O Evanxeo de cada día con ollos de aldea
Manuel Regal Ledo
10 de novembro: Domingo 32º do Tempo Ordinario
1ª lectura: 1 Re 17, 10-16. Salmo: 145, 7. 8-9a. 9bc-10
2ª lectura: Heb 9, 24-28
Evanxeo: Mc 12, 38-44
Nunha ocasión Xesús ensinaba a xente dicíndolles:
—Coidado cos letrados! Gustan moito de se pasearen con vestidos fachendosos e que lles fagan reverencias polas rúas; buscan os primeiros postos nas sinagogas e máis nos banquetes. E acábanlles cos bens ás viúvas, facéndose os piadosos. Pero serán xulgados como lles cómpre.
Sentado fronte por fronte da sala do tesouro, ollaba para a xente que botaba cartos no peto.
E moitos ricos botaban con fartura. E nisto viu unha viúva pobriña botar uns céntimos nada máis, unha miseria coma quen di. Entón chamou os seus discípulos e díxolles:
—Asegúrovos que esa pobre viúva botou máis cós ricos todos. Pois eles botaron o que lles sobraba, pero ela na súa pobreza botou todo canto tiña para vivir.
Meditación
O Evanxeo de hoxe preséntanos dous cadros dunha intensidade excepcional; dous cadros que ofrecen dúas formas contrapostas de se situar ante un mesmo coma persoa, de se situar na relación cos demais, de se situar na relación coas cousas, cos bens, cos cartos, de se situar ante a construción da comunidade cristiá e da sociedade, e, con todo isto, dúas formas tamén de coidar e educar o propio corazón, os propios afectos, a propia existencia. Un cadro está representado polos letrados, que eran persoas moi entendidas nas cousas da lei xudía, unha especie de sabios ou teólogos ; o outro cadro está representado pola viúva pobriña, unha figura social frecuente na sociedade xudía, que viña a ser coma a representación máis cabal do que era estar desprotexida.
Xesús critica de forma aberta e dura os letrados: arrogantes, chulos, vaidosos, buscando sempre o recoñecemento e aplauso da xente, piadosos aparentemente, pero que converten a súa piedade nunha maneira de explotar a xente débil, como as viúvas, en beneficio propio. Serán xulgados como cómpre, di deles Xesús. Non está de máis que como persoas e como comunidade cristiá miremos detidamente ás maneiras de ser deste tipo de persoa, que o fai todo, que o utiliza todo, incluído alto tan sagrado como a fe da xente máis pobre e abandonada, para o lucimento persoal. A súa vida é coma un globo de cores, que se afana por inchar e inchar…, ata que estoupa. Acaso non temos tamén nós trazos desta maneira de ser e de funcionar? Quen se escapa do afán por converterse no centro? A nosa mesma Igrexa non cae moitas veces nesta mesma obsesión de se querer situar no centro, roubándolle o espazo ao mesmo Deus, ou á xente máis pobre e débil que o representa? Somos críticos con nós mesmos para evitar isto? Somos críticos, coma Xesús, coas persoas da nosa comunidade, da nosa sociedade, que se comportan coma eses letrados? Xesús, en cambio, chufa o comportamento daquela viúva pobre, que ao lado da xente rica que botaba moito, porque moito tiña e aínda lle sobraba, ela botaba unha cousa de nada, pero que era todo canto ela tiña mesmo para comer; desa forma acentuaba aínda máis a súa condición social de persoa desasistida, marxinal na sociedade xudía. E a súa acción, seguramente moitas veces repetida, nunca fora nin observada, nin recoñecida, nin valorada por ninguén, como non fose polo Pai que ve no segredo, e por Xesús que tiña un ollo especial para detectar e captar estas marabillas de fe, de amor e de liberdade encubertas en accións tan simples coma botar dous céntimos nun peto do templo.
