O Evanxeo de cada día con ollos de aldea

Manuel Regal Ledo

 

19 de febreiro: Domingo da 6ª Semana do Tempo Ordinario. 

1ª lectura: Xer 17, 5-8. Salmo: 1, 1-2. 3. 4 e 6.

2ª lectura: 1Cor 15, 12. 16-20.

Evanxeo: Lc 6, 17.20-26

Unha vez Xesús baixou do monte coas persoas que o acompañaban de cerca, detívose nunha chaeira cos seus discípulos e outra moita xente de toda Xudea, de Xerusalén e máis de toda a ribeira de Tiro e Sidón. E Xesús, coa mirada posta nos seus discípulos, dixo:

–Ditosas vós, a persoas pobres, porque voso é o Reino de Deus.

Ditosas vós, as que agora pasades fame, porque Deus vos fartará.

Ditosas vós as persoas que agora chorades, porque riredes.

Ditosas vós, cando vos aborreza a xente, vos expulsen e vos aldraxen, cando poñan nas listas negras o voso nome por causa do Fillo do Home; alegrádevos nese día, brincando de gozo, porque grande será a vosa recompensa no ceo, pois o mesmo fixeron seus pais cos profetas.

Pero, ¡ai de vós, a xente rica, porque xa acadastes a vosa recompensa!

¡Ai de vós, as persoas que agora estades fartas; xa pasaredes fame!

¡Ai de vós, as persoas que agora rides; xa choraredes e xa laiaredes!

¡Ai, cando todo o mundo fale ben de vós; o mesmo fixeron os seus pais cos falsos profetas!

Meditación

Seguro que recordamos as 8 benaventuranzas que, sendo nenos, nenas, a xente máis maior aprendiamos de memoria. Son as benaventuranzas do evanxeo de Mateu. Hoxe lemos as benaventuranzas do evanxeo de Lucas. Son catro benaventuranzas no canto de oito.

Non se afirma que esas situacións dolorosas (ser pobre, pasar fame, chorar, ser persoas perseguidas) sexan queridas e buscadas por Deus para os seus fillos e fillas, e que polo tanto deban ser tamén buscadas por nós; non, Xesús declara feliz á xente que está nesas situacións, porque chega a hora en que esas situacións van cambiar. Xesús está convencido de que esas situacións son situacións dolorosas, faltas de humanidade, e di: non, isto non pode seguir así, isto vai cambiar; quen agora é pobre terá a abundancia de Deus, quen pasa fame terá fartura, quen chora rirá, quen se sinta persoa perseguida e aldraxada por soñar os soños de Xesús, soños de fraternidade viva e real, terá o gozo e a recompensa sen medida que só Deus sabe dar. As benaventuranzas non son un aplauso polas situacións amargas que pode haber, que hai, en calquera sociedade de calquera época –tamén na nosa, ben o sabemos–, senón un recio acto de protesta, no nome de Deus, contra ese estado de cousas, que está clamando polo seu cambio.

Pregaria

Ditosa a xente refuxiada,

porque Deus terá para vós pan,  abrigo e fogar.

Ditosas as persoas gays e lesbianas,

porque Deus mesmo oficiará as vosas vodas.

Ditosas as familias desafiuzadas,

porque Deus encabezará as vosas marchas de protesta

e daravos vivenda digna.

Ditosas as mulleres maltratadas,

porque Deus mesmo será o voso marido.

Ditosas as persoas divorciadas voltas a casar,

porque, se o pedides, Deus daravos gratis o corpo do seu Fillo.

Ditosa quen soña cos soños de Deus e rema contra corrente,

porque o teu gozo non terá nunca fin.

Acción

Podemos pensar no que, ao noso ver, nos está facendo persoas felices. ¿Coincide en algo co que Xesús afirma? ¿Cómo podemos axudar a que atopen atención e coidados as persoas que están vivindo sen dignidade, para que se cumpra nelas a benaventuranza de Xesús?

