O Evanxeo de cada día con ollos de aldea

Manuel Regal Ledo

28 de xaneiro: Domingo 4º do Tempo Ordinario
 
1ª lectura: Deut 18, 15-20. Salmo: 94, 1-2. 6-7. 8-9
2ª lectura: 1 Cor 7, 32-35
 
Evanxeo: Mc 1, 21-28
 
Un día Xesús e máis os seus discípulos foron a Cafarnaúm e, ao chegar o sábado, Xesús púxose a ensinar na sinagoga. Todos estaban abraiados da súa doutrina, pois ensinaba coma quen ten autoridade, non coma os letrados. E cadrou que había naquela sinagoga un home posuído por un mal espírito, e púxose a berrar:
—¿Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaré? ¿Seica viñeches para acabar connosco? Ben sei quen es ti; ti es o Santo de Deus.
 
Xesús mandoulle:
—Cala e bótate fóra dese home.
 
O espírito malo sacudiuno, pegou un berro moi alto e saíu del. Todos ficaron pasmados e discutían entre si, dicindo:
—¿Qué é isto? Unha nova doutrina e con autoridade; enriba, dálles ordes aos espíritos malos e eles obedéceno.
 
E a súa sona espallouse de contado por toda a rexión de Galilea.
 
Meditación
 
O Evanxeo que hoxe lemos narra o comezo dunha xornada de traballo de Xesús dentro desa súa tarefa de anunciar o Reino e loitar pola dignificación da vida dos seus concidadáns. Resulta ben interesante seguirlle os pasos a Xesús, pero non como observador desde fóra, senón como admirador e acompañante desde dentro. A isto estamos invitados todos, todas.
 
Xesús, home relixiosamente cumpridor, como era normal no seu tempo, acude á sinagoga para compartir cos seus veciños e veciñas a súa fe en Deus, orar e alimentar a súa esperanza nas promesas de Deus. Aproveita o momento para ensinar na sinagoga, non sabemos que, supoñemos que cousas que tiñan que ver co anuncio do que falamos o domingo pasado: Deus está á porta co seu plan de vida para a xente toda, sobre todo para a máis débil e marxinal, crédeo e apuntádevos ao don e á tarefa. Sabemos de certo que falaba con autoridade, esa autoridade que non nace do poder, senón que aparece cando unha persoa fala con convencemento, desde a experiencia, comprometendo a súa vida toda en cada palabra que ía dicindo, falando e actuando de acordo co que falaba. Que bendición é atopar con persoas así na vida; seguro que temos algunha experiencia diso!
 
Que fermosa e necesaria é a palabra, cando leva consigo autenticidade e firmeza! Como está sendo a nosa palabra de crentes nos medios nos que vivimos? Falamos desde a experiencia, desde o convencemento, desenvolvendo a vida en conformidade co que dicimos, co que cremos?
 
A parte de falar sobre o Reinado de Deus que traería bendición e liberdade para a xente toda que de tales cousas precisaba, Xesús tamén actúa nesa liña, e poriso se compromete coa saúde total, corporal, psíquica, espiritual, da xente que o rodea. Foi esta unha aposta das principais de Xesús, a que máis veces aparece nos evanxeos. No Evanxeo de hoxe vemos un caso concreto desta batalla permanente de Xesús contra todo o que diminuía o benestar, a liberdade, a paz da xente. Máis aló de que creamos ou non creamos en demos, o que ninguén dubidará é que hai espíritos malos, forzas de mal que nos poden coller e levar por camiños de desventura, de illamento, de tristura, de inxustiza, de maledicencia, …, desfacéndonos a nós mesmos e converténdonos en persoas que contribúen á desgraza doutras persoas. Podemos pensar que espíritos malos nos están tentando ou arrastrando neste momento da nosa sociedade. Coa crise quedaron en evidencia moitos malos espíritos de dominio, de desigualdade, de desprezo polos máis pequenos, … Que facemos con eles?
 
