O Evanxeo de cada día con ollos de aldea

Manuel Regal Ledo

28 de xullo: Domingo 17º do Tempo Ordinario.
 
1ª lectura: 2 Re 4, 42-44. Salmo: 144, 10-11. 15-16. 17-18
2ª lectura: Ef 4, 1-6
 
Evanxeo: Xn 6, 1-15
 
Nunha ocasión foi Xesús á outra banda do mar de Galilea (o de Tiberíades). Seguíao unha chea de xente, porque viran os sinais que facía nos enfermos. Subiu Xesús ao monte e sentou alí cos seus discípulos. Estaba a chegar a Pascua, a festa dos xudeus. Levantou a vista Xesús e, vendo vir tanta xente cara a el, díxolle a Filipe:
—¿Onde imos mercar pan, para que coma esta xente?
 
(Isto dicíao para tentalo, que el ben sabía xa o que ía facer.)
 
Respondeulle Filipe:
—Nin medio ano de xornal chega para que cada un deles reciba un codelo.
 
Un dos seus discípulos, André, o irmán de Simón Pedro, díxolle:
—Hai aquí un rapaz que ten cinco bolos de pan de cebada e dous peixes; pero, ¿qué é iso para tanta xente?
 
Xesús ordenou:
—Facede sentar a xente.
 
Había moita herba naquel sitio. E sentaron como uns cinco mil homes. Entón colleu Xesús os pans e, dando grazas, repartiu aos sentados canto quixeron; fixo o mesmo cos peixes. Cando se fartaron, díxolles aos seus discípulos:
—Recollede os anacos sobrantes, para que non se estrague nada.
 
Entón xuntáronos e encheron doce cestas cos anacos dos cinco bolos de pan de cebada que lles sobraran aos que comeron. Ao veren aqueles homes o sinal que fixera, dicían:
 
Este si que é o profeta que había de vir ao mundo.
 
Entón Xesús, decatándose de que o ían vir coller para proclamalo rei, retirouse outra vez ao monte el só.
 
Meditación
 
Como o evanxeo de Marcos é un Evanxeo curto, durante cinco domingos leremos case todo o capítulo 6 do evanxeo de Xoán, un capítulo no que se narra a multiplicación os pans e dos peixes.
 
Hoxe empezamos lendo o signo da multiplicación dos cinco bolos de pan de cebada e dos dous peixes. Xoán chámalle “signos” aos milagres de Xesús, coma advertíndonos que ten moita máis importancia o significado do feito ca o significante; o significante érano, en cada caso os datos históricos, o feito histórico que puido estar no punto de partida de cada relato. Parece que Xoán recolle este relato da multiplicación dos pans e dos peixes da tradición propia dos sinópticos, pero despois aproveita o relato para poñer na boca de Xesús unha catequese longa a partir do signo ou feito simbólico do pan multiplicado para fartura do pobo.
 
Resulta ben atraínte ver a Xesús envolto sempre co pobo. Que vía o pobo en Xesús para seguilo a sol e a sombra? Que vía Xesús no pobo, maiormente o pobo pobre e castigado, oprimido, para entender que a súa tarefa era pasar o tempo con el, escoitalo, atendelo, servilo? Desde sempre houbo unha tendencia forte dentro da relixiosidade cristiá a apartarse do pobo, por consideralo pouca cousa, impuro, ignorante, pecador, etc.; pero Xesús tiña, parece, o seu pracer, e/ou tamén a conciencia do seu deber, en estar co pobo, sabendo das súas fames e das súas sedes, ofrecendo remedios, pero indo case sempre moito máis aló do que o mesmo pobo podía esperar ou soñar. Somos ese pobo querido por Xesús. Somos tamén ese pobo que busca a Xesús, porque nel descubrimos cousas que nos marabillan, que nos atraen, que nos enchen?
 
