O Evanxeo de cada día con ollos de aldea
Manuel Regal Ledo
14 de xullo: Domingo 15º do Tempo Ordinario
1ª lectura: Am 7, 12-15. Salmo: 84, 9ab-10. 11-12. 13-14
2ª lectura: Ef 1, 3-14
Evanxeo: Mc 6, 7-13
Un día chamou Xesús os Doce e empezou a mandalos de dous en dous, dándolles poder sobre os espíritos malos. Recomendoulles que non levasen nada para o camiño, fóra dun caxato; nin pan, nin alforxas, nin cartos na faixa. Que calzasen sandalias, pero que non levasen máis ca unha túnica. E avisounos:
—Cando entredes nunha casa, permanecede nela ata que marchedes. Se nalgún lugar non vos acollen nin vos escoitan, ídevos, sacudindo o po dos vosos pés, para que lles sirva de aviso.
Marcharon e predicaron a conversión. Botaban fóra moitos demoños e curaban os enfermos, unxíndoos con aceite.
Meditación
Ultimamente na Igrexa falamos moito de “nova evanxelización”. Parécenos que a nosa sociedade é unha sociedade empobrecida, desalentada, desorientada, perdida. A Igrexa pasoulle o Evanxeo durante séculos, pero ese Evanxeo non entrou a fondo no corpo e na alma das nosas sociedades, e por iso a Igrexa cre oportuno e necesario evanxelizar de novo, ofrecer unha nova evanxelización, para que as cousas boas de Deus poidan devolverlles a paz, a esperanza, o alento aos homes e mulleres que compoñen, compoñemos, as aldea, vilas e cidades da nosa terra.
Non dicimos que non necesitemos todos, os de fóra e os de dentro, un novo ofrecemento do Evanxeo de Xesús. Pero si que pensamos que a moitos/as lles pode molestar un pouco esa forma que temos na Igrexa de poñer sempre os defectos, os pecados fóra. Porque quen durante séculos e séculos tivo a tarefa de anunciar o Evanxeo, de promovelo, para que se chegase a converter na alma nas nosas sociedades? Quen tivo tantísimos recursos ao seu alcance para poder facelo? Quen tivo as mans libres, os cartos, as estruturas, todo o necesario para poder facelo? Se se deu un relativo fracaso, se é necesario empuxar unha “nova evanxelización”, non será tamén porque os responsables de manter vivo o Evanxeo no medio da sociedade fallamos no noso cometido? Non teremos que revisar as maneiras como ata agora o estivemos facendo, os nosos obxectivos, os nosos métodos?
A pasaxe do Evanxeo que hoxe lemos coméntanos como foi aquilo que para Xesús e os seus compañeiros/as era tamén unha “nova evanxelización”. Fálanos dos obxectivos que se marcaban e dalgunhas maneiras básicas de levalos a cabo. Por iso é tan importante para nós, seguidores e seguidoras de Xesús, que reparemos nestas cousas, cando estamos convocados tamén a unha “nova evanxelización” necesaria. Volver ás nosas fontes, volver ao Evanxeo, volver ás prácticas, ao estilo de Xesús e dos seus seguidores e seguidoras seguro que nos axudará enormemente, seguro que será garantía de éxito para a nosa vontade de facernos presentes coma cristiáns/ás no medio dos nosos pobos.
En principio, o grupo de Xesús, onte coma hoxe, non é un grupo de poder, que se estruture entre si desde as leis de quen manda máis, quen manda menos. Outra cousa é que despois o grupo deba ter o seu entendemento, a súa organización, pero nunca desde o dominio sobre as persoas. Hai moitas páxinas do Evanxeo que nos animan a facernos así. A “nova evanxelización” ao estilo de Xesús debería partir de comunidades fraternas máis ca autoritarias, aínda que a esa autoridade lle chamemos xerarquía.
O grupo de Xesús, onte coma hoxe, ten poder, recibido de Xesús, sobre os espíritos malos; é dicir, sobre todo aquilo que conturba, perturba, a paz, o benestar, a alegría, a esperanza da xente. E sobre eses espíritos malos actúa. Cales son, en cada caso, os espíritos malos que perturban a propia vida e a vida da xente que nos arrodea? É unha pregunta que debería facerse calquera comunidade cristiá, para ir entrando nas formas de traballo de Xesús. Para responder a esta pregunta, non hai que quedarse na tona das cousas (as necesidades básicas máis elementais), pero tampouco hai que ignorar que a falta de pan, de traballo, de saúde, de recursos de formación, etc., frea moitos outros niveis. De feito, o grupo de Xesús parece que facía moito o de coidar e curar enfermos.
