O Evanxeo de cada día con ollos de aldea
Manuel Regal Ledo
11 de agosto: Domingo 19º do Tempo Ordinario
1ª lectura: 1 Re 19, 4-8. Salmo: 33, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9
2ª lectura: Ef 4, 30—5,2
Evanxeo: Xn 6, 41-51
Unha vez os xudeus comezaron a murmurar de Xesús, porque dixera: “Eu son o pan que baixou do ceo”, e dicían:
—¿Non é este Xesús, o fillo de Xosé? ¿Non lle coñecemos o pai e máis a nai? ¿Cómo di, logo: Eu baixei do ceo”?
Xesús respondeulles:
—Non esteades aí a murmurar. Ninguén pode vir onda min se non o trae o Pai que me mandou, e eu resucitareino no derradeiro día. Está escrito nos Profetas: “Todos serán ensinados por Deus”. Todo aquel que escoita o Pai e aprende, vén onda min. Non porque alguén vise o Pai; o único que viu o Pai é o que estaba onda Deus. con toda verdade volo aseguro: quen cre ten vida eterna.
Eu son o pan da vida. Os vosos pais comeron o maná no deserto, pero morreron. Este é o pan que baixa do ceo, para que quen coma del non morra. Eu son o pan vivo que baixou do ceo; se alguén come deste pan, vivirá para sempre; e o pan que eu darei é a miña carne para a vida do mundo.
Meditación
Estamos nun momento convulso, a nivel social e, para moita xente, tamén a nivel persoal. Guiados polo evanxelista Xoán, estamos dándolles voltas á súa catequese sobre Xesús como pan de vida, que ten capacidade de soster o mundo. Pero a realidade é que hai moita xente, millóns de persoas, que están razoablemente preocupados polo pan de cada día, polo alimento cotián, polo fogar cotián, polo traballo cotián, pola súa integración cotián nunha sociedade que lles permita vivir con dignidade. A nivel persoal e a nivel comunitario non debemos evitar facernos a pregunta: como podemos combinar estas dúas
realidades? E darlle unha resposta que atenda ás necesidades da xente e que estea atenta tamén ao ofrecemento de Xesús.
No é máis complexo o noso tempo do que o era o tempo de Xesús. Por iso a pretensión de Xesús e/ou das primeiras comunidades cristiás de presentalo como o remedio de vida para a situación presente chocou moito no ánimo da xente. Estamos moi afeitos/as a escoitar con rutina as palabras de Xesús (ou do seu comentarista Xoán): “eu son o pan que baixou do ceo”, ou “eu son o pan da vida”, ou: “eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén come deste pan, vivirá para sempre”. Con estas palabras Xesús, as primeiras comunidades cristiás, afirmaban o seu convencemento de que en Xesús hai remedio de vida para calquera situación, por complexa que esta sexa. A pretensión de Xesús foi obxecto de ridículo por parte de moitos conveciños/as, coa crítica que ben coñecemos: “Non é este Xesús, o fillo de Xosé? Non lle coñecemos o pai e máis a nai? Como di, logo: ‘Eu baixei do ceo?”.
Os comentaristas están de acordo en dicir que cando o evanxelista Xoán afirma: “o pan que eu darei é a miña carne…”, ao empregar a palabra “carne” no canto da palabra “corpo”, da que botan man outros evanxelistas, quere recalcar o carácter de debilidade, de fraxilidade, co cal se acentúa a realidade chocante de todo o de Xesús. É coma dicir: no pouco, no débil, no non poder, no non éxito, na cruz, no perder a vida, (e todo iso embebido na corrente maxestosa, pero calada, do amor, da solidariedade, que invade todo o de Xesús), aí é onde misteriosamente hai vida, hai presente e hai futuro para as persoas, para as sociedades, para a humanidade.
O papel dunha comunidade cristiá nos tempos de hoxe, coma nos de onte, é, primeiro, crer esta oferta de Xesús. Crer nela, aceptala, incorporala á propia existencia, vivila gozosamente, vivila creativamente, que quere dicir tanto coma buscarlle saída e realizacións concretas nos tempos concretos que estamos vivindo, nas situacións concretas nas que os homes e mulleres de hoxe nos estamos vendo envoltos/as.
