O Evanxeo de cada día con ollos de aldea

Manuel Regal Ledo

24 de novembro: Domingo 34º do Tempo Ordinario, festa de Cristo Rei
 
1ª lectura: Dn 7, 13-14. Salmo. 92, 1ab. 1c-2. 5
2ª lectura: Ap 1, 5-8
 
Evanxeo: Xn 18, 33b-37
 
Naquel tempo díxolle Pilato a Xesús:
—¿Es ti o rei dos xudeus?
 
Xesús respondeu:
—¿Dilo ti pola túa conta ou dixéroncho outros de min?
 
Pilato replicou:
–¿E logo son eu xudeu? A túa xente e os sumos sacerdotes entregáronte a min: ¿Qué fixeches?
 
Xesús contestoulle:
—O meu reino non é deste mundo; se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían para que ninguén me entregase aos xudeus; pero o meu reino non é de aquí.
 
Díxolle entón Pilato:
—¿Logo ti es rei?
 
Xesús respondeu:
—Tal como o estás dicindo, eu son rei: para iso nacín e para iso vin ao mundo, para dar testemuño da verdade; todo o que está aberto á verdade, escoita a miña voz.
 
Meditación
 
Pechamos con esta festa de Cristo Rei o ano litúrxico, que se iniciará de novo o domingo que vén coa entrada do Advento. A festa de Cristo Rei é unha festa relativamente recente dentro da liturxia católica; foi instituída polo Papa Pío XI no ano 1925, cando se conmemoraba o XV centenario do Concilio Ecuménico de Nicea, concilio no que entre outras cousas se engadiron ao Credo Apostólico as palabras “… e o seu reino non terá fin”. A festa, logo, foi instituída para celebrar este reinado e a persoa que o realiza, que é Xesús. Seguramente a moita xente de hoxe nos resulte un pouco estraña esta festa, ao estar vinculada a un título que á súa vez representa un modelo de goberno máis ou menos absoluto, non democrático, por máis que as realezas de hoxe xa non son o que foron, na maioría dos casos. Nos tempos de Xesús non había democracia, había reis, emperadores, tiranos, etc.; Xesús non falou de democracia, pero si falou de que entre os seus seguidores seguidoras, na comunidade de vida que el creaba como adianto xa, no posible, do reinado e Deus, as relacións entre as persoas non podían ser relacións de poder, de mando, de tiranías de ningún tipo. O que queira ser o primeiro, que se faga o último e servidor de todos (cf. Mt 20,26); “vós sodes todos irmáns” (Mt 23, 8b). Por suposto, que nunca Xesús se deu a si mesmo o título de rei, e tampouco foi ese un título co que os seus seguidores e simpatizantes se referisen a el.
 
O relato do evanxeo de Xoán que hoxe lemos pódenos axudar a aclararnos con ese título de rei aplicado a Xesús. Ante as insistencias de Pilato, Xesús afirma rotundamente que o seu reino non é deste mundo; é dicir, a súa forza de atracción, de arrastre, a súa capacidade de liderado, as relacións que establece con quen o segue en comunidade, as posibilidades que ten de dar vida e porvir a quen con el faga vida, as súas maneiras de exercer a autoridade, o seu coidado polo pobo que o acompaña, etc., non ten nada que ver coas persoas quenormalmente realizan todas esas funcións entre nosoutros/as. E para entender,
 
logo, como e cales son as formas que Xesús ten de liderar unha comunidade, temos necesariamente que mirar para as cousas que os evanxeos nos contan de Xesús.
 
Para Xesús, está claro, iso de ser rei era algo sentido e vivido dunha maneira completamente nova, que el deixou perfectamente aclarada cando dicía cousas coma que el viñera a servir e non a ser servido, ou que el viñera para dar a súa vida polo ben de todos/as. Ou coma cando colle o cacharro con auga e se pon a lavarlle os pés a quen o acompañaba. É rei dunha maneira tan nova, creativa e revolucionaria, que paga a pena chamarlle rei, aínda que soamente sexa para ver o contraste, a diferenza. E para gozarse con ela. E para aprender a relacionarnos dentro da familia, dentro da comunidade, dentro da sociedade. E para revisar as maneiras como facemos diariamente Igrexa, sobre todo as persoas que teñen autoridade dentro dela.
 
