O Evanxeo de cada día con ollos de aldea

Manuel Regal Ledo

11 de febreiro: Domingo 6º do tempo ordinario
 
1ª lectura: Lev 13, 1-2. 44-46. Salmo: 31, 1-2. 5. 11
2ª lectura: 1 Cor 10, 31—11,1
 
Evanxeo: Mc 1, 40-45
 
Unha vez achegouse un fago a Xesús e rogoulle de xeonllos:
—Ti, se queres, pódesme limpar.
 
Xesús, estremecido, estendeu a man e tocouno, dicindo:
—Pois quero, queda limpo.
 
E no instante desapareceulle a lepra, quedando limpo. E despediuno e, poñéndose moi serio, mandoulle:
—Mira, non lle vaias dicir nada a ninguén; preséntate ao sacerdote e fai pola túa purificación as ofrendas mandadas por Moisés, para que lles conste.
 
Pero, mal se foi, aquel home botouse a pregoar a nova, espallándoa de tal xeito que Xesús xa non podía entrar en vila ningunha, senón que quedaba fóra, nos arredores apartados. Pero aínda así acudían a el de todas as partes.
 
Meditación
 
Este relato pecha esa xornada completa de Xesús, que o evanxeo de Marcos sitúa case ao comezo do seu escrito, para ofrecernos o contido e as formas de actuación de Xesús na súa tarefa evanxelizadora.
 
O cadro que describe ten unha intensidade especial, pois Xesús co seu poder de ben e de rehabilitación, persoal e social, sitúase ante a circunstancia extrema dun cidadán daquela época: un leproso. Por ser tal, era unha persoa que soportaba as dores físicas propias da súa condición, pero ademais e sobre todo, era unha persoa que padecía a exclusión social e relixiosa máis fonda: non podía vivir coa xente nas aldeas ou vilas, non podía ser tocado, un impuro que, como tal ser impuro, non podía acceder a nada que o puidese situar ao amparo de Deus e da súa tenrura. Tamén era un excluído de Deus.
 
E vai Xesús e tócao. Quebranta a lei que prohibía tocar a un leproso, e incorre el mesmo na mesma condición do leproso, por iso despois Xesús, como ben di o Evanxeo, tampouco podía entrar nas vilas e aldeas e, coma os leprosos, tiña que se quedar ás aforas, nos arredores apartados.. O que Xesús fai é algo realmente sorprendente: de entrada identifícase a fondo co leproso, ata se facer un con el, asumindo as consecuencias todas de tal feito. Enfróntase ás prohibicións sociais e relixiosas, rompendo o valado de exclusión que todo o mundo levantara, para protexerse, ante a existencia dun leproso. Unha vez máis Xesús actúa en liña con aquela convicción súa de que a lei, por moi sagrada que sexa, está sempre ao servizo do ser humano, e non este ao servizo da lei
 
No relato ten, pois, unha importancia especial o momento en que Xesús, estremecido, conmovido a fondo, estende a man e toca ao leproso. Canta importancia ten o xesto cotián de tocar, de tocar algo, de tocar a alguén con tenrura, desde a conmoción interior, transmitíndolle á persoa tocada toda a forza de apego, de solidariedade, de compromiso coa súa realidade concreta. De cantos milagres, pequenos pero importante milagres, somos capaces deste xeito no noso día a día. Seguro que todos e todas temos experiencias desta densidade do tocar con tenrura e compromiso e tamén do ser tocados coa mesma tenrura e compromiso. Xesús afonda ata o extremo esta experiencia humana liberadora.
 
Pero o tocar de Xesús ten por beneficiaria a unha persoa que sufría gravísima marxinación social. É inevitable que nos paremos a pensar que persoas entre nós sofren marxinación social. Se cadra eu mesmo, eu mesma? E é inevitable tamén que nos preguntemos cal é o noso tipo de relación con esas persoas marxinadas pola sociedade e mesmo polas institucións relixiosas que temos: Prostitutas, proxenetas, persoas drogodependentes, borrachas, a típica persoa rara, extravagante, con enormes dificultades de integración social, os homes e mulleres homosexuais, os homes e mulleres presidiarias ou ex-presidiarias, a xente de cor, a xente xitana, a xente do sur, … Vémonos en relación con algunhas destas persoas? Non temos relación con elas porque as evitamos, porque para nada me aproximo a elas, ao seu mundo, aos espazos que elas habitan, porque me fago inaccesible ás súas seguras demandas? Como nos situamos ante esas persoas?
 