Que pode significar hoxe para nós aceptar o pan-carne, que Xesús nos dá? Que pode significar aceptar a fraxilidade namorada, a fraxilidade solidarizada, que Xesús nos ofrece? Con que formas de palabra, de feitos de vida, podemos espallar hoxe este convencemento de Xesús e das primeiras comunidades cristiás, de que na fraxilidade dada, entregada, baleirada, hai futuro, máis aínda, está o futuro? Cremos que na pobreza namorada, solidarizada, activa e pasivamente, está a clave da solución das cousas? Embarcámonos con Xesús nese gozo, nesa tarefa? Ou é que, no fondo, tamén nós pensamos que isto é unha inxenuidade, e que quén é Xesús e o de Xesús, a causa de Xesús, para semellante pretensión de querer ser vida do mundo amortuxado, curación para unha sociedade ferida? Ou é que, no fondo, tamén nós pensamos que é no poder, frecuentemente insolidario, non amante, onde hai futuro, bo ou malo?
En tempos de “nova evanxelización”, no que se nos quere meter a todos/as –e iso está moi ben—, sería ben que nos preguntásemos como persoas, como membros de comunidades cristiás, se realmente estamos sendo coa vida realizadores, realizadoras, desta pretensión de Xesús. E estaría ben que este, e non outros, fosen os puntos de conflito que tivésemos cos nosos coetáneos non crentes: pero onde van estes pretendendo, desde a fe en Xesús, poñerlle remedio ao mundo desde a pobreza, a fraxilidade solidaria?
Preces
TODOS, TODAS, SERÁN ENSINADAS POR DEUS
Que, coma ti, Xesús, todos, todas nos deixemos levar e ensinar por Deus, para vivir efectivamente en amor solidario nos tempos que corren. Oremos.
Que saibamos seguirte, Xesús, que saibamos ofrecer con humildade, con vigor, con frescura ás nosas sociedades o alento que ti nos deches para a vida do mundo .Oremos.
Que, algo coma ti, nos fagamos pan para os débiles, cos nosos cartos, co noso acompañamento, co noso apoio. Oremos.
Que abramos as nosas comunidades cristiás ao que pasa no mundo, na parroquia; que saiamos das Misas, das celebracións, sempre máis atentos ao que no pobo se vive, se loita, se sofre, se goza. Oremos.
Que acompañemos no día a día nas súas accións aos que están loitando por defender os seus dereitos, o seu pan. Oremos.
Oración
E cóllesme da man, Xesús,e lévasme á escola de Deus,onde todos e todas son ensinadaspara o exercicio simple e diario do amor,para que aprenda,para que deixe enchoupar a vida de afectos solidarios,e me perda contigo na nobre tarefade ser froito e semente de fraternidade.Grazas!Cóllesme da mane lévasme a casas e lugares insospeitados,onde viven persoas insospeitadas,que falan de ti cunha linguaxe insospeitada,persoas insignificantes, populares,pegadas á práctica diaria de amar e servir,de dar, de darse,de facerse soño e mantenza de excluídos/as,e chégame o eco das túas mesmas palabras:“eu son o pan que baixou do ceo”.Grazas!Cóllesme da man, Xesús,a túa man quente, vigorosa,afeita ao traballo e ás apertas,ás bendicións e aos perdóns,aos alentos e ás esperanzas novas,e dásme a túa mantenza, o teu espírito,a túa fe, as túas conviccións, a túa causa,…posme diante da hora presente,e disme: chégache o meu pan, a miña carne,chégache a fraxilidade, a pobreza namorada,apúntate comigo á pequena comunidade soñadoraque cambiará a sorte deste mundo.Grazas!
