O Evanxeo de cada día con ollos de aldea
Manuel Regal Ledo
29 de outubro: Domingo 30 do tempo ordinario.
1ª lectura: Éx 22, 20-26. Salmo: 17, 2-3a. 3bc-4. 47 e 51.
2ª lectura. 1Tes 1, 5c-10.
Evanxeo
Nunha ocasión, ao se decataren os fariseos de que Xesús lles tapara a boca aos saduceos, reuníronse onda el, e un deles, doutor da lei, preguntoulle para o poñer a proba:
—“Mestre, cal é na Lei o gran mandamento?”
El respondeulles:
—“Amarás o Señor, teu Deus, con todo o teu corazón e con toda a túa alma e con todo o teu entendemento”; este é o mandamento grande e primeiro. O segundo é semellante a el: “Amarás o teu próximo coma a ti mesmo.” Destes dous mandamentos dependen a Lei enteira e mais os profetas.”
Meditación
Seguimos vendo no evanxeo de hoxe como algúns destacados grupos relixiosos do tempo de Xesús se dirixen a el, pero non con ánimo humilde para aprender del, senón coa vontade de podelo coller nalgún tipo de contradición e así podelo descualificar, e deste xeito evitar o que Xesús lles botaba en cara. É algo moi humano: cando alguén nos pon diante algo que facemos mal, no canto de escoitalo para corrixirnos e así medrar no ben, o que facemos moitas veces é criticalo, buscar algún defecto que el teña para non lle facer caso ao que nos pon diante. Está claro que as persoas que lemos o evanxeo cada domingo non deberiamos achegarnos a Xesús con este espírito malo, senón co desexo sincero de escoitalo, sabendo que se algo nos pon diante é polo noso ben e mellora. Sería moi bo que na comunidade cristiá todos, todas, nos dispuxésemos a relacionarnos cun espírito de escoita e de agradecemento polo que os demais nos poidan ir poñendo diante.
Polo que se ve é cousa vella iso de debater que é o máis importante da vida relixiosa. Tamén hoxe debatemos diso, e, se non debatemos, deberiamos facelo, con liberdade, con desexo sincero de bater con aquilo que realmente a Deus lle importa, que será, sen dúbida, o que nos faga máis ben á xente. Que é o máis importante da nosa vida cristiá? Participar na misa dos domingos? Comungar recibindo o Pan de Xesús na lingua e non na man? Que un divorciado/a volto a casar comungue ou non comungue nas Misas? Que os mozos/as non convivan xuntos antes do casamento? Ofrecer Misas polos nosos defuntos/as? Apuntarme nun grupo da parroquia? Facerme voluntaria de tal ou cal organización benéfica? Apuntarme a un partido político, sindicato ou agrupación veciñal, para mellor defender o pan da xente máis débil? De feito, o Papa Francisco estanos invitando repetidamente a que reparemos no que é fundamental para a nosa práctica cristiá, polo noso propio ben, e polo ben que así lle poderiamos facer a outras persoas que tamén andan buscando a maneira de vivir a vida con máis ou menos sentido e proveito. Que é o máis importante da nosa vida cristiá? Cal é mandamento máis importante?
Xesús responde a esa pregunta orientándonos cara ao fundamental: o importante, o nuclear é amar, deixar que esa onda de amor que sae de Deus cara á creación, cara aos seres humanos de todos os tempos e de todos os lugares, nos envolva por riba e por baixo, por dentro e por fóra; o importante é que nos subamos a esa onda e que fagamos dela o noso propio lugar de vida e de acción; o importante é que correspondamos co noso amor total a quen é a fonte do mesmo; que nos amemos a nós mesmos, respectándonos, coidándonos, contribuíndo a desenvolver en nós o proxecto solidario que Deus soñou para toda a creación; o importante é que teñamos cara á demais xente eses sentimentos e boas prácticas do amor solidario, a través dos mil detalles dos que se compón a vida humana de cada día. Así de claro. Así de simple. Así de fondo. Sería moi bo que este fose sempre o convencemento principal de calquera persoa, de calquera comunidade cristiá; que esta fose a mensaxe que saíse a diario das nosas palabras, do noso estilo de vida.