Ao final deste relato de Xoán, a realeza de Xesús queda vinculada coa verdade. O seu reinado queda convertido nunha capacidade, nunha disposición de dar testemuño da verdade. Qué é a verdade?, preguntaríalle tamén Pilato. Si, que é a verdade, da que Xesús se di testemuña. A verdade é o que constrúe axeitadamente o noso ser, as nosas relacións, o sentido da nosa existencia, o sentido do que cada día facemos, das cousas polas que loitamos. A verdade é a que dá sentido as nosas bágoas e ás nosas risas, ás nosas apertas, aos nosos compromisos, á nosa militancia política. Cristo maniféstalle plenamente o home ao home (a muller á muller) (Vaticano II), descóbrelles ao home e á muller a grandeza da súa vocación.
 
A festa de Cristo Rei é unha festa de contemplación de Xesús, de agradecemento pola súa maneira revolucionaria de ser persoa, de gozo por sabernos irmandados a fondo coa súa persoa, de seguridade, porque temos o camiño aberto e andado, de compromiso, para que cada un de nós sexamos tamén un pequeno e humilde reflexo deste Xesús marabilloso que diariamente preside as nosas vidas e a vida das nosas comunidades.
 
Preces
 
GLORIA E LOANZA A XESÚS,
QUE SE FIXO REI NA CRUZ
 
Grazas por todos os teus servizos, Xesús; polo servizo da túa vida valente ata morrer na cruz por facerlle fronte a poderes opresores. Loámoste xuntos/as.
 
Grazas pola desmedida do teu amor a toda a xente, sobre todo á máis débil, da que te fixeches servidor entregado. Loámoste xuntos/as.
 
Grazas por aprendernos a facer comunidade e sociedade dunha forma nova, que revoluciona as ideas e as prácticas de quen a ti se achega. Loámoste xuntos/as. Loámoste polo teu liderado entrañable, co que nos sabes ir levando a unha participación responsable e gozosa na vida e nas tarefas da fraternidade. Loámoste xuntos/as.
 
Grazas por seres infinitamente bo, santo, humilde, valente, servidor, amigo, irmán, comprensivo, perdoador, alentador, renovador. Loámoste xuntos/as.
 
Grazas polas persoas que, en horas violencia internacional sufrida ou cometida, seguen apostando polo entendemento, pola paz dentro da xustiza. Loámoste xuntos/as.
 
Oración
 
Cara a cara,
ante ti, Xesús, cara a cara.
 
Coma Pilato,
pero máis aberto a ti do que Pilato;
moito máis,
porque xa temos gustado contigo
o agarimo co que miras e acompañas,
o vigor da túa palabra alentadora,
o teu perdón, a túa paz,
o gozo de estrear camiños e de andalos contigo.
 
Cara a cara,
ante ti, Xesús, cara a cara.
 
Deixando que a miña vida se ilumine coa túa,
permitíndoche unha vez máis
abrir a porta e entrar,
permitíndoche que o revolvas todo,
que o descoloques todo,
que o airees todo.
Fiado en ti,
no que me queres,
tamén no que te quero (humildemente).
 
Cara a cara,
ante ti, Xesús, cara a cara.
 
Gozando con que sexas o meu rei
(meu rei, miña prenda, meu amor!),
dándoche a man
para que me leves a onde queiras,
disposto(a) a todo.
 
Desexando que me aprendas
a estar cos demais e a servir,
a achegarme aos débiles para bicarlle as chagas,
para vendarllas,
para curarllas.
 
Cara a cara,
anti ti, Xesús, cara a cara.
 
Véndote comigo a cada hora,
todo o día,
na oración da mañá,
na xuntanza da noite,
no pleno municipal,
nos berros da folga,
véndote comigo sen perder unha.
 
Cara a cara,
ante ti, Xesús, cara a cara.
Sempre.
 
Acción
 
Rematamos o ano litúrxico. O domingo que vén co Advento empezamos un novo no litúrxico. Igual é momento de revisar algo como foi a nosa participación persoal nas celebracións da comunidade cristiá. Igual é tamén momento de revisar como se están desenvolvendo as nosas celebracións: escasas ou nutridas, apagadas ou vivas, conectadas co que se vive ou non, mobilizadoras para a vida ou non….E sacar consecuencias.
 

