O Evanxeo de cada día con ollos de aldea

Manuel Regal Ledo

4 de agosto: Domingo 18º do Tempo Ordinario
 
1ª lectura: Ex 16, 2-4. 12-15. Salmo: 77, 3 e 4bc. 23-24. 25 e 54
2ª lectura: Ef 4, 17, 20-24
 
Evanxeo: Xn 6, 24-35
 
Unha vez, vendo a xente que Xesús non estaba alí, nin tampouco os seus discípulos, montaron nos botes e chegaron a Cafarnaúm buscando a Xesús. Atopárono na outra banda do mar e dixéronlle:
 
Rabbí, ¿cando chegaches aquí?
 
Xesús contestoulles:
—Con toda verdade volo aseguro: buscádesme non porque vistes sinais, senón porque comestes pan ata vos fartar. Traballade non polo pan que se acaba, senón polo que dura deica a vida eterna, o que vos dará o Fillo do home, pois Deus Pai marcouno co seu selo.
 
Eles preguntáronlle:
—¿Qué temos que facer para realizar as obras de Deus?
 
Respondeu Xesús:
—Esta é a obra de Deus: que creades naquel que El mandou.
 
Replicáronlle:
—¿Qué sinal fas, para que véndoo creamos en ti? ¿Qué podes facer? Os nosos pais comeron o maná no deserto, conforme está escrito: “Deulles a comer pan do ceo”.
 
Entón díxolles Xesús:
—Con toda verdade volo aseguro: non foi Moisés quen vos deu o pan do ceo; meu Pai é quen vos dá o verdadeiro pan do ceo, pois o pan de Deus é o que baixa do ceo e dá vida ao mundo.
 
Dixéronlle entón:
—Señor, dános sempre dese pan.
 
Xesús respondeulles:
—Eu son o pan da vida; quen vén onda min non pasará fame e quen cre en min endexamais terá sede.
 
Meditación
 
Xa dixemos o domingo anterior que durante 4 domingos o evanxeo cóllese do capítulo 6 do Evanxeo de Xoán; son uns evanxeos nos que o evanxelista Xoán pon na boca de Xesús coma unha catequese ao redor do pan, a partir do signo da multiplicación do pan e dos peixes que limos o domingo pasado. É unha catequese chea de matices, que quizabes á xente de hoxe se nos escapan, pero que eran moi significativos daquela para comunidades que se sabían herdeiras dunha longa e sabia tradición bíblica.
 
O evanxeo de Xoán está cheo de pasaxes nos que o dobre sentido das palabras e das expresións se converte nun recurso de comunicación, un recurso catequético moi importante, para axudar ás persoas a que entren no fondo do que se quere transmitir.
 
A busca da xente que anda detrás de Xesús non parece limpa, transparente. Búscano polo interese inmediato; fartaron o seu ventre con pan e seguen coa mesma expectativa. Xesús non lle resta importancia á mantenza, o pan de cada día é obxecto dunha das peticións na oración que el nos transmitiu. Pero na catequese de Xoán invítanos a abrir a perspectiva, invítanos a entender amultiplicación dos pans e dos peixes, e a entender o mesmo pan multiplicado como sinais de algo máis fondo e completo. Non só de pan vive a xente, contestara Xesús ao demo tentador.
 
Para o evanxelista Xoán hai un pan que non se acaba, ofertado polo Pai na persoa e na obra de Xesús; o pan que é o mesmo Xesús coa súa maneira de entender a Deus, de entender as relacións da xente entre si e con Deus; un pan que garante a mantenza, que é capaz de soster unha vida na totalidade do seu desenvolvemento.
 