O Evanxeo dinos que Xesús é forte, más forte que todos eses espíritos de mal que tamén andan roldando pola nosa persoa, pola nosa comunidade, pola nosa aldea, pola nosa sociedade. En Xesús temos unha forza nova que nos fai potentes para combater os espíritos que queren apagar a vida das persoas, e arruinar unha convivencia fraterna. Estámonos deixando coller e protexer pola forza de Xesús nas nosas comunidades cristiás? Damos testemuño a xente cristiá deste poderío de Deus contra os malos espíritos?
 
Somos recoñecidos coma xente loitadora que por onde andamos nos apuntamos sempre a todo o que traia unión, organización, preocupación polo comunitario, alegría e festexo popular, saúde, paz? Somos xente animadora, que tiramos sempre para adiante, ou preferimos queixarnos de todo sen mover nada para que as cousas cambien para ben?
 
Participamos activamente, con empeño e ética cristiá, nos sindicatos, nos partidos políticos, nas asociacións? A xente admiraba a Xesús polo que dicía e facía. Nós participamos tamén desa admiración. Ademais, no que sabemos e podemos, querémonos apuntar con Xesús a esa experiencia humilde e magnífica de usar a palabra e os feitos para contribuír a que a xente sexa máis feliz, goce vivindo e convivindo en comunidade, e loe a Deus coa súa vida de cada día. El seguro que está tolo de contento de nos poder recibir no seu grupo.
 
Preces
 
BENDITO ES TI, XESÚS, O SANTO DE DEUS!
 
Que escoitemos ben e obedezamos a túa palabra, a que cada día pronuncias para nós desde o que na vida nos vai pasando. Oremos.
 
Que poñamos coma ti a nosa palabra e os nosos feitos ao servizo de quen precise de nós para ter vida sa, digna e feliz. Oremos.
 
Que loitemos duro contra o mal espírito de abatemento e de desesperanza que nestes tempos difíciles nos pode derrotar. Oremos.
 
Que nos sumemos a todo o que se faga entre nós para mellorar a vida da xente máis débil da sociedade. Oremos.
 
Que nos deixemos agrazar pola santidade e pola forza coa que Deus nos quere fortalecer. Oremos.
 
Oración
 
Quen dixo que non,
que non hai nada que facer,
que todo está pechado e sentenciado,
que a sorte da xente débil está botada;
que os ricos serán máis ricos cada día
e máis pobres os pobres nas súas casas;
que Deus acouga plácido e tranquilo
arrolado entre cantigas e loanzas?
 
Quen dixo que non,
que non hai palabras doces e fortes,
para poder alentar a quen naufraga;
para defender o pan da xente pobre
e termar de quen perde as esperanzas;
para levar o sosego e a quentura
e devolverlle o sorriso a toda cara;
palabras doces e fortes, palabras
que acompañen na loita e máis na calma?
 
Quen dixo que non,
que non podemos alongar a man,
a quen camiña coas forzas esgotadas;
ou aliviar a pobreza dos máis pobres
coas nosas carteiras solidarias;
ou xuntar mans e corazóns, ideas
para que da sociedade non se vaian
pola porta de atrás, ás agachadas,
os dereitos conquistados entre bágoas?
 
Quen dixo que non,
xustamente nestas horas,
nas que o sistema amosa as súas entrañas
e convértense en mentiras ilusorias
as súas promesas de mañá comunitario,
e fan falla coma nunca voces novas
con feitos de xustiza conxugadas,
que anuncien dunha vez que chega a hora,
o amencer da humanidade humanizada.
 
Non dixo máis Xesús na sinagoga,
e, despois de pronunciar estas palabras,
comprometeuse coa saúde daquel home
que sufría coa súa vida maltratada.
 
Acción
Como conxugamos na nosa vida persoal, na vida da nosa comunidade cristiá parroquial o trato persoal con Deus, as celebracións relixiosas comunitarias co esforzo por ir construíndo unha sociedade mellor, máis igualitaria, máis xusta, máis humana? Quen, por exemplo, estamos na Misa, estamos despois tamén participando en tarefas que leven a iso? Se non é así, penso en algo ao que me poida apuntar.
 