Vivir, logo, nesta onda do amor-solidariedade á sombra de Xesús de Nazaré, vivir no agradecemento permanente por quen nos ten metido nel: Deus mesmo, Xesús mesmo, tantos homes e mulleres que coa súa práctica de vida nos foron aproximando a esta experiencia. Vivir nesta onda de amor-solidariedade cada día, a cada hora, sempre que temos que facer algo, dicir algo, relacionarnos con alguén, asumir algunha actividade comunitaria, participar en calquera compromiso social, político, cidadán. Deixar que en todo canto facemos se expanda esa luz de solidariedade que nos constrúe e que nos dá consistencia. É algo marabilloso, que pode encher unha vida da maior felicidade, moito máis ca ese louco afán de ter e de dominar ao que con tanta frecuencia se nos convida desde tantos lugares e con tantas formas.
Xesús no evanxeo de hoxe invítanos a embarcarnos nesta aventura, que ten os seus riscos e dificultades. Non é doado amar a fondo: a Deus, a nós mesmas, a demais xente, a creación, a xente máis débil. Asustámonos. Rebaixamos con facilidade a medida dos nosos afectos. Temos medo a que dando moito nos vaiamos quedando sen nada, en nada. Facemos pequenas concesións a iso de amar, de ser solidarios, pero deseguida retiramos a man, o abrazo, a carteira, non sexa que nos pasemos de rosca. Ao pé de Xesús podemos descubrir a forza do amor, as maneiras concretas de desenvolvelo sobre todo no servizo á xente máis débil, e a audacia de amar a tope convencidas/os de que amar non mata, non fire, non debilita nunca, ao contrario. San Agostiño, na onda de Xesús, dicía: “Ama e fai o que queiras”. Se amamos, a maioría dos debates que nos montamos na Igrexa, nas comunidades cristiás, nas nosas mesmas persoas particulares irían perdendo sentido, o mesmo que as nebras outonizas destes días se esvaecen ante a presenza do sol.
A eucaristía é un canto comunitario ao amor, unha experiencia comunitaria de amor que pode nutrir as nosas vidas día tras día. Gocémola. Aproveitémola. Compartámola dentro e fóra.
Preces
AMARÁS O TEU PRÓXIMO COMO A TI MESMA
Á vista das persoas amargadas, soas, desprotexidas, que carecen de compaña e atencións, rezamos acollendo as palabras de Xesús que nos recorda:
Á vista das persoas casadas que chegaron a romper o seu matrimonio e se senten desorientadas, pobres en amor dado e recibido, buscando ser felices, rezamos acollendo as palabras de Xesús que nos recorda:
Á vista das persoas gays tantas veces ridiculizadas e desprezadas, ás que lles pechamos tantas portas tamén nas mesmas comunidades cristiás, rezamos acollendo as palabras de Xesús que nos recorda:
Á vista das misioneiras/os, das persoas de tantas ONGs que andan polo mundo enteiro espallando e suscitando amor e solidariedade, rezamos acollendo as palabras de Xesús que nos recorda:
Á vista dos problemas pequenos e grandes que se dan cada día dentro das comunidades cristiás e na convivencia social, política, dentro dos nosos pobos e cidades, rezamos acollendo as palabras de Xesús que nos recorda:
Oración
Grazas pola túa proposta, Xesús,en tempos recios de incertezas fondas,cando a tanta xente se nos encolle o alentose nos engurra a luz e a esperanza.Grazas pola túa chamada ao amor,á tenrura, á solicitude, aos coidados,á solidariedade, á implicación,a sentirnos un/unha con todo, con todas.Grazas por invitarnos ao común, ao comunitario,ao social, ao que é de todos e para todos,cando tanto tendemos a agarrarnos apaixonadamenteá táboa do particular e do privado.Grazas por recordarnos que Deus é amor, todo amor,que ao amor incita e no amor se atopa,desarmado doutros títulos e roupaxescos que torpemente o temos ocultado.Grazas por recordarnos o máis simpleo que nos fai verdadeiramente humanos:espallar o amor en capas de servizo,bicar como nos gustaría ser bicadas/os.Grazas por suxerirnos que seremos felices,superaremos crises, espantaremos medos,só cando abramos casas e corazóns,para que pan e afectos entren e saian libremente.Grazas pola palabra amor, a única sagrada,tan tripada, simulada, escurecida,bandeira de nortes e amenceres,reclamo contra o espanto, contra a nada.
Acción
Pódenos valer hoxe coller unha folla e un boli e ir anotando as cousas que ao longo do día fago motivada polo amor. Igual hai máis cousas das que pensaba. Igual hai menos das que podería haber.
30 de outubro: Luns da 30ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rom 8, 12-17. Salmo: 67, 2 e 4. 6-7ab. 20-21.