Acción
É frecuente que nos deixemos engaiolar pola aparencia, polos títulos, polos cargos da xente coa que tratamos, para lle dar ou non credibilidade ao que esas persoas nos transmiten. En casos pode ser prudente facelo así, pero en moitos outros non. Canto nos poden transmitir persoas sinxelas, e canto pasamos delas ás veces. Co mesmo Xesús tamén podemos facer así. Podemos fixarnos en como levamos isto.
12 de agosto: Luns da 19ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Dt 10, 12-22. Salmo: 147, 12-13. 14-15. 19-20
Ano 2: 1ª lectura: Ez 1, 2-5. 24-28c. Salmo: 148, 1-2. 11-12ab. 12c-14a. 14bcd
Evanxeo: Mt 17, 22-27
Nunha ocasión, andando por Galilea Xesús cos seus discípulos, díxolles Xesús:
—Ao Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes, que o matarán, pero ao terceiro día resucitará.
Eles ficaron moi tristes.
Cando chegaron a Cafarnaúm, achegáronse a Pedro os cobradores da contribución do templo e preguntáronlle:
—¿O voso mestre non paga a contribución?
El respondeulles:
—Si que a paga.
E, cando chegaron á casa, Xesús adiantouse a dicirlle:
—¿Qué che parece, Simón? Os reis da terra, ¿a quen cobran as taxas e contribucións, aos fillos ou á xente allea?
Ao responder Pedro que á xente allea, Xesús concluíu:
—Polo tanto, os fillos están exentos. Sen embargo, para non ser ocasión de escándalo, vai ao mar, bota o anzol, pilla o primeiro peixe que pique e ábrelle a boca; alí atoparás unha moeda. Cóllea e entrégaa por min e máis por ti.
Meditación
Con maneiras propias, en parte, dos evanxeos apócrifos, tan dados á fabulación, o evanxelista posiblemente aborda un problema co que se atoparon as primeiras comunidades cristiás que aínda non romperan coas prácticas relixiosas do xudaísmo: ¿deberían pagar ou non o tributo destinado ao coidado do templo? Por seren fillos de Deus e non xente allea, entendían que non tiñan por que pagar; pero pagarían por non montar un escándalo.
Nós hoxe, por sermos fillos e fillas de Deus, e nunca xente allea a el, por considerar a toda a cidadanía xente irmá, sexan ou non sexan crentes, entendemos que debemos pagar os distintos impostos que na nosa sociedade democratizada se estipulen, porque é unha maneira de facer algo de reparto de bens e de que a xente máis pobre poida gozar dos servizos básicos para unha vida digna. E indignámonos contra as formas de goberno que toleran que a xente máis poderosa evada pagar impostos, que se toleren paraísos fiscais, etc. Sentirnos fillos e fillas de Deus, sentirnos irmáns e irmás dálle unha forza a maiores a esa obriga democrática de socializar algo polo menos os nosos bens.
Oración
Así nos fala Xesús:Deixemos, irmáns, irmás,que o evanxeo se cole en todos os nosos comportamentos.Sexamos responsables e xust@sá hora de gañar o noso diñeiro.Sexamos persoas honradas e solidariasá hora de pagar os nosos impostos.Non nos neguemos nin trampeemos,paguemos,e esixamos que todo o mundo pague,máis, loxicamente, canto máis rico cada un sexa.Está en xogoa vida digna de moita xente,Está en xogoo cerne mesmo da nosa experiencia relixiosa,pois tal como nos solidaricemos co irmán ou irmá pobre,así de feito nos solidarizamos con Deus,así o respectamos e servimos.
Acción
Podemos revisar como nos comportamos con iso de pagar impostos, de pagar ou non en negro, de darlle ou non importancia aos comportamentos cidadáns e de políticos que se corrompen evadindo impostos. ¿Somos legais en todo? ¿Loitamos por sistemas máis xustos de pagar impostos?
13 de agosto: Martes da 19ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Dt 31, 1-8. Salmo Dt 32, 3-4a. 7. 8. 9 e 12
Ano 2: 1ª lectura: Ez 2, 8—3, 4. Salmo: 118, 14. 24. 72. 103. 111. 131
Evanxeo: Mt 18, 1-5. 10. 12-14
Nunha ocasión achegáronse a Xesús os homes e mulleres que o seguían, para lle preguntar:
—¿Quen é o máis importante no reino dos ceos?