 
25 de novembro: Luns da 34ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Dn 1, 1-6. 8-20. Salmo: Dn 3, 52. 53. 54. 55. 56
Ano 2: 1ª lectura: Ap 14, 1-3. 4b-5. Salmo: 23, 1-2. 3-4ab. 5-6
 
Evanxeo: Lc 21, 1-4
 
Nunha ocasión Xesús ergueu a vista e viu uns ricos que botaban os seus donativos na boeta do tesouro. E viu tamén unha viúva moi pobre, que botaba unha pouca cousa. Entón dixo:
 
—Asegúrovos unha cousa: esta pobre viúva botou máis ca todos. Porque todos estes botaron do que lles sobra, pera ela na súa pobreza botou canto tiña para vivir.
 
Meditación
 
Este evanxeo, tan curto el tamén en palabras, quere ser en si mesmo como un símbolo da importancia, do valor de todo o curto, de todo o pequeno nas nosas vidas, cando o sabemos encher de corazón, de vida. En realidade a vida está toda ela composta de pequenísimas achegas que, sumadas unhas ás outras, fan posible moitas grandes cousas. A moeda insignificante da viúva desvalida e pobre podémola converter nunha palabra amable de ánimo, ou nunha breve conversa coa que envolvemos en tenrura a unha persoa algo desalentada, ou nunha visita a unha persoa enferma, ou no acompañamento a aquel par de velliñas que envellecen soas na aldea, ou no sinxelo servizo de voluntariado en tal institucións benéfica, ou en apoiar coa miña firma, coa miña presenza a unha asociación veciñal, a un partido político que considero que está do lado tamén da xente máis pequena etc. Estas cousas, na medida en que lles damos entrada nas nosas vidas e as enchemos de afecto gratuíto, son a máis grande revolución da vida, o que permite que a esperanza se multiplique ao noso redor cada día.
 
Oración
 
Grazas, meu Deus,
por todas as cousas pequenas
que a xente máis pequena é capaz de facer,
buscando vida para a familia,
para a comunidade, para o pobo.
Grazas porque grazas a ti
aprendemos a valorar o pequeno
e a facer do pequeno
a forza que move o mundo.
Grazas polo gran pequeno
que foi Xesús,
que tanto nos abriu os ollos
para descubrirmos no pequeno
o camiño que leva
á maior verdade,
á maior paz,
á maior revolución.
Grazas, meu Deus!
 
Acción
 
Podémonos esforzar hoxe por estar atentas ás pequenas cousas coas que facer máis agradable a vida á xente que nos rodea. Fixámonos nas cousas que nos fan a nós e tamén nas que nós facemos ou podemos facer a outras persoas.
 

 
26 de novefmbro: Martes da 34ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Dn 2, 31-45. Salmo: Dn 3, 57. 58. 59. 60. 61
Ano 2: 1ª lectura: Ap 14, 14-19. Salmo: 95, 10. 11-12. 13.
 
Evanxeo: Lc 21, 5-11
 
Nunha ocasión comentaban algunhas persoas a fermosa cantería con que estaba construído o templo e os exvotos que o adornaban. Pero Xesús díxolles:
—Todo isto que estades a contemplar, días virán nos que o derrubarán ata que non quede pedra sobre pedra.
 
Eles preguntáronlle:
—Mestre, ¿cando van pasar estas cousas? ¿Cal será o signo de que van suceder?
 
El díxolles:
—Andade con coidado, para que ninguén vos engane. Porque ha vir moita xente no meu nome, dicindo: “son eu” e tamén “está a chegar o momento”, pero non sigades a esas persoas. Cando oiades falar de guerras e desordes, non vos asustedes, porque iso ten certamente que acontecer primeiro, pero aínda non será a fin.
 
Entón díxolles:
—Erguerase pobo contra pobo, reino contra reino; haberá grandes terremotos, pestes e fames en diversos lugares, cousas espantosas e grandes sinais no ceo.
 