Ano 2: 1ª lectura. 4, 32—5, 8. Salmo: 1, 1-2. 3. 4 e 6
Evanxeo: Lc 13, 10-17
Un sábado estaba Xesús ensinando nunha sinagoga. Había alí unha muller que levaba dezaoito anos eivada por causa dun espírito; andaba dobregada sen se poder endereitar. Xesús, ao vela, chamouna e díxolle:
—Muller, quedas libre da túa enfermidade.
E impúxolle as mans. Ela púxose dereita no momento e loaba a Deus. Entón o xefe da sinagoga, indignado de que Xesús curase nun sábado, díxolle á xente:
—Hai seis días para traballar, vide durante eses días para que vos cure e non precisamente no sábado.
Replicoulle Xesús:
—Hipócritas! ¿Non ceibades vós nos sábados o voso boi ou o voso burro, para os levar a beber? E logo esta filla de Abraham, que leva dezaoito anos atada por Satanás, ¿non a imos poder ceibar por ser sábado?
Cando tal lles dixo, aos seus adversarios quedaron avergonzados e toda a xente se alegraba das marabillas que facía.
Meditación
Certamente a enfermidade daquela muller era cousa mala, cousa que lle impedía levar unha vida sa, digna, ben integrada; ademais, segundo o pensamento relixioso do momento, era unha muller posuída polo demo, unha muller arredada de Deus, case malquerida de Deus. Xesús, aínda movéndose dentro daquela cultura, rompe con todo iso e intégraa na vida social e relixiosa. Cousa que importaba máis ca todas as normas relixiosas que había daquela.
A muller dobregada do evanxeo válenos para pensar nos miles e millóns de mulleres da historia, que andaron e andan dobregadas baixo o poder machista da nosa cultura civil e relixiosa. Aínda hoxe, fóra e dentro da Igrexa, persiste moito deste machismo opresor, que lle rouba á muller a súa dignidade, a súa condición de persoa con igualdade absoluta de dereitos e deberes, ante a xente, ante Deus. Defender esta dignidade da muller importa máis ca calquera outra norma civil ou relixiosa que se lle queira opoñer.
Oración
Ai de quen lle negue á muller a súa dignidadee a poña por baixo do seu gusto e capricho!Ai de quen amoree cargas no seu lombo cansoe a force a vivir máis derreada de calquera maneira!Ai de quen a maltrate coa palabra ou cos feitose a condene á amargura e á frustración!Ai de quen lle negue o título de irmá absolutae a reduza a un ben útil do que usar ou prescindir!Ai de quen ignore o don e a valía da mullere pretenda facer vida sen ela, ás costas dela, contra ela!Quen así faga negarase, perderase, racharase,machucará a propia dignidade ante a xente, ante Deus.
Acción
Podemos revisar unha vez máis a nosa relación coas mulleres. ¿Desde o respecto absoluto, desde algún tipo de machismo? Podemos caer na conta que respectar a muller a fondo é unha práctica relixiosa moi grata a Deus.
31 de outubro. Martes da 30ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rom 8, 18-25. Salmo: 125, 1-2ab. 2cd-3. 4-5. 6
Ano 2: 1ª lectura: Efg 5, 21-33. Salmo: 127, 1-2. 3. 4-5
Evanxeo: Lc 13, 18-21
Nunha ocasión dicíalle Xesús á xente:
—¿A que se parece o reino de Deus, con que volo compararía eu? É semellante a un gran de mostaza que un home sementa na súa horta; medrou e converteuse nunha árbore e os paxaros do ceo aniñaron nas súas pólas.
E seguiu dicindo:
—¿Con que compararía eu o reino de Deus? É semellante ao fermento que unha muller botou en tres medidas de fariña ata que todo levedou.
Meditación
O reino de Deus, o proxecto de Deus, o soño de Deus para este mundo noso: sermos unha terra de redes, de vínculos, de relacións, de compenetracións, de interdependencias, de fraternidade, de xustiza, de respecto preferente sempre polo máis fráxil entre a xente, entre a natureza, en todo. Sermos así terra de Deus!
Xesús amósanos como se constrúe ese tipo de cousas. El opta non polo barullo, senón polo silencio. Non pola presenza de medios aparatosos, senón pola pequenez. Non por obras de lucimento, senón polas cousas humildes. Non polas grandes palabras, senón polas pequenas e cotiás fidelidades. Non polos grandes empeños humanos, senón pola fe confiada en Deus. Canto disto nos fai falla nestes tempos nos que nas nosas comunidades sentímonos a necesidade de retomar o reinado de Deus, o seu soño para nós, para toda a humanidade!
