O Evanxeo de cada día con ollos de aldea
Manuel Regal Ledo
21 de xullo: Domingo 16º do Tempo Ordinario
1ª lectura: Xer, 23, 1-6. Salmo: 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6
2ª lectura: Ef 3, 13-18
Evanxeo: Mc 6, 30-34
Sucedeu que os apóstolos volveron reunirse con Xesús e contáronlle canto fixeran e ensinaran. El díxolles:
—Vinde vós sos a parte, a un lugar arredado e descansade un pouco.
Porque eran moita a xente que ía e viña, e nin para comer atopaban tempo. Entón marcharon na barca á parte, a un lugar arredado. Pero víronos marchar e déronse conta moitos e desde todas as aldeas foron andando para alí, e chegaron primeiro ca eles.
Cando desembarcou Xesús, atopouse cunha gran multitude e sentiu compaixón por eles, porque eran coma ovellas sen pastor, e púxose a ensinarlles moitas cousas.
Meditación
Continuando co falado a semana pasada, estamos aprendendo cousas sobre a “nova evanxelización”, que é tarefa para todos e todas nós, reparando precisamente no que foi aquela “nova evanxelización” primeira que levaron a cabo as primeiras comunidades cristiás, que asumiron o compromiso de facer chegar aos seus conveciños/as a boa nova de Xesús. Son cousas sinxelas, pero que, precisamente por selo, moitas veces faltan na vida e nas programacións das nosas comunidades cristiás de hoxe.
Feito xa o traballo, as persoas que partiran falando e actuando ao xeito de Xesús, volven onda Xesús, xúntanse con el, comparten o que fixeran; valórano – suponse—, avalíano, dicimos nós hoxe. É unha práctica sinxela, xuntarse entre nós, con Xesús, en espazos de oración e de comunicación, falar do vivido, do traballado; escoitar, sentirse escoitado, saber recibir chufas e tamén críticas; corrixir actuacións, reforzar os ánimos; sempre desde a importancia da comunidade, do comunitario. Non vos parece que facer isto con normalidade, con asiduidade, con fe, como buscadores/as, nos faría sentirnos ben coma cristiáns/cristiás, nos faría máis eficaces na tarefa de Xesús que prolongamos?
A proposta de Xesús invitando á distancia coa tarefa diaria e ao descanso é ben humana, é ben de Deus tamén. Responde a necesidades elementais que como homes e mulleres temos, para non chegar a iso de andar despois queimados/as, e responde tamén a dinámicas espirituais fondas: descansar, relaxarse, durmir ben, conversar, rir,…, porque non estamos nas nosas pobres mans, senón nas mans fortes e sabias de Xesús, de Deus, do Espírito. Non vos parece tamén que ao falado no punto anterior habería que lle engadir deseguida este tipo de cousas? Era o estilo de Xesús, tan humano sempre, tan, no humano, repleto de Deus.
Xesús, coas persoas que o seguían e acompañaban, atópase cunha grande cantidade de xente que andaba desexosa de bater con el, de estar con el, de beneficiarse da súa forza de vida e de ben. Podémonos incluír entre eses buscadores/as de Xesús. Podemos buscalo, buscando todo aquilo que ole a Xesús, que nos aproxima a el; achegándonos ás persoas que deixan o rastro de Xesús por onde pasan.
Xesús soubo vivir na aclamación dos seguidores e no desprezo dos que o aborrecían. Sabemos que o ser cristián/á, hoxe polo menos, non é cousa de multitudes fervorosas. Quizabes estamos en momentos de aprender a tolerar o desprezo, a cuestionarnos por el, a apostar, a pesar de todo, polas fontes da nosa condición cristiá: a paixón por Deus, a paixón polos máis débiles do noso entorno.