O grupo de Xesús, onte coma hoxe, está convocado, estamos convocados, a anunciar o Evanxeo en moita pobreza e inseguridade, en moitísima confianza en Deus e no seu poder de chegar ata os corazóns da xente. Xesús nisto era moi radical. Na Igrexa, onte coma hoxe, desconfiamos desta radicalidade de Xesús e moitísimas veces promovemos unha “nova evanxelización” desde moreas de medios e estruturas. O certo é que o de Deus, a fermosura de vida do Evanxeo, entra nas persoas e nos pobos sobre todo polo testemuño de persoas alleas ao poder, alleas aos cartos, apaixonadas polo trato achegado e servicial aos veciños e veciñas. Só así se cambian as cousas, as vidas. Só así se dá a conversión a
unha maneira nova de entender e de vivir a vida. Só así van nacendo persoas novas, comunidades novas, parroquias novas. Só así se garante unha evanxelización realmente nova.
Preces:
QUE O TEU ESTILO DE VIDA, XESÚS,
ENTRE NAS NOSAS COMUNIDADES
Que, antes de nada, nos abramos nós mesmos ao teu Evanxeo, nos deixemos tocar e converter por ti, polo teu estilo de vida. Oremos todos e todas.
Que teñamos trato e esteamos próximos ás persoas, para poder descubrir o que precisan de nós e dispoñernos a ofrecer o que poidamos darlles. Oremos todas e todos.
Que descubramos o grande valor da austeridade, gastando só o necesario en todo, para sermos máis libres e poder abrir mellor o noso corazón e as nosas mans as necesidades da máis xente. Oremos todos e todas.
Que saibamos responder ao afán de poder que cruza as nosas sociedades con comunidades fraternas, que recreen nos tempos de hoxe o estilo novo e provocativo de Xesús. Oremos todos e todas.
Que sexamos sinxelos/as, pero non inxenuos, que teñamos os ollos ben abertos ao que está pasando con isto da crise, para responder de maneira axeitada en defensa sempre da xente máis débil da sociedade. Oremos todos e todas.
Oración
Nada para o camiño, Xesús,só a túa forza, só a túa luz.Só un caxato para mellor andar,só a túa forza, só a túa paz.Nin pan nin alforxas, completa liberdade,só a túa forza, que dá seguridade.Sen cartos na carteira, pobres sen máis,só a túa forza, que nos fai a fondo iguais.Con sandalias nos pés, que o camiño é longo,só a túa forza, só o teu conforto.Non máis ca unha túnica, camisa e pantalón,só a túa forza, só a túa compaixón.De rostro en rostro, de casa en casa,coa túa forza como a mellor compaña.Dando gratis o gratis recibido,coa túa forza coma o mellor cumprido.Preto de quen chora, preto de quen sofre,coa túa forza que os males conmove.Soñando coa xente, soñando co pobo,coa túa forza que o fai todo novo.
Acción
O evanxeo de hoxe pode invitarnos á práctica do “primeiro anuncio”. Estamos compartindo a nosa condición de persoas cristiás á xente que convive connosco na familia, na sociedade? Como o facemos? Que experiencia temos diso? Que dificultades?
15 de xullo: Luns da 15ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Ex 1, 8-14. 22. Salmo: 123, 1-3. 4-6. 7-8
Ano 2: 1ª lectura: Is 1, 10-17. Salmo: 49, 8-9. 16bc-17. 21 e 23
Evanxeo: Mt 10, 34—11,1
Naquel tempo díxolles Xesús aos seus Apóstolos:
—Non vaiades pensar que vin traer paz á terra; non vin traer paz, senón espada. Porque vin enfrontar o home co seu pai, a filla coa súa nai, á nora coa súa sogra e os inimigos de cada un serán os da propia familia. Quen ama a seu pai ou a súa nai máis ca a min non é digno de min. E quen ame a seu fillo ou a súa filla máis ca a min non é digno de min. E quen non carga coa súa cruz e me segue, non é digno de min. Quen trate de conservar a vida perderaa; pero quen a perda por min ese conservaraa.
