O Evanxeo de cada día con ollos de aldea
12 de outubro: Domingo 28º do Tempo Ordinario
1ª lectura: 2 Re5, 14-17.
Salmo: 97, 1. 2-3ab. 3cd-4.
2ª lectura: 2 Tim 2, 8-13.
Evanxeo: Lc 17 ,11 -19
Unha vez, indo Xesús camiño de Xerusalén, cando pasaba entre Samaría e Galilea, ao entrar nunha aldea, saíronlle ao paso dez leprosos. Pararon ao lonxe e suplicáronlle berrando:
–Xesús, mestre, ten dó de nós.
El, ao velos, díxolles:
–Ídevos presentar aos sacerdotes.
E aconteceu que, cando ían para alá, quedaron limpos. E un deles, ao se decatar de que estaba curado, volveu loando a Deus con grandes voces. E prostrándose rostro en terra, aos pés de Xesús, deulle as grazas. Era un samaritano. Xesús dixo:
–¿Non foron dez os que quedaron limpos? ¿Onde están os outros nove? ¿Ninguén, fóra deste estranxeiro, volveu para lle dar gloria a Deus?
E engadiu:
–Érguete e vaite; salvoute a túa fe.
———————————————————
Meditación
O evanxelista Lucas é o único que nos conta este relato dos dez leprosos, dos que soamente un volve para darlle grazas a Xesús. O relato está moi traballado por Lucas, para axudarnos a ver dúas cousas; por unha parte que a xente máis débil e marxinada, coma os leprosos e leprosas naqueles tempos, é a que mellor pode demandar, recibir e agradecer o don de Deus; e por outra, que curiosamente unha persoa que non era considerada coma persoa relixiosa correcta –así se dicía dos samaritanos— é, sen embargo, a que mellor acolle o regalo de Deus, a que mellor o agradece; Deus non se ata a crenzas e relixións, a igrexas e teoloxías, peta no corazón de todas as persoas e calquera persoa, sexa do país ou credo que sexa, pode abrirlle a porta e gozar da súa presenza e da súa forza curadora, liberadora.
O evanxelista Lucas subliña a importancia do agradecemento. Os dez leprosos manifestaron ter fe en Xesús, cando. aínda sen se ver curados, por mandato de Xesús van onde os sacerdotes que confirmaría a súa curación. Pero só un se decata de que agora o importante xa non é seguir cumprindo os preceptos da lei xudía, senón vincularse a quen está por riba de toda lei, e recoñecer nel a presenza curadora de Deus. E este non era outro senón Xesús. Soamente un se decatou desta novidade. E vincularse a Xesús basicamente desde o agradecemento, recoñecendo nel toda a bondade de Deus ao servizo da xente.
É de ben nacido ser agradecido, di o refrán. E ten razón. O ser humano, calquera home ou muller, todos, todas, somos o que somos grazas a unha chea de achegas que de mil maneiras diferentes, máis ou menos importantes, moitas persoas nos van facendo na vida. Onte mesmo, nunha celebración da aniversario, puiden escoitar asorado o marabilloso e simple relato dunha filla agradecendo todo o que xunto co seu irmán e a súa irmá recibira do seu pai, un bo pai, pero un pai como o que pode haber centos, miles, millóns dentro desta humanidade tantas veces considerada rota e espiritualmente empobrecida. E hoxe mesmo, dentro dun xantar de encontro comunitario, como os que a Xesús lle gustaba facer, puiden escoitar tamén o simple e precioso relato de agradecemento dunha muller, pobre e simplicísima, que, pese a ter soportado desgrazas considerables na súa vida, manifestaba con completo convencemento: como non vou estar agradecida na vida, cando teño a cabeciña no seu sitio e son capaz de ver, de encaixar, de acoller, de gozar con tantas cousas que a vida me ofrece. E aínda, nese mesmo xantar, o recordo daqueloutra muller, eivada e encamada, despois dun longo proceso dexenerativo, a quen alguén lle bota en cara a súa relixiosidade, o seu apego agradecido a Deus; e segue crendo, e segue agradecendo e, coma proba, tense dedicado a copiar cariñosamente os catro evanxeos, con preciosa caligrafía, case imposible para unhas mans de incertos movementos, pero posible para quen arde en acción de grazas.