17 de febreiro: luns da 6ª Semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xén 4, 1-15. 25. Salmo: 49, 1 e 8. 16bc-17. 20-21

Ano 2: 1º1 lectura: Sant 1, 1-11. Salmo: 118, 67. 68. 71. 75. 76

Evanxeo:  Mc 8, 11-13

Unha vez uns fariseos saíronlle ao paso e metéronse a discutir con el. Para probalo, pedíronlle un sinal do ceo. El deu un profundo suspiro e dixo:

–Por que esta clase de xente reclama un sinal? Pois asegúrovos que a esta xente non se lle dará sinal ningún.

Así deixounos, volveu embarcar e foise para a outra banda do lago.

Meditación

A todo o mundo nos gustan moito as cousas evidentes, ter probas de todo, que todo estea garantido, asegurado, para podermos dar un paso cara a diante. E haberá cousas nas que sexa necesario que isto sexa así. Pero hai cousas moi importantes para as persoas, quizais as máis importantes, nas que temos que andar, vivir sen probas. Polo menos sen esas probas do dous máis dous son catro. E non queda outra que arriscarnos, aventurarnos, fiarnos de nós mesmos e das persoas coas que se nos propón levar a cabo algo.

Pásanos cando nos namoramos e decidimos compartir a vida cunha persoa. Pásanos cando optamos por unha profesión e non por outra. Pásanos cando eliximos amigas e amigos. Pásanos cando pensamos en ter un, dous, tres fillos ou fillas. Pásanos tamén, sobre todo, cando comprometemos a nosa vida con Deus, con Xesús, nunha comunidade cristiá. Non é que non haxa sinais da bondade, da verdade diso que escollemos, pero é necesaria tamén a fe, a confianza, o aventurarnos cunha proposta de vida que en principio nos enche e ilusiona. Isto pode ser o máis duro dun home ou dunha muller libre, ter que escoller cun aquel de inseguridade, pero é tamén o máis fermoso que temos. Por iso Xesús suspiraba, entre canso e aleuto, pola insistencia daquela xente relixiosa que todo o quería resolver a base de probas. E a proba éraa el mesmo, a proba tíñana diante dos ollos.

Oración

Grazas, Xesús, porque me invitas

a ser persoa humilde

que non pretende controlalo todo;

 a ser persoa arriscada

que se fía da vida, da xente, de ti;

a ser persoa espelida, de fe,

capaz de descubrir nas cousas todas da vida

sinais da túa presenza calada e vigorosa.

Grazas, Xesús,

que sexa algo bo discípulo teu.

Acción

Pensa nalgún aspecto da túa vida no que tiveses que aventurarte sen ter probas contundentes. Que supuxo para ti, en que te fixo medrar?

18 de febreiro: martes da 6ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1º lectura: Xén 6, 5-8; 7, 1-5. 10. Salmo: 28, 1a e 2. 3ac-4. 3b e 9b-10

Ano 2: 1ª lectura: Sant 1, 12-18. Salmo: 93, 12-13a. 14-15. 18-19

Evanxeo: Mc 8, 14-21

Os discípulos esqueceran levar pan e non tiñan máis ca un bolo na barca. Xesús recomendoulles:

–Tende coidado e gardádevos do fermento dos fariseos e de Herodes.

Pero eles latricaban entre si: “o caso é que non temos pan”.

Xesús decatándose díxolles:

–Como! Así que estades a falar de que non tendes pan! Seica non acabades de entender, nin caedes na conta do que quero dicir? Tan cegos estades? Tendes ollos e non vedes; oídos e non oídes? Xa non vos acorda cantas cestas de sobras recollestes, cando repartín cinco bolos de pan  entre cinco mil persoas?

Contestaron:

–Foron doce.

–E cando repartín sete bolos entre catro mil, cantas cestas recollestes?

Responderon:

–Recollemos sete.

E concluíu:

–E logo aínda non comprendedes?

Meditación

Do milagre da abundante comida para todo o mundo, grazas ao xeneroso compartir do pouco que había coa bendición e o empuxe de Xesús, os discípulos só se quedaron coa cousa de que encheran a barriga. Non entendían ese nova urxencia de Deus de entrar en camiños comunitarios, nos que o de cada persoa entra en todo a formar parte dun proxecto común de comunidade, de pobo, para que ningunha persoa quede excluída en nada.