Estamos en tempos nos que nos preocupamos, e moito e con razón, polo pan de cada día, porque falta na casa de moitos fogares; preguntámonos polo pan e polas persoas que nolo posibilitan ou polas persoas que coa súa avaricia desmedida nolo impiden. Xesús aléntanos sen dúbida nesa preocupación primeira. E, a maiores, invítanos a dar un paso máis. Non abonda con ter pan, ou, mellor dito, para garantir que si haxa pan compartido con xustiza entre todos os homes e mulleres do mundo (e co pan, o traballo, a auga, as menciñas, as escolas, a dignidade…), as persoas debemos armarnos de certos convencementos, dunha sabedoría de vivir, dunha maneira de estar uns en relacións cos outros, coas outras, unha maneira de relacionarnos coa mesma natureza, … que é o que no fondo, Xesús nos ofrece como persoa chea do Espírito de Deus. Esta sabedoría de vivir é a que nos ofrecen os evanxeos, e esta sabedoría de vivir propia de Xesús é a que tamén nos transmiten as persoas que se deixan coller polo seu Espírito. Seguro que todos coñecemos a algunhas desas persoas, que para nós son a referencia viva do mesmo Xesús. Buscamos, logo, o pan de cada día, e buscamos esta sabedoría de vivir que nos ofrece Xesús. De nós, como homes e mulleres cristiás, tamén se espera que axudemos a que o pan chegue ás casas, e a que o pan vaia acompañado de razóns de vida humildes e fortes que garantan a súa permanencia. Ata a vida eterna.
 
Preces
 
QUE COA TÚA AXUDA, XESÚS,
SAIBAMOS REALIZAR AS OBRAS DE DEUS.
 
Que teñamos suficiente amor para compartir o pan, os cartos, para que todo mundo teña o necesario para vivir. Oremos.
 
Que abramos o noso corazón ás ensinanzas de Deus, como ti o fixeches, e nos deixemos levar en todo por el. Oremos.
 
Que visitemos, atendamos, sirvamos ás persoas máis débiles da nosa comunidade. Oremos.
 
Que nos asociemos á toda a xente soñadora, que se embarca en actividades, asociacións, grupos, co desexo de mellorar a sociedade, o mundo. Oremos.
 
Que agradezamos o traballo da xente do campo e do mar, que lle deamos mérito aos alimentos gustosos, sans que nos ofrecen. Oremos.
 
Oración
 
Señor, Señor,
polo teu amor…
Nas horas de cansazo,
a calor do teu abrazo.
En tempos de desalento,
o vigor do teu alento.
Cando ando en soidades,
o don da comunidade.
Cando o pecado me pode,
que o teu perdón me renove.
Cando me come a tristura,
do teu afecto a tenrura.
En días de esforzo e loita,
apoio e compaña moita.
Na encrucillada da vida,
luz para a mellor partida.
Desde o amencer ao solpor,
as mostras do teu amor.
Desde o solpor ao amencer,
as mostras do teu querer.
Sempre, en vida ou morte,
que a túa man me conforte.
Señor, Señor,
polo teu amor…
 
Acción
 
Sempre nos movemos e actuamos por algún interese. Pode ser material, pode ser afectivo, pode ser persoal, pode ser social… O evanxeo de hoxe invítanos a revisar o noso mundo de intereses. En definitiva buscamos o pan ou o pan do ceo. Non están a mal entre eles; pero tendemos a buscar máis o primeiro. Separados un do outro as cousas non van ben para a contrución persoal e social. Que ben se falásemos disto en grupo!
 
 
5 de agosto: Luns da 18ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Núm 11, 4b-15. Salmo: 80, 12-13. 14-15. 16-17
Ano 2: 1ª lectura: Xer, 28, 1-17. Salmo: 118, 29. 43. 79. 80. 95. 102
 
Evanxeo: Mt 14, 22-36
 
Unha vez, cando a xente quedara farta co pan multiplicado, Xesús mandou aos seus discípulos que embarcasen axiña e que fosen diante para a outra banda, mentres el despedía a xente. Despois de despedila, subiu ao monte para orar el só e alí colleuno a anoitecida. E, xa a moitos metros no medio do mar, as ondas batían na barca, pois levaban o vento en contra. Ao riscar o día, Xesús foi cara a eles camiñando polo mar. E os discípulos, véndoo camiñar polo mar, asustáronse e dicían: “é unha pantasma”, e, cheos de medo, empezaron a berrar. Deseguida faloulles Xesús, dicindo:
—Tranquilos, non teñades medo, que son eu!
 
Respondeulle Pedro:
—Señor, se es ti, mándame que vaia onda ti camiñando pola auga.
 
El díxolle:
—Ven!
 
Baixou Pedro da barca e púxose a camiñar pola auga, dirixíndose a Xesús. Pero, ao sentir o vento forte, colleu medo, empezou a afundirse e púxose a berrar.
—Señor, sálvame!
 
Axiña Xesús, dándolle a man, agarrouno e díxolle:
—Home de pouca fe, ¿por qué dubidas?
 