 
29 de xaneiro: Luns da 4ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Heb 11, 32-40. Salmo: 30, 20. 21. 22. 23. 24
Ano 2: 1ª lectura: 2 Sam 15. 13-14. 30; 16, 5-13a. Salmo: 3, 2-3. 4-5. 6-7
 
Evanxeo Mc 5, 1-20
 
Unha vez chegou Xesús á outra banda do mar, ao país de Gadara. E conforme saltou da barca, un endemoñado saíulle ao encontro desde os sepulcros onde moraba, pois nin con cadeas o podían apreixar. Moitas veces xa intentaran termar del con cadeas e grillóns, pero rompía as cadeas e esnaquizaba os grillóns, e ninguén era capaz de o domear. Pasaba os días e as noites berrando polos sepulcros monte adiante, mancándose coas pedras. Axiña que viu a Xesús de lonxe, foi correndo prostrarse ante el, berrando con toda a forza:
—Que teño que ver contigo, Xesús, Fillo do Altísimo? Pídoche por Deus que non me atormentes.
 
Pois Xesús mandáralle:
—Bótate fóra dese home, espírito malo.
 
E preguntoulle Xesús tamén:
—Como te chaman?
 
El respondeulle:
—Chámanme lexión, porque somos moitos.
 
E pedíalle con moita ansia que non os botase daquela terra. E como había unha boa manada de porcos comendo pola aba do monte, todos aqueles demos rogáronlle a Xesús:
—Mándanos onda aqueles porcos, para entrarmos neles.
 
Xesús accedeu e, saíndo do home, fóronse meter nos porcos, que en número duns dous mil se chimparon polo barranco abaixo, e foron afogar no mar. Os porqueiros fuxiron, levando a nova á vila e ás aldeas. A xente ía ver o que pasaba. Chegaron onde estaba Xesús e viron o endemoñado, o mesmo que tivera a lexión, sentado e cheo de xuízo; todos ficaron pasmados. Os que presenciaron aquilo contáronlles o que pasara co endemoñado e máis cos porcos. Entón empezaron a pedirlle que se afastase daquelas terras.
 
E, cando el se embarcara, o que estivera endemoñado rogáballe que o deixase ir con el. Pero Xesús non llo permitiu, senón que lle dixo:
—Vaite para a túa casa, onda os teus, e cóntalles todo o que o Señor, compadecido, fixo contigo.
 
El marchou e comezou a pregoar pola Decápolis adiante canto lle fixera Xesús. Todos ficaban admirados.
 
Meditación
 
Un relato fabuloso que posiblemente non debamos tomar ao pé da letra, como se todo o que se di pasase realmente. Era frecuente que naquel tempo houbese persoas que, por enfermidade ou por tolemia, vivise apartada da convivencia veciñal, no monte, nos arredores dos pobos. A esas persoas con facilidade se lles chamaba endemoñadas, aínda que o seu mal era ser xente desfeita, famenta, agresiva; xente excluída. Ninguén se achegaba a eles por medo e eles tiñan prohibido entrar nas aldeas.
 
Xesús entra en contacto cunha desas persoas, saltando unha vez máis a lei que o prohibía. Aténdea, fala con ela, escóitaa nos seus graves pesares, e, dun xeito case incrible, cúraa dos seus males e reincorpóraa para a convivencia veciñal. Xesús fai iso, porque estaba cheo do Espírito bo de Deus, que o facía forte, que o facía apaixonado polo benestar da xente. Os porcos eran considerados animais impuros, e por iso víase ben que os demoños fosen meterse neles. Pero isto forma parte da fábula do relato e carece de importancia no mesmo.
 
Oración
 
Grazas, Xesús,
por seres tan considerado sempre
coa xente máis marxinal dos pobos.
Grazas, Xesús,
polo teu poder de ben
que poñías sempre ao servizo da xente débil.
Grazas, Xesús,
porque tamén me atendes a min
nas miñas fraxilidades.
Grazas, Xesús,
porque nos amosas claramente o camiño
para seguirte na nosa vida veciñal.
 
Acción
 
Seguro que coñeces a algunha persoa que na túa parroquia ou contorna sufra algo de exclusión. Podes achegarte algo a esa persoa e transmitirlle aprecio, atención?
 