E como non entendían iso, cando Xesús lles fala do fermento dos fariseos e de Herodes, non comprenden que os está avisando doutra maneira vella de entender a Deus e a vida que exclúe a xente, ben desde a forza do poder asoballante, ben desde unhas normas relixiosas frías que secan o corazón e marxinan as persoas. Pero isto non entraba aínda dentro das preocupacións dos seus discípulos.

Oración

Xesús,

velaquí a miña ollada,

para que ti a limpes

e así poida ver a fondura

de todo canto ti vives e anuncias.

Velaquí o meu corazón,

para que rompas as súas estreituras

e o fagas capaz de incluír e abrazar,

de atender e servir

sen límites.

Algo coma ti, Xesús.

Acción

Por razón das túas ideas relixiosas ou políticas, polos teus prexuízos sociais, estás excluíndo, apartando da túa vida a algunha persoa? Estala marxinando? A túa fe lévate a ser máis egoísta ou máis comunitario? Pénsao e, se cres necesario cambiar, faino.

19 de febreiro: mércores da 6ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xén 8, 6-13. 20-22. Salmo 115, 12-13. 14-15. 18-19

Ano 2: 1ª lectura: Sant 1, 19-27. Salmo: 14, 2-3a. 3bc-4ab. 5

Evanxeo: Mc 8, 22-26

Nunha ocasión Xesús e as persoas que canda el andaban chegaron a Betania. Trouxéronlle un cego e pedíanlle que o tocase. El, collendo o cego pola man, sacouna para fóra da aldea; botoulle cuspe nos ollos, estendeu as mans sobre el e preguntoulle:

–¿Ti ves algo?

El, que comezaba a albiscar algo, dixo:

–Vexo xente, aínda que me parecen árbores que andan.

Púxolle outra vez as mans nos ollos; entón empezou a enxergar ben; estaba curado e vía todo claramente. Logo mandouno para a casa dicíndolle:

–Nin tan sequera entre na aldea.

Meditación

En si o relato é unha sinxela e excelente parábola dos procesos de cambio que se poden dar nas nosas vidas, cando nos aproximamos a Xesús e nos deixamos tocar polo seu espírito, nós que agora non podemos ser tocados polo seu mesmo corpo. Achegarse a Xesús, frecuentemente co apoio doutras persoas que teñen experimentado a súa fonda humanidade afincada en Deus, deixar que te colla pola man, deixarse acompañar por el; deixar que che toque coa súa palabra, co seu espírito; ver como os ollos se che abren, como te vas vendo a ti mesmo e a demais xente doutra maneira: todo o mundo como algo amable, digno de ser amado e coidado; ver como a vista se che ilumina, para verte a ti mesma a fondo, na túa humildísima dignidade en Deus, para ver tamén así a toda a creación, a toda a xente; sen disimular sombras e carencias, pero todo iluminado polo agarimo, a forza e a esperanza de Deus. E vivilo todo coa máxima humildade, non atopando nunca razón para verte por enriba de ninguén. Simplemente irmán, irmá absoluta.

Oración

Grazas, Xesús,

polas persoas e circunstancias da vida

que me permitiron achegarme a ti.

Grazas pola túa presenza en min,

pola túa palabra, polo teu espírito,

que pouco a pouco me foron abrindo

os ollos do corpo e da alma,

para verme e ver a realidade toda

con ollos humildes de irmán.

Grazas porque non desistes

e segues ao meu carón

para completar a túa obra.

Grazas, Xesús,

ti es a man de Deus na miña vida.

Acción

Podemos reparar hoxe nas nosas propias mans. ¡A cantidade de cousas boas, animadoras, alentadoras, que podemos facer con elas! Témolo en conta, sobre todo cando estamos coa xente.

20 de febreiro: xoves da 6ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xén 9, 1-13. Salmo 101, 16-18. 19-21. 29 e 22-23

Ano 2: 1ª lectura: Sant 2, 1-9. Salmo: 33, 2-3. 4-5. 6-7

Evanxeo: Mc 8, 27-33

Unha vez ía Xesús cos seus discípulos cara ás aldeas de Cesarea de Filipo, e polo camiño preguntoulles:

–¿Quen di a xente que son eu?

Eles responderon:

–Algunhas persoas din que es Xoán Bautista; outras, que Elías; e outras, que algún dos profetas.

