O Evanxeo de cada día con ollos de aldea

Manuel Regal Ledo

 
26 de maio: Solemnidade da Santísima Trindade
 
1ª lectura: Dt 4, 32-34. 39-40.salmo: 32. 4-5. 6 e 9. 18-19. 20 e 22
2ª lectura: Rom 8, 14-17.
 
Evanxeo: Mt 28,16-20
 
Naquel tempo, os once discípulos foron a Galilea, ao monte onde Xesús os citara. Vendo a Xesús, prostráronse perante el, aínda que algúns dubidaban. Entón acercouse Xesús e díxolles:
—Déuseme todo poder no ceo e máis na terra. Ide, pois, e facede discípulos meus a todos os pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo, ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo.
 
Meditación
 
Despois de pechar o tempo pascual coa festa de Pentecoste, poñémoslle coma un broche de ouro coa festa da Trindade. É unha maneira sinxela de dicir que todo canto de fondo e marabilloso estivemos vivindo, seguindo os pasos da vida, da paixón, da morte e da resurrección de Xesús de Nazaré, ten sentido nese marco simple e inabarcable, próximo e misterioso, que é o marco da Trindade: o Pai, o Fillo, o Espírito Santo.
 
A Trindade máis ca unha teoría sobre Deus é unha práctica posible en Deus, desde Deus. Que Deus sexa trinitario, como afirmamos no noso credo, quere dicir cousas substanciais, fondas: que o noso Deus é Deus, que o noso Deus é Deus en relación, que sae de si permanentemente e se vincula con toda a creación, con todos e cada un dos homes e mulleres que xeración tras xeración fomos e imos compoñendo a humanidade; que se vincula con toda a creación, e con todos e cada un dos seres que a compoñemos, non desde unha simple aparencia ou dunha distancia prudente, senón desde unha case identificación, desde unha case unidade, que nos permite sermos en Deus, e que lle permite a Deus ser El mesmo en nós.
 
Deus é sempre, polo tanto, un Deus feito carne, feito mundo, feito historia, antes e despois de que contundentemente realizase isto na persoa do seu fillo Xesús. Xesús, encarnación de Deus, é o que nos abre os ollos para que nos decatemos de cal é a realidade máis fonda e determinante de cada un de nós: somos tamén encarnación de Deus, e estamos chamados a desenvolver o mesmo dinamismo de presenza do divino en nós que Xesús viviu. De nada nos valería crer na encarnación de Deus en Xesús, se non cremos nesa mesma encarnación de Deus en cada un, en cada unha de nós, e se non lle deixamos a Deus ser Deus nas nosas vidas miúdas.
 
Todo isto son redes fondas de identidade humana, crente, de identidade social e cósmica, que se tecen e se desenvolven no Espírito, o cal non quere dicir que sexan algo caprichoso, algo sen fundamento. O Espírito é este vínculo fondo, creador, dinamizador que nos permite andar en rede, andar vinculados, andar en comunidade, andar en solidariedade ao redor desde foco de luz, de amor e de solidariedade que é Deus.
 
En Deus, pois, somos todos, todas, persoas trinitarias tamén. A Trindade non é algo alleo a nós, é a nosa mesma condición de vida: somos encarnación de Deus no Espírito. Somos fillos, fillas, no Fillo, no Espírito. E isto vívese, realízase, fortalécese, experiméntase sempre que deixamos que as nosas vidas se tezan con fíos de comuñón, de solidariedade, de dependencia positiva, de interdependencia, superando egoísmos, superando obsesións por considerarnos a cada un, cada unha de nós, coma o centro de non sabemos qué, rompendo coa praxe do ‘sálvese quen poida’, e abríndonos a todo o que cree vínculos e nos descubra e potencie coma membros dun todo común, dun todo único, que é ese Alguén, a quen, sen saber moito o que dicimos, chamamos Deus.
 
