O Evanxeo de cada día con ollos de aldea

 

17  de agosto: Domingo 20º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Xer 38, 4-6. 8-10.

Salmo: 39, 2. 3. 4. 18.

2ª lectura: Heb 12, 1-4

Evanxeo: Lc  12 , 49 – 53

Nunha ocasión dixo Xesús:

–Lume vin traer á terra, e que máis quixer eu ca que estivese a arder! Hanme bautizar cun bautismo e xa me tarda a hora de que se cumpra. ¿Pensades que vin traer a paz á terra? Abofé que non;  vin traer división. Pois dende agora na casa onde haxa cinco, estarán divididos tres contra dous e dous contra tres. Estarán enfrontados pai con fillo e fillo con pai, nai con filla e filla con nai, sogra con nora e nora con sogra.

———————————————————

Meditación

Por esta vez Xesús vén poñer un punto de incomodidade no medio da nosa posible  tranquilidade do verán, das vacacións. Aínda que, contando con que haxa moita xente doída pola situación política, social que estamos vivindo, haberá moitos que acollan estas palabras de Xesús como o que son en verdade: unha auténtica bendición, unha chamada a darlle cara á vida de forma valente e apaixonada, coas consecuencias que iso nos poida traer a nivel persoal, familiar, social.

Supoño que, en xeral, a todos e todas nos chocarán bastante estas palabras de Xesús, que falan de lume, de purificación, de apaixonamento, de tensións, de enfrontamentos, de divisións familiares. É frecuente que teñamos unha vivencia apracible da vida relixiosa, cristiá. O ideal cristián identificámolo moi a miúdo coa paz, coa tranquilidade, coa harmonía, co sosego. Que haxa paz, que non haxa conflitos, nin no interior de cada un de nós, nin no interior das familias, nin na sociedade. E non nos gustan nada xeralmente as persoas alborotadoras, conflitivas, as que crean divisións e enfrontamentos sociais. Parécenos que Deus nos dá a  paz e nos chama á paz; e é certo, o mesmo Xesús nolo dicía: “Déixovos a paz, douvos a miña paz”, pero deseguida engadía tamén: “Eu non vola dou como o mundo a dá” (Xn 14,27).

Porque a paz pode ser unha paz falsa. A paz falsa pode ser o resultado obrigado dunha situación de dominio. Os que dominan, os que mandan, os que teñen o poder normalmente reclaman con insistencia esta paz: que esteamos quietiños/as, tranquilos/as, caladiños/as, soportando as cousas como están, que é como mellor están. Para eles, claro. A paz falsa pode ser tamén o resultado dun intento de construírnos como persoas desde nós mesmos exclusivamente, amarrándonos de forma dependente a moitas cousas de consumo, e desentendéndonos en cambio do grande aporte que nos poden dar outras persoas, familiares, veciños, veciñas, crentes, non crentes, desentendéndonos de Deus mesmo. Non hai paz sen humildade. Non hai paz sen comunidade. Por iso tantas veces, á hora da verdade, atopámonos sen paz, rotos/as, desconcertados/as, desesperados/as polo que nos acontece na vida: enfermidades, mortes, paro, rupturas familiares, etc.

Non hai paz da boa, da auténtica, sen conflito, parece que nos quere dicir Xesús. Non hai paz sen apaixonamento. Non se constrúe unha persoa sen pasar por etapas de crise, de enfrontamento, de tensión; pásanos a todos, a todas, na vida. Non se constrúe unha familia sen momentos de disensión, de choque de ideas e de planes; o problema non é discutir, o problema será facelo sen respecto e con actitudes dominantes. Non se constrúe e mellora unha sociedade adaptándose sempre ao que vén dado de vello, senón tirando polas cousas para adiante, descolocando a moitos/as, aos que normalmente están mellor colocados na situación; o malo será cando, coma no momento presente, se descoloca aos que xa estaban en situación de fraxilidade, para afundilos máis. Non se constrúe unha Igrexa, unhas comunidades cristiás novas, sen que haxa conflito, sen que haxa “lío”, como dicía e pedía o Papa Francisco.