E, ao subiren eles á barca, quedou o vento. Os que estaban na barca prostráronse ante el, dicindo:
—Realmente ti es Fillo de Deus.
 
Rematada a travesía, chegaron á terra de Xenesaret. Ao recoñecelo, a xente do lugar mandou aviso a toda a comarca. Leváronlle toda a xente enferma, rogáronlle que lles deixase tocar tan sequera a orla do seu manto. E todas as persoas que o tocaron, curaron.
 
Meditación
 
A Xesús compracíalle estar coa xente; a parte de aprenderlle cousas boas para a vida, a parte de mobilizar na xente as súas capacidades de fe para o cambio, a parte de prestarse a servir, a curar, … a parte dixo, tamén saudar, preguntar polas cousas da vida, pola familia, polo traballo, interesarse, despedirse, quedándose cos nomes e coas vidas que había detrás de cada nome. Que sorte termos un Xesús así! Porque tamén a nós nos tocou en sorte este Xesús para as nosas vidas fráxiles. Gozalo, logo; gozalo e, no posible, imitalo tamén.
 
E logo os medos de todas as noites, na barquiña da vida, cando os ventos e as augas arrean por todos os lados. ¿Quen de nós non ten medos? ¿A quen de nós non se nos encolle o ánimo, o corazón, ata parecernos que nos imos afundir co problema do fillo, coa incapacidade de atopar traballo, con tanto consumo que non enlouquece, con esa relación de parella que non acaba de ir, con eses políticos que parecen esquecer a sorte da xente débil, con ese desasosego persoal que non me deixa en paz nin de día nin de noite? Envexamos a quen camiña airoso no medio dos bandazos da vida; gustaríanos imitalo, pero fáltanos nervio, paixón, confianza, fe. Xesús tamén está aí. Que sorte telo aí tamén.
 
Oración
 
Ti estás, Xesús, ti estás,
aínda que eu non che faga caso;
aínda que eu non me pare contigo,
para falarche dos meus gozos, das miñas sombras,
dos meus medos.
Que refinado é o medo, Xesús,
que refinado e como me roe por dentro!
Aparento comer o mundo,
e moitas veces así o fago coa palabra sempre fácil,
pero que axiña recúo
cando lle hai que dar cara ás cousas,
careándome comigo mesmo
e coas persoas que están detrás delas!
Cómpreme fe, Xesús,
fe en min, na xente,
na comunidade, no pobo,
fe en Deus, fe en ti.
“¿Por qué dubidas?”
Ai, Señor,
que onda ti se fortaleza a miña fe!
 
Acción
 
¿Temos experiencia de deber afrontar algo persoal, familiar ou comunitario, e, por medo, deixalo pasar, xustificando os medos con calquera escusa? ¿Estamos aínda a tempo de retomar algunha desas situacións?
 
 
6 de agosto: festa da Transfiguración do noso Señor
 
1ª lectura: Dan 7, 9-10. 13-14. Salmo 96, 1-2. 5-6. 9
 
Evanxeo: Mc 9, 2-10
 
Unha vez colleu Xesús a Pedro, Santiago e Xoán e subiu con eles ao coto dun monte. Alí transfigurouse na súa presenza. Os seus vestidos viráronse resplandecentes, brancos coma ningún bataneiro do mundo os podería branquexar. Nisto apareceron Elías e máis Moisés, e estaban a falar con Xesús. E Pedro, tomando a palabra, díxolle a Xesús:
—Mestre, que ben estamos aquí! Imos facer tres tendas: unha para ti, outra para Elías e outra para Moisés.
 
Tan asustados estaban, que non sabía o que dicía. E unha nube cubriunos coa súa sombra, mentres saía dela unha voz:
—Este é o meu fillo benquerido, escoitádeo.
 
E de súpeto, mirando arredor, xa non viron a ninguén, fóra de Xesús. Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles que non contasen nada ata que o Fillo do Home resucitase de entre os mortos. Eles colleron ben o aviso, pero discutían entre si que quería dicir aquilo de resucitar de entre os mortos.
 