Como se di, neniño, neniña?, preguntaba o papá ou a mamá ou seu filliño/a, cando vía que alguén lle ofrecía algún galano. Como se di?, e non paraba ata que o neniño/a, ben aprendida, dicía: Grazas. Moi ben, así se fai, así se di. Dubidamos de que hoxe teñamos tanto esmero en ensinar a agradecer. Quizabes porque vivimos nunha sociedade na que se nos pide por riba de todo estar e ser indignados/as –e razóns non faltan para tal demanda–, quizabes por iso mesmo nos custe máis do normal saber xuntar o agradecemento coa indignación. E sería unha pena. Non poderíamos ensaiar a indignación contra todo o que nos estraga e escraviza a vida, o que vai dentro de nós e o que anda por fóra, ao tempo que practicamos o agradecemento con todo aquilo, con todas aquelas persoas que nos axudan a vivir en dignidade, en comuñón, en fraternidade, entre nós, coa máis xente do mundo, coa natureza, axudándonos a ser o que realmente somos: persoas integradas, solidarias, unificadas?
Tampouco non é doado ser agradecido/a nunha sociedade na que todo o recibido é considerado un dereito, algo que se me debe, e ante o que, polo tanto, non debo mostrar agradecemento, senón unha especie de autocompracencia: non me dan, senón o que xa é meu. E dicimos tamén, non podiamos xuntar a defensa audaz dos nosos dereitos cun sentimento fondo de agradecemento, posto que aínda todo o que penso recibir coma dereito, a sanidade, por exemplo, é un dereito para min grazas á loita de millóns de cidadás, grazas á acción política de determinados partidos políticos, grazas á investigación de moitos profesionais, grazas a quen cabila nas estruturas sociais, grazas á natureza que fai posible a existencia de menciñas, grazas a Deus que o sustenta e potencia todo.
Dicía o Papa Paulo VI que os cristiáns e cristiás somos persoas de acción de grazas. As nosas comunidades cristiás estaría ben que fosen lugares onde aprender e contaxiar o agradecemento. Por algo nos xuntamos semanalmente ao redor dunha celebración de agradecemento por Xesús que na súa persoa nos deu gratuitamente todo o ben de Deus.
———————————————————–
Preces
QUE MEDRE EN NÓS, XESÚS, A TÚA COMPAIXÓN
- Para vernos acompañados e fortalecidas por ti nas nosas enfermidades. Oremos.
- Para sabermos nós acompañar con cariño e coidados a quen padece algún mal. Oremos.
- Para sentirte ao noso lado cando temos que encarar as dificultades e escasezas da vida: o paro, unha ruptura afectiva, a soidade, ou o que sexa. Oremos.
- Para doernos da xente inmigrante, que tantas veces morre no intento de v ir a Europa soñando con mellorar a súa vida, e loitemos por unha lexislación internacional máis acolledora. Oremos.
- Para ter, coma ti, entrañas de misericordia con todo e con todos/as, e eliminar tantos abusos e discriminacións. Oremos.
- Para experimentar a fondo o teu amor, a túa solicitude por cada un, cada unha de nós. Oremos.
Oración
Grazas, meu mestre, Xesús,
por estar na miña vida
ofrecendo sen medida
compaña, alento e luz
nas horas de noite e cruz;
ese amor teu entrañable
que me quere vulnerable
a tanta dor inocente
que trae amargura á xente
e quebranto interminable.
Graciñas, Xesús, graciñas,
por tantas cousas fermosas
nas que ti te nos amosas
coma unha nai que acariña,
coma unha doce menciña:
o ar, a auga, o pan trigo,
o sol, as fabas, os figos,
a conversa e a amizade,
todo o que sabe a irmandade,
as veciñas, os amigos…
Graciñas, Xesús, ledicia
polas persoas valentes,
as que nin ceden nin menten
na loita pola xustiza,
sen amargor, sen preguiza;
as que descansan soñando,
e logo espertan cantando
e nas súas mans graciosas
xuntan esforzos e rosas,
o mundo novo anunciando.