O “lío” é bo, pode ser bo, necesario, imprescindible. O conflito pode ser bo, necesario, imprescindible. Dínolo Xesús. Xesús foi un “liante”, aínda que nos custe dicilo e aceptalo. Xesús foi unha persoa conflitiva, aínda que nos custe tamén dicilo e aceptalo e esteamos constantemente rebaixando ao mínimo este aspecto sobranceiro de Xesús. Foi un “liante” apaixonado, desde o amor, desde a solidariedade, desde a dor pola sorte da xente máis débil e marxinada, desde o lume prendido no seu corazón polo lume grande de Deus que el veu traer á terra. E Xesús invítanos a entrar nesta vivencia apaixonada da existencia humana, da vivencia relixiosa.

A celebración eucarística é un espazo de paz e de concordia, un espazo de comuñón. Pero un espazo tamén no que resoa con forza a memoria do Xesús conflitivo, morto, asasinado polos poderosos, e resucitado por Deus. Un espazo provocativo, como provocativas eran as palabras de Xesús. O lema do cristián non é fuxir do conflito, senón integrarse nel, se fai falla, e con forza, con paixón, para que o pan, a paz, o respecto, a consideración, os dereitos cheguen por igual ás casas de todos os veciños e veciñas. E a iso nos convida Xesús, apaixonadamente tamén.

———————————————————

Preces

QUE NOS DEIXEMOS, XESÚS, EVANXELIZAR POR TI

  • Para sermos contigo persoas mansas e humildes, pero tamén valentes e arriscadas. Oremos.
  • Para sermos contigo xente de paz e xente de conflito, non por desequilibrios propios, senón polo empuxe do Espírito en nos. Oremos.
  • Para non calar contigo ante calquera inxustiza que se dea ao noso redor, e implicarnos en todo o que ampara á xente máis débil. Oremos.
  • Para sabermos, coma ti, expresar as nosas ideas e convencementos sen medo, dispostas a dialogar, pero sen deixarnos amedrentar. Oremos.
  • Para contribuír contigo ao cambio necesario na nosa parroquia, na comunidade cristiá, na Igrexa, de xeito que a Boa Nova de Deus alede e renove a xente toda e a encha de esperanza para a vida. Oremos.

———————————————————

Oración

Con paz,

con moita paz,

no corpo e no máis íntimo,

na familia e na comunidade,

na sociedade e no mundo.

Pero non a paz

como a dá o mundo,

segundo ti dicías, Xesús,

senón a paz conforme ti es capaz

de vivila e compartila,

de dála

a quen che abre o corazón e a vida.

O tensión, o conflito,

mesmo o enfrontamento,

necesario para medrar, para avanzar,

para eliminar desamaños e abusos,

para abrir mundos novos,

para iluminar esperanzas.

Pero non o conflito

como nós o construímos tantas veces,

en base a intereses egoístas de persoas,

de grupos sociais e países,

que frecuentemente repiten historias sabidas,

vellas formas de dominio,

con aparencias de novidade.

Paz e conflito da man,

sosténdose mutuamente,

como ti, Xesús,

dunha maneira tan persistente

o soubeches facer.

Contáxianos, Xesús.

———————————————————

Acción

¿Estamos sendo en algo persoas conflitivas? ¿Ou somos tan adaptados, tan indiferentes, que nada nos move nin nos conmove? Se estamos enredadas nalgún conflito, ¿vivímolo ao estilo de Xesús? ¿Podemos avanzar algo nisto?