Meditación
 
Coincidindo co seu bautizo cando estaba con Xoán Bautista, Xesús tivo unha fondísima experiencia de sentirse fillo benquerido de Deus e irmán universal, ata o punto de entender a súa vida como un servizo a toda esa xente irmá. Esa maneira de vivir a vida tróuxolle moitas satisfaccións e non poucos traballos tamén. Necesitaba volver a aquel encontro con Deus, a aquela fonte de vida que o mantiña vivo e con empuxe. Facíao con frecuencia. Neste caso faino na compaña de tres dos seus amigos íntimos. Xesús revive a antiga experiencia do bautismo, e o rostro castigado pola tensión da vida recupera frescura e esplendor. Daba gusto velo. Contaxiaba paz, ilusión. Os discípulos séntense envoltos nesa atmosfera positiva: “que ben estamos aquí”. Aquilo era un soño! Aquilo era a gloria, ou un adianto dela! Comparten o convencemento de que Xesús era fillo benquerido de Deus, e séntense animados a facerlle caso, aínda que as propostas de Xesús lles soasen a duras e arriscadas. Foi unha xornada espléndida que os animou a todos a seguir co empeño solidario a fondo que traían entre mans.
 
Todas, todos nós necesitamos destes momentos intensos que nos axuden a recuperar a ilusión pola vida, a ilusión pola vida de parella, polo coidado e educación da crianza, polo traballo, pola participación comunitaria, pola responsabilidade política etc. Todas, todos necesitamos tempos de sosego, de silencio, nos que escoitar voces fondas que nos avivezan os amores primeiros, que nos recorden o mellor de nós mesmos, que nos aproximen ás nosas fontes vitais, que nos aproximen ao Deus que nos ama tamén como fillas e fillos únicos, que nos acheguen a esa conciencia fonda de sermos irmáns, irmás, e que nos animen a vivir como tales. Todos e cada un, cada unha de nós somos fillas e fillos únicos de Deus; todos, todas facemos a súa grande familia.
 
Oración
 
Que ben estamos aquí!
Gozando da túa presenza, Xesús,
véndote humildemente glorioso,
sabéndote amado a fondo por Deus,
adiviñándote decidido a levar ata o final a túa tarefa!
Que ben estamos aquí!
Sentíndonos enrolados contigo,
admirando a túa valentía,
agradecendo a túa consideración connosco!
Que ben estamos aquí!
fortalecéndonos contigo para os nosos compromisos,
descubríndonos collidas da man por ti,
para a tarefa solidaria á que nos temos apuntado!
Que ben estamos aquí!
Pero hai que saír á rúa,
seguir tecendo solidariedades,
a gusto ou a desgusto de quen manda,
ata a irmandade total!
Que ben estamos aquí, Xesús!
 
Acción
 
¿Hai momentos nos que pasamos por dúbidas e tensións respecto ao que consideramos correcto facer por sermos persoas cristiás? ¿Qué facemos neses casos? ¿Buscamos fortalecernos acudindo ás nosas fontes, á nosa Fonte?
 
 
7 de agosto: Mércores da 18ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Núm 13, 1-2. 25—14, 1. 26-29. 34-35. Salmo: 105, 6-7a. 13-14. 21-22. 23
Ano 2: 1ª lectura: Xer 31, 1-7. Salmo: Xer 31, 10. 11-12ab. 13
 
Evanxeo: Mt 15, 21-28
 
Nunha ocasión foi Xesús para a comarca de Tiro e Sidón. E apareceu unha muller cananea daqueles contornos berrando:
—Compadécete de min, Señor, Fillo de David; a miña filla está atormentada por un demo.
 
Pero el non respondeu palabra. Achegáronselle os seus discípulos rogándolle:
—Aténdea, que vén berrando detrás de nós.
 
El contestoulles:
—Non fun enviado máis que ás ovellas extraviadas da casa de Israel.
 
Pero ela achegouse, prostrouse ante el e suplicoulle:
—Señor, váleme!
 
El respondeulle:
—Non é ben quitarlles o pan aos fillos para llelo botar aos cadelos.
 
Pero ela contestou:
—Certo, Señor, pero tamén os cadelos comen das faragullas que caen da mesa dos seus amos.
 
Entón respondeulle Xesús:
—Muller, a túa fe é ben grande; fágase, logo como desexas!
 
E a súa filla ficou sa naquela hora.
 
Meditación
 
É ben curioso este pedaciño de Evanxeo! Unha muller –unha muller!—desconcerta a Xesús e axúdalle –iso parece— a entender dunha maneira nova en parte a súa tarefa de anunciador e realizador da boa nova para a xente. Xesús cae na conta de que fóra do pobo de Israel tamén hai xente de fe, tamén hai posibilidades de compartir o Deus próximo que nos fai irmáns e irmás, sen límites de pobos, razas ou credos.
 