El preguntoulles a eles:

–E vós ¿quén dicides que son?

Respondeu Simón Pedro:

–Ti es o Mesías.

E prohibiulles dicir nada a ninguén.

Entón empezou a adoutrinalos con toda claridade acerca de que era preciso que o Fillo do home padecese moito e que o rexeitasen os anciáns, os sumos sacerdotes e máis os letrados; que o ían matar e que aos tres días había resucitar.. explicoulles isto con toda claridade. Entón Pedro, colléndoo á parte, empezou a rifarlle. Pero Xesús, volvéndose cara aos discípulos, reprendeuno:

–¡Arreda de min Satanás, que ti non te me deixar guiar por Deus, senón polos criterios humanos!

Meditación

Cantas veces nos pasa a nós coma a Pedro! Pretendemos ditarlle a Deus os nosos camiños, as nosas maneiras de ver a realidade, de ver a xente, e as maneiras de estar ante a realidade, ante a xente. E case sempre as nosas maneiras son maneiras de poder e non de servizo, de éxito rápido e non de paciente resistencia, de arrimarnos á xente de carto e de poder e non á xente vulnerable. Polo visto, en movementos relixiosos americanos, do norte e do sur, que non son católicos, pero que se din cristiáns, é corrente despedirse dicíndose a palabra “bendicións”, no canto de dicir “adeus” ou “ata logo”; pero a tal palabra quere dicir éxitos, riquezas, postos importantes, triunfo, etc. E, claro, como o éxito e as riquezas normalmente arriman a quen xa as ten, daquela chegamos á conclusión perversa de que é a xente rica a que ten acceso a Deus e goza das súas bendicións. Nós non temos costume de despedirnos con esa palabra e con esas intencións, pero no fondo ¿non estamos tocados, feridos, polo mesmo espírito mundano?

Oración

Que o teu Espírito, Xesús,

me limpe a mente e o corazón,

me abra os ollos do corpo e do espírito

para ver as cousas como ti as ves;

e guíe a miña fe, a miña vida relixiosa

polos mesmos camiños de servizo

polos que ti andaches.

Que o teu xeito de ser e de vivir

prenda firme na nosa comunidade cristiá,

na nosa Igrexa toda.

Acción
Para non facer como Pedro, sempre que nos dispoñamos a levar a cabo algo como persoas cristiás ou como comunidade cristiá, podiámonos preguntar: ¿e isto cadra coas maneiras que Xesús tiña de pensar e de actuar?

21 de febreiro: Venres da 6ª semana do Tempo Ordinario. 

Ano 1. 1ª lectura: Xén 11, 1-9. Salmo: 32, 10-11. 12-13. 14-15

Ano 2. 1ª lectura: Sant 2, 14-24. 26. Salmo: 111. 1-2. 3-4. 5-6

Evanxeo: Mc  8, 34-9,1

Nunha ocasión Xesús chamou a xente onda os seus discípulos e díxolles a todos:

–Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, cargue coa súa cruz e que me siga. Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola miña causa e pola do Evanxeo, ese poñeraa a salvo. Pois, ¿de que lle serve ao ser humano gañar o mundo enteiro, se perde a súa vida? E ¿qué pode dar un ser humano por recobrar a súa vida? Porque quen se avergonce de min e das miñas palabras, nesta xeración idólatra e pecadora, tamén o fillo do Home se avergonzará del, cando veña na gloria de seu Pai entre os santos anxos.

E engadiu:

–Tende por seguro que algúns dos aquí presentes non han morrer sen veren antes chegar o reino de Deus con gran poder.

Meditación

Ter vida ou non ter vida. Salvar a vida ou perder a vida. ¿En que consiste iso? ¿Cómo se consegue iso? O primeiro instinto lévanos a pensar que un ten e conserva a vida na medida en que se enche de medios e recursos, para poder gozar, para ter múltiples satisfaccións, desentendéndose do que aconteza ao seu redor. Descansa e a vivir, como dicía o home rico da parábola. Ese primeiro instinto é cativador, porque ten algo de verdade. Pero, a lo menos para quen olle a vida con algo de fondura –e Xesús sempre así o facía–, ese primeiro instinto leva moita trampa consigo. Somos feitura de familia, de grupo, de pobo, de comunidade, e soamente cando respondemos á chamada da comunidade, do común, nos atopamos realmente coas fontes da nosa felicidade, da nosa vida. Así, dar, compartir a vida e todo o que a enriquece é a principal maneira de ter vida.