 
30 de xaneiro: Martes da 4ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Heb 12, 1-4. Salmo: 21, 26b-27. 28 e 30. 31-32
Ano 2: 1ª lectura: 2 Samo 18, 9-10. 14b. 24-25a. 30—19, 3. Salmo: 85, 1-2. 3-4. 5-6.
 
Evanxeo: Mc 5, 21-43
 
Pasou Xesús de novo na barca para a outra banda do lago e xuntouse moita xente ao redor del, que estaba na beira do mar. Nisto chegou un dos xefes da sinagoga chamado Xairo, que, ao ver a Xesús, botouse aos seus pés suplicándolle:
—A miña filla está a piques de morrer, ven impor sobre ela as túas mans, para que sande e viva.
 
E foise con el, seguido de moito xentío que o estrullaba.
 
Había unha muller, que padecía hemorraxias desde doce anos atrás, e levaba sufrido moito cos médicos, que lle acababan cos bens; total para nada, porque a cada paso ía a peor. Como oíra falar do que facía Xesús, achegouse entre a xente por detrás e tocoulle o seu vestido, dicindo para si: “Aínda que non sexa máis que tocarlle o seu vestido, ficarei sa”. Secóuselle de golpe a fonte da hemorraxia e sentiu no seu corpo que estaba curada do mal.
 
Xesús decatouse axiña da forza que saíra del e volveuse para preguntar:
—Quen me tocou na roupa?
 
Os discípulos dixéronlle:
—Ti ben ves a xente preméndote, e aínda preguntas quen te tocou?
 
Pero el seguía mirando arredor, para ver quen fora. Daquela a muller, chea de medo e tremor, sabendo o que lle sucedera, veu prostrarse ante el e contoulle toda a verdade. El díxolle:
—Filla, a túa fe sandoute, vaite en paz, curada para sempre da túa doenza.
 
Aínda estaba el falando, cando chegaron da casa do xefe da sinagoga a dicirlle:
—A túa filla acaba de morrer. Para que andar xa molestando ao Mestre?
 
Pero Xesús, ao escoitar o que estaban a falar, díxolle ao xefe da sinagoga:
—Non temas, abonda que teñas fe.
 
E non permitiu que ninguén o acompañase, fóra de Pedro, Santiago e Xoán, o irmán de Santiago.
 
Ao chegaren á casa do xefe da sinagoga, vendo o gran boureo que facían con choros e lamentos, entrou o díxolles:
—A que vén tanto boureo e tanto chorar? A meniña non morreu, está a durmir.
 
E todos facían riso del. Pero el botounos a todos fóra, levou consigo os pais da meniña e máis os seus acompañantes e entrou onde estaba a nena. Colleuna pola man e díxolle:
—Talitha, qumi (que quere dicir: “rapaza, érguete”).
 
A rapaciña ergueuse de contado e botouse a andar, que xa tiña doce anos. E aquela xente quedou coa boca aberta. El insistiulles en que non llo contasen a ninguén, e mandou que lle desen de comer.
 
Meditación
 
Daquela, moito máis aínda ca hoxe, había enfermidades e enfermidades que amargaban a vida da xente. Pero tamén nós con frecuencia nos vemos enfrontados con enfermidades tremendas, que rompen vidas e familias. O primeiro que facemos e ir cabo dos médicos, canto mellores, mellor, para atopar remedio. E queremos que o Servizo Galego de saúde funcione ben. E facemos ben. A medicina é unha presenza preciosa do Reinado de Deus no medio da xente. Meternos nela é dalgunha maneira coma meternos no mesmo Deus.
 
Pero hai algo máis. Os homes e mulleres somos corpo e espírito, un termando do outro, un axudando ao outro. Un espírito san, positivo, esperanzado, confiado, sereno, crente, ten moito máis poder de axudar a un corpo debilitado. A fe pode axudarnos moito niso. Porque, sas ou enfermas, sabémonos fondamente acollidas por Deus. Porque sans ou enfermos, cremos que a vida non acaba para nós na debilidade do noso corpo.
 