Unha invitación sen dúbida a estarlle agradecidas a aquela muller, a quen a dor lle activara a fe e a súa constancia. Unha invitación a andar pola vida con espírito amplo, sen chaves na peto para andar pechando portas e ventás, sentíndonos a fondo irmáns e irmás. Podémonos distinguir pola cor da pel, polo país de procedencia, pola fala, polas maneiras de pensar, polo credo relixioso que teñamos; é certo, pero, a pesar diso, pode haber unións máis fondas e determinantes, as que nos levan ao respecto, as que nos fan sentir membros dunha soa humanidade, as que nos fan defender unha vida digna para todo o mundo, as que soñan cunha irmandade universal. Ai podémonos atopar todas, sen excepción, nunha casa común, onde poder vivir a fe nun Pai ou Nai tamén común, nunha Fonte común, que a todo o mundo se ofrece na súa humanísima solidariedade.
 
Oración
 
Viva a diferenza, Xesús,
viva a diferenza,
no nome do Pai-Nai común,
que a todos e todas nos crea por amor,
e a todas e todos nos ofrece o seu Espírito,
sen distinción!
Viva a diferenza, Xesús,
que nos fai xente máis fermosa,
máis complementaria,
máis capaces de responder
ás múltiples demandas do noso ser, do noso existir!
Vivan a diferenza, Xesús,
sustentada nun fondo común
sospeitado, buscado, crido, amado,
que nos solda e irmanda,
que nos permite vernos, a pesar de todo,
como irmáns e irmás en todo,
e en todo vivir como tales”.
Viva a diferenza, Xesús,
no nome do Espírito que todo o sustenta!
 
Acción
 
É moi posible que teñamos algunha experiencia de enfrontarnos con persoas diferentes de nós en cousas que nos parecen máis ou menos importantes: raza, país, ideoloxía política, credo relixioso, xeitos de ser… ¿Cómo actuamos neses casos? ¿Pechando ou abrindo portas e ventás no propio ser? ¿Podemos facer algún cambio na nosa maneira de afrontar iso?
 
 
8 de agosto: Xoves da 18! semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Núm 20, 1-13. Salmo: 94, 1-2. 6-7. 8-9
Ano 2: 1ª lectura: Xer 31, 31-34. Salmo: 50, 12-13. 14-15. 18-19
 
Evanxeo: Mt 16, 13-23
 
Unha vez, cando Xesús chegou á comarca de Cesarea de Filipo, preguntoulles aos seus discípulos:
—¿Quen di a xente que é o Fillo do home?
 
Eles responderon:
—Algunhas persoas din que Xoán Bautista; outras, que Elías; outras, que Xeremías ou algún dos profetas.
 
Insistiu Xesús:
—E vós, ¿quen dicides que son?
 
Respondeu Simón Pedro:
—Ti es o Mesías, o Fillo do Deus vivo.
 
E Xesús contestoulle:
—Ditoso ti, Simón, dillo de Xonás, porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue, senón meu Pai que está no ceo. E eu asegúroche que ti es Pedro, e sobre esta pedra vou edificar a miña Igrexa, e as portas do inferno non prevalecerán en contra dela. Dareiche as chaves do reino dos Ceos: todo o que ates na terra, ficará atado nos ceos: e todo o que desates na terra, ficará desatado nos ceos.
 
E mandoulles aos discípulos que non dixesen nada de que el era o Mesías.
 
Desde aquela empezou Xesús a aclararlles aos seus discípulos que tiña que ir a Xerusalén, e que alí o ían facer sufrir moito os anciáns, os sumos sacerdotes e os letrados; que o ían executar e que ao terceiro día había resucitar. Pedro, colléndoo á parte, empezou a rifar con el, dicindo:
—Deus te libre, Señor; a ti non pode pasarche iso.
 
Pero Xesús, volvéndose, díxolle a Pedro:
—¡Arreda de min, Satanás! Ti es un tentador para min, porque non te deixar guiar por Deus senón pola xente.
 