El chamou por unha criatura, púxoa no medio deles e dixo:
—Asegúrovolo: se non cambiades e non vos facedes coma unhas criaturas, non entraredes no reino dos ceos. Quen se faga pequena coma esta criatura, será a máis importante no reino dos ceos. E quen acolla a unha criatura coma esta no meu nome, acólleme a min.
Coidadiño con desprezar a unha destas criaturas! Asegúrovos que os seus anxos no ceo están sempre contemplando o rostro do meu Pai celestial.
A ver, ¿qué vos parece? Se unha persoa ten cen ovellas e perde unha, ¿non deixará as outras noventa e nove no monte, para ir buscar a descarreirada? E, se a atopa, asegúrovos que se alegrará máis con ela do que coas noventa e nove que non se perderan. Do mesmo xeito a vontade do voso Pai celestial é que non se perda ningunha destas criaturas.
Meditación
Falando dos fundamentos dunha comunidade cristiá, Xesús proponnos cousas moi simples e fondas, aínda que igual nos poidan parecer cuestións menores, cousas de nenos e nenas. É si, son cousas de nenos e nenas, de criaturas, pero para Xesús aí xógase o máis importante do reino dos ceos, o máis importante do que Xesús veu anunciar e realizar, o máis importante dunha comunidade cristiá.
Ese era o gran soño de Xesús: facernos todos e todas coma unhas criaturas: non cridas, confiadas, sabedoras que estamos envolt@s en fraxilidade, que só en por nós non somos nada, que nos debemos á familia, á comunidade, e a quen é sostén da comunidade familiar, o Pai materno que mira por nós. E aprender de Deus maternal a coidar as criaturas, sexa cal sexa a razón pola que se sintan criaturas envoltas en fraxilidade; quen as desprece despreza ao mesmo Deus que sempre as ten de ollo. Coidar as criaturas débiles, descarreiradas, de dentro ou de fóra da comunidade, facer dese coidado a gran tarefa, a gran festa da comunidade, ese é o gran reto.
Oración
Xesús,veño á túa escolaporque sei que es un mestre que aprendes moi ben,gratis e con gusto.Apréndeme, logo,a cambiar e facerme coma unha criatura.Apréndemea acoller a calquera criatura,a calquera persoa envolta en fraxilidade,sabendo que, acolléndoa a ela, acollo ao mesmo Deus.Apréndemea coidar as túas criaturas.Apréndemea respectalas e veneralas con devoción infinita.Apréndemea buscalas dentro e fóra da comunidade,sen aforrar nin tempos nin esforzos nin intelixencia.Apréndemea facer festa ao redor das túas criaturas,a facer comunidade poñéndoas sempre no centro de todo.
Acción
Ás veces debatemos sobre como está ou non está a nosa comunidade parroquial. Cando o facemos, ¿parámonos a ver que lugar ocupa a xente máis débil, máis marxinada, máis “perdida” da comunidade? ¿Colocamos a esa xente no centro do noso corazón, das nosas actividades, da nosa práctica relixiosa?
14 de agosto: Mércores da 19ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Dt 34, 1-12. Salmo: 65, 1-3a. 5 e 8. 16-17
Ano 2: 1ª lectura: Ez 9, 1-7; 10, 18-22. Salmo: 112, 1-2. 3-4. 5-6
Evanxeo: Mt 18, 15-20
Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Se teu irmán peca contra ti,vai e repréndeo; pero ti só con el. Se te escoita, conquistaches o teu irmán. Se non te escoita, leva contigo un ou dous, para que por medio de dúas ou tres testemuñas quede resolto o asunto. Se non vos fai caso, dillo á comunidade; e se tampouco lle fai caso á comunidade, sexa para ti coma un pagán ou un recadador de impostos. Asegúrovos que o que atedes na terra será atado no ceo, e o que desatedes na terra será desatado no ceo.