Oración
Que ben, meu Deus, que ben!O teu Espírito en min, en nós,coma un graociño de mostaza,sementado nas nosas vidas, na nosa comunidade,que medra e medra, sen case saber nós como,ata se converter nunha árbore vigorosa,onde aniña quen queira pousar os seus péspara acougare gustar o gozo dunha vida xusta, pacificada!Que ben!O teu Espírito convertido en fermentoque unha muller coloca no noso seo,no seo da comunidade feito fariña—grao moído no muíño simple da vida—,para convertela en pan saborosoa disposición de calquera famento que pete á porta,e ser simplemente pan comido,sen máis,sen méritos nin glorias.Que ben, meu Deus, que ben!
Acción
Podemos facernos conscientes de que cada día coa nosa palabra, cos nosos feitos, se son xustos e fraternos, estamos construíndo iso que Xesús chamaba o reino de Deus, o soño de Deus. E, se en algo non son xustos nin fraternos, daquela podemos cambiar para que en nós se cumpra de verdade o soño de Deus.
1 de novembro: Solemnidade de todos os Santos e Santas
1ª lectura: Ap 7, 2-4. 9-14. Salmo: 23, 1-2. 3-4ab. 5-6. 2ª lectura: 1 Xn 3, 1-3
Evanxeo: Mt 5, 1-12a
Vendo Xesús a multitude, subiu ao monte e sentou. Achegáronselle as persoas que acompañaban máis de preto e el, tomando a palabra, ensinábaos dicindo:
—Ditosas as persoas pobres a fondo,porque delas é o Reino dos ceos.Ditosos as que choran,porque elas serán consoladas.Ditosas as non violentas,porque elas herdarán a terra.Ditosas as persoas que pasan fame e sede de xustiza,porque elas ficarán fartas.Ditosas as misericordiosas,porque elas acadarán a misericordia.Ditosas as persoas de corazón limpo,porque elas verán a Deus.Ditosos as que traballan pola paz,porque elas serán chamados fillas de Deus.Ditosos as persoas perseguidas por causa da xustiza,porque desas tales é o Reino dos ceos.Ditosos vós, cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa; alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos ceos.
Meditación
Sentamos aos pés de Xesús como o fixeron no seu momento as persoas que o acompañaban. Abrimos ben os ollos do corpo e do espírito para escoitar, acoller e facer nosas as palabras e as propostas de Xesús. Procuramos non lle buscar rebaixas ao que Xesús comparte connosco. Aceptámolo todo tal como soa, aceptando a nosa dificultade para entendelo, para embarcar nesa ilusión as nosas vidas. Deixamos que cada unha desas nove propostas de felicidade se vaian pousando lentamente sobre o noso corpo, sobre o noso espírito, sobre a nosa vida toda, e nos enchoupen da fonda e insospeitada novidade da boa nova de Xesús. No posible fuxamos da simulación. Frecuentemente lemos estas palabras de Xesús –tamén moitas outras—, dicimos aceptalas como palabras de vida para nós, pero logo, na práctica, a nosa busca de felicidade vai por outros camiños, porque no fondo desconfiamos de que esa proposta de Xesús sexa algo que valla, que funcione. Fagamos a proba. Experimentémolo. Con humildade, fiándonos de Xesús, dispoñámonos a esa aventura; poñamos nela todo o noso interese. Quizais empecemos a gustar cousas que nunca imaxinamos gustar. E a pouco prezo. Case coma un regalo que nos chega das mans de quen ben nos coñece e de quen moito nos aprecia. Por iso nos dá o mellor que ten para axudar a sermos xente feliz.
Oración
Xesús, meu irmán e mestre,quero ser feliz, ben o sabes,aínda que cos anos me vaia resignandoe vaia aceptando vivir en paz coas carencias.Pero aínda así, meu irmán e mestre,que non se durman en minos soños dunha felicidade compartida;que asenten en min amplamenteas ansias de felicidade de toda a xente infeliz do mundo.Xesús, meu irmán e mestre,só ti podes agrandar o espazo dos meus soños,só ti coas cousas do teu Deus, co noso Deus,podes colmalos ata o infinito.Felices as persoas que de ti podemos aprenderinsospeitadas maneiras de sermos persoas felices!