18 de agosto: Luns da 20ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xuí 2, 11-19. Salmo: 105, 34-35. 36-37. 39-40. 43ab e 44

Ano 2: 1ª lectura: Ez 24, 15-24. Salmo: Dt 32, 18-19. 20. 21

Evanxeo: Mt  19, 16-22

Nunha ocasión achegouse a Xesús unha persoa para lle preguntar:

–Mestre, ¿qué teño que facer de bo para acadar a vida eterna?

El contestoulle:

–¿Por qué me preguntas acerca do bo? Soamente un é Bo. E, se queres entrar na vida, garda os mandamentos.

Preguntoulle:

–Cales?

Xesús contestoulle:

–Non matarás, non cometerás adulterio, non roubarás, non darás falso testemuño; honra a teu pai e a túa nai, e ama o teu próximo como a ti mesmo.

O mozo contestou:

–Todas esas cousas xa as gardo. ¿Qué é o que me falta?

Respondeulle Xesús:

–Se queres ser perfecto, vai, vende canto tes e dáo aos pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois ven e sígueme.

Oíndo estas cousas, o mozo marchou moi entristecido, pois tiña moitos bens.

——————————————————-

Meditación

Este pedaciño de Evanxeo pode axudarnos a caer na conta do frouxas que somos moitas das persoas que máis ou menos alegremente nos consideramos cristiás. Podemos ser persoas bautizadas, podemos gardar os mandamentos e cumprir coas prácticas relixiosas da Igrexa, podemos ter certa atracción por Xesús –todo isto xa non é pouco, certamente–, pero fáltanos algo moi importante: a dispoñibilidade a facernos un pouquiño loucos por Xesús, coma Xesús; é dicir, a dispoñibilidade a romper con pautas sociais establecidas, a ir contracorrente, a embarcarnos con el en historias de solidariedade a fondo, que nos descolocan a nós mesmas e que descolocan tamén a xente que nos rodea.

Unha pauta social moi establecida, case a máis establecida, consiste en prepararse ben para ter un bo traballo, para gañar ben cartos, para ter unha posición social envexable e unha vida sobrada, cómoda. A proposta de Xesús vai noutra dirección: capacitarse si, con habilidades do corpo, da mente e do espírito, para desenvolvernos ben como persoas, como familia, como comunidade cristiá, para implicarnos na marcha da sociedade, do mundo, buscando facer del unha terra de irmáns e de irmás. A meta non é acumular, enriquecerse para unha vida sobrada; a meta é baleirarse, compartir para unha vida irmandada.

——————————————————-

Oración

Xesús,

vexo que es un mestre no camiño dos desapegos,

no camiño de baleirarnos dos nosos intereses e comenencias,

no camiño da liberdade integral,

para facernos persoas comunitarias e alegres.

Pero cústame fiarme da túa proposta;

ou digo que non, que a túa proposta é absurda,

ou digo que si, pero todo se queda en palabras,

ou no fondo entendo que si, que tes razón,

pero retírome tamén entristecido,

porque penso que os meus bens, da condición que sexan,

son xa a miña ledicia, a miña vida.

¿Quen romperá en min as cadeas

que, aparentando darme firmezas,

me impiden soñar e voar

nas ás da irmandade, nas ás de Deus?

Máis ca nunca,

aquí estou, Xesús, como aprendiz.

——————————————————-

Acción

Aprendemos a liberarnos ao estilo de Xesús dando pequenos pasos de desapego a favor do comunitario, a favor da demais xente que precisa de nós. A pouco que pensemos, seguro que se nos ocorren algunhas cousas ás que podemos renunciar para que a irmandade medre en algo.

19 de agosto: Martes da 20ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xuí 6, 11-24a. Salmo: 84, 9. 11-12. 13-14

Ano 2: 1ª lectura: Ez 28, 1-10. Salmo: Dt 32, 26-27ab. 27cd-28. 30. 35cd-36ab

Evanxeo: Mt 19, 23 -30

Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:

–Asegúrovos que á xente rica lle vai ser ben difícil entrar no reino dos ceos; repítovolo: élle máis doado a un camelo pasar polo ollo dunha agulla que a unha persoa rica entrar no reino dos ceos.