Os letrados, con xestos e maneiras excepcionais, fan cousas vulgares, repetidas seguramente por moitos máis membros da sociedade (nós incluídos); non fan nada novo, nada creativo, nada que produza liberdade para si mesmos e para a demais xente, para a sociedade; nada que ula a solidariedade. Nas súas mentes, nas súas mans, certamente non hai futuro, non hai porvir. A viúva pobriña, con xestos e maneiras de absoluta normalidade, fai cousas excepcionais, novas, creativas, que producen liberdade no seu propio corazón e sementan liberdade nun medio social apagado, murcho; abre camiños serios de solidariedade. Na súa mente, nas súas mans, certamente hai futuro, hai porvir. Cando falamos e nos propoñemos cousas de “nova evanxelización”, podemos coller o estilo dos letrados ou o estilo da velliña pobre. Nun hai baleiro e noutro bendición. Cando nos encontramos nunha sociedade en crise, porque formamos parte dela, porque en algo seguramente somos tamén causantes desa crise e en moito seguramente somos tamén quen máis a sufrimos; cando queremos reaccionar e loitar, podemos seguir apostando pola figura dos letrados, polo estilo de vida oca dos letrados, ou pola figura da viúva, polo estilo de vida densa da viúva. Nun hai baleiro, canto baleiro!, e no outro hai bendición e futuro, canta bendición e futuro!
Preces:
CONFIAMOS EN TI, SEÑOR,
QUEREMOS SEGUIRTE.
Queremos seguirte, Xesús, revisando os nosos comportamentos persoais e comunitarios, para non usar nunca a Deus e a comunidade cristiá coma unha ocasión de lucimento e medre persoal. Oremos.
Queremos seguirte, Xesús, vivindo a nosa fe con humildade, facendo dela unha maneira viva de encontrarnos con Deus e de servir a xente. Oremos.
Queremos seguirte, Xesús, imitando a viúva pobre, que daba do que precisaba para vivir, tanta era a misericordia que tiña. Oremos.
Queremos seguirte, Xesús, aprendendo a ver a vida, as persoas, os acontecementos de cada día, coa ollada fina e profunda de Xesús, que tan revolucionaria era. Oremos.
Queremos seguirte, Xesús, sendo solidarios/as nestes tempos de crise, achegándonos a tanta xente angustiada que está aparecendo, para axudala cos nosos cartos e coa nosa indignación creativa. Oremos.
Oración
Coma a viúva pobriña, Xesús,quen me dese ser coma ela,que daba mesmo do que non tiñapara que outra xente máis pobre aínda,puidese ter algo que comer!Coma a viúva pobriña, Xesús,quen me dese ser coma ela,que sendo o prototipo da inseguridade no seu tempo,ousaba desinstalarse aínda máis,confiando a súa vida nas mans provisoras do Pai!Coma a viúva pobriña, Xesús,quen me dese ser coma ela,que facía grandes milagres de fe e de misericordia,sen que ninguén se decatase,sen recibir a máis mínima chufa,sen figurar nos libros de honra do seu grupo relixioso!Coma a viúva pobriña, Xesús,quen me dese ser coma ela,calada, ignorada, agachada,facendo comunidade e pobo desde o silencio,revolucionando o mundodesde os segredos fondos do corazón e da vida!Coma a viúva pobriña, Xesús,quen me dese ser coma ela,pero non para ser usada e abusadapolos representantes relixiosos de cada momento—como criticabas ti mesmo—,senón para ser obxecto da túa paz,da túa acollida liberadora,do teu recoñecemento curador!Coma a viúva pobriña, Xesús,quen me dese ser coma ela,muller, pobre, desasistida,obxecto da túa valoración entrañable!
Acción
Podíamos cavilar hoxe nalgunha cousiña de desprendemento de algo que nos fai falla para vivir, que nos permita ter nalgunha medida a mesma experiencia vivida por aquela viúva pobre. Igual iniciamos un proceso persoal, familiar, comunitario ben interesante, ben evanxélico.
