O Evanxeo de cada día con ollos de aldea

Manuel Regal Ledo

 
19 de novembro: Domingo 33 do tempo ordinario.
 
1ª lectura: Pr 31, 10-13. 19-20. 30-31.  Salmo: 137, 1-2. 3. 4-5.
2ª lectura: 1Tes 5, 1-6.
 
Evanxeo. Mt 25, 14-20.
 
Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos esta parábola:
—“Un home que ía saír de viaxe chamou polos seus criados e entregoulles os seus bens. A un deulle cinco talentos, a outro dous e a outro un; a cadaquén segundo a súa capacidade. Despois marchou.
 
Deseguida, o que recibira cinco talentos foi negociar con eles e gañou outros cinco; do mesmo xeito o que recibira dous gañou outros dous. Pero o que recibira un, foi cavar un burato na terra e escondeu o diñeiro do seu amo.
 
Ao cabo de moito tempo chegou o amor daqueles criados, pedíndolles contas. Achegouse o que recibira cinco talentos e presentou outros cinco, dicindo: “Señor, cinco talentos me entregaches; velaquí outros cinco que gañei.”
 
Díxolle o seu amo: “Moi ben, criado fiel e cumpridor. Xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito. Pasa a gozar da festa do teu amo.”
 
Achegouse o que recibira dous talentos e dixo: “Señor, dous talentos me entregaches; velaquí outros dous que gañei”.
 
Díxolle o seu amo: “Moi ben, criado fiel e cumpridor. Xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito.Pasa a gozar da festa do teu amo.”
 
Achegouse tamén o que recibira un talento e dixo: “Señor, sei moi ben que es un home duro, que segas onde non sementaches e recolles onde non botaches. Como collín medo, fun agachar na terra o teu talento; aquí tes o que é teu.”
 
Pero o seu amor respondeulle: “Criado ruín e lacazán! Con que sabías que segas onde non sementei e recollo onde non botei? Pois deberías ter o meu diñeiro posto no banco, de modo que, ao volver eu, puidese recoller o que é meu cos intereses. Así que quitádelle o talento e dádello ao que ten dez: Porque ao que ten háselle dar e abondo; pero ao que non ten aínda o que ten se lle ha quitar. E ao criado inútil botádeo fóra á escuridade; alí haberá pranto e renxer de dentes.”
 
Meditación
 
Xesús obséquianos cunha nova parábola, a parábola chamada dos talentos. Con ela fainos a invitación para vivir co gozo de sermos colaboradores de Deus. Deus precisa de nós, conta connosco. Deus precisa de nós, pero tamén a sociedade precisa de nós, tamén a comunidade cristiá precisa de nós. Nós mesmos, cada un, cada unha de nós, precisamos de nós mesmos para construír a nosa persoa en paz e ben, en gozo e liberdade, en responsabilidade, en solidariedade. É un ofrecemento e chamada á responsabilidade persoal e comunitaria: hai cousas que dependen de min, da miña comunidade; se non as facemos, algo importante se perde. Encollémonos, anulámonos e contribuímos a que outros o fagan tamén.
 
A responsabilidade é proporcional ás calidades que a vida nos foi dando, que na vida fomos construíndo. Pero por pouco que nos fora dando a vida, por pouco que nós mesmos/as foramos construíndo nas nosas vidas, sempre temos unha contribución importante que facer. Recordamos aqueles versos tan sinxelos, pero tan fondos e verdadeiros tamén, de Díaz Castro: Herba pequerrechiña / que con medo sorrís /ó sol que vai nacendo / e morrendo sen ti, / ¿Por qué de ser pequena / te me avergonzas ti? / ¡O Universo sería / máis pequeno sen ti! Non somos donos absolutos do noso; debémonos. Debémonos a Deus, á comunidade, ao pobo, que vén sendo o mesmo. E debémonos porque, á súa vez, todo o noso é froito tamén de moitas gratuidades que ao longo da vida fomos recibindo de uns e de outros e outras, de Deus, de mil maneiras diferentes que se cadra nin somos capaces de imaxinar, pero que estaría ben que imaxinásemos e agradecésemos. Só así pode nacer en nós a vontade humilde e decidida de poñer o noso gran de area na construción do común, do comunitario, do social, en todo, da man de Xesús, da man de Deus.
 