E Xesús ollou a toda aquela xente con ollos de compaixón, cun corazón doído por como vía a aquela xentiña toda. Podía vela con outros ollos: ollos moralistas, por exemplo, de quen pensa que o seguen por interese. Pero ollounos como el ollaba sempre: con ollos de misericordia; misericordia da boa, da que non se queda na tona das cousas e dos sentimentos. E ponse a dedicarlles un tempo que, en principio, era tempo de descanso. Se os vía abatidos e desnortados, párase a falar con eles, a ensinarlles cousas, seguro que era desde entendelos, coñecer os seus traballos, doerse deles, transmitirlles o afecto e o poderío de Deus, como sempre facía; desde entusiasmalos cunha maneira nova de estar consigo mesmo e cos demais en sociedade ao estilo de Deus.
Moi posiblemente nos sentiremos a gusto sabéndonos uns/unhas máis entre esta xente abatida, desnortada, atendida por Xesús. Co gusto de falar con el, de contarlle as nosas cousas, de escoitalo, de aprender del. E, se nos sentimos continuadores da tarefa de Xesús nestes tempos de tanta dor e tanto desnorte, moi posiblemente aprenderemos del tamén a doernos da xente, a tomala en serio, a coñecela, entendela, e, no que poidamos, a servila, sumándonos aos grupos de servidores bos, que, grazas a Deus, aínda abundan nas nosas aldeas, vilas e cidades. E así, por activa e por pasiva, que viva a “nova evanxelización” de Xesús!
Preces
QUE SAIBAMOS VELO TODO
COS TEUS OLLOS, XESÚS.
Que ollemos sempre as cousas, as persoas con ollos de misericordia entrañable. Oremos.
Que nos esforcemos por entender, por coñecer as persoas na súa vida, na súa historia, nas súas calidades, nos seus defectos. Oremos.
Que saibamos alentar a xente cansa, ilusionar á desilusionada, darlle esperanza a quen carece dela. Oremos.
Que nos dispoñamos a actuar en favor das persoas e dos grupos sociais que peor o están pasando neste momento de crise. Oremos.
Que saibamos gozar co descanso, coas vacacións, refrescándonos coa natureza, coas amizades, con Deus. Oremos.
Oración
Como di o poeta,como canta o cantor,nada nunca na vidame sexa indiferente, Señor.Nin a dor de quen sofre,nin un risco de amor,nada nunca na vidame sexa indiferente, Señor.Nin a fame dun neno,nin a luz dunha flor,nunca nada na vidame sexa indiferente, Señor.Nin a cruz dos parados,nin os lazos da unión,nunca nada na vidame sexa indiferente, Señor.Nin a negra emigrante,nin a paz e o perdón,nunca nada na vidame sexa indiferente, Señor.Nin as trampas dos grandes,nin o afán loitador,nunca nada na vidame sexa indiferente, Señor.
Acción
Xesús tamén nos invita a nós a coller vacacións, a dar unha volta por aí vendo terras, vendo xente. Iso si, co corazón sempre alerta para captar o fermoso das terras e xentes e o penosa tamén das terras e xentes. Para que a vacación nos enriqueza.
22 de xullo: 22 de xullo: Festa de Santa María Magdalena, apóstola dos apóstolos
1ª lectura: Cant 3, 1-4b. salmo: 62, 2. 3-4. 5-6. 8-9
Evanxeo: Xn 20, 1.11-18
O primeiro día da semana María a Magdalena foi ao sepulcro moi cedo, cando aínda era escuro, e viu que a pedra do sepulcro estaba quitada e quedou ao pé do sepulcro, fóra, chorando. Sen deixar de chorar, abaixouse a ollar no sepulcro. Viu dous anxos vestidos de branco, sentados, un á cabeceira e outro aos pés do sitio onde xacera o corpo de Xesús. Eles preguntáronlle:
—Muller, por que choras?
Ela respondeulles:
—Porque colleron o meu Señor e non sei onde o puxeron.
Dito isto, virouse cara atrás e viu a Xesús alí de pé, pero sen se decatar de que era Xesús. Xesús preguntoulle:
—Muller, por que choras? A quen buscas?