A Trindade non se entende desde unha mesa de estudo, senón desde a práctica da vida. Non se sabe lendo libros, senón tratando persoas, tratando a Deus. Non se percibe desde o illamento, senón desde a construción de vínculos, de pontes, de relacións. Sempre é tempo para vivir en trindade, pero os tempos que vivimos sono moi especialmente. Reeditar o trinitario, descubrindo as redes fondísimas que nos unen, e pensando e actuando en comunitario. O paro do veciño ou veciña é o meu paro; a súa angustia é a miña, os seus temores son os meus. O cancro da Luísa é o meu cancro. Pero tamén é miña a ledicia de quen atopa traballo, e a ledicia de quen se ve ben atendido na casa polos seus, e a ledicia de quen se soubo considerada, aínda sendo pobre e non estudada, etc. Un mundo marabilloso, un mar de tenrura a base de pequenas pingotas de gozo ou de dor que tamén poden saír dos nosos ollos humanizados, divinizados.
 
Preces
 
EU ESTAREI CONVOSCO ATA A FIN DO MUNDO
 
Porque precisamos de ti para saír de nós mesmos/as e interesarnos por calquera dor ou gozo que estean vivindo os nosos veciños/as. Acollemos a túa promesa, Xesús.
 
Porque precisamos de ti para descubrir a Deus nas nosas vidas, e deixarlle construír en nós o ser humano comunitario, solidario, que El quere. Acollemos a túa promesa.
 
Porque precisamos de ti para poder ilusionar a outras persoas coa fe que ti nos deches, coa vida comunitaria que nós coidamos no teu nome. Acollemos a túa promesa.
 
Porque precisamos de ti para soñar e construír sociedade nova, agora que estamos vendo que a vella sociedade capitalista dá de si tantas desigualdades e corrupcións. Acollemos a túa promesa.
 
Porque precisamos de ti para vivir o día a día con paz, con ilusión, con alegría, gozando das cousas que temos, gozando cos irmáns e irmás que nos rodean. Acollemos a túa promesa.
 
Oración
 
Escóitame, mírame, ábreme,
estou á túa porta,
con todo canto son,
con todo canto teño,
disposto a regalar, a compartir,
a encher o teu baleiro coa miña presenza,
a iluminar os teus ollos cansos,
a erguer o teu corpo abatido.
Quérote tanto!
Ábreme, por favor cho pido!
 
Tráioche un obsequio grande,
o máis grande que atopei no meu corazón:
tráioche o rostro de cada ser humano
como cousa miña, túa, de todos/as;
e con cada rostro un pan debaixo do brazo:
a forza do Espírito
para que non vexas nunca a ninguén
coma alleo e menos coma inimigo,
para que o vexas e sintas coma irmá e compañeira.
Quérote tanto!
Ábreme, por favor cho pido!
 
Ábreme a porta, amiga/o,
comamos xuntos, bebamos xuntos,
enredémonos xuntos,
soñemos xuntos,
convertamos xuntos este mundo de illotes decadentes
nun espazo familiar denso
onde abunde o pan e reine a ledicia,
onde a dita de vivir
se espalle coma unha onda de esperanza
polos rostros angustiados dos meus fillos/as máis pisados/as.
Quérote tanto!
Ábreme, por favor cho pido!
 
Ábreme, que somos un,
que sen ti nin podo nin sei vivir!
Que te levo escrito/a na palma da man,
debuxada/o no meu corazón con trazos de tenrura,
á espera da hora ditosa do amor
cando o mundo estoupe en luces de mil cores
a forza de tanto mirar un pola outra!
Quérote tanto!
Ábreme, por favor cho pido,
que vou, meu amor, dentro de ti,
que vas, meu amor, dentro de min!
 
Acción
 
A Trindade fálanos da condición familiar, comunitaria do mesmo Deus, que el quere compartir e realizar tamén en nosoutros. Bo día para fomentar relacións, visitando, falando, compartindo; bo día para valorar a nosa participación no común, sexa cal sexa o lugar e forma desa participación.
 

 
27 de maio: Luns da 8ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Eclo 17, 20-28. Salmo: 31, 1-2. 5. 6. 7
Ano 2: 1ª lectura 1 Pe 1, 3-9. Salmo:110, 1-2. 5-6. 9 e 10c
 
Evanxeo: Mc 10, 17-27
 
Nunha ocasión, no preciso momento en que Xesús se puña en camiño, chegou un a correr, axeonllouse diante del e preguntoulle:
—Mestre bo, ¿Qué teño que facer para acadar a vida eterna?
 
