O Evanxeo de cada día con ollos de aldea
26 de outubro: Domingo 30º do Tempo Ordinario
1ª lectura: Eclo 35, 15b-17. 20-22a. Salmo: 33, 2-3. 27-28. 29 e 23.
2ª lectura: 2 Tim 4, 6-8. 16-18.
Evanxeo: Lc 18 ,9 -14
Unha vez propúxolles Xesús esta parábola referíndose a algunhas persoas que créndose perfectas estaban moi seguras de si mesmas e desprezaban os demais:
Dous homes subiron ao templo a orar; un era fariseo e outro recadador de impostos. O fariseo, de pé, oraba para os seus adentros deste xeito: “Meu Deus, douche grazas porque non son ladrón, inxusto e adúltero coma os demais; nin coma ese recadador. Gardo o xaxún dúas veces por semana e pago o décimo de todo canto gaño”.
O recadador, en cambio, manténdose a distancia, non se atrevía nin a levantar os ollos ao ceo, senón que, petando no peito, dicía: “Meu Deus, ten compaixón de min, que son un pecador”.
Asegúrovos que este baixou reconciliado con Deus para a súa casa e, en cambio, o outro non. Porque calquera persoa que se teña por moito será rebaixada, e calquera que se rebaixe será enaltecida.
———————————————————
Meditación
Unha vez máis atopámonos ante unha parábola exclusiva do evanxelista Lucas. Chama
a atención a sinxeleza e fondura revolucionaria destas breves narracións que Xesús
construía, para transmitir a orixinalidade da súa práctica relixiosa, da súa forma de se
situar ante Deus e, en consecuencia, tamén ante a comunidade. O cadro que debuxa é
ben sinxelo, calquera home ou muller normal do seu tempo o podería entender.
Calquera home ou muller normal, calquera comunidade cristiá do noso tempo o pode entender tamén.
Xesús conta esta parábola, porque vía que había no pobo xente moi relixiosa, moi cumpridora, que se sentía moi segura de si mesma, entendendo que a súa boa práctica relixiosa era cousa súa, debíase a si mesma, aos seus méritos, ao seu empeño, á súa categoría moral persoal. E desde esa torre de autocompracencia desprezaba a quen non cumpría, e, polo tanto, desprezaba tamén a quen se achegaba aos que non cumprían, como facía Xesús. Era unha especie de negación práctica de Deus e de divinización da propia persoa: esas persoas acababan considerándose o centro de si mesmas, elas mesmas acababan sendo o seu mesmo Deus. Os fariseos, por seren moi cumpridores das leis relixiosas, tiñan un perigo enorme de entrar por este camiño perverso, pero ese mesmo perigo podémolo ter calquera persoa de calquera grupo relixioso. Todos, todas, temos o perigo de empoleirarnos nos nosos xuízos, na nosa comprensión das cousas, nas nosas prácticas relixiosas, sexan cales sexan, e desde aí desprezar a quen non se adapta ao que nós consideramos apropiado. E andar pola vida cheos de razón e cheos de palabras e de xestos de condena. A vida relixiosa, espiritual, aparentemente máis perfecta pode quedar ferida de morte por esta actitude que denuncia Xesús. Iríanos moi ben se, como persoas e como comunidade, nos preguntásemos se estamos ou non feridas por este mal.
Que distingue a actitude do fariseo, que tiña fama de moita santidade, da actitude do publicano, que, en cambio, tiña fama de caer nun pecado tan grave, entre outros, como era o de aliarse co poder dominante para algo tan detestable como era quitarlle os cartos á xente máis pobre, en forma de impostos abusivos, dos que sacaban proveitos indebidos? Coa parábola Xesús non rexeita o fariseo polo seus cumprimentos, senón porque se atribúe a si mesmo os seus méritos: douche grazas porque non son coma os demais …; non di: douche grazas porque, o ben que sae das miñas mans, só son capaz de facelo porque ti me sostés, porque ti me alentas, porque houbo moitas persoas na miña vida que me foron encamiñando a iso, etc. Coa parábola de Xesús tampouco non aproba as prácticas do publicano, senón a conciencia que ten de ser persoa pecadora e de estar fondamente necesitada do perdón, da misericordia de Deus. Nun caso o corazón desmedido de Deus quedaba ocultado detrás da propia xustiza; no outro, en cambio, a misericordia de Deus déixase ver por riba da propia maldade recoñecida. E isto, que parecen e son vivencias relixiosas de fondo, acaban tendo unha importancia grande para a forma de relacionarse entre as persoas, dentro da comunidade, no pobo.
