O Evanxeo de cada día con ollos de aldea

Manuel Regal Ledo

18 de agosto: Domingo 20º do Tempo Ordinario
 
1ª lectura: Pr 9, 1-6. Salmo: 33, 2-3. 10-11. 12-13. 14-15
2ª lectura:Ef 5, 15-20
 
Evanxeo: Xn 6, 51-58
 
Unha vez díxolle Xesús á xente:
—Eu son o pan vivo que baixou do ceo; se alguén come deste pan, vivirá para sempre, e o pan que eu darei é a miña carne para a vida do mundo.
 
Discutían entón entre eles os xudeus:
—¿Cómo pode este darnos a comer a súa carne?
 
Díxolles entón Xesús:
—Con toda verdade volo aseguro: se non comedes a carne do Fillo do home e non bebedes o seu sangue, non teredes vida en vós. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, ten vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día. Pois a miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue permanece en min e eu nel.
 
Do mesmo xeito que o Pai que me mandou vive e eu vivo polo Pai, así tamén quen me coma vivirá por min. Este é o pan que baixou do ceo; non semellante ao que comeron os pais, que mesmo así morreron; quen come este pan, vivirá para sempre.
 
Meditación
 
Seguimos colectivamente coa crise ao lombo, e, moi probablemente tamén,seguimos cada un, cada unha, coas nosas batallas persoais, familiares, comunitarias, de sindicato, de partido, de asociación veciñal, etc. E o evanxelista Xoán segue intentando iluminar a nosa realidade de cada día con esta súa catequese sobre Xesús e o seu posto na nosa existencia, a partir daquel feitosigno da multiplicación dos pans e dos peixes.
 
Xa dixemos noutros momentos que o evanxelista Xoán xoga moito na súa comunicación co dobre sentido das palabras, co dobre significado dos verbos, das expresións. Por exemplo, no evanxeo de hoxe isto salta á vista coa expresión de “comer a súa carne”, “comer a carne do fillo do Home”, que para o evanxelista Xoán tiña un sentido, e para a xente que o escoitaba parece que tiña outro, máis primario, e por iso se preguntaban: “como pode este darnos a comer a súa carne?”.
 
Así, pois, como homes e mulleres cristiás, como comunidade cristiá, poderiamos e deberiamos preguntarnos que pode significar para nosoutros hoxe comer a carne de Xesús, e beber o sangue de Xesús; xa que, segundo Xoán pon en boca de Xesús, nisto xogámonos moitos os cristiáns, as cristiás: Ter vida en nós, ter vida eterna e ser resucitados/as no derradeiro día, permanecer en Xesús e que el permaneza en nós, vivir por Xesús, e, con Xesús, vivir polo Pai, participar nesa vida para o mundo, que o Pai e Xesús se empeñar en facer florecer.
 
Posiblemente se nos vaia a cabeza a pensar directamente que comer a carne de Xesús, beber o seu sangue será comungar nas celebracións, na Eucaristía. E cremos que, en parte, está ben pensado. Claro, todo depende do sentido e da vivencia real que teñamos do feito de comungar nas Misas. Xa o domingo pasado falabamos de que a carne, o sangue, no xudaísmo significaba a parte corruptible, fráxil, histórica dunha persoa; era a persoa vista desde esa perspectiva. Sendo así as cousas, parece que para poder comer a carne e beber o sangue de Xesús, e así beneficiarnos de todas as bondades que o evanxelista fai depender dese feito, é condición imprescindible aceptar, asumir, acoller, facer nosa a condición terrea de Xesús; é dicir, comungar co estilo de vida de Xesús, coas súas causas concretas, cos seus convencementos, coas súas opcións vitais fundamentais en cousas tan concretas coma, por exemplo, a tenencia e uso do diñeiro, as relacións coa xente e coas formas de poder, a maneira de situarse ante os máis débiles da sociedade, a súa concreta visión do que é ter éxito ou fracaso na vida, a súa busca constante do rostro e da vontade de Deus na súa vida, a súa belixerancia contra quen manipulaba a fe da xente humilde para sacar beneficio propio, etc.
 