Ela, coidando que era o xardineiro, díxolle:
—Señor, se o levaches ti, dime onde o puxeches, que eu o collerei.
Xesús díxolle:
—María!
Ela, virándose, exclamou en hebreo:
—Rabbuni! (que quere dicir “Mestre”)
Xesús díxolle:
—Sóltame, que aínda non subín onda o Pai; máis ben, vai onda os meus irmáns e dilles: subo onda meu Pai e voso Pai, o meu Deus e o voso Deus.
María Magdalena foilles contar aos discípulos que vira o Señor e que lle dixera estas cousas.
Meditación
Se dicimos que María Magdalena é apóstola dos apóstolos non o dicimos porque si. Foi apóstola, anunciadora, mensaxeira, si, porque lles foi aos apóstolos derrotados coa narración dunha experiencia de encontro con Xesús resucitado. Pero, a máis diso, María Magdalena foi apóstola, anunciadora, mestra, polo mesmo proceso de vida que viviu en contacto con Xesús: unha vida rota de mil maneiras, polo que parece, que se engancha con Xesús, que o segue polos camiños de Galilea e cara a Xerusalén, que o acompaña na hora da paixón, que o chora morto e ausente, que o busca coa forza dun amor sen medida, que se reencontra con el nunha dimensión nova con evocacións vivas, que acepta a tarefa de contar a súa experiencia e de axudar a que outros, polo mesmo camiño, poidan experimentar a forza renovadora de Xesús, agora cunha vida nova en Deus.
E todo isto unha muller, que parte dunha vida desfeita e que, en Xesús, se reencontra a si mesma, para si, para a comunidade, para a Igrexa. Cantas mulleres houbo e hai así na Igrexa! Merecen o noso recoñecemento, que aínda non teñen como é debido, nin moito menos.
Oración
María, Magdalena,irmá maior e mestra,apréndeme os camiños do encontro vivo con Xesús.Máis alá de teorías e doutrinas,ensíname a agarrarme a elamorosamente,vitalmente.Apréndeme a vincularme con el,co seu estilo de vida,cos seus fondísimos convencementos,coa súa maneira de sentir e vivir a Deus,coa súa maneira de sentir a vivir as persoas,que, envoltas en fraxilidade,se ían cruzando con el.Ensíname a poñer as miñas nudeces,coma ti, sen escusas,á auga, á luz, ao clareo de Xesús.
Acción
Podemos reparar nas mulleres que nos acompañan na familia, na comunidade cristiá. Seguro que atopamos nelas motivos para o agradecemento. Dalgunha maneira podémoslles expresar o noso agradecemento.
23 de xullo: Festa de Santa Bríxida, patroa de Europa
1ª lectura: Gal 2, 19-20. Salmo: 33, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9. 10-11
Evanxeo: Xn 15, 1-8
Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Eu son a verdadeira vide e meu Pai é o labrador. A rama de vide que en min non leva froito arríncaa, e a que leva froito límpaa, para que leve máis froito aínda. Vós xa estades limpos pola palabra que vos teño falado. Permanecede en min e eu en vós.
Así como a rama da vide non pode levar froito pola súa conta, se non permanece na cepa, así tampouco vós, se non permanecedes en min. Eu son a vide, vós as ramas. Quen permanece en min e eu nel, ese leva froito abondoso, pois fóra de min non podedes facer nada. A quen non permanece en min, tírano fóra, coma as varas da vide, e secan; apáñanas, bótanas no lume e arden. Se permanecedes en min e as miñas palabras permanecen en vós, pedide o que queirades e hásevos facer. Nisto é glorificado meu Pai, en que levedes froito abondoso e vos mostredes como discípulos meus.