A tarefa que temos diante na Igrexa e na sociedade é enorme. A sociedade ben vemos como está, como anda. Parece que o capital, o gran capital está facendo estragos na poboación, sobre todo na máis humilde, porque lle interesa máis ganar moito ca ter consideración coas necesidades e dereitos das persoas. Os políticos, algúns deles polo menos, ben vemos como andan, aproveitándose dos seus cargos para facer trampas, para roubar, para facer inxustizas, ignorando as necesidades da xente máis débil. E na Igrexa tamén: o Papa Francisco estanos chamando de mil maneiras a ser unha Igrexa pobre ao servizo de todos, pero especialmente da xente máis pobre; as nosas parroquias, as nosas comunidades andan moi frouxas, moi necesitadas da nosa presenza, dos nosos alentos, do noso traballo humilde e constante, intelixente. Na sociedade e na Igrexa hai labor para todos e todas. Ninguén é inútil. E, se alguén se sente especialmente inútil e pouca cousa, débil, pecador/a, derrotada/o, oxalá na comunidade cristiá atope o seu espazo de acollida, recoñecemento e valoración. En que poderías medrar ti, a túa comunidade, neste camiño de participación e de servizo?
 
Xesús non nos alerta neste caso sobre a preguiza, senón sobre os medos que obstrúen e matan. Claro que podemos deixarnos envolver pola preguiza e andar en comodidade; a colaboración, a participación, sempre esixe esforzos, renunciar ao meu, aos meus ritmos, ás miñas ocupacións, aos meus intereses, e, nalgúns momentos polo menos, darlle lugar ao dos outros, ao da comunidade. Parécenos que na comodidade, preocupándose só do propio, atopamos máis satisfacción, máis gozo. Xesús dinos que non, que o maior gozo atópase no comunitario, na contribución ao comunitario, na vida comunitaria; cando valora a parábola o traballo do que fixera render os dez ou os cinco talentos, acaba dicindo: “pasa a gozar da festa do teu amo”. Meternos no comunitario é o camiño para gozar da festa de Deus, xa nesta terra, no día a día. Vivimos as cousas así, ou andamos aínda arrastras co comunitario, sendo agarrados/as para o servizo e escasos na gozo que del se deriva?
 
Pero a parábola insiste moito nos medos para non actuar. “Collín medo”, é a razón última que dá o que recibira un só talento. Os medos frean, paralizan. Podo ter medo aos mesmos pasos que podo ir dando, se me embarco en cousas comunitarias. Podo ter medo a que a xente me vexa coma persoa crente, enganchada nas cousas de Xesús. Podo ter medo a que o alcalde do pobo tome represalias comigo ou coa miña familia e casa, cos meus intereses, se me significo como contrario ás súas ideas e prácticas. Podo ter medo a que as cousas que pretendemos non saian ben, e sentirnos fracasados. Podo ter medo a perder do meu. Os poderosos, tamén os políticos ás veces, métennos o medo no corpo para que non fagamos nada, para que sigamos aturando as inxustizas: que pasará se lles facemos caso a tales persoas, a tales ideas, a tales propostas. Os medos frean e matan.
 
A celebración eucarística é un espazo para o agradecemento polo servizo que co apoio de Deus facemos, e tamén un lugar onde alimentarnos para vencer os medos e preguizas e facernos máis comunitarios en todo.
 
Preces
 
TÓMAME AO TEU SERVIZO, MEU DEUS
 
Tómame ao teu servizo, ao servizo da túa causa, ao servizo de quen precisa de min para ser algo máis feliz. Por iso oramos.
 