Meditación
 
A historia, a vida, o bo sentido cristián foinos apartando desa especie de obsesión pola fin do mundo na que viviron moitas xeracións de persoas crentes e non crentes. Preocúpanos o mundo, o seu presente e a súa posible fin, porque entendemos que nós mesmos, e non a suposta ira de Deus, o podemos destruír cos nosos comportamentos egoístas, irresponsables. Polo demais, todos vemos cómo cousas, edificios, institucións, que noutros tempos tiveron moito brillo, están agora desaparecendo, empezando por moitos mosteiros, institutos relixiosos, obras de relixión. Estamos vendo tamén como, para moita xente polo menos, para moitos países, están pasando cousas espantosas, que lles afogan a vida. O que permanece e permanecerá, o que ten solidez indestrutible, máis aló de calquera desgraza ou acontecemento negativo, o que lle dará sentido e futuro a calquera situación, por moura e fatal que sexa, é o amor, a solidariedade, a decisión compartida de andarmos con afán unhas persoas velando polo ben das outras, polo ben de todo o mundo. Isto non pasará. Isto é Deus.
 
Oración
 
Que bo que nos aprendas, meu Deus,
a temer,
pero non a ti,
que es todo solicitude servidora!
Que bo que nos aprendas, meu Deus,
a coidarnos,
pero non de ti,
que tes oficio de coidador universal!
Que bo que nos aprendas, meu Deus,
a velar por nós,
a coidarnos a nós,
para que nunca o afán de riqueza
nos peche no egoísmo sen solidariedade,
para que nunca a ansia de dominio
nos leve a desfacer o mundo,
esta casa común que nos deches!
Que bo que esteas ao noso lado, meu Deus,
educándonos para a vida grande e feliz!
Aquí estou meu, Deus,
quero aprender de ti.
 
Acción
 
Unha maneira de coidar a vida, de coidar o mundo, é saber como van as cousas do mundo. Podiamos hoxe dedicar algún tempo a saber do mundo, das situacións dolorosa dalgúns pobos, dalgunha xente emigrante ou refuxiada que ande preto de nós. Coñecer de cerca axudaranos a ser xente máis solidaria.
 

 
27 de novembro: Mércores da 34ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Dn 5, 1-6. 13-14. 16-17. 23-28. Salmo: 3, 62. 63. 64. 65. 66. 67
Ano 2: 1ª lectura: Ap 15, 1-4. Salmo: 97, 1. 2-3ab. 7-8. 9
 
Evanxeo: Lc 21, 12-19
 
Nunha ocasión díxolle Xesús ás persoas que andaban canda el:
—Botaranse sobre vós e perseguiranvos; levaranvos ás sinagogas e á cadea, ante reis e gobernadores por causa miña; así teredes a oportunidade de dar testemuño. Metede ben na cabeza que non tedes que preocuparvos pola vosa defensa, pois eu heivos dar unhas palabras e unha sabedoría que non poderán resistir nin replicar os vosos adversarios. Hanvos entregar os vosos mesmos pais, irmáns, parentes e amigos. Mataranvos a algúns de vós e aborreceravos todo o mundo por causa miña, pero nin un pelo da vosa cabeza se perderá. Coa vosa perseveranza salvaredes as vosas vidas.
 
Meditación
 
Non era doado soster a fe, a esperanza daqueles homes e mulleres cristiás que empezaban a ser perseguidas e matadas por seren seguidoras de Xesús. Por iso o evanxelista recolle e reforza as palabras de Xesús para dar ánimos. Nós, aquí en Galicia, non vivimos hoxe nesa situación extrema. Si que a viven moitos cristiáns en Oriente Medio, por exemplo, onde están sendo literalmente aniquilados. Acabo de ler un testemuño estarrecedor dun sacerdote sirio narrando a triste sorte de moitas persoas cristiás, de moitas comunidades cristiás que están sendo esquilmadas criminalmente. E os seus cregos con eles. E todo por seguir a Xesús, pola súa causa, por dar coa vida testemuño de Xesús! Quen nos vería a nós nunha situación así! ¿Que importancia ten para a vida cristiá que nós levamos dar testemuño de Xesús, coa palabra, cos feitos? ¿Qué estamos dispostos a loitar, a sufrir, pola causa de Xesús, que en teoría dicimos que é tamén a nosa causa? Que frouxos e vendidos estamos sendo!
 
Oración
 
Perdón, meu Deus,
por ter renunciado tantas veces a dar testemuño de ti.
Perdón por velar coidadosamente
de non pasar por ningún conflito
pola mor túa,
pola mor do teu nome, da túa causa.
Perdón polos nosos medos,
pola nosa covardía,
por carecer de palabra e sabedoría
coa que facer valer ante o mundo
a nosa condición de seguidores/as túas.
Perdón por non nos fiar de ti,
e das túas seguridades.
Perdón pola nosa cativa perseveranza,
que non garante nada bo
nin para a gloria do teu nome
nin para a consistencia das nosas vidas.
Que o teu perdón nos refaga, meu Deus,
que o teu perdón nos renove!
 