Meditación
Santa Bríxida (1303-1373) naceu en Suecia, foi muller casada e tivo oito fillos. Quedou viúva e optou por dedicarse á oración, ao servizo á xente, a vivir intensamente a súa paixón por Xesús que tanto padecera por nós. Foi unha muller que tivo grandes revelacións espirituais, recollidas en libros; foi, polo tanto, unha muller mística, teóloga, escritora. Viviu isto nun constante peregrinar (Santiago de Compostela dúas veces, Roma, Xerusalén, entre outros sitios), e nunha constante relación cos poderosos daqueles tempos, incluído o mesmo Papa, mediando sempre para conseguir paz e entendemento entre os pobos de Europa. Por todo isto no ano 1999 o Papa Xoán Paulo II nomeouna patroa de Europa xuntamente con Santa Catalina de Siena e Santa Tareixa Benedicta da Cruz.
Canto necesitamos persoas así nos nosos tempos, cando tantos parecen gozar encirrando persoas, comunidades e países! Xentes de paz, de sólida espiritualidade, que tezan respectos, vínculos, solidariedades no nome dun Deus apaixonado e dun Cristo sufrinte pola humanidade, como Bríxida, ou no nome do que cada quen sinta e queira!
Oración
Grazas por Bríxida, Deus noso;Grazas pola súa condición de muller,pola súa condición de esposa e nai.Grazas pola súa vontade firmede permanecer fondamente unida ao Cristo sufrinte,para facerse así sensible ás dores do seu tempo.Grazas polas súas mediacións, polas súas revelacións,pola súa vontade firme de restaurar e pacificar,respectando sempre a xente máis fráxil.Grazas nela por todas as persoasque queren facer de Europa e do mundoun espazo fraterno,a base de privilexiar as necesidades e dereitos da xente máis empobrecida.Grazas por Bríxida, Deus noso,que o se exemplo nos conforte e nos arrastre.
Acción
En Galicia, en España, tamén andamos enredados en conflitos, aínda que sexan conflitos menores. Por razóns relixiosas, por razóns políticas sobre todo (Cataluña, xente refuxiada, diferentes partidos políticos…). ¿Qué papel xogamos nós neses casos? ¿Mediamos para poñer cordura e respecto, ou encirramos buscando confrontacións estériles?
24 de xullo: Mércores da 16ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Ex 16, 1-5. 9-15. Salmo: 77, 18-19. 23-24. 25-26. 27-28
Ano 2: 1ª lectura: Xer 1, 1. 4-10. Salmo: 70, 1-2. 3-4a. 5-6ab. 15ab e 17
Evanxeo: Mt 13, 1-9
Un día Xesús saíu da casa e foi sentar á beira do mar. Tanta era a xente reunida ao pé del, que tivo que subir e sentar nun bote, mentres a xente toda ficaba na beira. E faloulles de moitas cousas en parábolas. Dicía:
—Unha vez saíu un labrego a sementar. E, ao botar a semente, parte dela foi caendo polo camiño adiante; viñeron os paxaros e comérona. Outra caeu entre as pedras, onde apenas había terra; e naceu de contado porque a terra non tiña fondura, pero, non ben saíu o sol, queimouna e, como non tiña raíz, secou. Outra parte caeu na silveira e, ao medraren as silvas, afogárona. Outra caeu en boa terra, dando froito: unha, cen; outra, sesenta; outra, trinta. Quen teña oídos que escoite!
Meditación
Quen teña oídos que escoite. O primeiro que podemos escoitar é que o labrego sementa xenerosamente; non di: ui, igual me cae algunha semente no camiño, mellor non sementar; por aquí hai moita pedra, mellor non; por aquí hai moita silva, tampouco. Non escolle unicamente a terra boa, boa. Deus non é selectivo. A súa palabra non é selectiva. E menos é só para xente privilexiada. A súa presenza, a súa palabra é un regalo xeneroso para quen lle queira abrir as portas. Se somos terra ruín, a semente cae igual nos nosos corazóns, e quen sabe? Pero mellor é facernos terra traballada, coidada, para que a semente de Deus e da vida prenda, se desenvolva ben, medre e dea froitos. Iso é a gloria de Deus. Iso é a nosa bendición.