Comer a carne de Xesús, beber o seu sangue: comungar coas causas de Xesús. A tarefa fundamental dun cristián/á, dunha comunidade cristiá é a de preguntarse cales son hoxe as causas de Xesús, que rostro concreto terían hoxe as causas de Xesús, para apuntase a elas en corpo e alma, para poder ser así testemuñas de Xesús, coa nosa existencia diaria. Por iso é tan importante volver aos evanxeos, volver ao Xesús histórico, porque é a comuñón con ese Xesús histórico, e non outra cousa, a que nos abre as portas para experiencias sólidas, como as que nos anunciaba o evanxelista. De non ser así, facilmente podemos entrar nun mundo de experiencias espirituais raras, que nin nos levan a unha comuñón densa con Deus, nin a un desenvolvemento sólido da “vida” en nós, nin, por suposto, a ser significativos/as para case ningún dos nosos concidadáns/ás, que, no fondo, non teñen fame de banalidades, senón de experiencias cruzadas pola verdade e a transparencia.
 
“Como pode este darnos a comer a súa carne?” –preguntaban os contrincantes de Xesús. Cambiemos a pregunta nós: “Como podemos comer a carne de Xesús, con verdade, con dignidade”?
 
Preces
 
QUEN COME A MIÑA CARNE E BEBE O MEU SANGUE
PERMANECE EN MIN E EU NEL.
 
Xesús, necesitamos a túa presenza, a túa mantenza; necesitámoste a ti, e por iso escoitamos abertos/as as palabras que ti nos dis.
 
Xesús, queremos ser testemuñas túas no medio desta sociedade en crise na que estamos, e por iso escoitamos dispoñibles as palabras que ti nos dis.
 
Xesús, sen ti, sen o teu apoio, non podemos apostar polas mesmas causas polas que ti apostaches, e por iso escoitamos agradecidos as palabras que ti nos dis.
 
Xesús, so ti nos podes ensinar a estar no medio da conflictividade social que hoxe mesmo temos, e a estalo coa vida, coa forza que ti tiñas; e por iso escoitamos animados/as as túas palabras.
 
Xesús, queremos ir contigo, loitar contigo, celebrar contigo, vivir contigo, morrer contigo, levados/as da túa man; e por iso escoitamos alegres as palabras que ti nos dis.
 
Oración
(Á luz de Santa María, que especialmente lembramos na festa do 15 de agosto; á luz tamén do mártir cristián Alexandre Bóveda, fusilado polas tropas franquistas o 17 de agosto do 1937 na Caeira, Pontevedra)
Facéndose veciña e dándonos compaña,
 
Santa María vén, hoxe aquí non falla,
e oio a súa voz que á ventura chama,
unida a de Alexandre na mesma bafarada:
 
“Que ninguén se agoche no fervor da cama
cómpren homes fortes, mulleres arriscadas
para a aventura nova de soerguer da lama
os soños derrotados nas últimas batallas.
Cómpre o pan e a aperta, unha nova palabra
para dicir Terra desde o fondo da alma,
para dicir pobo en pé, en esperanza,
para dicir Galicia sen que se nubre a cara;
para falar galego sen que nos trema a fala,
para facer un mundo en irmandade clara;
cómpre a fe dos fortes, a humildade mansa,
a paciencia infinita dos que sementan matria
no suco azul e branco das nosas alboradas.
 
Así falou María, así falou a Santa.
Bendita ti, señora, e o fillo que ti abrazas,
e que nos dás por guía para as nosas andanzas!
Bendita ti, María, que as/os máis humildes alzas
para librar a Terra de pexas e mordazas,
para cantar connosco, cando os abusos caian!
Bendita ti, María, señora e nai de casa,
porque nos dás o viño en cuncas de medranza,
para beber alegres, e pásasnos castañas
no magosto do pobo, que amas e acompañas!
Bendita ti, María, nosa Señora, a Santa!
 