Xesús sae de si, da súa casa, anda os camiños da vida, por forza tense que atopar e atópase con xente de todo tipo, loxicamente é chamado, é requirido por esas persoas, escóitaas nas súas demandas, conmóvese a fondo ante esas e o que elas viven e solicitan, estende a man, achégase, tócaas, dálles a calor e a tenrura do seu corpo e do seu vigor interior, dáse no que sabe e no que pode, que é moito, implícase na existencia da outra persoa, como dixemos, saltándose leis e normas, e acábase convertendo nunha forza de curación, de liberdade, de reintegración persoal e social. E Deus é plenamente recoñecido e honrado neste tipo de acontecementos. A vida relixiosa acada o seu cumio cando estas cousas suceden na nosa vida.
 
Preces
 
SE QUERES, SEÑOR, PÓDESME LIMPAR.
 
Da nosa indiferencia ante as persoas que teñen poucas calidades, que están lonxe de ser a flor da sociedade. Confiados no teu poder, oramos.
 
Da noso falar e falar, co que frecuentemente tocamos o tema da marxinación, sen dar pasos á fronte para arrimarnos á existencia de quen a padece. Confiadas no teu poder, oramos.
 
Da pretensión que moitas veces temos a xente de Igrexa de excluír do agarimo de Deus a persoas que non encaixan cos nosos valores e comportamentos. Confiados no teu poder, oramos.
 
Do noso afán tolo pola seguridade e por arredar de nós a calquera persoa que nos descoloque nas ideas, na economía, no noso uso do tempo, na organización da nosa vida. Confiadas no teu poder, oramos.
 
Da covardía de non confiar, de non poñer toda a carne no asador para axudar a curar as persoas das súas pobrezas e marxinacións. Confiados no teu poder, oramos.
 
Oración
 
Señor, Señor,
que a túa querenza me reanime,
que o teu poder me cure,
que as túas entrañas conmovidas por min me reconforten,
que a túa man me toque,
que a túa tenrura me pacifique,
que a túa palabra de aposta por min me restaure,
que o meu corpo quede limpo
e o meu ánimo recuperado,
que a túa atención me gratifique,
e me faga agradecido/a,
que a túa aperta me inclúa entre os irmáns e irmás,
que a túa man me leve ao abrazo de Deus,
que o que fas comigo me converta,
que os teus ollos me ensinen a ver doutra maneira,
a verte a ti doutra maneira,
a ver a Deus doutra maneira,
a verme a min mesmo/a doutra maneira,
a ver as persoas tidas por menos doutra maneira!
 
Señor, Señor,
se me tocas,
só con que me toques,
o meu mundo terá outra cor,
o mundo todo terá outra cor para min.
 
E escoito a túa voz conmovida:
Pois quero,
claro que quero,
como non vou querer!
Pois quero,
queda limpa,
queda limpo.
 
Acción
 
Seguro que na túa aldea, vila ou cidade coñeces persoas e/ou grupos marxinais por calquera razón: saúde física ou psíquica, economía, desamparo, delincuencia, prisión, moralidade… Podemos achegarnos un pouco a ese mundo co Espírito de Xesús. E Deus dirá.
 

 
12 de febreiro: Luns da 6ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Xén 4, 1-15. 25. Salmo: 49, 1 e 8. 16bc-17. 20-21
Ano 2: 1º1 lectura: Sant 1, 1-11. Salmo: 118, 67. 68. 71. 75. 76
 
Evanxeo: Mc 8, 11-13
 
Unha vez uns fariseos saíronlle ao paso e metéronse a discutir con el. Para probalo, pedíronlle un sinal do ceo. El deu un profundo suspiro e dixo:
—Por que esta clase de xente reclama un sinal? Pois asegúrovos que a esta xente non se lle dará sinal ningún.
 
Así deixounos, volveu embarcar e foise para a outra banda do lago.
 
Meditación
 
A todo o mundo nos gustan moito as cousas evidentes, ter probas de todo, que todo estea garantido, asegurado, para podermos dar un paso cara a diante. E haberá cousas nas que sexa necesario que isto sexa así. Pero hai cousas moi importantes para as persoas, quizais as máis importantes, nas que temos que andar, vivir sen probas. Polo menos sen esas probas do dous máis dous son catro. E non queda outra que arriscarnos, aventurarnos, fiarnos de nós mesmos e das persoas coas que se nos propón levar a cabo algo.
 