Multiplicación de pans e de peixes? Que houbo de certo aquí? Non lemos o relato coa expectativa de que Xesús multiplique para nós os pans, as menciñas, os postos de traballo, a saúde… A catequese que iremos lendo nos seguintes domingos iránolo recordando, aclarando. Pero é curioso o manifesto interese de Xesús polo pan. Invito a quen isto lea a que lendo os evanxeos vaia anotando todos as palabras e momentos nos que Xesús fala do pan, fai algo co pan, reza polo pan, etc. Seguro que descubriremos cousas sinxelas e moi fondas a un tempo. Polo de pronto, sabemos que nunha das petición da nosa oración principal, o Noso Pai, pedimos con Xesús polo pan de cada día; era unha preocupación que Xesús tiña, e que quixo compartir cos seus discípulos e discípulas, con todos e todas as que onte e hoxe facemos por seguilo. É, logo, este un primeiro afán do noso traballo: que a xente teña pan, que a xente coma; toda a xente, a máis pobres sobre todo. Por aquí cómpre empezar.
 
Non sabemos moito que puido realmente pasar naquela ocasión, naquel pasteiro de Galilea, pero o que si se deu foi unha marabillosa experiencia de comensalidade; pobre, elemental, pan e peixe, máis pan ca peixe, co gozo de que ninguén quedou excluído (porque as mulleres tamén entraron no reparto, aínda que o evanxelista non as teña en conta á hora de facer o reconto); coa satisfacción de que mesmo houbo moitas sobras; co coidado de recoller o sobrante sagrado, porque era pan de mantenza e de comuñón, o mesmo que todos nós de nenos eramos ensinados a recoller o pan caído ao chan, e a bicalo antes de metelo de novo na boca ou de gardalo para a próxima comida; cos soños que se dispararon no ánimo de moitos presentes, coa ilusión posta nun futuro mellor xa conquistado, sen esforzo, traballo e planificación —sen organización e política, poderiamos tamén dicir—; con Xesús escapando, porque a cousa se lle fora das mans, e a xente medía todo o sucedido con varas de fartura inmediata, tanta era a necesidade que tiña e que sentía.
 
O centro de todo, a culpa de todo tívoa Xesús, con aquel xesto seu, tan humilde e revolucionario, que na tradición cristiá conservamos con tanto agarimo, de coller un anaco de pan, de bendicir a Deus polo pan que dá vida e pola xente que no pan atopa vida, e de entregalo e repartilo, como xesto cotián, profético, político. Saberemos nos tempos de hoxe, nas eucaristías de cada domingo, cando nelas repetimos a experiencia da campa de Galilea, vivir, experimentar, ofrecer con Xesús o pan da comunidade, do pobo, como el o fixo? Saberemos recibilo por el multiplicado? Saberemos multiplicalo con el?
 
Preces
 
QUE HAXA PAN, SEÑOR, PARA TODA A XENTE
 
Que traballemos con honradez polo pan de cada día. Oremos.
 
Que aprendamos a vivir con sobriedade, non abusando de nada, non estragando nada. Oremos.
 
Que saibamos compartir, para que ninguén morra por falta de pan, de menciñas, de traballo. Oremos.
 
Que desde as asociacións, os sindicatos, os partidos políticos defendamos o pan de toda a xente, en especial o pan da xente e dos países máis pobres. Oremos.
 
Que comamos o pan de Xesús nas Misas coma unha chamada fonda a vivir en familia, en solidariedade. Oremos.
 
Que vivamos a fondo as nosas Misas ou Eucaristías, e nelas nos deixemos coller e arrastras pola forza comunitaria de Xesús. Oremos.
 
Oración
 
Pan, xesús, pan para todas, todos,
pan, mantenza, e co pan os soños.
 
Mesas redondas, Xesús, grandes coma o mundo,
abundancia de pan, que o amor é fecundo.
 
Eu poño cinco, ti dez, ti vinte,
cada quen co que ten, pode e sinte.
 
Mesa simple, sinxela, elemental,
mesa austera, comedida, substancial.
 
Comendo, falando, compartindo,
cantando, bailando, rindo.
 
Mesa de todos e todas, sen excluír,
sen ninguén que estea privado/a de vivir.
 
Mesas redondas, comunitarias: fraternidades,
sen mando nin xerarquías: soño maior de igualdades.
 
Mesas sinaladas co teu signo, Xesús,
nas que o débil presida a carón da túa cruz.
 
Mesas de familia, de festa, en harmonía,
mesas de pan e viño, de amor, de alegría.
 
Mesas avivecidas pola forza do amor,
nas que o pan se multiplique como conquista e don.
 
Mesas das que saen militantes mantidas/os,
dispostas/os para a loita polo pan de cada día.
 
Mesas… a túa mesa, Xesús, que ti nos dás
como vigor e alento, como descanso e paz.
 