———————————————————
Acción
Estamos hoxe atentas/os a calquera don que a xente, que a natureza, que a vida nos faga chegar. Agradecémolo dalgunha maneira: cantando, rezando, compartíndoo coa xente que nos rodea.
13 de outubro: Luns da 28ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rom 1, 1-7. Salmo: 97, 1. 2-3ab. 3cd-4
Ano 2: 1ª lectura: Gál 4, 22-254. 26-27. 31—5,1. Salmo: 112, 1-2. 3-4. 5a e 6-7
Evanxeo: Lc 11, 29-32
A xente xuntábase ao redor de Xesús e el púxose a dicirlles:
–Esta é unha xeración perversa; reclama un sinal, pero non se lle vai dar máis sinal có de Xonás. Pois como Xonás foi sinal para os ninivitas, así o será tamén o Fillo do home para esta xeración. A reina do Sur enfrontarase no xuízo con estes homes e fará que os condenen, porque ela veu dende o cabo do mundo para escoitar a sabedoría de Salomón; e aquí está que é máis ca Salomón. Os habitantes de Nínive enfrontaranse no xuízo con esta xeración e farán que a condenen, porque eles convertéronse ao escoitaren a predicación de Xonás, e aquí está quen é máis ca Xonás.
——————————————————-
Meditación
Cada xeración tenos o noso aquel, as nosas grazas e as nosas desgrazas. De común podemos ter esa resistencia a entender que Deus está totalmente por nós, por cada persoa humana que vén a este mundo, e polo mundo no seu conxunto que a acolle e a pode axudar a converterse nunha persoa integrada. O medo a Deus é unha gran desgraza. Xonás, contra o seu gusto primeiro, anunciaba a disposición sempre aberta e acolledora de Deus con todo ser humano. E ese é o único e principal sinal que de Deus nos dá Xesús. Desde dentro ou desde fóra da Igrexa parece que nos reina presentar a Deus como un ser irritable, avaricioso da súa gloria, empeñado en subxugarnos, inaccesible, inhumano. Nada máis contrario ao ser de Deus, todo vida, todo benevolencia, todo inclinación servidora cara ao ser humano que somos nós.
——————————————————-
Oración
Cantas veces, meu Deus,
me vexo a min mesmo con ollos turbios!
Cantas veces tamén
me fago o inimigo de min mesmo,
inculpándome, machucándome,
considerándome unha persoa indigna, desprezable!
Cantas veces, meu Deus,
te asocio a este triste oficio de condenación!
Quen puidese ver sequera
un levísimo reflexo do teu rostro,
do teu corazón,
para contemplarme a min mesmo
como ti me contemplas,
e curar de tanta tristura,
de tanta negritude!
——————————————————-
Acción
¿Como vemos e sentimos a Deus na nosa vida? ¿Alguén que nos espía, alguén que nos xulgará, alguén que se desentende de nós? ¿Ou alguén que abraza e se deixa abrazar, sexamos como sexamos? Sería fermoso que falásemos con alguén destas posibles maneiras de entender e vivir a Deus na nosa vida.
14 de outubro: Martes da 28ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rom 1, 16-25. Salmo: 18, 2-3. 4-5
Ano 2: 1ª lectura: Gál 5, 1-6. Salmo: 118, 41. 43. 44. 45. 47. 48.
Evanxeo: Lc 11, 37-41
Unha vez, cando Xesús rematou de falar, un fariseo convidouno a comer na súa casa. Entrou Xesús e púxose á mesa. Estrañoulle ao fariseo que non se lavase antes de comer, pero o Señor díxolle:
–Vós, os fariseos, limpades por fóra a copa e máis o prato, e por dentro estades ateigados de roubos e maldade. Sodes parvos! O que fixo o de fóra, ¿non fixo tamén o de dentro? Pois logo dade esmolas do que hai dentro e veredes como todas as cousas serán limpas para vós.