11 de novembro: Luns da 32ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Sab 1, 1-7. Salmo: 138, 1-3. 4-6. 7-8. 9-10
Ano 2: 1ª lectura: Tit 1, 1-9. Salmo: 23, 1-2. 3-4ab. 5-6
Evanxeo: Lc 17, 1-6
Unha vez díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban máis de cerca:
—É irremediable que haxa escándalos, pero ai de quen os provoca! A quen escandalice a unha destas criaturiñas, máis lle valería que lle colgasen unha pedra de muíño no pescozo e que o largasen ao mar. Andade con coidado. Se o teu irmán che fai mal, repréndeo; se se arrepinte, perdóao. E, se te ofende sete veces no día e sete veces volve a ti dicindo: “Síntoo moito”, perdóao.
Rogáronlle os apóstolos ao Señor:
—Auméntanos a fe!
O Señor respondeulles:
—Se tivésedes unha fe coma un gran de mostaza, diriádeslle a esta moreira: “Arríncate e plántate no mar”, e seguro que vos obedecería.
Meditación
Somos persoas que, por regalo de Deus, gustamos de acompañar a Xesús máis de cerca. E Xesús sinálanos hoxe tres maneiras propias de quen queira andar ao seu redor. A primeira ten que ver con ese convencemento seu de poñer sempre no centro das nosas ansias e coidados as persoas máis fráxiles, evitando facer calquera cousa que deteriore o seu corpo, o seu espírito, os seus soños e lles impida levar unha vida digna ante a xente, ante Deus. A segunda ten que ver coa necesidade do perdón entre nós, se queremos facer boa comunidade cristiá, boa sociedade tamén. Perdón sen límites. Non coma un xesto de fuxida ante o mal, senón como aposta esperanzada polas persoas máis fráxiles tamén, máis abocadas ao mal polas razóns que sexan. E a terceira ten que ver coa fe, como soporte que fai posible todo o anterior. A fe non como simple asentimento doutrinal ao que dicimos crer, senón como actitude vital confiada en Deus e en que o seu poder de ben, de cambio, de transformación, chega máis aló do que podemos esperar das nosas forzas. Coma sempre Xesús situándose contracorrente de moitos criterios normais, e invitándonos a nós a andar con el tamén contracorrente.
Oración
Auméntanos a fe, Xesús,pedíanche daquela as persoas que te acompañaban.E o mesmo desexo che presentamos nós.Moitas son as cousas que nos desalentan,que nos fan perder a esperanza,que nos fan desconfiar de todo:de nós, da demais xente,do futuro das aldeas,do recoñecemento da xente máis vulnerable,de ti mesmo, Xesús,do Deus no que ti tanto confiabas.Que se nos abran os ollos,para descubrir a forza do ben,a túa mesma forza,tirando por todo cara a arribae arrastrándonos cara á fe e á esperanza.Canto o necesitamos, Xesús!
Acción
Podemos mirar se en algo desde a propia persoa ou desde a comunidade cristiá estamos sendo razón de tropezo para algunha persoa débil, nas cousas normais da vida, nas cousas da fe. Podemos mirar se en algo nos estamos negando ao perdón cara a algunha persoa concreta. Podemos mirar que cousas nos están achicando a fe. Mirar, para detectar, para dar algún paso, para cambiar. Xesús apóianos. Deus tamén con el.
12 de novembro: Martes da 32ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Sab 2, 23—3, 9. Salmo: 33, 2-3. 16-17. 18-19
Ano 2: 1ª lectura: Tit 2, 1-8. 11-14. Salmo: 36, 3-4. 18 e 23. 27 e 29
Evanxeo: Lc 17, 7-10
Unha vez díxolles Xesús ás persoas que o seguían de cerca:
—¿Quen de vós que teña un criado arando ou pastoreando, lle di cando chega da terra: “Entra axiña e ponte á mesa”? ¿Non lle dirá máis ben: “Prepara a cea, viste a roupa de traballo e sírveme mentres eu como e bebo; despois comerás e beberás ti?” ¿Ou é que aínda lle vai ter que agradecer ao criado que lle faga o mandado? Así tamén vós, cando fagades todo o que se vos mande, dicide: “Somos uns pobres servidores ou servidoras; non fixemos máis có que tiñamos que facer”.