Mesas… a túa mesa, Xesús, que nos conforta,
que nos remite á vida, que nos empuxa á loita.
 
Acción
Hai moita xente no mundo que carece de pan, de todo o necesario e elemental para vivir. Podemos achegarnos a ese mundo empobrecido a través de persoas e organizacións que estean implicándose. Podemos sumarnos a esa tarefa tan evanxélica.
 
 
Luns da 17ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Ex 32, 15-24. 30-34. Salmo: 105, 19-10. 21-22. 23
Ano 2: 1ª lectura: Xer 13, 1-11. Salmo: Dt 32, 18-19. 29. 21
 
Evanxeo: Mt 13, 31-35
 
Nunha ocasión contoulle Xesús á xente estoutra parábola:
—O reino dos ceos é semellante a un gran de mostaza que unha persoa sementou na súa horta. A mostaza vén sendo a máis pequerrecha de todas as sementes; pero, cando medra, chega a ser meirande ca todas as hortalizas, e convértese nunha árbore, de tal xeito que mesmo os paxaros veñen facer o niño nas súas pólas.
 
E díxolles outra parábola:
—O reino dos ceos é semellante ao lévedo que unha muller amasou con certa cantidade de fariña ata que todo levedou.
 
Todo isto lle falou Xesús en parábolas á xente, e nada lles falaba que non fose por medio de parábolas. De xeito que se cumprise o que dixera o profeta: “Abrirei a miña boca para dicir parábolas, proclamarei cousas escondidas dende que o mundo é mundo”.
 
Meditación
 
Canto temos que admirar e agradecer ese interese que Xesús tiña por desentrañar as cousas de Deus e poñelas ao noso alcance! Facíao a través de relatos sinxelos, populares, que todo o mundo podemos entender, se deixamos que o anunciado nos entre no corazón. Xesús tiña paixón por Deus, tiña paixón pola xente, e esa paixón movíao a ser imaxinativo, a ser creativo nas súas palabras, xestos e propostas. Algo que tanto nos fai falla ás persoas e comunidades cristiás de hoxe, que moitas veces empregamos palabras, ritos e xestos de rutina.
 
O reino de Deus, as cousas de Deus tal como Xesús as soña e nolas ofrece, é algo pequeno, humilde, pero vigoroso; algo capaz de medrar nas nosas vidas e ofrecer acubillo a quen o precise; algo capaz de mobilizar as entrañas de todos nós, as nosas forzas ocultas, para converternos en bo pan, para nós mesmos, para os demais. Un gran soño persoal e comunitario. Esa semente, ese lévedo levámolo dentro de nós. Todas. Todos. Porque así é a vida. Porque así é o noso Deus.
 
Oración
 
Grazas, meu Deus,
polas cousas pequenas, polas cousas ocultas.
Grazas polas persoas ignoradas
que día a día se prestan ao amor e ao servizo.
Grazas polo traballo oculto
de quen matina e investiga
para a saúde ou o progreso solidario.
Grazas pola xente do mar e da terra
que invisten esforzos e vidas
para sacar da terra a mantenza necesaria.
Grazas pola natureza calada
que garante ritmos e producións,
se non lle torcemos o paso.
Grazas polas mulleres ignoradas, invisibilizadas,
que sosteñen as casas, a Igrexa, o mundo.
Grazas polo teu Espírito dentro de nós,
capaz de facer de nós algo marabilloso
ás caladas, no silencio, sen decatarnos.
 
Acción
Seguro que coñecemos persoas sinxelas que fan posible que sucedan cousas de mérito ao noso redor. Podemos reparar nelas, alegrarnos por iso, dicirlles incluso o agradecidas que lles estamos polo que están facendo.
 
 
Ou ben, por ser Santas Marta, María e Lázaro,
 
Evanxeo: Lc 10, 38-42
 
Un día, cando Xesús ía de camiño cos seus discípulos, entrou en certa aldea, e unha muller chamada Marta acolleuno na súa casa. Esta tiña unha irmá chamada María, que sentada aos pés do Señor, escoitaba as súas palabras. Marta, en troques, estaba moi apurada co labor da casa; e achegándose a Xesús, díxolle:
—Señor, non che importa que miña irmá me deixe a min o traballo? Dille que me bote unha man.
 