Oíndo aquilo, os discípulos comentaron abraiados:

–Pero, logo, ¿quen se vai poder salvar?

Mirando para eles fixamente, díxolles Xesús:

–Si, para a xente é imposible, pero para Deus todo sé posible.

Entón interveu Pedro dicindo:

–Pois nós deixámolo todo e seguímoste. ¿Qué nos vai tocar?

Xesús respondeu:

–Asegúrovos que, cando chegue o mundo novo e o Fillo do Home sente no trono da súa gloria, vós, os que me seguistes, sentaredes en doce tronos para xulgardes as doce tribos de Israel. E toda persoa que por min deixou casas ou irmáns e irmás, ou pai ou nai, ou fillos e fillas ou leiras, recibirá cen veces máis e herdará a vida eterna. Hai moitas persoas que son as primeiras e serán as últimas, e moitas que son as últimas e serán as primeiras.

——————————————————-

Meditación

De novo unha proposta de Xesús que nos descoloca: a xente rica vaino ter moi difícil para entrar no reino de Deus; é dicir, para sentir como Xesús sente, para enredarse nas súas historias de irmandade real, para atopar niso o gran gozo da súa vida, a súa “salvación”. Se isto resulta chocante para nós, moito máis o era para a xente daqueles tempos, que tiñan moi metido na cabeza que a riqueza era unha bendición de Deus, e que, ao revés, a pobreza era coma un castigo de Deus. Podemos ser persoas ricas de moitas maneiras.

Desde logo somos ricas se posuímos moitos bens, moito diñeiro; os bens e o diñeiro pódennos afogar a vista, o corazón, para non entender que o máis fermoso da vida é ver a demais xente coma irmá e tratala en todo coma tal. Tamén podemos ser persoas ricas sendo máis ou menos pobres, se temos o corazón cego pola chulería, pola ansia de posuír, de aparentar, de ter poder, e non vivimos a nosa pobreza coma un camiño que nos leve a facernos máis solidarios uns dos outros e a construír unha convivencia nova na parroquia, no pobo, baseada na unión, na colaboración,  na defensa da nosa vida, dos nosos dereitos.

A renuncia a sermos persoas ricas desa maneira supón abrirnos a outras riquezas maiores, que se nos ofrecen gratuitamente nunha morea de relacións marcadas polo agarimo e pola solicitude mutua.

——————————————————-

Oración

Todo é posible para ti, meu Deus.

É posible

liberarme do atractivo dos  cartos, do poder, do figurar.

É posible

descubrirme o atractivo maior da pobreza solidaria.

É posible

gozar co gozo humanísimo de tratarme con calquera persoa coma irmá.

É posible

vivir feliz contracorrente, porque me sae da alma.

É posible

soñar cunha terra nova, cun ceo novo.

É posible

descubrirte, meu Deus, coma un Deus rompedor,

que abres camiños novos de felicidade

e nos dás forzas para avanzar por eles.

Todo é posible.

Grazas, meu Deus.

            …….

Todo é posible para ti, meu Deus.

É posible

liberarme do mal xenio co que trato á xente da casa.

É posible

renunciar o rancor que manteño con ese veciño que ben sabes.

É posible

aprender a perdoar a quen tanto me custa.

É posible

termar das poucas unións que se dan entre a veciñanza.

É posible        

deixar de actuar coma un comenencias.

É posible

soñar co común e construílo pouco a pouco.

É posible

verte a ti ao noso lado coma alguén que nos ama,

nos comprende e nos acompaña sempre.

É posible.

Grazas, meu Deus.

——————————————————-

Acción

Podemos pensar nalgunha cousa boa á que razoablemente nos gustaría chegar, pero da que desistimos, porque non confiamos nas nosas forzas. ¿Sería posible conseguila cambiando de actitude, fiándonos máis de nós mesmos/as, da xente que nos rodea, do Deus que sempre nos acompaña? Tentémolo, a ver.