Oración
 
Na saúde e na enfermidade,
confío en ti, meu Deus.
Na esperanza e no desespero,
confío en ti, meu Deus.
Na dor e no alivio,
confío en ti, meu Deus.
Na vida e na morte,
confío en ti, meu Deus.
 
Acción
 
Loita para defender unha boa sanidade pública, non permitas que a deterioren de ningunha maneira. Revisa como vives ti as enfermidades que vaias tendo; vívelas como persoa crente ou como se non o foses? En que o notas?
 
 
31 de xaneiro: Mércores da 4ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Heb 12, 4-7. 11-15. Salmo: 102, 1-2. 13-14. 17-18a
Ano 2: 1ª lectura: 2 Sam 24, 2. 9-17. Salmo: 31, 1-2. 5. 6. 7
 
Evanxeo: Mc 6,1-6
 
Un día Xesús foi para a súa aldea, acompañado polos seus discípulos. Cando chegou o sábado, empezou a ensinar na sinagoga. E moita da xente que o escoitaba dicía abraiada:
—De onde lle veñen a este todas esas cousas? Que sabedoría é esa que lle ensinaron, e como poden facer as súas mans tantos milagres? Non é este o carpinteiro, fillo de María e irmán de Santiago, Xosé, Xudas e máis Simón, e as súas irmás non viven aquí connosco?
 
Estaban realmente escandalizados. Pero Xesús díxolles:
—Non desprezan a un profeta máis ca na súa terra, na súa casa, entre os seus parentes.
 
E non puido realizar alí ningún milagre, fóra dalgunhas curacións que fixo empoñendo as mans. Estaba sorprendido por aquela incredulidade. E dedicouse a andar polas aldeas dos arredores ensinando.
 
Meditación
 
De onde lle viña a Xesús a súa enorme capacidade de facer o ben, de rehabilitar as persoas, de poñelas en paz fonda consigo mesmas e co Deus, Pai ou Nai de todo o mundo? De onde lle viña a súa humildade suma, e a súa valentía sen medida para enfrontarse ao mal e a quen o facía? De onde lle viña esa sabedoría sen límites que lle permitía chegar ao corazón da xente, iluminalo coa súa luz, fortalecelo para emprender camiños novos? De onde lle viña tanta paz, tanto perdón, tanta resistencia, tanta rebeldía?
 
Iso é o que non entendían os seus veciños e veciñas. Coñecíano ben, a el e a súa familia toda. Todos eran xente ben humilde e normal. Non entendían que eran cousas do Espírito de Deus, que non anda chuleando de títulos nin de fidalguías. Por sorte ese Espírito non se merca con cartos. Recíbeo gratis quen baleira o seu corazón e fai sitio para acollelo.
 
Oración
 
Que saiba ser humilde, Xesús,
para escoitarte,
e acoller o que me queiras dicir,
sexa cal sexa o medio humilde
que ti empregues para falarme.
Quen nunca desprece o que é pobre e pequeno,
ao revés,
que entenda de corazón
que é entre o pobre e o pequeno
onde mellor poderei atoparte e tratarte.
Que así sexa, Xesús, que así sexa.
 
Acción
 
Pensa se algunha vez desprezas en algo a vida e o saber dos teus veciños ou veciñas por seren xente normaliña. Deixa de facelo.
 
 
1 de febreiro: Xoves da 4ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Heb 12, 18-19. 21-24. Salmo: 47, 2-3a. 3b-4. 9. 10-11
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 2, 1-4. 10-12. Salmo: 1 Cro 29, 10. 11ab. 11d-12a. 12bcd
 
Evanxeo: Mc 6,7-13
 
Un día Xesús chamou aos doce e empezou a mandalos de dous en dous, dándolles poder sobre os espíritos malos. Recomendoulles que non levasen nada para o camiño, fóra dun caxato: nin pan, nin alforxas, nin cartos na faixa. Que calzasen sandalias, pero que non levasen máis ca unha túnica. E avisounos:
—Cando entredes nunha casa, permanecede nela ata que vos marchedes. Se nalgún lugar non vos acolleren nin vos escoitaren, ídevos, sacudindo o po dos vosos pés, para que lles sirva de aviso. Marcharon e predicaron a conversión. Botaban fóra moitos demoños e curaban os enfermos, unxíndoos con aceite.
 