É posible que hoxe non reparemos moito niso dos cumprimentos relixiosos, e por iso igual non nos sentimos afectados por esta parábola. Pero hai moitas situacións humanas ante as que podemos situarnos con espírito de fariseo ou de publicano. Por exemplo: o que ten traballo ante quen non o ten; quen vive unha vida de parella estable ante outras parellas desfeitas; quen nunca tivo ningún problema coa xustiza ante a familia que ten un fillo no cárcere; quen ten uns fillos ou fillas máis ou menos exemplares, e a familia que ten unha filla drogodependente, que anda consumindo e vendendo substancias; quen prospera ben nos estudos, ante quen acumula fracaso sobre fracaso, etc. Que facemos nestes casos? A que nos agarramos? Ao ben que nos van as cousas, ao ben que soubemos ir levando as cousas, para desprezar a quen falla, sofre e non sabe que facer na vida? Sabemos agradecer con humildade, sen desprezar a ninguén, intentando comprender as vidas fracasadas, achegarnos a elas, darlles a man coma irmáns/ás? E, se temos fracaso na vida, quizabes froito tamén dos nosos propios fallos, saberemos achegarnos humildemente ante a fonte de todo perdón, de toda tenrura, de toda forza, para sentirnos perdoadas, queridas, acompañadas a fondo por quen se perde pola xente máis débil?
Atentos/as! D. Bonhoeffer dicía que, desde que Xesús contara a parábola do fariseo e o publicano, moitos fariseos oraban coma publicanos, pero sen deixar de ser fariseos. Non é soamente cousa de palabras, senón de actitudes de fondo que unicamente se van modificando cun traballo ordenado, humilde, abrindo o corazón ás palabras e ao estilo de Xesús. A Eucaristía é un encontro de pecadores/as arrepentidas e agradecidas.
———————————————————–
Preces
SÓ A TÚA COMPAIXÓN, SEÑOR,
PODE FACER BO DE NÓS!
- Para podermos recoñecer con humildade e paz o noso pecado e dispoñernos a cambiar as nosas vidas. Oremos.
- Para aprendermos a ollar as demais persoas sen chulerías nin prepotencia nin condenas, senón con ollos fraternos e axudadores. Oremos.
- Para sermos agradecidas/os contigo e con todo o que a vida e outras persoas nos deron para ter os dons e capacidades que temos. Oremos.
- Para sermos persoas de encontro, de diálogo, de busca compartida, que gozan coas calidades dos demais e as agradecen con alegría. Oremos.
- Para implicarnos con verdade na loita por mellorar a nosa comunidade cristiá, o noso barrio ou parroquia. Oremos.
Oración
Que pecador son, señor,
por debaixo desta aparencia honorable
de persoa de ben e de bondade,
que pecador son!
Que pecadora son, Señor,
co meu modo de vida tranquilo e satisfeito,
escorréndome modosiñamente
polo medio das túas voces, das voces dos teus pobres,
que me chaman ao empeño solidario,
que pecadora son!
Que pecador son, Señor,
coa miña ollada crida e prepotente,
simulada en formas brandas, aloumiñeiras,
créndome mellor, máis recto e acertado,
que pecador son!
Que pecadora son, Señor,
que necesitada da túa misericordia,
de achegarme a ese lume de amor que quenta e que derrete,
que limpa e purifica,
para renovalo todo,
que pecadora son, Señor!
Que pecador son, Señor,
necesitado de ollos novos
para verme ben na miña verdade
e poder ollar a demais xente con compaixón solidaria,
que pecador son!
Que pecador, que pecadora son, Señor,
perdón, perdón, perdón,
que pecador, que pecadora, son!
———————————————————
Acción
¿Cómo oramos, cando oramos, cómo nos situamos na vida ante a xente? ¿Imos de sobrados, de prepotentes en algo, desprezando a demais xente?
27 de outubro: Luns da 30ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rom 8, 12-17. Salmo: 67, 2 e 4. 6-7ab. 20-21.
Ano 2: 1ª lectura. 4, 32—5, 8. Salmo: 1, 1-2. 3. 4 e 6
Evanxeo: Lc 13, 10-17
Un sábado estaba Xesús ensinando nunha sinagoga. Había alí unha muller que levaba dezaoito anos eivada por causa dun espírito; andaba dobregada sen se poder endereitar. Xesús, ao vela, chamouna e díxolle:
–Muller, quedas libre da túa enfermidade.