20 de agosto: Mércores da 20ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xuí 9, 6-15. Salmo: 20, 2-3. 4-5. 6-7

Ano 2: 1ª lectura: Ez 34, 1-11. Salmo: 22, 1-3a. 3b-4. 5-6

Evanxeo: Mt  20,  1-16

Nunha ocasión Xesús contoulles aos discípulos esta parábola:

–O reino dos ceos parécese a un propietario que saíu pola mañá cedo a contratar persoas que andasen ao xornal para a súa viña. Axustou con elas o xornal dun denario e mandounas á súa viña. Saíu outra vez á media mañá e atopou outras persoas sen traballo na praza. E díxolles:

–Ide vós tamén á miña viña e dareivos o xusto.

Elas foron. De novo saíu polo mediodía e pola tarde, e fixo o mesmo. Pero aínda volveu saír á tardiña; atopou outras persoas paradas na rúa e díxolles:

–Pero, ¿qué facedes aquí todo o día sen traballar?

Eles responderon:

–É que ninguén nos contratou.

El díxolles entón:

–Ide vós tamén á miña viña.

Anoitecendo xa, díxolle o dono da viña ao administrador:

–Chama os xornaleiros e xornaleiras e págalles o xornal; empezas polas últimas e acabas polas primeiras.

Chegan as da derradeira hora e dálles un denario a cada unha. Cando chegaron as primeiras coidaron que lles darían máis, pero tamén recibiron cadanseu denario. Ao recibilo, murmuraban contra o propietario:

–Esas, as derradeiras persoas, traballaron unha hora só e trátalas igual ca nós, que aturamos o peso e a caloraza do día.

Pero el replicoulle a unha delas:

–Amiga, non che fago ningunha inxustiza. ¿Non axustamos un denario? Pois colle o teu e vaite. E logo, se quero darlle á última igual ca a ti, ¿non teño dereito a facer o que quero co que é meu? ¿Ou é que ti ves con mal ollo que eu sexa bo?

Así, dese mesmo xeito, os últimos serán os primeiros e os primeiros serán os últimos.

——————————————————-

Meditación

Estamos ante unha parábola que nos introduce, coma ningunha outra, na cerna da mensaxe e do estilo de vida de Xesús. Paga a pena pararse a fondo ante este relato. Remoelo ben, deixar que nos invada e que nos afecte en todas as dimensións do noso ser. Deus é universal e non se limita a certas culturas e tradicións relixiosas. Deus é espléndido, desmedido, cun corazón sen límites, que non se rexe por criterios humanos de xustiza, senón polo afán louco de que todos os homes e mulleres do mundo poidan gozar da súa esplendidez.

Este evanxeo invítanos a non desesperar polo pouco que poidamos ter feito ou esteamos facendo por entrar na onda de Xesús, na onda de Deus. Invítanos a non desprezar a ninguén; é raro que en algo polo menos non andemos todos, todas, buscando o rostro de Deus, aínda que sexa por camiños raros. Invítanos a entrar na esplendidez de Deus, gozando dela e practicándoa coa demais xente. Invítanos a non pechar portas antes tempo. Invítanos a apuntarnos á proposta de Xesús, canto máis antes mellor, porque canto máis antes o fagamos, máis antes tamén viviremos mellor a nosa vida cos seus gozos e traballos. ¿En que consiste esa esplendidez de Deus? Non o sabemos ben, intuímolo. Xesús é o mellor exemplo da esplendidez de Deus. Este evanxeo invítanos a vivir espelidas cara todo tipo de solidariedade ao estilo de Xesús e a morrer confiadamente nun Deus que nos sorprenderá pola súa inmensa xenerosidade.

——————————————————-
Oración

“¿Ou é que ti ves con mal ollo

que eu sexa bo?”