——————————————————-
Meditación
Volvemos a ese choque entre Xesús e os fariseos por unha cousa pequena: lavar ou non as mans antes de comer. En principio podemos dicir que o fariseo tiña razón, como non vai ser bo lavar as mans antes de comer! Pero o que pasaba era que para eles ese rito máis que unha cuestión de hixiene era cuestión de pureza relixiosa; convertíase nun criterio moi externo para considerarse cumpridor ou non da vontade de Deus, para considerarse ou non persoa querida de Deus. Co agravante de que para a xente máis pobre e marxinal, que moitas veces vivía en lugares onde non había moita auga, por non lavaren as mans acababan sendo, para eles, xente permanentemente impura, arredada de Deus. Enténdese o cabreo de Xesús por todo isto. Invítaos a que se deixen de parvadas, que teñan máis ansia en limpar o corazón, e que, se queren vivir en pureza permanente, empecen por compartir o que acumulan na casa, moitas veces a base de prácticas inxustas.
Nós podemos ser coma o fariseo da historia. Sómolo se lle dámos importancia ao que non a ten, para agarrarnos a iso e esquecer o realmente importante, que é ter un corazón limpo e levar unha solidaria. O espírito fariseo sempre marxina; o espírito de Xesús sempre integra.
——————————————————-
Oración
Amigo Xesús,
mestre Xesús,
canto me tarda
acabar co fariseo que levo dentro de min,
agarrado ás miñas entrañas,
amosándose nos meus pensamentos,
lucíndose tantas veces na miña fala!
Canto me tarda, Xesús,
que o teu espírito me envolva por dentro e por fóra,
me somerxa na túa verdade limpa,
faga de min unha humilde irmá!
Canto me tarde, meu Xesús,
ser amiga sempre de abrazar e non excluír,
ser agradecida polo ben da xente,
andar contenta por poder compartir o que son e o que teño,
para que a irmandade sexa cada vez máis real.
Amigo Xesús,
mestre Xesús,
canto me tarda
ser con verdade
un chisquiño coma ti.
——————————————————-
Acción
¿Levamos connosco o espírito fariseo? ¿Gústanos andar xulgando a xente, condenando a xente? ¿Facémolo de xeito que nós sempre quedamos libres diso que condenamos, sempre quedamos por xente xusta, correcta, ecuánime etc? O fariseísmo para Xesús era un verdadeiro perigo para unha vida de fe en comunidade. Podemos mirar se en algo somos fariseos. Podemos empezar por recoñecelo e cambialo.
15 de outubro: Festa de Santa Tareixa de Xesús
1ª lectura: Eclo 15, 1-6.
Salmo 88.
Evanxeo: Mt 11, 25-30
Nunha ocasión dixo Xesús:
–Bendito sexas, meu Pai, Señor do ceo e máis da terra, porque lles escondiches estas cousas á xente sabia e entendida e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así. Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece ao Fillo agás o Pai, nin coñece ao Pai agás o Fillo e aquela xente a quen o Fillo llelo queira revelar.
Achegádevos a min todas as persoas que estades cansas e oprimidas, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas vidas; porque o meu xugo e doado de levar e a miña carga liviá.
——————————————————-
Meditación
O evanxeo de hoxe foi escollido pensando en Santa Tareixa de Xesús (1515-1582), monxa carmelita, reformadora, fundadora de moitos conventos e escritora, declarada doutora da Igrexa polo Papa Paulo VI no ano 1970. Cando ser muller pechaba moitas máis portas na Igrexa do que hoxe nos podemos supoñer, converteuse nunha desas persoas humildes coas que o Pai comparte os seus segredos; Tareixa de Ávila chamouse Tareixa de Xesús, porque co Xesús dos evanxeos vinculou fondamente a súa vida toda. Del recibiu luces e consolos, nel atopou alivio nos seus días de agudo cansazo, por enfermidades, por múltiples tarefas como responsable das comunidades que fundaba e reformaba, polas críticas e controis que recibía dalgúns eclesiásticos; con Xesús compartiu xugo e tarefa, gozou con Xesús da dozura dos seus amores, nel atopou sempre acougo e alento para a vida complexa que lle tocou vivir, vida que así se lle fixo doada de levar, liviá.