Xesús contestoulle:
—¿E por que me chamas bo? Ninguén e bo, fóra de Deus. Xa sabes os mandamentos: Non mates, non cometas adulterio, non roubes, non deas falso testemuño, non defraudes, honra o teu pai e máis a túa nai.
 
El respondeu:
—Mestre, todas esas cousas gardeinas dende a miña mocidade.
 
Entón Xesús pousou nel a súa ollada chea de cariño e engadiu:
—Aínda che falta unha cousa: vai, vende todo o que tes e repárteo entre os pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois ven e sígueme.
 
Ante estas palabras mudóuselle o rostro e marchou desconsolado, pois tiña moitos bens.
 
Xesús, mirando todo arredor, díxolles aos discípulos:
—¡Que difícil lles vai ser aos ricos entrar no Reino de Deus!
 
E os discípulos ficaron moi sorprendidos por estas palabras. Pero Xesús volveu a insistir:
—Fillos, ¡que difícil é entrar no Reino de Deus! É máis doado para un camelo pasar polo ollo dunha agulla, do que para un rico entrar no Deino de Deus.
 
Eles, aínda moi asombrados, comentaban entre si:
—Entón, ¿quen se vai poder salvar?
 
Xesús, mirando para eles fixamente, dixo:
—Si, para a xente é imposible, pero non para Deus, pois todo é posible para Deus.
 
Meditación
 
Quedou desconsolado o home aquel que se achegou a Xesús preguntándolle qué máis tiña que facer para ter unha vida densa, feliz, redonda, eterna. Pensando, seguro, que os moitos bens que tiña eran unha bendición de Deus, ¡cómo os ía repartir entre a xente necesitada e logo seguir a Xesús! Tamén os discípulos, escoitando a proposta de Xesús, se quedaron sorprendidos, asombrados. E seguro que todos e todas nós tamén.
 
Normalmente pensamos que ter vida con éxito, ter éxito na vida, é cuestión de acumular cousas: cultura, bens, diñeiro, vivendas, bo nome, fama, poder… Encher, encher, encher. En cambio a proposta de Xesús vai por baleirar, baleirar, baleirar. Baleirarnos por dentro e por fóra, para que dentro de nós quede espazo para a demais xente, para a solidariedade, para o comunitario, para o amor, para Deus, que é quen promove en nós todas estas cousas. ¿Hai que ser, logo, unha xente parva, analfabeta, miserable, para ser bo seguidor de Xesús? Non, porque hai unha cultura, un consumo, un manexo dos cartos, un uso da autoridade e aínda do poder desde a solidariedade e para a solidariedade.
 
A todas e todos se nos fai difícil entendelo e vivilo. Practicándoo é cando empezamos a ver que si, que é certo, que aí hai vida da boa, da que nunca remata.
 
Oración
 
Xesús, eu fíome de ti.
Aínda que me custe entenderte,
eu fíome de ti.
Aínda que o instinto me leve a sentirme seguro
rodeándome de cousas, de afectos de todo tipo,
fíome de ti.
Aínda que toda a propaganda me asegure
que só hai felicidade no moito ter e consumir,
eu fíome de ti.
Aínda que na Igrexa te anunciemos pobre
e con frecuencia te vivamos con gusto desde a riqueza,
eu fíome de ti.
E ao teu carón quero andar o prometedor camiño
que polo baleiro e a nada leva á solidariedade e á plenitude.
Xesús, coas miñas resistencias, fíome de ti.
 
Acción
 
Igual estamos pechados/as aos demais no tema dos cartos, ou non deixamos que ninguén ocupe o noso tempo de ocio, ou nunca imos a algunha charla sobre os problemas que outra xente poida ter, ou nunca participamos nunha manifestación apoiando algo xusto, ou nunca lemos o Evanxeo para poder coñecer ben as propostas de Xesús. Seguro que poderemos facer algo nalgún destes sentidos, sos ou en grupo.
 