Pero o Señor respondeulle:
—Marta, Marta, preocúpaste e desacóugaste con tantas cousas, pero soamente unha é a necesaria. María escolleu a mellor parte e esa nunca se lle vai quitar.
 
Meditación
 
Que cousa máis humana, máis fermosa, é acoller a quen chega! A persoa que anunciou a súa visita, e a quen esperamos con solcitude; a persoa que de golpe nos chega á casa, á vida, descolocándonos en plans, en proxectos, en maneiras de pensar; a xente inmigrante que en número considerable nos chega de fóra do país, e ante a que reaccionamos con medo, con desconfianza, mesmo con agresividade, como se nós non fósemos durante moitos anos e aínda séculos, xente de emigración tamén.
 
Acoller, daquela, non sempre é doado. E por razóns máis poderosas das que recolle a queixa de Marta no evanxeo de hoxe. Acoller a fondo, escoitar a fondo, entender a fondo, entrar no mundo da outra persoa ou grupo social a fondo, deixarte coller con corpo e espírito de irmán, de irmá, deixarte conmover por esa vida que se pon rente á túa. Admitir a quen chega coma un regalo, coma unha oportunidade de facerse, de medrar en humanidade, conxuntamente.
 
Oración
 
Casa aberta, meu Deus,
casa aberta, corazón aberto
para acoller a quen chega,
á hora que chega,
coas ansias coas que chega.
Disposición, meu Deus,
para atender e escoitar,
para entrar no seu mundo, nas súas ansias
e logo poder dicir e dicirme
cunha palabra limpa, libre,
para motivarnos a unha relación que vaia a máis.
Un café, unha infusión, unha lambetada,
e polo medio anaquiños de corazón
indo e vindo,
entrando e saíndo.
E no medio ti,
calado, pero vivo, elocuente,
véndote sendo
nas nosas pequenas trazas de humanidade.
Marta, Marta…,
María, María…
E Lázaro?
Que era de Lázaro?
 
Acción
 
Hoxe podemos estar especialmente atentas ás persoas coas que nos atopemos por casualidade ou por telo programado, para converter os encontros sinxelos en berces de humanidade, na compaña de Xesús.
 
 
30 de xullo: Martes da 17ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Ex 33, 7-11; 34, 5b-9. 28. Salmo: 102, 6-7. 8-9. 10-11. 12-13
Ano 2: 1ª lectura: Xer 14, 17-22. Salmo: 78, 8. 9. 11 e 13
 
Evanxeo: Mt 13, 36-43
 
Nunha ocasión Xesús deixou a xente e foi para a casa. Achegáronselle os seus discípulos e pedíronlle:
—Explícanos a parábola do xoio na leira.
 
El respondeu:
—O que sementa a boa semente é o Fillo do Home; a leira é o mundo; a boa semente son os fillos e fillas do reino; o xoio son os fillos e fillas do Malo. O inimigo que a sementa é o demo; a sega é a fin do mundo e os segadores son os anxos. E así como se entrecolle o xoio e se bota no lume, así pasará na fin do mundo: mandará o Fillo do Home os seus anxos e quitarán do seu reino todos os escándalos e todas as persoas que fan o mal; e botaranas no forno do lume, onde será o pranto e o renxer dos dentes. Entón a xente xusta resplandecerá coma o sol no reino do seu Pai. Quen teña oídos, que escoite.
 
Meditación
 
O evanxelista fálanos cunha linguaxe forte, mesmo dramática, sobre das persoas que optan por sementar no mundo o mal, o abuso, a insolidariedade, o desprezo pola xente débil, por todo o débil, a arrogancia, a obsesión polo consumo, polo sexo, polo poder, polo diñeiro, caia quen caia e aínda que reduzamos o ser humano a un refugallo irrecoñecible. A linguaxe é forte e manexa pensamentos propios da cultura daqueles tempos. Podemos prescindir desa linguaxe e quedarnos co fundamental: non é igual para nós e para quen nos rodee, no presente e no futuro, ser persoas de ben ou de mal, ser sementadores –coas palabras e cos feitos— de xustiza ou de inxustiza, de abuso ou de solidariedade, de perdón ou de vinganza, de respecto ou de desprezo, de amor ou de odio, … Se optamos polo mal, o mal volverase contra nós; desfaranos como seres humanos, incapacitaranos para desenvolver en nós as enormes posibilidades de amor e de gozo das que somos capaces; case, case nos imposibilitará para contemplar o rostro amoroso de Deus, fonte de todo ben. É ben importante, logo, aprender a distinguir a calidade do que sementamos, a calidade das sementes de quen fai en nós sementeira. Antes de que sexa demasiado tarde e a vida se nos vaia das mans.
 