Acción
 
É moi posible que nalgunha ocasión, ante algunhas persoas, teñamos agachado a nosa condición de persoas que sentimos agarimo e admiración por Xesús e polo seu estilo de vida. Facémonos conscientes diso e miramos de non ser tan covardes cando se nos volva dar o caso.
 

 
28 de novembro. Xoves da 34ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Dn 6, 12-28. Salmo: Dn 3, 68. 69. 70. 71. 72. 73. 74
Ano 2: 1ª lectura: Ap 18, 1-2. 21-23; 19, 1-3. 9a. salmo: 99, 2. 3. 4. 5
 
Evanxeo: Lc 21, 20-28
 
Unha vez díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
—Cando vexades a Xerusalén asediada polos exércitos, sabede que está a chegar a súa destrución. Entón as persoas que estean en Xudea, que fuxan para os montes; as que estean en Xerusalén, que se afasten, e as que estean no campo, que non entren nela; porque estes son días de escarmento, nos que se cumprirá canto está escrito. Ai das que estean embarazadas ou criando naqueles días! Porque haberá unha grande calamidade no país e un terrible xuízo para este pobo. Caerán baixo a espada, levaranos presos a todos os países do mundo e os pagáns esmagarán cos pés a Xerusalén, ata que aos pagáns lles chegue o seu momento.
 
Haberá sinais no sol, na lúa e nas estrelas, e na terra as nacións tremerán coa angustia ante o bruar do mar e das ondas; a xente morrerá chea de medo e de desacougo polo que vén enriba do mundo, pois mesmo os astros abalarán. Entón verán o Fillo do Home vir sobre unha nube con grande poder e gloria. Cando empece a suceder todo isto, poñédevos de pé e erguede ben a cabeza, porque chega o día da vosa liberación.
 
Meditación
 
As comunidades cristiás, que coñeceron a destrución de Xerusalén por parte do exército do imperio romano, fixeron deste feito unha lectura tremenda: foi o castigo, o escarmento que Deus lles deu por non ter acollido a Xesús. E parece que invitan a que sigamos facendo esa lectura tremenda das desgrazas e desventuras que nos poden pasar no mundo. Pero Deus non é un Deus de castigos e escarmentos. Deus é sempre un Deus de perdón, de acompañamento, de alentos para axudarnos a encarar os males que nos poden chegar; Deus é un Deus preventivo tamén, un Deus que, coma calquera nai ou pai bo, e moito máis aínda, nos advirte de que hai camiños de abuso, de egoísmo, de soberbia, de andar ao vaiche boa, de abandono moral, que nunca levan a nada bo. Pero máis aló de todo iso, el sempre estará acollendo, ofrecendo o que sabe ofrecer: vida, liberación.
 
Oración
 
Non sei, meu Deus, non sei,
pero eu imaxinaríate triste por como vai o mundo.
Andamos rotos,
pobos do norte e pobos do sur
uns a cabalo dos outros,
e entremedias
regueiros de bágoas e de sangue.
Non é para aledarse, verdade?
Un pano de tristura nos envolve,
por moito que multipliquemos xantares e romarías.
Un aquel de desesperanza nos nubra o corazón,
a pesar de tanta palabra pomposa.
Que mal o estamos facendo, meu Deus,
que mal o estamos facendo!
E ti, incansable no teu:
poñédevos de pé,
erguede ben a cabeza,
chega o día da gran liberación!
 
Acción
 
¿Cómo entendemos normalmente as desgrazas que nos poden pasar a nós ou a calquera persoa ou pobo? ¿Cómo as poderiamos entender á luz de Xesús, do Deus de Xesús?
 

 
29 de novembro: Venres da 34ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Dn 7, 2-14. Salmo: Dn 3, 75. 76. 77. 78. 79. 80. 81
Ano 2: 1ª lectura: Ap 20, 1-4. 11—21,2. Salmo: 83, 3. 4. 5-6a e 8a
 
Evanxeo: Lc 21, 29-33
 
Unha vez propúxolles Xesús esta parábola aos seus discípulos:
—Reparade na figueira e nas demais árbores; cando as vedes agromar, sabedes por vós mesmos que está vindo o verán. Pois vós igual; cando vexades que pasan estas cousas, caede na conta de que xa está preto o reino de Deus. Asegúrovos que non pasará esta xeración sen que antes aconteza todo isto. O ceo e máis a terra pasarán, pero as miñas palabras non pasarán.
 