Oración
Eu quero ser terra boa, meu Deus.Que a túa xenerosidade se vexa correspondidacoa miña mellor disposición.Eu quero participar da túa abundancia,para frutificar con ela,para gozar dela,para compartila.Eu quero facerme contigo,ao teu carón sempre,sementador, sementadora,para que o ben da vidachegue a toda a xente por igual,como regalo teu,como froito dunha boa planificación social,como mimo especial para coa xente máis vulnerable.Asóciame, meu Deus,ao teu labor de sementeira.
Acción
¿En algo somos terra dura, tripada, terra con moita pedra, terra con moitas silvas, terra pouco coidada para a semente da vida, a semente de Deus? ¿Qué podemos facer e cambiar para facernos terra boa?
25 de xullo: solemnidade do apóstolo Santiago, patrón de Galicia e de España. Día de Galicia.
1ª lectura: Feit 4, 33; 5, 12. 27-33; 12, 2. Salmo: 66, 2-3. 5. 7-8.
2ª lectura: 2 Cor 4, 7-15
Evanxeo: Mt 20, 20-28
Nunha ocasión achegouse a Xesús a nai dos fillos do Zebedeo cos seus fillos e prostrouse para lle pedir algo. El preguntoulle:
—Que queres?
Respondeulle:
—Manda que estes dous fillos meus senten un á túa dereita e outro á túa esquerda no teu Reino.
Respondeulle Xesús:
—Non sabedes o que pedides. ¿Podedes beber o cáliz que eu teño que beber?
Respondéronlle:
—Podemos.
Xesús replicou:
—O meu cáliz beberédelo, pero o sentar á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min concedelo, é para quen o meu Pai o teña reservado.
Ao escoitaren isto os outros dez, anoxáronse cos dous irmáns. Entón Xesús chamounos e díxolles:
—Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así: quen queira ser importante, que sexa o voso servidor, e quen queira ser o primeiro que sexa o voso escravo; porque o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entregar a súa vida en rescate por todos.
Meditación
Dúas maneiras de entender a vida, dentro e fóra da comunidade cristiá. Dúas maneiras de construír a propia persoa, a comunidade cristiá e tamén as relacións sociais, o tecido social, unha familia, un país, unha patria, o mundo enteiro. A aspiración dos fillos de Zebedeo, Santiago e Xoán, compartida ao que se ve polos demais discípulos, era ser mandando. Esa aspiración é compartida tamén por moitísima xente dos nosos tempos, entre a que posiblemente nos vexamos incluídos. É ben difícil superar esa tentación. Cólasenos no corpo e no espírito de mil maneiras.
Xesús, nesta ocasión coma en tantas outras, é alternativo. Soña, vive, comparte outra maneira de sermos, de realizármonos, de acadar satisfaccións e felicidades: no canto de mandar, servir; no canto de soñar con acadar os primeiros postos, soñar con estar na cola, oficiando de servidores/as, mesmo de escravos/as. É algo que bota para atrás de primeiras. O soño de Xesús é unha comunidade de xente afanada en servir, unha comunidade de servidores e servidoras, todos, todas, homes e mulleres por igual. O mundo non funciona así, e por iso vai como vai, por iso abunda en abusos e atropelos de todo tipo.
A Santiago, o noso patrón, custoulle, pero acabou aprendendo o oficio de servidor, ata a morte. Non vale telo por patrón no escaparate, sen deixar que o espírito do servizo ata as últimas nos colla a vida e nos empuxe a facer comunidade relixiosa e civil desde o servizo e non desde o poder. O soño de Xesús para Galicia: unha terra limpa de xente aproveitada, unha patria de xente servidora, na que medramos todos, cando todo o mundo se fai servidor, e cando todo o mundo se sente servido e atendido.