Oración
 
Meu Deus,
necesito a túa iluminación
para que o mal non se me cole na vida
e me estrague o presente e o futuro.
Meu Deus,
necesito a túa determinación
para apostar firmemente polo que me constrúe
e constrúe a comunidade que me rodea.
Meu Deus,
necesito a túa humildade, a túa verdade,
para recoñecer os meus namoriscamentos co mal,
os meus enredos coas sombras.
Meu Deus,
necesito o atractivo do teu rostro
para deixarme encantar por todo o que é amor, respecto e coidado
no presente e por toda a eternidade.
 
Acción
 
Hoxe podemos facer adrede algunha sementeira de ben, con palabras ou con feitos, para tomar conciencia desta capacidade que temos e podela activar máis.
 
 
31 de xullo: Mércores da 17ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Ex 34, 29-35. Salmo: 98, 5. 6. 7. 9
Ano 2: 1ª lectura: Xer 15, 10. 16-21. Salmo: 58, 2-3. 4-5a. 10-22. 17. 18
 
Evanxeo: Mt 13, 44-46
 
Nunha ocasión díxolle Xesús á xente:
—O reino dos ceos é semellante a un tesouro agachado nunha leira; a persoa que o atopa vólveo agachar e, chea de alegría, vai vender canto ten para mercar aquela leira.
 
Tamén se parece o reino dos ceos a un tratante de perlas finas, que, en atopando unha de grande valor, vai vender todo cante ten para mercala.
 
Meditación
 
Xesús é un tesouro. E vaia tesouro! Deus é un tesouro. E vaia tesouro! As verdadeiras cousas de Deus son un tesouro tamén. Un tesouro, iso si, agachado, escondido. Escondido dentro de nós, no noso mesmo íntimo. Escondido na vida, na natureza, na xente, no corazón da xente, no seu íntimo. Se ando superficialmente pola vida, é posible que non bata co tesouro, que non poida gozar del. Se satisfago a miña vida coa morea de cousas que a nosa sociedade consumista me mete polos ollos, moi posiblemente pase por riba do tesouro sen decatarme da súa presenza. A temperanza cara a canto se me ofrece, e a ollada buscadora, humilde cara ao interior da vida, dos acontecementos, das persoas, axudarame a bater co tesouro. Daquela si, daquela a ledicia invádeme e todo me sobra nas mans, con gozo de ter as cousas de Deus no meu corazón, na miña vida! Que ben, se nas nosas comunidades cristiás se nos aprendese a facer este descubrimento e a gozar co descuberto!
 
Oración
 
Señor Xesús,
que o teu Espírito me encha de acerto
para saber distinguir
unha perla fina dunha imitación vulgar,
unha alegría fonda dunha simple troula,
unha irmandade consistente dun trato fugaz.
Que o teu Espírito me esperte os sentidos
-corporais e espirituais—,
me ensanche o corazón,
e afine a percepción
para chegar a ese encontro case máxico
entre o tesouro de Deus e a miña condición mendicante.
Señor Xesús,
que o teu Espírito me achegue
ás fontes potentes da paz e da xustiza.
 
Acción
 
Hoxe podemos facer un pouco de buscadores do tesouro, da perla de Deus. Desde a mañá andamos á espreita, con moita humildade, no medio das persoas e das circunstancias da vida de hoxe. Seguro que poderemos bater, algo polo menos, co tesouro, coa perla do que a Deus lle reina.
 
 
1 de agosto: Xoves da 17º semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Ex 40, 16-21. 34-38. Salmo: 83, 3. 4. 5-6a e 8a. 11
Ano 2: 1ª lectura: Xer 18, 1-6. Salmo 145, 1b-2. 3-4. 5-6
 
Evanxeo: Mt 13, 47-53
 
Nunha ocasión díxolle Xesús á xente:
—O reino dos ceos é semellante unha rede largada no mar, que recolle peixes de todas as castes. Unha vez chea, tiran por ela para a ribeira e a xente, sentada, escolle os peixes bos para un queipo ou cesto e os malos tira con eles. Así será na fin do mundo: sairán os anxos e arredarán a xente mala da xusta para botala no forno do lume; alí será o pranto e o renxer dos dentes. ¿Entendedes todo isto?
 