Meditación
A pequeniña comparanza que emprega Xesús responde a unha práctica que se daba daquela e que, con formas máis modernas, se dá tamén nos nosos tempos. Parece como se Xesús vise ben ese funcionamento abusivo con quen serve. Polo que sabemos doutras partes do Evanxeo, non é ese o estilo de Xesús, non é ese o estilo do Deus de Xesús. Usa esa comparanza Xesús para recalcar unha cousa moi concreta na nosa relación con Deus, no noso servizo a Deus e á súa tarefa de irmandade connosco: fagamos o que fagamos, o noso servizo ante a esplendidez de Deus sempre será algo pequeno, e o normal será que o vivamos coa conciencia de sermos simplemente uns pobres servidores ou servidoras. E vaia se nos está Deus agradecido polos nosos servizos! Nisto si que Deus non casa co amo que dicía Xesús. Xesús está compartindo connosco a vivencia que el tiña ante Deus: son un pobre servo!
Oración
Son un pobre servo—palabra de Xesús—,son un simple servo,que non fixen máis có que tiña que facer.De Deus recibín o ser e a tarefa,de Deus recibín a forza e a idea,de Deus recibín o acompañamento diario,sempre á miña porta,sempre, a toda hora,de día e de noite,nos amenceres e solpores.Que lle vou dicir?De que me vou chufar?Si,pobre servo,feliz de poder selo,feliz de desfacerme en servizopola gloria de Deus na xente máis vulnerable.Este, e non outro, é o meu gozo, a miña festa.Grazas, meu Deus.
Acción
Normalmente non nos gustan as persoas que se andan chuleando do que fan ou deixan de facer. Hai que se chulea abertamente, e quen o fai de forma máis raposeira. Podemos mirar se en algo entramos neste tipo de comportamentos tan pouco construtivos. E cambiar, claro.
13 de novembro: Mércores da 32ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Sab 6, 1-11. Salmo: 81, 3-4. 6-7
Ano 2: 1ª lectura: Tit 3, 1-7. Salmo: 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6
Evanxeo: Lc 17, 11-19
Unha vez, indo de camiño a Xerusalén, pasaba Xesús entre Samaría e Galilea; ao entrar nunha aldea, saíronlle ao paso dez leprosos. Pararon ao lonxe e suplicáronlle berrando:
—Xesús, mestre, ten compaixón de nós.
El, ao velos, díxolles:
—Ídevos presentar aos sacerdotes.
E aconteceu que, cando ían de camiño, quedaron limpos. E un deles, ao se decatar de que estaba curado, volveu loando a Deus con grandes voces. E prostrándose, rostro en terra, aos pés de Xesús, deulle as grazas. Era un samaritano. Xesús dixo:
—¿Non foron dez os que quedaron limpos? ¿Onde están os outros nove?
E engadiu:
—Érguete e vaite; salvoute a túa fe.
Meditación
Ser persoas agradecidas. Parece, en principio, algo normal, doado de facer e de vivir, pero non o é tanto. Non o foi para aqueles nove leprosos que non volveron onda Xesús, e non o é para nós, que con frecuencia andamos pola vida coa sensación de que todo se nos debe coma un dereito e non coma unha graza que se nos fai. A mesma existencia, a familia que nos criou foi un regalo. As atencións de todo tipo que recibimos na vida (escola, saúde, servizos múltiples) son o froito do esforzo de moita xente anterior a nós que os loitou e posibilitou; o sentirme querido, valorado, integrado en grupos diversos son cousas posibles porque hai outras persoas que me fan sentirme así. E non digamos xa Deus, que é ese dinamismo de vida cara á unión solidaria, cara á liberdade, cara á felicidade, que desde o noso nacemento se fixo presente na nosa vida con vontade de servizo absolutamente gratuíto. Podemos cultivar esa condición humana tan preciosa, que é ser persoa agradecida, afacéndonos cada día, momento a momento, a vivir todo canto vivimos co seu fondo de graza e de regalo, do que son axentes directas moitas das persoas que conviven connosco na vida, por non dicir todas.