 
28 de maio: Martes da 8ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Eclo 35, 1-15. Salmo: 49, 5-6. 7-8. 14 e 23
Ano 2: 1ª lectura: 1 Pe 1, 10-16. Salmo: 97, 1. 2-3ab. 3c-4
 
Evanxeo: Mc 10, 28-31
 
Nunha ocasión Pedro púxose a dicirlle a Xesús:
—Pois nós deixámolo todo e seguímoste.
 
Dixo Xesús:
—Tende por seguro que non hai ninguén que deixe casa ou irmáns ou irmás, ou nai ou pai, ou fillo ou leiras por causa miña e polo Evanxeo, que pase sen recibir agora cen veces máis en casas, irmáns, irmás, nai, pai, fillos e leiras, aínda que con persecución, e que no mundo futuro non reciba a vida eterna. E moitos que son os primeiros serán os últimos e moitos que son os últimos serán os primeiros.
 
Meditación
 
O evanxeo de hoxe é continuación do de onte. Ante a proposta de Xesús de deixalo todo para seguilo, Pedro afirma que o grupo de seguidores e seguidoras de Xesús deixárono todo e seguírono. Pensamos que a resposta de Xesús non hai que tomala ao pé da letra, como se quen deixe algo por seguilo vaia recibir unha chea de cousas. Baleirarse para encherse de máis cousas do mesmo tipo non tería sentido ningún.
 
Quen pola causa de Xesús se desprende de todas esas seguridades, ás que normalmente estamos tan atados, acaba atopando unha seguridade máis fonda que sustenta toda a súa vida; quen pola causa de Xesús enuncia a esas ofertas de benestar e felicidade, acaba atopando un benestar e unha felicidade maior, que non fraquea nin que teñamos que pasar por momentos de aperto. É esta unha fonda sabedoría de vida, que podemos aprender a vivir seguindo a Xesús.
 
Oración
 
Xesús, teño tanto que aprender de ti!
Hai tantas cousas túas que me descolocan!
Aquí estou en silencio ao teu carón.
Como todo home ou muller buscando fontes.
Como todo home ou muller soñando felicidades.
Xesús, teño tanto que experimentar contigo!
Aquí estou ao teu carón co corazón aberto.
Disposta a camiñar ao teu lado,
comprometido a amar e servir no que poida,
sentada a gusto entre as últimas.
Xesús, fai de min un instrumento dos teus soños.
 
Acción
 
Seguro que entre nós hai algunhas persoas desas que, para a opinión xeral, son das últimas. Fai o que poidas por pasar hoxe algún tempo con algunha delas. Faino co pensamento, co corazón de Xesús.
 

 
29 de maio: Mércores da 8ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Eclo 36, 1-2a. 5-6. 13-19. Salmo: 78, 8. 9. 11. 13
Ano 2: 1ª lectura: 1 Pe 1, 18-25. Salmo: 147, 12-13. 14-15. 19-20
 
Evanxeo: Mc 10, 32-45
 
Unha vez os discípulos subían camiño de Xerusalén e Xesús ía diante deles; os discípulos asombrados ían tras del con medo. El levou á parte aos Doce e empezou a falarlles o que lle ía acontecer:
—Vede que subimos a Xerusalén e van entregar o Fillo do Home aos sumos sacerdotes e máis aos letrados; condenarano a morte e entregarano aos pagáns; burlaranse del, cuspiranlle, azoutarano e logo matarano, pero aos tres días ha resucitar.
 
Achegáronselle os fillos de Zebedeo, Santiago e Xoán, e dixéronlle:
—Mestre, nós queriamos que nos fixeses o que che imos pedir.
 
El preguntou:
—¿E logo que é o que queredes que vos faga?
 
Contestáronlle:
—Concédenos que na túa gloria sentemos un á túa dereita e outro á túa esquerda.
 
Respondeulles Xesús:
—Vós non sabedes ben o que pedides. ¿Seredes capaces de beber o cáliz que eu teño que beber e recibir o bautismo que eu teño que recibir?
 