Acción
O corpo e o sangue de Cristo conforman a súa traxectoria histórica real. Procuramos coñecela ben, para nos identificar con ela no posible? O corpo e o sangue de Cristo sono tamén os corpos todos da xente máis marxinal, coa que el expresamente se quixo identificar. En que medida o estamos facendo nós?
 
 
19 de agosto: Luns da 20ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Xuí 2, 11-19. Salmo: 105, 34-35. 36-37. 39-40. 43ab e 44
Ano 2: 1ª lectura: Ez 24, 15-24. Salmo: Dt 32, 18-19. 20. 21
 
Evanxeo: Mt 19, 16-22
 
Nunha ocasión achegouse a Xesús unha persoa para lle preguntar:
—Mestre, ¿qué teño que facer de bo para acadar a vida eterna?
 
El contestoulle:
—¿Por qué me preguntas acerca do bo? Soamente un é Bo. E, se queres entrar na vida, garda os mandamentos.
 
Preguntoulle:
—Cales?
 
Xesús contestoulle:
—Non matarás, non cometerás adulterio, non roubarás, non darás falso testemuño; honra a teu pai e a túa nai, e ama o teu próximo como a ti mesmo.
 
O mozo contestou:
—Todas esas cousas xa as gardo. ¿Qué é o que me falta?
 
Respondeulle Xesús:
—Se queres ser perfecto, vai, vende canto tes e dáo aos pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois ven e sígueme.
 
Oíndo estas cousas, o mozo marchou moi entristecido, pois tiña moitos bens.
 
Meditación
 
Este pedaciño de Evanxeo pode axudarnos a caer na conta do frouxas que somos moitas das persoas que máis ou menos alegremente nos consideramos cristiás. Podemos ser persoas bautizadas, podemos gardar os mandamentos e cumprir coas prácticas relixiosas da Igrexa, podemos ter certa atracción por Xesús –todo isto xa non é pouco, certamente—, pero fáltanos algo moi importante: a dispoñibilidade a facernos un pouquiño loucos por Xesús, coma Xesús; é dicir, a dispoñibilidade a romper con pautas sociais establecidas, a ir contracorrente, a embarcarnos con el en historias de solidariedade a fondo, que nos descolocan a nós mesmas e que descolocan tamén a xente que nos rodea.
 
Unha pauta social moi establecida, case a máis establecida, consiste en prepararse ben para ter un bo traballo, para gañar ben cartos, para ter unha posición social envexable e unha vida sobrada, cómoda. A proposta de Xesús vai noutra dirección: capacitarse si, con habilidades do corpo, da mente e do espírito, para desenvolvernos ben como persoas, como familia, como comunidade cristiá, para implicarnos na marcha da sociedade, do mundo, buscando facer del unha terra de irmáns e de irmás. A meta non é acumular, enriquecerse para unha vida sobrada; a meta é baleirarse, compartir para unha vida irmandada.
 
Oración
 
Xesús,
vexo que es un mestre no camiño dos desapegos,
no camiño de baleirarnos dos nosos intereses e comenencias,
no camiño da liberdade integral,
para facernos persoas comunitarias e alegres.
Pero cústame fiarme da túa proposta;
ou digo que non, que a túa proposta é absurda,
ou digo que si, pero todo se queda en palabras,
ou no fondo entendo que si, que tes razón,
pero retírome tamén entristecido,
porque penso que os meus bens, da condición que sexan,
son xa a miña ledicia, a miña vida.
¿Quen romperá en min as cadeas
que, aparentando darme firmezas,
me impiden soñar e voar
nas ás da irmandade, nas ás de Deus?
Máis ca nunca,
aquí estou, Xesús, como aprendiz.
 
Acción
 
Aprendemos a liberarnos ao estilo de Xesús dando pequenos pasos de desapego a favor do comunitario, a favor da demais xente que precisa de nós. A pouco que pensemos, seguro que se nos ocorren algunhas cousas ás que podemos renunciar para que a irmandade medre en algo.
 
