicir, porque naquela hora hásevos inspirar o que tendes que dicir. Non sodes vós os que falaredes, senón que será o Espírito de meu Pai quen falará por vós. Haberá irmáns que entreguen a seus irmáns á morte; pais a fillos; fillos que denuncien a seus pais ata facelos matar. Pola miña causa hanvos odiar, pero o que persevere ata o final, salvarase. Cando vos persigan nunha vila, fuxide a outra, porque de certo vos aseguro que non acabaredes de andar as vilas de Israel antes de que veña o Fillo do Home.
Meditación
Este pedaciño de Evanxeo está retratando o que pasou coas primeiras comunidades cristiás no medio do mundo xudeu e do imperio romano. Tamén pode reflectir o que está pasando hoxe no Oriente Medio e nalgúns países de África, Asia, de América Latina. Xente cristiá que é asasinada por ser cristiá. E nós que? Aínda que alguén así o afirme, pouco é o que temos que aturar nós polo feito de sermos cristiáns e cristiás. O certo é que somos xente moi adaptada ao sistema, con pouca resistencia ás súas liñas de forza, aínda que vaian contra o soño de Xesús: unha sociedade fraterna desde a conciencia fonda de sermos en igualdade fillos e fillas de Deus.
Quizais por estarmos tan metidos no mundo sen demasiado discernimento, por iso mesmo nos cadren máis os avisos de Xesús: “mándovos como ovellas entre lobos”, pois andamos entre quen estraga xentes e pobos e podémonos facer colaboradores seus; “sede prudentes coma as serpes e sinxelos coma as pombas”, porque nolas poden coar por todos os lados e nin nos decatamos; que os conflitos sexan “pola miña causa”, por “dar testemuño de min”, e non por calquera outra ideoloxía social, política ou mesmo relixiosa; “non andedes angustiados”, pois o Espírito é o voso valedor sempre. “Perseverar ata o final”, pois a historia, a nos historia concreta tamén, está aberta a un futuro que descansa nas mans de Deus.
Oración
No mundo,contigo, coma ti,pero sabéndonos ovellas entre lobos.No mundo,pero sinxelas coma pombas e astutas coma serpes.No mundo,pero tendo coidado coa xente crida no sistemae co sistema que vai dentro de nós mesmas.No mundo,pero comprometéndonos a fondo coa túa causa,dando testemuño de ti con humilde ousadía.No mundo,pero sen deixarnos levar pola angustia.No mundo,pero confiando a fondo no teu Espíritoque guiará os nosos feitos, as nosas palabras.No mundo,pero soñando cunha terra nova, cun ceo novono nome do Deus comprometido coa vida.
Acción
¿Estamos tendo algún tipo de conflito a calquera nivel coa sociedade na que vivimos? ¿Obedecen eses conflitos a estarmos apostando pola causa de Xesús? ¿Cómo levamos eses conflitos?
13 de xullo: Sábado da 14ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xén 49, 29-33; 50, 15-26a. Salmo: 104, 1-2. 3-4. 6-7
Ano 2: 1ª lectura: Is 6, 1-8. Salmo: 92, 1ab. 1c-3. 5
Evanxeo: Mt 10, 24-33
Naquel tempo díxolles Xesús aos seus apóstolos:
—Un discípulo non é máis ca o seu Mestre, nin un servo é máis que o seu Señor. Abóndalle ao discípulo chegar a ser coma o seu Mestre, e ao servo, coma o seu Señor. Se ao dono da casa lle chamaron Belcebul, ¡canto máis aos criados!
Pero non lles teñades medo, que non hai cousa encuberta que non se acabe descubrindo, nin cousa oculta que non se acabe sabendo. O que vos digo na escuridade faládeo á plena luz; e o que oídes ás agachadas pregoádeo dende as azoteas.
Non lles teñades medo aos que matan o corpo, pero non poden matar a alma; temede máis ben a aquel que pode arruinar o corpo e a alma no inferno. ¿Non se vende un par de pardais por catro patacos? E non cae o primeiro no chan sen o consentimento do voso Pai. Pois vós ata os pelos da cabeza tendes contados. Así que non teñades medo, que vós valedes máis ca todos os pardais xuntos.
Todo o que volva por min diante dos homes tamén eu hei volver por el diante de meu Pai celestial. Pero quen me negue diante dos homes, eu negareino a el diante do meu Pai celestial.
Meditación
A insistencia de Xesús hoxe vai recollida nesta encomenda, que repite ata tres veces: “Non teñades medo”. Non sei se esa é a nosa tentación, ou non. Ten medo a persoa que se implica, que arrisca, que aposta por un estilo de vida que entra en contradición co que se leva, que pode por iso ser rexeitada, desprezada e mesmo sancionada de diferentes maneiras; nalgúns casos e países –xa o falabamos onte— coa mesma morte. As palabras de Xesús van dirixidas a persoas deste tipo, que certamente haber hainas dentro da comunidade eclesial, pero que, tamén é certo, non abundan.
Os nosos medos normalmente son máis simples: é o simple medo a dar o primeiro paso, a facer a primeira aposta polo de Xesús. Máis ca medo igual xa é desinterese, xa é pasar. Medos, si, a perder esas cousas básicas que garanten tranquilidade na vida: traballo, cartos, casa, parella… Sendo así, ¿cómo chegar a vivir esa experiencia de proximidade ao Xesús insultado, e nesa esperanza de triunfo do xusto e verdadeiro, e nesa seguridade radical de que nada hai en nós que quede ao marxe da tutela de Deus. Está nas nosas mans escoller ante que medos nos situar na vida. E ante que promesas e boas venturas.
Oración
Chégame, chégame abondo, Xesús,con ser servo que imita o seu Señor,ai, canté!Chégame, Xesús,con vivir na limitación e na confianza,á espera da luzsobre a miña propia persoa,sobre tantas cousas da vida que me desbordan.Chégame, Xesús,con non ter medoa quen me pode amolar de mil maneiras,pero nunca poderá violarme no meu íntimo,onde Deus garante eternidades.Chégame moito, Xesús,con saber que ata os pelos da miña cabezaestán todos contados… e coidados,porque eu, coma calquera outro irmán ou irmá,sexa crente ou non,somos cousa preciosa para Deus.Chégame, chégame abondo, Xesús,ser algo, un chisquiño coma ti.
Acción
Podiamos hoxe pensar un pouco nos medos que igual condicionan a nosa vida. ¿Qué facemos con eses medos? ¿Deixamos quen manden en nós? ¿Buscamos maneiras de sobrepoñernos a eles? Sería ben apropiado poder falar disto en grupo.