Meditación
Na vida, dentro e fóra da comunidade cristiá, atopámonos con persoas (entre as que nós tamén nos contamos) que fan cousas mal feitas, danándose a si mesmas e danando tamén a persoas que están ao seu redor. Temos o costume de reaccionar ante iso queixándonos, murmurando por detrás, criticando; pero poucas veces temos a ousadía cristiá de achegarnos a esa persoa e con toda mansedume dicirlle o que nos chocan e por que nos chocan algúns dos seus comportamentos. É dicir, poucas veces cumprimos co deber mutuo da corrección. Quizais porque nós mesmos, cando alguén nos corrixe, reaccionamos de malas maneiras. Se faltar, pecar é máis ou menos humano, tamén debería selo corrixir e aceptar a corrección. Para que isto funcione é imprescindible quererlle moito ás persoas concretas ás que queremos corrixir, e sentirnos moi queridos por quen nos corrixa.
Oración
Grazas, meu Deus,pola comunidade familiar,pola comunidade cristiá da que formo parte.Grazas pola xente que, porque me quere,me corrixee me permite medrar como persoa de ben.Grazaspolas veces que me move o amorpara dicirlle a alguénpalabras de corrección e alento.Grazas por forma parte dunha comunidade viva,onde todos, todas, nos facemos cargo de todos,con ganas de gañarnos mutuamente para o ben.Grazas.
Acción
Seguro que estamos ante o caso de persoas ás que nos gustaría poderlle dicir algo, para corrixir, para alentar. Podemos buscar a maneira de facelo con moita humildade e mansedume, con moito agarimo. E así facilitar que outras persoas tamén nos poida corrixir a nós.
15 de agosto: Solemnidade da Asunción de Santa María
1ª lectura: Ap 11, 19a; 12, 1-6a. 19ab. Salmo: 44, 10. 11-12. 16
2ª lectura: 1 Cor 15, 20-27a
Evanxeo: Lc 1, 39-56
Naqueles mesmos días saíu María con moita présa camiño da montaña a unha vila de Xudea. Entrou na casa de Zacarías e saudou a Sabela. E, en oíndo Sabela o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, exclamou Sabela a grandes voces:
—Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre. ¿Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? Pois, ao que chegou o teu saúdo aos meus oídos, a criatura brincou de alegría no meu ventre. Ditosa ti, que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!
Entón María exclamou:
—A miña alma proclama a grandeza do Señor, e o meu espírito alégrase en Deus, o meu Salvador, porque reparou na súa humilde escraviña. Velaí, dende agora todas as xeracións me van felicitar. O Poderoso fixo en min marabillas! O seu nome é santo, a súa misericordia chega xeración tras xeración a toda a xente que o respecta.
Manifesta o poder do seu brazo desbaratando os plans dos soberbios. Derruba do seu trono os poderosos e fai subir a xente humilde; enche de bens os famentos e despide baleiros os ricos.
Ampara a Israel, o seu servidor, lembrándose da súa misericordia, conforme prometera a nosos pais, en favor de Abraham e da súa descendencia para sempre.
María permaneceu con ela tres meses e logo volveu para a súa casa.
Meditación
Hoxe celebramos a asunción, o empoderamento dunha muller, dunha muller de aldea, dunha muller humilde, que non pertencía para nada ao mundo do poder e que mesmo era vítima dese mundo. A grandeza de María é a grandeza de quen na súa pouca cousa se fía absolutamente de Deus e deixa que a súa vida sexa unha vida totalmente plena de Deus, dos regalos de Deus, das grazas de Deus. E de María naceron marabillas, a primeira delas a marabilla do seu fillo Xesús, que tanto, tanto lle agradecemos.
Aparece María visitando a súa parente Sabela e compartindo con Sabela a súa experiencia de persoa crente e dada a Deus. As dúas mulleres enténdense á perfección, porque as dúas andaban na mesma onda do Espírito. E xorde a ledicia, a felicitación, o canto. E descobren e honran a Deus que repara no humilde, que se sitúa na vida, na historia, do lado da xente pequena, que aborrece os poderes que esmagan a xente, e que aposta por facer digna e gloriosa a vida das persoas e dos pobos ignorados. Deus lembrándose sempre da súa misericordia! Deus cun corazón sen medida, que acolle a israelitas e non israelitas nunha mundial aperta fraterna!