Meditación
 
O normal é que, se as cousas de Xesús nos enchen a vida de paz, de forza, de esperanza, de sentido, pois que as compartamos con outras persoas, simplemente porque lles queremos ben. E, se Deus nos dá os seus bens de balde, que sexa de balde tamén todo o que nos falemos ou fagamos pola xente. Faltaba máis!
 
Non é doado actuar gratuitamente, actuar desde a pobreza, desde o non poder. Case todo na sociedade funciona desde o interese, desde o poder. O que dá, moitas veces dá buscando carto, poder, prestixio; o que recibe faino moitas veces tamén esperando carto, poder e prestixio. Actuar desde o interese e o poder leva a que se cren moitísimas desigualdades entre a xente, a que os máis débiles queden sempre por debaixo.
 
O de Xesús é realmente revolucionario. Compartir o de Xesús coa palabra, cos feitos de humanidade para a xente, e facelo gratis de verdade, ese é o plan ao que o mesmo Xesús nos invitada a todos e todas nós tamén.
 
Oración
 
Que a miña actividade, Xesús,
estea sempre limpa de interesadas intencións.
Que aprenda contigo, Xesús,
a falar de balde,
a actuar de balde,
sen cobrar nunca nada
nin en cartos,
nin en influencias interesadas,
nin en poder,
nin en afectos que someten.
Desinteresada, pobre é libre coma ti, Xesús,
algo polo menos, por favor!
 
Acción
 
Es totalmente desinteresado na túa colaboración social, eclesial, política? Pénsao un pouco. Cambia o que teñas que cambiar. O interese, as comenencias, acaban destruíndo os mellores servizos.
 
 
2 de febreiro: Festa da Presentación do Señor
 
1ª lectura: Mal 3, 1-4. Salmo: 23, 7. 8. 9. 10
 
Evanxeo: Lc 2, 22-40 (breve 2, 22-32)
 
Cando chegou o tempo da purificación, conforme a Lei de Moisés, levaron o neno a Xerusalén, para llo presentaren ao Señor; pois así está escrito na Lei do Señor: “Consagraredes ao Señor a todo varón primoxénito”; e tamén para faceren unha ofrenda, conforme se di na Lei do Señor: “Un par de rulas ou dous pombiños”.
 
Vivía daquela en Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a restauración de Israel. O Espírito Santo estaba con el e prometéralle que non había morrer sen ver o Unxido do Señor. Movido polo Espírito foi ao templo e, cando entraban os pais do neno Xesús para cumpriren o mandado pola Lei do Señor, el colleuno nos brazos e loou a Deus dicindo:
—Agora, Señor, segundo a túa promesa, podes deixar que o teu servo morra en paz, porque xa os meus ollos viron o teu salvador, o que ti preparaches para todos os pobos: luz de revelación para todas as xentes e gloria do teu pobo Israel.
 
(ata aquí a lectura breve)
 
O pai e máis a nai do neno ficaron abraiados polo que tal dicía do neno. Bendiciunos Simeón e díxolle a María, a nai:
—Mira, este está disposto para caída ou levantamento de moita xente en Israel, para ser signo de contradición, e a ti mesma unha espada hache atravesar a alma; así quedarán ao descuberto as intencións de moitos corazóns.
 
Había tamén alí unha profetisa moi vella chamada Ana, filla de Penuel, da tribo de Axer; casara e vivira sete anos co seu marido, e logo seguiu viúva ata os oitenta e catro. Non se apartaba do templo, senón que de noite e de día servía a Deus con xaxúns e oracións. Presentouse naquel intre no templo e empezou a loar a Deus e a falar do neno Xesús a todos os que esperaban a redención de Israel.
 
Cando remataron todo o ordenado pola Lei do Señor, volveron para a aldea de Nazaré en Galilea. O neno ía medrando ben criado, forte e intelixente e o favor de Deus estaba con el.
 