E impúxolle as mans. Ela púxose dereita no momento e loaba a Deus. Entón o xefe da sinagoga, indignado de que Xesús curase nun sábado, díxolle á xente:
–Hai seis días para traballar, vide durante eses días para que vos cure e non precisamente no sábado.
Replicoulle Xesús:
–Hipócritas! ¿Non ceibades vós nos sábados o voso boi ou o voso burro, para os levar a beber? E logo esta filla de Abraham, que leva dezaoito anos atada por Satanás, ¿non a imos poder ceibar por ser sábado?
Cando tal lles dixo, aos seus adversarios quedaron avergonzados e toda a xente se alegraba das marabillas que facía.
——————————————————-
Meditación
Certamente a enfermidade daquela muller era cousa mala, cousa que lle impedía levar unha vida sa, digna, ben integrada; ademais, segundo o pensamento relixioso do momento, era unha muller posuída polo demo, unha muller arredada de Deus, case malquerida de Deus. Xesús, aínda movéndose dentro daquela cultura, rompe con todo iso e intégraa na vida social e relixiosa. Cousa que importaba máis ca todas as normas relixiosas que había daquela.
A muller dobregada do evanxeo válenos para pensar nos miles e millóns de mulleres da historia, que andaron e andan dobregadas baixo o poder machista da nosa cultura civil e relixiosa. Aínda hoxe, fóra e dentro da Igrexa, persiste moito deste machismo opresor, que lle rouba á muller a súa dignidade, a súa condición de persoa con igualdade absoluta de dereitos e deberes, ante a xente, ante Deus. Defender esta dignidade da muller importa máis ca calquera outra norma civil ou relixiosa que se lle queira opoñer.
——————————————————-
Oración
Ai de quen lle negue á muller a súa dignidade
e a poña por baixo do seu gusto e capricho!
Ai de quen amoree cargas no seu lombo canso
e a force a vivir máis derreada de calquera maneira!
Ai de quen a maltrate coa palabra ou cos feitos
e a condene á amargura e á frustración!
Ai de quen lle negue o título de irmá absoluta
e a reduza a un ben útil do que usar ou prescindir!
Ai de quen ignore o don e a valía da muller
e pretenda facer vida sen ela, ás costas dela, contra ela!
Quen así faga negarase, perderase, racharase,
machucará a propia dignidade ante a xente, ante Deus.
——————————————————-
Acción
Podemos revisar unha vez máis a nosa relación coas mulleres. ¿Desde o respecto absoluto, desde algún tipo de machismo? Podemos caer na conta que respectar a muller a fondo é unha práctica relixiosa moi grata a Deus.
28 de outubro: Festa dos santos Simón e Xudas, apóstolos
1ª lectura: Ef 2, 19-22.
Salmo: 18, 2-3. 4-5
Evanxeo: Lc 6, 12-19
Por aqueles días Xesús foi orar ao monte e pasou a noite orando a Deus. Cando se fixo de día, chamou os seus discípulos e escolleu doce entre eles, aos que nomeou apóstolos: Simón, a quen lle deu o nome de Pedro, e seu irmán Andre; Santiago, Xoán, Filipe, Bartolomeu, Mateu, Tomé, Santiago o de Alfeo, Simón chamado o Zelota, Xudas o de Santiago e Xudas Iscariote, que logo sería o traidor.
Baixou con eles e detívose nunha valgada cun bo grupo de discípulos e numerosa xente de toda Xudea, de Xerusalén e máis de toda a ribeira de Tiro e Sidón, que viñan escoitalo e a que os curase das súas doenzas. Os atormentados por espíritos inmundos quedaban curados, e toda a xente intentaba tocalo, pois del saía unha forza que curaba a todo o mundo.
——————————————————-
Meditación
A elección dun apóstolo sempre nos remite á nosa propia elección. Se estamos no de Xesús, atraídos/as pola súa figura histórica, pola súa palabra, polos seus feitos de vida, pola súa maneira de entender a persoa e as relacións entre as persoas,…, se estamos niso, é porque dalgunha maneira, misteriosa e real, fomos afectados/as e nos deixamos afectar pola súa elección. Xesús escolle de entre a xente e para o servizo da xente. Nunca nos escolle para arredarnos da xente, do pobo, coma un grupo selecto, privilexiado, colocado aló arriba; e menos aínda nos escolle para que acabemos tendo a xente ao noso servizo. Xesús escolle para facernos máis radicalmente da xente, para debernos á xente en todo, para facer da nosa vida un constante empeño por compartir con quen o necesite a forza de curación que de Xesús recibimos.