 
20 de agosto: Martes da 20ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Xuí 6, 11-24a. Salmo: 84, 9. 11-12. 13-14
Ano 2: 1ª lectura: Ez 28, 1-10. Salmo: Dt 32, 26-27ab. 27cd-28. 30. 35cd-36ab
 
Evanxeo: Mt 19, 23-30
 
Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Asegúrovos que á xente rica lle vai ser ben difícil entrar no reino dos ceos; repítovolo: élle máis doado a un camelo pasar polo ollo dunha agulla que a unha persoa rica entrar no reino dos ceos.
 
Oíndo aquilo, os discípulos comentaron abraiados:
—Pero, logo, ¿quen se vai poder salvar?
 
Mirando para eles fixamente, díxolles Xesús:
—Si, para a xente é imposible, pero para Deus todo sé posible.
 
Entón interveu Pedro dicindo:
—Pois nós deixámolo todo e seguímoste. ¿Qué nos vai tocar?
 
Xesús respondeu:
—Asegúrovos que, cando chegue o mundo novo e o Fillo do Home sente no trono da súa gloria, vós, os que me seguistes, sentaredes en doce tronos para xulgardes as doce tribos de Israel. E toda persoa que por min deixou casas ou irmáns e irmás, ou pai ou nai, ou fillos e fillas ou leiras, recibirá cen veces máis e herdará a vida eterna. Hai moitas persoas que son as primeiras e serán as últimas, e moitas que son as últimas e serán as primeiras.
 
Meditación
 
De novo unha proposta de Xesús que nos descoloca: a xente rica vaino ter moi difícil para entrar no reino de Deus; é dicir, para sentir como Xesús sente, para enredarse nas súas historias de irmandade real, para atopar niso o gran gozo da súa vida, a súa “salvación”. Se isto resulta chocante para nós, moito máis o era para a xente daqueles tempos, que tiñan moi metido na cabeza que a riqueza era unha bendición de Deus, e que, ao revés, a pobreza era coma un castigo de Deus.
 
Podemos ser persoas ricas de moitas maneiras. Desde logo somos ricas se posuímos moitos bens, moito diñeiro; os bens e o diñeiro pódennos afogar a vista, o corazón, para non entender que o máis fermoso da vida é ver a demais xente coma irmá e tratala en todo coma tal. Tamén podemos ser persoas ricas sendo máis ou menos pobres, se temos o corazón cego pola chulería, pola ansia de posuír, de aparentar, de ter poder, e non vivimos a nosa pobreza coma un camiño que nos leve a facernos máis solidarios uns dos outros e a construír unha convivencia nova na parroquia, no pobo, baseada na unión, na colaboración, na defensa da nosa vida, dos nosos dereitos.
 
A renuncia a sermos persoas ricas desa maneira supón abrirnos a outras riquezas maiores, que se nos ofrecen gratuitamente nunha morea de relacións marcadas polo agarimo e pola solicitude mutua.
 
Oración
 
Todo é posible para ti, meu Deus.
É posible
liberarme do atractivo dos cartos, do poder, do figurar.
É posible
descubrirme o atractivo maior da pobreza solidaria.
É posible
gozar co gozo humanísimo de tratarme con calquera persoa coma irmá.
É posible
vivir feliz contracorrente, porque me sae da alma.
É posible
soñar cunha terra nova, cun ceo novo.
É posible
descubrirte, meu Deus, coma un Deus rompedor,
que abres camiños novos de felicidade
e nos dás forzas para avanzar por eles.
Todo é posible.
Grazas, meu Deus.
…….
 
Todo é posible para ti, meu Deus.
É posible
liberarme do mal xenio co que trato á xente da casa.
É posible
renunciar o rancor que manteño con ese veciño que ben sabes.
É posible
aprender a perdoar a quen tanto me custa.
É posible
termar das poucas unións que se dan entre a veciñanza.
É posible
deixar de actuar coma un comenencias.
É posible
soñar co común e construílo pouco a pouco.
É posible
verte a ti ao noso lado coma alguén que nos ama,
nos comprende e nos acompaña sempre.
É posible.
Grazas, meu Deus.
 