Respondéronlle:
—Somos.
 
Xesús replicou:
—O cáliz que teño que beber si que o beberedes, e tamén recibiredes o bautismo que eu teño que recibir, pero o sentardes á miña dereita ou á miña esquerda iso non depende de min o concedelo, senón que é para quen está reservado.
 
Ao escoitaren isto, os outros anoxáronse con Santiago e con Xoán. Entón Xesús chamounos e díxolles:
—Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. Pero entre vós nada diso: quen queira ser importante entre vós que sexa o voso servidor, e quen queira ser o primeiro entre vós que sexa escravo de todos; porque o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entregar a súa vida en rescate por todos.
 
Meditación
 
Chama a atención a celeridade de Xesús camiñando cara a Xerusalén, onde sabía que o agardaba o conflito, a morte. Que de cousas fondas, esas que collen a vida toda, ían rebulindo na cabeza e no ánimo de Xesús! Compárteas cos discípulos que o acompañan, pero estes non entenden nada. Estaban asentados no vello esquema do poder, do mando, do señorío. Levaban xa un tempo con Xesús, pero non entraran no seu mundo, nos seus soños e proxectos. Así o transmiten os dous que lle piden honores, e así o transmiten os outros que se anoxan por unha pretensión á que tamén se consideran chamados.
 
Seguro que tampouco nós entendemos o de Xesús. É posible que saibamos repetir coa palabra os ditos de Xesús: quen queira ser importante que se faga persoa servidora, e quen queira ser primeiro/a, que se faga coma escravo de todos. Pero con moita frecuencia quedámonos na palabra. Xesús viviuno. Realmente andou entre nós como servidor ata morrer como tal por todos/as nós.
 
Oración
 
Que as túas palabras entren en min, Xesús,
e mobilicen todo o meu ser.
Que as túas palabras, feitas vida en ti,
se fagan vida tamén en min,
algo polo menos, Xesús.
Que asuma as dores de quen serve,
sen renunciar por iso ao servizo.
Que descubra o gozo de servir,
para facelo con paz, humildemente.
Que grande fuches no teu servizo, Xesús,
que humilde e marabilloso fuches!
 
Acción
 
Seguro que entre nós hai algunhas persoas desas que, para a opinión xeral, son das últimas. Fai o que poidas por pasar hoxe algún tempo con algunha delas. Faino co pensamento, co corazón de Xesús.
 

 
30 de maio: Xoves da 8ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Eclo 42, 15-16. Salmo: 32, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9
Ano 2: 1ª lectura: 1 Pe 2, 2-5. 9-12. Salmo: 99, 2. 3. 4. 5
 
Evanxeo: Mc 10, 46-52
 
Nunha ocasión, ao saír Xesús de Iericó cos seus discípulos e outra moita xente, o fillo de Timeo, Bartimeo, que era cego, mendigaba sentado a carón do camiño. Oíndo que pasaba Xesús o Nazareno, púxose a gritar e a dicir:
—Fillo de David, Xesús, ten piedade de min!
 
Xesús detívose e dixo:
—Chamade por el.
 
Chaman entón polo cego e dinlle:
—Veña, érguete, que te chama!
 
El, deixando o seu manto, veu dando brincos ata onde estaba Xesús. Este preguntoulle:
—Que queres que che faga?
 
O cego respondeulle:
—Mestre, que volva ver.
 
Xesús díxolle:
—Vai, a túa fe salvoute.
 
E no intre comezou a ver e seguíao polo camiño.
 
Meditación
 
O relato que acabamos de ler ben pode ser coma unha parábola en vivo do que nos pode acontecer a calquera de nós en múltiples circunstancias da nosa vida. Todos, todas somos dalgunha maneira pobres cegos que estamos a pedir á veira do camiño da vida. A fraxilidade envólvenos por todas as partes, por moito que nos creamos ás veces os reis do mundo. Podemos ser conscientes desta fraxilidade nosa e estender a man a quen pasa, berrar, pedir, solicitar axuda. Soamente dando e recibindo solidariedade podemos facernos fortes na fraxilidade. E iso de forma persoal ou de forma institucional, pola mediacións sociais, políticas das nosas sociedades.
 