Meditación
 
Pídenos Xesús que nós mesmos esteamos atentos para valorar o que vai pasando nas nosas vidas, nos nosos días. Soamente así poderemos dicir con criterio: mirade por onde asoma o reino de Deus. É dicir: mirade as cousas que o ocultan e as que o fan presente no medio da barafunda que sempre é o mundo no que nos movemos. O reino de Deus, aquilo que a Deus lle reina, sempre anda envolto en sinxeleza, non busca altofalantes, móvese áxil entre o respecto ao vulnerable, é gratuíto, gózase no comunitario, é fondamente alegre. Certamente entre nós está acontecendo xa o reino de Deus.
 
Oración
 
As miñas palabras non pasarán.
Prométovolo.
O mundo está enchoupado das bendicións de Deus,
por riba, por baixo, polo medio do rebumbio
que ameaza revolvelo todo,
engulilo todo.
Abride os oídos, a mente, o corazón;
estade atentos/as, reparade.
Esa é a vosa tarefa:
detectar, vivir e compartir
canto no seu seo leva gravado a Espírito
os trazos invisibles de Deus.
 
Acción
 
Hoxe, ao longo do día, podemos estar atentos ao que imos vendo e vivindo, para poder descubrir detalles da vida nos que o reino de Deus se está amosando xa no medio de nós. Se o podemos compartir con alguén, mellor.
 

 
30 de novembro: Festa do apóstolo Santo André
 
1ª lectura: Rom 10, 9-18. Salmo: 18, 2-3. 4-5
 
Evanxeo: Mt 4, 18-22
 
Un día, camiñando Xesús pola ribeira do mar de Galilea, viu a dous irmáns: Simón, tamén chamado Pedro, e André; os dous, que eran pescadores, estaban largando as redes no mar. Díxolles Xesús:
—Vide comigo e fareivos pescadores de xente.
 
Eles deixaron de contado as redes e seguírono. Máis adiante atopou outros dous irmáns: Santiago e máis Xoán, fillos de Zebedeo, que estaban co seu pai na barca arranxando as redes. Tamén os chamou e eles coa mesma deixaron a barca e máis a seu pai e seguírono.
 
Meditación
 
Foron Pedro e André, Santiago e Xoán, irmáns entre si, pescadores todos eles, con familia e traballo máis ou menos decente; foron eles e somos nós: Policarpo e Xosé, Manolo e Lupe, Pilar e Cristina, homes e mulleres normais, con traballos normais, ou no paro, con ilusións de vida por diante. Ante todos e todas a misteriosa ollada de Deus, a través de Xesús ou de calquera outra persoa que no seu nome se achegou á nosa vida; a misteriosa elección, caer na conta de que está aí, queréndonos, compartindo connosco a súa ansia polo ben da xente, polo ben do mundo, pedíndonos colaboración para sermos nós algo as súas mans. E decidinos facerlle caso, seguilo, deixando a familia e o traballo que tiñamos, ou seguindo na familia e no traballo, pero abrindo a familia e o traballo a unha nova dimensión: sermos xente de comunidade, que non nos contentamos con facer nós vida de calquera maneira, senón que a queremos para todas e todos e dunha maneira fonda, xusta, solidaria, feliz. E aí estamos, á sombra de André no día de hoxe.
 
Oración
 
Deixárono todo
e seguíronte, Xesús.
Quen nos dera
vivir esa atracción túa tan fonda
sobre as nosas vidas!
Quen nos dera
que o corazón se nos desapegase algo
do meu, do noso,
e se abrise coma o teu
a soños solidarios!
Quen nos dera ser
libres de nós,
do noso, de todo,
para andar contigo aventuras fraternas!
O revolucionario camiño
cara á gran felicidade!
Cando acabaremos de crerte, Xesús,
cando?
 
Acción
 
Se sabemos algunha persoa que nos parece que foi cativada por Xesús para unha tarefa solidaria, podemos falar algo con ela, para ver como escoitou a súa chamada e como a vive.
 

Accede á revista

Encrucilla 233

Xa es subscritor/a?