María é o signo e mostra de toda esta marabilla. María, con Sabela, invítannos a entrar neste soño, a vivilo e a gozalo.
Oración
Bendicímoste, María,por seres muller de aldea,entre dores e pobrezas!Bendicímoste, María,muller a Deus sempre aberta,na túa graza e fraqueza!Bendicímoste, María,por acolleres o Espírito,autor da túas belezas!Bendicímoste, María,por concibir e criaro fillo por excelencia!Bendicímoste, María,pola cantiga de gloriaa Deus na xente pequena!Bendicímoste, María,pola caricia de Deushonrando a túa beleza!Bendicímoste, María,Santa María do pobo,orgullo da nosa Terra.Bendicímoste, María,por compartires connoscotanta graza e tanta festa!
Acción
Seguro que teremos oportunidade de participar hoxe dalgunha festa popular na honra de Santa María. Fagámolo co espírito de María: agradecendo e compartindo a graza que levamos dentro, participando nos gozos humildes, alentándonos a situarnos na vida do lado do pequeno, como Deus mesmo fai.
16 de agosto: Venres da 19ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xos 24, 1-13. Salmo: 135, 1-3. 16-18. 21-22 e 24
Ano 2: 1ª! Lectura: Ez 16, 1-15. 60.63. Salmo: Is 12, 2-3. 4bcd. 5-6
Evanxeo: Mt 19, 3-12
Unha vez achegáronse a Xesús uns fariseos e preguntáronlle para poñelo a proba:
—¿Estalle permitido a un home repudiar a muller por un motivo calquera?
El respondeu:
—¿Seica non sabedes que o Creador dende o principio fixo o ser humano home e muller, e dixo: “Por iso deixará o home a seu pai e máis a súa nai, unirase á súa muller e serán os dous unha soa carne?” De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. Polo tanto o que Deus xuntou que non o separe a xente.
Preguntáronlle:
—¿E logo como é que Moisés mandou entregar o certificado de divorcio e repudiar a muller?
Xesús respondeu:
—Debido á dureza do voso corazón permitiuvos Moisés repudiar as vosas mulleres; pero ao principio non era así. Asegúrovos que quen repudia a súa muller (agás no caso de que estean malvivindo) e casa con outra, comete adulterio.
Entón dixéronlle os discípulos:
—Pois, se a situación do home respecto á muller é esa, casar non nos fai avío ningún.
El contestoulles:
—Non todo o mundo entende isto, senón aquelas persoas ás que se lles concedeu. Hai homes castrados que naceron así do ventre da súa nai; hainos, porque os fixeron os homes; e hainos, porque eles mesmos se fixeron tales polo reino dos ceos. Quen poida entender, que entenda.
Meditación
A pregunta que se lle fai a Xesús verte machismo por todos os lados. Trátase de se o home podería repudiar a muller por calquera motivo, que podía ser mesmo por non cociñar ben, por roncar de noite etc. Cando Xesús afirma a igualdade radical entre o home e a muller, e que a unión de ambos se configura en seren os dous unha soa carne indivisible, daquela os mesmos discípulos non dubidan en afirmar que, sendo así as cousas, casar non é choio ningún, dado que un non se pode relacionar coa propia muller desde o dominio interesado. Xesús está defendendo abertamente os dereitos da muller ante as pretensións totalitarias do home respecto dela.
Niso temos avanzado, pero non o necesario, como o demostran tantos casos desgraciados que imos coñecendo. A nós hoxe cústanos moito establecer unións firmes, de por vida; consentimos tanto coa propia fraxilidade, que se nos fai difícil manter unións estables, co conseguinte sufrimento para a propia parella e para a crianza habida. Deus non é indiferente á nosa fraqueza, pero ¿é para nós bo vivir sempre baixo a escusa da nosa fraqueza?