Quen vos recibe a vós recíbeme a min; e quen me recibe a min recibe ao que me mandou. Quen recibe a un profeta por ser profeta terá recompensa de profeta; quen recibe a un xusto por ser xusto terá recompensa de xusto. E quen dea de beber aínda que soamente sexa un vaso da auga fresca a un destes pequenos, por ser discípulo meu, asegúrovos que non perderá a súa recompensa.
En rematando de lles dar estas instrucións aos doce discípulos, partiu de alí para ensinar e predicar por aquelas vilas.
Meditación
Palabras duras estas de Xesús. Parece que botan para atrás. Palabras que nos falan dun ambiente de persecución, cando a xente cristiá por ser cristiá era denunciada, acusada, condenada, axustizada. Eran horas de tomar posición incluso ante a mesma familia. Eran horas de ir a aquilo central, fundamental, sobre o que se monta a propia existencia e apostar por iso a fondo.
Son frecuentes entre nós os conflitos: na familia, na comunidade cristiá, na sociedade. É importante ver que é o que motiva o conflito. Poden ser os cartos, a ansia de poder, as maneiras de ser de cada quen, algunhas decisións políticas interesadas, … Se como Xesús, optamos por un estilo de vida solidario, respectuoso e coidador da xente débil, se non nos acomodamos ás mentiras e aos abusos, se queremos chegar ás fontes do mal para podelo superar, o normal é que nos vexamos en situacións apuradas, nas que temos que tomar decisións. E igual a familia anda tamén polo medio, e ante a mesma familia teñamos que marcar distancias. Xesús avísanos desta posibilidade. Xesús invítanos a ser fieis a aquilo que vexamos xusto, coherente, aínda que nos doia e causemos algunha dor.
Oración
Apréndeme, Xesús,a vivir os conflitos, os enfrontamentos,como ti os vivías:desde o que consideramos xusto,desde a liberdade,desde o amor,desde a coherencia,desde a busca do mellor para a xente máis débil,pero tamén para toda a xente,mesmo para aquelaque nos pode quebrar a cabezae quentar o xenio.Apréndeme a non fuxir dos conflitos,a vivilos como oportunidades de crecemento.
Acción
Á luz deste evanxeo, podemos revisar como estamos vivindo nós os conflitos. ¿Por qué cousas entramos en conflitos: por parvadas ou por cousas de peso, que inflúen no benestar ou malestar da xente? ¿Escapamos deles, afrontámolos con serenidade, escoitamos a quen nos provoca o conflito por se ten razón, sabemos ceder cando cómpre, sabemos manternos no que cremos xusto?
16 de xullo: Martes da 15ª semana do Tempo Ordinario.
Ano 1: 1ª lectura: Ex 2, 1-15a. Salmo: 68, 3. 30-31. 33-34
Ano 2: 1ª lectura: Is 7, 1-9. Salmo: 47, 2-3a. 3b-4. 5-6. 7-8
Evanxeo: Mt 11, 20-24
Nunha ocasión empezou Xesús a rifarlles ás vilas nas que fixera a maior parte dos milagres e que non se converteran.
—¡Ai de ti, Corozaín! ¡Ai de ti, Betsaida! Porque se en Tiro e Sidón se fixesen os milagres que se fixeron en vós, hai tempo que facían penitencia cubertas de saco e de cinsa. Por iso dígovos: O día do xuízo será moito máis suave para Tiro e Sidón do que para vós. E ti, Cafarnaúm, ¿seica pensas que vas chegar ata o ceo? ¡Asolagaraste no abismo!” Porque se en Sodoma se fixesen os milagres que se fixeron en ti, aínda duraba hoxe. Por iso dígovos que Sodoma terá un día do xuízo máis suave ca vós.
Meditación
Aínda que así nos soen, non son palabras de ameaza. Deus nunca nos ameaza. Xesús tampouco. Son palabras de advertencia. Xesús estáballes facendo un ofrecemento a aquela xente contemporánea súa, e moita dela pasaba de Xesús e das súas historias. E perdían a oportunidade que Deus lles ofrecía de darlle un impulso novo ás súas vidas, a base de incorporarse a fondo a esa forza de amor, de compaixón, de solidariedade, de xustiza que lles chegaba gratuitamente de parte de Deus.