Pero polo camiño da vida tamén pasa unha persoa excepcional, que é Xesús o Nazareno. Ditosos nós, homes e mulleres que de cerca ou de lonxe temos oído del, da súa vontade fondamente curadora! Ditosos nós, homes e mulleres, se temos a humildade, a ousadía, a confianza, a fe, para dirixirnos a el e presentarlle os nosos desexos de reparación daquilo no que nos sintamos humanamente feridos. Por Xesús non ha quedar a cousa. A súa dispoñibilidade é máxima. ¿Teremos nós confianza abonda para deixarnos envolver por el, polo seu Espírito, en procesos de reconstrución das nosas vidas?
 
Oración
 
Xesús,
que volva ver.
Que os meus ollos
me permitan verme
fillo de Deus contigo,
inmenso na miña dignidade.
Que os meus ollos
descubran en calquera veciño ou veciña
un irmán ou irmá miña contigo,
en irmandade universal.
Que os meus ollos
te vexan a ti, Xesús,
como quen abre en min, en nós,
fondos camiños de vida.
Que os meus ollos,
iluminados por ti,
me leven a seguirte
disposta/o a todo.
 
Acción
 
¿Vemos algo en nós necesitado de remedio, de mellora? Podémolo tratar amigablemente con Xesús. ¿Vemos a alguén necesitado de apoios de calquera tipo na vida? Podemos facer algo de Xesús para el.
 

 
31 de maio: Festa da Visitación de Santa María
 
1ª lectura: Sof 3, 14-18. Salmo: Is 12, 2-3. 4bcd. 5-6
 
Evanxeo: Lc 1, 39-56
 
Naqueles mesmos días saíu María con moita présa camiño da montaña, a unha vila de Xudea. Entrou na casa de Zacarías e saudou a Sabela. E en oíndo Sabela o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, exclamou Sabela a grandes voces:
—Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre. Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? Pois ao que chegou o teu saúdo aos meus oídos, brincou de alegría a criatura no meu ventre. Ditosa ti, que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!
 
Entón María exclamou:
 
A miña alma proclama a grandeza do Señor, e alégrase o meu espírito en Deus, o meu Salvador, porque reparou na súa humilde escraviña.
 
Velaí, desde agora todas as xeracións me van felicitar, porque o Poderoso fixo en min marabillas. Santo é o seu nome! A súa misericordia chega sempre a toda a xente que o honra.
 
Manifesta todo o seu poder desbaratando os plans dos soberbios. Derruba os poderosos do seu trono e fai subir os humildes; enche de ben os famentos e despide baleiros os ricos.
 
Ampara a Israel, o seu servo, lembrándose da súa misericordia, conforme prometera aos nosos pais, en favor de Abraham e da súa descendencia para sempre.
 
María permaneceu con ela (Sabela) tres meses e logo volveu para a súa casa.
 
Meditación
 
Todo se move entre visitas, saúdos, alegrías, bendicións e agradecementos. Todo é así por parte de dúas mulleres, María e Sabela, que entraron na roda misteriosa de Deus e se fixeron servidoras dela. Unha roda que repara sempre no humilde, que o escolle con preferencia para facer del o berce dun futuro novo para as persoas, para as comunidades, para os pobos. É o estilo permanente de Deus, que na visitación de María queda tanto de manifesto.
 
¿Andamos nós así enredados no estilo de Deus? ¿É o noso estilo andar de visitas, de coidados, de compartir experiencias, de motivarnos mutuamente, de empuxarnos á ledicia e á esperanza, de cantar e bailar doadamente as sortes da xente desherdada da terra, de levar a Deus como fonte de todo no fondo de todos e cada un dos nosos movementos? ¿É o noso estilo contaxiar isto a quen nos vexa, a quen nos trate, na familia, na comunidade cristiá, no mundo laico no que nos movamos?
 