Acción
Podemos ler hoxe algo do libriño do Papa Francisco titulado “Alegrádevos e brincade do gozo”, que fala da chamada á santidade no mundo actual; o capítulo 3º, por exemplo, que entre outras cousas vai comentando as benaventuranzas.
2 de novembro: Conmemoración de todos os fieis defuntos
1ª lectura: Lam 3, 17-26. Salmo: 129.
Evanxeo: Xn 14, 1-6
Nun momento da Última Cea díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
—Non vos angustiedes; crede en Deus e crede tamén en min. Na casa do meu Pai hai moitas moradas; se así non for, ¿teríavos dito que vos ía arranxar un lugar? E cando vaia e vos arranxe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vós tamén. E a onde vou eu, ben sabedes o camiño.
Dille Tomé:
—Señor, se non sabemos onde vas, ¿cómo imos saber o camiño?
Xesús respondeulle:
—Eu son o camiño, a verdade e a vida; ninguén chega onda o Pai máis ca por min.
Meditación
Xesús fálanos de moradas, de moitas moradas, de lugares que nos prepara, para alí estar con el, para alí chegar onda o Pai indo polo camiño que é el mesmo. Ben se ve que non se trata de lugares físicos; non hai un lugar físico ao que lle chamemos ceo, nin neste mundo, non en ningún outro lugar do cosmos. Tratase dun lugar espiritual. Trátase de estar en Deus simplemente, fóra do tempo e do espazo. Non sabemos o que iso pode ser. Sabemos que é cousa boa, porque Deus é a fonte de todo ser, de toda vida, de toda paz, de toda unión, de toda boa experiencia comunitaria.
Cando morremos, ese é o noso destino. Invítanos Xesús a agardalo sen angustia; hai moitas moradas; todos, todas collemos en Deus; a pesar das nosas ruindades, todos, todas temos lugar no corazón de Deus; todas, todos temos un algo de amor, que é en nós a semente de Deus, semente de eternidade. Xesús, camiño, verdade e vida, lévanos da man cara a ese encontro definitivo con Deus, con todos os homes e mulleres do mundo, con toda a creación reconciliada. Deus sexa bendito por esta esperanza tan grande asentada nos nosos corazóns.
Oración
Grazas, Deus noso,polos homes e mulleres defuntasdas nosas casas, das nosas parroquias, das nosas aldeas e cidades.Grazas polas súas vidas en tantas cousas tan sufridas,en tantas cousas tan exemplares tamén.Grazas polo que fixeron, polo que amaron, polo que serviron,polos bens materiais, culturais, espirituaisque nos deixaron en herdanza.Grazas, Deus noso,polo respecto e agarimo que tiveron por ti,e polo agarimo que ti tes por todas elas,garantía do seu descanso eterno no teu seo,porque ti, Deus noso,es todo amor, todo perdón, e todo reconciliación.Grazas, Deus noso,que a memoria dos nosos defuntosnos sosteña na nosa vida cristiá de cada día.
Acción
Seguro que neste día visitaremos o lugar onde repousan os nosos defuntos, para recordalos, para agradecelos, para gozar sabéndoos nas mans de Deus. Podemos fixarnos en tal ou cal aspecto deles máis orixinal e fermoso, para agradecelo especialmente e, no posible, imitalo.
3 de novembro: Venres da 30ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rom 9, 1-5. Salmo: 147, 12-13. 14-15. 19-20
Ano 2: 1ª lectura Flp 1, 1-11. Salmo: 110, 1-2. 3-4. 5-6
Evanxeo: Lc 14, 1-6
Un sábado ía Xesús comer á casa dun xefe dos fariseos, e eles vixiábano. Entón apareceu diante del un home hidrópico. Xesús preguntoulles aos xuristas e fariseos:
—¿Está ou non está permitido curar no sábado?
Pero eles non abriron a boca. Xesús colleu o enfermo, curouno e despediuno. E mirando para eles, díxolles:
—¿Quen de vós, se un fillo ou un boi lle cae nun pozo, non o tira do pozo no instante aínda que sexa sábado?
A isto non lle souberon que contestar.
Meditación
Chama a atención esta habilidade de Xesús para aproveitar todas as circunstancias para anunciar a Boa Nova de Deus. Xesús era un misioneiro, un bo mestre do que hoxe chamamos Igrexa en saída. Que fose invitado a xantar na casa dun xefe dos fariseos indica tamén que era este un grupo co que Xesús tiña simpatías e afinidades, aínda que tamén, como vemos no relato, fondas diferenzas. Como que lle daba pena que unha xente tan boa no fondo estivese coa mente tan pechada. Pasa moito isto.