A nós tamén nos pode pasar o mesmo. Sexa de parte de Deus, a través do Evanxeo de Xesús ou da comunidade cristiá que intenta vivilo, sexa de parte doutras persoas, crentes ou non crentes, pódennos chegar ofrecementos bos, que nos leven a implicarnos en tarefas de amor, de servizo, de solidariedade; con elas medraremos nós en humanidade e poderemos axudar a outras persoas a que medren tamén. Pero, como a xente contemporánea de Xesús, podemos facer caso ou dar as costas. Na nosa man está o ben ou o mal, o crecemento como persoas crentes ou o decaemento.
Oración
Porque nos queres ben, Xesús,disnos as cousas con claridade.Porque nos queres ben,advírtesnos da transcendencia de moitas cousas.Porque nos queres ben,cabréaste connosco.Porque nos queres ben,bótasnos en cara o noso desinterese.Porque nos queres ben,agardas que escoitemos e reaccionemos.Porque nos queres ben,tesnos sempre dentro das túas preocupacións.Grazas, Xesús.que saibamos escoitarte e cambiar.
Acción
¿Parámonos algunha vez a escoitar no noso interior as críticas e advertencias que nos veñen de Xesús, ou que nos veñen de calquera persoa coa que nos movemos na vida? Hoxe podemos dedicarlle polo menos 5 minutos a esta escoita.
Acción
Se podemos, seguro que gozaremos moito participando nalgunha romaría dedicada á Santa María do Carme. Podemos quedarnos co que vexamos acertado da celebración, e esquecer o que non nos pareza moi oportuno.
17 de xullo: Mércores da 15ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Ex 3, 1-6. 9-12. Salmo: 102, 1-2. 3-4. 6-7
Ano 2: 1ª lectura: Is 10, 5-16. Salmo: 93, 5-6. 7-8. 9-10. 14-15
Evanxeo: Mt 11, 25-27
Nunha ocasión exclamou Xesús:
—Bendito sexas, meu Pai, Señor do ceo e máis da terra, porque lles escondiches estas cousas aos sabios e aos prudentes e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así. Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece o fillo agás o Pai, nin coñece o Pai agás o Fillo e aquel a quen o Fillo llo queira revelar.
Meditación
De Xesús sabemos que era un home fondamente vinculado con Deus, amigo de facer en todo a súa vontade, amigo tamén de pasar tempos longos de oración en silencio, no segredo de Deus. Sen embargo conservamos poucas oracións de Xesús: a do Noso Pai, a oración no horto das oliveiras, a oración última na cruz, esta que recolle o evanxeo de hoxe, e pouco máis. Todas elas permítennos achegarnos ao talante vital, crente, de Xesús.
No caso de hoxe é unha oración de bendición e agradecemento a Deus porque Xesús observa que é a xente humilde a que máis aberta está a acoller as propostas de Deus que el lles ofrece. A sabedoría e a cautela ou desconfianza moitas veces levan a pecharse ante a novidade desconcertante de Deus. Deus sempre descoloca, e quen está demasiado asentado polo seu saber ou polo seu pretendido control de todo, é ben difícil que se abra a Deus, e que o escoite. Pero así é Deus, así era Xesús, e así é a nosa realidade. Non é que Deus teña un plan previo de só tocar no corazón de determinadas persoas; senón que hai determinados corazóns que, polo seu poder sabichón, están especialmente bloqueados como para que neles poida entrar o coñecemento de Deus. A sabedoría e o poder normalmente non queren saber de propostas de cambio solidario.
Oración
“Bendito sexas, meu Pai,Señor do ceo e máis da terra,porque lles escondiches estas cousasaos sabios e aos prudentese llas revelaches á xente humilde.Si, meu Pai,bendito sexas por che agradar isto así.”Bendito sexas, Pai noso,por teres escollido de sempreas persoas débiles, fráxiles, pequenas,para facelas partícipesdos teus soños de pan, perdón, xustiza e esperanza.Bendito sexas, Pai noso,porque no pequeno e irrelevante Xesús,aos ollos deste mundo,nos amosaches en corpo e almao teu rostro misericordioso e fiel.Bendito sexas, Pai noso,por che agradar isto así.
Acción
¿A quen nos arrimamos, como persoas, como comunidade cristiá? ¿Á xente sabia e poderosa do noso entorno, ou máis preferentemente á xente humilde? ¿Cómo poderiamos acomodarnos nisto aos gustos de Xesús e de Deus?