Que saibamos valorar a quen a través da política loita honradamente por facer unha sociedade máis xusta, un mundo máis solidario. Por iso oramos.
 
Comprendendo e apoiando a quen, cansos/as das incoherencias dos políticos, se esforzan por romper o sistema político, para facelo máis aberto ás necesidades reais da xente. Por iso oramos.
 
Que non agachemos as nosas calidades, e nos sintamos orgullosos/as de dar do noso, de darnos de todo, para que se resolvan problemas concretos na casa, na parroquia, no pobo. Por iso oramos.
 
Que saibamos ser humildes colaboradores/as túas, meu Deus, que sabes converter os baleiros en plenitudes, o esforzo en graza, as horas inquedas e amargas en tempos de sementeira esperanzada. Por iso oramos.
 
Oración
 
Son un medroso, unha medrosa, meu Deus,
ben o sabes.
… … …
 
Medo, a que? –disme.
A mesturarte coa debilidade, cos débiles?
A que se poña en interdito a túa ecuanimidade?
A que te chamen –como lle pasou ao meu fillo Xesús—
tolo, comellón, bebedor,
amigo de putas e de ladróns?
A perder a serea abundancia da túa vida aburguesada?
A asumir tarefas que logo che comerán as horas,
as ansias, o sono, se cadra?
A mancharte, a perderte, a non contar, a desaparecer?
A que as túas forzas non dean para tanto?
 
A que tes medo?
Pénsao.
 
Colle os teus medos
e póusaos humildemente, confiadamente
nas mans do teu Deus, nas miñas mans,
nas mans dos teus compañeiros e compañeiras.
 
Ponlles nome,
íspeos,
íspete a ti mesmo, espíndoos a eles.
 
Non te temas como es, verdadeiramente.
Sé limpo, auténtico, humilde.
Non pasa nada!
 
E logo fai cada día
aquilo que sabes e podes facer,
humildemente, confiadamente,
sabéndote prescindible,
pero necesario.
 
Contribúe co teu granciño de area
a esta tarefa marabillosa que traemos entre mans
de facerte fillo, filla,
de facerte irmán, irmá.
Acción
 
Hoxe –sos ou mellor en grupo—podiamos xuntarnos para falar dos medos que nos están freando no momento presente, cara ao que na comunidade parroquial ou na sociedade en xeral poderiamos facer. Compartilos, analizalos con vontade de non deixarnos comer por eles, pódenos axudar moito.
 
 
20 de novembro: Luns da 33ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: 1 Mac 1, 10-15. 41-43. 54-57. 62-64. Salmo: 118, 53. 61. 134. 150. 155. 158
Ano 2: 1ª lectura: Ap 1, 1-4; 2, 1-5a. Salmo: 1, 1-2. 3. 4 e 6
 
Evanxeo: Lc 18, 35-43
 
Unha vez en que Xesús chegaba a Iericó, estaba un cego sentado á beira do camiño, pedindo. Oíndo o barullo da xente que pasaba, preguntou que era aquilo. Dixéronlle: “Está pasando Xesús de Nazaré.
 
El empezou a berrar:
—Xesús, fillo de David, compadécete de min!
 
As persoas que ían diante empezaron a rifarlle, para que calase, pero el aínda berraba máis alto:
—Fillo de David, compadécete de min!
 
Xesús parou e mandou que llo levasen. Cando se achegou, preguntoulle:
—¿Qué queres que che faga?
 
El respondeu:
—Señor, que volva ver.
 
Xesús díxolle:
—Recobra a vista, salvoute a túa fe.
 
E no instante recobrou a vista e foi detrás de Xesús loando a Deus. E todo o pobo, vendo aquilo, loaba tamén a Deus.
 
