O Evanxeo de cada día con ollos de aldea
11 de xaneiro: Bautismo do Señor
Evanxeo: Mt 3, 13-17
Naquel tempo veu Xesús desde Galilea ao Xordán para que Xoán o bautizase. Xoán trataba de llo impedir dicindo:
–“Como vés ti onda min, se es ti quen me tes que bautizar a min?”
Xesús respondeulle:
–“Deixa agora, pois convén que cumpramos a vontade de Deus.”
Xoán accedeu.
Axiña que foi bautizado, Xesús saíu da auga. E velaí que se abriron os ceos e viu o Espírito de Deus baixar coma unha pomba ata se pousar enriba del. E oíuse desde o ceo unha voz que dicía:
–“Este é o meu fillo benquerido, o predilecto.”
——————————————————————————————————————————————————————————————
Meditación
Coa celebración do Bautismo do Señor Xesús pechamos este precioso tempo do Nadal, no que a liturxia nos foi axudando a entender e celebrar quen era realmente aquel Xesús que tanto chamara a atención coa súa vida absolutamente centrada en Deus e absolutamente centrada tamén na xente, sobre todo na xente débil, pobre, pecadora, ignorada, desprezada socialmente, relixiosamente. Xa sabemos que aquel Xesús, aínda que nacido coma unha persoa de tantas, era –non podía ser doutra maneira— froito do Espírito Santo; o Espírito Santo de Deus era a súa verdadeira matriz, a súa forza, o seu alento, o seu norte, o que suscitaba as súas palabras e os seus feitos de vida. (Algo así nos pasa a todos nós, se nos miramos cos iluminadores ollos da fe).
O relato do Bautismo de Xesús permítenos comprender como ese Espírito de Deus foi collendo toda a vida de Xesús; non foi dun xeito máxico, coma se Xesús non tivese nada que ver con iso; tampouco foi dun xeito milagreiro. Foi dun xeito moi humano e moi divino ao mesmo tempo, que é como Deus fai sempre as cousas. Nós tamén queremos ser persoas que nos deixemos coller e levar polo Espírito de Deus; por iso é ben importante que nos fixemos como foron as cousas con Xesús, porque tal e como foron con el poden ser tamén connosco. Iso é polo menos o que Deus quere. E a iso nos debemos sentir empuxados/as nas nosas comunidades cristiás.
Pouco sabemos da infancia de Xesús. Foi unha infancia pobre, nun medio social pobre. Pero todo parece indicar que foi unha infancia desde un punto de vista humano e espiritual moi densa, no espazo familiar, no espazo veciñal. Os evanxeos din, referíndose a Xesús, que “o neno medraba, fortalecíase e íase enchendo de sabedoría; e a graza de Deus acompañábao” (Lc 2, 40). E tamén que cos anos “medraba en estatura, en sabedoría e en graza diante de Deus e diante da xente” (Lc 2,52). Xesús empezou a traballar no oficio do pai, que era carpinteiro de obras, pero nel aviveceuse cada vez máis a ansia por lle ser fiel a Deus na súa vida, a Deus e ao que el entendía que Deus lle pedía na vida. E iso foi o que o levou un día determinado a deixar a casa e achegarse onda Xoán Bautista e onda o movemento que el lideraba. Deus, a través da familia, das reunións na sinagoga, do pobo pobre e asoballado do que Xesús formaba parte; Deus, a través da súa reflexión, da súa oración, da súa dispoñibilidade, foino empuxando para facer del unha persoa repleta de amor e de servizo.