¿Ves con mal ollo que eu te queira tantísimo

a pesar da túa vida en tantas cousas desamañada?

¿Ves con mal ollo que eu me arrime con tenrura

a tantas persoas da rúa abandonadas, alcohólicas, perdidas?

¿Ves con mal ollo que non desespere amorosamente

dos que xogan coa dignidade das criaturas máis débiles?

¿Ves con mal ollo que me arrime coma unha nai

a quen rexeita a miña preferida xente refuxiada?

¿Ves con mal ollo que me afane tolamente

por incluír e non rexeitar, por abrir e non pechar, nunca, en nada?

¿Ves con mal ollos que cada mañá, mediodía ou tardiña

saia incorporar xente para a irmandade real

coa mesma paciencia, coa mesma paixón?

¿Ves con mal ollo que chame incansablemente á túa porta,

esperando de ti un chisco de loucura amorosa, servidora?

——————————————————-
Acción

Podemos mirar a ver se nalgún aspecto, con algunha persoa ou grupo social, somos dad@s a excluír, a marxinar, a desatender, porque xa damos a cousa por perdida. Retomamos iso desde o talante que Xesús nos propón no nome do Deus no que el cre.

21 de agosto: Xoves da 20ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xuí 11, 29-39a. Salmo: 39, 5. 7-8a. 8b-9. 10

Ano 2: 1ª lectura:Ez 36, 23-28. Salmo: 50, 12-13. 14-15. 18-19

Evanxeo: Mt 22, 1-14

Nunha ocasión Xesús faloulles de novo en parábolas aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo, dicíndolles:

–Parécese o reino dos ceos a un rei que celebrou o casamento do seu fillo. Mandou os seus criados que fosen chamar pola xente convidada á voda, pero a xente non quixo ir. Volveu mandar outros criados encargándolles que lle dixeran á xente convidada: “Teño preparado o banquete, xa matei os becerros e outros animais cebados; todo está disposto, vide á voda!”. Pero a xente non lle fixo caso; houbo quen marchou para as súas leiras, houbo quen foi aos seus negocios, e os demais botáronse aos criados, maltratáronos e matáronos.

Entón o rei, todo indignado, mandou os seus exércitos, que acabaron cos asasinos aqueles e prendéronlle lume á cidade. E díxolles aos seus criados: “A voda está preparada, pero a xente convidada non a merecía. Así que ide ás encrucilladas dos camiños e a canta xente atopedes convidádea á voda”. Saíron os criados aos camiños e xuntaron a toda a xente que foron atopando, boa e mala, de xeito que a sala da voda encheuse das persoas convidadas.

Cando entrou o rei para saudar a xente convidada, viu un home que non vestía traxe de voda e díxolle: “Amigo, ¿como entraches aquí sen traxe de voda?” El ficou caladiño. Entón o rei díxolles aos camareiros: “Atádeo de pés e mans e botádeo fóra, ás tebras, onde será o pranto e máis o renxer dos dentes”. Porque son moitas as persoas chamadas, pero poucas as escollidas”.

——————————————————-

Meditación

Unha parábola dura para os xefes relixiosos xudeus daqueles tempos, que co seu pobo foron invitados á festa do amor que Deus ofrecía na persoa de Xesús, o noivo. Enredados coas súas leiras, cos seus negocios, coas súas seguridades, coas súas ideas relixiosas, coas súas comenencias, co seu medo ao novo de Deus, rexeitaron a invitación, e priváronse a si mesmos da gran experiencia de amor festivo, comunitario, concreto e universal, que Xesús ofrece como don e como tarefa.

Parábola tamén clara e esixente para todos e todas nós, persoas cristiás do tempo presente. Somos xente que, sen dúbida, en moitas ocasións estamos tan enredada en mil ocupacións,  tan absorbida por unha vida branda, tan desconfiada xa de que de Deus, de Xesús, nos poida chegar algo atractivo, bo para as nosas vidas, que rexeitamos as invitacións de Deus, e ímonos excluíndo do gozo de vivir envoltos en amores, traballando amores, celebrando amores.