Oración
Óllote, Galicia,cun corazón agradecido.Gózote na túa xeografía marabillosa,na túa rica e variada cultura,na túa harmoniosa fala tan pouco valorada,nos homes e mulleresque te senten, te queren, falan de ti con orgullo,e te constrúen cada día con esforzo.Ámote, Galicia,como unha matria nutriz,capaz de darnos pan e sentimentos,xeradora de enerxías e de acougos.Sóñote, Galicia,anaquiño de terra e de ceo,aberta a todos os pobos,a todas as razas e culturas,xenerosa en darse e derramarse,sen perderse no camiño,sen desaparecer entre sombras e vaidades.Penso e implícome no teu porvirno nome do Deus da vida que te creou,no nome do Xesús que se fixo servidor teu,no nome do Espírito que te alenta,no nome de todos os nosos devanceiros,home e mulleres,que amaron, gozaron, sufriron e construíron a nosa Terracara á xustiza, cara á paz,cara ao encontro, cara á unión;coa xente de fe relixiosa ou atea,que queira tamén ollarte, gozarte, amarte, soñarte e servirte.en cada persoa, aldea, vila e cidadeque che dan rostro e calor.
Acción
Podemos visitar algunha zona de Galicia que non coñezamos. Podemos participar nalgunha festa do patrón Santiago, buscando facernos persoa servidora. Podemos participa en encontros e manifestacións políticas segundo a nosa maneira particular de entender Galicia. Desde o respecto, desde a vontade de servizo real.
26 de xullo: Venres da 16ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Ex 20, 1-17. Salmo 18, 8. 9. 10. 11
Ano 2: 1ª lectura: Xer 3, 14-17. Salmo: Xer 31, 10. 11-12ab. 13
Evanxeo: Mt 13, 18-23
Unha vez díxolles Xesús:
—Escoitade, logo, vós o que significa a parábola do sementador. Sempre que unha persoa escoita a palabra do reino e non a entende, vén o Maligno e repáñalle o sementado no seu corazón; esa é a semente que caeu no camiño. O sementado entre as pedras vén ser aquela persoa que, ao escoitar a palabra, deseguida a recibe con alegría; pero, ao non ter raíces e ser inconstante, así que veñen as dificultades ou a persecución por causa da palabra, deseguida abandona. O gran que cae na silveira vén ser aquela persoa que escoita a palabra, pero as preocupacións da vida e o engado das riquezas afogan a palabra e queda sen dar froito. Pero o gran que foi sementado en boa terra vén ser aquela persoa que escoita a palabra e a entende; esta si que dá froito e produce cen, sesenta ou trinta por un.
Meditación
A sementeira da que fala Xesús faise en calquera época do ano, en calquera época das nosas vidas. Hoxe mesmo. Sementa Deus, pero a súa semente chéganos a través de moitas palabras, feitos, circunstancias, persoas que nos rodean a diario. No noso mesmo interior hai sempre semente de Deus. Non todas as palabras son semente boa. Xesús fala de “palabra do reino”, é dicir, palabras, feitos, persoas que van no camiño dunha proposta de vida digna, fraterna, respectuosa coa xente máis débil, solidaria, aberta ao común, aberta a Deus; realidades que nos poden chegar desde persoas crentes, pero tamén desde persoas non crentes. Xesús fala de oír e entender, é dicir, caer na conta da súa fonda importancia para as nosas vidas, descubrir a carga de ben que nos aporta, gozar xa coa súa experiencia.
Ante iso que nos chega de fóra e que pasa pola nosa cabeza, polo noso corazón podemos ser terra dura da veira do camiño, podemos ser terra pedrosa, podemos ser silveiral, podemos ser terra boa, acolledora, fértil. Un mundo de posibilidades diante de nós. Unha preciosa aventura diaria.
Oración
Polas veces que son terra dura,impermeable aos reclamos de vida que me rodean,perdón, Deus do pobo.Polas veces que son terra pedrosa,e coma un neno salto da ledicia á escapada,fuxindo das fidelidades necesarias,perdón, Deus da comunidade.Polas veces que son un silveiral,encerellado en afáns diversos,que acaban sempre en visións curtas, coidadoras do propio,perdón, Deus da xente débil.Polas veces que son terra boa,ben traballada e regada, chea de lenturapara a nacenza e crecemento de froitos bos,dos que todo o mundo poida gozar,grazas, meu Deus, por tanto ben e tanto regalo.