——————————————————-
Oración
Grazas, Xesús,
por ter batido contigo,
por ter experimentado, algo polo menos,
a fortaleza da túa palabra,
a consistencia do teu xeito de vivir.
Grazas, Xesús,
por terme así escollido,
pola vía da máis completa normalidade,
para testemuñarte
coas miñas palabras,
coa miña maneira de vivir.
Que quen me vexa
descubra en min
polo menos unha liviá memoria
do teu paso humilde e vigoroso,
servidor,
polas entrañas deste mundo.
——————————————————-
Acción
29 de outubro: Mércores da 30ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rom 8, 26-30. Salmo: 12. 4-5. 6
Ano 2: 1ª lectura: Ef 6, 1-9. Salmo: 144, 10-11. 12-13ab. 13cd-14
Evanxeo: Mt 13, 22-30
Xesús atravesaba por vilas e aldeas ensinando, camiño de Xerusalén. Un preguntoulle:
–Señor, ¿e logo son poucas as persoas que se salvan?
El respondeu:
–Esforzádevos por entrar pola porta estreita, porque vos aseguro que moita xente intentará entrar e non poderá. Cando o dono da casa se erga e peche a porta, quedaredes fóra e petaredes na porta dicindo: “Señor, ábrenos”; pero el responderá: “Non sei quen sodes”. Entón empezaredes a dicir: “Se nós comemos e bebemos contigo e ti ensinaches polas nosas prazas!” El repetirá: “Non sei quen sodes. Arredade de min todas as persoas que practicades a inxustiza!”.
Daquela habedes chorar e hanvos renxer os dentes; cando vexades que Abraham, Isaac, Xacobe e todos os profetas están no reino de Deus e que a vós vos botan fóra. E chegarán de oriente e occidente, do norte e do sur e sentarán na mesa do reino de Deus. Si, hai persoas que son últimas e serán primeiras, e hainas primeiras que serán últimas.
——————————————————-
Meditación
Pero ¿qué é salvarse? Para unha persoa cristiá é algo así como desenvolver a propia vida respondendo a esas chamadas fondas que Deus mesmo insire no noso corazón; sermos como persoas aquilo que cada quen está chamado a ser. Algo que xa se realiza neste mundo, aínda que despois da morte acade a súa plenitude. A vontade de Deus é sempre unha vontade de salvación, que nada nin ninguén torce. Nós si que podemos frustrar a propia construción como persoas, a propia felicidade. É a nós a quen nos interesa entrar pola porta estreita, a porta da responsabilidade sobre a propia vida, aproveitando o tempo presente para madurar como persoas para unha felicidade eterna en Deus. É a cousa non é cuestión de pertencer ou non a tal raza, a tal credo relixioso, a tal Igrexa. Iso pouco importa. O que importa é deixar que a propia vida sexa unha vida xusta na xustiza de Deus, que prefire, en todo caso, a misericordia ao xuízo. Deus é sempre un Deus de salvación, de vida, para quen se abra á vida nos seus comportamentos de cada día.
Sen tristuras, sen medos, sen angustias,
apréndesme a coidar a propia vida
e as vidas dos teus pobres a min encomendadas.
Con ledicia, con humor, con esperanza,
apréndesme a entrar pola porta estreita
que me introduce na terra da irmandade.
Máis que as máis santas palabras,
será a túa xustiza, acollida como don, como tarefa,
a que me abra as portas da vida para sempre.
Sen torpes pretensións, sen chulerías,
o humilde camiñar polas vías da inocencia
levarame ao berce de todas as unións.
E o mal que se me vaia das mans, da boca, do corazón,
serás ti quen o confundas nas lapas do teu amor.
Grazas, meu Deus, grazas por tanto ben!
——————————————————-
Posiblemente iso de salvarse, non salvarse, sexa unha linguaxe que hoxe pouco nos di. Pero, ¿preocúpanos desenvolver a nosa vida na honradez, na legalidade, mirando pola xente débil, buscando o ben común, respectando o diferente, sen nos poñer por riba de ninguén? ¿Ocupan estas cousas a nosa atención real? Seguro que tamén por aquí podemos dar pasos.