Meditación
 
Pedro fala de Xesús desde a súa admiración por el: Xesús era o rostro humano do Deus vivo; e estaba moi no certo. Pero fala de Xesús tamén desde unha mentalidade humana, que ligaba Deus co triunfo, e a santidade da vida cun recoñecemento popular, oficial. Por iso se revolve contra Xesús, cando este lle rompe ese esquema, e conecta a súa condición de Fillo do Deus vivo co conflito relixioso cos xefes relixiosos do momento, que o levará ao sufrimento e á morte. Nunca ninguén recibiu por parte de Xesús unha corrección máis severa que a que lle deu a Pedro. Cantas veces seguimos vendo a vida relixiosa, a vida cristiá, a admiración e seguimento de Xesús, desde claves humanas, desde claves de poder, de dominio, de triunfo! Foron palabras necesarias por parte de Xesús a Pedro, a quen constituía en pedra dunha Igrexa que tería as chaves do reino dos Ceos. Demasiado poder como para vivilo en clave de dominio. E cantas veces todos, xerarcas e non xerarcas, o temos vivido así na Igrexa.
 
Oración
 
Señor, Señor…
por unha Igrexa pobre,
por unha Igrexa servidora,
por unha Igrexa non obsesionada polo aplauso social,
por unha Igrexa disposta ao martirio,
por unha Igrexa conflitiva,
por unha Igrexa que lle teña pánico ao poder,
por unha Igrexa fundida coa xente última,
por unha Igrexa fortaleza da xente débil,
por unha Igrexa cristiá
e só así fondamente humana …
Señor, Señor…
 
Acción
¿Cómo é a nosa comunidade cristiá na que facemos Igrexa? ¿A quen arrimamos máis, a quen acompañamos máis, a quen servimos máis: á xente débil, á forte? Seguro que algo poderemos facer para que a nosa comunidade sexa unha comunidade cristiá servidora, unha Igrexa servidora.
 
 
9 de agosto: Festa de Santa Tareixa Benedicta da Cruz (Edith Stein) co-patroa de Europa
 
1ª lectura: Os 2, 16b. 17b. 21-22. Salmo: 44, 10. 11-12. 16
 
Evanxeo: Mt 25, 1-13
 
Unha vez díxolles Xesús esta parábola ás persoas que o acompañaban:
—O reino dos ceos parécese a dez mociñas que colleron os seus candís para saír recibir o noivo. Cinco eran parvas e cinco, asisadas. As parvas colleron os candís, pero non os encheron de aceite; as asisadas, en troques, cos candís levaron tamén as aceiteiras cheas. Como o noivo tardaba, pegoulles o sono e quedaron durmidas. Alá pola media noite oíuse berrar: “Veña, que chega o noivo, ídeo recibir!” Erguéronse todas aquelas mociñas e prepararon os candís. Entón as parvas dixéronlles ás asisadas: “Dádenos un chisco de aceite, que os nosos candís esmorecen”. Responderon as asisadas: “Non vaia ser que non chegue para vós e para nós; mellor será que vaiades á tenda o que o merquedes”.
 
Mentres elas ían mercalo, chegou o noivo e as que estaban preparadas entraron con el no banquete de vodas e pechouse a porta. Máis tarde chegaron as outras mociñas chamando: “Señor, Señor, ábrenos!” Pero el respondeulles: “Asegúrovos que non vos coñezo”.
 
Vixiade, logo, xa que non sabedes nin o día nin a hora.
 
Meditación
 
Edith Stein (santa Tareixa Benedicta da Cruz) foi declarada co-patroa de Europa polo papa Xoán Paulo II no ano 1999 xuntamente con Santa Catalina de Siena e Santa Bríxida. Edith Stein (1891-1942) foi unha persoa extraordinaria: muller xudía, filósofa, mística, converteuse ao cristianismo despois dun proceso intenso de recuperación da fe que abandonara na primeira mocidade. Fíxose carmelita e da cela do Carmelo Echt en Holanda, a onde fuxira como refuxiada desde Carmelo de Colonia, foi arrebatada polas SS nazis para ser gaseada no campo de exterminio de Auschwitz. Sucedeu o 9 de agosto do 1942.
 