Meditación
 
Chaman a atención o velliño Simeón e a velliña Ana. Pola súa esperanza, pola fidelidade coa que custodian esta esperanza. Non se vían trazas de que o de Deus se fixese presente, pero ambos agardaban co corazón aceso, coa alma esperta, firmes na súa fe no Deus que nunca se desdí, que nunca falla ás súas promesas. A luz que celebra Simeón xa estaba acesa no seu corazón e máis no de Ana, na forma dun remol agachado á espera do vento novo do Espírito.
 
Os nosos tempos son tempos para protexer a esperanza. En todas partes, pero no rural especialmente fainos falla moita esperanza, tanto nas cousas da vida civil coma nas cousas das comunidades cristiás, as cousas da fe. Parece que a luz, o lume esta agochado. Fainos falla o Espírito que nolo aviveza e nos axude a vivir con humildade e orgullo a nosa condicións de xente de aldea, a nosa condición de xente cristiá.
 
Oración
 
Ai, Virxe da Candeloria,
Señora, santa María,
que a luz que de ti naceu
ilumine as nosas vidas.
 
Que o mundo rural atope
en Xesús alento e vía
para afrontar os problemas
que o premen con teimosía.
 
Ai, Virxe da Candeloria,
que medren o amor e a vida,
cando os paxaros namoran
e a primavera convida.
 
Que coidemos a esperanza,
cunha fe sinxela e viva,
envolvéndonos na unión,
no servizo, na alegría.
 
Ai, Virxe da Candeloria,
Señora, santa María,
nas túas mans confiamos
as nosas noites e días.
 
Acción
 
Podes acender hoxe unha veliña na túa casa, que che recorde a luz e a forza que precisas para afrontar os problemas da vida do campo cos teus veciños e veciñas. Visita ademais, se podes, a algún veciño ou veciña que ande en cousas de animación da parroquia, falade e animádevos mutuamente.
 
 
3 de febreiro: Sábado da 4ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Heb 13, 15-17. 20-21. Salmo: 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 3, 4-13. Salmo: 118, 9. 10. 11. 12. 13. 14
 
Evanxeo: Mc 6, 30-34
 
Candos os apóstolos volveron xuntarse con Xesús, contáronlle canto fixeran e ensinaran. Xesús díxolles:
—Vide vós comigo e un lugar arredado e descansade un pouco.
 
Eran moita a xente que ía e viña e nin para comer atopaban tempo.
 
Fóronse sos na barca a un lugar arredado. Pero, ao velos marchar, a xente foinos seguindo por terra desde todas as vilas e chegaron primeiro ca eles. Así, cando desembarcaron atopouse cunha grande multitude. El, conmovido, porque eran coma ovellas sen pastor, púxose a predicar ensinándolles moitas cousas.
 
Meditación
 
Unha persoa, unha comunidade cristiá medra cando somos capaces de compartir as nosas tarefas e compromisos persoais e comunitarios, cos seus éxitos, cos seus fracasos. Tamén medramos cando miramos polo noso benestar físico e psíquico e nos dámos tempo para o descanso, para o xogo, para o compartir festivo e de lecer. Tamén medramos cando, por riba de todo, o que nos revolve o corpo e a cabeza e as decisións é a presenza do pobo que anda decaído, esmorecido, como abandonado da mans de Deus. Xesús, ao que se ve, era un experto en todo isto, en tanta humanidade. Que sorte tiveron con el os seus seguidores e seguidoras, e que sorte temos nós tamén de telo así ao noso lado!
 
Oración
 
Apréndenos, Xesús,
mestre de vida,
a encontrarnos e compartir.
Dános a ilusión
de vivir en comunidade.
Que saibamos aprender de ti
a ter no centro das nosas vidas
a xente que o estea pasando mal,
non por misericordia paternalista,
senón por pura xustiza e compaixón.
E todo, se pode ser, Xesús,
sen queimarnos,
sen decaer no humor.
Grazas, Xesús.
 
Acción
 
Pénsao, que tempo dedicas ao ocio, ao descanso, a divertirte algo con compañeir@s e veciñ@s, a cantar, a rir? Xesús quérete alegre e descansada, e a veciñanza tamén.

Accede á revista

Encrucilla 233

Xa es subscritor/a?