30 de outubro: Xoves da 30ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rom 8, 31b-39. Salmo: 108, 21-22. 26-27. 30-31
Ano 2: 1ª lectura: Ef 6, 10-20. Salmo: 143, 1. 2. 9-10
Evanxeo: Lc 13, 431-35
Nunha ocasión chegaron onda Xesús uns fariseos para o avisar:
–Veña, vaite de aquí, que Herodes te quere matar.
El respondeulles:
–Ídelle dicir a ese raposo: eu hoxe e mañá seguirei curando e botando fóra os demos e no terceiro día xa acabo. Pero hoxe, mañá e pasado mañá cómpre que siga camiñando, pois non é ben que un profeta morra fóra de Xerusalén.
Xerusalén, Xerusalén, que asasinas os profetas e acantazas os que mandan onda ti! Cantas veces quixen aconchegar os teus fillos, como a galiña aconchega os seus pitiños baixo as ás e non quixeches! Pois mirade, a vosa casa fica baleira e asegúrovos que non me volveredes ver ata que exclamedes: Benia o que vén no nome do Señor!
——————————————————-
Meditación
Xesús era unha persoa con determinación. Sabía o que quería. Tiña claro cal era a súa tarefa diaria: andar cabo da xente ferida pola vida, no corpo e no espírito, aportando o que el tiña abundantemente: alento, espírito de vida. Non o freaba o medo, non o paraban personaxes déspotas, extravagantes, coma Herodes, nin a sospeita de que en Xerusalén, onde estaban os poderes relixiosos e civís do país, as cousas se lle complicasen seriamente. Doíalle que a inmensa carga de luz e de afecto que vertía sobre o su pobo non fose recibida con ilusión, coma unha bendición de Deus. Pero non recuaba. Os tempos de Deus non son os tempos da xente. No medio das tebras é onde a luz amosa mellor o seu valor e o seu encanto. No medio deste drama cotián, que se estende ata os nosos días, que papel xogamos nós?
Perdón, Xesús,
por sucumbir tantas veces ao medo.
Perdón
pola falla de determinación:
vexo claro cara a onde ir,
pero freo o paso ou torzo o camiño.
Perdón, Xesús,
por recear aconchegarme a ti,
por rexeitar o agarimo do teu Espírito.
Perdón
por pechar as portas
a tanta xenerosidade, a tanta esplendidez.
Podemos concretar algunha cousa, algunha situación, na que por medo, por falta de decisión, por non dar a cara ante algunha persoa, deixamos de dicir ou de facer algo que considerabamos xusto. E dámonos aviso para non reincidir nese tipo de comportamentos.
31 de outubro: Venres da 30ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rom 9, 1-5. Salmo: 147, 12-13. 14-15. 19-20
Ano 2: 1ª lectura Flp 1, 1-11. Salmo: 110, 1-2. 3-4. 5-6
Evanxeo: Lc 14, 1-6
Un sábado ía Xesús comer á casa dun xefe dos fariseos, e eles vixiábano. Entón apareceu diante del un home hidrópico. Xesús preguntoulles aos xuristas e fariseos:
–¿Está ou non está permitido curar no sábado?
Pero eles non abriron a boca. Xesús colleu o enfermo, curouno e despediuno. E mirando para eles, díxolles:
–¿Quen de vós, se un fillo ou un boi lle cae nun pozo, non o tira do pozo no instante aínda que sexa sábado?
A isto non lle souberon que contestar.
——————————————————-
Meditación
Chama a atención esta habilidade de Xesús para aproveitar todas as circunstancias para anunciar a Boa Nova de Deus. Xesús era un misioneiro, un bo mestre do que hoxe chamamos Igrexa en saída. Que fose invitado a xantar na casa dun xefe dos fariseos indica tamén que era este un grupo co que Xesús tiña simpatías e afinidades, aínda que tamén, como vemos no relato, fondas diferenzas. Como que lle daba pena que unha xente tan boa no fondo estivese coa mente tan pechada. Pasa moito isto.
E, sen medo a romper a harmonía dun xantar compartido, vendo a un enfermo, un home hidrópico, failles unha pregunta provocativa, pois Xesús ben sabía que a Lei dicía que non se podía curar en sábado. Calan. Xesús cúrao e ponlles un exemplo, que lles axude a ver o absurdo das prácticas relixiosas que os fariseos defendían con tanto ardor. Non souberon que contestar. Aí queda a Boa Nova de Xesús, anunciando que a Deus non está atado nas leis relixiosas, que a lei relixiosa fundamental é a de coidar a xente, curar, sexa isto cando sexa. E seguiron co xantar.