Xesús vai onda Xoán, porque o admiraba pola súa pobreza, pola súa radicalidade, pola súa valentía, polo seu desacordo co que os líderes relixiosos do momento propoñían, porque soñaba cuns tempos novos de Deus, que habían poñer honradez e xustiza entre a xente toda. Súmase ao movemento de Xoán porque quería facer máis redonda e total a súa resposta fiel a Deus, porque quería tamén que desaparecesen os abusos do pobo, sobre todo os abusos que facían máis costa arriba a vida da xente pobre. Seguro que Xesús falou con veciñas e veciños o que tantas veces nos falamos tamén: isto non pode seguir así, o mundo anda tolo, os de arriba cada vez apértannos máis, non pode ser que haxa xente na rúa, sen traballo, sen sanidade, non pode ser que aínda hoxe haxa millóns de persoas morrendo de fame, etc. Pero Xesús colleu e dixo: pois, a ver, que podo facer eu para que isto cambie? E botouse á aventura, á aventura de Deus, á aventura de Deus co pobo, á aventura do pobo con Deus. E nós? Non nos quedamos frecuentemente só nas palabras, nas queixas, nas lamentacións? Cantas veces chegamos á parroquia, á comunidade cristiá, á Asociación de veciños/as, ao Partido Político, a onde nós pensemos que se pode facer algo para ofrecernos: eu quero que isto cambie, que podo facer?
Andando nestas, con estas ideas e estes proxectos na cabeza, Xesús tivo unha experiencia relixiosa extraordinaria. Parece que unha persoa descobre a Deus, cando se pon na súa onda, que é a onda da dispoñibilidade, da pobreza, da busca, da apertura, da ansia por aportar o que un saiba e poida. E Deus non falla, Deus está alí, aportando o que sabe aportar que é fondura e compaña, convicción e forza, tenrura e capacidade de espallala ao redor de nós, soños e alentos para ilos construíndo cada día.
O Espírito de Deus colleu a Xesús, marcou a Xesús, non á forza, senón obsequiándoo cunha experiencia moi simple e fundamental, a de ser fillo benquerido, amado de Deus. Xesús foi tocado para sempre pola tenrura de Deus, aló no máis íntimo do seu ser, e iso fixo del unha persoa nova, unha persoa capaz de iniciar cousas novas, que nunca se oíran nin se viran entre a xente relixiosa do seu tempo. Cousas que teñen que ver basicamente co amor, coa solidariedade exquisita, coma arma fundamental para virar a sorte das persoas, para virar os abusos deste mundo.
Cada Eucaristía é un momento no que todos, todas, como persoas, coma comunidade, podemos ter tamén a experiencia de sermos persoas amadas de Deus, fillos e fillas benqueridas, chamadas a espallar o seu amor e a súa xustiza polo mundo adiante, empezando pola nosa casa, parroquia, barrio, cidade.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Preces
ESTE É O MEU FILLO QUERIDO, O PREDILECTO.
- Que nos alegremos, Xesús, por terte coñecido, que nos alegremos por terte de verdade coma irmán maior e mestre. Oremos.
- Que, coma ti, saibamos ser pobres, libres, buscadores/as, para darlle a Deus, á familia, á comunidade, ao pobo, o mellor do que levemos dentro de nós. Oremos.
- Que nos xuntemos coma ti con quen sente no nome de Deus polos débiles, pobres e pecadores, e, con humildade formemos comunidades de vida, comunidades que soñen cun mundo diferente, máis san e xusto. Oremos.
- Que o mesmo Espírito que a ti te santificou coma fillo de Deus, nos santifique tamén a nós e nos encha de vigor para o servizo das persas enfermas, maiores, soas, angustiadas, paradas. Oremos.
- Que coma ti, Xesús, teñamos sempre a dita profunda de sentirnos de verdade fillos e fillas benqueridas de Deus. Oremos.
- Que vexamos a todas as persoas, sobre todo as máis pobres e marxinais, coma fillos e fillas benqueridas de Deus, e coma tales as tratemos, con respecto, con coidados. Oremos.
Pregaria
Tiñas, Xesús, trinta anos,
naqueles tempos un home moi maduro xa;
chegárache a hora
e, por fin, arrincas da casa,
e vaste á aventura de Deus,
á aventura do pobo.
Bendito sexas!
Doíache o pobo,
doíache a xente marxinada,
doíache a relixión falsificada,
doíanche as autoridades prepotentes,
doíache Deus.
Bendito sexas!
Buscas,
xúntaste a unha comunidade de xente buscadora,
faste discípulo, aprendiz,
soñas co mellor de ti para Deus,
co mellor de Deus para o pobo,
co mellor de Deus para min.