——————————————————-
Oración

Bo oficio e beneficio o que me deches, meu Deus!

Todo ten que ver con casamentos,

con unións íntimas e encontros animadores,

con compartir mesas comúns e alentos solidarios,

sempre, en todo, sen límite ningún.

Así es ti de espléndido e xeneroso!

E andar, claro, con traxe de vodas,

co corpo áxil, aceso, case transfigurado,

co espírito en amores recios,

simples, intelixentes, cotiáns, verdadeiros,

facendo do común a lei de vida.

Converterme así gustosamente

en vivo anunciador/a da felicidade que nos xunta,

co paso lixeiro que só ti, meu Deus,

es quen de darme.

Bo oficio e beneficio o que me deches, meu Deus,

gustador/a e anunciador/a de vodas!

——————————————————-
Acción

Se nos paramos un pouco, podemos ver que nos chegan moitas invitacións a cousas de unión, de solidarizarse, de mesturar vidas, gozos, traballos… Son coma os criados e criadas de Deus que a diario nos traen a súa invitación á festa do amor. ¿Andamos ao quite, para acoller esas invitacións e entrar na rolda de Deus? Seguro que poderemos mellorar moito niso.

22 de agosto: Venres da 20ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Rut 1, 1. 3-6. 14b-16. 22. Salmo: 145, 5-6. 7. 8-9a. 9bc-10

Ano 2: 1ª lectura: Ez 37, 1-14. Salmo: 106, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9

Evanxeo: Mt  22, 34-40

O fariseos, cando oíron que Xesús lles tapara a boca aos saduceos, reuníronse e un deles, que era xurista, preguntoulle, para poñelo a proba:

–Mestre, ¿cal é o mandamento máis importante da Lei?

El respondeulle:

–“Amarás o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma e con todo o teu entendemento”. Este é o mandamento primeiro e mais grande. O segundo é semellante a el: Amaras o teu próximo como a ti mesmo. Destes dous mandamentos dependen a Lei enteira e máis os Profetas.

——————————————————-

Meditación

Xesús, bo herdeiro da mellor tradición relixiosa do seu pobo, tiña moi claro que o amor a Deus, por moi intenso que fose, e precisamente por selo, non se podía arredar nunca do amor ao próximo, ata o punto de que este, o amor ao próximo, é o que demostra a autenticidade do amor a Deus. Nós, onte coma hoxe, empeñámonos en arredar estes dous amores, e así podemos rezar, ir á Misa, cumprir –como dicimos— cos nosos deberes relixiosos, e ao tempo despreocuparnos da xente que precisa de nós. ¡Como se o primeiro deber relixioso non fose precisamente ese de mirar pola xente vulnerable que nos rodea, na familia, na parroquia, na sociedade, no mundo. Hoxe falamos de “mística de ollos abertos”; é dicir: ser unha persoa verdadeiramente apaixonada por Deus, pero cos ollos, co corazón, coa vida totalmente aberta ás persoas que rodean, con ánimo de acollelas, acompañalas, servilas.

——————————————————-
Oración

Que a túa verdade, Xesús,

prenda en min.

Prenda en min o teu estilo,

a túa autenticidade,

o teu cego empeño por Deus

e o teu cego empeño pola xente:

gozar sabéndome fillo ou filla de Deus

e comprometerme con humildade

con esa dignísima condición miña;

gozar sabéndome irmán, irmá,

de calquera persoa coa que me cruce na vida,

e comprometerme con afouteza

na tarefa preciosa de vivir en irmandade.

Así, así,

así me gustaría ser eu ao teu carón, Xesús.

——————————————————-
Acción

¿Cómo estamos levando nós esta dobre paixón que enchía o ánimo de Xesús?