Meditación
 
Hai pouco, no domingo 30, ofrecéusenos este mesmo relato na versión do evanxelista Marcos. Hoxe é Lucas quen nolo conta. E Lucas ofrece algúns detalles particulares que podemos subliñar e aproveitar. O cego oe e rebumbio e pregunta que é aquilo. É importante este preguntar, este querer saber, que o podemos aplicar a moitas cousas da nosa vida: que pasa aquí, en min, na familia, na sociedade. Hai xente que lle informa: é que pasa Xesús de Nazaré; tamén é ben importante que as persoas que vivimos algo o de Xesús o saibamos anunciar, compartir con todas as persoas, maiormente con quen ande castigada pola vida. Lucas, moi amigo el de alegrías e loanzas, conclúe dicindo que o cego, xa coa vista recuperada, segue a Xesús loando a Deus, e que esa súa loanza contaxia a toda a xente que o rodea. Invítanos á ledicia, a celebrar as cousas boas que a vida nos vaia ofrecendo, a contaxiar optimismo, a recoñecer a Deus como fonte e dador de todo ben na vida. Todo o que saiba a doerse, a solidarizarse, a colaborar unhas persoas polo ben doutras, leva no seu cerne o sinal e a presenza de Deus.
 
Oración
 
Grazas pola túa misericordia, Xesús!
Grazas por doerte da xente con doenzas,
por facer teus os nosos mesmos sufrimentos.
Grazas por implicarte no mal alleo
e por poñer todo o teu empeño en superalo.
Grazas porque non es inxenuo
e entendes que o mal ten raíces fondas,
que van máis alá dunha desgraza inoportuna.
Grazas, Xesús, porque valéndolle a unha persoa
cuestionas un sistema relixioso indiferente.
Grazas porque apostas polas persoas vulnerables
e espertas nelas capacidades insospeitadas de recuperación.
Grazas porque ao teu redor
vólvense novas todas as cousas
e a ledicia e os ánimos enchen os nosos corazóns.
Acción
 
Podemos implicarnos como persoas cristiás en calquera acción solidaria a favor de xente enferma que haxa no noso entorno ou tamén polo mundo adiante (Medicus mundi, ou outras ONGs)
 
 
21 de novembro: Martes da 33ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: 2 Mac 6, 18-31. Salmo: 3, 2-3. 4-5. 6-7
Ano 2: 1ª lectura: Ap 3, 1-6. 14-22. Salmo: 14, 2-3a. 3bc-4ab. 5
 
Evanxeo: Lc 19, 1-10
 
Un día chegou Xesús a Iericó e pasaba atravesando a cidade. Había alí un home chamado Zaqueo, xefe dos recadadores de impostos e moi rico, que intentaba ver quen era Xesús, pero impedíallo a xente, porque el era pequeneiro. Entón botou a correr e subiu a unha figueira para velo, porque Xesús ía pasar por alí. Ao pasar Xesús por aquel lugar, levantou a vista e díxolle:
—Zaqueo, baixa de contado, que hoxe teño que parar na túa casa.
 
El baixou deseguida e acolleuno moi contento. Pero, vendo aquilo, a xente empezou a murmurar:
—Entrou a se hospedar na casa dun pecador.
 
Zaqueo, posto de pé, díxolle ao Señor.
—Señor, darei a metade de todo canto teño á xente empobrecida e, se algo roubei a alguén, devolvereille catro veces máis.
 
Entón Xesús dixo:
—Hoxe chegou a salvación a esta casa, pois tamén este é fillo de Abraham. Porque o Fillo do Home veu buscar e salvar o que estaba perdido.
 