Bendito sexas!
Inicias unha etapa intensa de madurez e de cambio,
o Espírito acompáñate e sorpréndete,
experimentas o gozo de ser fillo amado,
chamado para o servizo total,
para abrirlle á xente camiños novos cara a Deus.
Bendito sexas!
E faste para nós
mestre da busca comunitaria,
guía na conversión e no cambio,
alentador de experiencias relixiosas limpas, intensas,
impulsor dunha entrega sen medida
ao servizo de todos e todas,
ao servizo da xente máis humilde do pobo sobre todo.
Bendito sexas!
Cos nosos medos e dúbidas,
coa nosa falta de fe e de paixón humanitaria,
queremos que nos collas da man
e que nos leven contigo,
para repetir nos tempos de hoxe
a túa humilde e revolucionaria aventura.
Bendito sexas, Xesús,
bendito sexas!
——————————————————————————————————————————————————————————————
Acción
Bo día para reparar no noso propio bautismo. Sabemos en que data foi? A maioría de nós fomos bautizados sendo uns infantes, non tiñamos capacidade de asumir compromiso ningún, nin de decatarnos dos dereitos e obrigas contraídas. Fixérono por nós os nosos pais e padriños. Que bo sería xuntarnos un día en grupo de adultos na compaña de alguén que nos poida axudar, e revisar o significado dese sacramento recibido.
12 de xaneiro: Luns 1ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Heb 1, 1-6. Salmo: 96, 1 e 2b. 6 e 7c. 9
Ano 2: 1ª lectura: 1 Sam 1, 1-8. Salmo: 115, 12-13. 14 e 17. 18-19
Evanxeo: Mc 1, 14-20
Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anunciar a Boa Nova de Deus. Dicía:
–O tempo está cumprido e chega o Reinado de Deus; convertédevos e crede na Boa Nova.
Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a Simón e máis a André, seu irmán, que estaban largando as redes no mar, pois eran pescadores. Díxolles Xesús:
–Vinde comigo e fareivos pescadores de xente.
Deixaron de contado as redes e seguírono. Un pouco máis adiante viu a Santiago, fillo de Zebedeo e máis a Xoán, seu irmán; estaban arranxando as redes na barca. E deseguida os chamou. Eles deixaron a seu pai, Zebedeo, na barca cos seus axudantes e seguírono.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Meditación
Vimos de celebrar o nacemento de Xesús e o Evanxeo de hoxe xa nos sitúa nun momento da súa vida cando, aos trinta anos máis ou menos, se dá a coñecer como persoa que promove unha nova maneira de estar e de vivir no mundo: vivir coma xente irmá, queréndose, respectándose, perdoándose, coidándose, non abusando, mirando pola xente máis débil dos pobos, poñendo a fe relixiosa ao servizo de todo isto, pois todo isto é o que Deus quere e alenta; por iso Xesús a este novo plan de vida chámalle Reinado de Deus.
Esta é a proposta que Xesús nos fai tamén hoxe a todos nós. Se nos paramos a pensar un pouco, deseguida nos dámos de conta do que nos pode supoñer a cada un ou cada unha de nós vivir así; seguro que teremos que cambiar moitas cousas do noso vivir de cada día. Pero isto para Xesús non é unha carga nin un castigo, é unha felicidade, unha noticia boa, algo que responde ao máis fondo e limpo que, como seres humanos, tod@s levamos dentro de nón.
Xesús, hoxe coma onte, busca colaboradores para este traballo. Búscate a ti e a min. Bate contigo e pídeche que botes unha man, libremente, que te incorpores a esta tarefa, que é a tarefa máis digna para calquera home ou muller: facernos irmáns, irmás, no nome de Deus. Que lle respondes? Que lle respondemos?
——————————————————————————————————————————————————————————————
Oración
Aquí estou, Xesús,
conta comigo.
No que saiba, valla e poida,
conta comigo.
Para a grande tarefa da irmandade,
conta comigo.
Para o coidado de miña familia e parroquia,
conta comigo.
Para servir a Deus traballando pola comunidade,
conta comigo.