18 de xullo: Xoves da 15ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Ex 3, 13-20. Salmo: 104, 1 e 5. 8-9. 24-25. 26-27
Ano 2: 1ª lectura: Is 26, 7-9. 12. 16-19. Salmo: 101, 13-14ab e 15. 16-18. 19-21
Evanxeo: Mt 11, 28-30
Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Achegádevos a min todos os que estades cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas almas; porque o meu xugo é doado de levar e a miña carga é liviá.
Meditación
Xesús invita agora a todas as persoas, sen excepción, que estean máis ou menos cansas e oprimidas. No seu tempo había moitas, cunha vida empobrecida, abusada, desalentada, case desesperada. Nos nosos tempos tamén as hai, aínda que quizais as nosas pobrezas, no noso entorno galego ou español, poidan ser doutro tipo. Xesús ofrécenos o que el é, o que el ten: un xugo, unha vinculación con el e coa comunidade doada de levar, non coma os xugos que as autoridades civís e relixiosas lles impoñían; ofrécenos tamén a súa mesma persoa boa e humilde de corazón, accesible para todas e todos nós, na que podemos atopar comprensión fonda, compaña quente, alentos vigorosos, e un exemplo de vida que nos motive, que nos permita manternos en pé, con dignidade, que nos permita soñar, que nos permitirá atopar unha maneira feliz, esperanzada de vivir, no medio das dificultades que poidamos ter. Ditosas, ditosos nós, se lle dámos creto á invitación de Xesús e nos achegamos a el nos camiños da vida!
Oración
Grazas, Xesús, pola túa invitación.Grazas por poñerte a ti mesmo ao noso dispor.Grazas por nos ofrecer todo o teu.sen reparo ningún,sen distingo ningún.Grazas polo teu xugo doado de levar,pola amizade que nos ofreces,poña ensinanza que nos prometes,pola compaña que nos garantes.Grazas polo teu ser humilde e accesible,polo acougo e forza que nos prometes.Intúo que nin sequera nos podemos facer unha ideado mundo de bendición que hai en ti para todos nós!Grazas no meu nome pequeno,no nome maior de toda a xente inmigrante e refuxiadaque escoita de ti palabras de invitación e acollida,que tamén lle gustaría escoitar de todos nós,gobernos e cidadanía.Grazas por monseñor Agrelo,altofalante internacional das túas ofertas e promesasá xente máis cansa e oprimida.
Acción
Todas, todos somos os que recibimos o ofrecemento de Xesús. Pero tamén todas, todos, individualmente e como comunidade cristiá, temos a tarefa de facer oír no noso tempo esa invitación de Xesús á xente cansa e oprimida. ¿Estámolo facendo? ¿Nas nosas comunidades cristiás ofertamos acougo, compaña, alentos, remedios a quen ande ferida pola vida? ¿En que poderiamos mellorar?
19 de xullo: Venres da 15ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Ex 11, 10—12, 14. Salmo: 115, 12-13. 15-16bc. 17-18
Ano 2: 1ª lectura: Is 38, 1-6. 21-22. 7-8. Salmo: Is 38, 10. 11. 12abcd. 16
Evanxeo: Mt 12, 1-8
Un sábado pasaba Xesús por uns agros a trigo. Os seus discípulos sentiron fame e empezaron a arrincar espigas e a comelas. Os fariseos, vendo aquilo, dixéronlle:
—Mira que os teus discípulos fan o que non está permitido facer no sábado.
El contestoulles:
—¿Seica non sabedes o que fixo David cando sentiu fame el e máis os seus acompañantes? Entrou na casa de Deus e comeu pan do ofrecido, cousa que non lle estaba permitida a el nin aos seus acompañantes, senón só aos sacerdotes. ¿E non tedes lido na Lei que os sacerdotes no templo quebrantan o sábado sen por iso seren culpables? Pois eu asegúrovos que aquí hai algo meirande ca o templo. Se entendésedes ben o que significa “misericordia quero e non sacrificios”, non condenabades a estes inocentes. Porque o Fillo do Home é Señor do sábado.
Meditación
As prácticas relixiosas son boas cando nos axudan a recoñecer e agradecer na nosa vida a presenza servidora de Deus e nos motivan para coidar a nosa vida e a empeñarnos tamén no coidado da vida da demais xente. É dicir, todas as leis e prácticas relixiosas deberían estar ao servizo da xente, ao noso servizo, para axudarnos a medrar como persoas e como pobo cristián.