Acción
Podemos pensar nalgunha cousa boa á que razoablemente nos gustaría chegar, pero da que desistimos, porque non confiamos nas nosas forzas. ¿Sería posible conseguila cambiando de actitude, fiándonos máis de nós mesmos/as, da xente que nos rodea, do Deus que sempre nos acompaña? Tentémolo, a ver.
 
 
21 de agosto: Mércores da 20ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Xuí 9, 6-15. Salmo: 20, 2-3. 4-5. 6-7
Sano 2: 1ª lectura: Ez 34, 1-11. Salmo: 22, 1-3a. 3b-4. 5-6
 
Evanxeo: Mt 20, 1-16
 
Nunha ocasión Xesús contoulles aos discípulos esta parábola:
—O reino dos ceos parécese a un propietario que saíu pola mañá cedo a contratar persoas que andasen ao xornal para a súa viña. Axustou con elas o xornal dun denario e mandounas á súa viña. Saíu outra vez á media mañá e atopou outras persoas sen traballo na praza. E díxolles:
 
—Ide vós tamén á miña viña e dareivos o xusto.
 
Elas foron. De novo saíu polo mediodía e pola tarde, e fixo o mesmo. Pero aínda volveu saír á tardiña; atopou outras persoas paradas na rúa e díxolles:
—Pero, ¿qué facedes aquí todo o día sen traballar?
 
Eles responderon:
—É que ninguén nos contratou.
 
El díxolles entón:
—Ide vós tamén á miña viña.
 
Anoitecendo xa, díxolle o dono da viña ao administrador:
—Chama os xornaleiros e xornaleiras e págalles o xornal; empezas polas últimas e acabas polas primeiras.
 
Chegan as da derradeira hora e dálles un denario a cada unha. Cando chegaron as primeiras coidaron que lles darían máis, pero tamén recibiron cadanseu denario. Ao recibilo, murmuraban contra o propietario:
—Esas, as derradeiras persoas, traballaron unha hora só e trátalas igual ca nós, que aturamos o peso e a caloraza do día.
 
Pero el replicoulle a unha delas:
—Amiga, non che fago ningunha inxustiza. ¿Non axustamos un denario? Pois colle o teu e vaite. E logo, se quero darlle á última igual ca a ti, ¿non teño dereito a facer o que quero co que é meu? ¿Ou é que ti ves con mal ollo que eu sexa bo?
 
Así, dese mesmo xeito, os últimos serán os primeiros e os primeiros serán os últimos.
 
Meditación
 
Estamos ante unha parábola que nos introduce, coma ningunha outra, na cerna da mensaxe e do estilo de vida de Xesús. Paga a pena pararse a fondo ante este relato. Remoelo ben, deixar que nos invada e que nos afecte en todas as dimensións do noso ser. Deus é universal e non se limita a certas culturas e tradicións relixiosas. Deus é espléndido, desmedido, cun corazón sen límites, que non se rexe por criterios humanos de xustiza, senón polo afán louco de que todos os homes e mulleres do mundo poidan gozar da súa esplendidez.
 
Este evanxeo invítanos a non desesperar polo pouco que poidamos ter feito ou esteamos facendo por entrar na onda de Xesús, na onda de Deus. Invítanos a non desprezar a ninguén; é raro que en algo polo menos non andemos todos, todas, buscando o rostro de Deus, aínda que sexa por camiños raros. Invítanos a entrar na esplendidez de Deus, gozando dela e practicándoa coa demais xente. Invítanos a non pechar portas antes tempo. Invítanos a apuntarnos á proposta de Xesús, canto máis antes mellor, porque canto máis antes o fagamos, máis antes tamén viviremos mellor a nosa vida cos seus gozos e traballos. ¿En que consiste esa esplendidez de Deus? Non o sabemos ben, intuímolo. Xesús é o mellor exemplo da esplendidez de Deus. Este evanxeo invítanos a vivir espelidas cara todo tipo de solidariedade ao estilo de Xesús e a morrer confiadamente nun Deus que nos sorprenderá pola súa inmensa xenerosidade.
 