Eles responderon:
—Entendemos.
 
El concluíu:
—Por iso todo letrado que se fai discípulo do reino dos ceos parécese ao dono dunha casa que saca das súas arcas o novo e máis o vello.
 
Meditación
 
A linguaxe ameazante nunca pode afogar o máis importante que Xesús nos dicía de Deus: que é todo amor, todo misericordia, todo perdón. A linguaxe ameazante da parábola si que nos pode alertar sobre a importancia de saber distinguir e valorar os peixes bos e os peixes malos, as propostas boas e as propostas malas para a vida, que nos chegan de fóra, ou que nacen no noso mesmo corazón. Coma no caso do trigo e do xoio (cizaña), cómpre estar alerta para non estragar a vida propia, para non contribuír a estragar tamén a doutra xente. Non todo nos vale. Non todo constrúe boas persoas, familias, veciñanzas, convivencias, comunidades, pobos, países. Sabémolo ben. Entendémolo ben. Pois a empeñarnos niso. O do máis aló, o da clarificación final, sabe Deus en que consistirá! Deixémolo confiadamente nas súas mans coidadoras.
 
Oración
 
Discípula do reino dos ceos,
discípula do que a Deus lle reina,
do que a Deus lle prace.
Discípula ben abastecida
por tantas e tan boas testemuñas da fe,
anteriores a nós,
que nos deixaron o seu ronsel de santidade,
concretado en palabras recias, en feitos fecundos.
Discípula aberta ao presente, ao novo,
onde Deus segue falando, segue convidando
con voces relixiosas e civís.
Todo para que poidamos sacar das nosas arcas
o novo e o vello que nos cómpre
para entender e vivir a vida humanamente, santamente.
 
Acción
Podiamos pararnos un pouco hoxe, individualmente ou en grupo, para ver algunhas cousas que nos están chegando ás redes da nosa vida como peixes bos, e algunhas que nos chegan como peixes non tan bos. E ver tamén como reaccionamos ante iso.
 
 
2 de agosto: Venres da 17ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Lev 23, 1. 4-11. 15-16. 27. 34b.37. Salmo: 80, 3-4. 5-6ab. 10-11ab
Ano 2: 1ª lectura: Xer 26, 1-9. Salmo: 68, 5. 8-10. 14
 
Evanxeo: Mt 13, 54-58
 
Naquel tempo, cando Xesús marchou para a súa terra; e de tal xeito lles ensinaba na sinagoga, que a xente dicía abraiada:
—¿De onde lle veñen a este esa sabedoría e eses milagres? Non é o fillo do carpinteiro? ¿Non se chama María a súa nai; e seus irmáns, Santiago, Xosé, Simón de Xudas? E súas irmás ¿non viven connosco? Entón, ¿de onde lle vén todo isto?
 
Estaba realmente escandalizada aquela xente por causa del. Pero Xesús díxolles:
—Só na súa terra e na súa casa rexeitan a un profeta.
 
E non fixo alí moitos milagres pola falta de fe daquela xente.
 
Meditación
 
San Paulo dicía: “Examinádeo todo e agarrádevos ao que é bo” (1Tes 5,21). O importante é ser persoa aberta a todo o que nos poida vir de fóra ou de dentro de nós mesmas, a todo o que nos axude a medrar como persoas e como crentes, a todo o que nos constrúa a nós e constrúa a comunidade civil ou relixiosa da que formamos parte, veña de onde veña. A veciñanza de Xesús non estaba aberta; estaba pechada nos seus criterios, un dos cales era que da xente coñecida, pobre, normal coma eles non tiña por que vir nada de proveito. Que se cría Xesús! Que vaia por aí, home, que se quite da nosa vista con todas as súas andrómenas!
 
As escusas que podemos poñer para non aceptar o que nos vén de fóra coma un don de Deus poden ser múltiples. É doutro país, é doutra raza, é doutra relixión, é doutro partido político, é un “pirao”, mira como viste, sempre fala galego, sempre fala castelán, rompe co que sempre se fixo, onde imos con tantas novidades… E así chegamos a desoír ao mesmísimo fillo de Deus!
 