E, sen medo a romper a harmonía dun xantar compartido, vendo a un enfermo, un home hidrópico, failles unha pregunta provocativa, pois Xesús ben sabía que a Lei dicía que non se podía curar en sábado. Calan. Xesús cúrao e ponlles un exemplo, que lles axude a ver o absurdo das prácticas relixiosas que os fariseos defendían con tanto ardor. Non souberon que contestar. Aí queda a Boa Nova de Xesús, anunciando que a Deus non está atado nas leis relixiosas, que a lei relixiosa fundamental é a de coidar a xente, curar, sexa isto cando sexa. E seguiron co xantar.
Oración
Que fermosa esa túa audacia, Xesús,ese teu saber falar e actuar,a tempo e a destempo,para que a luz de Deuspuidese alumear o corazón humano!Que fermoso o teu apaixonamento por Deus,o teu apaixonamento pola xente máis fráxil,que mobilizaba todas as túas enerxíaspara a curación,para o desbloqueo mental da xente!Son beneficiario de ti,que tamén sexa, Xesús,imitador creativo do teu xeito de ser.
Acción
Sen chulerías, con humildade, con espírito construtivo, podemos hoxe aproveitar as oportunidades que se nos dean para falar con feitos das prioridades de Deus cara á xente, sobre todo cara á xente máis fráxil.
4 de novembro: Sábado da 30ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rom 11, 1-2a. 11-12. 25-29. Salmo: 93, 12-13a. 14-15. 17-18
Ano 2: 1ª lectura: Flp 1, 18b-26. Salmo: 41, 2. 3. 5bcd
Evanxeo: Lc 14, 1.7-11
Un sábado foi comer Xesús á casa dun xefe dos fariseos e eles estábano vixiando. Xesús, decatándose de que a xente invitada buscaba os primeiros postos, contoulles esta parábola:
—Cando alguén te convide a unha voda, non sentes no primeiro posto. Pode suceder que unha persoa máis distinguida ca ti tamén estea convidada, e que veña quen vos convidou e che diga: “Déixalle o sitio a esta persoa”, e ti, cheo de vergonza, teñas que ir para o derradeiro lugar. Ao revés, cando alguén te convide, ti senta no último lugar, para que, cando chegue quen te convidou, che poida dicir: “Amigo, sube máis arriba”. E quedarás moi ben diante de todos os comensais. Porque a persoa que se enaltece será rebaixada, e a que se rebaixe será enaltecida.
Meditación
Aquí está Xesús, que non perde ocasión de transmitir os convencementos que moven a súa vida. Observa, pensa e fala con coherencia, dicindo palabras que poden cuestionar os comportamentos doutras persoas. Dunha anécdota máis ou menos simple, saca unha pauta para o conxunto da vida: a persoa que anda pola vida presumindo, con ostentación, buscando primeiros postos, recoñecementos e loanzas, fará da súa vida unha vulgaridade e acabará en nada, facendo o ridículo con frecuencia; en cambio, a persoa que gusta de estar simplemente canda os demais coma unha de tantas, en humildade, sen querer nunca alzarse sobre a demais xente, respectando e valorando a quen a rodea, servindo, esa persoa acaba tendo o respecto e recoñecemento de todo o mundo. E isto que vale moito aos ollos da xente, vale moito tamén aos ollos de Deus. Porque no fondo tal como somo ante a xente que nos rodea, así acabamos sendo ante Deus. E sería ben ridículo que acabásemos intentando quedar por riba do mesmo Deus!
Oración
Que descubra o gozo da humildade, meu Deus,o gozo de ver en calquera cousa,en calquera animal,en calquera persoaunha irmá, un irmán,algo ou alguén que me convoca á festa do pequeno,onde todo o mundo collee nada nin ninguén sobra,onde todo se me ofrecepara ser alegremente parte do meu ser,da miña vida;onde todo espera de minun anaco de carne e sangue,un anaco de alento,unha man,unha voz,un chucho.Que descubra, si, a cada hora,o gozo da humilde e valente irmandade.
Acción
Podemos revisar como nos situamos ante as demais persoas, sobre todo ante as persoas que teñan pouco poder, pouco saber, pouco valer. Á luz de Xesús podemos cambiar a nosa maneira de situarnos ante elas.