Aquí estou, Xesús,
conta comigo.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Acción
Pensa nas tarefas que cómpre facer na comunidade da parroquia; pensa nas túas habilidades e capacidades, que as tés. Se hai algo de traballo comunitario xa organizado, ofrécete; se non o hai, fala con outras persoas para ver de botar algo a andar.
13 de xaneiro: Martes da 1ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Heb 2, 5-12. Salmo: 8, 2a e 5. 6-7. 8-9
Ano 2: 1ª lectura 1 Sam 1,19-20. Salmo: 1 Sam 2, 1. 4-5. 6-7
Evanxeo: Mc 1, 21-28
Na vila de Cafarnaum o sábado foi Xesús á sinagoga e púxose a ensinar. Toda a xente estaba abraiada da súa doutrina, pois ensinaba coma quen ten autoridade, non coma os letrados. E cadrou que había naquela sinagoga un home posuído por un mal espírito e púxose a berrar:
–Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaré? Seica viñeches para acabar connosco? Ben sei quen es ti: ti es o Santo de Deus.
Xesús mandoulle:
–Cala e bótate fóra dese home.
O espírito malo sacudiuno, pegou un berro moi forte e saíu del. Toda a xente ficou pasmada, e discutían entre si dicindo:
–Que é isto? Unha nova doutrina exposta con autoridade; e enriba, dálles ordes aos espírito malos e eles obedéceno.
E a súa sona espallouse de contado por toda a rexión de Galilea.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Meditación
Xesús tiña unha palabra firme, clara, convincente; falaba desde o seu ser máis auténtico, desde unha vida asentada en Deus e apaixonada pola xente, por toda a xente. Por iso a xente o admiraba tanto. O seu falar non era coma o dos mestres da lei, nin coma o de moitos de nós, que moitas veces falamos por falar, pero sen ir ao fondo de nós, nin ao fondo da vida; sen comprometernos naquelo que dicimos e barullamos. O normal, logo, é que nos fiemos de Xesús sempre, e que nós vaiamos aprendendo a falar desde a verdade das nosas vidas e non desde as aparencias nada máis.
Xesús botaba fóra os espíritos malos. Non pensemos no demo. O espírito malo é todo aquilo que en nós rompe a paz, a boa preocupación polos demais, o desexo de colaborar na comunidade da parroquia ou na sociedade; espírito malo é tamén criticar, gozar contando os defectos doutras persoas; espírito malo é non recoñecer non admitir críticas ou correccións doutras persoas; espírito malo é non perdoar cando alguén nos falta, non lle dar oportunidades novas a quen errou na vida etc., etc. Hai moitos espíritos malos. Todos, todas levamos algún espírito malo connosco, que nos impide vivir animosos, esperanzados. Por iso tamén todos estamos invitados a achegarnos a Xesús; el é poderoso para axudarnos a acabar cos nosos espíritos malos, sexan os que sexan.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Oración
Veño onda ti, Xesús,
para que me deas sanidade,
porque eu tamén teño algún espírito malo
(penso nalgún espírito malo que crea ter,
e dígollo a Xesús),
que me impide ser máis feliz comigo mesmo,
que me frea para axudar aos meus veciños e veciñas,
que me leva a ser pouco agradecido contigo, Xesús.
Veño onda ti, Xesús,
para ser contigo unha persoa algo mellor.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Acción
Podo escribir nun papel o nome dalgún espírito malo que crea ter. Ademais de contarllo a Xesús na oración, penso no que podería facer para irme librando del.
14 de xaneiro: Mércores da 1ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Heb 2, 14-18. Salmo: 104, 1-2. 3-4. 6-7. 8-9
Ano 2: 1ª lectura: l Sam 3, 1-10. 19-20. Salmo: 39, 2 e 5. 7-8a. 8b-9. 10
Evanxeo: Mc 1, 29-39
Despois de saír da sinagoga, Xesús foi á casa de Simón e máis de André, con Santiago e Xoán. A sogra de Simón estaba na cama con febre e axiña lle falaron dela. Xesús achegouse onda ela, colleuna pola man e ergueuna; desapareceulle a febre e púxose a servilos.