Pásanos cando nos namoramos e decidimos compartir a vida cunha persoa. Pásanos cando optamos por unha profesión e non por outra. Pásanos cando eliximos amigas e amigos. Pásanos cando pensamos en ter un, dous, tres fillos ou fillas. Pásanos tamén, sobre todo, cando comprometemos a nosa vida con Deus, con Xesús, nunha comunidade cristiá. Non é que non haxa sinais da bondade, da verdade diso que escollemos, pero é necesaria tamén a fe, a confianza, o aventurarnos cunha proposta de vida que en principio nos enche e ilusiona. Isto pode ser o máis duro dun home ou dunha muller libre, ter que escoller cun aquel de inseguridade, pero é tamén o máis fermoso que temos. Por iso Xesús suspiraba, entre canso e aleuto, pola insistencia daquela xente relixiosa que todo o quería resolver a base de probas. E a proba éraa el mesmo, a proba tíñana diante dos ollos.
 
Oración
 
Grazas, Xesús, porque me invitas
a ser persoa humilde
que non pretende controlalo todo;
a ser persoa arriscada
que se fía da vida, da xente, de ti;
a ser persoa espelida, de fe,
capaz de descubrir nas cousas todas da vida
sinais da túa presenza calada e vigorosa.
Grazas, Xesús,
que sexa algo bo discípulo teu.
 
Acción
 
Pensa nalgún aspecto da túa vida no que tiveses que aventurarte sen ter probas contundentes. Que supuxo para ti, en que te fixo medrar?
 

 
13 de febreiro: Martes da 6ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1º lectura: Xén 6, 5-8; 7, 1-5. 10. Salmo: 28, 1a e 2. 3ac-4. 3b e 9b-10
Ano 2: 1ª lectura: Sant 1, 12-18. Salmo: 93, 12-13a. 14-15. 18-19
 
Evanxeo: Mc 8, 14-21.
 
Os discípulos esqueceran levar pan e non tiñan máis ca un bolo na barca. Xesús recomendoulles:
—Tende coidado e gardádevos do fermento dos fariseos e de Herodes.
 
Pero eles latricaban entre si: “o caso é que non temos pan”.
 
Xesús decatándose díxolles:
—Como! Así que estades a falar de que non tendes pan! Seica non acabades de entender, nin caedes na conta do que quero dicir? Tan cegos estades? Tendes ollos e non vedes; oídos e non oídes? Xa non vos acorda cantas cestas de sobras recollestes, cando repartín cinco bolos de pan entre cinco mil persoas?
 
Contestaron:
—Foron doce.
 
—E cando repartín sete bolos entre catro mil, cantas cestas recollestes?
 
Responderon:
—Recollemos sete.
 
E concluíu:
—E logo aínda non comprendedes?
 
Meditación
 
Do milagre da abundante comida para todo o mundo, grazas ao xeneroso compartir do pouco que había coa bendición e o empuxe de Xesús, os discípulos só se quedaron coa cousa de que encheran a barriga. Non entendían ese nova urxencia de Deus de entrar en camiños comunitarios, nos que o de cada persoa entra en todo a formar parte dun proxecto común de comunidade, de pobo, para que ningunha persoa quede excluída en nada.
 
E como non entendían iso, cando Xesús lles fala do fermento dos fariseos e de Herodes, non comprenden que os está avisando doutra maneira vella de entender a Deus e a vida que exclúe a xente, ben desde a forza do poder asoballante, ben desde unhas normas relixiosas frías que secan o corazón e marxinan as persoas. Pero isto non entraba aínda dentro das preocupacións dos seus discípulos.
 
Oración
 
Xesús,
velaquí a miña ollada,
para que ti a limpes
e así poida ver a fondura
de todo canto ti vives e anuncias.
Velaquí o meu corazón,
para que rompas as súas estreituras
e o fagas capaz de incluír e abrazar,
de atender e servir
sen límites.
Algo coma ti, Xesús.
 
Acción
 
Por razón das túas ideas relixiosas ou políticas, polos teus prexuízos sociais, estás excluíndo, apartando da túa vida a algunha persoa? Estala marxinando? A túa fe lévate a ser máis egoísta ou máis comunitario? Pénsao e, se cres necesario cambiar, faino.

Accede á revista

Encrucilla 233

Xa es subscritor/a?