Oración
 
Escoitar,
escoitarte, Xesús,
escoitarte sempre,
nas múltiples voces coas que nos poidas falar.
Estar coa alma en vilo,
cos oídos do corazón en vilo,
coa vida en vilo,
cun sexto sentido
para ventar a túa voz, a túa presenza,
amósese onde se amose.
Escoitar,
escoitarte, Xesús,
abrirche o corazón, a vida toda,
sen reserva ningunha,
para que se cumpra en todo nós
o milagre dunha vida xusta, irmandada,
en servizo de toda debilidade,
en servizo de Deus.
 
Acción
 
¿Algunha vez tivemos algunha experiencia semellante á da xente veciña de Xesús, de rexeitar as palabras, as propostas dalgunha persoa, por calquera razón idiota? ¿Podemos retomar o caso con esa persoa nunha actitude diferente, aberta?
 
 
3 de agosto: Sábado da 17ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Lev 25, 1. 8-17. Salmo: 66, 2-3. 5. 7-8
Ano 2: 1ª lectura: Xer 26, 11-16. 24. Salmo: 68, 15-16. 30-31. 33-34
 
Evanxeo: Mt 14, 1-12
 
Naquel tempo chegou a sona de Xesús aos oídos do tetrarca. Este comentou cos seus cortesáns:
—Ese é Xoán Bautista, que resucitou de entre os mortos con poderes milagrosos.
 
Pois Herodes prendera a Xoán e metérao na cadea por cousa de Herodías, muller de seu irmán Filipo, porque Xoán non paraba de lle dicir:
—Non che está permitido vivir amigado con ela.
 
E, aínda que Herodes o quería matar, tíñalle medo á xente que o consideraba un profeta. Pero, cando Herodes celebrou o seu aniversario, a filla de Herodías bailou diante de toda a xente. E tanto lle agradou a Herodes, que lle prometeu baixo xuramento darlle o que lle pedira. Ela, encirrada pola súa nai, díxolle:
—Tráeme nunha bandexa a cabeza de Xoán Bautista.
 
O rei entristeceuse, pero, como o xurara e por cousa das persoas convidadas, ordenou que lla deran e mandou que fosen decapitar a Xoán na cadea. Trouxeron a cabeza nunha bandexa e entregáronlla á rapaza, que lla levou á súa nai. Os seus discípulos viñeron recoller o corpo e sepultalo. Despois fóronllo contar a Xesús.
 
Meditación
 
Que gran home, que gran crente era este Xoán! Por algo o noso Xesús se sentiu atraído por el, e no seu grupo, entorno e liderado madurou como crente e chegou a ter a fonda experiencia de ser fillo queridísimo de Deus e irmán universal. Despois Xesús andaría camiños novos, que Xoán seguiu con atención. Había bo trato entre os discípulos de Xoán e os de Xesús, ata o punto de que é a Xesús a quen deseguida lle van contar o martirio do Bautista.
 
Xoán era un verdadeiro profeta, que non receou en darlle cara ao mesmísimo Herodes e en criticar os seus excesos e chulerías. Profeta coherente. Profeta ata a morte. Ante a súa rectitude consecuente qué patético Herodes, que raposeira Herodías! Diferentes espellos, diferentes tipos de persoa ante os que ollarnos. Diferentes maneiras de estar na vida, de construír relacións humanas e de facer pobo e comunidade cristiá.
 
Oración
 
Xesús,
rendémonos contigo ante Xoán,
o profeta,
ante a súa palabra limpa e incisiva,
ante a súa valentía,
que en Deus tiña forza e fundamento.
Rendémonos contigo, Xesús,
ante todas as almas de profeta ou profetisa
que, grazas a Deus,
camiñan polo noso mundo,
sexan ou non sexan do noso grupo,
sexan ou non sexan cristiáns.
Rendémonos contigo, Xesús,
ante quen coa palabra, co sangue, coa vida
rompe abusos, abre camiños
e fai medrar as esperanzas.
 
Acción
 
¿Temos experiencia de enfrontarnos dalgunha maneira a algunha persoa poderosa, que abusa do seu poder? Estará ben que con humildade nolo valoremos. ¿Ou, se cadra, temos experiencia de ver ou sufrir abusos e calar? Estará ben que aprendamos algo de Xoán o Bautista.
 

Accede á revista

Encrucilla 233

Xa es subscritor/a?