Oración
Bendita sexas, María,
pola présa que levabas
para ver a túa prima!
Bendita sexas, María,
polo neno que no ventre
anunciaba xa ledicias.
Bendita sexas, María,
que a todos nos contaxias
a túa fe sen medida.
Bendita sexas, María,
señora de canto e baile
en honor do Deus da vida.
Bendita sexas, María,
falándonos do Deus grande
que a humilde prefería.
Bendita sexas, María,
o mundo cheo de esperanza,
da que ti es profecía.
Acción
 
Hoxe podemos imitar algo a María, indo visitar a algunha persoa para compartir algo do máis fermoso que levemos dentro de nós, polo que alegrarnos e festexar algo xuntas.
 

 
1 de xuño: Sábado da 8ª semana do Tempo Ordinario
 
Ano 1: 1ª lectura: Eclo 51, 17-27. Salmo: 18, 8. 9. 10. 11
Ano 2: 1ª lectura: Xds 17, 20b-25. Salmo: 62, 2. 3-4. 5-6
 
Evanxeo: Mc 11, 27-33
 
Naquel tempo cando Xesús e os seus discípulos chegaron de novo a Xerusalén e mentres andaba polo templo, foron onda el os sumos sacerdotes, letrados e senadores e preguntáronlle:
—¿Con que autoridade fas esas cousas? ¿Quen che deu tal autoridade?
 
Xesús respondeulles:
—Vouvos facer unha pregunta nada máis e, se ma respondedes, dígovos eu con que autoridade fago estas cousas. O bautismo de Xoán ¿era cousa de Deus ou dos homes? Respondede.
 
Eles razoaban entre si, dicindo: se respondemos que é de Deus, vainos dicir: ¿e por que, logo, non o crestes? Pero ¿cómo imos responder que é dos homes? (Porque tíñanlle medo ao pobo, porque todo o mundo tiña a Xoán por profeta.) E respondéronlle a Xesús:
—Non sabemos.
 
Xesús replicoulles:
—Pois eu tampouco non vos digo con que autoridade fago estas cousas.
 
Meditación
 
Cando lle preguntan a Xesús “¿con que autoridade fas esas cousas?”, refírense neste caso ao comportamento de Xesús do día anterior tirando mesas, berrándolle aos tendeiros, reclamando respecto pola casa de Deus como casa de oración e non de negocio. ¿Quen lle daba realmente autoridade a Xesús para facer tales cousas? Pois non outra cousa, creemos, que ser un home fondamente libre, porque era un home fondamente asentado en Deus e no seu Espírito. Onde hai amor, hai liberdade. Por iso os homes e mulleres que son fondamente de Deus desconcértannos moitas veces con palabras e con decisións que rompen moito coas rutinas ás que estamos afeitos; que rompen moito tamén, sobre todo, con abusos, excesos, desprezos de todo tipo, cos que convivimos case se nos decatar.
 
Todas, todos estamos invitados por Xesús a participar nesta súa autoridade; a sermos persoas ben asentadas en Deus, e desde aí ser libres, superar medos, ousar falar, protestar, defender a verdade das cousas, da vida, dos feitos relixiosos, de todo.
 
Oración
Quéresnos libres, Xesús,
persoas libres e ousadas.
Pero canto medo hai dentro de nós
a ser verdadeiramente libres,
verdadeiramente nós!
Quéresnos libres, Xesús,
cunha identidade cimentada
na nosa máis fonda e limpa verdade,
no Deus maior que nos quere simples como somos,
pero amplas e expansivas como tamén somos.
Quéresnos libres, Xesús,
para falar e actuar en verdade,
de acordo co que sentimos,
de acordo co que queremos,
sen medos,
sen covardías,
a proba de críticas e desprezos.
Quéresnos libres, Xesús,
pero ben ves que receamos selo,
que preferimos vivir na cómoda escravitude,
na cómoda docilidade.
Pobres de nós!
Acción
 
Seguramente hai cousas nas que non nos sentimos libres, nas que actuamos pola presión social, polo que dirán. Podemos pensar nalgunha cousa desas e decidirnos a dar un paso adiante na nosa liberdade, actuando sen lle ter medo ao que diga a xente.

Accede á revista

Encrucilla 233

Xa es subscritor/a?