Meditación
 
Lucas é o único evanxelista que nos conta este relato de Zaqueo. E ben que llo podemos agradecer. Sucede a cousa dentro desa viaxe que Xesús está facendo de Galilea a Xerusalén para participar na pascua xudía, onde se ía ver as caras co núcleo duro do xudaísmo, co que Xesús mantiña fondas diferenzas. Acabaríano matando. O relato de hoxe pon en evidencia, precisamente, unha desas fondas diferenzas. No caso de Zaqueo, os ollos da relixión oficial non vían máis ca un delito por parte de Xesús, polo feito de intimar cunha persoa pecadora; pois os recadadores de impostos tiñan esa fama, por formar parte da administración romana e por abusar da xente. En cambio Xesús posibilita un proceso en Zaqueo, que o leva a refacer a súa vida. Había un algo en Zaqueo, unha inquietude, unha busca, que Xesús soubo adiviñar e acompañar, para buscar e salvar o que estaba perdido. Podémonos fixar nos pasos que vai dando Zaqueo: inquedanza, busca, subir á figueira, aceptar con gusto a proposta de Xesús, deixarse cuestionar por el, refacer a súa vida rotundamente… Podémonos fixar na actitude de Xesús: decatarse da presenza, adiviñar mundos interiores, saltar a lei facéndose invitar por el, compartir co pecador, festexar o encontro… Isto si que son cousas da nova evanxelización que tanto hoxe precisamos!
 
Oración
 
Buscarte, Xesús,
oír de ti e quererte ver.
Aínda sabendo que non son merecente
de mirarche á cara,
de poñer o meu corazón a carón do teu.
Buscarte, Xesús,
subindo a calquera figueira,
botando man de calquera medio
que me leve a verme contigo.
Buscarte, Xesús,
e gozar sabendo que ti gozas
entrando na miña casa, na miña vida,
alternando comigo,
abríndome o teu corazón
para que nel entre o meu corazón desasosegado.
Buscarte, Xesús,
deixarme tocar por ti,
renovar por ti,
volvendo os meus cartos á xente empobrecida
pola miña causa.
Buscarte, Xesús,
e festexar ese encontro
coas alegrías da xente amada e reconciliada.
 
Acción
 
Podemos pensar que somos Zaqueo, e buscar hoxe un momento de encontro con Xesús, como Zaqueo o fixo. Podemos pensar que en algo somos Xesús, e, cando se nos terce relacionarnos con algunha persoa que poida ter mala fama, facelo co espírito con que Xesús tratou a Zaqueo.
 
 
22 de novembro: Mércores da 33ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: 2 Mac 7, 1. 20-31. Salmo: 16, 1. 5-6. 8b e 15.
Ano 2: 1ª lectura: Ap 4, 1-11. Salmo: 150, 1-2. 3-4. 5-6
 
Evanxeo: Lc 19, 11-28
 
Unha vez propúxolle Xesús á xente unha parábola, porque estaba preto de Xerusalén e a xente pensaba que o Reino de Deus ía aparecer de contado. Díxolles:
—Un home nobre marchou a un país distante para ser coroado rei e despois volver. Chamou por dez dos seus criados, repartiulles dez onzas de ouro e encargoulles: “Negociade ata que volva”. Pero os seus súbditos, que o odiaban, mandaron tras del unha embaixada dicindo: “Non queremos que este sexa o noso rei”.
 
Cando volveu xa coroado rei, mando chamar polos criados aqueles, aos que lles dera as onzas de ouro, para saber canto gañara cada un. Presentouse o primeiro e dixo: “Señor, a túa onza produciu outras dez”. El contestoulle: “Ben, criado cumpridor; xa que fuches fiel en cousa pequena, gobernarás en dez cidades”. Chegou o segundo e dixo: “A túa onza, Señor, produciu outras cinco”. Contestoulle tamén a este: “Ti tamén serás gobernador de cinco cidades”.
 
E chegou outro, dicindo: “Señor, aquí tes a túa onza; tíñaa gardada nun paniño, pois sabía que eras home esixente, que colles o que non pos e seituras o que non sementas”. El contestoulle: “As túas palabras condénante, criado inútil. Así que ti sabías que son home esixente, que collo o que non poño e seituro o que non semento. Pois logo ¿por qué non deixaches os meus cartos nun banco? Así ao chegar, eu podería recoller os intereses”. E díxolles aos presentes: “Quitádelle a onza e dádella ao que ten dez”. Eles replicaron: “Señor, ese xa ten dez onzas!” El seguiu: “Asegúrovos que a todo o que ten háselle dar; pero ao que non ten, aínda o que ten se lle ha de quitar. E a todos eses meus inimigos, que non me querían por rei traédeos aquí e degoládeos na miña presenza”.
 