Oración
 
“¿Ou é que ti ves con mal ollo
que eu sexa bo?”
¿Ves con mal ollo que eu te queira tantísimo
a pesar da túa vida en tantas cousas desamañada?
¿Ves con mal ollo que eu me arrime con tenrura
a tantas persoas da rúa abandonadas, alcohólicas, perdidas?
¿Ves con mal ollo que non desespere amorosamente
dos que xogan coa dignidade das criaturas máis débiles?
¿Ves con mal ollo que me arrime coma unha nai
a quen rexeita a miña preferida xente refuxiada?
¿Ves con mal ollo que me afane tolamente
por incluír e non rexeitar, por abrir e non pechar, nunca, en nada?
¿Ves con mal ollos que cada mañá, mediodía ou tardiña
saia incorporar xente para a irmandade real
coa mesma paciencia, coa mesma paixón?
¿Ves con mal ollo que chame incansablemente á túa porta,
esperando de ti un chisco de loucura amorosa, servidora?
 
Acción
 
Podemos mirar a ver se nalgún aspecto, con algunha persoa ou grupo social, somos dad@s a excluír, a marxinar, a desatender, porque xa damos a cousa por perdida. Retomamos iso desde o talante que Xesús nos propón no nome do Deus no que el cre.
 
 
22 de agosto: Xoves da 20ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Xuí 11, 29-39a. Salmo: 39, 5. 7-8a. 8b-9. 10
Ano 2: 1ª lectura:Ez 36, 23-28. Salmo: 50, 12-13. 14-15. 18-19
 
Evanxeo: Mt 22, 1-14
 
Nunha ocasión Xesús faloulles de novo en parábolas aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo, dicíndolles:
—Parécese o reino dos ceos a un rei que celebrou o casamento do seu fillo. Mandou os seus criados que fosen chamar pola xente convidada á voda, pero a xente non quixo ir. Volveu mandar outros criados encargándolles que lle dixeran á xente convidada: “Teño preparado o banquete, xa matei os becerros e outros animais cebados; todo está disposto, vide á voda!”. Pero a xente non lle fixo caso; houbo quen marchou para as súas leiras, houbo quen foi aos seus negocios, e os demais botáronse aos criados, maltratáronos e matáronos.
 
Entón o rei, todo indignado, mandou os seus exércitos, que acabaron cos asasinos aqueles e prendéronlle lume á cidade. E díxolles aos seus criados: “A voda está preparada, pero a xente convidada non a merecía. Así que ide ás encrucilladas dos camiños e a canta xente atopedes convidádea á voda”. Saíron os criados aos camiños e xuntaron a toda a xente que foron atopando, boa e mala, de xeito que a sala da voda encheuse das persoas convidadas.
 
Cando entrou o rei para saudar a xente convidada, viu un home que non vestía traxe de voda e díxolle: “Amigo, ¿como entraches aquí sen traxe de voda?” El ficou caladiño. Entón o rei díxolles aos camareiros: “Atádeo de pés e mans e botádeo fóra, ás tebras, onde será o pranto e máis o renxer dos dentes”. Porque son moitas as persoas chamadas, pero poucas as escollidas”.
 
Meditación
 
Unha parábola dura para os xefes relixiosos xudeus daqueles tempos, que co seu pobo foron invitados á festa do amor que Deus ofrecía na persoa de Xesús, o noivo. Enredados coas súas leiras, cos seus negocios, coas súas seguridades, coas súas ideas relixiosas, coas súas comenencias, co seu medo ao novo de Deus, rexeitaron a invitación, e priváronse a si mesmos da gran experiencia de amor festivo, comunitario, concreto e universal, que Xesús ofrece como don e como tarefa.
 