Escribiu varias obras de espiritualidade, non como escritos académicos, senón a partir do que ela mesma ía vivindo. As máis importantes foron: Libro de la vida, Camino de perfección, Las moradas e Las fundaciones. A pesar de pasar 500 anos, estes escritos seguen alimentando a vida espiritual de moita xente, representan o mellorciño da experiencia relixiosa cristiá de todos os tempos. Aínda que foron libros escritos por unha monxa e destinados sobre todos tamén a monxas, a súa vitalidade e frescura conmoven e estimulan a todo o mundo. Foi unha gran experta no acompañamento espiritual.
Estamos invitadas e ler algún dos seus escritos. Estamos invitados, sobre todo, a facernos coma ela desas persoas humildes que se deixan atraer pola sabedoría de vida que Tareixa primeiro vivía a fondo e logo compartía cos seus escritos. Estamos invitadas a teorizar e discutir menos das cousas da fe e a vivilas para experimentar a súa forza e o seu consolo para a vida.
(oración de Santa Tareixa moi coñecida, que traducimos ao galego)
Nada te turbe,
nada te espante,
todo se pasa,
Deus non se muda,
a paciencia
todo o acada.
Quen a Deus ten
nada lle falta.
Só con Deus basta.
——————————————————-
Podiamos ler algo dalgún dos escritos de Santa Tareixa, por exemplo, do Libro de la vida. Podiamos mirar se falamos, teorizamos, debatemos sobre cousas da fe, da Igrexa, pero despois realmente non somos xente embarcada en ningún plan que nos leve a vivir a nosa fe cristiá con sinxeleza, con verdade. O recordo de Santa Tareixa pódenos axudar a cambiar e poñer a vida por diante dos discursos.
16 de outubro: Xoves da 28ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rom 3, 21-30. Salmo: 129, 1-2. 3-4b. 4c-6.
Ano 2: 1ª lectura: Ef 1, 1-10. Salmo: 97, 1. 2-3ab. 3cd-4. 5-6
Evanxeo: Lc 11, 47-54
Nunha ocasión falou así Xesús, referíndose aos fariseos:
–Ai de vós, que lles facedes grandes panteóns aos mesmos profetas que asasinaron vosos pais! Así aprobades co voso testemuño o que fixeron vosos pais; eles asasinaron e vós facedes os panteóns.
Por iso dixo a sabedoría de Deus: Mandareilles profetas e apóstolos, e perseguirán a uns e asasinarán a outros”; de xeito que a esta xeración se lle han pedir contas do sangue dos profetas vertido dende a creación do mundo: desde o sangue de Abel ata o sangue de Zacarías, que morreu entre o altar e o santuario. Si, seguro que se lle han pedir contas a esta xeración.
Ai de vós, xuristas, porque levastes a chave do saber! Nin vós entrastes nin deixastes entrar aos que querían entrar.
E saíndo de alí, os letrados e fariseos empezaron e encirralo, tirándolle da lingua, para ver se o pillaban no que dicía.
——————————————————-
Meditación
Ditas para os letrados e fariseos, estas palabras ofrécensenos agora a nós como corrección e axuda. Que nos quere dicir Xesús a nós con estas palabras? É un aviso para os nosos líderes eclesiais (bispos, curas, frades, …) que dalgunha maneira teñen, ou pretenden ter, a chave do saber, do coñecemento e da experiencia de Deus, do bo sentido da vida cristiá; ás veces cumpren ben con esa misión, pero cantas veces nin eles entran nese mundo marabilloso nin polo tanto facilitan que o pobo cristián entre! A xente normal da Igrexa, as persoas que chamamos laicas e laicos, ao tempo que podemos agradecer os servizos que o clero nos presta, tamén estamos chamadas a acceder por nós mesmas ao coñecemento e servizo de Deus, porque todas, todos somos xente bautizada, e, como tal, habilitada para ter trato persoal con Deus, para falar no nome do Deus co que tratamos, e mesmo para decidir sobre da marcha das comunidades cristiás. Todo en familia, todo en comunidade, aportando e respectando o servizo de cantas persoas facemos a comunidade.