Oración
Grazas, meu Deus,por todo canto son e canto teño,cruzado de arriba a abaixo polo gratuíto.Grazas pola auga, polo vento, pola terra, polo sol,grazas pola mantenza diaria,morea de criaturas ao servizo do meu ben.Grazas polos agarimos e tenrurasque tanta xente tantas veces me amosa.Grazas polos dons e calidades que teño,sempre, sempre froito dos servizos e atenciónsde tantísima xente que me precedeu e acompañou na vida.Grazas por ti mesmo, meu Deus,envolto en todo isto,suscitando todo isto do que fuches creador,loitando por facer deste mundoun mundo de dons e agradecementosdo que ningunha persoa quede nunca excluída.
Acción
Hoxe podemos pensar nalgunha persoa á que lle debemos algún favor, algún servizo, para agradecerllo da maneira que consideremos máis expresiva.
14 de novembro: Xoves da 32ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Sab 7, 22—8, 1. Salmo: 118, 89. 90. 91. 130. 135. 175
Ano 2: 1ª lectura: Flm 7-20. Salmo: 145, 7. 8-9a. 9bc-10
Evanxeo: Lc 17, 20-25
Unha vez uns fariseos preguntáronlle a Xesús cando chegaría o reino de Deus, e el respondeulles:
—O reino de Deus chegará sen facerse sentir, de tal xeito que non se dirá: “Velaquí ou velaí está”, porque a verdade é que o reino de Deus xa está entre vós.
E díxolles ás persoas que o acompañaban de cerca:
—Virán tempos nos que cobizaredes pasar un só día co Fillo do Home e non poderedes. E diranvos: “Mirádeo aí ou aquí”, pero vós non vaiades nin corrades detrás. Porque como o lóstrego brilla refulxente dende un extremo ao outro do ceo, así será o Fillo do Home no seu día. Pero antes é preciso que padeza moito e que esta xeración o rexeite.
Meditación
As primeiras xeracións cristiás estaban moi dominadas polo sentimento de que axiña, moi axiña, ía chegar o reino de Deus na forma dunha irrupción poderosa por parte de Deus que amañaría o mundo e inauguraría unha nova época de xustiza e paz. Pouco a pouco fóronse decatando de que as cousas non eran así, e foron chegando ao convencemento simple, pero ben cativador, de que o reino de Deus xa está entre nós, e nós somos, con Deus, quen o facemos presente e quen del podemos gozar. O mundo é tarefa de Deus e máis nosa; e o mesmo a familia na que estamos, o pobo no que vivimos, a comunidade cristiá da que formamos parte, o estado, España, no que estamos integrados, as relacións que mantemos día a día con homes e mulleres diversas,… todo, todo é o espazo do reino de Deus, e ante el temos unha responsabilidade, e dentro desa responsabilidade podemos percibir tamén a Deus mesmo como compaña maior que nos alenta e que nos promete un final feliz, aínda que sexa despois de pasar por loitas e padecementos, como a Xesús mesmo lle pasou.