Que fermosa esa túa audacia, Xesús,
ese teu saber falar e actuar,
a tempo e a destempo,
para que a luz de Deus
puidese alumear o corazón humano!
Que fermoso o teu apaixonamento por Deus,
o teu apaixonamento pola xente máis fráxil,
que mobilizaba todas as túas enerxías
para a curación,
para o desbloqueo mental da xente!
Son beneficiario de ti,
que tamén sexa, Xesús,
imitador creativo do teu xeito de ser.
Sen chulerías, con humildade, con espírito construtivo, podemos hoxe aproveitar as oportunidades que se nos dean para falar con feitos das prioridades de Deus cara á xente, sobre todo cara á xente máis fráxil.
1 de novembro: Solemnidade de todos os Santos e Santas
1ª lectura: Ap 7, 2-4. 9-14.
Salmo: 23, 1-2. 3-4ab. 5-6. 2ª lectura: 1 Xn 3, 1-3
Evanxeo Mt 5, 12a
Vendo Xesús a multitude, subiu ao monte e sentou. Achegáronselle as persoas que acompañaban máis de preto e el, tomando a palabra, ensinábaos dicindo:
–Ditosas as persoas totalmente pobres,
porque delas é o Reino dos ceos.
Ditosos as que choran,
porque elas serán consoladas.
Ditosos as non violentas,
porque elas herdarán a terra.
Ditosos as persoas que pasan fame e sede de xustiza,
porque elas ficarán fartas.
Ditosas as misericordiosas,
porque elas acadarán a misericordia.
Ditosos as de corazón limpo,
porque elas verán a Deus.
Ditosos as que traballan pola paz,
porque elas serán chamados fillas de Deus.
Ditosos as persoas perseguidas por causa da xustiza,
porque desas tales é o Reino dos ceos.
Ditosos vós, cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa; alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos ceos.
——————————————————-
Meditación
Sentamos aos pés de Xesús como o fixeron no seu momento as persoas que o acompañaban. Abrimos ben os ollos do corpo e do espírito para escoitar, acoller e facer nosas as palabras e as propostas de Xesús. Procuramos non lle buscar rebaixas ao que Xesús comparte connosco. Aceptámolo todo tal como soa, aceptando a nosa dificultade para entendelo, para embarcar nesa ilusión as nosas vidas. Deixamos que cada unha desas nove propostas de felicidade se vaian pousando lentamente sobre o noso corpo, sobre o noso espírito, sobre a nosa vida toda, e nos enchoupen da fonda e insospeitada novidade da boa nova de Xesús. No posible fuxamos da simulación. Frecuentemente lemos estas palabras de Xesús –tamén moitas outras–, dicimos aceptalas como palabras de vida para nós, pero logo, na práctica, a nosa busca de felicidade vai por outros camiños, porque no fondo desconfiamos de que esa proposta de Xesús sexa algo que valla, que funcione. Fagamos a proba. Experimentémolo. Con humildade, fiándonos de Xesús, dispoñámonos a esa aventura; poñamos nela todo o noso interese. Quizais empecemos a gustar cousas que nunca imaxinamos gustar. E a pouco prezo. Case coma un regalo que nos chega das mans de quen ben nos coñece e de quen moito nos aprecia. Por iso nos dá o mellor que ten para axudar a sermos xente feliz.
——————————————————-
Oración
Xesús, meu irmán e mestre,
quero ser feliz, ben o sabes,
aínda que cos anos me vaia resignando
e vaia aceptando vivir en paz coas carencias.
Pero aínda así, meu irmán e mestre,
que non se durman en min
os soños dunha felicidade compartida;
que asenten en min amplamente
as ansias de felicidade de toda a xente infeliz do mundo.
Xesús, meu irmán e mestre,
só ti podes agrandar o espazo dos meus soños,
só ti coas cousas do teu Deus, co noso Deus,
podes colmalos ata o infinito.
Felices as persoas que de ti podemos aprender
insospeitadas maneiras de sermos persoas felices!
——————————————————-
Acción
Podemos ler hoxe algo do libriño do Papa Francisco titulado “Alegrádevos e brincade do gozo”, que fala da chamada á santidade no mundo actual; o capítulo 3º, por exemplo, que entre outras cousas vai comentando as benaventuranzas.