Hoxe entre nós o problema non é que teñamos moita obsesión polo cumprimento das normas relixiosas; pasamos bastante delas e quedamos tan tranquilos. O noso problema é que, por unha práctica trapalleira desas normas, acabamos non lle vendo sentido, mesmo nos parecen case unha parvada e desentendémonos delas. ¿Cómo recuperar o sentido das prácticas relixiosas e o seu cumprimento correcto? ¿Cómo aprender a integralas nunha visión da vida cristiá na que desde logo a misericordia, o respecto, o coidado da vida nosa e da xente máis necesitada estea sempre por riba de calquera outra esixencia?
Oración
“Misericordia quero e non sacrificios”,—iso nos recordas, Xesús.E disnos que, se o entendésemos ben,moi distintas habían ser as cousasna nosa vida persoal e comunitaria;moi distinto sería o aprecio da fe, da vida relixiosadentro da Igrexa e fóra dela.Apréndenos, logo, a entendelo ben,ao teu xeito,co atrevemento, simplicidade e fonduracon que ti o facías.Ollando para a nosa mesma debilidade,ollando para a debilidade de tanta xente do noso redor(xente da rúa, desafiuzada, refuxiada, soa…),“misericordia quero e non sacrificios”.
Acción
¿Qué importancia lle dámos na nosa vida cristiá a esas palabras que Xesús repite: “misericordia quero e non sacrificios”? Pensámolo, falámolo con outros compañeiros e compañeiras, e facemos o que o Espírito nos aconselle.
20 de xullo: Sábado da 15ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Ex 12, 37-42. Salmo: 135, 1. 23-24. 10-12. 13-15
Ano 2: 1ª lectura: Miq 2, 1-5. Salmo: 9, 1-2. 3-4. 7-8. 14
Evanxeo: Mt 12, 14-21
Naquel tempo, ao saír Xesús da sinagoga os fariseos empezaron a maquinar na maneira de acabar con el. Xesús, ao sabelo, decidiu ir para outro lado e seguírono moitos; curou a todos e mandoulles que non o descubrisen, para que se cumprise o que dixera o profeta Isaías:
“Velaquí o meu servo, o meu elixido, o meu amado, a miña regalía. Pousarei o meu Espírito sobre el, para que anuncie o dereito ás nacións. Non discutirá nin berrará, ninguén oirá a súa voz polos rueiros. Non crebará a canivela cascada, nin apagará a torcida que fumega ata que faga triunfar o dereito. El será a esperanza das nacións.
Meditación
Empezan os problemas para Xesús. Problemas serios. Había que acabar con el, porque el –iso pensaban— estaba atacando a base do sistema relixioso existente, que consistía en encher a vida de doutrinas, ritos e obrigas, que acababan distanciando a xente da compaña misericordiosa, fondamente solidaria, de Deus. E Xesús non facía grandes discursos, estaba alí a pé de rúa simplemente, acollendo homes e mulleres e compartindo con esas persoas a súa forza de vida, o seu alento, a súa esperanza, a súa vitalidade corporal e espiritual. Alí estaba Xesús actualizando a vella profecía de Isaías, enchéndoa de vida e de realismo.
Como xente relixiosa, podemos facer corpo cos fariseos, para guerrear contra a orixinalidade de Xesús. Ou podemos, coma Xesús, intentar desapegar a fe das vellas cadeas de doutrinas, ritos e obrigas (algo de todo isto fará falta seguramente), e intentar vivila, como raíz, desde a frescura dunha vida que acolle a xustiza e a misericordia de Deus e as practica con quen dela precise.
Oración
Canté, meu Deus,se con Xesús fose unha miguiña o teu servo/a,o teu elixido/a, o teu amado/a, a túa regalía!Canté, meu Deus,se soubese acoller o Espírito que pousas sobre min,para me facer persoa de paz e de xustiza en todo!Canté, meu Deus,se soubese evitar berros, discusións, palabras ocas,e me envolveses no teu silencio atento, solidario!Canté, meu Deus,se soubese acompañar e acariñar toda vida en risco de non ser,de apagarse, de desaparecerá espera viva do seu florecemento!Canté, meu Deus,poder ser contigo, un chisquiño a lo menos,un reflexo da túa esperanzapara quen bata comigo!Canté, meu Deus, canté!
Acción
Posiblemente no noso medio haxa algunha persoa innovadora nalgún aspecto da vida social, relixiosa, política. ¿Cómo reaccionamos ante ela? Acollemos e pensamos nas súas propostas de vida, ou combatémola porque nos rompe esquemas?