Compartimos un pequeno texto testemuñal dos tempos nos que Edith Stein se reencontra coa experiencia relixiosa:
 
“Hai un estado de descanso en Deus, de suspensión total de toda actividade intelectual, no que non se fan plans de ningún tipo, non se sacan conclusións, senón que se abandona todo o porvir á vontade de Deus, entrégase totalmente ao destino. A este estado accedín en parte, despois de que un acontecemento que supera as miñas forzas consumiu por completo as miñas enerxías vitais e me privou de toda actividade. Este descansar en Deus é, con respecto á negación da actividade por carecer de enerxía vital, algo totalmente novo e singular. Aquilo era calma morta. No seu canto, aparece agora o sentimento de estar protexida… e na medida que me entrego a ese sentimento, comeza a encherme cada vez máis unha nova vida… Esta corrente vivificadora aparece como emanación dunha actividade que non é miña.”
 
Desde logo Edith Stein foi unha das mociñas asisadas que sempre estivo esperta e abastecida para o encontro co Deus da vida.
 
Oración
 
Quixera ter
o corpo, a alma sempre en vilo
cara a ti, meu Deus,
coma Edith Stein.
Quixera abrir
todo o meu ser, sen reserva algunha,
á túa presenza viva,
ao teu envolvente amor,
coma Edith Stein.
Quixera dobregarme
ante todo gozo e dor
con intelixencia e paixón
coma Edith Stein.
Quixera andar
co rostro erguido, co corazón aceso
ante a dor, ante a morte inxusta
coma Edith Stein.
Quixera encher
os enormes ocos da miña existencia
cun montón de nomes fráxiles,
co teu propio nome, meu Deus,
coma Edith Stein.
Pero son o que son, meu Deus,
son o que son
ante ti.
 
Acción
 
Igual non nos resulta difícil ler algunha pequena biografía de Edith Stein. Hai unha moi breve na colección SINERGIA de Inés Riego. Seguro que nos axudará a coller toda a vida con máis corpo nestes tempos brandos nos que nos toca vivir.
 
 
10 de agosto: Festa de San Lourenzo
 
1ª lectura: 2 Cor 9, 6-10. Salmo: 111, 1-2. 5-6. 7-8. 9
 
Evanxeo: Xn 12, 24-26
 
Nunha ocasión díxolle Xesús aos seus discípulos:
—Évos ben certo: se o gran de trigo cae na terra, pero non morre, quedará el só; pero, se morre, dará froito abondoso. Quen se ama a si mesmo pérdese; mais quen se aborrece a si mesmo neste mundo, poñeraa a salvo para unha vida eterna. Se alguén quere servirme, que me siga; e alí onde estea eu, estará tamén a persoa que me sirva; e o Pai honrará a quen me sirva.
 
Meditación
 
¿Cómo se vai aborrecer unha persoa a si mesmo? ¿Non dicimos que é san e bo ter unha boa autoestima? Non o nega Xesús. Xesús fálanos do erro enorme de poñernos nós, a nosa vida, a nosa realización, o noso coidado como centro de todo, ao redor do cal teña que virar toda a nosa existencia e a de quen viva ao redor noso. A proposta de Xesús para a vida é sempre un construírnos, un mirar por nós, pero desde o servizo, desde o desfacerse, desde o baleirarse no coidado e atención á demais xente; só así, curiosamente, unha vida se vai sentindo chea, ben construída, feliz. Esta foi a súa experiencia que nos ofrece como camiño de vida.
 
Lourenzo, diácono da igrexa de Roma no século III, compartiu ese sentir de Xesús. Era o encargado de atender as necesidades da xente pobre, enferma, marxinal: realizouse felizmente como persoa atendendo a esas persoas, que eran os verdadeiros tesouros da Igrexa, como lle contestou a quen lle esixía eses tesouros. Matárono por iso, queimándoo vivo nunha grella. Morreu servindo, facéndose gran que cae en terra para dar froito.
 
Oración
 
Xesús,
contigo, con Lourenzo,
quero ser gran de trigo,
caído en terra, desfeito,
para dar froito.
Contigo, Xesús,
con Lourenzo,
quero aprender esa exquisita lección de vida
que fala de esquecerse,
de poñerse en segunda fila,
de facerse servidora de quen de min precise,
e así, misteriosamente,
ir enchendo a miña vida
de nomes e de vidas,
que dan a felicidade.
Cada día,
no pequeno e no grande,
contigo, Xesús, con Lourenzo,
servidor, servidora.
 
Acción
 
É ben difícil de librarnos da ansia de poñernos en primeira fila. Podiamos pensar nalgunha cousa concreta na que podemos esquecernos algo de nós atendendo a outras persoas. A base de cousas así poderemos ir cambiando.

Accede á revista

Encrucilla 233

Xa es subscritor/a?