E dito isto, botou a andar diante deles camiños de Xerusalén.
 
Meditación
 
Unha parábola forte, que mesmo bota para atrás. Quizabes froito do momento de tensión que Xesús viviu cando se achegaba a Xerusalén, onde había atopar unha forte oposición dos poderes xudeus. Unha parábola que nos axuda a situarnos no tempo presente, un tempo de construción na vida, na historia, dos soños de Deus, que Xesús puxo ao noso dispor; un tempo no que tamén contemplamos como moita xente rexeita a proposta de Xesús. Unha vez máis témolo que percibir así: o evanxeo non é para meter medo. En todo caso, axúdanos a decatarnos de que os soños de Deus para a humanidade pasan polas nosas mans fráxiles, trementes, pero capaces, grazas ao mesmo Deus, de ir facendo que a inxustiza se faga xustiza, que a indiferenza se faga solidariedade, que o abuso do débil se converta en fraternidade real. E non vale engruñarse, por medo, por desconfiar das nosas propias capacidades. Perdémonos nós e pérdense, se cadra, as persoas que do noso bo facer poidan depender. Ao final, con todo, o que nos agarda é sempre, sempre, un Deus de misericordia, que sabe compensar as nosas fraxilidades.
 
Oración
 
Se tes dez,
pon dez enriba da mesa da vida,
non te aforres inutilmente.
Se tes cinco,
pon cinco fiándote de ti mesmo,
fiándote do Deus que de ti terma.
Se tes un, ou medio, ou case nada,
que non te encollan os medos
nin a túa mesma insignificancia:
tamén ti es necesario
para os soños de Deus sobre este mundo.
Busca, traballa, pon esforzo,
remove ceo e terra con empeño,
e confía,
sobre todo confía:
nin un vasiño de auga dado con amor
quedará sen recompensa,
ao xeito inimaxinable de Deus.
Acción
 
¿Vémonos con algunha calidade persoal ou comunitaria que estamos agochando por calquera medo, por calquera outra razón? Xa sabemos a que nos invita o Evanxeo de hoxe.
 
 
23 de novembro: Xoves da 33ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: 1 Mac 2, 15-29. Salmo: 49, 1-2. 5-6. 14-15
Ano 2: 1ª lectura: Ap 5, 1-10. Salmo: 149, 1-2. 3-4. 5-6a e 9b
 
Evanxeo: Lc 19, 41-44
 
Daquela, cando Xesús se achegou a Xerusalén e viu a cidade, chorou sobre ela e dixo:
—Ai, se ti tamén coñeceses neste día o que che podía traer paz! Pero os teus ollos non o dan visto. E virán días nos que os teus inimigos te rodearán de trincheiras; asediarante e apertarante por todas partes. Esnaquizarante contra o chan a ti e máis os teus fillos, non deixarán en ti pedra sobre pedra, por non recoñeceres a oportunidade de cando te visitaron.
 
Meditación
 
Este pedaciño de evanxeo recolle e xunta, moi posiblemente, por unha banda a vivencia dolorosa de Xesús chegando a Xerusalén e ventando o rexeite que alí había recibir por parte das autoridades relixiosas, e pola outra o sucedido máis de trinta anos despois, cando a cidade foi asediada e derruída polo exército romano. Non sabemos o que lle houbese pasado ao pobo xudeu cos romanos, se houbesen acollido a proposta fondamente pacificadora de Xesús. Sabemos, desde logo, que as persoas serían outras, que a sociedade funcionaría doutra maneira, que a xente máis débil estaría sempre no centro, que a relixión empregaríase para integrar a xente e envolvela en trazos de dignidade. O evanxeo invítanos hoxe a que non ignoremos nin desaproveitemos o paso de Deus, de Xesús, polas nosas vidas. Pois segue vindo, segue pasando, séguenos ofertando paz verdadeira, segue empuxando cara a unha convivencia fondamente fraterna, co que isto significa no diario vivir en aldeas e cidades. Que mágoa, se tamén nós pasamos de Xesús, pasamos de Deus!
 