Grazas, meu Deus,
por todas as persoas que me axudan
a coñecerte e a gustar de ti.
Grazas tamén
polas que me axudan a avanzar
polo camiño da adultez humana e espiritual.
Grazas por todos os momentos
nos que me alentas
para dar pasos de servizo
dentro da comunidade cristiá e fóra dela.
Grazas porque me chamas
a responsabilizarme da vida propia e comunitaria
e a gozar responsabilizándome.
Grazas porque me queres viva onda ti,
no medio do pobo.
¿Vemos cousas no clero que non nos gustan e criticámolas? Igual, no canto de criticar, podiamos ir falar coa persoa concreta e transmitirlle con calma as razóns do noso descontento.
17 de outubro: Venres da 28ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rom 4, 1-8. Salmo: 31, 1-2. 5. 11
Ano 2: 1ª lectura: Ef 1, 11-14. Salmo: 32, 1-2. 4-5. 12-13
Evanxeo: Lc 12, 1-7
Nunha ocasión tanta era a xente reunida ao redor de Xesús que se pisaban entre si. El comezou a falar dicíndolles primeiramente ás persoas que o acompañaban máis de cerca:
–Coidadiño co fermento dos fariseos, que é a hipocrisía! Non hai cousa encuberta que non se acabe descubrindo, nin cousa oculta que non se acabe sabendo. Porque o que digades na escuridade oirase a plena luz e o que faledes ás agachadas nos dormitorios hase pregoar dende as azoteas.
E a vós, amigas e amigos meus, tamén vos digo: non lle teñades medo a quen mata o corpo, pero xa non pode pasar de aí. Vouvos dicir a quen lle tedes que ter medo: temede a quen despois de matar pode meter no inferno. Si, repítovolo, temede a esa persoa. ¿Non se venden cinco pardais por dous patacos? Con todo Deus non esquece a ningún deles. E mesmo os pelos da vosa cabeza están contados. Por iso non teñades medo, que vós valedes máis ca todos os pardais xuntos.
——————————————————-
Meditación
Dúas advertencias moi importantes de Xesús ás persoas que o acompañaban, tamén ás que hoxe o queremos ter como compañeiro na vida. A primeira ten que ver coa hipocrisía; a hipocrisía é a falsidade, a dobrez, sentir unha cousa e simular que se sente outra. Canta hipocrisía, canta simulación polo mundo adiante! Que aguda é a tentación de hipocrisía, de simulación, de falsidade! Ninguén está libre desa tentación. Xesús foi sempre home de transparencias, nos sentimentos, nas palabras, nos feitos. A iso nos invita como a algo moi importante para ser persoa cabal e cristiá.
E a segunda advertencia ten que ver cos medos. ¿Quen non ten medos na vida? Onde están os nosos medos, está tamén o noso corazón, a nosa vida. O medo máis grande é a morrer, a que nos maten. Xesús advírtenos de que hai cousas moi importantes da persoa, que perdelas é algo tan serio ou máis que a mesma morte: a honradez, a verdade persoal, non abusar da xente, tratarnos coma irmáns/ás etc., todo isto, para el, como mostra da nosa fidelidade a Deus. Xesús invítanos a non encollernos, baseándonos non unicamente nas nosas forzas, que son cativas, senón na seguridade que nos dá saber que Deus está absolutamente por nós, e que nada se perde de canto fagamos por manter estas fidelidades.
Grazas, meu Deus,
por pasar tempo contando os pelos da miña cabeza.
Grazas por te parares comigo,
porque te esforzas en coñecerme por dentro e por fóra,
porque son importante para ti.
Grazas porque non queres que nada en min se perda
do que en min haxa de mérito e estima,
que para ti é moito,
aínda que a min non mo pareza.
Grazas porque me queres,
coma o mellor pai ou nai quere a súa crianza.