¿Cómo o vivimos? ¿En cal das dúas coxeamos máis? ¿Qué podemos facer para mellorar algo?

23 de agosto: Sábado do 20ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Rut 2, 1-3. 8-11; 4, 13-17. Salmo: 127, 1-2. 3. 4. 5

Ano 2: 1ª lectura: Ez 43, 1-71. Salmo: 84, 9ab-10. 11-12. 13-14

Evanxeo: Mt 23,  1-12

Nunha ocasión díxolle Xesús á xente e aos seus discípulos:

–Na cátedra de Moisés sentaron os letrados e máis os fariseos. Facede, logo, e cumpride canto vos digan, pero non imitedes a súa conduta, porque falan pero non cumpren. Atan fardos pesados e cánganos nos lombos da máis xente, pero eles nin un dedo poñen para os mover. Todo o que fan é para que os vexan: visten aparatosamente, ancheando as filacterias e as franxas dos seus mantos; buscan os primeiros postos nos banquetes e os primeiros asentos nas sinagogas; que lles fagan reverencias nas prazas e que os chamen mestres.

Pero vós non vos fagades chamar mestre, pois un só é o voso mestre e todos vós sodes unha irmandade. E a ninguén chamedes pai ou nai na terra, porque unha soa é a vosa Nai, un só é o voso Pai, o celestial. Nin tampouco vos fagades chamar dirixente, porque un só é o voso dirixente, Cristo. A xente máis importante entre vós debe ser a vosa servidora, pois calquera persoa que se enalteza será rebaixada e quen se rebaixe será enaltecida.

Meditación

Este evanxeo fai un debuxo ben escuro do comportamento dos dirixentes xudeus do tempo de Xesús: xente que miraba máis pola súa aparencia social, polo seu poder, ca polo benestar da xente; ditar leis para que as cumpran outros, sen implicarse en facilitar a vida da xente máis humilde; honores, aplausos, títulos. Pura aparencia!  É de supoñer que non todos fosen así de vaidosos e inhumanos.

Ante iso a proposta das primeiras comunidades cristiás, seguindo o espírito de Xesús, é ben alternativa: nada de títulos, pois temos no ceo un Pai ou Nai e chega, e temos en Xesús o único mestre; e todo envolto na irmandade e no servizo. Os homes ou mulleres escollidas para os necesarios liderados da comunidade hanse distinguir pola súa franca vontade de servir.

Se lemos nós este evanxeo, é para que o apliquemos ás nosas comunidades, a quen as presiden, a todas as persoas que as formamos. É moi doado caer nos mesmos defectos que criticamos nos outros. Facer carreira na Igrexa segue a ser unha tentación. Estamos moi lonxe de construír comunidades cristiás fraternas ao estilo de Xesús. Facer comunidades ben ao estilo de Xesús sería unha excelente contribución ao conxunto da sociedade, onde tamén se repiten os trazos negativos que aquí se describen.

Oración

Irmáns, irmás,

e máis nada, Xesús.

Así che gustaba a ti.

Irmáns, irmás

afanadas polo servizo sempre, en todo.

Irmáns, irmás

fuxindo de títulos e honores.

Irmáns, irmás

arrimando o lombo a cada hora

para facer máis liviá a carga para a xente débil.

Irmáns, irmás

desde os feitos máis ca desde as palabras.

Irmáns, irmás

á sombra sempre dun Pai ou Nai do ceo

que a todos nos xunta e unifica

ata o extremo, ata o máis fondo.

Irmáns, irmás

e máis nada.

Xesús, faime irmá, irmán, contigo,

e máis nada.

Acción

Miremos un pouco para a nosa comunidade cristiá ou parroquia. Se en algo vemos que non vivimos co espírito de Xesús, compartámolo cos demais membros da comunidade e dispoñámonos ao cambio.

Accede á revista

Encrucilla 233

Xa es subscritor/a?