Oración
 
Ensínanos a chorar, Xesús!
Chorar por nós mesmos,
polas nosa mesma indiferenza ante ti,
ante as túas propostas renovadoras.
Chorar pola nosa Igrexa,
polas nosas comunidades cristiás,
tan frouxas e arredadas dos teus soños.
Chorar polo pobo,
pola xente máis empobrecida do pobo,
que descoñece amparos e acompañamentos,
que tanto sabe de duras frustracións.
Ensínanos a chorar, Xesús,
con bágoas que amolezan os propios corazóns,
e lles abran as portas
cara a unha convivencia inocente, solidaria
no teu nome,
no nome do teu Deus,
do noso Deus.
Acción
 
Os medios de comunicación asómannos diariamente a moitas situacións inhumanas, incluso na mesma Igrexa. ¿Cómo reaccionamos? ¿Dóennos esas cousas? ¿Lévannos a implicarnos ou soamente a criticar o que outra xente fai mal?
 
 
24 de novembro: Venres da 33ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: 1 Mac 4, 36-37. 52-59. Salmo: 1 Cro 29, 10. 11abc. 11d-12a. 12bcd
Ano 2: 1ª lectura: Ap 10, 8-11. Salmo: 118, 14. 24. 72. 103. 111. 131
 
Evanxeo: Lc 19, 45-48
 
Cando Xesús chegou a Xerusalén, entrou no templo e empezou a botar fóra os tendeiros, dicíndolles:
—Está escrito: “A miña casa ha ser casa de oración”; pero vós convertéstela en “cova de bandidos”.
 
Ensinaba todos os días no templo. Daquela xa os sumos sacerdotes, os letrados e máis os notables do pobo buscaban o xeito de acabaren con el, pero non vían como facelo, porque todo o pobo estaba moi atento ao que dicía.
 
Meditación
 
O templo, calquera templo, tanto o de Xerusalén daqueles tempos, coma os nosos de hoxe, deberían ser espazos onde a xente crente –e non crente— se sentise obsequiada mediante palabras, silencios, signos, co regalo dun Deus próximo, amante, gratuíto, que nos comprende e nos quere acompañar na vida de cada día. Xesús indignouse porque as cousas non eran así; armou aquel espavento e dixo aquelas palabras que explicaban o seu feito. A casa do encontro estábase convertendo na casa do non encontro, por mor dos intereses dun clero que facía do templo o niño do seu poder. Xesús atendía o pobo, que atopaba nel o que non atopaba nos responsables do templo. Os xerifaltes deciden acabar con el. ¿Onde nos situamos nós? ¿De aprendices de Xesús, dese Xesús que non condescende coas trampas nas que pode caer a relixión? ¿De aprendices dese Deus simple e total, que se nos amosa nos signos e ritos relixiosos, pero que tamén pode ser traizoado e ridiculaizado por eles? ¿De aprendices deses xefes relixiosos que atopan na relixión un lugar de poder e de dominio sobre o corpo e a alma da xente, e defenden ese poder con calquera tipo de medidas? ¿De aprendices de quen oe as cousas que se lle poñen diante, recapacita e reordena a súa vida?
 
Oración
 
O meu corazón, o meu corpo,
a miña mente, todo o meu ser,
son o teu templo, meu Deus.
E podo facer del
unha casa de pregaria,
de encontros apaixonados,
transformadores,
un simplemente unha casa de negocio,
onde falar contigo
de méritos e esixencias,
de premios e castigos,
de min, por min, para min.
E o que viva no meu ser
vivireino tamén nos innumerables templos da vida
que son cada persoa que me atope.
Por iso, Xesús,
colle a xostra
e bota do meu corazón
a todos os tendeiros.
Acción
 
¿Observamos na nosa parroquia, ou en calquera templo ao que acudamos, algunha práctica relixiosa que non nos parece apropiada, porque nos soa tamén a negocio? ¿Poderiamos facer algo por axudar a corrixir iso, por exemplo, falando coas persoas responsables ou mandándolles algún escrito coa nosa opinión razoada?
 