Chegada a tardiña, xa de sol posto, leváronlle todos os enfermos e endemoñados. A vila enteira amoreouse na porta e sandou a moitos enfermos de varias doenzas e botou moitos demos; pero aos demos non os deixaba falar, porque o coñecían ben.
Ergueuse moi cedo, aínda con noite, e saíu para un lugar arredado, onde se puxo a orar. Simón e máis os seus compañeiros foron tras del e, cando o atoparon, dixéronlle:
–Todos te andan a buscar.
El respondeu:
–Vaiamos a outro sitio, ás aldeas veciñas, para predicarmos tamén alí, que para iso vin.
E foi indo por toda Galilea, predicando nas sinagogas e botando fóra os demos.
.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Meditación
É esta unha pasaxe preciosa do evanxeo de Marcos, porque nos describe con sinxeleza como era Xesús, que facía, a que se dedicaba. E así, vémolo como un veciño máis que vai á casa da xente veciña e amiga. Vémolo como unha persoa interesada pola saúde, polo benestar da xente coa que se atopa, e fai o que pode para restablecela. Vémolo preocupado polos males, desgrazas, traballos da xente, sexa quen sexa, e por iso calquera persoa se podía chegar a onda el e ser atendida por el. Vémolo especialmente enfrontado cos “demos”, cando os “demos” era todo aquilo que atacaba a saúde, a harmonía, a boa convivencia, a dignidade da xente. Vémolo como unha persoa moi amiga de pasar tempos longos de oración con Deus, de onde sacaba forzas para o que traía entre mans. Vémolo, en fin, desexoso de compartir tanto ben con toda a xente, coa palabra e cos feitos.
De todo isto nós podémonos beneficiar moito, pois somos tamén desas persoas coas que Xesús se atopa e quere remediar. E de paso podemos aprender a vivir algo coma el, tendo trato con Deus na oración e compartindo coa xente a fe que nos leva a traballar polo ben da xente, da sociedade, en todo o que poidamos.
Veño onda ti, Xesús,
para que me aprendas a vivir coma ti,
a orar coma ti,
a pararme coa xente coma ti,
a espallar alentos coma ti,
a rebelarme contra os “demos coma ti,
a vivir sereno e centrado coma ti.
Xesús, meu Xesús.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Visita hoxe a algún veciño ou veciña enferma, interésate por ela, procura animala, se é posible, rezade algo xuntos, comparte con ela a túa fe en Deus.
Se coñeces algunha acción, algunha asociación que traballe de calquera maneira polo ben da xente, non deixes de te apuntar.
15 de xaneiro: Xoves de 1ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Heb 3, 7-14. Salmo: 94, 6-7. 8-9. 10-11
Ano 2: 1ª lectura: 1 Sam 4, 1-11. Salmo: 43, 10-11. 14-15. 24-25
Evanxeo: Mc 1, 40-45
Unha vez achegouse a Xesús un leproso e rogoulle de xeonllos:
–Ti, se queres, pódesme limpar.
Xesús, conmovido, alongou a man e tocouno, dicindo:
–Pois quero, queda limpo.
E a lepra desapareceulle deseguida e quedou limpo. Xesús despediuno advertíndolle con moita seriedade:
–Mira, non llo digas a ninguén; pero para que conste, preséntate ao sacerdote e fai pola túa purificación as ofrendas mandadas por Moisés.
Pero, mal se foi, aquel home botouse a pregoar o feito, espallándoo de tal xeito que Xesús xa non podía entrar en ningún pobo, senón que quedaba fóra, nos arredores apartados. Pero aínda así acudían a el de todas as partes.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Meditación
Máis que o que poida ou non poida haber de milagre neste feito de Xesús, o que chama a atención, sobre todo, era a facilidade que tiña a xente aflixida para achegarse a Xesús e ser por el atendida. Neste caso trátase dun leproso, unha persoa que daquela, por mor dos posibles contaxios, era obrigada a vivir arredada, fóra da comunidade, fóra das aldeas. Quen ousaba tocarlle a unha persoa leprosa quedaba inmediatamente contaxiado e tiña que vivir tamén apartado das aldeas e da comunidade. E Xesús, conmovido, ao ver aquel home, tocouno, contaxiouse e por iso di ao final este relato que tampouco el podía entrar en ningún pobo. É impresionante este xesto de Xesús. Faise un coa xente máis marxinada, pasa polas que eles pasan, vive onde eles poden vivir, que é na inclemencia dos despoboados.