Acción
Podemos reparar nalgunhas sementes boas que nestes últimos días foron sementadas por alguén na nosa vida. Podemos pensar que nós tamén somos xente de semente. ¿Botamos algunha semente boa na nosa comunidade, no noso pobo? Se non o fixemos, aínda o podemos facer.
27 de xullo: Sábado da 16ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Ex 24, 3-8. Salmo: 49, 1-2. 5-6. 14-15
Ano 2: 1º lectura: Xer 7, 1-11. Salmo: 83, 3. 4. 5-6a e 8a. 11
Evanxeo: Mt 13, 24-30
Nunha ocasión Xesús contoulles outra parábola:
—Parécese o reino dos ceos a unha persoa que sementou boa semente na súa leira. Pero, mentres toda a xente durmía, un inimigo veu sementar xoio polo medio do trigo e marchou. Cando a planta medrou e empezou a espigar, apareceu o xoio tamén. Os criados do dono fóronlle dicir: “Señor, ¿ti non sementaras boa semente na túa leira? ¿De onde lle vén, logo, o xoio?” El contestoulles: “Isto é obra dun inimigo”. Os criados preguntáronlle: “¿Queres que o vaiamos arrincar?” El respondeulles: “Non, non sexa que, ao collerdes o xoio, arrinquedes tamén o trigo. Deixádeos medrar xuntos deica a sega, que no tempo da sega heilles dicir aos segadores: “Apañade primeiro o xoio, e atádeo en mollos para queimalo; e o trigo recollédeo na miña hucha”.
Meditación
Calquera persoa o sabe de sobra. Hai mal e ben. Hai quen sementa o ben e hai quen sementa o mal. Hai quen goza co ben, hai quen parece gozar co mal. Persoas e grupos sociais, institucións públicas e privadas. Hai mal e ben polo mundo adiante e haino dentro de nós tamén. O mal anda moitas veces camuflado co ben, nas nosas mesmas intencións, nos nosos feitos. Cómpre ser humildes, cómpre estar alerta. Cómpre saber descubrir o mal que se agocha e se manifesta ao noso redor, pero tamén en nós mesmas. Sinalalo, non disimulalo. Entendelo como parte da nosa condición fráxil. Intentalo superar segundo os casos con paciencia, con resistencia, con intelixencia, con organización, con agarimo polas persoas que o producimos. E Deus dirá. A última palabra tena el, que aposta con forza pola bondade en todo, que coñece o íntimo das persoas, que garante un porvir novo, restituído, pleno de ben. Un soño no que nos invita participar. Con humildade, con ousadía. Ao estilo de Xesús.
Oración
Que non peche os ollos, meu Deus,que non peche os ollos nin tampouco o corazónante o mal que medra en mine que medra ao meu redor, no meu pobo.Mal que sempre se converteen vidas desnortadas, airadas,en vidas abusadas, empobrecidas,en vidas diminuídas, deshumanizadas.Que non me envolva o qué máis dá, a indiferenza,que non me queime a impaciencia,que atine coa palabra axeitada,coa colaboración precisa,co tempero necesario,para ser un bo instrumento teuao servizo do benna miña propia vida persoal e familiar,en todo canto faga ou axude a facer.Necesito de ti, meu Deus,para ser un fiel colaborador de todo o teu ben.
Acción
Seguro que, abrindo os ollos, vemos o mal en nós, ao noso redor. Mal que pode ter diferentes autores, diferentes consecuencias. ¿Cal é a nosa reacción ante ese mal? ¿Murmurar, queixarnos, angustiarnos, desesperarnos? ¿Poderiamos facer algo distinto para acompañar a quen o sofre, e cambiar a quen o produce?