Grazas porque velas por min, porque me coidas
e reservas para min a diario un anaco do teu corazón
e un recanto glorioso no teu ceo,
que non sei o que é,
pero que, sendo cousa túa, será algo bo, moi bo.
Grazas, meu Deus,
co teu amor podo vencer todos os meus medos,
ou, cando menos, vivir pacificamente con eles.
Grazas.
Podemos facer un pequeno exercicio: coller un papel, un boli, e ir escribindo que cousas me poñen medo na vida, que cousas me dan confianza para seguir vivindo con firmeza. E saquemos as conclusións á luz das palabras de Xesús. El non está onda nós coma xuíz, senón como compañeiro co seu espírito.
18 de outubro: Festa de San Lucas evanxelista
1ª lectura: 2 Tim 4, 9-17a.
Salmo: 144, 10-11. 12-13ab. 17-18
Evanxeo Lc 10, 1-9
Un día designou o Señor a outras setenta e dúas persoas, e mandounas diante del de dúas en dúas a todas as vilas e aldeas a onde tiña pensado ir. Díxolles:
–A anada é ben boa, pero hai pouco quen a traballe; así que rogádelle ao dono da colleita que mande xornaleiros e xornaleiras para a seitura. Ide e sabede que vos mando como años entre lobos. Non levedes saco, nin alforxa, nin calzado, nin vos paredes a parolar con ninguén polo camiño. Cando entredes nunha casa, antes de máis nada dicide: “Paz a esta casa”. E se alí hai xente de paz, sobre ela repousará a vosa paz; se non a hai, volverá convosco. Permanecede na mesma casa, comendo e bebendo do que teñan, que quen traballa ten dereito ao seu xornal. Non andedes de casa en casa. Cando entredes nunha aldea e vos acollan, comede do que vos dean, curade a xente enferma que haxa e dicídelles: “Xa chega a vós o reino de Deus”.
——————————————————-
Meditación
Este texto saíu da man do evanxelista san Lucas que hoxe celebramos. Con canto agradecemento debemos lembrar aos evanxelistas, e, en concreto, ao evanxelista San Lucas! Grazas a eles podemos alimentar hoxe a nosa fe cristiá cuns relatos que recollen o que narraron as mesmas persoas que coñeceron e acompañaron a Xesús, pasado pola man, pola intelixencia, polo corazón de cada evanxelista en concreto. Transmiten apaixonadamente o que viron e viviron tamén con moita paixón. Que sería da vida cristiá sen evanxeos? Sempre están aí nas encrucilladas da historia, cando máis nos deixamos levar pola vaidade humana, para provocar e facilitar unha volta a Xesús, unha volta a aquel home, fillo de Deus, que revolucionou a fe, a esperanza, o amor.
Invítanos hoxe Lucas a andar os camiños, a encontrarnos coa xente, a envolvernos en pobreza e liberdade por dentro e por fóra, a ofrecer gratuitamente o que tamén gratuitamente nos foi dado, a compartir o soño de Deus que Xesús espertou en nós, a ser xente xeradora de paz. Estamos invitados a vivir hoxe o que Lucas viviu hai dous mil anos.
——————————————————-
Oración
Grazas, meu Deus,
por toda a xente que te vive con convencemento
e que logo, coa palabra ou coa escrita,
comparte connosco as súas experiencias.
Grazas polas persoas que non falan
senón do que previamente viviron.
Grazas, meu Deus, polos homes e mulleres
que coa palabra e coa vida
nos recordan a persoa e os feitos de Xesús,
e nos permiten entrar na súa mesma paixón.
Grazas por esa fonte de vida e de esperanza
de paz e de alento,
que son os evanxeos e os evanxelistas que os escribiron.
Grazas, meu Deus, grazas.
——————————————————-
Acción
Podemos tomar conciencia da xente que ao longo da nosa vida nos foi axudando a encontrarnos con Xesús de Nazaré, o Cristo. Dámos grazas por esas persoas. Pensamos de que maneira tamén nós podemos axudar a que algunhas persoas coñezan mellor a Xesús e se decidan a seguilo.