Oración

Grazas, Xesús,

por me dar sentido común,

por me levar da man

ata as fontes da vida feliz.

Que nunca me avergonce de ti.

Que me fíe de ti, Xesús,

que saiba apostar diariamente

por esa maneira túa sorprendente

de encherme de vida

compartindo vida.

Así, ata a vida eterna.

Acción

Hoxe podemos facer expresamente algunha práctica de compartir vida con alguén: palabra, tempo, convencementos, cartos, alegrías, esperanzas, penas… Para ir experimentando en propia carne a verdade do que Xesús propón.

22 de febreiro: Sábado da 6ª semana do Tempo Ordinario. Festa da Cátedra de San Pedro

1ª lectura: 1 Pe 5, 1-4.

Salmo: 22, 1b-3a. 4. 5. 6

Evanxeo: Mt 16, 13-19

Nunha ocasión, cando Xesús chegou á comarca de Cesarea de Filipo, preguntoulles aos seus discípulos:

–¿Quen di a xente que é o Fillo do home?

Eles responderon:

–Unhas persoas din que é Xoán Bautista; outras, que Elías; outras, que Xeremías ou algún dos profetas.

Insistiu Xesús:

–E vós ¿quen dicides que son eu?

Respondeulle Simón Pedro:

–Ti es o Mesías, o Fillo do Deus vivo.

E Xesús contestoulle:

–Ditoso ti, Simón fillo de Xonás, porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue, senón meu Pai que está no ceo. E eu asegúroche que ti es Pedro, e sobre esta pedra vou edificar a miña Igrexa; e o poder do inferno non a derrotará. Dareiche as chaves do reino dos ceos; todo o que ates na terra ficará atado nos ceos, e todo o que desates na terra, ficará desatado nos ceos.

Meditación

Lemos o mesmo evanxeo de onte, só que neste caso segundo conta a escena o evanxelista Mateu, que subliña o papel de Pedro na Igrexa, cousa que nin Marcos nin Lucas comentan. A versión de Mateu cadra ben coa festa de hoxe titulada “Cátedra de san Pedro”; é dicir, que celebramos o servizo de orientación, de alento e de unidade co que cumpre o Papa de Roma para ben de toda a Igrexa. Segundo comentamos onte, tamén aquí temos o perigo de entender as cousas con criterios humanos e non segundo o pensar e querer de Deus; moitas veces o Papa exerceu como un soberano, créndose o dono do mundo, o que o sabía todo, o que podía falar do divino e do humano sen ningún risco de equivocación. Grazas a Deus, actualmente temos un Papa que, seguindo tamén pasos doutros Papas, intenta facer do seu cargo un verdadeiro servizo á Igrexa e ao mundo. Ben é que o escoitemos con corazón de discípulos/as, que lle agradezamos o seu traballo e que o sosteñamos co noso afecto e coa nosa pregaria; e, se algunha vez o consideramos necesario, tamén coa nosa contribución crítica, humilde e respectuosa.

Oración

Dámosche grazas, Deus noso,

por todo o teu pobo santo,

no que prendeu a semente do Evanxeo de Xesús.

Dámosche grazas

polos homes e mulleres que ao longo dos séculos

exerceron diferentes liderados na Igrexa,

e, como bos camareiros e camareiras túas,

nos foron servindo as túas viandas,

para sermos fortes na fe, na esperanza, no amor.

Dámosche grazas polo Papa de Roma,

que quere ser servidor dos teus servidores e servidoras.

Que o poder nunca nos corrompa, Deus noso,

que o poder nunca corrompa a túa Igrexa!

 Acción

A Igrexa grande, a comunidade cristiá da que formas parte é cousa de todas e todos. ¿Participamos nela, asumimos tarefas nela? ¿Non nos deixan facelo? ¿Reivindicamos ese dereito e ese deber?

Accede á revista

Encrucilla 233

Xa es subscritor/a?