É admirable a curación daquel home e a súa admiración agradecida que mesmo o levou a desobedecer a advertencia de Xesús. Pero máis admirable aínda é o compromiso de Xesús con quen sofre no corpo e no espírito. Nós, todos e todas nós, podemos ser o leproso que de xeonllos nos achegamos a Xesús. E tamén podemos ir aprendendo de Xesús a doernos da xente como el se doía.
Xesús, ti pódesme limpar,
podes quitarme de enriba
todo o que estraga a miña persoa
e a fai menos familiar, menos comunitaria.
Podes devolverme o gozo
de estar ben integrado na parroquia,
e compartir coa demais xente
todo o ben que fixeches por min.
Xesús, ti pódesme limpar,
ti podes facer de min unha persoa nova.
–Pois quero, queda limpo.
Igual coñeces a algunha persoa que por ser borracha, drogodependente, ou por calquera outra circunstancia vive algo marxinada na parroquia. Achégate a ela, trátaa sempre ben, saúdaa, pouco a pouco vai facendo amizade con ela. Aínda que haxa quen te critique.
16 de xaneiro: Venres da 1ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Heb 4, 1-5. 11. Salmo: 77, 3 e 4bc. 6c-7. 8
Ano 2: 1ª lectura: l Sam 8, 4-7. 10-22a. Salmo: 88, 16-17. 18-19
Evanxeo: Mc 2, 1-12
De alí a uns días Xesús entrou de novo en Cafarnaúm e sóubose que estaba na casa. Tanta xente se xuntou que nin diante da porta había xa sitio. El presentáballes a Palabra. Entón chegaron catro persoas portando un home tolleito, pero, como non podían chegar ao pé de Xesús pola moita xente que había, levantaron o teito por riba de onde el estaba, abriron un furado para poderen meter e descolgar o leito co enfermo. Xesús, ao ver a fe que tiñan, díxolle ao tolleito:
–Meu fillo, quédanche perdoados os teus pecados.
Pero alí sentados estaban algúns letrados que matinaban para os seus adentros:
–Pero que está dicir este home? Está blasfemando. Quen pode perdoar os pecados, senón unicamente Deus?
Xesús decatouse axiña do que estaban cavilando e díxolles:
–Por que pensades así? Que é máis doado, dicirlle a este home: quedan perdoados os teus pecados, ou dicirlle: érguete, colle a padiola e vaite? Pois para que vexades que o Fillo do Home ten poder para perdoar os pecados –dille ao tolleito–, colle a padiola e vaite para a casa.
E así foi. No instante ergueuse, colleu o leito e foise á vista de toda a xente, de tal xeito que toda a xente quedou pasmada e daba gloria a Deus dicindo-
–Nunca tal cousa vimos.
——————————————————————————————————————————————————————————————
Meditación
A fe daqueles catro homes que portaban o tolleito era grande. Grande debía de ser tamén a fe, a esperanza do mesmo tolleito para prestarse a tales figuras. E Xesús non se queda curto. Se a cousa ía de abundancias, tamén el pon abundancias. Onde se desexaba a saúde do corpo, que é unha parte importante da persoa, pero soamente unha parte, el responde ofrecendo saúde a fondo, dando perdón e restauración espiritual, para envolver a persoa no convencemento de ser persoa ben querida, por máis que pase fisicamente por horas malas. Unha cousa, a saúde espiritual, non quita a outra, a saúde corporal; por iso o relato remata contando como ambas se complementan. Pero Xesús quere que quede claro que da saúde corporal non somos donos, pero, contando con Deus, sempre podemos acceder á saúde espiritual, fonte de paz e de esperanza aínda no medio da dor.