Oración
Non á angustia que encolle e que destrúee si á paz máis fonda en nós, en ti, meu Deus.Non á desesperación ante o mal que van as cousase si á confianza segura de que para todo hai final feliz.Non aos medos polo que nos pode vir enribae si á tranquilidade de quen se sabe en boas mans.Non ao desinterese e á nugalla (preguiza)e si á implicación humilde na tarefa da vida.Non ao “sálvese quen poida” egoístae si aos soños comunitarios solidarios.Non a un mundo machucado en mans duns poucose si a un mundo coidado, libre para ben de todas as criaturas.No teu nome, meu Deus,coa túa paz, coa túa forza.
Acción
Podemos vivir este día coa conciencia de que, a través do que falamos e facemos, dunha maneira humilde estamos construíndo, ou non, o reino de Deus, os soños de Deus para toda a humanidade.
15 de novembro: Venres da 32ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Sab 13, 1-9. Salmo: 18, 2-3. 4-5
Ano 2: 1ª lectura: 2 Xn 4-9. Salmo: 118, 1. 2. 10. 11. 17. 18
Evanxeo: Lc 17, 26-37
Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban de cerca:
—O que pasou no tempo de Noé pasará tamén no tempo do Fillo do Home. Comían, bebían e casaban, ata o día no que Noé entrou na arca; logo veu o diluvio e acabou con todo o mundo. O mesmo pasou no tempo de Lot: comían, bebían, mercaban, vendían, plantaban, construían; pero cando saíu Lot de Sodoma, choveu lume e xofre do ceo e acabou con todo o mundo. O mesmo pasará cando se manifeste o Fillo do Home.
Aquel día quen estea na azotea e teña as cousas dentro da casa non baixe por elas; e quen estea na leira tampouco non volva atrás. Lembrade o caso da muller de Lot. Quen intente salvar a súa vida, perderaa, e quen a perda salvaraa. Asegúrovos que nesa noite estarán dúas persoas nunha mesma cama; levarán a unha e deixarán a outra; estarán dúas persoas moendo xuntas; levarán a unha e deixarán a outra.
Eles preguntáronlle:
—¿Onde, Señor?
Respondeulles:
—Onde estea o cadáver xuntaranse os voitres.
Meditación
Na Igrexa durante anos, séculos, empuxóusenos a ser boas persoas cristiás coa presión de dous medos: o medo social, o ambiente, o que dirán, que nos levaba a facer o que había que facer máis por temor ca non por convencemento; e o medo interior, sobre todo o medo a vivir e morrer en pecado, cousa que derivaría en condena eterna e en mil castigos eternos. Hoxe estes medos, grazas a Deus, impórtannos moito menos. Podemos quedar aí, liberándonos deses medos e nada máis. Ou podemos liberarnos deses medos e como persoas cristiás ver o que realmente nos constrúe como persoas, como cidadás ou cidadáns, como membros dunha comunidade cristiá; e facer o que fagamos por convencemento. Por suposto que sempre estamos abocados a ese momento final, tanto de cada unha das nosas persoas, como do conxunto do mundo. Forma parte da condición caduca de todo o creado; pero coma crentes nun Deus de vida e non de morte e acabamento, podemos sintonizar con ese momento apostando pola vida limpa, honrada, digna en todo, para nós e para quen nos rodea. Así poderemos chegar ao final da nosa existencia con paz e con esperanza. Daquela comeza unha nova vida, e que vida!
Oración
Cando queiras, meu Deus,peta á miña porta e entra.Pero, que digo?Se estás petando e petando,día si e día tamén!Se o teu é provocar encontros,soster amizades,garantir eternidades.Cando queiras, meu Deus.Acepto ser pouca cousa, caduca,chamada a desaparecer aos ollos deste mundo,pero, grazas a ti, aberta ao inimaxinable,como ante o inimaxinable estáa criaturiña no ventre da súa nai.Cando queiras, meu Deus,sei que, cando iso sexa,estarás aí coas mans abertas,co corazón aberto,como parteira de comunidade eterna,acolléndome no teu colo de Pai maternalno fogar dos amores absolutos.Cando queiras, meu Deus,cando queiras.