 
25 de novembro: Sábado da 33ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: 1 Mac 6, 1-13. Salmo: 9, 2-3. 4 e 6. 16b e 19
Ano 2: 1ª lectura: Ap 11, 4-12. Salmo: 143, 1. 2. 9-10.
 
Evanxeo: Lc 20, 27-40.
 
Un día achegáronse a Xesús algúns saduceos, que negan que haxa resurrección, e preguntáronlle:
—Mestre, Moisés deixou escrito: “Se lle morre a alguén seu irmán sen deixar fillos, que case coa viúva de seu irmán, para lle dar descendencia”. Pois unha vez había sete irmáns. O primeiro casou e morreu sen fillos. Despois casou con ela o segundo, e logo o terceiro, e así os sete foron casando coa viúva, e morreron todos sen deixar fillos. Ao cabo morreu tamén a muller. Pois ben, cando resuciten, ¿de cal deles vai ser a muller, se estivo casada cos sete?
 
Xesús contestoulle:
—Neste mundo os homes e máis as mulleres casan entre si, pero as persoas que sexan dignas da vida futura e da resurrección de entre os mortos non casarán, nin eles nin elas, pois non poden morrer. Son coma anxos e son fillos ou fillas de Deus por naceren na resurrección. E que resucitan os mortos ben o deixou indicado Moisés no episodio da silveira, cando chamou ao Señor “o Deus de Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Xacobe”. E Deus non é un Deus de mortos, senón de vivos, para el toda a xente está viva.
 
E nisto algúns dos letrados dixéronlle:
—Ben falado, mestre.
 
E xa non se atrevían a preguntarlle máis nada.
 
Meditación
 
Do que será a vida no máis alá non podemos imaxinar case nada. Por moito que se nos anuncien glorias ou condenas pintadas de mil maneiras, o certo é que é ben pouco o que podemos afirmar; e son cousas máis de crer que de asegurar. Iso si, o que aseguramos pola fe son poucas cousas, pero ben cheas de esperanza.
 
As persoas cristiás cremos que despois da morte todo o mundo resucita nas mans dun Deus de vida, amante da vida; cremos tamén que, á luz clarificadora dun Deus amor, a nosa existencia eterna refarase na unión, na compenetración total; e cremos tamén que carecerá de sentido todo criterio posesivo, sexa cal sexa, incluíndo, xaora, o de pretender que a muller sexa a “miña” muller. O amor en anacos particulares, que igual nos serve para unha vida tamén en anacos como é a presente, non vale para o eterno en Deus, onde todo será de todos e todas, para gloria do Deus da vida total.
 
Oración
 
Grazas, Xesús,
polo Deus da vida que nos anuncias.
Deus de vida,
potente para creala,
para dala,
para compartila,
para aumentala.
Deus de vida,
potente tamén para coidar a vida,
para sandala,
para restituíla,
para fortalecela.
Deus de vida
neste tempo fráxil que nos envolve
e no tempo sen tempo que nos agarda.
Deus de vida
que en vida é sempre gratuíto.
¿Quen podería pagar, merecer, reivindicar
o don marabilloso da vida?
Grazas, Xesús,
polo Deus da vida que nos aseguras.
Acción
 
Podemos e debemos apostar pola vida contra a morte. En moitas ocasións diariamente apostamos pola vida. Podemos facelo hoxe dunha maneira expresa sobre todo con persoas ou grupos sociais que leven, ou levemos, enriba algún sinal de morte ou apagamento. ¿En que podemos facer consistir esa aposta?
 
 

Accede á revista

Encrucilla 233

Xa es subscritor/a?