O celibato pode ter moitas caras e cores. Xesús foi un célibe contra corrente, para vincularse fondamente a Deus e ao soño dunha humanidade reconciliada. Moitos e moitas teñen seguido os seus pasos. Fermosas as súas vidas, fermosas tamén as de quen casa e ensaia os soños de Xesús na convivencia familiar diaria!
Oración
Bendita a bendita sexualidade!Bendito quen nos creou como seres sexuados!Bendito o pracer do sexo!Bendita a fecundidade do sexo!Benditos os home e mulleres que o viven!Bendito o sexo consentido, respectuoso, amoroso!Bendito o sexo non absolutista, integrado!Bendito o sexo humilde, que non se cre rei e señor!Bendito o sexo fráxil, mendicante!Bendito o sexo que leva a unións consistentes!Bendito o sexo recollido, reconducido en liberdade!Bendito o sexo das persoas célibes, á espera de plenitudes propias e alleas.Bendito Deus, presente en nóscando facemos o amor e cando del libremente nos privamos!
Acción
¿Qué trato estamos tendo coas mulleres coas que convivimos, coas mulleres que, por calquera razón, van cruzando na nosa vida? ¿Temos comportamentos machistas con elas da forma que sexa? ¿Toleramos eses comportamentos, se somos mulleres? Seguro que homes e mulleres poderemos mellorar neste campo?
17 de agosto: Sábado do 19ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xos 24, 14-29. Salmo: 15, 12a e 5. 7-8. 11
Ano 2: 1ª lectura: Ez 18, 1-10. 13b. 30-32. Salmo: 50, 12-13. 14-15. 18-19
Evanxeo: Mt 19, 13-15
Nunha ocasión leváronlle a Xesús unhas criaturas para que lles impuxese as mans e rezase por elas. Pero os discípulos rifábanlles. Mais Xesús díxolles:
—Deixade que as criaturas se acheguen a min, non llelo privedes, porque delas é o reino dos ceos.
E despois de lles impoñer as mans, marchou de alí.
Meditación
O xesto de Xesús chamaba moito a atención, porque daquela as criaturas non eran nada consideradas, non contaban. Xesús repara niso, e opta, coma sempre, por valorar o que non é valorado, por poñer no centro o que a demais xente nos empeñamos en deixar de lado. Esa era e é a lei básica do seu proxecto de convivencia humana no nome de Deus: da xente cativa, con calquera clase de cativeza, é o reino dos ceos.
Hoxe, entre nós, temos nenos e nenas normalmente supermimadas, superabastecidas de todo tipo de trangalladas, o cal non quere dicir que por iso estean sempre ben queridas e atendidas na súa formación como persoas. E polo mundo adiante, en cambio, hai millóns de nenas e nenos sufrindo todo tipo de carencias, sometidos a todo tipo de explotación (sexo, guerras, órganos, migracións,…). Poñer as criaturas no centro segue sendo hoxe unha elemental e esixente tarefa, que vai máis aló dunha caricia ou dun chucho obrigado.
Oración
Impoñerlles as mans:acariñar as criaturas.Impoñerlles as mans:respectalas na súa identidade e diferenza.Impoñerlles as mans:protexelas na súa inocencia.Impoñerlles as mans:coidar o seu corpo e o seu espírito.Impoñerlles as mans:implicándonos no seu presente, no seu futuro.Impoñerlles as mans:transmitirlles o mellor que levamos dentro.Impoñerlles as mans:abríndoas ao comunitario.Impoñerlles as mans:lembrando nelas as nosas fraxilidades.Impoñerlles as mans:compartindo con elas a grande aperta de Deus..
Acción
¿Cómo nos estamos relacionando cos nenos e nenas da nosa familia, da nosa comunidade? ¿Qué facemos pensando neses millóns de nenas e nenos que viven en situacións tan inhumanas? Como persoas e como comunidade cristiá igual podiamos mellorar a nosa maneira de interesarnos por eles e de tratalos.