Acción
Andamos para arriba e para abaixo, sen concedernos apenas tempos para estar a soas con nos mesmas, simplemente para tomar conciencia da nosa existencia, do que somos, daquilo polo que loitamos, das nosas esperanzas, dos nosos soños. Para tomar conciencia tamén da fonda vinculación que Deus quere establecer connosco. Hoxe podémonos conceder media horiña para contactar co noso propia ser, ante nós, ante Deus.
16 de novembro: Sábado da 32ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Sab 18, 14-16; 19, 6-9. Salmo: 104, 2-3. 36-37. 42-43
Ano 2: 1ª lectura: 3 Xn 5-8. Salmo: 111, 1-2. 3-4. 5-6
Evanxeo: Lc 18, 1-8.
Nunha ocasión Xesús, para ensinarlles ás persoas que o acompañaban de cerca a necesidade de orar sempre, sen cansar, propúxolles esta parábola:
—Había nunha vila un xuíz que nin temía a Deus nin respectaba a xente. Na mesma vila había tamén unha viúva, que acudía a el dicíndolle: “Faime xustiza fronte ao meu adversario”. El durante moito tempo non lle fixo caso ningún, pero despois cavilou:”Aínda que non temo a Deus nin respecto a xente, como esta viúva me está amolando, voulle facer xustiza, para que non me siga toleando toda a vida”.
E o Señor continuou:
—Fixádevos no que di o xuíz inxusto. ¿E logo Deus non lles vai facer xustiza ás persoas que el mesmo elixiu, que chaman por el día e noite?; ¿ou tardará en atendelas? Asegúrovos que lles fará xustiza sen demora. Pero cando chegue o Fillo do Home, ¿el atopará fe sobre a terra?
Meditación
Orar sen cansar. Que non quere dicir importunar e importunar a Deus, ata que, canso de nós, nos acabe dando o que de primeiras se resistía a dar. Iso era o que facía o xuíz inxusto, precisamente porque era inxusto, porque non se doía da debilidade da viúva, porque andaba ao seu e ás súas comenencias. Pero Deus non é así. Deus escoita sen demora, atende sen demora, fai xustiza sen demora, porque non é un xuíz inxusto e desinteresado de nós, senón un Pai maternal que devece máis ca nós mesmas polo noso ben.
Orar sen cansar. Que quere dicir estar co corazón permanentemente aberto ante Deus, dispoñibles a acoller os seus ofrecementos, cunha confianza absoluta en que el si está totalmente da nosa parte, e co seu espírito bo nos quere acompañar en todos os momentos da nosa vida: nos malos momentos dándonos paz e forza para levalos con esperanza, nos bos momentos dándonos serenidade e contento para vivir con agradecemento, en disposición de ser para a demais xente unha persoa atenta e considerada, como Deus o é connosco.
Oración
Non me fan xustiza, meu Deus!,oraba o labrego pobre de Castelao,en representación dun mundo rural castigadoque nin na mesma Igrexa atopaba atención.Non me fan xustiza, meu Deus!,din hoxe os milleiros de persoas refuxiadas,que cruzan África ou Centroaméricana procura de traballo, teito e dignidade.Non me fan xustiza, meu Deus!,rezan hoxe os meniños e meniñas abusadaspor clérigos dominantes, por señores da guerraou polos amigos da trata máis desapiadada.Non me fan xustiza, meu Deus!,berran hoxe con berros colectivospersoas desafiuzadas, vellas, pobres, abandonadas,que deben dobregarse aos intereses do capital.Non me fan xustiza, meu Deus,berra a xente que de nós espera atención e consideracióne atopa en nós portas pechadas,desinterese e abandono.
Acción
É moi posible que coñezamos o caso dalgunha persoa que estea sufrindo algún tipo de soidade, de desamparo, de abuso, de inxustiza. Podemos visitar esa persoa, escoitala, animala, a Deus e acompañándoa no que vexamos oportuno facer.