Os letrados aqueles pérdense na súa sabedoría e son incapaces de comprender as cousas marabillosas que acontecían diante dos seus ollos dunha maneira tan sinxela. O pobo parece que si algo percibía: nunca tal cousa vimos.
Nunca tal cousa vimos.
Que saiba, Xesús, calar e contemplar
o misterio da saúde e da enfermidade,
corporal e espiritual,
na miña persoa e na persoa da máis xente.
Que saiba, Xesús, calar e contemplar
o misterio da túa presenza en min, en toda a xente,
nas horas de saúde e nas horas de enfermidade.
Que saiba, Xesús, calar e contemplar
a forza de vida que es capaz de facer xermolar en nós,
para dicir desde a humilde experiencia:
nunca tal cousa vimos.
Hai persoas cristiás que traballan no que se chama “a pastoral da saúde”; pregunta onde hai algo diso e achégate a algunha desas persoas para que che comente o que fan. Igual te animas a unirte a esas persoas; e, senón, polo menos verás cousas que te animarán a ser algo máis comunitario nalgunha cousa.
17 de xaneiro: Sábado da 1ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Heb 4, 12-16. Salmo: 18, 8. 9. 10. 15
Ano 2: 1ª lectura: 1 Sam 9, 1-4. 17-18; 10, 1a. Salmo: 20, 2-3. 4-5. 6-7
Evanxeo: Mc 2, 13-17
Xesús volveu saír para a beira do mar; a xente toda seguía acudindo onda el e el ensinábaos. Ao pasar, viu a Leví, o de Alfeo, sentado no mostrador cobrando a contribución, e díxolle:
–Sígueme.
El ergueuse e seguiuno.
Aconteceu que estando Xesús á mesa na casa de Leví, acompañado dos seus discípulos, moitos recadadores de impostos e pecadores sentaron con eles, pois eran moita a xente que o seguía. Os letrados e fariseos, vendo que comía con eles, dixéronlle aos discípulos:
–Como é que come cos recadadores e pecadores?
Xesús oíunos e contestoulles:
–Non é a xente sa, senón a enferma, a que precisa médico. Eu non vin chamar polas persoas xustas, senón polas pecadoras.
——————————————————-
Meditación
Mala fama tiñan daquela os recadadores de impostos, porque representaban o poder abusivo do imperio romano, e ademais era frecuente que se aproveitasen sacándolle á xente aínda máis do moito que xa se lles pedía. Algo así coma algúns dos políticos corruptos de hoxe que rouban mentres para a xente hai recortes e soldos baixos. E vai Xesús e fíxase nun deses para sumalo ao seu grupo. E vai Xesús e entra na súa casa, xanta con el e con outros tales, sabendo o moito que une o feito de comer xuntos. Que libre e valente era Xesús! Como sabía adiviñar o fondo das persoas para petar a esa porta e sacar de cada quen o mellor que levaba dentro! Procesos admirables, que os que andaban coa lei na man non entendían para nada, e por iso murmuraban. O de Xesús era mesturarse coa debilidade, co pecado, coa escuridade e axudar a que a xente se reconstruíse.
E hoxe pasa o mesmo. Xesús segue a ser o mesmo con cada un, cada unha de nós. Non se arreda de nós por moi ruíns que sexamos. E invítanos a facer outro tanto: andar pola vida sen condenar a ninguén, amigando co fráxil, axudando, no que poidamos, a refacer vidas.
Gustaríame, Xesús,
ser libre coma ti,
ser valente coma ti,
estar coma ti ao lado da xente ruín
saber encaixar as críticas coma ti.
Gustaríame tamén
recoñecer que en cousas son persoa pecadora,
para gozar ao ser acollida por ti,
e así, no pecado, no perdón e no cambio,
sentirme máis irmán de todos os meus veciños e veciñas.
Gustaríame, Xesús,…
Que o teu Espírito me renove en todo!
Fai un pequeno exercicio. Colle un papel e nel escribe o nome das persoas coas que ti non queres ter trato ningún, porque as consideras moi mala xente. Poderías achegarte dalgunha maneira a algunha delas? Poderías empezar por quitarte da cabeza a idea de que son xente sen remedio?