Parábola tamén clara e esixente para todos e todas nós, persoas cristiás do tempo presente. Somos xente que, sen dúbida, en moitas ocasións estamos tan enredada en mil ocupacións, tan absorbida por unha vida branda, tan desconfiada xa de que de Deus, de Xesús, nos poida chegar algo atractivo, bo para as nosas vidas, que rexeitamos as invitacións de Deus, e ímonos excluíndo do gozo de vivir envoltos en amores, traballando amores, celebrando amores.
 
Oración
 
Bo oficio e beneficio o que me deches, meu Deus!
Todo ten que ver con casamentos,
con unións íntimas e encontros animadores,
con compartir mesas comúns e alentos solidarios,
sempre, en todo, sen límite ningún.
Así es ti de espléndido e xeneroso!
E andar, claro, con traxe de vodas,
co corpo áxil, aceso, case transfigurado,
co espírito en amores recios,
simples, intelixentes, cotiáns, verdadeiros,
facendo do común a lei de vida.
Converterme así gustosamente
en vivo anunciador/a da felicidade que nos xunta,
co paso lixeiro que só ti, meu Deus,
es quen de darme.
Bo oficio e beneficio o que me deches, meu Deus,
gustador/a e anunciador/a de vodas!
 
Acción
 
Se nos paramos un pouco, podemos ver que nos chegan moitas invitacións a cousas de unión, de solidarizarse, de mesturar vidas, gozos, traballos… Son coma os criados e criadas de Deus que a diario nos traen a súa invitación á festa do amor. ¿Andamos ao quite, para acoller esas invitacións e entrar na rolda de Deus? Seguro que poderemos mellorar moito niso.
 
 
23 de agosto: Venres da 20ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Rut 1, 1. 3-6. 14b-16. 22. Salmo: 145, 5-6. 7. 8-9a. 9bc-10
Ano 2: 1ª lectura: Ez 37, 1-14. Salmo: 106, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9
 
Evanxeo: Mt 22, 34-40
 
O fariseos, cando oíron que Xesús lles tapara a boca aos saduceos, reuníronse e un deles, que era xurista, preguntoulle, para poñelo a proba:
—Mestre, ¿cal é o mandamento máis importante da Lei?
 
El respondeulle:
—“Amarás o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma e con todo o teu entendemento”. Este é o mandamento primeiro e mais grande. O segundo é semellante a el: Amaras o teu próximo como a ti mesmo. Destes dous mandamentos dependen a Lei enteira e máis os Profetas.
 
Meditación
 
Xesús, bo herdeiro da mellor tradición relixiosa do seu pobo, tiña moi claro que o amor a Deus, por moi intenso que fose, e precisamente por selo, non se podía arredar nunca do amor ao próximo, ata o punto de que este, o amor ao próximo, é o que demostra a autenticidade do amor a Deus. Nós, onte coma hoxe, empeñámonos en arredar estes dous amores, e así podemos rezar, ir á Misa, cumprir –como dicimos— cos nosos deberes relixiosos, e ao tempo despreocuparnos da xente que precisa de nós. ¡Como se o primeiro deber relixioso non fose precisamente ese de mirar pola xente vulnerable que nos rodea, na familia, na parroquia, na sociedade, no mundo. Hoxe falamos de “mística de ollos abertos”; é dicir: ser unha persoa verdadeiramente apaixonada por Deus, pero cos ollos, co corazón, coa vida totalmente aberta ás persoas que rodean, con ánimo de acollelas, acompañalas, servilas.
 
Oración
 
Que a túa verdade, Xesús,
prenda en min.
Prenda en min o teu estilo,
a túa autenticidade,
o teu cego empeño por Deus
e o teu cego empeño pola xente:
gozar sabéndome fillo ou filla de Deus
e comprometerme con humildade
con esa dignísima condición miña;
gozar sabéndome irmán, irmá,
de calquera persoa coa que me cruce na vida,
e comprometerme con afouteza
na tarefa preciosa de vivir en irmandade.
Así, así,
así me gustaría ser eu ao teu carón, Xesús.
 
Acción
 
¿Cómo estamos levando nós esta dobre paixón que enchía o ánimo de Xesús?
 
¿Cómo o vivimos? ¿En cal das dúas coxeamos máis? ¿Qué podemos facer para mellorar algo?
 
 
24 de agosto: Festa de san Bartolomeu, apóstolo
 
1ª lectura: Ap 21, 9b-14. Salmo 144, 10-11, 12-13ab. 17-18
 
Evanxeo: Xn 1, 45-51
 
Unha vez Felipe atopou a Natanael (tamén chamado Bartolomeu) e díxolle:
—Encontramos a aquel de quen escribiu Moisés na lei e máis os profetas, a Xesús, o fillo de Xosé, de Nazaré.
 
Contestoulle Bartolomeu:
—¿E de Nazaré pode saír algo bo?
 
Felipe díxolle:
—Ven e verás.
 
Viu Xesús a Bartolomeu, que se achegaba, e dixo del:
—Aí tedes un verdadeiro israelita, en quen non hai dobrez.
 
Preguntoulle Bartolomeu:
—¿E de que me coñeces?
 
Contestoulle Xesús:
—Antes de que Felipe chamase por ti, cando estabas debaixo da figueira, vinte.
 
Respondeulle Bartolomeu:
—Mestre, ti es o Fillo de Deus, ti es o rei de Israel.
 
Díxolle entón Xesús:
—¿Por qué che dixen que te vin debaixo da figueira, xa cres? Pois cousas máis grandes has ver.
 
E concluíu:
—Con toda verdade volo aseguro: habedes ver o ceo aberto e os anxos de Deus subindo e baixando onda o Fillo do Home.
 
Meditación
 
Este relato conta algo de cómo Natanael ou Bartolomeu se incorporou ao grupo de Xesús: un amigo levouno onda Xesús, e quedou seducido por aquela primeira conversa con Xesús. Saíron a relucir as súas desconfianzas, pero Xesús chegoulle ao corazón e aquilo foi o comezo dunha fonda amizade, dun sincero seguimento que o marcaría para toda a vida. Quedan así subliñados os dous momentos que normalmente ten todo proceso de seducción por Xesús e polo seu estilo de vida: que alguén nos fale del, máis coa vida que coas palabras, e que nalgún momento teñamos nós o noso propio encontro persoal con Xesús no noso interior, na nosa fe.
 
O relato pódenos servir para recordar como foi ou está sendo a nosa vinculación con Xesús. Seguro que alguén dalgunha maneira, máis ou menos convincente nos falou de Xesús e do seu regalo para a vida; hai que agradecerllo; quizais tamén xa experimentamos en por nós que realmente o que se nos dixera de Xesús era tal cal, ou moito máis incluso. Pode ser tamén que non, que aínda esteamos no aire, e que siga no noso corazón a pregunta de Bartolomeu, revestida de calquera dúbida ou resistencia,: ¿De Nazaré pode saír algo bo?
 
Oración
 
Canto ansío atoparme contigo, Xesús!
Canto ansío deixar de vivir de herdades,
de palabras e experiencias alleas,
por moito que as agradeza!
Canto ansío bater contigo,
co misterio humano e divino que vai contigo,
para abrirme a el sen reservas,
e deixar que modele toda a miña vida!
Do xeito que sexa bater contigo,
para levarte firme no meu corazón
alentando todos os meus camiños
marcando todas as miñas solidariedades,
abríndome o acceso a Deus coma Nai
e a cada persoa que en cada momento atope, coma irmá.
Canto ansío atoparme contigo, Xesús!
 
Acción
 
É posible que hoxe mesmo Xesús saia ao noso encontro da maneira menos pensada, sobre todo a través de persoas ou situacións de pobreza, de debilidade, que é onde el está especialmente presente. Acollámolo. Se podemos, coma Felipe, compartamos ese encontro, falemos de Xesús con algunha persoa familiar ou amiga.
 

Accede á revista

Encrucilla 233

Xa es subscritor/a?